From Wikipedia, the free encyclopedia
A beluga,[3] Delphinapterus leucas (Pallas, 1776), é unha especie de cetáceo odontoceto que habita na rexión ártica e subártica. É a única especie do xénero Delphinapterus e, xunto co narval (Monodon monoceros), conforman a familia dos monodóntidos.
Beluga Delphinapterus leucas | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Beluga no Oceanográfico de Valencia, España | |||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
Case ameazada[1] | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||
Delphinapterus leucas (Pallas, 1776) [2] | |||||||||||||||||||
Distribución da beluga | |||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||
|
Moitas veces aparece na bibliografía denominada, erroneamente, como balea branca, debido a que un dos seus nomes máis populares en inglés é white whale, e mesmo ás veces tamén co de golfiño branco,[4] pero, aínda que sexa o único cetáceo que, de adulto, é de cor completamente branca,[5] balea, en sentido estrito, non é aplicábel aos cetáceos con dentes, reservándose para os desdentados (misticetos) integrantes das familias dos balénidos, neobalénidos e escrictíidos (porque os da outra familia, a dos balenoptéridos, denomínanse rorcuais). E a pesar de que ten dentes (pequenos) tampouco ten nada que ver cos golfiños, que son os membros da familia dos delfínidos.
O nome do xénero, Delphinapterus, significa "golfiño sen aleta". Deriva do grego antigo e está formado polas voces δελφίν ,delphín, "delfín" ou "golfiño", e απτερóς apterós, "sen aleta" (do α- privativo e πτερόν pterón, "á", "aleta").
E o nome específico, leucas, significa "branco", e deriva do grego λευκóς leukós, "branco".[6]
O nome común, beluga, vén dos seus nomes en ruso, белуга beluga, ou белуха belukha, que derivan da palabra белый belii, que significa "branco".[6]
Nalgunhas bibliografías denomínase en ocasións balea beluga (en inglés Beluga whale), co fin de non confundila co Huso huso ou esturión beluga (ademais do xa citado white whale).
A Lista Vermella da IUCN acepta os nomes beluga e balea branca (white whale) como sinónimos;[1] pero, recordemos, en sentido estrito o termo balea aplícase só aos integrantes da familia dos balénidos (con algunhas excepcións).[7]
Dada a distribución da especie, por riba do círculo polar ártico, é normal que, a pesar dos afastados lugares que frecuentan e frecuentaron os pescadores galegos, non teña moitos nomes vernáculos galegos.
A Delphinapterus leucas, na Lista patrón dos vertebrados de Galicia, proposta provisionalmente pola SGHN,[8] asígnaselle o nome de blancón, un evidente castelanismo por brancón, pero que foi recollido en Portonovo por Ríos Panisse,[9] nome debido seguramente á cor completamente branca deste animal que, por outra parte, é de forma parecida, aínda que máis pequeno, que o negrón ou falsa candorca, Pseudorca crassidens, un cetáceo da familia dos delfínidos máis coñecido nas nosas augas, e que é de cor gris escura ou totalmente negra. Ríos Panisse tamén recolleu para esta especie os nomes de campelo, en Corme[10] e santo, en Ribadeo e nas Figueiras (Castropol), na Asturias de fala galega.
Máis recentemente, no Gran dicionario Xerais,[3] denomina a especie como beluga, adaptación do seu nome ruso, e de acordo cos nomes que se lle dan na maioría dos idiomas da nosa contorna.[11]
As principais características definitorias da beluga son:[12]
As crías acabadas de nacer teñen o corpo de cor gris lousa escura que, ás veces, pode ter unha tonalidade parda rosada, o mamelón cefálico menos pronunciado que nos adultos e a aleta caudal plana, e cos bordos posteriores máis rectos que nos exemplares de máis idade.
A cor do corpo é máis clara que nos acabados de nacer, pero menos que nos adultos, o mamelón máis pronunciado que nas crías, pero, así mesmo, menos que nos adultos, e a aleta caudal máis convexa que nas crías. Os subadultos son de cor branca cun ton azulado en ambos os sexos.
As femias son de tamaño considerabelmente menor que o dos machos, teñen o mamelón cefálico menos pronunciado, e as aletas pectorais non curvadas cara a arriba; adoitan presentaren no corpo cicatrices das feridas producidas polos ataques dos osos polares.
A beluga ten unha distribución cicumpolar setentrional ampla, pero descontinua, chegando desde a rexión ártica á subártica, en augas estacionalmente cubertas de xeo. Pódese ver fronte as costas do norte de Escandinavia e da Federación Rusa, desde a península de Kola, no mar de Barents, até a illa de Sakhalin, no mar de Okhotsk, no Pacífico e, en Norteamérica, desde o oeste de Groenlandia até a península de Alasca (incluíndo unha zona descontinua no sur da península do Labrador e en Terra Nova).[12]
A distribución estacional está directamente relacionada coas condición do xeo, aínda que a maioría das poboacións non realiza migracións moi longas; a máis prologada é a efectuada entre os invernos no mar de Bering e os veráns no río Mackenzie (Canadá), no que algunhas poboacións poden nadar 1 000 km ou máis río arriba. Outras poboacións non migran en absoluto, como as residentes no río San Lourenzo, no Canadá.[12]
As belugas adoitan pasar os veráns en baías pouco profundas e en estuarios de grandes ríos, e os invernos en zonas de baixa densidade en xeos, onde os ventos e as correntes oceánicas manteñen fendeduras nas placas que lles permiten respirar.[12]
Existen cinco poboacións principais de belugas:[12]
O tamaño do corpo das belugas varía considerabelmente segundo as poboacións: as máis grandes son as que viven en Groenlandia e no mar de Okhotsk, e as máis pequenas, as do mar Branco e a baía de Hudson.
A beluga adoita nadar con lentitude e pasar moito tempo cerca da superficie. Desprázase con movementos ondulantes suaves, e a secuencia de inmersión típica consiste en 5 ou 6 inmersións pouco profundas nun minuto, seguidas doutra máis profunda que dura outro minuto. É un animal curioso, e moitas veces saca a cabeza fóra da auga, talvez para mirar; a diferenza doutros moitos cetáceos o seu pescozo é flexíbel, o que lle permite subir e baixar a cabeza, e xirala. Case nunca salta (e cando o fai, non realiza acrobacias, como os golfiños), pero con frecuencia saca a cabeza da auga para vixiar, batendo a aleta caudal. Non adoita estar soa, salvo os individuos vellos cando realizan migracións.[12]
É un dos cetáceos con dentes máis cantareiros, e ten un amplo repertorio de gorxeos, rechouchíos, estralos, chíos e risas que poden escoitarse dentro e fóra da auga. É probábel que teña o máis versátil e requintado sistema de sónar dos cetáceos. O seu sopro respiratorio é de vapor, pero pouco chamativo e baixo; porén, en días tranquilos pode oírse a varios centos de metros.[12]
Está ben adaptada a vivir preto das costas, e pode manobrar e nadar en augas pouco profundas (até que lle cubran o corpo) e, de producirse un varamento e ninguén a molesta, pode sobrevivir até que a marea suba de novo.[12]
As belugas son os odontocetos máis abundantes nas augas do océano Ártico, e por tal motivo desempeñan un papel determinante na estrutura e función dos recursos mariños nesta rexión.[13] Adoita describirse como un animal oportunista, pois os seus hábitos alimentarios varían dependendo da situación xeográfica e da estación.[14] Por exemplo, no mar de Beaufort comen de forma predominante bacallau ártico (Boreogadus saida) e en Groenlandia encontráronse no seu estómago Sebastes marinus, fletán negro (Reinhardtius hippoglossoides) e camaróns da especie Pandalus borealis,[15] mentres que en Alasca o seu alimento principal é o salmón do Pacífico (Oncorhynchus kisutch).[16]
En liñas xenerais a dieta principal deste cetáceo está conformada por peixes; á parte dos mencionados identificáronse entre outros: Mallotus villosus, Osmerus ssp., linguados, sollas, arenques, Cottidae ssp. e outros salmóns.[17]
Tamén consomen un volume considerábel de invertebrados, ademais dos camaróns, como luras, cangrexos, ameixas, polbos, caracois, vermes e outros habitantes do fondo mariño.[17][18]
Os animais en cativerio comen aproximadamente do 2,5 % ao 3 % do seu peso corporal por día, máis ou menos de 18,2 a 27,2 kg.[19]
A busca de alimento no leito mariño tipicamente ten lugar a profundidades de entre os 20 e os 40 m,[20] pero poden mergullarse con facilidade a máis de 700 m para buscar comida.[21] Xeralmente unha inmersión dura de 3 a 5 min, pero observáronse individuos que permanecían baixo a superficie até os 18 min.[22][23]
O pescozo flexíbel lles permite un amplo rango de movemento mentres buscan o alimento no fondo oceánico. As observacións mostraron que estes animais poden succionar auga e despois expulsar chorros fortes coa boca, método co cal poden apañar presas na lama.[24] Debido a que a súa dentadura non é moi grande nin afiada utilizan a succión para levar as presas á boca; en consecuencia, todos os alimentos deben ser consumidos enteiros, e por iso as presas non poden ser demasiado grandes, xa que correrían o risco de esganarse.[25]
Tamén se alimentan de cardumes de peixes, o que fan en grupos coordinados de cinco ou máis individuos; estes reúnen o banco de peixes en augas pouco profundas para logo atacalos.[24] Por exemplo, no estuario do río Amur, onde se alimentan preferentemente de salmóns, reúnense en grupos de seis a oito individuos e rodean aos peixes para evitar que escapen e, mentres un come, os outros esperan a súa quenda para alimentarse deles.[26]
As estimacións sobre a idade da madurez sexual varían amplamente; a maioría dos autores pensan que os machos alcanzan a madurez sexual entre os catro e os sete anos, e as femias entre os catro e os nove.[27] A idade media do primeiro parto é de 8,5 anos e a fertilidade empeza a decaer aos vinte e cinco, sen xestacións rexistradas por riba dos corenta e un anos.[27]
As femias xeralmente teñen crías cada dous ou tres anos.[28] A maioría dos emparellamentos ocorren entre febreiro e maio, pero algúns poden producirse noutras épocas do ano.[29] Publicáronse datos de períodos de xestación que oscilan entre 12 e 14½ meses,[28] pero informacións procedentes de femias en catividade rexistran un tempo máis prolongado, cunha media de duración de 475 días (15,8 meses).[30]
O nacemento das crías durante o ano varía segundo a situación xeográfica. No ártico canadense, os partos ocorren desde marzo até setembro, mentres que na baía de Hudson o pico de nacementos sucede a finais do mes de xuño, e en Cumberland Sound a maioría nacen a finais de xullo e principios de agosto.[31] Normalmente nacen en baías e estuarios onde a auga é temperada, de 10 a 15 °C. As belugas acabadas de nacer son de cor gris, miden unha media de 1,5 m de lonxitude e teñen un peso de 80 kg; son capaces de nadar ao lado das súas nais inmediatamente despois do nacemento.[32] As crías aliméntase baixo a auga e inicia a lactación algunhas horas despois do nacemento e, de aí en adiante, fano con intervalos dunha hora.[24] Segundo investigacións en animais en catividade, a composición do leite varía entre individuos e flutúa de acordo coa etapa da lactación; esta ten de media un 28% de graxa, un 11% de proteínas, un 60,3% de auga e menos do 1% de cinzas.[33] O leite subministra aproximadamente 92 cal/onza.[34][35]
As crías dependen exclusivamente da lactación materna até o primeiro ano de idade, momento en que xorde a dentadura. Daquela empezan a complementar a dieta con camaróns e peixes pequenos. A maioría das crías continúan a lactación até os vinte meses de idade, prolongándose máis alá dos dous anos en casos esporádicos. En cativerio observouse coidado aloparental (coidado por femias diferentes á nai) cara ás crías, con produción espontánea de leite por parte das femias que se prolonga durante longos períodos de tempo. Isto suxire que este comportamento, observado con frecuencia nos mamíferos, tamén se dea nas belugas en liberdade.[36]
As belugas cazáronse durante séculos. Desde a antigüidade os habitantes nativos das rexións árticas do Canadá, Alasca e Rusia capturaron estes animais, primordialmente pola súa carne, graxa e pel. A pel curtida é a única entre as dos cetáceos o suficientemente grosa para ser usada como coiro.[37] Debido aos patróns de migración predicíbeis a á alta concentración da poboación nos estuarios e zonas próximas ás costas durante o verán, eran presas fáciles durante esta época.[37]
Nos séculos XVIII e XIX, a caza comercial por parte de baleeiros europeos e americanos causou unha diminución da poboación destes cetáceos no Ártico canadense.[37] Á parte do consumo de carne e graxa, en Europa usouse o aceite do mamelón como lubricante para reloxos e maquinaria e para a iluminación nos faros.[37] Ao redor de 1860, o aceite mineral substituíu o de orixe animal, pero a captura destes animais continuou vixente. Desde 1863 descubriuse que os coiros curtidos poderían utilizarse para a fabricación de arneses para cabalos, cintos e cordóns para zapatos. Estes produtos de alto valor engadido contribuíron a perpetuar a caza durante o resto do século XIX e os inicios do século XX.[38] De 1868 a 1911, os baleeiros escoceses e americanos capturaron máis de 20 000 belugas no estreito de Lancaster e no de Davis.[37]
Na década de 1920, os pescadores do estuario do río San Lourenzo culparon ás belugas de seren unha ameaza para a industria pesqueira por alimentarse, supostamente, de grandes cantidades de bacallaus, salmóns, atúns e outros peixes básicos para a subsistencia dos poboadores da rexión.[38] En consecuencia, consideráronse como habitantes indesexábeis do estuario e mesmo o goberno do Quebec, en 1928, ofreceu unha recompensa de 15 dólares por cada animal morto.[39] En 1938 o Departamento de Pesca do Quebec emprendeu un estudo para determinar a influencia deste cetáceo nas poboacións de peixes, mentres a persecución continuou cun número indeterminado de mortes até a década de 1950, cando se concluíu que a suposta voracidade deste animal estaba sobreestimada.[38]
Os nativos inuit do Ártico aínda manteñen a caza de subsistencia para a obtención de alimento e materias primas. Esta práctica é parte da súa cultura, pero existe a inquietude de que o total de capturas sexa demasiado elevado para o sostemento da poboación.[40] As mortes anuais suman de 200 a 550 individuos en Alasca e ao redor de 1 000 no Canadá.[41] Porén, en zonas como a enseada de Cook, a baía de Ungava e Groenlandia occidental, as capturas realizadas previamente colocaron as poboacións en perigo e as realizadas polos inuit continúan nestas rexións, o que provoca que algunhas poboacións continúen decrecendo.[40] Estes sitios son o foco de discusión entre estas comunidades e o goberno do Canadá co fin de promover unha cacería sustentábel sen poñer en risco a especie.[42]
Os únicos depredadores naturais das belugas son os osos polares e as candorcas.
Durante o inverno é frecuente que estes cetáceos resulten atrapados en trampas de xeo sen posibilidade de escapar a mar aberto, do que quedan separados varios quilómetros.[43] Os osos aproveitan a situación, e localízanas por medio do olfacto ou cando emerxen para respirar; entón golpéanas, atrápanas e arrástranas fóra da auga sobre a capa superficial de xeo para devoralas.[44] Poden capturar exemplares grandes, xa que está documentada a captura dun animal de 935 kg por parte dun oso que pesaba entre 150 e 180 kg.[45]
A candorca é o outro depredador que pode capturar con éxito tanto ás crías como aos adultos.[44] Estes cetáceos cosmopolitas, xa que habitan todos os mares do mundo, ocupan a rexión subártica e comparten gran parte do hábitat das belugas.[44] Notificáronse ataques principalmente en augas de Groenlandia, Rusia, Canadá e Alasca.[46][47] Na enseada de Cook documentáronse varias mortes e existe preocupación por que isto impida a recuperación desta subpoboación, xa diminuída até o extremo pola caza.[46] As candorcas chegan en outono, a principios do mes de agosto, pero as belugas en ocasións pódenas escoitar e escapar delas.
As poboacións que permanecen cerca ou baixo as capas de xeo teñen certa protección, pois a enorme aleta dorsal das candorcas, de até dous metros de lonxitude, impídelles manobrar por debaixo das placas de xeo ou acercarse o suficiente aos respiradoiros.
Como consecuencia da concentración de belugas nos estuarios dos ríos, a contaminación causada polos humanos pode representar un risco significativo para a súa saúde. Na poboación do río San Lourenzo demostrouse a existencia de substancias químicas tóxicas tales como diclorodifeniltricloroetano (DDT) e metais pesados como chumbo, mercurio e cadmio.[48] Tamén se encontraron niveis de entre 240 ppm e 800 ppm de bifenilos policlorados no cerebro, fígado e músculos destes cetáceos, sendo os machos os que teñen os niveis máis altos,[49] até o punto de que as belugas deste río son tratadas, cando morren, como refugallos tóxicos.[12] O nivel destes compostos é significativamente superior ao encontrado nas poboacións que habitan o Ártico.[50]
Está comprobado que estas substancias teñen un efecto adverso sobre estes cetáceos, como a aparición de cancros, patoloxías reprodutivas e deterioración do sistema inmunolóxico, facendo aos animais máis susceptíbeis a pneumonías, úlceras, quistes, tumores e infeccións bacterianas.[50] A pesar de que as poboacións con maior risco son as que frecuentan os ríos, en grupos de animais que habitan en mar aberto documentáronse niveis altos de zinc, cadmio, mercurio e selenio nos músculos, fígado e ril.[51]
Como en calquera poboación animal, existen gran número de patoloxías que lles causan alteracións e a morte ás belugas. Estas inclúen unha variedade de enfermidades producidas por virus, bacterias e fungos que lles ocasionan principalmente infeccións cutáneas, intestinais e respiratorias.[52]
Encontráronse papilomavirus no estómago das belugas do río San Lourenzo. Tamén se detectaron infeccións por herpesvirus e se presentaron algúns casos de encefalites ocasionadas polo protozoo Sarcocistis. Documentáronse ciliados colonizando o espiráculo, pero parecen non ser patóxenos ou, polo menos, son pouco nocivos.[53]
A bacteria Erysipelothrix rhusiopathiae, que provén probabelmente de peixes contaminados, pode ameazar ás belugas en cativerio causándolles anorexia, placas e lesións na derme que poden producir septicemia.[53] Esta condición pode causarlles a morte se non é diagnosticada e tratada a tempo con antibióticos.[54]
Nun estudo realizado en varios individuos de ambos os sexos para documentar a infección por helmintos comprobouse a presenza de larvas dunha especie do xénero Contracaecum no estómago e o intestino, Anisakis simplex no estómago, Pharurus pallasii nos condutos auditivos, Hadwenius seymouri no intestino e Leucasiella arctica no recto.[55][56]
As belugas cóntanse entre os primeiros cetáceos postos en catividade. A primeira delas foi exhibida en 1861, no Museo Americano de Barnum, na cidade de Nova York.[57] Durante o século XX o país onde se realizaron máis capturas con fins de exhibición foi Canadá. Durante o transcurso do século e até principios da década de 1960 capturábanse no estuario do río San Lourenzo, e a partir de 1967 iniciouse a súa captura no do río Churchill. Neste lugar, en 25 anos (até 1992, cando se prohibiu esta práctica), capturáronse 68 exemplares.[58] Despois de que Canadá deixara de ser o provedor destes animais a raíz da prohibición, Rusia converteuse no principal abastecedor de belugas para os acuarios do mundo. Os exemplares captúranse no delta do río Amur e nos mares do extremo oriente do país, e de alí os máis deles son transportados a acuarios de Moscova, San Petersburgo e Sochi; o resto expórtanse a outros países (incluído Canadá).[58]
En 2006 seguía a ser unha das especies de cetáceo mantidas en acuarios e parques en Norteamérica, Europa e Asia.[58] Nese ano exhibíanse en acuarios trinta belugas no Canadá e vinte e oito nos Estados Unidos, onde se notificaran até entón corenta e dúas mortes en cativerio.
Naquela época un exemplar podería valer no mercado até 100 000 dólares.[58]
Este cetáceo é moi popular entre os visitantes debido á súa cor branca e a ampla gama de expresións faciais e movementos cefálicos. Isto último posibilitado grazas á mobilidade adicional proporcionada por ter as vértebras cervicais non fusionadas.[12]
A maioría das belugas que se ven nos acuarios foron capturadas na natureza, debido a que os programas de reprodución en catividade tiveron pouco éxito.[59]
Por exemplo, en 2010 no acuario de Vancouver, Canadá, só dúas belugas, Qila e a súa filla Tiqa, permanecían con vida, despois de nacer en cativerio quince e dous anos antes, respectivamente.
Outras tres que naceron no mesmo lugar faleceron antes dos tres anos.[60]
A Armada dos Estados Unidos, desde 1960 até 1992, desenvolveu un programa que, entre outros obxectivos, pretendía estudar a capacidade dos mamíferos mariños para a ecolocación coa finalidade de deseñar métodos máis eficientes para detectar obxectos baixo a auga.
O programa iniciouse con golfiños pero logo numerosas belugas foron incorporadas ao programa, en 1975.[61] Este programa incluía tamén adestramento para a entrega de materiais e equipos baixo a auga a mergulladores, localización de persoas desaparecidas, vixilancia de botes e submarinos e monitorización baixo a auga usando cámaras suxeitas na boca.[61] Un programa semellante foi posto en funcionamento pola Armada de Rusia durante a guerra fría, no que ademais foron adestradas para contrarrestar minas navais en augas do Ártico.[48]
En novembro de 2006, no oceanográfico de Valencia (España) naceu a primeira beluga en catividade de Europa.[62] Este exemplar, que ó nacer mediu 1,20 metros e pesou 90 kg morreu ós 25 días, tras sufrir complicacións metabólicas e infecciosas ó non poder alimentarse axeitadamente.[63]
En 2009 durante unha competición de mergullo libre na cidade de Harbin na China, dentro dun estanque de auga xeada, unha beluga en cativerio chamada Mila axudou a subir até a superficie a unha mergulladora incapacitada para emerxer por si mesma suxeitándoa dunha perna, e posiblemente salvándolle a vida.[64]
Segundo a Lista Vermella da IUCN, o status da beluga, en 2008, era de pouco ameazada (NT).[1]
Antes deste ano estaba cualificada como especie vulnerábel, e o cambio xerou preocupación pola pouca certeza da cifra real e o escaso coñecemento das ameazas para todas as subpoboacións existentes na súa área de distribución (especialmente no Ártico ruso), e a posibilidade de que os esforzos de conservación cesaran, especialmente o manexo da caza. A razón exposta pola UICN para o cambio de status foi o feito de que a nivel global a especie non cumpre ningún dos criterios para catalogala como ameazada, que algunhas das subpoboacións máis grandes non estaban declinando e que os métodos mellorados para o censo da poboación indicaban que o tamaño da mesma era maior que o estimado previamente.[1]
As subpoboacións están suxeitas a diferentes niveis de ameaza e xustifican, por tanto, unha atención individual. O grupo non migratorio que habita na enseada de Cook incluíuse nos listados da UICN como subpoboación en perigo crítico de extinción en 2008, debido a que experimentara unha diminución precipitada nos últimos anos e actualmente o número descendeu a só uns poucos centos de individuos. Até o ano 1998 a captura excesiva foi a maior responsábel da declinación. Desde 1999 a caza rexistrada foi mínima, pero o número de animais non mostrou os signos de recuperación esperados.[1]
A mesma poboación foi catalogada como ameazada pola Lei de especies ameazadas en outubro de 2008 polo goberno federal dos Estados Unidos.[65][66][67]
En 1972 o Congreso dos Estados Unidos de América aprobou a Lei para a protección de mamíferos mariños (MMPA) na que se ilegaliza a caza e persecución de calquera mamífero mariño en augas dos Estados Unidos. Desde a súa aprobación esta lei tivo varias emendas e, até 2007, permitía algunhas excepcións, como a caza de subsistencia dos nativos, a captura temporal dunha cantidade restrinxida de mamíferos mariños con fins de investigación, educación e exhibición pública, e a captura accidental dalgúns exemplares no transcurso de operacións pesqueiras.[68] A lei tamén establece que todos os cetáceos que se encontren no mar territorial dos Estados Unidos están baixo a xurisdición do Servizo Nacional de Pesca Mariña, unha división da Administración Nacional Oceánica e Atmosférica (NOAA).[68]
A Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES) é un tratado internacional acordado en 1973 para regular a explotación comercial de certas especies; nela protéxense todas as especies de odontocetos.[69]
A poboación de belugas illada no río San Lourenzo está protexida legalmente desde 1983.[70] En 1988 o Departamento Canadense de Pesca e Océanos e Environment Canada, unha axencia do goberno encargada de supervisar os parques nacionais, implantaron o chamado Plan de Acción do San Lourenzo.[71] A finalidade deste plan era eliminar o 90% da contaminación industrial para o ano 1993; porén, en 1992 as emisións reducíranse só nun 59%.[40]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.