From Wikipedia, the free encyclopedia
A prehistoria do grego refírese ao período transcorrido entre os inicios da diferenciación do protoindoeuropeo ata os primeiros testemuños escritos en grego antigo, a última fase da prehistoria do grego coincide, xa que logo, co proceso de helenización de Grecia.
Dentro da cultura occidental a lingua grega ha ter un impacto cultural moi considerábel, chegando a ser a principal fonte de neoloxismos en léxico. Desde o punto de vista histórico e filoxenético o grego clásico e as outras formas de grego son linguas indoeuropeas resultado da evolución a partir do protoindoeuropeo ou, mellor dito, o complexo de linguas indoeuropeas que desde o V milenio a. n. e. foron traídas por pobos seminómades a Europa (probabelmente procedente das chairas que se estenden dos Urais aos montes Tianshan, que pechan o paso ao Xingiang e a Mongolia interior (hoxe dentro da China).
As datas son discutidas, pero en todo caso é claro que cara ao -3500 pobos de fala indoeuropea colonizaron os Balcáns. Polo que usualmente acéptase que a colonización de Grecia polos pobos helénicos debeu empezar cara ao -2000, desde o norte da península grega cara ao sur e a través do estreito do Bósforo. Conxectúrase que outros grupos que viraron ao sur, seguirían unha ruta bordeando o Cáucaso cara a Anatolia, seguindo algunhas logo cara ao Irán e a India. Outras aínda se dirixiron independente cara ao leste, alén do Tianshan, á depresión do Tarim, no actual Xinjiang, onde posteriormente naceu a lingua tocaria.
Os indoeuropeos deixaron como pegadas do seu paso os seus kurgáns ou túmulos sepulcrais que conteñen esqueletos humanos á beira de cabalos, sobre unha capa de ocre. Os seus lugares fortificados (o de Vucedol ao leste de Croacia, contra o ano -3000, por exemplo). Desde o cuarto milenio tiñan unha cultura do bronce e carros tirados por cabalos, que eran instrumentos de transporte e de guerra.
Hai que pensar que o dialecto indoeuropeo do que logo xurdiu o grego, entre outras linguas, é dicir, o que tamén é chamado indoeuropeo III, falouse ao norte do Mar Negro e ao sur dos Cárpatos en torno ao ano -3000
Non son os máis antigos indoeuropeos, pois tamén o eran o grupo de pobos que, por esas datas, arrastraba aos futuros pobos tracofrixio e armenio e que tamén penetrou cara ao sur, sen dúbida bordeando o Mar Caspio pola chaira de Gorgan, dando orixe ao indoiranio, testemuñado xa en Babilonia, en Anatolia (Mitanni) e en Palestina e Siria cara á metade do segundo milenio, nin máis nin menos que o grego en Grecia. A expansión cara a Europa desde os Balcáns foi máis recente.
Dentro de todo este conxunto de linguas, o grego e o indoiranio están moi emparentados, pero tamén coinciden en trazos comúns co tocario e as linguas de Europa. Ademais coñecemos en Anatolia varias linguas moito máis arcaicas, que se separaron sen dúbida en data algo anterior: as chamadas «taboíñas capadocias», de Kültepe e outros lugares, as máis antigas de cara ao -2000, testemuñan a existencia destoutras linguas, que logo se chamaron hitita, luvita etc., desde fins do III milenio a. C.. É o indoeuropeo II, previo ao III, do que descenden as linguas indoeuropeas de Europa, o Irán e a India, tamén o tocario.
Dentro deste grupo III, linguas europeas como o eslavo, o xermánico, o latín e o celta pertencen ao que chamamos ΙΕ ΙΙΙΒ: son máis recentes que o grego, traco-frixio, armenio e indoiranio, que veñen do IE IIΙΑ. As súas «linguas comúns» poden datarse, o máis cedo, cara ao ano -1000; o cal non impide que haxa antes indoeuropeos en Europa, procedentes das anteriores vagas. Concretamente, os que deixaron a súa pegada na hidronimia europea estudada por Hans Krahe e outros (tampouco tan antiga, manexa xa a oposición de masc. e fem.); e, quizais os «pelasgos», dos que se propuxo achar pegadas na toponimia prehelénica de Grecia e en préstamos no grego.
O feito é que a maior parte dos investigadores coinciden en que o pobo grego ingresou en Grecia desde o norte en torno ao ano -2000; pénsase que un dos seus dialectos, o dorio, penetrou máis tarde, en torno ao ano -1200. En realidade é un feito seguro que a invasión foi de norte a sur no Irán, India, Anatolia, Grecia, Italia e Península Ibérica e todo indica que, doutra parte, Europa sufriu invasións de leste a oeste e Asia de oeste a leste (a dos tocarios).
En época histórica continuaron as invasións indoeuropeas desde Asia Central cara ao sur: casitas (en Babilonia, s. -XV), cimerios (Asia Menor, século -VII), kusáns (India, século -I), partos (Irán, s. II); e cara ao oeste (escitas). E que, en Europa, os movementos de pobos indoeuropeos (eslavos, xermanos e celtas) cara ao oeste e o sur chegan a plena época histórica.
Así pois, os indoeuropeos partiron dun lugar intermedio, as chairas da Asia central. Os testemuños lingüísticos, arqueolóxicos e históricos coinciden. É o mesmo que sucedeu noutras invasións de nómades asiáticos, dos hunos aos turcos e os mongois e os demais.
Entre a hipótese que postula as chairas do norte do Mar Negro e a que propón as do leste dos Urais téndese hoxe, pois, a aceptar a última. O norte do Mar Negro, onde hai tantas pegadas dos indoeuropeos antes dos Balcáns, foi simplemente unha etapa intermedia ou un lugar de paso. De alí procedería, concretamente, a horda que, separada xa da parte da mesma que levou cara ao leste e logo cara ao sur o indoiranio, trouxo a Europa a gregos, tracofrixios e armenios.
Obras de Marija Gimbutas como as de 1974 e 1989 describen a cultura da «vella Europa», coñecida por xacementos como os de Cucuteni, Starčevo e Vinča, entre outros: unha civilización neolítica, agraria e coñecedora da cerámica, tamén do cobre. Véxase tamén Francisco Villar (1996a, p. 73 ss.) sobre esta cultura e a ocupación indoeuropea.
Por suposto, a cultura da «vella Europa» dos Balcáns ten relación estreita con culturas neolíticas de Grecia (Dímini, Sesclo, Lerna), Chipre (Khirokitia), illas do E xeo, Creta (a base da civilización minoica) e Asia Menor (Çatal Hüyük). Toda esta cultura influíu grandemente, nos Balcáns e, en Grecia, na dos gregos: por exemplo, na súa arte decorativa e nas súas representacións das divindades, das fálicas ás animalescas (o touro sobre todo) e ao tipo da deusa espida da fecundidade. E tamén no léxico grego, que presenta moitos elementos non indoeuropeos (ou, en todo caso, dun indoeuropeo pregrego, o chamado «pelásxico», outros pensan que é luvita ou cario).
Para a historia anterior do problema da expansión indoeuropea (hipótese que parten de Xermania, Lituania, Escandinavia, a zona danubiana-centroeuropea, os Balcáns, Ucraína etc.) e para os seus argumentos F. Villar (1996a, p. 28 ss). Alí pode verse como as antigas argumentacións sobre unha orixe nórdica dos indoeuropeos, a partir dos nomes do «salmón», o «bidueiro» etc., están hoxe desbotadas.
Por outra banda, unha localización da patria indoeuropea no norte do Mar Negro é admitida (xunto á danubiana) por P. Bosch i Gimpera (1960) e —como lugar de paso— por Th. V. Gamkrelidze e V. V. Ivanov (1995). En realidade, os Balcáns representan un segundo lugar de paso.
En Villar (1996a, p. 56 ss.) pode verse a crítica da hipótese do arqueólogo británico Colin Renfrew (1987, tradución ao español de 1990) segundo a cal a indoeuropeización de Europa é, simplemente, a súa neolitización (sen necesidade de invasión) a partir dun grupo descubridor da agricultura, en Anatolia, no sétimo milenio; véxase unha crítica paralela en Juan José Moralejo (1990, p. 274 ss.) e outra en Javier de Hoz (1992). Ignora, sen máis, todos os datos lingüísticos, e adhírese á moda que rexeita, contra toda a experiencia histórica, as migracións de pobos. O que haxa difusión cultural sen migración non exclúe que haxa tamén migracións, infinitas veces testemuñadas. Contra esta moda (sostida, tamén, entre outros, por Calvert Watkins en A. Giacalone - P. Ramat[1]).[2] Polo demais, a identificación de agricultura e influxo indoeuropeo é pura arbitrariedade apriorística.
Outra hipótese recente é a repetidamente sostida por Th. V. Gamkrelidze - V. V. Ivanov (ultimamente no seu libro de 1995), segundo a cal a área orixinaria dos indoeuropeos estaría na cultura de Halaf, na alta Mesopotamia, entre os milenios cuarto e quinto a. C.. Os argumentos de préstamos culturais (carro de guerra e cabalo, metalurxia) e léxicos (do semítico e kartvélico, si son certos) non esixen esa localización, poden haberlles chegado ao norte do Cáucaso; tampouco os posibles trazos comúns (léxicos, unha vez máis) de grego e iranio, grego e tocario. Os argumentos propiamente lingüísticos (morfolóxicos) apenas son tidos en conta.
En realidade, o feito de que o IE presente préstamos tanto do caucásico do norte como do uralio, fai practicamente segura a localización dos indoeuropeos, nun momento dado, na zona do río Volga (cf. H. Haarmann 1996 (propón o quinto milenio a. C.).
Polo demais, Th. V. Gamkrelidze e V. V. Ivanov admiten a separación temperá dunha rama anatolia do IE. O que non pode aceptarse das súas ideas é a migración dos gregos (menos os dorios, que haberían ir polo continente) de Anatolia a Grecia (p. 798 ss.), hipótese sostida xa antes por V. Pisani.[3] A realidade do grego común e a súa relación coas linguas indoiranias esixe a existencia dun continuo do Turquestán ao Norte do Mar Negro e máis ao oeste. Por outra banda, existen datos sobre incursións e asentamentos dos gregos micénicos en Asia no segundo milenio (a guerra de Troia entra neste contexto), non de movementos de Asia a Europa. Sobre a expansión micénica pode verse;[4] e sobre a guerra de Troia vista nesta perspectiva,[5] coincide coa tese da existencia dun indogrego, segundo el nado na rexión do Volga inferior e roto despois.
Como fai ver ben Villar[6], as tres patrias que hoxe se propoñen para os indoeuropeos non están moi distantes: están en torno ao Cáucaso, a un ou outro lado do mesmo. Tanto os argumentos lingüísticos como os arqueolóxicos están a favor da primeira hipótese. En todo caso, que a invasión que trouxo aos gregos a Grecia chegou desde o norte cara ao ano -2000, parece seguro.
A máis recente discrepancia parece ser a de R. Drews (1989), para quen as tumbas do círculo interior de Micenas, de cara ao -1600, corresponderían aos primeiros gregos.[8]
Para outras propostas anteriores dunha datación recente da chegada dos gregos, e a súa refutación, véxase M. Sakellaríou (1980, p. 32 ss.). Aínda que en realidade non hai argumentos lingüísticos absolutamente válidos para elixir entre o -2000 e o -1600 para fechar a chegada dos gregos, a arqueoloxía inclínase pola primeira data (cf. Adrados 1998b).
Aquí pode verse tamén a crítica dunha invasión doria separada, idea como se sabe de John Chadwick (1973, 1985), contra a que tamén se dan argumentos en Adrados (1998b).
Pola contra non parecen totalmente aceptábeis as teses (sen argumentación lingüística algunha) de A. Häusler, que actualiza a vella tese alemá da orixe dos indoeuropeos na chaira da Europa oriental: nega calquera relación desta coa cultura das estepas do norte do Mar Negro. Nunha longa serie de traballos[9] esfórzase por negar movementos de pobos e culturas en Alemaña e Grecia e calquera relación cos indoeuropeos das culturas da cerámica de cordas e das machadas de combate, no leste de Europa, das tumbas e ronseis de Micenas, do carro de guerra e o cabalo en diversos lugares etc.
Todo sería indíxena (evolución in situ) ou procedente de Asia Menor. Pero aínda que o carro de guerra e o cabalo veñan de alí na orixe, isto non empece á hipótese da súa extensión entre os indoeuropeos; e a relación dos kurgáns indoeuropeos con túmulos funerarios como os dos escitas en Ucraína, os de Tracia (Kasanlak etc.), Macedonia (Verxina) e Frixia (Gordión), por non falar do tesouro de Atreo e demais, non é negábel.
O grego é considerado unha lingua razoabelmente conservadora en certos aspectos, como o sistema vocálico, idéntico ao reconstruído para o protoindoeuropeo. Por iso o grego é importante para reconstruír as laringais do indoeuropeo ou o sistema de apofonía. En gramática obsérvanse características comúns ao indoiranio e ao armenio, que probabelmente son innovacións e non se remontan ao protoindoeuropeo.
Supostamente as linguas gregas herdaron a maior parte do seu vocabulario cultural de formas léxicas que reflicten adecuadamente o tipo de cultura indoeuropea reconstruída a partir das evidencias lingüísticas. Entre o vocabulario grego que reflicte aspectos culturais supostamente herdados dos protoindoeuropeos están:
Tamén os nomes do deus do ceo (Ζεύς), os animais domésticos (ταῦρος, βοῦς, σῦς, ὄις, κύων etc.), a cebada (ζειαί) e o 'mel' (μέλι) e os dos medios de transporte e guerra (ἵππος ‘cabalo’, κύκλος ‘roda’, ὄχος ‘carro’).
Algunhas palabras indoeuropeas que entraron en grego, por exemplo a do ‘touro’, a do ‘león’ (λέων), a do ‘viño’ (οἶνος), quizais mesmo a do ‘cabalo’ son, probabelmente, «palabras viaxeiras» que ben o IE, ben o grego, tomaron de complexos culturais do Medio Oriente. Atópanse paralelos en linguas non indoeuropeas (sumerio, kartvélico, semítico etc.).[10] Desde o punto de vista do grego son, xa, palabras indoeuropeas.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.