familia de linguas From Wikipedia, the free encyclopedia
En lingüística, desígnase por linguas indoeuropeas a unha familia de linguas que teñen unha orixe común, o protoindoeuropeo, que se falou alá polo 5000 a.C. (moito antes da invención da escrita) nun territorio próximo ao mar Negro. Agrupan preto dun milleiro de linguas faladas hoxe en día por tres mil millóns de individuos en todos os continentes (sobre un 40-45% da poboación mundial.[1]
O indoeuropeo é unha familia lingüística ampla que engloba a maior parte das linguas europeas antigas e actuais. Ten este nome porque a rexión xeográfica na que se teñen desenvolvido estas linguas esténdese desde a Europa ata a India setentrional. Son preto de 450 linguas, faladas actualmente por 3.000 millóns de persoas en todo o mundo. Este termo, orixinalmente lingüístico, aplícase tamén á cultura da que se cre que parten todas estas linguas, e que se localiza na rexión do mar Negro arredor do V milenio a.C.
A existencia desta familia lingüística propúxose a finais do século XVIII. William Jones, un xuíz británico na India, observou as semellanzas consistentes que se daban entre o sánscrito, o grego, o persa e o latín. Estimouse que estas afinidades só se podían deber a unha orixe común. Á lingua da que derivaban chamóuselle primeiro indoxermánico, durante un tempo indoario e finalmente indoeuropeo, conforme se ampliaba o número de linguas que mostraban esas semellanzas sistemáticas. Cando a arqueoloxía sacou á luz textos escritos en linguas anteriormente descoñecidas, como as anatolias e as tocarias, probouse que tamén compartían este parentesco común.
As linguas indoeuropeas son xeralmente clasificadas en grandes grupos pero unha das distincións máis importantes concirne á oposición entre as linguas satem no leste (grupos baltoeslavo, indoiranio e armenio) e as linguas centum no oeste (grupos grego, itálico, céltico e xermánico), en razón do diferente tratamento dos sons velares en preindoeuropeo. Á parte están os grupos anatolio, tocario e albanés. Esta división entre centum e satem é a clásica dentro da gramática histórica, aínda que hoxe a tendencia é a non tela en conta.
Chámase indoeuropeo común, ou simplemente indoeuropeo (abreviado habitualmente como IE) a unha lingua prehistórica reconstruída a partir da comparación entre as linguas antigas e actuais das que estas proveñen. O indoeuropeo, que nunca foi escrito, é a lingua suposta que está nas orixes de todas as linguas indoeuropeas. O método que permitiu reconstruír esta protolingua repousa esencialmente sobre a lingüística comparada, na que a fonética histórica ten un papel fundamental.
A descuberta deste grupo débeselle a Marcus Zuerius van Boxhorn, aínda que o seu traballo non chamou a atención dos seus contemporáneos e o mérito recae sobre William Jones.
O adxectivo indoeuropeo serve tamén para designar os pobos que utilizaban as linguas indoeuropeas, e en concreto os pobos da Antigüidade (como os hititas, os gregos, os arios ou indoiranios, os celtas etc).
Sobre a localización do pobo prehistórico que falaba o indoeuropeo común non hai un acordo xeralmente admitido. As teses mellor argumentadas son as seguintes:
Marija Gimbutas sitúao na Rusia meridional e na Ucraína. Estaría na orixe da cultura dos kurgans, aparecida cara ao ano 5000 a.C. Esta tese conta co apoio de numerosos especialistas;
Para Colin Renfrew, este pobo estaría nas orixes do Oriente Medio e a súa expansión tería coincidido coa da agricultura, que apareceu nesta rexión antes da cultura dos Kurgans.
Gamkrelidze e Ivanov sitúan o fogar deste pobo na Anatolia, nun país de montañas altas. Esta tese repousa sobre consideracións lingüísticas, mais non de bases arqueolóxicas (admitido polos propios autores).
Segundo Janos Harmatta, os indoiranios terían fundado a cultura dos Kurgan. De feito, os iranios son os habitantes coñecidos máis antigos da Rusia meridional. Estaban en concreto os cimerios, pobo de lingua irania.
A tese de Marija Gimbutas goza hoxe en día de maior aceptación debido a que:
o que se sabe sobre os indoeuropeos a través da lingüística comparada e da mitoloxía comparada correspóndese coas descubertas arqueolóxicas relativas á cultura dos kurgans: civilizacións que non coñecían o ferro, domesticaran o cabalo etc..
remontando na historia dos pobos indoeuropeos históricos (celtas, italos, gregos, indoiranios, xermanos...), chégase sempre ás zonas esteparias do sur da Rusia e da Ucraína.
a civilización dos kurgans coñeceu ondas de expansión documentadas arqueoloxicamente que poderían corresponder coa indoeuropeización da Europa, a Persia e a India.
Non se pode reconstruír máis do que un esqueleto da lingua na súa fonoloxía, léxico e morfoloxía, principalmente. As investigacións actuais tentan recuperar determinados puntos de sintaxe e de poética e non unha descrición precisa. Dado que non fican restos documentais de ningún tipo, todas as reconstrucións son hipotéticas e por esa razón as formas do indoeuropeo débense escribir precedidas dun asterisco, que indica o seu carácter suposto e non testemuñado.
Existen varias maneiras de notar os étimos segundo o seu grao de precisión. Por exemplo, a palabra que significa "nai" pódese escribir como *mātēr ou, con máis precisión (e seguindo as teses laringalistas), méħ2tēr (ou ben, con outras convencións tipográficas, méH2tēr, méh2tēr). Isto resulta máis claro co étimo de "sol": séh2-ul, *séħ2-ul, *sāul- etc.
Os distintos subgrupos da familia indoeuropea inclúen (seguindo a orde cronolóxica dos seus primeiros textos ou inscricións):
Linguas anatólicas, a rama indoeuropea coñecida de forma máis temperá, dende o século XVIII a.C.; extintas, destaca maioritariamente a lingua dos hititas.
Lingua grega, varios rexistros fragmentados en micénico dende finais do século XV a.C. ata comezos do século XIV a.C.; as tradicións homéricas datan do século VIII d.C. (Véxase Lingua protogrega, Historia da lingua grega.)
Lingua tocaria, lingua extinta do pobo Tocario, dous dialectos existentes, tocario A e tocario B, atestados aproximadamente do século VI d.C.
Linguas balto-eslavas, acreditado por moitos indoeuropeístas (como Schleicher 1861, Szemerényi 1957, Collinge 1985, e Beekes 1995) de derivar despois dunha protolingua común do protoindoeuropeo, mentres indoeuropeístas escépticos cren que o báltico e o eslavo están estreitamente vinculadas coma calquera outras dúas ramas do indoeuropeo.
Lingua dacia — posiblemente parecida ao tracio ou ao albanés - ou a ambas.
Lingua macedonia antiga — relacionada co grego; algúns autores propoñen relacións co ilirio, tracio ou frixio.
Lingua ligur — posiblemente non indoeuropea; atópanse coincidencias con celta.
Lingua lusitana — posiblemente relacionada ao (ou a parte do) celta, ou ligur, ou itálico.
As linguas indoeuropeas inclúen unhas 443 linguas e dialectos falados por preto de 3.000 millóns de persoas (segundo estimación do SIL), incluíndo a maioría das principais familias lingüísticas de Europa e occidente de Asia, as cales pertencen a unha única superfamilia. Cada subfamilia nesta lista contén moitos subgrupos e linguas individuais.
Cada unha pode pertencer á súa propia subfamilia das linguas indoeuropeas, ou estar relacionadas a outras ramas. O macedonio antigo e o frixio ás veces son considerados coma moi relacionados ao grego antigo.
A título ilustrativo, as palabras "nai" e "sol" preséntase, baixo unha forma máis ou menos alterada en relación ao seu étimo, nas linguas IE seguintes:
Ademais dos aspectos lingüísticos, o IE permite atopar unha simboloxía común aos pobos IE, o que se estuda, entre outras, na mitoloxía comparada, a poética comparada e mesmo no estudo das institucións indoeuropeas.
Mallory, J.P. (1989). In Search of the Indo-Europeans. Londres: Thames and Hudson. ISBN 0-500-27616-1
Remys, Edmund (2007) General distinguishing features of various Indo-European languages and their relationship to Lithuanian. Berlin, Nova York: Indogermanische Forschungen, Vol. 112, 2007.
Renfrew, Colin (1987). Archaeology & Language. The Puzzle of the Indo-European Origins. Londres: Jonathan Cape. ISBN 0-224-02495-7
Schleicher, August (1861/62) A Compendium of the Comparative Grammar of the Indo-European Languages.
Strazny, Philip (Ed) (2000) Dictionary of Historical and Comparative Linguistics. Ed.: Routledge, 1. ISBN 978-1-57958-218-0
Szemerényi, Oswald. (1957) The problem of Balto-Slav unity (vol.2) Ed.: Kratylos (páxinas 97–123)