From Wikipedia, the free encyclopedia
O intestino é unha víscera do aparello dixestivo, de forma tubular, que se estende desde o estómago ata o ano. Alóxase na cavidade abdominal e cumpre unha función de secreción (propia e maila procedente de glándulas anexas como o páncreas ou o fígado) e de absorción dos nutrientes contidos nos alimentos inxeridos.
Presenta formas e estruturas diferentes segundo a especie animal, pero en xeral adopta a forma dun longo tubo con numerosas curvaturas ou asas intestinais. Nos vertebrados superiores (réptiles, aves e mamíferos) divídese en dúas estruturas morfolóxica e funcionalmente diferenciadas que, á súa vez, subdivídense en segmentos ou tramos con funcións específicas:
A lonxitude e estrutura do intestino, así como as partes en que se divide e o tamaño proporcional destas, son factores moi variables segundo a complexidade evolutiva da especie animal que se considere, pero tamén segundo a raza e o individuo.
As cifras aproximadas para o home e as especies domésticas son as seguintes:
Como pode observarse, o intestino dos animais carnívoros é proporcionalmente máis curto có dos animais herbívoros: mentres que no can e o gato vén sendo unhas 5 veces a lonxitude corporal, nos ruminantes é 20-25 veces maior có longo do corpo.
No período embrionario, o intestino é un tubo indiferenciado que comprende tres partes: o intestino anterior (ou porción cefálica, desde a membrana bucofarínxea ata o futuro duodeno), o intestino medio (do que se formarán o íleo e o xexuno) e mailo intestino caudal (posterior, desde o que será o colon transverso ata a membrana cloacal). O intestino medio está en comunicación co saco vitelino mediante o conduto onfalomesentérico.
Salvo usos locais, o intestino dos animais de abasto non ten outro aproveitamento có de servir de continente para a elaboración de embutidos. Constantino García recolleu o nome de crespóns para as “tripas debidamente preparadas para comer, es decir, lavadas y saladas”, en Crecente e Pereiramá (Castroverde) aínda que outros lexicógrafos dan este nome á graxa que rodea os intestinos.
O conxunto dos intestinos quitados dos animais de abasto recibe o nome popular de tripas e tripaxe, coas variantes de tripada, tripadela, tripallada, tripoiro ou triporio. Eladio Rodríguez recolle o nome colectivo de tripicallada para o conxunto das tripas e mailos callos; e tripicalleiro para a persoa que o vende.
O uso das tripas do porco para facer embutidos, especialmente as correspondentes ó intestino recto, deu lugar a un alto número de denominacións populares: cagadeiro, cagadoiro, cagueira, cagueiro (que funcionan tamén como adxectivo: tripa cagadeira, tripa cagueira, tripa do cagar [1]); tripa das morcillas, tripa morcilleira. Tamén se chama pedro, pedro péres e pedro pérez, nomes que pasan a designa-lo embutido que se fai con esta tripa.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.