Os aborixes australianos son, xunto cos insulares do estreito de Torres, os descendentes dos primeiros habitantes do continente australiano e as súas illas adxacentes. Segundo a lexislación australiana, ámbolos dous pobos constitúen o conxunto dos pobos indíxenas do país. O territorio tradicional dos aborixes esténdese por toda Australia, Tasmania e as Illas do estreito de Torres. Dende 1988, no día do bicentenario de Australia, moitos deles rexeitaron o nome "aborixe" (do latín ab origen que define ós autóctonos dun poboamento)[2] e prefiren o termo koori (o noso pobo, en moitas linguas aborixes), xa que o termo adquiriu connotacións negativas e ten reminiscencias do pasado colonial.[3] Dende os anos 80 está a coller forza o termo "indíxena australiano" por ser máis inclusivo.[4]
Aborixes australianos | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Poboación | |||||||||||||
Poboación total: 984 000 (2021)[1] 3,8% do total da poboación de Australia | |||||||||||||
Rexións principais: | |||||||||||||
Territorio do Norte | 30,3% | ||||||||||||
Tasmania | 5,5% | ||||||||||||
Queensland | 4,6% | ||||||||||||
Australia Occidental | 3,9% | ||||||||||||
Nova Gales do Sur | 3,4% | ||||||||||||
Australia Meridional | 2,5% | ||||||||||||
Territorio da Capital Australiana | 1,9% | ||||||||||||
Victoria | 0,9% | ||||||||||||
Aspectos culturais | |||||||||||||
Lingua | Linguas aborixes, inglés | ||||||||||||
Relixión | Cristianismo 73% Non crentes 24% Animismo (Tempo do Soño) 1% | ||||||||||||
Grupos relacionados | Insulares do estreito de Torres, papúas e kanaka |
Distínguense dous tipos de aborixes australianos, os do continente e Tasmania e os das Illas do estreito de Torres. Estes últimos son considerados diferentes porque tanto lingüisticamente como cultural e fisicamente seméllanse máis ós melanesios de Nova Guinea. A poboación de indíxenas Australianos no momento de colonización permanente Europea estimouse entre uns 318 000[5] e 1 000 000,[6] cunha distribución semellante á da poboación actual de Australia, na que a maioría vive no sueste do contintente.[7]
Terminoloxía
Indíxenas australianos
A pesar de que os indíxenas australianos son vistos como amplamente relacionados como parte da que foi chamada "raza australoide",[8] hai diferenzas significativas nos costumes sociais, culturais e lingüísticos entre os aborixes e os Insulares do estreito de Torres. De feito, o termo "aborixe australiano" só incluiría ós autóctonos de Australia e Tasmania e o termo "indíxenas australianos" acollería tamén ós autóctonos das Illas do estreito de Torres. A palabra aborixe foi usada en Australia para describir ós seus pobos indíxenas xa en 1789. Logo chegou a ser capitalizada e utilizada como nome común para referirse a tódolos australianos indíxenas.[4][9][10]
Grupos rexionais
- Artigo principal: Lista dos pobos indíxenas de Australia.
Existen máis de 400 pobos indíxenas australianos, con cadanseus trazos culturais diferenciados e unha localización xeográfica propia.[11] Normalmente son identificados polo nome da súa lingua ou pola palabra pola cal se autonomean. Entre estes grupos inclúense:[12]
- Koori (ou Koorie) en Nova Gales do Sur e Victoria
- Ngunnawal no Territorio da Capital Australiana e os arredores de Nova Gales do Sur
- Murri en Queensland e algunhas zonas do norte de Nova Gales do Sur
- Murrdi no suroeste e centro de Queensland
- Nyungar no sur de Australia Occidental
- Yamatji no centro de Australia Occidental
- Wangai en Australia Occidental
- Nunga no sur de Australia
- Anangu no norte de Australia do Sur e áreas veciñas de Australia Occidental e o Territorio do Norte
- Yapa no oeste do Territorio do Norte
- Yolngu no leste de Terra de Arnhem
- Tiwi nas Illas Tiwi[13] na Terra de Arnhem
- Anindilyakwa en Groote Eylandt na Terra de Arnhem
- Palawah (ou Pallawah) en Tasmania.[14]
Estes grupos pódense subdividir á súa vez en grupos máis pequenos, por exemplo, anangu (que designa a unha persoa da rexión do deserto central de Australia) recoñece subdivisións localizadas como pitjantjatjara, yankunytjatjara, ngaanyatjarra, luritja e antikirinya.[6][14]
Tasmania
- Artigo principal: Aborixes tasmanianos.
Os aborixes tasmanianos son os indíxenas da illa da Tasmania en Australia. Entre os anos 1803 e 1833, a poboación de aborixes tasmanianos foi reducida dunha estimación de 5 000 persoas a só preto de 300, principalmente debido ós conflitos cos colonizadores británicos e polas doenzas introducidas por estes. Unha das derradeiras aborixes tasmanianas foi Truganini, que morreu en 1876.[15] Porén, existen moitas persoas descendentes de aborixes tasmanianos nas que perviven algúns aspectos da súa cultura tradicional.
Insulares do estreito de Torres
- Artigo principal: Insulares do estreito de Torres.
Os Insulares do estreito de Torres posúen unha herdanza cultural e historia distinta das tradicións aborixes. Os que viven na área leste do Estreito de Torres, están relacionados cos pobos de Papúa Nova Guinea, e falan unha lingua papúa.[16] Así pois, non son xeralmente incluídos baixo a denominación "aborixes australianos". Este foi outro factor para a promoción do máis inclusivo termo "indíxenas australianos". O 6% dos indíxenas australianos identifícase plenamente como Insular do estreito de Torres. Outro 4% dos indíxenas australianos identifícase tendo herdanza mixta aborixe e do estreito de Torres.[17]
As Illas do Estreito de Torres comprenden máis de 100 illas[18] que foron anexionadas por Queensland en 1879.[18] Eddie Mabo foi un insular do estreito de Torres que loitou polos dereitos de propiedade das terras dos indíxenas australianos. En 1992 viuse implicado no famoso Caso Mabo contra Queensland.[18]
Negro
O termo "negro" foi moitas veces aplicado a indíxenas australianos. A pesar de seren descendentes de antigos inmigrantes africanos,[19] débese máis á súa fisionomía superficial que á etnoloxía, que clasifica os indíxenas australianos entre outros negros en Asia e África, mentres en termos xenéticos os dous grupos son moi diferentes. Na década de 1970, moitos activistas aborixes, como Gary Foley estaban orgullosos do emprego do termo,[20] e o escritor Kevin Gilbert escribiu o libro Living Black que foi moi innovador para a época. No libro, incluíanse entrevistas con membros activos na cultura aborixe como Robert Jabanungga.[21]
Historia
Australia aborixe
- Artigos principais: Historia dos indíxenas de Australia e Prehistoria de Australia.
A meirande parte dos estudosos sitúa a chegada dos seres humanos a Australia hai entre 40 000 e 50 000 anos,[19] cunha marxe de até 125 000 anos atrás.[22] Os primeiros restos humanos modernos atopados en Australia (e fóra de África) son os do Home de Mungo que están datados cunha antigüidade de 42 000 anos.[23][24] A comparación do ADN mitocondrial do esqueleto coñecido como Lago Mungo 3 (LM3) cos dos antigos e modernos aborixes, indicou que o Home de Mungo non está relacionado cos aborixes australianos.[25] Os resultados indican que o Home de Mungo era unha subespecie extinta que diverxeu antes do antergo común máis recente dos humanos contemporáneos.[26][27][28][29] O ADN de LM3 só sobrevive nos humanos modernos como un segmento que se atopa no cromosoma 11.[25]
En xeral, existe a crenza de que os aborixes son os descendentes dunha migración única no continente que se separou das primeiras poboacións humanas ó saír de África hai 64 000-75 000 anos, [30] aínda que unha minoría propón que houbo tres ondas migratorias.[31] Seguramente se tratase dunha migración en barco que aproveitaría o baixo nivel do mar naqueles tempos.
Os pobos aborixes vivían principalmente como cazadores-recolectores que se valían do que lles ofrecía a terra.[32] A sociedade aborixe era relativamente nómade ou seminómade debido ós cambios de dispoñibilidade dos alimentos e o transcorrer das estacións. O modo de vida e a cultura material variaba moito dunha rexión a outra. A maior densidade de poboación situábase nas rexións do sur e leste do continente, sendo particularmente alta no val do río Murray.[33]
Estímase que no momento do primeiro contacto europeo, o mínimo absoluto de poboación aborixe en 1788 era de 315 000 persoas,[5] mentres que os últimos descubrimentos arqueolóxicos suxiren que unha poboación de 750 000 persoas puido ter sido sostida.[6][34][35] Outros académicos cren posible unha estimación dun millón de persoas.[6] A poboación dividiuse en 250 nacións independentes, moitas das cales estaban en alianza con outras. Dentro de cada nación existían varios clans, que podían ser de tan só cinco ou seis membros chegando a grupos de trinta ou corenta. Cada nación tiña a súa lingua propia e unhas poucas tiñan varias.
Dende a colonización británica
A colonización británica de Australia comezou coa chegada do First Fleet na baía Botany no ano 1788.[36] Xurdiu controversia sobre unha consecuencia inmediata da colonización británica, é dicir, ondas de enfermidades epidémicas europeas como sarampelo, varíola e tuberculose. Estudosos como Noel Butlin teñen asignado o gromo de vexigas de 1789 ós colonos europeos. Esta teoría foi impugnada en base a que os pescadores de Makassar e Célebes do Sur puideron ter introducido a varíola en Australia antes que os colonos europeos.[37] Por algún tempo, unha epidemia de varíola que algúns escritores como Judy Campbell asocian aos habitantes de Makassar[37][38] tamén foi atribuída ós colonos brancos.[39][40][41] No século XIX, a varíola era a principal causa de morte dos aborixes australianos.[42] Estímase que acabou coa vida do 90% da poboación darug en 1789. Porén, revisións posteriores como as que fixeron Christopher Warren (2007)[43] e Craig Mear (2008),[44] demostraron que a epidemia de varíola de 1789 foi probablemente causada por fontes británicas do virus importado coa First Fleet. Perante isto, este tema aínda non está resolto debido ás recentes contribucións do programa da Okham's Razor e a revista Quadrant que continuaron a investigar o caso.[45]
Unha consecuencia da colonización británica foi a apropiación de terras e recursos hídricos dos aborixes, que continuou ao longo dos séculos XIX e comezos do XX. Moitas terras foron convertidas en pastos para a cría de gando. En 1834 fíxose o primeiro rexistro dos rastrexadores aborixes, que demostraron ser moi hábiles en se orientar a través da paisaxe australiana e atopar persoas.[46]
Na década de 1860, as caveiras dos aborixes tasmanianos eran internacionalmente moi demandadas para o estudo da antropometría. Truganini, a derradeira aborixe tasmaniana, tivo o seu esqueleto exposto nun museo despois da súa morte en 1876 pola Royal Society de Tasmania. En abril de 1976, case chegando ó centenario da súa morte, os restos de Truganini foron finalmente incinerados e espallados atendendo ós seus desexos.[47][48]
Séculos XX e XXI
Cara ao 1900 a poboación indíxena rexistrada en Australia reducírase a aproximadamente 93 000 persoas.[49] A pesar disto, este só era un reconto parcial dos aborixes e que os pobos do deserto non se contabilizaron en absoluto até a década de 1930.[50] Durante a primeira metade do século XX, moitos dos indíxenas australianos traballaban como gandeiros de ovellas e vacas.
Aínda que, como súbditos británicos que eran, os indíxenas australianos tiñan dereito de voto, polo xeral só o facían aqueles que se integraron na sociedade colonizadora. Só Australia Occidental e Queensland incluíron expresamente os aborixes e insulares do estreito de Torres nas listas electorais. A pesar da Lei da Commonwealth de 1902 que excluía de votar ós "nativos aborixes de Australia, Asia, África e as Illas do Pacífico con excepción de Nova Zelandia", a menos que estiveran na lista antes do 1901, Australia Meridional insistiu en que tódalas persoas con dereito a voto dentro das súas fronteiras debían seguir sendo incluídas nas súas listaxes. Así, os aborixes e os insulares do estreito de Torres foron engadidos en Australia Meridional aínda que sen orde ningunha.[50]
Por outra banda, a pesar dos esforzos para impedir o seu recrutamento, preto de 500 indíxenas australianos loitaron por Australia na primeira guerra mundial.[51]
En 1934 deuse o primeiro recurso dun aborixe australiano ante o Tribunal Supremo e gañouno. Dhakiyarr foi inxustamente condenado polo asasinato dun policía branco, polo que fora sentenciado a pena de morte. O caso centrou a atención nacional sobre os dereitos dos aborixes. Trala liberación de Dhakiyarr non se volveu a saber nada máis del.[52][53] En 1938, durante o 150 aniversario da chegada da First Fleet, nunha reunión de aborixes en Sydney marcou a data como un día de loito e protesta.[54]
Centos de indíxenas australianos serviron nas forzas armadas de Australia durante a segunda guerra mundial, incluíndo o Batallón de Infantaría Lixeira do Estreito de Torres e a Unidade Especial de Recoñecemento do Territorio do Norte, que foron establecidos para protexer o norte de Australia fronte a ameaza da invasión xaponesa.[55]
A década de 1960 foi unha década fundamental na afirmación dos dereitos indíxenas e unha época de crecente colaboración entre activistas aborixes e activistas brancos.[56] En 1962, a lexislación da Commonwealth deu especificamente ós aborixes o dereito de voto nas eleccións da propia Commonwealth.[57] Un grupo de estudantes da Universidade de Sydney organizou unha excursión de autobuses do oeste e do litoral de Nova Gales do Sur en 1965 para aumentar o estado de saúde dos aborixes e as súas condicións de vida. Este Paseo da Liberdade tamén tivo como obxectivo destacar a discriminación social que sofren e incentivalos a resistirse ante esa discriminación.[58]
O referendo de 1967 permitiu á Commonwealth facer leis con respecto aos pobos indíxenas e para incluílos nunha conta para determinar a súa representación electoral. O referendo pasou co apoio do 90,77% dos electores.[59] En 1971, Neville Bonner uniuse ao Senado australiano como un senador por Queensland co Partido Liberal de Australia, tornándose no primeiro aborixe no Parlamento Federal. Un ano máis tarde, a Aboriginal Tent Embassy foi establecida nos chanzos do Parlamento, en Canberra. En 1976, Sir Douglas Nicholls foi nomeado como o gobernador número 28 de Australia Meridional, sendo así a primeira persoa aborixe en conseguilo.[60]
No deporte Evonne Goolagong converteuse na tenista número un do mundo en 1971 e gañou 14 títulos Grand Slam ó longo da súa carreira. En 1973, Arthur Beetson foi o primeiro indíxena australiano en capitanear o equipo nacional australiano de rugby.[61]
En 1984, un grupo de nove persoas dos pintupi que vivían ó xeito tradicional foron localizados no Deserto de Gibson en Australia Occidental e levados a un campamento. Pénsase que foi a derradeira tribo aborixe sen contactar de todo Australia.[62] En 1985, o goberno de Australia devolveu a propiedade de Uluru (formalmente coñecido como Ayers Rock) ó pobo pitjantjatjara.
En 1992, o Tribunal Superior de Australia proferiu a súa decisión no Caso Mabo contra Queensland, declarando inválido o concepto de terra nullius. A Convención Constitucional, que seleccionou un modelo republicano para o Referendo, en 1998, incluíu só seis participantes indíxenas. O modelo republicano, así como unha proposta de Preámbulo Constitucional, que tería incluído a "honra" de aborixes e os insulares do Estreito de Torres, foi enviada a referendo, mais non se acadou.[63] En 1999, o Parlamento australiano aprobou unha Moción de Reconciliación elaborada polo primeiro ministro John Howard, en consulta co senador aborixe Aden Ridgeway, na que mencionaba os malos tratos ós indíxenas como "a maior mancha da nosa historia nacional".[64]
No ano 2000, a velocista aborixe Cathy Freeman acendeu o Facho Olímpico na cerimonia de inauguración dos Xogos Olímpicos de 2000 de Sydney e gañou os 400 metros lisos nos Xogos.
No 2007, o primeiro ministro John Howard e o ministro de Asuntos Indíxenas Mal Brough lanzaron a "Resposta de Emerxencia Nacional no Territorio do Norte" en resposta ás numerosas denuncias de abuso infantil entre as comunidades indíxenas. O goberno prohibiu o alcol nas comunidades prescritas no territorio, puxo en corentena unha porcentaxe dos pagos de benestar social para a compra de bens de primeira necesidade, enviou policías adicionais e persoal médico para a rexión, e suspendeu o sistema de permisos para o acceso ás comunidades indíxenas.[65] O 13 de febreiro de 2008, o primeiro ministro Kevin Rudd pediu desculpas públicas polo caso das Xeracións roubadas en nome do Goberno de Australia.
Ken Wyatt, do Partido Liberal, converteuse no primeiro indíxena australiano electo para a Cámara de Representantes de Australia nas eleccións federais do 2010. En decembro de 2010, o goberno federal australiano nomeou a un xurado composto por líderes indíxenas, expertos legais e algúns membros do Parlamento (incluído Ken Wyatt) para prestar asesoramento sobre a mellor maneira de recoñecer ós aborixes e ós Insulares do estreito de Torres na constitución federal. Durante o ano 2011, o grupo fixo unha gran consulta pública nacional e puxo en marcha un sitio web, baixo o título "You Me Unity". Esta consulta mostrou un apoio maioritario para o recoñecemento constitucional e para a eliminación das seccións da constitución federal que permiten a discriminación racial. O 19 de xaneiro de 2012 o xurado presentou o seu informe final ó Goberno.[66]
Sociedade, cultura e linguas
Hai un gran número de divisións tribais e grupos de linguas aborixes na Australia, e así mesmo, unha gran variedade e diversidade dentro das propias prácticas culturais. Porén, existen algunhas semellanzas entre o que se denomina cultura aborixe.
Linguas
Había máis de 250 linguas e 600 dialectos falados por indíxenas australianos antes da chegada dos europeos. A maioría delas están extintas ou moribundas, con só preto de quince linguas que aínda están a ser faladas por tódolos grupos de idade.[14][67] Hoxe en día, a meirande parte da poboación indíxena fala inglés con construcións e palabras aborixes que axudaron a crear o inglés aborixe australiano.
Os lingüistas clasifican as linguas do continente australiano nun gran grupo, as linguas pama-nyunganas. O resto son por veces agrupadas baixo o termo linguas non pama-nyunganas. As linguas pama-nyunganas constitúen a maioría, cubrindo a maior parte da Australia, e son xeralmente consideradas como unha familia de linguas relacionadas. No norte, que se estende dende o oeste de Kimberley até o Golfo de Carpentaria, atópanse unha serie de linguas non pama-nyunganas que non foron susceptíbeis de ser relacionadas coa familia pama-nyunganas nin entre elas.[68]
Porén, o lingüista Robert Malcolm Ward Dixon suxire que os grupos pama-nyunganos —e de feito toda a área lingüística australiana— é un sprachbund ou grupo de idiomas que teñen un contacto íntimo e longo.[69] Foi necesario que, dada a súa longa presenza na Australia, as linguas aborixes formasen unha agrupación. A posición das linguas de Tasmania é descoñecida, e é tamén descoñecido se comprenden unha ou máis dunha familia idiomática.
Crenzas
- Artigo principal: Mitoloxía aborixe australiana.
Os estudos sobre a relixión entre os indíxenas australianos non son concluíntes dabondo porque a metodoloxía do censo non sempre é axeitada para a obtención de información precisa sobre o pobo aborixe.[70] O censo de 1996 informou que case un 72% dos aborixes practicaban algún tipo de cristianismo e o 16% non practicaba ningunha relixión. Porén, o censo de 2001 non contiña datos cos que facer unha actualización sobre os datos de anos anteriores.[71] Por outra banda, tamén houbo un aumento no número de seguidores do islamismo na comunidade indíxena australiana.[72] Esta crecente comunidade inclúe membros de sona nacional como o boxeador Anthony Mundine.
Os pobos aborixes tradicionalmente están adheridos ás crenzas espirituais animistas. Dentro do sistema de crenzas aborixes, unha época primixenia coñecida como Tempo do Soño remóntase ó pasado afastado no que os antergos creadores (coñecidos como os Primeiros Pobos) viaxaron pola terra, creando e dando nome aló por onde ían.[73]
A tradición oral indíxena de Australia e os seus valores relixiosos baséanse no coidado e respecto pola Terra e na crenza do Tempo do Soño. O "Soño" é á vez o tempo antigo da creación e a realidade actual dos soños. Había gran variedade de estruturas de crenzas, influídas polos distintos grupos humanos e as súas linguas. Estas culturas superpóñense en maior ou menor medida e foron evolucionando co tempo.[74]
Música
Ó longo da súa historia, as diversas comunidades indíxenas australianas foron desenvolvendo instrumentos musicais únicos e estilos populares de seu. O didgeridoo é amplamente considerado como un instrumento estereotipado de todos os pobos aborixes, mais o seu emprego reducíase ós pobos da rexión de Kimberley e a Terra de Arnhem e só podía ser tocado por homes.[75] Os paus de aplauso son posibelmente os instrumentos máis estendidos porque son esenciais para manter o ritmo nas cancións.
A música contemporánea aborixe australiana é predominantemente do xénero country. Máis recentemente, os músicos australianos indíxenas ramificáronse no rock and roll, hip hop e o reggae. Unha das bandas modernas máis coñecidas é Yothu Yindi, que se integra no que adoita chamarse "rock aborixe". Outro grupo moi coñecido foi a Warumpi Band formada por Neil Murray e o carismático líder George Burarrwanga. En 1986 a Warumpi Band e Midnight Oil fixeron unha xira chamada "Blackfella/Whitefella Tour".
Entre os mozos aborixes o hip hop afroamericano e aborixe é moi popular, así como as roupas que identifican a este movemento cultural.[76] A cantante pop Christine Anu acadou tamén unha certa popularidade, chegando a cantar a canción "My Island Home" na cerimonia de clausura dos Xogos Olímpicos de 2000.[77]
Arte
Australia ten unha tradición de arte aborixe que é milenaria. As formas artísticas máis coñecidas son a arte rupestre e a pintura en cortiza. As evidencias artísticas máis antigas datan de hai 30 000 anos.[78] Pódense atopar exemplos de arte rupestre aborixe ó longo de todo o continente, especialmente nos parques nacionais como en Uluru, o Parque Nacional de Kakadu e o Parque Nacional Ku-ring-gai Chase.[79][80][81]
No tocante á antigüidade e á abundancia, a arte rupestre en Australia é comparábel a Lascaux ou Altamira.[82] Pénsase que a arte aborixe é a máis antiga tradición de arte permanente en todo o mundo.[83] Hai tres estilos rexionais principais: o estilo xeométrico que se atopa no centro de Australia, Tasmania, Victoria e Kimberley, coñecido polos seus círculos concéntricos, arcos e puntos; o estilo sinxelo e figurado encontrado en Queensland e o complexo estilo figurativo que se atopa na Terra de Arnhem. Estes deseños xeralmente teñen un significado espiritual relacionado co Tempo do Soño.[84] As pinturas fixéronse polo xeral con cores terrosas e ocre. Estas cores tamén as utilizan hoxe en día para pintar os seus corpos con fins cerimoniais.
Os aborixes actuais continúan coa tradición pero moitos usan materiais modernos para facer as súas obras de arte. William Barak (1824-1903) foi un dos derradeiros Wurundjeri educados ó xeito tradicional. Na súa obra recolleu moitos motivos e formas tradicionais. Margaret Preston (1875–1963) foi unha das primeiras pintoras non aborixes que introduciu motivos indíxenas na súa obra. Albert Namatjira (1902–1959) foi un dos artistas australianos máis famosos. Son coñecidas as súas paisaxes. As obras de Elizabeth Durack son notábeis pola fusión das influencias occidentais e indíxenas. Dende a década de 1970, os artistas indíxenas introdúcense no emprego de pinturas acrílicas con estilos como o movemento Papunya Tula que acadou un gran renome a nivel mundial.
A Galería Nacional de Australia mostra un gran número de obras de arte indíxenas, incluíndo as das Illas do Estreito de Torres, que son coñecidas pola súa escultura tradicional.[85]
Gastronomía
O modo de vida tradicional aborixe baséase nunha simbiose entre home e natureza. O coñecemento culinario dos aborixes é parte integral da súa cultura e transmitíase oralmente. Os alimentos prepáranse asados sobre brasas, ou envoltos en cortizas para ser cocidos en fornos escavados no chan.
Dende finais do século XVIII, a perda dos seus territorios tradicionais de caza e recolección impediu que os aborixes conservasen as súas tradicións alimentarias. Por outro lado, o desprezo manifesto dos colonos europeos cara este tipo de alimentación e a introdución de novos alimentos non aborixes conduciu á desaparición deste tipo de gastronomía, especialmente nas zonas altamente poboadas do suroeste australiano.
Nos anos setenta, varios estudos de botánica e horticultura reviviron o interese na comida tradicional aborixe e púxose de moda. A partir da década de 1990, foi renomeado "bushfood" e comezou a aparecer no menú dalgúns restaurantes gourmet en Sydney, en libros de receitas e programas de cociña na televisión. A crecente demanda de ingredientes salvaxes australianos levou á creación de plantas industriais baseadas no coñecemento dos aborixes, pero estes non participaron neste novo negocio.[86]
Dende o inicio do século XXI, algunhas organizacións australianas están promovendo a incorporación de comunidades indíxenas na produción e comercialización de alimentos aborixes tradicionais.
Literatura
En 1788, os aborixes australianos non desenvolveran aínda un sistema de escritura, polo que os primeiros textos que falan dos aborixes proveñen dos diarios dos primeiros exploradores europeos. Eses diarios contiñan descricións dos primeiros contactos, tanto violentos como amigábeis. Os primeiros escritos dos exploradores neerlandeses e do bucaneiro inglés William Dampier describían ós "nativos de Nova Holanda" como "bárbaros salvaxes". Porén, o capitán James Cook e o marine da First Fleet, Watkin Tench, fixeron descricións máis afábeis. Cook escribiu o seguinte no seu diario o 23 de agosto de 1770: "realmente pódese dicir destas persoas que están no estado puro da natureza. Para algúns poden parecer os seres máis miserábeis da terra, pero en realidade son moito máis felices ca nós... os europeos".[87]
As cartas escritas por antigos dirixentes aborixes como Bennelong ou Douglas Nicholls consérvanse coma tesouros da literatura de Australia, ó igual que as históricas peticións en cortiza de Yirrkala de 1963, que constitúen o primeiro documento tradicional aborixe recoñecido polo Parlamento de Australia.[88] David Unaipon (1872-1967) é recoñecido como o primeiro autor aborixe australiano. A súa obra trata a mitoloxía indíxena. Oodgeroo Noonuccal (1920–1993) foi unha famosa poetisa, escritora e activista aborixe que publicou o primeiro libro de poesía aborixe.[89] Tamén destaca a figura de Sally Morgan como novelista. Por outra banda, os activistas aborixes Marcia Langton e Noel Pearson son activos colaboradores contemporáneos da literatura australiana.
As voces dos indíxenas australianos son tidas cada vez máis conta e destacan o dramaturgo Jack Davis ou Kevin Gilbert. Escritores destacados no século XXI inclúen a Alexis Wright, Tara June Winch, Yvette Holt en poesía e Anita Heissnen en ficción. Tamén son destacábeis escritores non indíxenas que tratan temas aborixes como Judith Wright, Thomas Keneally ou David Malouf.[90]
Hoxe en día segue habendo diferentes interpretacións da historia dos aborixes que son obxecto de debate en Australia, en particular entre os ensaístas Robert Manne e Keith Windshuttle.
Cinema
O cinema australiano ten unha longa tradición e moitas das cerimonias dos indíxenas australianos encontrábanse entre os primeiros temas que se filmaron en Australia. Destaca un filme de bailaríns aborixes de Australia central filmada polo antropólogo Walter Baldwin Spencer en 1900.[91]
En 1955, Jedda foi a primeira longametraxe australiana que se rodou en cor, a primeira que tiña actores aborixes nos papeis principais, e a primeira en participar no Festival Internacional de Cine de Cannes.[92] O filme Walkabout de 1971 foi un filme británico rodado en Australia que foi o precursor das moitas películas australianas relacionadas con temas indíxenas que se fixeron posteriormente. Walkabout tamén supuxo o inicio da carreira cinematográfica de David Gulpilil. De 1976 é o filme The Chant of Jimmie Blacksmith, dirixido por Fred Schepisi, pero non foi até a década de 1990 e comezos do século XXI cando este tipo de cinema colleu verdadeira forza. Desta época son os filmes Dead Heart[93] (protagonizada por Ernie Dingo e Bryan Brown), The Tracker[94] e Rabbit-Proof Fence.[95] No 2006, Ten Canoes converteuse na primeira longametraxe importante rodada nunha lingua indíxena que ademais tivo recoñecemento en Cannes e outros festivais. No 2008 destaca o filme Australia.
Actividades recreativas tradicionais
Woggabaliri está recoñecido pola comisión de deportes de Australia como o xogo indíxena máis antigo e foi o primeiro representado e debuxado polos europeos. Era xogado principalmente polos wiradjuri antes da chegada dos colonos. Trátase dun xogo non competitivo xogado cunha pelota feita de pel de póssum.[96][97] Requírense habilidades parecidas ás do fútbol como o control do balón e o traballo en equipo.
Os djab wurrung e os jardwadjali teñen xogado tamén ó Marn Grook, un xogo parecido ó fútbol. Algúns historiadores afirman que o Marn Grook tivo influencia na formación do Fútbol australiano que se orixinou en Melbourne no 1858.[98]
Poboación
Definición
Ó longo da súa historia, Australia utilizou varios métodos para determinar a pertenza dos diversos grupos étnicos tales como a liñaxe, o sangue, o nacemento ou a autodeterminación. A partir de 1869 até ben entrada a década de 1970, os nenos indíxenas menores de 12 anos de idade e cun 25% ou menos de sangue aborixe, eran considerados como "brancos" e moitas veces eran separados das súas familias polas axencias do goberno federal de Australia e polas misións da Igrexa. A súa escusa era ofrecer "unha oportunidade razoable de absorción na comunidade branca á que pertencen con razón". Moitas das veces, na determinación da súa orixe étnica, dábanse situacións absurdas cando se trataba de persoas de ascendencia mixta:
"En 1935, un australiano con parte de ascendencia indíxena marchou da súa casa nunha reserva local para visitar un hotel, onde foi expulsado por ser aborixe. Entón, tentou regresar á súa casa pero negáronlle a entrada á reserva aludindo que non era aborixe. Por iso, tratou de quitar ós seus fillos da reserva pero dixéronlle que non podía porque os seus fillos eran aborixes. A continuación, dirixiuse á cidade que lle quedaba máis preto, onde foi detido por ser un vagabundo aborixe e foi enviado á reserva local. Durante a segunda guerra mundial tratou de alistarse, pero foi rexeitado por ser aborixe e mandárono a outro estado onde si se puido alistar como non aborixe. Tralo final da guerra, solicitou un pasaporte, pero foille denegado por ser aborixe. Porén, obtivo unha exención en virtude da lei de protección dos aborixes pero dixéronlle que xa non podía visitar ós seus parentes xa que xa non era aborixe."Tradución do orixinal [99]
En 1983, a Corte Suprema de Australia definiu a un aborixe ou a un insular do estreito de Torres como "unha persoa descendente de aborixe ou insulares do estreito de Torres que se identifica a si mesmo e é aceptado como tal pola comunidade na que vive".[100]
O fallo da Corte Suprema foi unha definición susceptible a ser cumprida por tres motivos: a ascendencia, a autoidentificación e a identificación por parte da comunidade. A falta de rexistros para demostrar a ascendencia fixo que moitas persoas ficasen excluídas de recoñecerse como indíxenas. A identificación propia e da comunidade era máis problemática, xa que unha persoa indíxena separada da súa familia e comunidade xa non podía identificarse como indíxena.
Como resultado disto, nos anos 90 xurdiron moitos casos xudiciais de persoas que esixían ser recoñecidas como aborixes. En 1995, o xuíz Drummond ditaminou".. xa sexa unha verdadeira autoidentificación como o recoñecemento comunitario, segundo as circunstancias xa debe ser suficiente." Isto contribuíu a un incremento do 31% no número de persoas que se identifican como indíxenas australianos no censo de 1996, en comparanza co censo de 1991.[101]
En 1998, o xuíz Merkel definiu a ascendencia aborixe como un termo máis técnico que real, é dicir, que se elimina todo requirimento xenético. Esta decisión estableceu que calquera pode ser clasificado legalmente como aborixe, a condición de que sexa aceptado como tal pola súa comunidade.[102]
Inclusión no Censo Nacional
Como non existe un procedemento formal para as comunidades indíxenas para rexistrar a aceptación dos membros da mesma, o método principal para determinar a poboación indíxena é a autoidentificación nos formularios do censo. Até 1967 as estadísticas oficiais de poboación de Australia excluían os nativos aborixes "pura sangue" de acordo co artigo 127 da Constitución de Australia, mais a pesar disto, moitas destas persoas si foron contadas no censo. O tamaño da poboación excluída calculábase xeralmente por separado. Por outra banda, dende 1971 non existe ningunha disposición que distinga a carga xenética aborixe de persoas que son recoñecidas como tales, é dicir, que unha persoa que non ten ascendencia aborixe pero pola contra si é recoñecida por unha comunidade indíxena aparece no censo como aborixe.[103]
Demografía
A Oficina Australiana de Estadísticas mostrou que no 2005 a poboación indíxena crecera ó dobre da taxa da poboación en xeral dende 1996, cando a poboación indíxena era de 283 000. En xuño de 2001, calculouse que a poboación residente indíxena total era de 458 520 (2,4% do total de Australia), o 90% dos cales identificábase como aborixe, o 6% das Illas do estreito de Torres e o 4% restante como de ambos. Gran parte do aumento dende o ano 1996 pódese atribuír a un incremento importante de persoas que se identifican como aborixes ou descendente dos aborixes. A política de discriminación positiva a través de beneficios materiais tamén axudou a que cada vez máis persoas se identifiquen como indíxenas.[50]
- Porcentaxe de poboación indíxena en Australia segundo o censo de 2011.
- Porcentaxe de poboación aborixe en Australia segundo o censo de 2011.
- Porcentaxe de poboación insular do estreito de Torres en Australia segundo o censo de 2011.
- Porcentaxe de poboación mixta insular e aborixe en Australia segundo o censo de 2011.
O estado con maior poboación indíxena en termos absolutos é Nova Gales do Sur, onde constitúen o 2,2% da poboación total do estado. Porén, o Territorio do Norte ten a maior poboación indíxena en termos porcentuais co 31,6% do total. Entre 1991 e 2006 aumentou unha media dun 2,6% por ano, comparado co 1,2% do total do país. A poboación de indíxenas australianos prevese que aumente entre 713 300 e 721.100 persoas para o ano 2021, cunha media de crecemento do 2,2% por ano. O resto dos estados e territorios teñen menos dun 4% de poboación indíxena, sendo Victoria o que ten unha porcentaxe máis baixa cun 0,6%.
Estado | Poboación 2006 | Poboación 2011 |
---|---|---|
Nova Gales do Sur | 152 685 | 208 476 |
Queensland | 144 885 | 188 954 |
Australia Occidental | 70 966 | 88 270 |
Territorio do Norte | 64 005 | 68 850 |
Victoria | 33 517 | 47 333 |
Australia Meridional | 28 055 | 37 408 |
Tasmania | 18 415 | 24 165 |
Territorio da Capital Australiana | 4 282 | 6 160 |
Total | 516 810 | 669 616 |
Segundo os datos do censo realizado o 30 de xuño de 2006, a poboación indíxena ascendía a unhas 517 200 persoas (2,5% da poboación de Australia),[104][105][106] mentres que os datos do censo de 2011 amosaban un crecemento da poboación aborixe, que ascendeu a case 670 000 persoas[107] e pasou a representar o 3% do total dos habitantes de Australia. A poboación repártese do xeito seguinte nos diferentes estados do país:
Os datos do 2006 tamén reflectiron que un 31% da poboación aborixe vive en zonas urbanas, un 45% en zonas rurais e o 24% restante en zonas remotas. As poboacións de Victoria, Australia Meridional e Nova Gales do Sur son as máis urbanizadas.[108] De acordo co censo de 2001, a proporción de matrimonios mixtos entre aborixes e non aborixes era do 69%, en contraste co 64% de 1996, o 51% de 1991 ou o 46% de 1986. O censo tamén reflicte que existen máis matrimonios mixtos nas cidades (un 88% comparado co 60% das zonas rurais), e o 88% dos fillos nados en matrimonios mixtos identifícanse como indíxenas australianos.[109]
A poboación indíxena de Australia é moito máis nova que a poboación non indíxena, cunha idade media estimada de 21 anos (37 anos para os non indíxenas). Isto é debido a que teñen taxas de nacemento e morte tamén máis elevadas.[110] Por este motivo, a estandarización da idade faise comparando as estadísticas de indíxenas e non indíxenas.
Esperanza de vida
A esperanza de vida dos aborixes é difícil de cuantificar con precisión xa que non existen datos fiábeis sobre as mortes da poboación indíxena. É por iso que dúas estimacións de esperanza de vida indíxena que se fixeron no 2008 difiren en até cinco anos.[111] En 1973, nalgunhas rexións había unha esperanza de vida de tan só 47 anos, habendo unha enorme diferenza coas poboacións non indíxenas que tiñan unha esperanza de vida 25 anos maior. Dende 1996, o Instituto australiano de estatística ven usando métodos indirectos para os seus cálculos debido á pouca fiabilidade do censo.
As cifras publicadas no 2005 (59,4 anos para os homes e 64,8 anos para as mulleres) indicaban unha fenda de 17 anos entre a esperanza de vida dos indíxenas e os non indíxenas, aínda que estas cifras non son consideradas moi fiábeis. Usando un novo método baseado no seguimento das mortes de persoas identificadas como indíxenas no censo de 2006, no 2009 a esperanza de vida estimada situouse nos 67,2 anos para os homes (11,5 anos menos que para os non indíxenas) e nos 72,9 anos para as mulleres (9,7 anos menos que para as non indíxenas). Estes datos difiren dependendo da rexión, sendo en Nova Gales do Sur onde os datos son maiores tanto para homes como para mulleres.[112][113][114][115]
Educación e emprego
En xeral, os estudantes aborixes abandonan antes a escola que o resto da poboación e acadan un nivel educativo menor. Porén, a situación foi mellorando progresivamente, producíndose un incremento importante entre os anos 1994 e 2002.[116] Nun estudo de 2004 realizado polo goberno Australiano obtéronse os seguintes datos:
- O 39% dos estudantes indíxenas non deixaba os seus estudos, comparado co 75% da poboación australiana en conxunto.[117]
- O 22% dos indíxenas adultos tiña un certificado de formación profesional ou superior, en comparanza co 48% da poboación australiana en conxunto.[117]
- O 4% dos indíxenas australianos posúe unha licenciatura ou un certificado superior. No conxunto australiano, esta cifra ascende até o 21% da poboación. Esta porcentaxe está medrando, pero máis a modo que o resto da poboación.[117]
Así mesmo, o rendemento académico dos estudantes indíxenas tamén é inferior ó do seus compañeiros.[118] Por este motivo, o goberno australiano vén de levar a cabo unha política educativa que pretende que desaparezan estas diferenzas.[119] Os indíxenas australianos teñen un alto grao de desemprego en comparanza coa media nacional. Isto tamén ten correlación cos baixos resultados educativos. No 2012, a media de ingresos por fogar dos aborixes australianos é o 60% da media non aborixe.
Saúde
Hoxe en día, os indíxenas australianos son dúas veces máis propensos de enfermar que os australianos non indíxenas e teñen 1,5 máis posibilidades de ter unha discapacidade ou enfermidade de longo prazo.[120] Ademais, os factores cando menos parcialmente responsábeis na desigualdade na esperanza de vida dos aborixes son a pobreza, a educación deficiente, o abuso de substancias,[121][122] a dificultade de acceso ós servizos de saúde para comunidades que viven en áreas remotas e as diferenzas culturais que dificultan a comunicación entre os aborixes e os profesionais médicos.[123] Para atallar estas desigualdades, os diversos gobernos federais teñen levado a cabo sucesivos programas para facilitar o acceso das comunidades indíxenas ó servizos de saúde.
Delincuencia
En 2009, a taxa de encarceramento dos indíxenas era 14 veces maior que a dos non indíxenas.[124] No ano 2000, os indíxenas australianos eran máis propensos a ser á vez vítimas e autores dos crimes perpetrados en Nova Gales do Sur.[125] No 2002, os indíxenas eran dúas veces máis susceptíbeis que os non indíxenas de ser vítimas dunha agresión violenta. No 2004, os indíxenas australianos eran 11 veces máis propensos a estar no cárcere (cifras estandarizadas por idade). En xuño do mesmo ano, o 21% dos presos en Australia eran indíxenas. Por outra banda, tamén son moi frecuentes os casos de violencia doméstica e disturbios á comunidade.[126]
Abuso de substancias
A gran variedade de problemas que sofren moitas das comunidades indíxenas (de saúde, sociais e legais) aparecen moitas veces asociados co abuso de substancias tanto legais como ilegais. No 2007 fíxose unha Enquisa Nacional sobre as Drogas nos Fogares que revelou que os indíxenas australianos son máis propensos que os outros australianos a absterse de consumir alcol pero tamén teñen un risco maior de consumir alcol de forma compulsiva.[128] Por outra banda, os adultos indíxenas teñen máis do dobre de probabilidades que os non indíxenas de ser fumadores diarios de tabaco.[129]
Para combater o problema, téñense levado a cabo unha serie de programas para previr ou mitigar o abuso de alcol. Moitas destas propostas son iniciadas dende as propias comunidades indíxenas. Estas estratexias inclúen accións como a declaración de "zonas secas" dentro das comunidades indíxenas mediante a prohibición e restrición ó acceso dos puntos de venda.
Algunhas comunidades (especialmente no Territorio do Norte) presentaron o kava como unha alternativa máis segura que o alcol, xa que os excesos no kava producen somnolencia, en contraste coa violencia que pode ser consecuencia dos excesos co alcol. Estas e outras medidas tiveron un éxito variábel. Mentres que algunhas comunidades rexistraron unha diminución dos problemas sociais asociados ó consumo de alcol, outras seguen tendo o alcolismo como unha preocupación constante.[127]
A inhalación de gasolina tamén é un problema entre algunhas comunidades indíxenas remotas. Os vapores de gasolina producen euforia ós que os inhalan. Debido á súa ampla dispoñibilidade e o seu baixo prezo, é unha substancia de abuso cada vez máis popular. No 2005 este problema foi considerado tan grave que se comezou a distribuír unha nova gasolina baixa en compoñentes aromáticos en todo o Territorio do Norte.[130]
Xeracións roubadas
- Artigo principal: Xeracións roubadas.
As Xeracións roubadas constitúenas os fillos e descendentes dos aborixes australianos e os insulares do estreito de Torres que foron separados pola forza[131] das súas familias polas axencias do goberno federal e os Estados de Australia xunto coas misións da Igrexa. Os traslados ocorreron entre os anos 1869 e 1969, aínda que nalgúns lugares moitos nenos foron trasladados mesmo até o ano 1970.[132]
O 13 de febreiro de 2008, o goberno federal de Australia, encabezado polo Primeiro Ministro Kevin Rudd, emitiu unha desculpa formal ós indíxenas australianos por tódolos danos que sufriron polas Xeracións roubadas.[133]
Indíxenas australianos destacados
Despois da chegada dos colonos europeos a Nova Gales do Sur, algúns aborixes australianos convertéronse en tradutores. O máis coñecido foi Bennelong, quen finalmente adoptou a forma de vestir e costumes europeos e viaxou a Inglaterra, onde foi presentado ó rei Xurxo III do Reino Unido. Outros como Pemulwuy, Yagan e Windradyne fixéronse famosos pola súa férrea resistencia á colonización.[134]
Durante o século XX, as actitudes sociais cambiaron e aumentou o interese pola cultura indíxena. Deste xeito abríronse máis oportunidades de recoñecemento para os nativos. Albert Namatjira chegou a ser un dos pintores australianos máis coñecidos,[135] e actores como David Gulpilil, Ernie Dingo e Deborah Mailman tamén se fixeron famosos. No eido musical, grupos como Yothu Yindi, e cantantes como Christine Anu, Jessica Mauboy e Geoffrey Gurrumul Yunupingu, tiveron moito éxito mesturando os estilos e instrumentos propios con pop/rock. Na literatura destaca David Unaipon quen hoxe aparece nos billetes de 50$ de Australia.[136]
Os indíxenas australianos tamén tiveron un éxito notábel nos deportes. Lionel Rose gañou o título mundial en boxeo.[137] A tenista Evonne Goolagong chegou a ser a número un do mundo gañando 14 títulos Grand Slam. Mark Ella está considerado un dos mellores xogadores de rugby union da historia chegando a ser capitán dos Wallabies, mentres que Arthur Beetson, Laurie Daley e Gorden Tallis capitanearon a selección australiana de rugby league. Entre os varios xogadores aborixes salientables de fútbol australiano, o máis laureado é Adam Goodes, que foi premiado 2 veces coa Medalla Brownlow, a máxima honra que pode recibir un xogador dese deporte. En atletismo destaca a medallista olímpica Cathy Freeman. No baloncesto, chegou a haber dous xogadores aborixes na NBA, Nathan Jawai e Patrick Mills.[138]
Equipos deportivos destacados
Os aborixes australianos teñen sido representados por equipos de diferentes disciplinas deportivas. Entre os equipos máis notábeis destacan o Indigenous All-Stars, os Flying Boomerangs, o Indigenous Team of the Century e o Indigenous All Stars (rugby). A primeira viaxe organizada de xogadores de crícket de Australia ó estranxeiro fíxose con membros indíxenas que se embarcaron nunha xira por Inglaterra en 1868.[139]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.