futbolista e adestrador arxentino From Wikipedia, the free encyclopedia
Helenio Herrera Gavilán, nado en Buenos Aires o 10 de abril de 1910 e finado en Venecia o 9 de novembro de 1997, foi un futbolista e adestrador arxentino de ascendencia española e naturalizado francés. Considerado un dos mellores adestradores de todos os tempos, desenvolveu a súa carreira principalmente entre España (onde gañou catro ligas e dúas Copas do Rei) e Italia, país no que dirixiu durante case unha década ao Inter de Milán, na época do coñecido como Grande Inter, conquistando tres títulos da Serie A, dúas Copas de Europa consecutivas e dúas Copas Intercontinentais.
Tras unha modesta carreira como futbolista entre Marrocos e Francia, iniciouse nos bancos no país galo en 1944, e logrou o seu primeiro éxito ao ascender co Stade Français á primeira división francesa. En 1948 chegou a España e tras un ano no Valladolid pasou ao Atlético de Madrid, co que gañou dúas ligas consecutivas e a Copa Eva Duarte. A continuación pasou polo Málaga e o Deportivo da Coruña, sendo contratado pola directiva deste último para tentar salvar o equipo do descenso na fase de permanencia, obxectivo que conseguiu tras derrotar no derbi da última xornada ao Celta de Vigo en Balaídos.
Entre 1953 e 1957 adestrou o Sevilla, obtendo bos resultados na liga e disputando unha final de Copa. A continuación marchou a Portugal, onde adestrou ao Os Belenenses, para evitar unha sanción que recibira no Sevilla, e regresou a España en 1958, fichando polo FC Barcelona. No club catalán converteu ao coruñés Luis Suárez no eixo do equipo e gañou dúas ligas consecutivas, unha Copa do Xeneralísimo e dúas Copas de Feiras.
En 1960 comezou a súa etapa no Inter de Milán, que durou ata 1968. Alí pediu a fichaxe de Luis Suárez, e xa co centrocampista galego no equipo, e xunto a outros destacados futbolistas como Tarcisio Burgnich, Giacinto Facchetti, Armando Picchi, Mario Corso ou Sandro Mazzola, o Inter converteuse nun dos grandes dominadores do fútbol europeo e mundial da súa época, gañando dúas Copas de Europa seguidas nas tempadas 1963/64 e 1964/65 (contra Real Madrid e Benfica respectivamente), así como dúas Copas Intercontinentais e tres ligas, e de disputar unha terceira final da Copa de Europa na 1966/67, perdendo contra os Lisbon Lions do Celtic de Glasgow.
Paralelamente aos seus cargos de adestrador no Barcelona e no Inter, traballou tamén como adestrador nas seleccións de España e Italia, participando coa española no Mundial de 1962 en Chile. Tras deixar o Inter adestrou á Roma, coa que gañou unha Copa Italia, e posteriormente regresou brevemente ao banco do Inter e pasou dúas veces polo Rimini, tamén de xeito breve.
Alcumado "O Mago" ou "H.H.", polas súas iniciais, foi un innovador en moitos aspectos do xogo e dos adestramentos e un pioneiro no uso de habilidades de motivación psicolóxica. Popularizou o catenaccio, o sistema de xogo de corte defensivo co que triunfou no Inter de Milán, e que foi amplamente utilizado en Italia nas seguintes décadas, así como a figura do líbero.
Herrera foi o primeiro adestrador en levar os méritos das actuacións dos seus equipos,[1][2] acumulando máis fama que os propios futbolistas e converténdose nunha estrela no mundo do fútbol. A súa fama procedía non só dos seus éxitos deportivos, senón tamén do seu carisma, o seu carácter e a súa relación coa prensa e con outras personalidades do fútbol, mantendo continuas polémicas e enchendo titulares nos xornais.
O seu estilo e tácticas influenciaron a numerosos adestradores posteriores, entre eles Juan Carlos Lorenzo, Antonio Durán ou Arsenio Iglesias.
Naceu en Buenos Aires, sendo fillo de emigrantes andaluces. O seu pai Francisco, alcumado "Paco o sevillano", era un carpinteiro de ideas anarquistas, mentres que a súa nai, María Gavilán Martínez, era limpadora.[3] Ambos traballaban en Xibraltar e tras sufrir a morte dos seus tres fillos colleron o camiño da emigración cara á Arxentina.[4] Alí naceu Helenio e alí viviron ata 1920, cando a familia abandonou o país suramericano e instalouse en Casablanca, que entón formaba parte do Marrocos francés. Na cidade marroquí comezou Helenio a súa carreira como futbolista ao tempo que traballaba en diferentes oficios e tamén para grandes empresas como Citröen e Saint-Gobain.[3][4]
Xogaba como defensa central, e en 1932, despois de xogar no Racing de Casablanca, trasladouse á Francia continental para fichar polo CASG Paris. Antes do comezo da Segunda guerra mundial xogou no Stade Français, no FCO Charleville (onde foi convocado dúas veces para a selección francesa) e no Excelsior Roubaix. Durante a guerra, xogou no Red Star Paris, Stade Français, EF Paris-Capitale e Puteaux, comezando neste último a súa carreira nos bancos en 1944 como xogador-adestrador. Retirouse como futbolista en 1945.
Despois da súa primeira experiencia como adestrador en Puteaux regresou en 1945 ao Stade Français, comezando a súa terceira etapa no club, a primeira como técnico. Permaneceu tres anos no equipo, ascendendo á Primeira División e obtendo dous quintos postos. Alí tivo ás súas ordes entre outros a Larbi Ben Barek e Marcel Domingo.[4] En 1948 trasladouse a España, onde traballaría durante a seguinte década.
O seu primeiro equipo español foi o Real Valladolid, que viña de ascender a Primeira co técnico Antonio Barrios. Con Herrera no banco o equipo de Valladolid mantívose durante boa parte da tempada pola parte media da táboa, ata que perdeu posicións na parte final da campaña, rematando cun só punto por riba dos postos de descenso. Xa nesa súa primeira tempada, as súas tácticas e estilo comezaron a gañar fama no fútbol español e foi elixido pola Federación Española para dirixir a nova Escola de Preparadores.[5][6] Con todo, non se lle ofreceu o posto de seleccionador, e unhas declaracións súas queixándose disto, fixeron que a Federación acabase por prescindir dos seus servizos.[7]
A finais de abril de 1949 asinou como novo adestrador do Atlético de Madrid,[8] club co que conseguiría nos anos seguintes os seus primeiros títulos, dirixindo a un cadro de xogadores entre os que destacaban os seus antigos pupilos no Stade Français Marcel Domingo e Ben Barek, así como Mújica, Silva, Juncosa, Escudero ou Carlsson.[9] O equipo comezou mal a tempada 1949/50 e tras caer goleado por 6-0 en Mestalla rematou a primeira volta só dous postos por riba do descenso. Con todo, na segunda volta só perdeu un encontro e sumou varias goleadas, entre elas un 5-1 contra o Real Madrid e un 6-1 contra o Deportivo da Coruña, proclamándose campión de liga na última xornada, cun punto de vantaxe sobre o propio Deportivo, adestrado por Scopelli. Disputou tamén a Copa Latina, reforzado cos futbolistas Babot, Lesmes II, Olmedo e Pahiño, rematando no terceiro posto despois de perder contra o Girondins de Bordeos e derrotar á Lazio no estadio Jamor de Oeiras.[10]
Na seguinte tempada e co mesmo bloque de xogadores, o Atlético mantivo un duelo co Sevilla, intercambiándose a primeira praza varias veces durante a liga, ata que finalmente se proclamou campión o equipo de Herrera, sumando o cuarto título de liga para o club. O equipo destacou pola súa habilidade goleadora, marcando ata en cinco xornadas 6 ou máis goles, incluído un 9-1 contra o Racing de Santander, e derrotou contundentemente ao seu máximo rival, o Real Madrid, tanto na ida (3-6), como na volta (4-0). Xogou a Copa Eva Duarte contra o Athletic de Bilbao, rematando o encontro con resultado de 5-5, polo que se disputou un partido de desempate, no que a vitoria foi para o club vasco.[11] Ademais volveu quedar terceiro na Copa Latina, despois de perder contra o Milan e de gañar ao Sporting de Portugal no estadio Giuseppe Meazza.
Na tempada 1951/52 rematou cuarto na liga, pero sumou o seu terceiro título co Atlético, a Copa Eva Duarte, despois de vencer ao FC Barcelona por 2-0 en Chamartín.[12] No seu cuarto ano en Madrid comezou a tempada con seis vitorias nas oito primeiras xornadas, pero a continuación apañou sete derrotas nas nove seguintes xornadas, polo que foi destituído en xaneiro de 1953.[13][14]
Poucos días despois de ser cesado polo Atlético foi contratado polo CD Málaga,[15] que ocupaba postos de descenso a Segunda, e ao que non puido salvar da perda de categoría a pesar da mellora no xogo do equipo.[4] Durante a súa estancia en Málaga realizou unhas polémicas declaracións na radio, acusando ao Deportivo da Coruña de ter amañado o seu encontro fronte ao Oviedo, prexudicando así ao Málaga. As súas palabras provocaron unha grande indignación na Coruña e unha sanción por parte do Comité Nacional de Competición, que o suspendeu das súas funcións.[16][17]
A pesar do enfado que produciron na Coruña as súas declaracións e de que o presidente do Deportivo, Rafael Salgado, fixera presión para que a Federación o sancionase, só un mes despois foi contratado polo propio club coruñés para tentar evitar o descenso a Segunda.[18] O Deportivo estaba disputando a promoción de permanencia nun grupo xunto a outros cinco equipos, e viña de destituír a Fernando Fariña despois de non gañar ningún dos dous primeiros partidos. O debut de Herrera á fronte do Deportivo deixou unha vitoria por 1–0 ante o Avilés, pero os seguintes compromisos, ante Hércules e Celta de Vigo, o segundo deles en Riazor, saldáronse con derrota. O Dépor era último ao final da primeira volta,[19] pero a continuación conseguiu tres vitorias nos catro seguintes partidos, colocándose terceiro.[20]
Disputou o derradeiro partido en Vigo, precisando un triunfo para manterse na categoría, ou un empate en caso de que o Tetuán non gañase. O partido xogouse o 12 de xullo de 1953, e Herrera despregou as súas artimañas para descentrar a un rival tan necesitado como o Deportivo. Os xogadores coruñeses cambiáronse sen présa, mentres o Celta xa agardaba no céspede de Balaídos, pese ao frío orballo que caía. O árbitro fixo soar varias veces o timbre do vestiario, pero Helenio Herrera ordenou tapalo cun pano para que soase menos.[21] Finalmente o partido comezou con 20 minutos de atraso, e aos 19 minutos o Deportivo xa vencía por 0 a 2, tantos de Corcuera e Oswaldo. O Celta recortou distancias á media hora, pero antes do descanso, Arsenio logrou o 1 a 3 definitivo, que lle deu a permanencia ao Deportivo. Ao seu regreso á Coruña, Herrera foi levado a ombreiros polos afeccionados deportivistas.[22][23]
Tras salvar o Deportivo do descenso fichou polo Sevilla, onde dirixiu a mitos do club como Busto, Marcelo Campanal, Ramoní, Loren, Doménech, Arza ou Araujo. Estivo catro anos á fronte do club, revolucionando o seu estilo de xogo e pasando á historia como un dos mellores adestradores que pasaron polo equipo.[24]
Nas súas tres primeiras tempadas obtivo un quinto e dous cuartos postos na liga, e conquistou a 9º edición do prestixioso Trofeo Teresa Herrera,[25] así como as primeiras edicións do Ramón de Carranza. Na Copa do Xeneralísimo de 1955 acadou a final, despois de eliminar ao Valencia en cuartos de final e ao Real Madrid nas semifinais. Na final, disputada contra o Athletic Club en Chamartín, a vitoria foi para o equipo vasco, grazas a un solitario gol de Uribe.[26] Na tempada 1956/57 Herrera levou ao equipo andaluz ao subcampionato de liga, e clasificouno por primeira vez para a Copa de Europa, aproveitando a condición de campión de liga e de Europa do Real Madrid.[24]
A pesar dos seus bos resultados, a súa etapa no Sevilla acabou de xeito abrupto. Trala morte do presidente Ramón Sánchez-Pizjuán, comezou a ter problemas co seu sucesor e coa xunta directiva, e en 1957 tentou que o club rescindise o seu contrato, do que aínda restaban dous anos.[27] O club non accedeu, e tras un amigable contra o Córdoba, o adestrador tivo un notorio enfrontamento cun directivo nos vestiarios, sendo castigado polo club e máis tarde sancionado pola Federación Andaluza cunha suspensión de dous anos.[28][29]
Para evitar a sanción trasladouse a Portugal, onde adestrou ao Os Belenenses durante a tempada 1957/58.[30] Cun equipo no que xogaban entre outros os mozambicanos Vicente Lucas e Matateu ou o galego Picho Suárez, acadou o cuarto posto da Primeira Liga.[31]
O FC Barcelona, que estaba interesado nos seus servizos para substituír a Domènec Balmanya, solicitou a suspensión da sanción do técnico, e para logralo compensou ao Sevilla cun millón de pesetas e a Os Belenenses con 200.000.[4][27] Deste xeito foille levantada a sanción e Herrera regresou a España, chegando a tempo para disputar as dúas últimas xornadas da liga 1957/58, sen posibilidades xa de acadar o liderado.[32] Disputou ademais o partido de volta da primeira final da Copa de Feiras contra unha selección de xogadores de Londres, saíndo vitorioso por 6-0 e levantando así o seu primeiro título europeo.[33] Na Copa do Xeneralísimo eliminou ao Zaragoza e ao Valencia, chegando ata as semifinais, onde caeu fronte ao Athletic Club por un global de 5-4.[4]
Xa na tempada 1958/59, Herrera converteu ao centrocampista galego Luis Suárez no piar do equipo, que logrou destacados resultados na liga, entre eles un 6-0 sobre o Valencia, un 4-0 sobre o Real Madrid e un 5-0 sobre o Atlético de Madrid. O equipo catalán perdeu só tres encontros de liga e acabou por conquistar o título despois de cinco anos de seca. Na Copa do Xeneralísimo, e despois de eliminar con dificultades ao Murcia (cun global de 3-2), o Barcelona goleou ao Sporting de Gijón (6-0) e ao Betis (10-0), para despois vencer nas semifinais ao Real Madrid (7-3) e regresar a unha final de Copa. O encontro disputouse no Santiago Bernabéu ante o Granada, e a vitoria decantouse por 4-1 para o equipo barcelonés, gañando así Herrera a súa primeira Copa do Xeneralísimo.
Antes do comezo da tempada 1959/60 viaxou ao Perú e á Arxentina para observar futbolistas e regresou con tres contratacións: Miguel Loayza, Juan Seminario e Carlos Medrano.[34] De novo con Luis Suárez como organizador do xogo, e cos goles de Eulogio Martínez e Evaristo, o Barcelona conseguiu revalidar o título de liga, empatado a puntos co Real Madrid. O 3 de setembro de 1959 Helenio Herrera entrou na historia do FC Barcelona como o adestrador que dirixiu o primeiro encontro do club na Copa de Europa, no Estadio Vasil Levski de Sofía contra o CDNA búlgaro (hoxe CSKA).[35] Eliminou ao equipo búlgaro e a continuación ao Milan e o Wolverhampton, pero caeu eliminado nas semifinais fronte ao Real Madrid.[27] Ademais disputou a segunda edición da Copa de Feiras ese ano, proclamándose de novo campión, aínda que abandonou o equipo antes do partido de volta da final.
A pesar dos éxitos deportivos, tivo que afrontar varios problemas no club catalán. A súa decisión de facer de Luis Suárez o eixo sobre o que xiraba o xogo do equipo, obrigouno a quitarlle protagonismo á grande estrela do club, o veterano László Kubala, o que provocou unha forte división na afección entre "suaristas" e "kubalistas, así como o enfado do futbolista húngaro.[36][37][38] Tamén entrou en conflito con outros xogadores, como Czibor,[39] e co secretario técnico, Josep Samitier, que acabou abandonando o club polas pretensións do adestrador de dirixir non só o aspecto deportivo do equipo, senón tamén as contratacións, salarios, etc.[4][40]
Finalmente, foi cesado o último día de abril de 1960, despois de quedar eliminado da Copa de Europa contra o Real Madrid no Camp Nou, na que foi a súa única derrota na casa en máis de dous anos á fronte do equipo.[41][42]
Inmediatamente emigrou a Italia e asinou co Inter de Milán.[43] Alí utilizou unha formación 5–3–2, e modificou unha táctica coñecida como verrou (ferrollo en francés) -utilizada por Karl Rappan- para incluír unha maior flexibilidade nos contraataques, nacendo así o sistema catenaccio. O equipo foi posteriormente alcumado Grande Inter, debido aos éxitos do club durante o período de oito anos de Herrera, que levou ao equipo gañar consecutivamente a Copa de Europa en 1964 e 1965, así como tres títulos da Serie A e dúas Copas Intercontinentais.[44][45]
Na súa primeira tempada na Serie A tivo como pupilos a futbolistas como Buffon, Bolchi, Fongaro, Picchi, Bengt Lindskog ou Aristide Guarneri, e xa tivo os seus primeiros encontróns con algúns xogadores, tal é o caso de Angelillo e Corso.[46][47] O equipo proclamouse campión de inverno,[48] pero perdeu o título na derradeira xornada, despois de caer inesperadamente no estadio Cibali de Catania, nunha derrota que deu orixe á célebre expresión italiana clamoroso al Cibali!.[49] Durante esa tempada Herrera fixo debutar a dous futbolistas que cos anos se converterían en mitos do club: Facchetti e Mazzola.
Dende a súa chegada a Milán, pediu ao presidente do Inter, Angelo Moratti, a fichaxe de Luis Suárez,[36] e convenceuno para que realizase unha grande oferta por el. Esta concretouse finalmente en 250 millóns de liras italianas (uns 25 millóns de pesetas), unha cifra escandalosa para a época, pois era case 100 millóns superior á do traspaso máis caro da historia do fútbol ata aquel entón, o de Omar Sívori do River Plate á Juventus catro anos antes.[50] O Barcelona, afundido en graves problemas económicos, aceptou a oferta.[36][38] Á chegada do centrocampista coruñés sumouse a do dianteiro inglés Gerry Hitchens.
O Inter volveu ser campión de inverno, con cinco puntos de vantaxe sobre o Milán de Maldini, Trapattoni, Rivera e Altafini.[51] Con todo, unha serie de malos resultados na segunda volta fixo que o equipo tivese que conformarse co subcampionato.[52] Na Copa de Feiras o equipo milanés caeu eliminado nos cuartos de final, contra o Valencia de Scopelli. A falta de títulos nas súas dúas primeiras tempadas, o seu carácter e a súa mala relación coa prensa, fixo que o presidente Moratti estivese a punto de despedilo, pero acabou por reconsiderar a situación e darlle outra oportunidade.[53][54]
A tempada 1962/63 comezou con malos resultados, obtendo o equipo só 7 puntos nas 7 primeiras xornadas. Helenio Herrera orquestrou entón unha revolución táctica e colocou no once as novas adquisicións Beniamino Di Giacomo e Jair da Costa, pero mantendo a Suárez no corazón do equipo. O Inter gañou 12 dos seguintes 15 partidos, pasando a ocupar un liderado da táboa que xa non abandonaría ata o final da campaña.[55] Foi o primeiro scudetto na carreira de Herrera e o primeiro para o club lombardo en case unha década.[56]
Para o debut do club na Copa de Europa, o Inter reforzouse co gardameta Sarti, o centrocampista Tagnin e o dianteiro Milani. O equipo empatou sen goles no seu primeiro encontro da máxima competición europea, disputado en Goodison Park contra o Everton, ao que eliminou no partido de volta cun solitario gol de Jair. Nos 1/16 desfixéronse do Mónaco cun global de 4-1.[57] Sumaron dúas vitorias máis nos cuartos de final contra o Partizan iugoslavo e outras dúas nas semifinais contra o Borussia Dortmund. Na final esperábaos o Real Madrid pentacampión de Europa, no que xogaban entre outros o coruñés Amancio, Santamaría, Puskás, Gento ou Di Stéfano, que disputaría o seu derradeiro partido coa camisola branca. A final disputouse no Praterstadion de Viena ante 72 000 espectadores, e o equipo de Herrera saíu campión tras gañar 3-1, con dous goles de Mazzola e un de Milani. Foi a primeira vez que a Copa de Europa era gañada por un equipo de xeito invicto.[58]
No campionato de liga o Inter encaixou só tres derrotas e acabou empatado a puntos no liderado co Bologna de Fulvio Bernardini. A Federación decidiu entón que se xogase un encontro de desempate, que se decantou para o equipo emiliano por 2-0.[59]
Comezou a tempada 1964/65 disputando a Copa Intercontinental contra o Independiente arxentino, campión da Copa Libertadores, e contando cos reforzos de Malatrasi, Domenghini e o madrileño Peiró. O partido de ida no Estadio da Doble Visera en Avellaneda rematou con vitoria arxentina, mentres que na volta en San Siro gañou o equipo italiano, polo que se xogou un encontro de desempate no Santiago Bernabéu. Neste saíu vitorioso o equipo de Herrera, cun solitario gol de Corso na segunda parte da prórroga.[60] Na Serie A o equipo negro e azul acabou a primeira volta na segunda posición, a cinco puntos do Milán liderado no ataque por Amarildo, pero tras unha segunda volta na que encaixou só unha derrota, acabou proclamándose campión con tres puntos de vantaxe sobre o seu máximo rival. O seu pupilo Luis Suárez foi elixido como o mellor xogador da tempada pola prensa italiana.[61]
Na Copa de Europa eliminou nos oitavos o Dinamo de Bucarest e nos cuartos o Rangers. Nas semifinais eliminaron o Liverpool despois de perder 3-1 en Anfield e remontar cun 3-0 en San Siro. Na final, disputada tamén en San Siro ante 85 000 espectadores, Herrera levantou a súa segunda Copa de Europa consecutiva, despois de que o Inter vencese 1-0 ao Benfica de Eusébio cun gol de Jair.[62]
Na Copa Italia o Inter eliminou o Cagliari nos cuartos de final, nun partido que rematou 2-2 o tempo regulamentario, e en cuxa prórroga se anotaron cinco goles, para un resultado final de 6-3. Nas semifinais contra a Roma o partido chegou á quenda de penaltis, na que Luis Suárez foi o encargado de realizar todos os lanzamentos, anotando os seis que tirou, por catro de Manfredini.[63][64] Na final disputada no Estadio Olímpico de Roma contra a Juventus, Menichelli marcou para os piemonteses o único gol do encontro, privando o equipo de Herrera de completar unha tempada plena de títulos.[65] En setembro gañou a súa segunda Copa Intercontinental, de novo contra o Independiente, tras gañar 3-0 en San Siro e empatar sen goles na Arxentina.[66]
Na tempada 1965/66 guiou ao equipo ao seu terceiro título de liga consecutivo, superando nesta ocasión por catro puntos ao segundo, o Bologna dirixido por Carniglia. Na Copa de Europa eliminaron en oitavos ao Dinamo de Bucarest, por segundo ano consecutivo, e ao Ferencvárosi de Flórián Albert en cuartos de final. O equipo caeu en semifinais contra o Real Madrid, na que foi a primeira eliminatoria perdida do club milanés na Copa de Europa. Perderon 1-0 cun gol de Pirri na ida en Madrid, mentres que o partido de volta acabou con empate a un gol, tras anotar Facchetti e Amancio.[67][68]
Na tempada 1966/67 o Inter mantivo o mesmo bloque de xogadores, dirixido de novo dende o centro do campo por Suárez, Corso, e Mazzola, e ocupou a primeira posición da táboa durante case toda a tempada. Na Copa de Europa eliminaron primeiro o Torpedo Moscova soviético grazas a un gol en propia porta de Voronin, e na segunda rolda o Vasas húngaro, tras unha grande actuación de Mazzola. Despois de desfacerse do Real Madrid en cuartos de final, enfrontouse en semifinais ao CSKA Sofia búlgaro, no que xogaban entre outros Penev ou Gaganelov. Tanto o partido de ida como o de volta acabaron con empate a un gol, polo que se disputou un encontro de desempate en Boloña, no que o equipo de Helenio saíu vitorioso grazas a un gol de Cappellini (1-0). Deste xeito o Inter acadou a súa terceira final da Copa de Europa en catro anos. Luis Suárez perdeu a cita por unha lesión,[69] sendo substituído por Mauro Bicicli,[70] e o Inter caeu derrotado por 2-1 contra o outro finalista, o Celtic escocés dos Lisbon Lions, que remontou o gol inicial de Mazzola con dous tantos de Gemmell e Chalmers.
Xusto a continuación da final perdida de Lisboa, o Inter disputou o derradeiro partido de liga, ao que chegaba como líder cun punto de vantaxe sobre a Juventus. Mais o encontro fronte ao Mantova rematou con derrota para o equipo lombardo, mentres que a Juventus venceu no seu partido á Lazio, dando un xiro á clasificación.[71] Unha semana despois o Inter caeu eliminado nas semifinais da Copa Italia contra o Padova, completando así a primeira tempada sen títulos dende 1963, e rematando deste xeito a etapa do Grande Inter.[72]
Na tempada 1967/68, despois de anos de éxitos, o bloque de xogadores do Inter comezaba a desmantelarse, coa marcha entre outros do capitán Picchi ou de Aristide Guarneri. O equipo acabou quinto na liga e terceiro na Copa Italia. Tras este fracaso deixaron o club o presidente Moratti e tamén Helenio Herrera.
En 1968, fichou pola Roma, onde se converteu no adestrador mellor pagado do mundo, cun contrato duns 259 millóns de liras ao ano.[73] Chegou a un club no que destacaban Giacomo Losi, Joaquín Peiró e Fabio Capello, e que na súa primeira tempada tivo que facer fronte á tráxica morte do seu dianteiro centro, Giuliano Taccola, falecido no vestiario do equipo nun partido ante o Cagliari. Trala perda do xogador e dunha serie de resultados negativos, o equipo recompúxose e acabou por conquistar a Copa Italia, a segunda da historia do club.[73]
Na tempada 1969/70, e como campión de Copa, a Roma disputou a Recopa de Europa. Eliminou sucesivamente ao Ards de Irlanda do Norte, o PSV neerlandés e o Göztepe turco, acadando así as semifinais. O seu seguinte rival foi o Górnik Zabrze, contra o que a Roma empatou tanto no estadio Olímpico da capital italiana coma en Zabrze, o segundo deles despois dunha prórroga. Disputouse entón un partido de desempate que rematou cun novo empate (1-1) despois dunha nova prórroga, decidíndose a continuación a eliminatoria lanzando unha moeda ao aire, caendo esta favorable para o equipo polaco.
Na tempada seguinte, o presidente do club, Alvaro Marchini, traspasou á Juventus ás tres grandes estrelas da Roma, as promesas Luciano Spinosi, Fabio Capello e Fausto Landini, o que provocou protestas e manifestacións dos seareiros do club romano, e tamén o enfado de Herrera, que se atopou de súpeto co equipo debilitado.[74][75] A cambio, chegaron ao club Luis del Sol, Roberto Vieri, Gianfranco Zigoni e Paolo Viganò, así como o antigo internacional brasileiro Amarildo. O enfrontamento de Helenio Herrera co presidente continuou durante toda a tempada, con fortes declaracións cruzadas, ata que foi destituído en abril de 1971.[75][76]
Con todo, mantiña o apoio dos seareiros, furiosos con Marchini, e en xuño regresou ao banco da Roma, trala chegada á presidencia de Gaetano Anzalone.[75][77] Completou a liga na sétima posición e gañou a Copa Anglo-Italiana, derrotando na final ao Blackpool inglés por 3-1, con goles de Cappellini, Scaratti e Zigoni.[78] A tempada 1971/72 foi a última de Herrera na Roma. A relación entre el es seareiros comezou a deteriorarse tras un partido contra o Inter no que o público invadiu o campo do estadio Olímpico, suspendéndose o encontro e máis tarde dándoselle por perdido á Roma.[79] Finalmente foi destituído trala 24ª xornada da Serie A, sendo substituído por Antonio Trebiciani.
Na tempada 1973/74 regresou ao Inter de Milán, cinco anos despois da súa marcha, pero deixou o banco en febreiro de 1974, tras sufrir un infarto e pasar varias meses hospitalizado.[54][80]
Retirouse entón a Venecia, onde viviu o resto da súa vida. Volveu aos bancos brevemente en 1976, adestrando durante varias xornadas o Rimini na Serie B, e de novo en 1979.
Puxo fin á súa carreira co seu regreso ao FC Barcelona durante unha tempada e media entre 1980 e 1981, dúas décadas despois da súa primeira etapa no club catalán. Chegou en marzo de 1980, como substituto do cesado Joaquim Rifé e co equipo na oitava praza da táboa a falta de 11 xornadas.[81] Conseguiu endereitar o rumbo do equipo e rematar na cuarta posición, clasificándose para a Copa da UEFA.
A seguinte tempada empezou con Kubala no banco do Barcelona, pero foi destituído tras nove xornadas de liga e de quedar eliminado da UEFA debido a unha derrota por goleada fronte ao Köln no Camp Nou (0-4). O presidente Núñez recorreu de novo a Helenio Herrera, para que tentase reconducir a situación do equipo, que ocupaba o 11º posto en liga.[82] Co adestrador arxentino e coa recente fichaxe de Schuster, o Barça mellorou os seus números e chegou a pelexar polo título de liga, ata que o secuestro de Quini afectou ao rendemento do equipo, que acabou na quinta posición.[34] Fiel ao seu estilo, provocou novas polémicas durante a tempada, e protagonizou soados enfrontamentos co presidente do Atlético de Madrid, Alfonso Cabeza.[83][84]
Na Copa do Rei, o club catalán eliminou sucesivamente ao Lleida, o Barakaldo, o Real Madrid Castilla, o Rayo Vallecano e o Athletic Club, ata enfrontarse na final do Vicente Calderón co Sporting de Gijón de Vicente Miera, ao que derrotou por 3-1 con dous goles de Quini e un de Esteban Vigo.[85]
Foi a segunda Copa do Rei para Helenio Herrera, que tras gañar o título deixou o fútbol con 71 anos, ostentando dende entón o récord de ser o adestrador de máis idade en dirixir partidos da Primeira División.[86] A continuación instalouse definitivamente en Venecia, onde faleceu en 1997.[34]
De xeito paralelo aos seus labores nos clubs polos que pasou, traballou tamén na selección de España e na de Italia. En xuño de 1959, mentres adestraba o FC Barcelona, foi nomeado pola Federación Española adestrador da selección española,[87] mentres que o cargo de seleccionador estaba compartido entre José Luis Costa, Ramón Gabilondo e José L. Lasplazas.[88] Dirixiu a España na fase de clasificación para a Eurocopa de 1960, ata que o combinado se retirou, ao negarse a xogar contra a selección soviética.[88]
A finais de 1961, xa como adestrador do Inter de Milán, foi nomeado como un dos técnicos da selección italiana para o Mundial de Chile de 1962, pero pouco meses despois dimitiu para aceptar o cargo de preparador da selección española no Mundial, acompañando ao seleccionador Pablo Hernández Coronado.[89] A dupla de adestradores, coñecida pola prensa como H3C, non puido conseguir que España pasase da fase de grupos, quedando eliminada despois de perder contra Checoslovaquia, gañar a México e perder no terceiro partido contra o Brasil.[90]
En novembro de 1966 foi nomeado seleccionador de Italia xunto con Ferruccio Valcareggi, cargo que ocupou ata marzo de 1967.[91]
Faleceu en Venecia o 9 de novembro de 1997. A súa viúva Fiora Gandolfi tentou cumprir a súa vontade de que as súas cinsas descansasen cara ao sol e preto do mar. Encargou un panteón de mármore coa Copa de Europa tallada e cos nomes de todos os equipos polos que pasou, pero tivo problemas cos responsables do cemiterio evanxélico da illa de San Michele de Venecia, onde pretendía colocalo, por non estar bautizado e pola forma da propia tumba.[92][93] Tras varios anos de burocracia e litixio, e da intercesión da raíña británica, Isabel II (gobernadora suprema da igrexa anglicana), os seus restos foron finalmente depositados en dito panteón en San Michele.[92]
Adestrador de gran carisma, foi o primeiro técnico en lograr unha fama semellante á dos grandes futbolistas da época,[4] converténdose nunha estrela no mundo do fútbol.[1][2] Ata ese momento, os adestradores eran figuras menos importantes nun equipo, e os clubs de toda Europa eran coñecidos polos seus xogadores individuais, como por exemplo "o Real Madrid de Di Stéfano". Pola contra, o Inter da década de 1960 aínda se coñece como "o Inter de Herrera".
Envolto sempre en polémicas, as súas declaracións incendiarias á prensa supuxéronlle varias sancións de diferentes federacións, tanto en España como en Italia.[94] Foi pioneiro no uso de habilidades de motivación psicolóxica e adoitaba colocar nos vestiarios carteis con frases motivadoras para os seus futbolistas.[34] Foi o creador de varias frases célebres, algunhas delas aínda usadas hoxe en día no mundo do fútbol, como "o que non o dá todo, non dá nada", "con 10 xógase mellor que con 11" (despois de que o seu equipo tivese que afrontar a segunda metade dun partido con só 10 xogadores no campo) ou "gañaremos sen baixar do autobús".[95]
Tamén facía cumprir un estrito código de disciplina aos xogadores, prohibíndolles por primeira vez beber ou fumar, e controlando as súas dietas. Chegou a castigar a un futbolista do Inter por dicirlle á prensa "viñemos xogar a Roma" en lugar de "viñemos gañar a Roma". Introduciu a costume de retirarse a un hotel rural remoto uns días antes dos partidos.[96] Foi un dos primeiros adestradores en pedir o apoio do xogador "número 12": a afección. Preparaba os partidos de xeito minucioso, realizando análises de todos os xogadores dos equipos rivais, e trala súa fichaxe polo Inter enviaba ao seu fillastro, o xornalista asturiano Gonzalo Suárez, a observar e tomar notas dos seus próximos rivais.[34]
As súas funcións excedían os terreos de xogo e os adestramentos, e encargábase persoalmente doutros aspectos dos clubs, como as fichaxes. Acostumaba a pedir plenos poderes, o que lle supuxo ter problemas con algúns directivos,[34] como no caso de Josep Samitier no FC Barcelona.
En 2004, a viúva de Herrera, Fiora Gandolfi (a súa terceira esposa) publicou un libro chamado Tacalabala. Nel recollíanse ditos, bosquexos e notas dos cadernos e diarios de Herrera.[97][98]
Durante a súa época de futbolista en Francia aprendeu do seu adestrador Robert Accard a táctica do beton (formigón en francés), derivado a partir do incipiente verrou (ferrollo en francés), utilizado por Karl Rappan, e que en Italia deu orixe ao catenaccio.[99] Aínda que de natureza defensiva, a súa comprensión do catenaccio era un pouco diferente da que foi practicada por outros equipos italianos e do verrou orixinal, xa que moitas veces utilizaba os laterais (particularmente a Giacinto Facchetti) como medios centrais (defensivamente apoiados polo líbero) para lanzar contraataques máis rápidos, típico na táctica italiana; aínda así, nunca negou que o corazón do seu equipo dependía da defensa.
A formación estándar de Herrera no Inter era o sistema 5–3–2, que case sempre incluía un líbero (figura que el mesmo implantou en Italia e que xeralmente era o capitán do equipo, Armando Picchi),[100] así como catro defensas que realizaban marcaxe persoal.[101] Rexeitaba abertamente os equipos que tiñan obsesión por dominar a posesión do balón, argumentando que "o balón sempre se move máis lonxe, e máis rápido, cando non hai un xogador detrás del".[3]
Aínda que o Barcelona de Herrera era coñecido por xogar un fútbol fluído e ofensivo, as súas pragmáticas tácticas de catenaccio no Inter foron moitas veces criticadas por producir poucos goles, e por ser aburridas, excesivamente defensivas ou mesmo destrutivas.[102] Herrera e varios dos xogadores do Inter desa época negaron estas afirmacións. Sobre isto Herrera afirmou: "O problema é que a maioría dos que me copiaron, copiáronme mal. Esquecéronse de incluír os principios de ataque que incluía o meu catenaccio. Tiven a Picchi de líbero, si, pero tamén tiña a Facchetti, o primeiro lateral que marcaba tantos goles coma un dianteiro".[103]
Ademais da fortaleza defensiva e da organización do equipo mentres defendía detrás do balón, algúns dos elementos fundamentais do Grande Inter de Herrera dos anos 60 eran o uso do fútbol vertical e os contraataques veloces e eficaces, que permitían ao equipo marcar goles tras poucos toques.[104] Isto era posible grazas ao uso por parte do adestrador de laterais atacantes moi rápidos e enérxicos, como Giacinto Facchetti e Tarcisio Burgnich, que a miúdo se separaban da liña de fondo e sorprendían aos seus opoñentes coas súas carreiras superpostas.[104] Ademais, a principal forza creativa do equipo, o organizador galego Luis Suárez, tivo un papel fundamental no éxito do Inter durante este período, debido ao seu excelente ritmo de traballo, habilidades técnicas, visión e longos pases. Estes atributos permitíanlle axudar ao equipo a recuperar a posesión e, posteriormente, lanzar ataques rápidos con balóns longos precisos para os laterais en carreira, que moitas veces marcaban ou daban asistencias aos dianteiros.[104][105][106]
Despois das dúas Copas de Europa consecutivas en 1964 e 1965, o estilo de xogo do catenaccio de Helenio Herrera sufriu un duro golpe na final de Lisboa de 1967, cando se enfrontou ao campión de Escocia, o Celtic de Glasgow (formado polos chamados Lisbon Lions). O Celtic gañou o partido por 2-1 tras remontar un penalti de Mazzola no minuto 7, e moitos expertos afirmaban que se trataba dunha "vitoria do fútbol" contra o destrutivo catenaccio.[107][108][109][110]
Considerado a miúdo como un dos mellores adestradores da historia,[111][112][45] o seu estilo, personalidade e tácticas exerceron unha grande influencia en numerosos técnicos posteriores, entre eles Juan Carlos Lorenzo, Antonio Durán ou Arsenio Iglesias.[113][114]
Casou por primeira vez en 1937 en Marrocos, con Lucienne Leonard, unha francesa coa que tivo catro fillos: Francis, Elena, Linda e Daniele (esta última falecida por unha intoxicación en 1945).[92] A continuación conviviu durante máis de 20 anos con María Morilla, nai do futuro escritor e director de cine Gonzalo Suárez (que chegou a ser o seu asesor no Inter de Milán),[115] coa que non chegou a casar legalmente ao non estar divorciado da súa primeira esposa. Con ela tivo dous fillos máis: Helenio Ángel e Rocío.[92] Máis tarde casou con Fiora Gandolfi, unha xornalista italiana coa que adoptou coa que tivo outro fillo, Helios, e adoptou a Luna, unha nena enferma de dous anos que encontrou en Barcelona.[92][116]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.