selección nacional de fútbol From Wikipedia, the free encyclopedia
A selección de fútbol de Galicia é o equipo de fútbol formado por xogadores galegos, que representa á Federación Galega de Fútbol, independentemente de que participen ou non con outras seleccións nacionais recoñecidas pola FIFA. Dado que este organismo non é membro da FIFA nin do COI, a selección absoluta galega non pode participar en torneos oficiais e só disputa partidos amigábeis a nivel internacional. Porén, en categorías inferiores participa nas competicións que organiza a Federación Española de Fútbol, e dende 1999 a selección de Galicia de afeccionados disputa a Copa das Rexións da UEFA.
Galicia | ||
---|---|---|
| ||
| ||
Asociación | Federación Galega de Fútbol | |
Confederación | {{{Confederación}}} | |
Código FIFA | ||
Alcume | A Irmandiña[1][3] | |
Clasificación FIFA | {{{Ranking}}} | |
Clasificación ConIFA | {{{Ranking ConIFA}}} | |
Seleccionador | Diego Martínez Penas[5] | |
Máis encontros | ||
Máximo goleador | ||
Estrea internacional Galicia 4 - 1 Centro Coia, Vigo; 19 de novembro de 1922 | ||
Maior vitoria Galicia 8 - 2 Escuadra británica Coia, Vigo; 21 de xaneiro de 1923 | ||
Maior derrota Galicia 1 - 3 Asturias Coia, Vigo; 25 de febreiro de 1923 | ||
O equipo é coñecido familiarmente como «A Irmandiña», rememorando a historia da Galicia medieval, na cal se constituíron Irmandades para a defensa do pobo fronte os abusos dos señores.
A confección da primeira selección galega prodúcese para a disputa do Campionato Interrexional da tempada 1922/23, un campionato de carácter obrigatorio no que participan as seleccións das federacións afiliadas á Real Federación Española de Fútbol, as cales podían seleccionar calquera futbolista dos seus clubs federados independentemente do lugar onde nacera, e co que se pretendía confeccionar un combinado estatal en condicións que representase a España nos Xogos Olímpicos de 1924.[6][7]
Os seleccionadores desta primeira etapa son Manuel de Castro e Pepe Bar.[8] O debut oficial prodúcese o 19 de novembro de 1922 fronte á selección do Centro (ás veces tamén chamada Castela, xa que a Federación Centro abranguía as provincias castelás de Ávila, Cidade Real, Cuenca, Guadalaxara, Madrid, Segovia e Toledo) nos cuartos de final do Campionato Interrexional, gañando o equipo galego por 4-1. O partido foi disputado no campo vigués de Coia. O equipo titular da estrea estaba formado por Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Balbino Clemente, Pepe Hermida, Moncho, Ramón González, Chiarroni, Polo, e Pedro Pinilla. Chiarroni marcou o 1-0. Empatou a selección Centro cun gol de Monjardín (xogador que curiosamente nacera na Coruña). Polo adiantou de novo á selección galega. Pinilla de penalti marcou o 3-1 e Ramón fixo o cuarto tanto galego.[9][10][11]
O primeiro partido fronte a un rival internacional tivo lugar o 7 de xaneiro de 1923. Galicia enfrontouse a unha selección lisboeta, da que formaban parte moitos xogadores da selección portuguesa, vencendo por 3-1. Por Galicia xogaron: Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Jacobo Torres, Balbino, Reigosa, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla. A selección gañou 3-1, con dous goles de Polo e un de Reigosa.[12][13][14]
O 14 de xaneiro de 1923 a selección galega enfrontouse en Sevilla ao equipo de Andalucía no encontro de semifinais do Campionato Interrexional. O once galego compoñíano os mesmos xogadores que gañaran á selección lisboeta a semana anterior: Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Torres, Balbino, Reigosa, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla. Aos tres minutos, Ramón conseguiu o primeiro gol dos galegos. Empatou Andalucía de penalti pouco antes do descanso. Polo logrou o desempate e Ramón e, por cabo, Chiarroni ampliaron a vantaxe galega.[15][16][17]
Unha semana despois, o 21 de xaneiro, a selección galega contendeu en Coia contra unha selección da escuadra inglesa. No equipo de Galicia xogaban Isidro, Otero, Juanito Clemente, Queralt, Torres, Balbino, Salvador, Ramón González, Chiarroni, Polo e Pinilla. Pinilla abriu o taboleiro, Ramón marcou o segundo tanto e Pinilla repetiu fortuna co terceiro gol[Cómpre referencia]. Os ingleses conseguiron minguar a vantaxe antes do descanso. Os xogadores foron ao vestiario cun 4-2 favorábel aos galegos. Na segunda parte a selección galega lograría catro tantos máis. O taboleiro rexistrou finalmente un 8-2 a favor da selección de Galicia.[18][19]
O 28 de xaneiro a selección de Pontevedra enfrontouse á selección galega en Bouzas. Adiantouse o equipo de Galicia cun gol de Luís Correa. E no segundo tempo anotaron gol Polo, Chiarroni e outra vez Correa. A selección da ‘boa vila’ logrou o tanto de honra por medio de Besada e o partido rematou cun 4-1 no taboleiro.[20][21] Ao domingo seguinte disputouse en Pontevedra o partido de volta. Gañou a selección galega 1-3. O partido foi xogado en Pasarón. Pasarín, de penalti, e Chiarroni, en dúas ocasións, foron os goleadores do combinado galego. O gol da selección lerense foi anotado por Castillo.[22][23][24]
A selección aínda xogou un partido de adestramento máis antes da final do Campionato Interrexional. Foi o 18 de febreiro no campo de Coia fronte dun combinado ferrolán-coruñés. Venceu a selección galega 7-1.[25][26] Tres goles foron obra de Ramón González, dous de Polo e outros dous de Chiarroni.[27]
Por cabo, o 25 de febreiro de 1923 o equipo de Galicia xogou contra a selección asturiana a final do Campionato Interrexional. No once galego estaban Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Torres, Hermida, Reigosa, Balbino, Chiarroni, Polo e Pinilla. Ramón González non puido xogar a final por lesión. Polo rompeu o marcador cun tanto, pero os asturianos protagonizaron unha remontada que pechou o marcador cun 1-3 e a primeira derrota da selección de Galicia, que rematou subcampioa do torneo.[28][29][30][31][32] A causa do resultado os seleccionadores presentaron a súa dimisión,[33] mais a Federación Galega de Fútbol pediulles que a retirasen.[34] Despois da derrota, houbo críticas ao feito de que a selección galega fose confeccionada soamente con xogadores do Fortuna de Vigo e do Vigo Sporting e non se contase cos xogadores dos outros equipos galegos.[31][32][35][36] Porén, a boa imaxe amosada no torneo serviu de pulo para que ese mesmo ano os dous clubs vigueses decidisen fundirse nun só e crear o Real Club Celta de Vigo.[37][38]
En maio dese mesmo ano, a selección galega enfrontouse outra vez coa selección de Lisboa, desta volta na capital lusa o 27 de maio. Na selección de Galicia xogaban Isidro, Juanito, Pasarín, Viñas, Balbino, Machín, Reigosa, Ramón, Manolo Posada, Polo e Pinilla. Marcou de penalti Pinilla, pero os lisboetas déronlle a volta ao marcador cos goles de João Francisco e de Jaime Gonçalves.[39][40]
En novembro de 1923 comezou o campionato Campionato Interrexional da tempada 1923/24, enfrontándose o día 25 dese mesmo mes a selección de Galicia contra a selección do Centro no campo de Ciudad Lineal, en Madrid, no partido de cuartos de final. Gañou a selección do Centro por 1-0. O equipo galego estivo formado por: Isidro, Clemente, Hermida, Queralt, Balbino, Viñas, Reigosa, Gerardo, Chicha, Polo e Pinilla.[41][42][43]
O Campionato Interrexional foi suprimido na asemblea da Real Federación Española de Fútbol celebrada o verán de 1924,[44] pechándose así esta primeira etapa.
Os seguintes partidos xorden de iniciativas particulares e non da propia federación. En 1929, co gallo da Coroación da Virxe das Dores na Coruña,[45] o comité promotor dos festexos concertou un partido benéfico entre as seleccións de Galicia e do Centro en Riazor.[46] O equipo galego aliñou con Isidro, Manolín, Pasarín, Hermida, Rivera, Basterrechea, Reigosa, Hilario, Rogelio, Polo e Pérez. Os futbolistas Hilario, Pérez, Manolín e Basterrechea aínda que xogaban en clubs galegos non naceran en Galicia, pero iso non foi impedimento para que participasen igualmente no conxunto galaico. A selección do Centro tamén aliñou xogadores non nados no seu ámbito territorial pero que militaban nos clubs desa federación, coma Prats, Esparza, Peña, Rubio, Marín, Vázquez ou o galego Cosme. O partido rematou cun empate 0-0.[46][47][48]
O 8 de xuño de 1930 celebrouse un partido no campo de Chamartín entre a selección de Galicia e a selección do Centro. O partido convocouse para recadar fondos para as familias damnificadas polo naufraxio de catro pesqueiros de Bouzas.[49][50][51][52] A iniciativa partiu de Ramón Fernández Mato.[53][54] Ademais, o Concello de Vigo custeou unha artística copa de prata chamada Copa Vigo, deseñada por Federico Ribas, que sería outorgada á selección gañadora.[50][51][55] A aliñación galega foi Isidro, Jiménez, Pasarín, Paredes, Vega, Fariña, Reigosa, Losada, Chacho, Hilario e Polo. Formaron coa selección galega Jiménez e Hilario aínda que non eran nados en Galicia, e coa selección Centro xogadores como Ordóñez, San Miguel, Triana, Morera e Cosme aínda que non naceran nas provincias castelás que abranguía a súa federación. Comezou o partido marcando dous goles Losada e un gol Fariña, acabando o primeiro período con tres goles de vantaxe a favor dos galaicos. No descanso Lilo subtituíu a Isidro na portaría. Na reanudación, os do Centro conseguen marcar por medio de Ordóñez e cando xa se achegaba o final do partido Hilario anota o cuarto gol galego, finalizando así o encontro cun 1-4 a favor da selección galega.[56][57][58] Unha semana antes, Galicia derrotara o Sporting Clube de Portugal en Balaídos por 4-2. No equipo galego xogaran Isidro, Cabezo (que foi substituído aos cinco minutos por Jiménez), Hermida, Paredes, Vega, Fariña, Reigosa, Losada, Polo, Hilario e Rubio. Tres goles foron marcados por Losada e o outro por Polo. Os goles lisboetas foron de Correia e Rogério.[59]
Durante estes anos, houbo tamén outros partidos de homenaxe onde tomaron parte combinados de xogadores galegos, coma o disputado o 11 de agosto de 1929 en Riazor para homenaxear a Luis Otero, onde xogou o Deportivo da Coruña con Samitier (do F.C. Barcelona) e Cosme (do Real Madrid) fronte a unha selección galega formada por xogadores do Celta de Vigo, Racing de Ferrol e o defensa Calvo do Racing Club de Madrid, empatando 0-0,[60][61] ou o disputado o 7 de setembro de 1930 en homenaxe a Ramón Polo, onde un combinado galego derrotou en Balaídos o Athletic Club (campión de Liga e Copa ese ano) por 5-4.[62][63] Outros partidos con combinados galegos foron un partido en homenaxe a Isidro no que xogaron o Deportivo da Coruña e unha selección galega en Riazor o 23 de agosto de 1931 no que gañou o club herculino 3-1,[64][65] un encontro en homenaxe a Manuel Rivera xogado no Inferniño o 22 de agosto de 1932 entre o Racing de Ferrol e unha selección galega con vitoria para o equipo departamental 3-2[66] ou un partido entre a selección de Lisboa e un combinado de futbolistas do Celta e o Deportivo que se xogou na capital lusitana o 29 de xuño de 1930 con vitoria para os lisboetas por 4-2.[67][68]
En 1936, o Comité Rexional Pro-Olimpíada Popular seleccionou un combinado galego para participar na Olimpíada Popular de Barcelona,[69] resposta internacional aos Xogos de Berlín. O 12 de xullo, seis días antes do golpe de Estado, xogou o combinado galego un encontro de adestramento en Balaídos.[70] Segundo afirman certas fontes,[71] moitos destes xogadores galegos ficarían na Cidade Condal, a maioría loitaría no bando republicano, e segundo algúns testemuños habería xogadores galegos deste equipo que disputarían encontros xunto a outros soldados durante a guerra civil española e a segunda guerra mundial.
En maio de 1939, ao remate da guerra civil, anunciouse un partido en Balaídos entre o Futebol Clube do Porto e “a selección galega”,[72][73] que rematou 5-1 a favor dos portuenses.[74] A pesar de se anunciar con ese título, non foi un partido oficial da selección, xa que non foi organizado pola Federación Galega de Fútbol, razón pola cal o Racing de Ferrol se negou a ceder os seus xogadores.[75] Despois deste encontro tamén se publicou na prensa que se estaban a facer xestións para que unha selección galega, que desta volta si sería confeccionada pola FGF, xogase no Porto contra o club dos dragões,[76][77] pero isto non se chegou a producir.
Durante este período foron disputados algúns partidos onde participaron combinados de xogadores galegos, coma o xogado en 1943 entre o Deportivo da Coruña e un equipo de galegos con Ricardo Zamora na meta.[78][79][80] En 1961 unha selección galega enfrontouse en Pasarón a outra do norte de Portugal, formando parte do equipo galego xogadores como Domínguez, Lamelo, Matito ou Jaime Blanco. O resultado foi de empate 1-1, sendo Villita o autor do gol galego.[81]
Nesta época apareceu a selección galega xuvenil, que comezou a participar no campionato estatal organizado pola Real Federación Española de Fútbol e acadou o subcampionato en 1966.[82] Durante esta etapa tamén aparece a selección galega de afeccionados, xunto a outras seleccións territoriais de afeccionados de España, co propósito de promover o fútbol non profesional e con vistas á creación dunha selección española que tomaría parte na Copa da UEFA Amateur.[83]
O primeiro partido da selección absoluta galega despois da ditadura estivo a piques de celebrarse o 24 de xullo de 1980 en Compostela, pero colleu os xogadores de vacacións. O partido ía ser contra Euskadi.
En 1982, antes do Mundial de España, houbo unha tentativa para organizar un partido contra Camerún.
A finais dos 90, o movemento bravú recuperou a Selección Galega para o debate impulsado por Siareiros Galegos dende 1996, co agrupamento de peñas do Celta, do Deportivo e mais da S.D. Compostela. En 1997, Xurxo Souto catalizou a creación do primeiro número da revista Bravú, de periodicidade irregular e que se vendía acompañado polo álbum musical Selección Xa!, dedicada á recuperación da selección galega.
A idea reencarnouse deportivamente na Estrada, nun partido entre seareiros e profesionais do xornalismo e da cultura en Galicia, que comezou coa Marcha do Antigo Reino de Galicia. Os seareiros gañaron 7-2. No equipo de intelectuais xogaban Afonso Eiré na meta, Antón Reixa, Xosé Cid Cabido e Xosé Manuel Pereiro na defensa; Moncho Viña, Manuel Rivas, Rómulo Sanjurjo, Xurxo Souto ou Paco Lodeiro na media e cara a adiante.
A selección galega absoluta foi recuperada finalmente no ano 2005. En agosto iniciáronse as xestións cunha xuntanza entre Julio Meana, presidente da Federación Galega de Fútbol, e Santi Domínguez, Director Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia co goberno bipartito[84] e en setembro anunciouse un encontro para o 28 ou 29 de decembro en Santiago de Compostela.[85] Finalmente, o estadio Multiúsos de San Lázaro bautizou a selección galega de fútbol na súa posta de longo fronte á selección do Uruguai o sábado 29 de decembro de 2005. O colexiado ourensán Bernardino González Vázquez dirixiu o encontro. O resultado foi 3-2 a prol de Galicia.[86]
Os seleccionadores do primeiro combinado nacional foron Fernando Vázquez e Arsenio Iglesias. O once inicial estivo composto por: Diego López, na portería; Otero e Cabrejo, nos laterais; Rubén e Capi, centrais; Cabanas e Borja, pivotes; Julio Álvarez, Pablo Álvarez e Nano, centrocampistas, e Losada como home máis adiantado.
O técnico galego Fernando Vázquez, antes de comezar o partido, quitoulle importancia ao posible resultado, defendendo que o combinado galego se converteu nun "símbolo de identidade", algo que na súa opinión, lle facía falta a Galicia.
O estadio de Riazor acolleu o 28 de decembro de 2006 o segundo partido da época contemporánea da selección de Galicia. Enfronte estivo a selección de Ecuador, e o resultado final foi de empate a un (1-1),[87][88] con goles do ecuatoriano Calle e de Jonathan Pereira para os galegos. O once inicial foi o formado por López, Barragán, Rubén, Noguerol, Fuentes, Viqueira, Borja, Julio Álvarez, Nano, Trashorras e Couñago.
O 27 de decembro de 2007, no estadio vigués de Balaídos, a selección galega enfrontouse a Camerún, no que era o terceiro partido da época contemporánea. O partido comezou cunha hora e corenta e cinco minutos de atraso, debido a liortas internas na selección do Camerún,[89] e rematou con empate (1-1), os dous goles metidos de penalti, adiantándose primeiro Galicia, por medio de Julio Álvarez no minuto 70, e empatando para Camerún Song, no minuto 87.[90] Pese ao atraso da selección do Camerún, os seareiros rozaron o cheo no estadio, chegando aos 28.000 afeccionados.
De novo o 27 de decembro, en 2008, no estadio de Riazor, a selección galega enfrontouse á de Irán con resultado favorable á Irmandiña por 3 a 2[91]. O primeiro gol anotouno o galego Nacho Novo no minuto 22. A selección iraniana empatou no minuto 31 do primeiro tempo por mediación de Borhani. Xa na segunda parte Nacho Novo por segunda vez puxo por diante a Galicia, no minuto 58 de partido. Pouco despois, no 65 e de penalti, Roberto Losada ampliaba o marcador batendo o porteiro e poñendo o 3-1 no marcador. O iraniano Khalatbari recortou o marcador poñendo o definitivo 3 a 2.[92]
O partido contra a selección de Irán converteuse no último encontro oficial disputado pola Selección Galega, ao suspenderse a axuda por parte da Xunta de Galicia unha vez o Partido Popular gañou as eleccións de 2009 e colocou a José Ramón Lete como Director Xeral para o Deporte, quen rematou abruptamente coas experiencias da selección galega[93] e ao tempo co equipo ciclista Xacobeo Galicia.
Dende ese momento a asociación de afeccionados Siareir@s Galeg@s comezou a organizar encontros anuais entre unha selección galega mixta (formada por futbolistas pertencentes aos clubs da Segunda División B, da Terceira División e das ligas femininas) e outras seleccións do exterior, co obxecto de reivindicar a recuperación oficial da selección e a total liberdade para defender as cores de Galicia en competicións internacionais. Os partidos leváronse a cabo sen axuda federativa nin institucional, e segundo os organizadores, enfrontáronse a moitas trabas xa que os equipos de Primeira e Segunda División non cederon os seus xogadores e mesmo os árbitros tiveron moitos problemas para poder dirixir os encontros.[94] Organizaron cinco partidos entre 2009 e 2013, deixando de organizalo en 2014.[95]
Ese mesmo ano, a Federación Galega de Fútbol, despois dunha conversa que mantiveron Fernando Vázquez e Johan Cruyff, tentou organizar dous encontros amigables fronte a Cataluña,[1] pero finalmente non se chegaron a concretar.[95] En decembro de 2015, Siareir@s Galeg@s organizou un novo encontro reivindicativo.[96] Nesas mesmas datas, Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, anunciou en declaracións á Televisión de Galicia que no ano 2016 sería disputado un encontro da selección galega oficial.[97][98] Previamente Lucas Pérez e Iago Aspas manifestaran publicamente o seu apoio á volta da selección galega e o seu desexo de formar parte dela.[97][98]
En abril de 2016, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, anunciou oficialmente a celebración dun encontro da selección galega absoluta fronte á selección de Venezuela o día 20 de maio no estadio de Riazor.[99][100] Foron designados seleccionadores Míchel Salgado e Fran.[101] O partido foi disputado na data prevista, rematando cun empate 1-1. O gol galego foi anotado por Iago Aspas no minuto 36. O equipo venezolano conseguiu empatar grazas a un gol de Josef Martínez no minuto 92, co partido a piques de finalizar.[102][103]
Logo doutros oito anos sen actividade, o 31 de maio de 2024 o combinado galego xogou un amigable contra a selección de fútbol de Panamá.[104] O seleccionador foi Diego Martínez Penas. Xusto antes de comezar o encontro, a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) anunciou que Iago Aspas non ía xogar por mor dunhas molestias durante o quecemento.[105] O partido rematou cunha derrota para a selección galega. Panamá marcou dous goles, o primeiro de penalti no minuto 25, obra do seu capitán, Eric Davis, e o segundo no minuto 40 por Roderick Miller.[105]
O primeiro uniforme da selección empregado en 1922 e 1923 consistía nunha camisola branca coa cruz de Santiago no peito e pantalón azul.[106] A selección que xogou en 1930 contra a do Centro e o Sporting C.P. utilizou unha camisola branca cun escudo co dragón verde sobre fondo dourado atribuído aos reis suevos.[107][108] A recuperación da selección absoluta en 2005 trouxo un deseño completamente novo cunha camisola branca con franxas azuis inclinadas 45º graos inspiradas na da bandeira de Galicia.[109][110] En 2016 volveu a camisola branca como primeiro equipamento.[111] A selección galega de afeccionados e outras categorías inferiores teñen empregado outro uniforme composto de camisola branca coa franxa diagonal da bandeira galega, pantalón azul e medias brancas.[112]
Selección absoluta 2005-08
|
Selección absoluta 2016 Titular
|
Selección absoluta 2016 Alternativo
|
Listaxe oficial de convocados para o partido fronte á selección de Panamá o 31 de maio de 2024:[113]
Partidos disputados e goles actualizados a 31 de maio de 2024.
Nome | Data de nacemento | Club | P.D. | G. | Debut |
---|---|---|---|---|---|
Porteiros | |||||
1- Iván Villar | 9 de xullo de 1997 (27 anos) | Celta de Vigo | 1 | 0 | 31-05-2024 |
13- Fran Vieites | 7 de maio de 1999 (25 anos) | Real Betis | 1 | 0 | 31-05-2024 |
25- Álvaro Ratón | 29 de xaneiro de 1993 (31 anos) | Wisła Kraków | 1 | 0 | 31-05-2024 |
Defensas | |||||
2- Kevin Vázquez | 23 de marzo de 1993 (31 anos) | Celta de Vigo | 1 | 0 | 31-05-2024 |
19- Jonny Otto | 3 de marzo de 1994 (30 anos) | PAOK | 2 | 0 | 20-05-2016 |
4- Germán Novoa | 6 de agosto de 1996 (28 anos) | CD Arenteiro | 1 | 0 | 31-05-2024 |
28- Carlos Domínguez | 11 de febreiro de 2001 (23 anos) | Celta de Vigo | 1 | 0 | 31-05-2024 |
18- Lucas Taibo | 2 de marzo de 2006 (18 anos) | Sporting CP | 1 | 0 | 31-05-2024 |
15- Quique Fornos | 1 de xaneiro de 1997 (27 anos) | Cultura Leonesa | 1 | 0 | 31-05-2024 |
3- Álvaro Carreras | 23 de marzo de 2003 (21 anos) | SL Benfica | 1 | 0 | 31-05-2024 |
20- Hugo Bueno | 18 de setembro de 2002 (22 anos) | Wolverhampton | 1 | 0 | 31-05-2024 |
14- Álvaro Lemos | 30 de marzo de 1993 (31 anos) | UD Las Palmas | 1 | 0 | 31-05-2024 |
5- Miguel Loureiro | 21 de novembro de 1996 (27 anos) | SD Huesca | 1 | 0 | 31-05-2024 |
Centrocampistas | |||||
6- Diego Villares | 17 de xuño de 1996 (28 anos) | Deportivo da Coruña | 1 | 0 | 31-05-2024 |
8- Álex López | 11 de xaneiro de 1988 (36 anos) | Racing de Ferrol | 1 | 0 | 31-05-2024 |
8- Hugo Sotelo | 19 de decembro de 2003 (20 anos) | Celta de Vigo | 1 | 0 | 31-05-2024 |
8- Iker Losada | 1 de agosto de 2001 (23 anos) | Racing de Ferrol | 1 | 0 | 31-05-2024 |
Dianteiros | |||||
17- Héber Pena | 19 de xaneiro de 1990 (34 anos) | Racing de Ferrol | 1 | 0 | 31-05-2024 |
21- Luis Chacón | 30 de maio de 2000 (24 anos) | CD Arenteiro | 1 | 0 | 31-05-2024 |
9- Manu Justo | 9 de febreiro de 1996 (28 anos) | Racing de Ferrol | 1 | 0 | 31-05-2024 |
11- Miguel Rodríguez | 29 de abril de 2003 (21 anos) | Celta de Vigo | 1 | 0 | 31-05-2024 |
7- Lucas Pérez | 10 de setembro de 1988 (36 anos) | Deportivo da Coruña | 2 | 0 | 20-05-2016 |
10- Iago Aspas | 1 de agosto de 1987 (37 anos) | Celta de Vigo | 1 | 1 | 20-05-2016 |
Data | Campo | Competición | Rival | Resultado | Goleadores |
---|---|---|---|---|---|
19-11-1922 | Coia (Vigo) | Campionato interrexional (cuartos de final) |
Centro | 4 - 1 | Chiarroni Polo Pinilla Ramón González |
07-01-1923 | Coia (Vigo) | amigable | Lisboa | 3 - 1 | Polo Reigosa |
14-01-1923 | Reina Victoria (Sevilla) | Campionato interrexional (semifinais) |
Andalucía | 1 - 4 | Ramón González Polo Chiarroni |
21-01-1923 | Coia (Vigo) | amigable | Escuadra británica | 8 - 2 | Pinilla Ramón González |
28-01-1923 | Bouzas (Vigo) | amigable | Pontevedra | 4 - 1 | Correa Polo Chiarroni |
04-02-1923 | Pasarón (Pontevedra) | amigable | Pontevedra | 1 - 3 | Pasarín Chiarroni |
18-02-1923 | Coia (Vigo) | amigable | A Coruña-Ferrol | 7 - 1 | Ramón González Polo Chiarroni |
25-02-1923 | Coia (Vigo) | Campionato interrexional (final) |
Asturias | 1 - 3 | Polo |
27-05-1923 | Campo Grande (Lisboa)[114] | amigable | Lisboa | 2 - 1 | Pinilla |
25-11-1923 | Ciudad Lineal (Madrid) | Campionato interrexional (cuartos de final) |
Centro | 1 - 0 | |
28-07-1929 | Riazor (A Coruña) | amigable (Festas das Dores) | Centro | 0 - 0 | |
01-06-1930 | Balaídos (Vigo) | amigable | Sporting de Lisboa | 4 - 2 | Losada Polo |
08-06-1930 | Chamartín (Madrid) | amigable (a beneficio das familias do naufraxio de Bouzas) | Centro | 1 - 4 | Losada Fariña Hilario |
25-12-2005 | San Lázaro (Santiago de Compostela) | amigable | Uruguai | 3 - 2 | Nano 9' Deus 48' 79' |
28-12-2006 | Riazor (A Coruña) | amigable | Ecuador | 1 - 1 | Jonathan Pereira 68' |
27-12-2007 | Balaídos (Vigo) | amigable | Camerún | 1 - 1 | Julio Álvarez 70' |
27-12-2008 | Riazor (A Coruña) | amigable | Irán | 3 - 2 | Nacho Novo 22' 58' Roberto Losada 65' |
20-05-2016 | Riazor (A Coruña) | amigable | Venezuela | 1 - 1 | Iago Aspas 36' |
31-05-2024 | Balaídos (Vigo) | amigable | Panamá | 0 - 2 |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.