Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Sir William Jones, nado en Londres o 28 de setembro de 1746 e morto en Calcuta o 27 de abril de 1794, foi un lingüista e investigador sobre a India antiga, célebre en particular polo seu descubrimento da familia das linguas indoeuropeas [1].
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde novembro de 2011.) |
Nome orixinal | (en) Sir William Jones |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 28 de setembro de 1746 Londres, Reino Unido |
Morte | 27 de abril de 1794 (47 anos) Calcuta, India |
Causa da morte | inflamación |
Lugar de sepultura | South Park Street Cemetery (en) |
Xuíz | |
Datos persoais | |
Educación | University College Harrow School |
Actividade | |
Campo de traballo | Filoloxía, botánica, dereito, política, literatura, antropoloxía e estudos orientais (pt) |
Lugar de traballo | Calcuta (1783–) |
Ocupación | antropólogo, escritor, botánico, político, poeta, xuíz, tradutor, lingüista, orientalista |
Membro de | |
Pseudónimo literario | Orientalist Jones |
Obra | |
Abreviación dun autor en botánica | Jones |
Arquivos en | |
Familia | |
Cónxuxe | Anna Maria Shipley |
Pais | William Jones e Mary Jones |
Premios | |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Jones nace en Londres, fillo do matemático galés sir William Jones, inventor do símbolo π, pero queda orfo del cando aínda non tiña os tres anos. Recibiu mención no colexio de Harrow pola calidade do seu traballo e, durante os seus tres derradeiros anos nesa institución, comeza por si mesmo a aprendizaxe das linguas orientais, os rudimentos do árabe, pero tamén o hebreo que chega a ler con facilidade. Durante as vacacións, fai progresos en francés e en italiano, aos que engade rudimentos de español e de portugués. Jones cursa os seus estudos na Universidade de Oxford. Durante este período, está co nel un sirio, Mirza, ao que coñeceu en Londres e, en contacto con el, mellora o seu árabe e o seu persa. Comeza tamén o estudo do chinés cuxa escrita ha dominar ben logo. Tras recibir o seu diploma en Oxford en 1764, comeza unha carreira de preceptor (ensina a lord Althorpe, despois ao segundo conde de Spencer) e de tradutor durante seis anos.
Aos vinte e dous goza xa dunha boa reputación de orientalista e o rei Christian VII de Dinamarca que visita Inglaterra ese ano 1768 e levara con el unha biografía de Nadir Shah en persa, pídelle a Jones que faga a tradución ao francés da obra. Así aparece en 1770 Histoire de Nader Chah, connu sous le nom de Thahmas Kuli Khan, de Perse, traduite d'un manuscrit persa, avec des notes chronologiques, historiques, géographiques et un traité sur la poésie orientale. É o primeiro de numerosos traballos sobre Persia, Turquía e o Oriente Medio en xeral. En efecto, séguelle ben pronto un Traité sur la poésie orientale e unha tradución francesa en verso dos ghazal do poeta persa Hafiz Chams al-Din Muhammad de Chiraz. En 1771 publica unha Dissertation sur la littérature orientale que defende o punto de vista dos investigadores de Oxford contra as críticas expresadas por Anquetil-Duperron na introdución á súa tradución do Zend-Avesta. No mesmo ano aparece a súa Grammaire de la langue persane. En 1772, Jones publica un volume de poemas, Poems, Chiefly Translations from Asiatick Languages, así como Two Essays on the Poetry of Eastern Nations and on the Arts commonly called Imitative, logo en 1774 un tratado Poeseos Asiaticce commentatorium libri sex, que instala definitivamente a súa autoridade en materia de estudos orientais.
Porén, como estas actividades non lle reportaban demasiados ingresos, conságrase, a partir de 1770 e durante tres anos, ao estudo do dereito, cousa que o había levar a se instalar nas Indias Orientais. En 1774 ingresa no Colexio de Avogados de Londres (Middle Temple). A súa reputación nese ámbito é tan boa que en 1776 noméano comisario de bancarrotas (commissioner in bankruptcy). Publica entre outros, en 1778, un Essay on the Law of Bailments que goza dunha excelente notoriedade en Inglaterra e en América. En 1780 é candidato a un posto na Universidade de Oxford, pero retírase o día anterior á elección, cando comprende que as súas probabilidades de éxito son nulas polas súas opinións liberais, en especial no tocante ás cuestións da guerra en América e ao comercio de escravos.
En 1783 publica a tradución de sete poesías árabes preislámicas chamadas muallaqat. Nese mesmo ano noméano xuíz na Corte Suprema de Calcuta, daquela chamada Fort William, e fano Cabaleiro. Á súa chegada cae no engado da cultura india, un campo de estudo daquela descoñecido para os investigadores europeos, e funda a Sociedade Asiática de Bengala (que ha mudar a miúdo de nome no curso da súa historia: ao principio The Asiatick Society (1784-1825), despois The Asiatic Society (1825-1832), logo The Asiatic Society of Bengal (1832-1935), máis tarde The Royal Asiatic Society of Bengal (1936-1951) e por fin The Asiatic Society de novo desde xullo de 1951) da que se mantén como presidente ata a súa morte. O ano seguinte redacta On the musical modes of the Hindoos, unha das primeiras obras de etnomusicoloxía.
Convencido de que era da meirande importancia a consulta dos textos legais indios na súa forma orixinal, comeza a aprender o sánscrito e, a partir de 1788, métese no trabalo colosal de facer unha recompilación dos textos da lei hindús e musulmáns. Non ha poder finalizala, pero con todo fará aparecer os inicios do traballo nos seus Institutes of Hindu Law, or the Ordinances of Mann (1794), en Mohammedan Law of Succession to Property of Intestales e en Mohammedan Law of Inheritance (1792). En 1789 Jones rematou a tradución do célebre drama de Kālidāsa, Shakuntala. Traduce tamén o Hitopadesha, unha colección de fábulas extraídas do Panchatantra, o Gitagovinda, e de importantes partes dos Veda, así como o Ritusamhara de Kālidāsa, un poema de 150 estrofas sobre a influencia das estacións no amor.
Así, no curso dos dez anos do seu período indio, produciría unha plétora de traballos sobre a India, iniciando o estudo moderno do subcontinente en case cada unha das ciencias sociais, tratando sobre as leis, a música, a literatura, a botánica e a xeografía locais, facendo as primeiras traducións ao inglés de varias obras importantes da literatura india, e contribuíndo con numerosos artigos á revista da Asiatic Society.
Os seus traballos literarios e xurídicos ininterrompidos sumados a un clima difícil para un inglés pouco habituado á calor mináronlle a saúde tras dez anos de residencia en Bengala e morre en Calcuta o 27 de abril de 1794. Coñecía daquela trece linguas perfectamente e amañábase noutras vinte e oito. A amplitude dos seus coñecementos era extraordinaria e, sobre o mundo indio, sen equivalente na súa época. Como pioneiro no estudo do sánscrito e como fundador da Sociedade Asiática de Bengala, converte a lingua e a literatura dos hindús da antigüidade en accesíbeis para os investigadores europeos e é a fonte de todos os traballos posteriores sobre esa lingua e a lingüística comparativa que se deriva dela. Jones é tamén indirectamente responsábel dunha parte da atmosfera da poesía romántica británica, en particular das de Lord Byron e de Samuel Taylor Coleridge, na medida na que as súas traducións das obras poéticas orientais foron unha fonte de inspiración para este movemento.
Pero malia esta cantidade abraiante de traballos, Jones é coñecido hoxe sobre todo por ter sido o primeiro en notar as semellanzas entre o sánscrito, dunha parte, e o grego e o latín, doutra. N’A lingua sánscrita (The Sanscrit Language, 1786), fai a suposición de que as tres linguas teñen unha raíz común, e de que, ademais, estas poderían estar ligadas ao gótico, ás linguas célticas e ao persa. Era a primeira vez que se expresaba a idea da familia das linguas indoeuropeas, así como a primeira utilización importante da técnica da lingüística comparada.
Existe un monumento á súa memoria erixido pola Compañía Británica das Indias Orientais na catedral de San Paulo de Londres, así como unha estatua en Calcuta.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.