Selección de fútbol de Galicia

selección nacional de fútbol From Wikipedia, the free encyclopedia

Selección de fútbol de Galicia

A selección de fútbol de Galicia é o equipo de fútbol formado por xogadores galegos, que representa á Federación Galega de Fútbol, independentemente de que participen ou non con outras seleccións nacionais recoñecidas pola FIFA. Dado que este organismo non é membro da FIFA nin do COI, a selección absoluta galega non pode participar en torneos oficiais e só disputa partidos amigábeis a nivel internacional. Porén, en categorías inferiores participa nas competicións que organiza a Federación Española de Fútbol, e dende 1999 a selección de Galicia de afeccionados disputa a Copa das Rexións da UEFA.

Máis información Galicia, Actual campión da Copa do Mundo ...
Galicia
Actual campión da Copa do Mundo
Actual campión da Eurocopa
Actual campión da Copa de África
Actual campión da Copa América
Actual campión da Copa Ouro
Actual campión da Copa Asiática
Actual campión da Copa das Nacións da OFC
Na casa
Asociación Federación Galega de Fútbol
Confederación {{{Confederación}}}
Código FIFA
Alcume A Irmandiña[1][3]
Clasificación FIFA {{{Ranking}}}
Clasificación ConIFA {{{Ranking ConIFA}}}
Seleccionador Galicia Diego Martínez Penas[5]
Máis encontros
Máximo goleador
Estrea internacional
Galicia Galicia 4 - 1 Centro
Coia, Vigo; 19 de novembro de 1922
Maior vitoria
Galicia Galicia 8 - 2 Escuadra británica
Coia, Vigo; 21 de xaneiro de 1923
Maior derrota
Galicia Galicia 1 - 3 Asturias Asturias
Coia, Vigo; 25 de febreiro de 1923
Pechar

O equipo é coñecido familiarmente como «A Irmandiña», rememorando a historia da Galicia medieval, na cal se constituíron Irmandades para a defensa do pobo fronte os abusos dos señores.

Historia

Primeira etapa oficial

Campionato Interrexional 1922/23

Manuel de Castro foi seleccionador nesta primeira etapa xunto a Pepe Bar.

A confección da primeira selección galega prodúcese para a disputa do Campionato Interrexional da tempada 1922/23, un campionato de carácter obrigatorio no que participan as seleccións das federacións afiliadas á Real Federación Española de Fútbol, as cales podían seleccionar calquera futbolista dos seus clubs federados independentemente do lugar onde nacera, e co que se pretendía confeccionar un combinado estatal en condicións que representase a España nos Xogos Olímpicos de 1924.[6][7]

Os seleccionadores desta primeira etapa son Manuel de Castro e Pepe Bar.[8] O debut oficial prodúcese o 19 de novembro de 1922 fronte á selección do Centro (ás veces tamén chamada Castela, xa que a Federación Centro abranguía as provincias castelás de Ávila, Cidade Real, Cuenca, Guadalaxara, Madrid, Segovia e Toledo) nos cuartos de final do Campionato Interrexional, gañando o equipo galego por 4-1. O partido foi disputado no campo vigués de Coia. O equipo titular da estrea estaba formado por Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Balbino Clemente, Pepe Hermida, Moncho, Ramón González, Chiarroni, Polo, e Pedro Pinilla. Chiarroni marcou o 1-0. Empatou a selección Centro cun gol de Monjardín (xogador que curiosamente nacera na Coruña). Polo adiantou de novo á selección galega. Pinilla de penalti marcou o 3-1 e Ramón fixo o cuarto tanto galego.[9][10][11]

O primeiro partido fronte a un rival internacional tivo lugar o 7 de xaneiro de 1923. Galicia enfrontouse a unha selección lisboeta, da que formaban parte moitos xogadores da selección portuguesa, vencendo por 3-1. Por Galicia xogaron: Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Jacobo Torres, Balbino, Reigosa, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla. A selección gañou 3-1, con dous goles de Polo e un de Reigosa.[12][13][14]

O 14 de xaneiro de 1923 a selección galega enfrontouse en Sevilla ao equipo de Andalucía no encontro de semifinais do Campionato Interrexional. O once galego compoñíano os mesmos xogadores que gañaran á selección lisboeta a semana anterior: Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Torres, Balbino, Reigosa, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla. Aos tres minutos, Ramón conseguiu o primeiro gol dos galegos. Empatou Andalucía de penalti pouco antes do descanso. Polo logrou o desempate e Ramón e, por cabo, Chiarroni ampliaron a vantaxe galega.[15][16][17]

Luis Otero, subcampión olímpico en 1920, foi un dos integrantes da primeira selección galega.

Unha semana despois, o 21 de xaneiro, a selección galega contendeu en Coia contra unha selección da escuadra inglesa. No equipo de Galicia xogaban Isidro, Otero, Juanito Clemente, Queralt, Torres, Balbino, Salvador, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla. Pinilla abriu o taboleiro, Ramón marcou o segundo tanto e Pinilla repetiu fortuna co terceiro gol[Cómpre referencia]. Os ingleses conseguiron minguar a vantaxe antes do descanso. Os xogadores foron ao vestiario cun 4-2 favorábel aos galegos. Na segunda parte a selección galega lograría catro tantos máis. O taboleiro rexistrou finalmente un 8-2 a favor da selección de Galicia.[18][19]

O 28 de xaneiro a selección de Pontevedra enfrontouse á selección galega en Bouzas. Adiantouse o equipo de Galicia cun gol de Luís Correa. E no segundo tempo anotaron gol Polo, Chiarroni e outra vez Correa. A selección da ‘boa vila’ logrou o tanto de honra por medio de Besada e o partido rematou cun 4-1 no taboleiro.[20][21] Ao domingo seguinte disputouse en Pontevedra o partido de volta. Gañou a selección galega 1-3. O partido foi xogado en Pasarón. Pasarín, de penalti, e Chiarroni, en dúas ocasións, foron os goleadores do combinado galego. O gol da selección lerense foi anotado por Castillo.[22][23][24]

A selección aínda xogou un partido de adestramento máis antes da final do Campionato Interrexional. Foi o 18 de febreiro no campo de Coia fronte dun combinado ferrolán-coruñés. Venceu a selección galega 7-1.[25][26] Tres goles foron obra de Ramón González, dous de Polo e outros dous de Chiarroni.[27]

Por cabo, o 25 de febreiro de 1923 o equipo de Galicia xogou contra a selección asturiana a final do Campionato Interrexional. No once galego estaban Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Torres, Hermida, Reigosa, Balbino, Chiarroni, Polo e Pinilla. Ramón González non puido xogar a final por lesión. Polo rompeu o marcador cun tanto, pero os asturianos protagonizaron unha remontada que pechou o marcador cun 1-3 e a primeira derrota da selección de Galicia, que rematou subcampioa do torneo.[28][29][30][31][32] A causa do resultado os seleccionadores presentaron a súa dimisión,[33] mais a Federación Galega de Fútbol pediulles que a retirasen.[34] Despois da derrota, houbo críticas ao feito de que a selección galega fose confeccionada soamente con xogadores do Fortuna de Vigo e do Vigo Sporting e non se contase cos xogadores dos outros equipos galegos.[31][32][35][36] Porén, a boa imaxe amosada no torneo serviu de pulo para que ese mesmo ano os dous clubs vigueses decidisen fundirse nun só e crear o Real Club Celta de Vigo.[37][38]

En maio dese mesmo ano, a selección galega enfrontouse outra vez coa selección de Lisboa, desta volta na capital lusa o 27 de maio. Na selección de Galicia xogaban Isidro, Juanito, Pasarín, Viñas, Balbino, Machín, Reigosa, Ramón, Manolo Posada, Polo e Pinilla. Marcou de penalti Pinilla, pero os lisboetas déronlle a volta ao marcador cos goles de João Francisco e de Jaime Gonçalves.[39][40]

Campionato Interrexional 1923/24

En novembro de 1923 comezou o campionato Campionato Interrexional da tempada 1923/24, enfrontándose o día 25 dese mesmo mes a selección de Galicia contra a selección do Centro no campo de Ciudad Lineal, en Madrid, no partido de cuartos de final. Gañou a selección do Centro por 1-0. O equipo galego estivo formado por: Isidro, Clemente, Hermida, Queralt, Balbino, Viñas, Reigosa, Gerardo, Chicha, Polo e Pinilla.[41][42][43]

O Campionato Interrexional foi suprimido na asemblea da Real Federación Española de Fútbol celebrada o verán de 1924,[44] pechándose así esta primeira etapa.

Iniciativas posteriores durante os anos 1920-1930

Os seguintes partidos xorden de iniciativas particulares e non da propia federación. En 1929, co gallo da Coroación da Virxe das Dores na Coruña,[45] o comité promotor dos festexos concertou un partido benéfico entre as seleccións de Galicia e do Centro en Riazor.[46] O equipo galego aliñou con Isidro, Manolín, Pasarín, Hermida, Rivera, Basterrechea, Reigosa, Hilario, Rogelio, Polo e Pérez. Os futbolistas Hilario, Pérez, Manolín e Basterrechea aínda que xogaban en clubs galegos non naceran en Galicia, pero iso non foi impedimento para que participasen igualmente no conxunto galaico. A selección do Centro tamén aliñou xogadores non nados no seu ámbito territorial pero que militaban nos clubs desa federación, coma Prats, Esparza, Peña, Rubio, Marín, Vázquez ou o galego Cosme. O partido rematou cun empate 0-0.[46][47][48]

O 8 de xuño de 1930 celebrouse un partido no campo de Chamartín entre a selección de Galicia e a selección do Centro. O partido convocouse para recadar fondos para as familias damnificadas polo naufraxio de catro pesqueiros de Bouzas.[49][50][51][52] A iniciativa partiu de Ramón Fernández Mato.[53][54] Ademais, o Concello de Vigo custeou unha artística copa de prata chamada Copa Vigo, deseñada por Federico Ribas, que sería outorgada á selección gañadora.[50][51][55] A aliñación galega foi Isidro, Jiménez, Pasarín, Paredes, Vega, Fariña, Reigosa, Losada, Chacho, Hilario e Polo. Formaron coa selección galega Jiménez e Hilario aínda que non eran nados en Galicia, e coa selección Centro xogadores como Ordóñez, San Miguel, Triana, Morera e Cosme aínda que non naceran nas provincias castelás que abranguía a súa federación. Comezou o partido marcando dous goles Losada e un gol Fariña, acabando o primeiro período con tres goles de vantaxe a favor dos galaicos. No descanso Lilo subtituíu a Isidro na portaría. Na reanudación, os do Centro conseguen marcar por medio de Ordóñez e cando xa se achegaba o final do partido Hilario anota o cuarto gol galego, finalizando así o encontro cun 1-4 a favor da selección galega.[56][57][58] Unha semana antes, Galicia derrotara o Sporting Clube de Portugal en Balaídos por 4-2. No equipo galego xogaran Isidro, Cabezo (que foi substituído aos cinco minutos por Jiménez), Hermida, Paredes, Vega, Fariña, Reigosa, Losada, Polo, Hilario e Rubio. Tres goles foron marcados por Losada e o outro por Polo. Os goles lisboetas foron de Correia e Rogério.[59]

Durante estes anos, houbo tamén outros partidos de homenaxe onde tomaron parte combinados de xogadores galegos, coma o disputado o 11 de agosto de 1929 en Riazor para homenaxear a Luis Otero, onde xogou o Deportivo da Coruña con Samitier (do F.C. Barcelona) e Cosme (do Real Madrid) fronte a unha selección galega formada por xogadores do Celta de Vigo, Racing de Ferrol e o defensa Calvo do Racing Club de Madrid, empatando 0-0,[60][61] ou o disputado o 7 de setembro de 1930 en homenaxe a Ramón Polo, onde un combinado galego derrotou en Balaídos o Athletic Club (campión de Liga e Copa ese ano) por 5-4.[62][63] Outros partidos con combinados galegos foron un partido en homenaxe a Isidro no que xogaron o Deportivo da Coruña e unha selección galega en Riazor o 23 de agosto de 1931 no que gañou o club herculino 3-1,[64][65] un encontro en homenaxe a Manuel Rivera xogado no Inferniño o 22 de agosto de 1932 entre o Racing de Ferrol e unha selección galega con vitoria para o equipo departamental 3-2[66] ou un partido entre a selección de Lisboa e un combinado de futbolistas do Celta e o Deportivo que se xogou na capital lusitana o 29 de xuño de 1930 con vitoria para os lisboetas por 4-2.[67][68]

En 1936, o Comité Rexional Pro-Olimpíada Popular seleccionou un combinado galego para participar na Olimpíada Popular de Barcelona,[69] resposta internacional aos Xogos de Berlín. O 12 de xullo, seis días antes do golpe de Estado, xogou o combinado galego un encontro de adestramento en Balaídos.[70] Segundo afirman certas fontes,[71] moitos destes xogadores galegos ficarían na Cidade Condal, a maioría loitaría no bando republicano, e segundo algúns testemuños habería xogadores galegos deste equipo que disputarían encontros xunto a outros soldados durante a guerra civil española e a segunda guerra mundial.

O franquismo

En maio de 1939, ao remate da guerra civil, anunciouse un partido en Balaídos entre o Futebol Clube do Porto e “a selección galega”,[72][73] que rematou 5-1 a favor dos portuenses.[74] A pesar de se anunciar con ese título, non foi un partido oficial da selección, xa que non foi organizado pola Federación Galega de Fútbol, razón pola cal o Racing de Ferrol se negou a ceder os seus xogadores.[75] Despois deste encontro tamén se publicou na prensa que se estaban a facer xestións para que unha selección galega, que desta volta si sería confeccionada pola FGF, xogase no Porto contra o club dos dragões,[76][77] pero isto non se chegou a producir.

Durante este período foron disputados algúns partidos onde participaron combinados de xogadores galegos, coma o xogado en 1943 entre o Deportivo da Coruña e un equipo de galegos con Ricardo Zamora na meta.[78][79][80] En 1961 unha selección galega enfrontouse en Pasarón a outra do norte de Portugal, formando parte do equipo galego xogadores como Domínguez, Lamelo, Matito ou Jaime Blanco. O resultado foi de empate 1-1, sendo Villita o autor do gol galego.[81]

Nesta época apareceu a selección galega xuvenil, que comezou a participar no campionato estatal organizado pola Real Federación Española de Fútbol e acadou o subcampionato en 1966.[82] Durante esta etapa tamén aparece a selección galega de afeccionados, xunto a outras seleccións territoriais de afeccionados de España, co propósito de promover o fútbol non profesional e con vistas á creación dunha selección española que tomaría parte na Copa da UEFA Amateur.[83]

Intentos de recuperación

O primeiro partido da selección absoluta galega despois da ditadura estivo a piques de celebrarse o 24 de xullo de 1980 en Compostela, pero colleu os xogadores de vacacións. O partido ía ser contra Euskadi.

En 1982, antes do Mundial de España, houbo unha tentativa para organizar un partido contra Camerún.

A finais dos 90, o movemento bravú recuperou a Selección Galega para o debate impulsado por Siareiros Galegos dende 1996, co agrupamento de peñas do Celta, do Deportivo e mais da S.D. Compostela. En 1997, Xurxo Souto catalizou a creación do primeiro número da revista Bravú, de periodicidade irregular e que se vendía acompañado polo álbum musical Selección Xa!, dedicada á recuperación da selección galega.

A idea reencarnouse deportivamente na Estrada, nun partido entre seareiros e profesionais do xornalismo e da cultura en Galicia, que comezou coa Marcha do Antigo Reino de Galicia. Os seareiros gañaron 7-2. No equipo de intelectuais xogaban Afonso Eiré na meta, Antón Reixa, Xosé Cid Cabido e Xosé Manuel Pereiro na defensa; Moncho Viña, Manuel Rivas, Rómulo Sanjurjo, Xurxo Souto ou Paco Lodeiro na media e cara a adiante.

A selección oficial no século XXI

Etapa 2005-2008

A selección galega absoluta foi recuperada finalmente no ano 2005. En agosto iniciáronse as xestións cunha xuntanza entre Julio Meana, presidente da Federación Galega de Fútbol, e Santi Domínguez, Director Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia co goberno bipartito[84] e en setembro anunciouse un encontro para o 28 ou 29 de decembro en Santiago de Compostela.[85] Finalmente, o estadio Multiúsos de San Lázaro bautizou a selección galega de fútbol na súa posta de longo fronte á selección do Uruguai o sábado 29 de decembro de 2005. O colexiado ourensán Bernardino González Vázquez dirixiu o encontro. O resultado foi 3-2 a prol de Galicia.[86]

Arsenio Iglesias foi, xunto con Fernando Vázquez, un dos adestradores galegos desta época.

Os seleccionadores do primeiro combinado nacional foron Fernando Vázquez e Arsenio Iglesias. O once inicial estivo composto por: Diego López, na portería; Otero e Cabrejo, nos laterais; Rubén e Capi, centrais; Cabanas e Borja, pivotes; Julio Álvarez, Pablo Álvarez e Nano, centrocampistas, e Losada como home máis adiantado.

O técnico galego Fernando Vázquez, antes de comezar o partido, quitoulle importancia ao posible resultado, defendendo que o combinado galego se converteu nun "símbolo de identidade", algo que na súa opinión, lle facía falta a Galicia.

Partido Galicia-Ecuador (28 de decembro de 2006).

O estadio de Riazor acolleu o 28 de decembro de 2006 o segundo partido da época contemporánea da selección de Galicia. Enfronte estivo a selección de Ecuador, e o resultado final foi de empate a un (1-1),[87][88] con goles do ecuatoriano Calle e de Jonathan Pereira para os galegos. O once inicial foi o formado por López, Barragán, Rubén, Noguerol, Fuentes, Viqueira, Borja, Julio Álvarez, Nano, Trashorras e Couñago.

Jonathan Pereira no Galicia-Camerún.

O 27 de decembro de 2007, no estadio vigués de Balaídos, a selección galega enfrontouse a Camerún, no que era o terceiro partido da época contemporánea. O partido comezou cunha hora e corenta e cinco minutos de atraso, debido a liortas internas na selección do Camerún,[89] e rematou con empate (1-1), os dous goles metidos de penalti, adiantándose primeiro Galicia, por medio de Julio Álvarez no minuto 70, e empatando para Camerún Song, no minuto 87.[90] Pese ao atraso da selección do Camerún, os seareiros rozaron o cheo no estadio, chegando aos 28.000 afeccionados.

De novo o 27 de decembro, en 2008, no estadio de Riazor, a selección galega enfrontouse á de Irán con resultado favorable á Irmandiña por 3 a 2[91]. O primeiro gol anotouno o galego Nacho Novo no minuto 22. A selección iraniana empatou no minuto 31 do primeiro tempo por mediación de Borhani. Xa na segunda parte Nacho Novo por segunda vez puxo por diante a Galicia, no minuto 58 de partido. Pouco despois, no 65 e de penalti, Roberto Losada ampliaba o marcador batendo o porteiro e poñendo o 3-1 no marcador. O iraniano Khalatbari recortou o marcador poñendo o definitivo 3 a 2.[92]

Inactividade entre 2009 e 2016

O partido contra a selección de Irán converteuse no último encontro oficial disputado pola Selección Galega, ao suspenderse a axuda por parte da Xunta de Galicia unha vez o Partido Popular gañou as eleccións de 2009 e colocou a José Ramón Lete como Director Xeral para o Deporte, quen rematou abruptamente coas experiencias da selección galega[93] e ao tempo co equipo ciclista Xacobeo Galicia.

Dende ese momento a asociación de afeccionados Siareir@s Galeg@s comezou a organizar encontros anuais entre unha selección galega mixta (formada por futbolistas pertencentes aos clubs da Segunda División B, da Terceira División e das ligas femininas) e outras seleccións do exterior, co obxecto de reivindicar a recuperación oficial da selección e a total liberdade para defender as cores de Galicia en competicións internacionais. Os partidos leváronse a cabo sen axuda federativa nin institucional, e segundo os organizadores, enfrontáronse a moitas trabas xa que os equipos de Primeira e Segunda División non cederon os seus xogadores e mesmo os árbitros tiveron moitos problemas para poder dirixir os encontros.[94] Organizaron cinco partidos entre 2009 e 2013, deixando de organizalo en 2014.[95]

Ese mesmo ano, a Federación Galega de Fútbol, despois dunha conversa que mantiveron Fernando Vázquez e Johan Cruyff, tentou organizar dous encontros amigables fronte a Cataluña,[1] pero finalmente non se chegaron a concretar.[95] En decembro de 2015, Siareir@s Galeg@s organizou un novo encontro reivindicativo.[96] Nesas mesmas datas, Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, anunciou en declaracións á Televisión de Galicia que no ano 2016 sería disputado un encontro da selección galega oficial.[97][98] Previamente Lucas Pérez e Iago Aspas manifestaran publicamente o seu apoio á volta da selección galega e o seu desexo de formar parte dela.[97][98]

Encontro de 2016

Xogadores galegos celebrando o 1-0 ante Venezuela.
Partido disputado entre Galicia e Venezuela.

En abril de 2016, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, anunciou oficialmente a celebración dun encontro da selección galega absoluta fronte á selección de Venezuela o día 20 de maio no estadio de Riazor.[99][100] Foron designados seleccionadores Míchel Salgado e Fran.[101] O partido foi disputado na data prevista, rematando cun empate 1-1. O gol galego foi anotado por Iago Aspas no minuto 36. O equipo venezolano conseguiu empatar grazas a un gol de Josef Martínez no minuto 92, co partido a piques de finalizar.[102][103]

Encontro de 2024

Logo doutros oito anos sen actividade, o 31 de maio de 2024 o combinado galego xogou un amigable contra a selección de fútbol de Panamá.[104] O seleccionador foi Diego Martínez Penas. Xusto antes de comezar o encontro, a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) anunciou que Iago Aspas non ía xogar por mor dunhas molestias durante o quecemento.[105] O partido rematou cunha derrota para a selección galega. Panamá marcou dous goles, o primeiro de penalti no minuto 25, obra do seu capitán, Eric Davis, e o segundo no minuto 40 por Roderick Miller.[105]

Uniforme

O primeiro uniforme da selección empregado en 1922 e 1923 consistía nunha camisola branca coa cruz de Santiago no peito e pantalón azul.[106] A selección que xogou en 1930 contra a do Centro e o Sporting C.P. utilizou unha camisola branca cun escudo co dragón verde sobre fondo dourado atribuído aos reis suevos.[107][108] A recuperación da selección absoluta en 2005 trouxo un deseño completamente novo cunha camisola branca con franxas azuis inclinadas 45º graos inspiradas na da bandeira de Galicia.[109][110] En 2016 volveu a camisola branca como primeiro equipamento.[111] A selección galega de afeccionados e outras categorías inferiores teñen empregado outro uniforme composto de camisola branca coa franxa diagonal da bandeira galega, pantalón azul e medias brancas.[112]

Thumb
Thumb
Selección absoluta 2005-08
Thumb
Thumb
Selección absoluta 2016 Titular
Thumb
Thumb
Selección absoluta 2016 Alternativo

Xogadores

Última convocatoria da selección absoluta

Listaxe oficial de convocados para o partido fronte á selección de Panamá o 31 de maio de 2024:[113]

Partidos disputados e goles actualizados a 31 de maio de 2024.

Máis información Nome, Data de nacemento ...
Nome Data de nacemento Club P.D. G. Debut
Porteiros
1- Iván Villar9 de xullo de 1997 (27 anos)Galicia Celta de Vigo10 31-05-2024
13- Fran Vieites7 de maio de 1999 (25 anos)España Real Betis10 31-05-2024
25- Álvaro Ratón29 de xaneiro de 1993 (31 anos)Polonia Wisła Kraków10 31-05-2024
Defensas
2- Kevin Vázquez23 de marzo de 1993 (31 anos)Galicia Celta de Vigo10 31-05-2024
19- Jonny Otto3 de marzo de 1994 (30 anos)Grecia PAOK20 20-05-2016
4- Germán Novoa6 de agosto de 1996 (28 anos)Galicia CD Arenteiro10 31-05-2024
28- Carlos Domínguez11 de febreiro de 2001 (23 anos)Galicia Celta de Vigo10 31-05-2024
18- Lucas Taibo2 de marzo de 2006 (18 anos)Portugal Sporting CP10 31-05-2024
15- Quique Fornos1 de xaneiro de 1997 (28 anos)España Cultura Leonesa10 31-05-2024
3- Álvaro Carreras23 de marzo de 2003 (21 anos)Portugal SL Benfica10 31-05-2024
20- Hugo Bueno18 de setembro de 2002 (22 anos)Inglaterra Wolverhampton10 31-05-2024
14- Álvaro Lemos30 de marzo de 1993 (31 anos)España UD Las Palmas10 31-05-2024
5- Miguel Loureiro21 de novembro de 1996 (28 anos)España SD Huesca10 31-05-2024
Centrocampistas
6- Diego Villares17 de xuño de 1996 (28 anos)Galicia Deportivo da Coruña10 31-05-2024
8- Álex López11 de xaneiro de 1988 (37 anos)Galicia Racing de Ferrol10 31-05-2024
8- Hugo Sotelo19 de decembro de 2003 (21 anos)Galicia Celta de Vigo10 31-05-2024
8- Iker Losada1 de agosto de 2001 (23 anos)Galicia Racing de Ferrol10 31-05-2024
Dianteiros
17- Héber Pena19 de xaneiro de 1990 (35 anos)Galicia Racing de Ferrol10 31-05-2024
21- Luis Chacón30 de maio de 2000 (24 anos)Galicia CD Arenteiro10 31-05-2024
9- Manu Justo9 de febreiro de 1996 (28 anos)Galicia Racing de Ferrol10 31-05-2024
11- Miguel Rodríguez29 de abril de 2003 (21 anos)Galicia Celta de Vigo10 31-05-2024
7- Lucas Pérez10 de setembro de 1988 (36 anos)Galicia Deportivo da Coruña20 20-05-2016
10- Iago Aspas1 de agosto de 1987 (37 anos)Galicia Celta de Vigo11 20-05-2016
Pechar

Partidos

Máis información Data, Campo ...
Data Campo Competición Rival Resultado Goleadores
19-11-1922 Coia (Vigo) Campionato interrexional
(cuartos de final)
Centro 4 - 1 Chiarroni Polo Pinilla Ramón González
07-01-1923 Coia (Vigo) amigable Lisboa 3 - 1 Polo Reigosa
14-01-1923 Reina Victoria (Sevilla) Campionato interrexional
(semifinais)
Andalucía Andalucía 1 - 4 Ramón González Polo Chiarroni
21-01-1923 Coia (Vigo) amigable Escuadra británica 8 - 2 Pinilla Ramón González
28-01-1923 Bouzas (Vigo) amigable Pontevedra 4 - 1 Correa Polo Chiarroni
04-02-1923 Pasarón (Pontevedra) amigable Pontevedra 1 - 3 Pasarín Chiarroni
18-02-1923 Coia (Vigo) amigable       A Coruña-Ferrol 7 - 1 Ramón González Polo Chiarroni
25-02-1923 Coia (Vigo) Campionato interrexional
(final)
Asturias Asturias 1 - 3 Polo
27-05-1923 Campo Grande (Lisboa)[114] amigable Lisboa 2 - 1 Pinilla
25-11-1923 Ciudad Lineal (Madrid) Campionato interrexional
(cuartos de final)
Centro 1 - 0
28-07-1929 Riazor (A Coruña) amigable (Festas das Dores) Centro 0 - 0
01-06-1930 Balaídos (Vigo) amigable Sporting de Lisboa 4 - 2 Losada Polo
08-06-1930 Chamartín (Madrid) amigable (a beneficio das familias do naufraxio de Bouzas) Centro 1 - 4 Losada Fariña Hilario
25-12-2005 San Lázaro (Santiago de Compostela) amigable Uruguai Uruguai 3 - 2 Nano 9' Deus 48' 79'
28-12-2006 Riazor (A Coruña) amigable Ecuador Ecuador 1 - 1 Jonathan Pereira 68'
27-12-2007 Balaídos (Vigo) amigable Camerún 1 - 1 Julio Álvarez 70'
27-12-2008 Riazor (A Coruña) amigable Irán Irán 3 - 2 Nacho Novo 22' 58' Roberto Losada 65'
20-05-2016 Riazor (A Coruña) amigable Venezuela 1 - 1 Iago Aspas 36'
31-05-2024 Balaídos (Vigo) amigable Panamá 0 - 2
Pechar

Palmarés

Selección absoluta

Selección de afeccionados

Outras seleccións

  • Campionato de España sub-18 (1): 1983[118]
  • Campionato de España sub-16 (1): 1990[119]
  • Campionato de España feminino (1): 1985[120]

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.