From Wikipedia, the free encyclopedia
A Unión Deportiva Salamanca, S.A.D., foi un club de fútbol español da cidade de Salamanca. Foi fundado en 1923 e compitiu 13 tempadas en Primeira División. Desapareceu en 2013.
Nome | Unión Deportiva Salamanca, S.A.D. | ||
---|---|---|---|
Alcume(s) | Charros Unionistas | ||
Fundación | 16 de marzo de 1923 (101 anos) | ||
Desaparición | 18 de xuño de 2013 | ||
Estadio | Helmántico, Salamanca, España | ||
Inauguración | 1970 | ||
Capacidade | 17.341 | ||
|
A Unión Deportiva Salamanca, S.A.D. (tamén coñecida polos afeccionados como a UDS ou a Unión), foi fundada o 16 de marzo de 1923 baixo o nome de Unión Deportiva Española e o seu estadio era o Campo do Calvario, que estaba situado no Barrio de San Bernardo, preto do cemiterio salmantino. O fundador e primeiro presidente foi Federico Anaya, o alcalde da cidade naqueles anos. Por ordes da Segunda República, o club vese obrigado a cambiar o nome a Club Deportivo Salamanca, aínda que duraría pouco tempo tal denominación, xa que o 15 de xaneiro de 1932, con José Tejero Ruiz como presidente, o equipo pasa a chamarse finalmente Unión Deportiva Salamanca. Durante os seus primeiros anos, o equipo xogaba os Campionatos Rexionais, e é no ano 1936 cando o equipo consegue ascender a Segunda división, pero o debut na categoría tivo que esperar debido a que o 18 de xullo de 1936 dá comezo a guerra civil española, paralizando durante tres anos toda competición deportiva.
A mediados do século XX, as andainas do club estaban marcadas por ascensos e descensos entre Terceira división e Segunda división. Foi nesta etapa, na que o adestrador Soler conseguiu dúas Copas de España de Afeccionados (57/58 e 58/59). A finais dos 60, con Augusto Pimenta de Almeida como presidente, decídese vender a maioría dos terreos do antigo estadio e construír un máis grande para as esixencias do equipo. É así como decídese comprar os terreos de Prados Panaderos no termo municipal de Villares da Raíña para construír o Estadio Helmántico, así como unha serie de pistas anexas ao mesmo. O 8 de abril de 1970 é inaugurado o estadio, aínda que o equipo ese ano non puido manter a categoría e descendeu a Terceira división.
En 1972, aínda na categoría de bronce, é contratado José Luís García Traid como adestrador. Con el no banquiño, o equipo logra dous ascensos consecutivos, de forma que na tempada 73/74 e baixo a presidencia de José Luís Paniagua, o equipo xogaría por primeira vez na súa historia en Primeira división.
Foi unha época dourada para o equipo charro, durante sete tempadas o equipo conseguiu permanecer na elite do fútbol español e nalgunhas desas campañas rozando competición europea. Outro éxito do conxunto charro foi a de conseguir acceder a semifinais de Copa do Rei na tempada 76/77. Despois do descenso, só xogou na tempada 81/82 en Segunda división, xa que o equipo volveu ascender da man de Manuel Villanova Rebollar como técnico e de Francisco Ortiz de Urbina Díez como presidente.
A década dos 80 estivo marcada pola caída do equipo, tras dous descensos consecutivos, á categoría de bronce nacional, esta vez a Segunda B, que se empezou a disputar no ano 77, na que estivo tres anos ata lograr o ascenso. Repetiuse a historia a principios da década dos 90, na que se volveu a militar outros tres anos en Segunda B, debido ás malas actuacións do equipo na fase de ascenso. Foi a época na que se empezou a tramitar a conversión do club a Sociedade Anónima Deportiva, que se concretou o 25 de xuño de 1992, cando o presidente Juan José Hidalgo Acera, fixo efectivo o pago dos 81 millóns de pesetas que restaban para cubrir o capital. Desde entón o club denomínase Unión Deportiva Salamanca, Sociedade Anónima Deportiva.
Juan Manuel Lillo foi o encargado de dirixir ao equipo outra vez ata a Primeira división. Colleu ao equipo na categoría de bronce e conseguiu dous ascensos consecutivos, o último, nun partido histórico no que a UDS remontou un 0-2 en contra no Helmántico contra o Albacete, para superar a eliminatoria no Carlos Belmonte cun contundente 0-5, o que fixo que as rúas da capital salmantina enchésense de afeccionados para celebrar o ansiado ascenso. Non durou moito o soño. O equipo quedou último clasificado no seu regreso á elite, polo que volveu descender. Pero o equipo conseguiu outro ascenso na tempada seguinte, esta vez da man de Andoni Goikoetxea, trás vencer a domicilio na última xornada con outro avultado resultado: 0-4 ao Deportivo Alavés.
No regreso do equipo a Primeira conseguiuse a permanencia. Nesta tempada, a Unión sería recordada como mataxigantes da categoría, tras goleadas e espectaculares remontadas contra equipos grandes da Liga no Helmántico, como 4-3 ao Barcelona de Rivaldo e compañía, ou 5-4 ao Atlético de Madrid de Vieri. A permanencia logrouse no último encontro, con Txetxu Rojo no banquiño, ao vencer 1-4 no Nou Camp. Pero a seguinte tempada non foi tan boa para os intereses dos charros. O equipo chegou a ter varios adestradores, pero non se conseguiron bos resultados ata que o equipo estivo matematicamente descendido. A punto estívose de lograr ascender na campaña seguinte, a 99/00, pero o equipo desperdiciou unha gran renda de puntos e acabou 4º clasificado, que non lle daba o ansiado ascenso. A principios do novo milenio, as andainas do equipo foron discretas actuacións en Segunda, ata que na tempada 04/05 prodúcese un novo descenso do conxunto albinegro. Esta vez, o equipo só estaría un ano no pozo da categoría do bronce.
Na tempada 06/07, o equipo milita en Segunda división, tras ascender na campaña anterior da man do técnico Javi López. Na tempada 2010/11 descende novamente a Segunda B.
O 18 de xuño de 2013 os administradores concursais que xestionaban a Unión Deportiva Salamanca, despois de que se acollese a un concurso de acredores, deron por liquidada a sociedade.[1]
O escudo da Unión Deportiva Salamanca ten forma circular e está dividido en dúas metades. Na parte superior da división podemos atopar un balón de fútbol de principios do século XX. Na parte dereita lense as siglas UDS, que fan referencia ao nome do club: Unión Deportiva Salamanca. Na parte esquerda atópase a ponte romana da cidade, construído no século I, e debaixo del o río Tormes. Sobre a ponte hai un touro e unha enciña, ambos símbolos representativos da provincia. O escudo data do ano 1932, ano que o equipo adoptou finalmente o nome actual.
O Estadio Helmántico foi fundado o 8 de abril de 1970 e substituíu o seu anterior estadio, o Campo do Calvario. Ten capacidade para 17.341 persoas, todas sentadas, e as súas dimensións son de 105x70 metros. O partido inaugural foi: Unión deportiva Salamanca 0 - 0 Sporting Clube de Portugal.
O filial do Salamanca é a Unión Deportiva Salamanca B, que milita actualmente na Terceira División.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.