A Terra[24] (AFI: [ˈtɛ.rɐ] ( )) (do latín Terra, deidade romana equivalente a Gaia, deusa grega da feminidade e da fecundidade), tamén chamada Mundo ou Planeta Azul, é un planeta do Sistema Solar que xira sobre si mesmo e ao redor da súa estrela —o Sol— na terceira órbita máis interna. Así mesmo é o fogar de millóns de especies de seres vivos, incluíndo os seres humanos e actualmente é o único corpo astronómico onde se coñece a existencia de vida.[25] É o máis denso e o quinto maior dos oito planetas do Sistema Solar. Tamén é o maior dos catro terrestres.
Terra | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
A Terra vista dende o espazo; imaxe coñecida como a bóla azul, captada pola tripulación do Apollo 17 o 7 de decembro de 1972 | |||||||||||||
Designacións | |||||||||||||
Pronunciación | [ˈtɛ.rɐ] | ||||||||||||
Símbolo | e | ||||||||||||
Características orbitais | |||||||||||||
Época J2000 [a] | |||||||||||||
Afelio | 152 097 701 km [b] (1,0167103 UA) | ||||||||||||
Perihelio | 147 098 074 km [b] (0,9832899 UA) | ||||||||||||
149 598 261 km [2] (1,00000261 UA) | |||||||||||||
Raio órbital medio | 0,999855 UA 149 597 870,691 km | ||||||||||||
Excentricidade | 0.01671123 [2] | ||||||||||||
365,256363004 días [3] 1,000017421 AJ | |||||||||||||
velocidade orbital media | 29,78 km/s [4] 107 200 km/h | ||||||||||||
Anomalía media | 358.617° | ||||||||||||
Inclinación | |||||||||||||
Lonxitude do nodo ascendente | -11,26064° [4][c] á eclíptica J2000 | ||||||||||||
2 de xaneiro de 2021 13:59 [6] | |||||||||||||
Argumento do perihelio | 114,20783° [4] | ||||||||||||
Satélites coñecidos |
| ||||||||||||
Características físicas | |||||||||||||
Raio medio | 6 371,0 km [7] | ||||||||||||
Raio ecuatorial | 6 378,1 km [8][9] | ||||||||||||
Raio polar | 6 356,8 km [10] | ||||||||||||
Achatamento | 0,0033528 [11] 1/298.257222101 (ETRS89) | ||||||||||||
Circunferencia | |||||||||||||
Área de superficie | |||||||||||||
Volume | 1,08321×1012 km3 [4] | ||||||||||||
Masa | 5,9736×1024 kg [14] | ||||||||||||
Densidade media | 5,515 g/cm3 [4] | ||||||||||||
Gravidade superficial | 9,780327 m/s [15] | ||||||||||||
Factor de momento de inercia | 0,3307 [16] | ||||||||||||
11,186 km/s [4] | |||||||||||||
Período de rotación sideral | 0,99726968 d [17] (23h 56m 4,100s) | ||||||||||||
Velocidade de rotación ecuatorial | 0,4651 km/s [18] | ||||||||||||
23°26′21″ 0,4119 [3] | |||||||||||||
Albedo | |||||||||||||
| |||||||||||||
Atmosfera | |||||||||||||
Presión atmosférica na superficie | 101,325 kPa (m s. n. m.) | ||||||||||||
Composición por volume |
|
A Terra formouse hai aproximadamente 4 550 millóns de anos e a vida xurdiu uns mil millóns de anos despois.[26] A atmosfera e outras condicións abióticas foron alteradas de forma significativa pola biosfera do planeta, favorecendo a proliferación de organismos aerobios, así como a formación dunha capa de ozono que xunto co campo magnético terrestre bloquean a radiación solar daniña, permitindo así a vida na Terra.[27] As propiedades físicas da Terra, a historia xeolóxica e a súa órbita permitiron que a vida siga existindo. Estímase que o planeta seguirá sendo capaz de sustentar vida durante outros 500 millóns de anos, xa que segundo as previsións actuais, pasado ese tempo a crecente luminosidade do Sol terminará causando a extinción da biosfera.[28][29][30]
A superficie terrestre ou codia está dividida en varias placas tectónicas que se deslizan sobre o magma durante períodos de varios millóns de anos. A superficie está cuberta por continentes e illas, estes posúen varios lagos, ríos e outras fontes de auga, que, xunto cos océanos de auga salgada, representan cerca do 71% da superficie e constitúen a hidrosfera. Non se coñece ningún outro planeta con este equilibrio de auga líquida,[f] que é indispensable para calquera tipo de vida coñecida. Os polos da Terra están cubertos na súa maioría de xeo sólido (Inlandsis da Antártida) ou de banquisas (casquete polar ártico). O interior do planeta é xeoloxicamente activo, cunha grosa capa de manto relativamente sólido, un núcleo externo líquido que xera un campo magnético, e un núcleo interior sólido composto aproximadamente dun 88% de ferro.[32]
A Terra interactúa gravitatoriamente con outros obxectos no espazo, especialmente o Sol e a Lúa. Na actualidade, a Terra completa unha órbita ao redor do Sol cada vez que realiza 366,26 xiros sobre o seu eixe, o cal é equivalente a 365,26 días solares ou a un ano sideral.[g] O eixe de rotación da Terra atópase inclinado 23,4° con respecto á perpendicular do seu plano orbital, o que produce as variacións estacionais na superficie do planeta cun período dun ano tropical (365,24 días solares). A Terra posúe un único satélite natural, a Lúa, que comezou a orbitar a Terra hai 4 530 millóns de anos; esta produce as mareas, estabiliza a inclinación do eixe terrestre e reduce gradualmente a velocidade de rotación do planeta. Hai aproximadamente entre 3 800 a 4 100 millóns de anos, durante o chamado bombardeo intenso tardío, numerosos asteroides impactaron na Terra, causando significativos cambios na maior parte da súa superficie.
Tanto os recursos minerais do planeta como os produtos da biosfera proporcionan materias primas que se utilizan para soster á poboación humana mundial. Os seus habitantes están agrupados nuns 200 estados soberanos independentes, que interactúan a través da diplomacia, as viaxes, o comercio, e a acción militar. As culturas humanas desenvolveron moitas ideas sobre o planeta, incluída a personificación dunha deidade, a crenza nunha Terra plana ou na Terra como centro do universo, e unha perspectiva moderna do mundo como unha contorna integrada que require administración.
A súa distancia media ó Sol é considerada a unidade astronómica (UA), igual a 149 597 870,69 km. Adoita redondearse a 1,5x1011 m.
Cronoloxía
- Artigo principal: Historia da Terra.
Formación
Os científicos puideron reconstruír información detallada sobre o pasado da Terra. Segundo estes estudos o material máis antigo do sistema solar formouse hai 4,5672 ± 0,0006 miles de millóns de anos,[33] e hai arredor duns 4 550 millóns de anos (cunha incerteza do 1%)[26] formáronse xa a Terra e os outros planetas do Sistema Solar a partir da nebulosa solar; unha masa en forma de disco composta do po e gas remanente da formación do Sol. Este proceso de formación da Terra a través da acreción tivo lugar maioritariamente nun prazo de 10-20 millóns de anos.[34] A capa exterior do planeta, inicialmente fundida, arrefriouse ata formar unha codia sólida cando a auga comezou a acumularse na atmosfera. A Lúa formouse pouco despois, hai uns 4 530 millóns de anos.[35][36]
A Lúa púidose formar ao mesmo tempo que a Terra e seguindo un proceso paralelo. O actual modelo consensuado[37] sobre a formación da Lúa —elaborado por William K. Hartmann e Donald R. Davis— é a teoría do grande impacto, que postula que a Lúa creouse cando un obxecto do tamaño de Marte chamado Tea, con cerca do 10% da masa da Terra,[38] impactou de forma tanxencial contra esta.[39] Neste modelo, parte da masa deste corpo podería terse fusionado coa Terra, mentres outra parte sería expulsada ao espazo, proporcionando suficiente material en órbita como para desencadear novamente un proceso de aglutinamento por forzas gravitatorias, e formando así a Lúa.[40]
Historia xeolóxica
A desgasificación da codia e a actividade volcánica produciron a atmosfera primordial da Terra. A condensación de vapor de auga, xunto co xeo e a auga líquida achegada polos asteroides e por protoplanetas, cometas e obxectos transneptunianos produciron os océanos.[41] O recentemente formado Sol só tiña o 70% da súa luminosidade actual; con todo, existen evidencias que mostran que os primitivos océanos mantivéronse en estado líquido; unha contradición denominada o «paradoxo do novo Sol débil» xa que aparentemente a auga non debería ser capaz de permanecer nese estado líquido senón no sólido debido á pouca enerxía solar recibida.[42] Con todo, unha combinación de gases de efecto invernadoiro e maiores niveis de actividade solar contribuíron a elevar a temperatura da superficie terrestre, impedindo así que os océanos se conxelasen.[43] Hai 3 500 millóns de anos formouse o campo magnético da Terra, o que axudou a evitar que a atmosfera fose arrastrada polo vento solar.[44]
Propuxéronse dous grandes modelos para o crecemento dos continentes:[45] o modelo de crecemento constante,[46] e o modelo de crecemento rápido nunha fase temperán da historia da Terra.[47] As investigacións actuais suxiren que a segunda opción é máis probable, cun rápido crecemento inicial da codia continental, seguido dun longo período de estabilidade.[28][h][30] En escalas de tempo de centos de millóns de anos de duración, a superficie terrestre estivo en constante remodelación, formando e fragmentando continentes pola tectónica de placas, proceso promovido pola constante perda de calor do interior do planeta que xera movementos convectivos. Estes continentes desprazáronse pola superficie, combinándose en ocasións para formar un supercontinente. Hai aproximadamente 750 millóns de anos (Ma), un dos primeiros supercontinentes coñecidos, Rodinia, comezou a crebarse. Os continentes máis tarde recombináronse novamente para formar Pannotia, entre 600 a 540 Ma, e finalmente Panxea, que se fragmentou hai 180 Ma ata chegar á configuración continental actual.[49]
Orixe e evolución da vida
- Artigos principais: Abioxénese e Historia evolutiva da vida.
A día de hoxe, a Terra proporciona o único exemplo coñecido dunha contorna que deu lugar á evolución da vida.[50] Crese que procesos químicos altamente enerxéticos produciron unha molécula autoreplicante hai aproximadamente 4 000 millóns de anos, e entre 3 500 e 3 800 millóns de anos existiu o último antepasado común universal.[51] O desenvolvemento da fotosíntese permitiu que os seres vivos recollesen de forma directa a enerxía do Sol; o osíxeno resultante acumulado na atmosfera formou unha capa de ozono (unha forma de osíxeno molecular [O3]) na atmosfera superior. A incorporación de células máis pequenas dentro das máis grandes deu como resultado o desenvolvemento das células complexas chamadas eucariotas.[52]<refname="Margulis2009" />[53] Os verdadeiros organismos multicelulares formáronse cando células dentro de colonias se fixeron cada vez máis especializadas. A vida colonizou a superficie da Terra en parte grazas á absorción da radiación ultravioleta por parte da capa de ozono.[54]
Na década de 1960 xurdiu unha hipótese que afirma que durante o período Neoproterozoico, dende 750 ata os 580 Ma (millóns de anos), produciuse unha intensa glaciación na que gran parte do planeta foi cuberto por unha capa de xeo. Esta hipótese foi denominada "Terra bóla de neve", e é de particular interese xa que este suceso precedeu á chamada explosión do Cámbrico, na que as formas de vida multicelulares comezaron a proliferar.[55]
Trala explosión de vida do Cámbrico, hai uns 535 Ma, producíronse cinco grandes extincións en masa.[56] Delas, o evento máis recente ocorreu hai 65 Ma, cando o impacto dun asteroide provocou a extinción dos dinosauros non aviarios, así como doutros grandes réptiles, excepto algúns pequenos animais como os mamíferos, que por aquel entón eran similares ás actuais musarañas. Durante os últimos 65 millóns de anos os mamíferos diversificáronse, ata que hai varios millóns de anos, un animal africano con aspecto de simio, coñecido como o Orrorin tugenensis, adquiriu a capacidade de manterse en pé.[57] Isto permitiulle utilizar ferramentas e favoreceu a súa capacidade de comunicación, proporcionando a nutrición e a estimulación necesarias para desenvolver un cerebro máis grande, e permitindo así a evolución da especie humana. O desenvolvemento da agricultura e da civilización permitiu aos humanos alterar a Terra nun curto espazo de tempo como non o fixo ningunha outra especie,[58] afectando tanto á natureza como á diversidade e cantidade de formas de vida.
O presente patrón de idades de xeo comezou hai arredor de 40 Ma e logo intensificouse durante o Plistoceno, hai arredor de 3 Ma. Dende entón as rexións en latitudes altas foron obxecto de repetidos ciclos de glaciación e desxeo, en ciclos de 40-100 mil anos. A última glaciación continental terminou hai 10 000 anos.[59]
Futuro
- Artigo principal: Futuro da Terra.
O futuro do planeta está estreitamente ligado ao do Sol. Como resultado da acumulación constante de helio no núcleo do Sol, a luminosidade total da estrela irá aos poucos en aumento. A luminosidade do Sol crecerá nun 10% nos próximos 1,1 Ga (1 100 millóns de anos) e nun 40% nos próximos 3,5 Ga.[60] Os modelos climáticos indican que o aumento da radiación podería ter consecuencias nefastas na Terra, incluíndo a perda dos océanos do planeta.[61]
Espérase que a Terra sexa habitable por ao redor doutros 500 millóns de anos a partir deste momento,[62] aínda que este período podería estenderse ata 2.300 millóns de anos se se elimina o nitróxeno da atmosfera.[63] O aumento de temperatura na superficie terrestre acelerará o ciclo do CO2 inorgánico, o que reducirá a súa concentración ata niveis letalmente baixos para as plantas (10 ppm para a fotosíntese C4) dentro de aproximadamente 500[62] a 900 millóns de anos. A falta de vexetación resultará na perda de osíxeno na atmosfera, o que provocará a extinción da vida animal ao longo de varios millóns de anos máis.[64] Despois doutros mil millóns de anos, todas as augas superficiais desaparecerían[65] e a temperatura media global alcanzará os 70 °C.[64] Mesmo se o Sol fose eterno e estable, o continuo arrefriado interior da Terra traduciríase nunha gran perda de CO2 debido á redución da actividade volcánica,[66] e o 35 % da auga dos océanos podería descender ata o manto debido á diminución do vapor de ventilación nas dorsais oceánicas.[67]
O Sol, seguindo a súa evolución natural, converterase nunha xigante vermella nuns 5 Ga. Os modelos predín que o Sol se expandirá ata unhas 250 veces o seu tamaño actual, alcanzando un raio próximo a 1 UA (uns 150 millóns de km).[60][68] O destino que sufrirá a Terra entón non está claro. Sendo unha xigante vermella, o Sol perderá aproximadamente o 30 % da súa masa, polo que sen os efectos das mareas, a Terra moverase a unha órbita de 1,7 UA (uns 250 millóns de km) do Sol cando a estrela alcance o seu raio máximo. Polo tanto espérase que o planeta escape inicialmente de ser envolvido pola tenue atmosfera exterior expandida do Sol. Aínda así, calquera forma de vida restante sería destruída polo aumento da luminosidade do Sol (alcanzando un máximo de preto de 5000 veces o seu nivel actual).[60] Con todo, unha simulación realizada en 2008 indica que a órbita da Terra decaerá debido aos efectos de marea e arrastre, ocasionando que o planeta penetre na atmosfera estelar e se vaporice.[68]
Composición e estrutura
- Artigo principal: Ciencias da Terra.
A Terra é un planeta terrestre, o que significa que é un corpo rochoso e non un xigante gasoso como Xúpiter. É o máis grande dos catro planetas terrestres do Sistema Solar en tamaño e masa, e tamén é o que ten a maior densidade, a maior gravidade superficial, o campo magnético máis forte e a rotación máis rápida dos catro.[69] Tamén é o único planeta terrestre con placas tectónicas activas.[70] O movemento destas placas produce que a superficie terrestre estea en constante cambio, sendo responsables da formación de montañas, da sismicidade e do vulcanismo.
O ciclo destas placas tamén xoga un papel preponderante na regulación da temperatura terrestre, contribuíndo á reciclaxe de gases con efecto invernadoiro como o dióxido de carbono, por medio da renovación permanente dos fondos oceánicos.[71]
A masa da Terra é moi estable a grandes trazos, uns 5,9736×1024 kg, mais intercambia materia co exterior, tanto por evaporación atmosférica como por caída de meteoritos. Esta última supón máis de 10.000 t anuais (unhas 54 t diarias).[72][73]
Forma
- Artigo principal: Forma da Terra.
A forma da Terra é moi parecida á dun esferoide oblato, unha esfera achatada polos polos, resultando nun avultamento ao redor do ecuador.[74] Este avultamento está causado pola rotación da Terra, e ocasiona que o diámetro no ecuador sexa 43 km máis longo que o diámetro dun polo ao outro.[75] Hai aproximadamente 22 000 anos a Terra tiña unha forma máis esférica, a maior parte do hemisferio norte atopábase cuberto por xeo, e a medida que o xeo se derretía causaba unha menor presión na superficie terrestre na que se sostiñan causando isto un tipo de «rebote»,[76] este fenómeno seguiu ocorrendo ata a mediados da década de 1990 cando os científicos se decataron de que este proceso se inverteu, é dicir, o avultamento aumentaba, as observacións do satélite GRACE mostran que polo menos dende 2002, a perda de xeo de Groenlandia e da Antártida foi a principal responsable desta tendencia.
A topografía local desvíase deste esferoide idealizado, aínda que as diferenzas a escala global son moi pequenas: a Terra ten unha desviación de aproximadamente unha parte entre 584, ou o 0,17%, dende o esferoide de referencia, que é menor á tolerancia do 0,22% permitida nas bólas de billar.[77] As maiores desviacións locais na superficie rochosa da Terra son o monte Everest (8 848 m sobre o nivel local do mar) e o abismo de Challenger, ao sur da foxa das Marianas (10 911 m baixo o nivel local do mar). Debido á protuberancia ecuatorial, os cumios terrestres máis afastados do centro da terra son o volcán Chimborazo en Ecuador e a montaña Huascarán no Perú.[78][79][80]
Tamaño
A circunferencia no ecuador é de 40 091 km. O diámetro no ecuador é de 12 756 km e nos polos de 12 730 km.[81]
O diámetro medio de referencia para o esferoide é duns 12 742 km, que é aproximadamente 40 000 km/π, xa que o metro definiuse orixinalmente como a dezmillonésima parte da distancia dende o ecuador ata o Polo Norte en París, Francia.[82]
A primeira medición do tamaño da terra foi feita por Eratóstenes, no ano 240 a. C. Nesa época aceptábase que a terra era esférica. Eratóstenes calculou o tamaño da terra medindo o ángulo con que alumaba o sol no solsticio, tanto en Alexandría como en Siena, distante a 750 km. O tamaño que obtivo foi dun diámetro de 12 000 km e unha circunferencia de 40 000 km,[83] é dicir cun erro de só o 6% respecto dos datos actuais.
Posteriormente Posidonio de Apamea repetiu as medicións no ano 100 a. C., obtendo o dato de 29 000 km para a circunferencia, considerablemente máis impreciso respecto dos datos actuais. Este último valor foi o que aceptou Tolomeo, polo que prevaleceu ese valor nos seguintes séculos.[83]
Cando Fernando de Magallanes deu a volta a todo o planeta en 1521, restableceuse o dato calculado por Eratóstenes.[84]
Composto | Fórmula | Composición | |
---|---|---|---|
Continental | Oceánica | ||
sílice | SiO2 | 60,2% | 48,6% |
alumina | Al2O3 | 15,2% | 16,5% |
cal | CaO | 5,5% | 12,3% |
magnesio | MgO | 3,1% | 6,8% |
óxido de ferro (II) | FeO | 3,8% | 6,2% |
óxido de sodio | Na2O | 3,0% | 2,6% |
óxido de potasio | K2O | 2,8% | 0,4% |
óxido de ferro (III) | Fe2O3 | 2,5% | 2,3% |
auga | H2O | 1,4% | 1,1% |
dióxido de carbono | CO2 | 1,2% | 1,4% |
óxido de titanio | TiO2 | 0,7% | 1,4% |
óxido de fósforo | P2O5 | 0,2% | 0,3% |
Total | 99,6% | 99,9% |
Composición química
A masa da Terra é aproximadamente de 5,98×1024 kg. Os elementos químicos que a compoñen son principalmente ferro (32,1%) osíxeno (30,1%), silicio (15,1%), magnesio (13,9%), xofre (2,9%), níquel (1,8%), calcio (1,5%) e aluminio (1,4%) e o 1,2% restante de trazas doutros elementos.[86] Debido á segregación de masa, crese que a zona do núcleo está composta principalmente de ferro (88,8%), con pequenas cantidades de níquel (5,8%), xofre (4,5%), e menos do 1% formado por trazas doutros elementos.[86]
O xeoquímico F.W. Clarke calcula que un pouco máis do 47% da codia terrestre componse de osíxeno. Os compoñentes das rochas máis comúns da codia da Terra son case todos óxidos. Cloro, xofre e flúor son as únicas excepcións significativas, e a súa presenza total en calquera rocha é xeralmente moito menor do 1%. Os principais óxidos son os de silicio (sílice), aluminio (alumina), ferro, calcio (cal), magnesio, potasio (potasa) e sodio. A sílice actúa principalmente como un ácido formando silicatos, os minerais máis comúns das rochas ígneas. A partir dun cálculo en base a 1 672 análises de todo tipo de rochas, Clarke deduciu que un 99,22% das rochas están compostas por 11 óxidos (véxase o cadro da dereita). Todos os demais prodúcense só en cantidades moi pequenas.[87]
Estrutura interna
- Artigos principais: Estrutura interna da Terra e Xeosfera.
O interior da Terra, do mesmo xeito que o dos outros planetas terrestres, está dividido en capas segundo a súa composición química ou as súas propiedades físicas (reolóxicas), pero a diferenza dos outros planetas terrestres, ten un núcleo interno e externo distintos. A súa capa externa é unha codia de silicato sólido, quimicamente diferenciado, baixo a cal atópase un manto sólido de alta viscosidade. A codia está separada do manto pola descontinuidade de Mohorovičić, variando o espesor da mesma dende unha media de 6 km nos océanos a unha media de 30 e 50 km nos continentes. A codia e a parte superior fría e ríxida do manto superior coñécense comunmente como a litosfera, e é da litosfera do que están compostas as placas tectónicas.[88]
Debaixo da litosfera atópase a astenosfera, unha capa de relativamente baixa viscosidade sobre a que flota a litosfera. Dentro do manto, entre os 410 e 660 km baixo a superficie, prodúcense importantes cambios na estrutura cristalina. Estes cambios xeran unha zona de transición que separa a parte superior e inferior do manto. Baixo o manto atópase un núcleo externo líquido de viscosidade extremadamente baixa, cubrindo un núcleo interno sólido.[89] O núcleo interno pode xirar cunha velocidade angular lixeiramente superior que o resto do planeta, avanzando de 0,1 a 0,5° por ano.[90] A densidade increméntase coa profundidade, como se pode apreciar na táboa.[88]
Corte da Terra dende o núcleo ata a exosfera (non está a escala). |
Profundidade[92] km |
Compoñentes das capas |
Densidade g/cm³ |
---|---|---|---|
0-60 | Litosfera[i] | — | |
0-35 | Codia[j] | 2,2-2,9 | |
35-60 | Manto superior | 3,4-4,4 | |
35-2890 | Manto | 3,4-5,6 | |
100-700 | Astenosfera | — | |
2890-5100 | Núcleo externo | 9,9-12,2 | |
5100-6378 | Núcleo interno | 12,8-13,1 |
Distribución da xeosfera
A xeosfera divídese en tres partes: codia, manto e núcleo.
Codia
É a parte máis superficial da Terra. Pódense distinguir dous tipos de codia:
- Codia continental: duns 70 km de grosor, a súa rocha máis abundante é o granito. Pódese observar nos continentes e nas illas.
- Codia oceánica: duns 10 km de grosor. Na súa composición abunda o basalto.
Manto
Capa situada debaixo da codia. As rochas que o constitúen son ricas en osíxeno, magnesio, silicio e ferro. Encóntrase a temperaturas entre os 1 500 e 3 000 °C.
Núcleo terrestre
Ocupa o centro da Terra. Está constituído por rochas ricas en ferro e níquel, Está a unha temperatura duns 6 000 °C. Podémolo dividir en dous tipos:
Calor
A calor interna da Terra provén dunha combinación da calor residual da acreción planetaria (20%) e da calor producida pola desintegración radioactiva (80%).[93] Os isótopos con maior produción de calor na Terra son o potasio-40, o uranio-238, uranio-235 e torio-232.[94] No centro do planeta, a temperatura pode chegar ata os 7 000 K e a presión pode alcanzar os 360 GPa.[95] Debido a que gran parte da calor é proporcionada pola desintegración radioactiva, os científicos cren que na historia temperá da Terra, antes de que os isótopos de reducida vida media se esgotaran, a produción de calor da Terra foi moito maior. Esta produción de calor extra, que hai aproximadamente 3 000 millóns de anos era o dobre que a produción actual,[93] puido incrementar os gradientes de temperatura dentro da Terra, incrementando a convección do manto e a tectónica de placas, permitindo a produción de rochas ígneas como as komatitas que non se forman na actualidade.[96][97]
Isótopo | Calor emitido Vatios/kg isótopo |
Vida media anos |
Concentración media do manto kg isótopo/kg manto |
Calor emitido W/kg manto |
---|---|---|---|---|
238U | 9,46 × 10-5 | 4,47 × 109 | 30,8 × 10-9 | 2,91 × 10-12 |
235U | 5,69 × 10-4 | 7,04 × 108 | 0,22 × 10-9 | 1,25 × 10-13 |
232Th | 2,64 × 10-5 | 1,40 × 1010 | 124 × 10-9 | 3,27 × 10-12 |
40K | 2,92 × 10-5 | 1,25 × 109 | 36,9 × 10-9 | 1,08 × 10-12 |
A media de perda de calor da Terra é de 87 mW m-2, que supón unha perda global de 4,42 × 1013 W.[99] Unha parte da enerxía térmica do núcleo é transportada cara á codia por plumas do manto; unha forma de convección que consiste en afloramentos de rocha a altas temperaturas. Estas plumas poden producir puntos quentes e coadas de basalto.[100] A maior parte da calor que perde a Terra fíltrase entre as placas tectónicas, nas surxencias do manto asociadas ás dorsais oceánicas. Case todas as perdas restantes prodúcense por condución a través da litosfera, principalmente nos océanos, xa que alí a codia é moito máis delgada que nos continentes.[101][102]
Placas tectónicas
- Artigo principal: Tectónica de placas.
Nome da placa | Área 106 km² |
---|---|
Placa africana[h] | 78,0 |
Placa antártica | 60,9 |
Placa indoaustraliana | 47,2 |
Placa euroasiática | 67,8 |
Placa norteamericana | 75,9 |
Placa suramericana | 43,6 |
Placa pacífica | 103,3 |
A mecanicamente ríxida capa externa da Terra, a litosfera, está fragmentada en pezas chamadas placas tectónicas. Estas placas son elementos ríxidos que se moven en relación uns con outros seguindo un destes tres patróns: bordos converxentes, no que dúas placas se aproximan; bordos diverxentes, no que dúas placas se separan, e bordos transformantes, no que dúas placas se deslizan lateralmente entre si.[104] Ao longo destes bordos de placa prodúcense os terremotos, a actividade volcánica, a formación de montañas e a formación de fosas oceánicas.[105] As placas tectónicas deslízanse sobre a parte superior da astenosfera, a sólida pero menos viscosa sección superior do manto, que pode fluír e moverse xunto coas placas,[106] e cuxo movemento está fortemente asociado aos patróns de convección dentro do manto terrestre.[107]
A medida que as placas tectónicas migran a través do planeta, o fondo oceánico se subduce baixo os bordos das placas nos límites converxentes. Ao mesmo tempo, o afloramento de material do manto nos límites diverxentes crea novo fondo oceánico nas dorsais oceánicas. A combinación destes procesos recicla continuamente a codia oceánica novamente no manto.[108] Debido a este proceso de reciclaxe, a maior parte do chan mariño ten menos de 100 millóns de anos de idade. A codia oceánica máis antiga atópase no Pacífico Occidental, e ten unha idade estimada duns 200 millóns de anos.[109][110] En comparación, a codia continental máis antiga rexistrada ten 4 030 millóns de anos de idade.[111]
As 7 placas máis grandes son a pacífica, norteamericana, eurasiática, africana, antártica, indoaustraliana e suramericana.[112] Outras placas notables son a placa indica, a placa arábiga, a placa do Caribe, a placa de Naza na costa occidental de América do Sur, e a placa de Scotia no sur do océano Atlántico. A placa de Australia fusionouse coa placa da India hai entre 50 e 55 millóns de anos. As placas con movemento máis rápido son as placas oceánicas, coa placa de Cocos avanzando a unha velocidade de 75 mm/ano[113] e a placa do Pacífico movéndose entre 52 a 69 mm/ano. No outro extremo, a placa con movemento máis lento é a placa eurasiática, que avanza a unha velocidade típica de aproximadamente 21 mm/ano.[114].[115]
Superficie
- Artigos principais: Accidente xeográfico, Codia terrestre, Xeomorfoloxía e Litosfera.
A superficie total da Terra ten arredor de 510 millóns de km2.[13] O relevo da Terra varía enormemente dun lugar a outro. Cerca do 70,8%[116] da superficie está cuberta por auga, con gran parte da plataforma continental por baixo do nivel do mar. A superficie mergullada ten características montañosas, incluíndo un sistema de dorsais oceánicas, así como volcáns submarinos,[75] fosas oceánicas, canóns submarinos, mesetas e chairas abisais. O restante 29,2% non cuberto pola auga componse de montañas, desertos, chairas, mesetas e outras xeomorfoloxías.
A superficie do planeta moldéase ao longo de períodos de tempo xeolóxicos, debido ó feito da erosión e da tectónica. As características desta superficie formada ou deformada mediante a tectónica de placas están suxeitas a unha constante erosión por mor das precipitacións, os ciclos térmicos e os efectos químicos. A glaciación, a erosión costeira, a acumulación dos arrecifes de coral e os grandes impactos de meteoritos[117] tamén actúan para remodelar a paisaxe.
A codia continental componse de material de menor densidade, como as rochas ígneas granito e andesita. Menos común é o basalto, unha densa rocha volcánica que é o compoñente principal dos fondos oceánicos.[118] As rochas sedimentarias fórmanse pola acumulación de sedimentos compactados. Case o 75% da superficie continental está cuberta por rochas sedimentarias, a pesar de que estas solo forman un 5% da codia.[119] O terceiro material rochoso máis abundante na Terra son as rochas metamórficas, creadas a partir da transformación de tipos de rocha xa existentes mediante altas presións, altas temperaturas, ou ambas as dúas. Os minerais de silicato máis abundantes na superficie da Terra inclúen o cuarzo, os feldespatos, o anfíbolo, a mica, o piroxeno e a olivina.[120] Os minerais de carbonato máis comúns son a calcita (que se atopa en pedra calcaria) e a dolomita.[121]
A pedosfera é a capa máis externa da Terra. Está composta de terra e está suxeita aos procesos de formación do chan. Existe no encontro entre a litosfera, a atmosfera, a hidrosfera e a biosfera. Actualmente o 13,31% do total da superficie terrestre é terra cultivable, e só o 4,71% soporta cultivos permanentes.[122] Cerca do 40% da superficie emerxida utilízase actualmente como terras de cultivo e prados, estimándose un total de 1,3X107 km² para terras de cultivo e 3,4X107 km² para terras de pastoreo.[123]
A elevación da superficie terrestre varía entre o punto máis baixo de -418 m no mar Morto a unha altitude máxima, estimada en 2005, de 8 848 m na cima do monte Everest. A altura media da Terra sobre o nivel do mar é de 797 m.[124][125]
Imaxes de satélite da Terra
- Véxase tamén: Cartografía.
O satélite ambiental Envisat da ESA desenvolveu un retrato detallado da superficie da Terra. A través do proxecto GLOBCOVER desenvolveuse a creación dun mapa global da cobertura terrestre cunha resolución tres veces superior á de calquera outro mapa por satélite ata aquel momento (2005).[126]
A NASA completou un novo mapa tridimensional, que é a topografía máis precisa do planeta, elaborada durante catro anos cos datos transmitidos polo transbordador espacial Endeavour. Os datos analizados corresponden ao 80% da masa terrestre. Cobre os territorios de Australia e Nova Zelandia con detalles sen precedentes. Tamén inclúe máis de mil illas da Polinesia e a Melanesia no Pacífico sur, así como illas do Índico e o Atlántico. Moitas desas illas apenas se levantan uns metros sobre o nivel do mar e son moi vulnerables aos efectos das marusías e tormentas, polo que o seu coñecemento axudará a evitar catástrofes; os datos proporcionados pola misión do Endeavour terán unha ampla variedade de usos, como a exploración virtual do planeta.[127]
Hidrosfera
- Artigo principal: Hidrosfera.
A abundancia de auga na Terra é un dos factores que distinguen o "Planeta Azul" do resto de planetas do sistema solar. Aproximadamente o 70,8% da Terra esta cuberta de auga e soamente un 29,2% da mesma é terra firme.
A hidrosfera da Terra abarca os océanos principalmente, pero tamén se inclúen nela tódalas augas que existen no planeta, incluíndo os mares, lagos, ríos e augas soterradas ata unha profundidade de 2 000 m.[128] O lugar máis profundo baixo a auga é o abismo de Challenger da foxa das Marianas, no océano Pacífico, cunha profundidade de -10 911,4 m.[k][129]
A masa dos océanos é de aproximadamente 1,35x1018 toneladas métricas, ou aproximadamente 1/4 400 da masa total da Terra. Os océanos cobren unha área de 361,84x106 km² cunha profundidade media de 3 682,2 m, o que resulta nun volume estimado de 1,3324x109 km³.[130] Se se nivelase toda a superficie terrestre, a auga cubriría a superficie do planeta ata unha altura de máis de 2,7 km. A área total da Terra é de 5,1x108 km². Para a primeira aproximación, a profundidade media sería a relación entre os dous, ou de 2,7 km. Aproximadamente o 97,5% da auga é salgada, mentres que o restante 2,5% é auga doce. A maior parte da auga doce, aproximadamente o 68,7%, atópase actualmente en estado de xeo.[131]
Nas rexións máis frías da Terra, a neve sobrevive durante o verán transformándose en xeo. Esta neve e o xeo acumulados eventualmente forman glaciares, corpos de xeo que flúen baixo a influencia da gravidade. Os glaciares alpinos fórmanse en áreas montañosas, mentres que as grandes capas de xeo se forman sobre a terra nas rexións polares. O fluxo dos glaciares erosiona a superficie drasticamente, coa formación de vales en forma de U e outros accidentes xeográficos. O xeo mariño no Ártico cobre unha área case tan grande como os Estados Unidos, aínda que está retrocedendo rapidamente como consecuencia do cambio climático.
A salinidade media dos océanos é duns 35 gramos de sal por quilogramo de auga (35‰).[132] A maior parte deste sal foi liberado pola actividade volcánica, ou extraída das rochas ígneas xa arrefriadas.[133] Os océanos son tamén unha reserva de gases atmosféricos disoltos, sendo estes esenciais para a supervivencia de moitas formas de vida acuática.[134] A auga dos océanos ten unha influencia importante sobre o clima do planeta, actuando como un foco calórico de gran tamaño.[135] Os cambios na distribución da temperatura oceánica poden causar alteracións climáticas, tales como a Oscilación Sur, El Niño.[136]
Atmosfera
- Artigo principal: Atmosfera terrestre.
A atmosfera terrestre divídese nas seguintes partes: troposfera, estratosfera, mesosfera e termosfera.
A presión atmosférica media a nivel do mar da Terra é de 101 325 kPa cunha escala de altura de aproximadamente 8,5 km.[4] Está composta nun 78% por nitróxeno e nun 21% por osíxeno, ademais de cantidades menores doutras moléculas gasosas coma por exemplo vapor de auga.
A biosfera da Terra alterou de forma significativa a atmosfera. A fotosíntese oxixénica evolucionou hai 2 700 millóns de anos, formando principalmente a atmosfera actual de nitróxeno-osíxeno. Este cambio permitiu a proliferación dos organismos aerobios, así como a formación da capa de ozono que bloquea a radiación ultravioleta proveniente do Sol, permitindo a vida fóra da auga. Outras funcións importantes da atmosfera para a vida na Terra inclúen o transporte de vapor de auga, proporcionar gases útiles, queimar os meteoritos pequenos antes de que alcancen a superficie, e moderar a temperatura.[137] Este último fenómeno coñécese como o efecto invernadoiro: trazas de moléculas presentes na atmosfera capturan a enerxía térmica emitida dende o chan, aumentando así a temperatura media. O dióxido de carbono, o vapor de auga, o metano e o ozono son os principais gases de efecto invernadoiro da atmosfera da Terra. Sen este efecto de retención da calor, a temperatura superficial media sería de -18 °C e a vida probablemente non existiría.[116]
Clima e tempo atmosférico
- Artigos principais: Clima e Tempo atmosférico.
A atmosfera da Terra non ten un límite definido, senón que vai sendo máis fina ata esvaecerse no espazo a medida que se atopa máis lonxe da Terra. Tres cuartas partes da masa atmosférica están contidas dentro dos primeiros 11 km da superficie do planeta. Esta capa inferior chámase troposfera. A altura da troposfera varía coa latitude, entre 8 km nos polos e 17 km no ecuador, con algunhas variacións debido á climatoloxía e os factores estacionais.[138] A enerxía do Sol quenta esta capa e a superficie baixo esta, causando a expansión do aire. O aire quente elévase debido a súa menor densidade, sendo substituído por aire de maior densidade, é dicir, aire máis frío. Isto dá como resultado a circulación atmosférica que xera o tempo e o clima a través da redistribución da enerxía térmica.[139]
As liñas principais de circulación atmosférica constitúenas os ventos alisios na rexión ecuatorial por baixo dos 30° de latitude, e os ventos do oeste en latitudes medias entre os 30° e os 60°.[140] As correntes oceánicas tamén son factores importantes para determinar o clima, especialmente a circulación termohalina que distribúe a enerxía térmica dos océanos ecuatoriais ás rexións polares.[141]
A cantidade de enerxía solar que chega á Terra diminúe ao aumentar a latitude. Nas latitudes máis altas a luz solar incide na superficie nun ángulo menor, tendo que atravesar grosas columnas de atmosfera. Como resultado, a temperatura media anual do aire a nivel do mar redúcese en aproximadamente 0,4 °C por cada grao de latitude afastándose do ecuador.[142] A Terra pode ser subdividida en franxas latitudinais máis ou menos homoxéneas cun clima específico. Dende o ecuador ata as rexións polares, atópanse a zona intertropical (ou ecuatorial), o clima subtropical, o clima temperado e os climas polares.[143]
Outros factores que afectan ao clima dun lugar son a súa proximidade aos océanos, a circulación oceánica e atmosférica e a topoloxía. Os lugares próximos aos océanos adoitan ter veráns máis fríos e invernos máis quentes, debido ao feito de que os océanos poden almacenar grandes cantidades de calor. O vento transporta o frío ou a calor do océano á terra. A circulación atmosférica tamén xoga un papel importante: cidades costeiras de latitudes similares, como Vigo e Nova York, poden ter climas moi diferentes dependendo da dirección do vento predominante. Por outra banda, as temperaturas diminúen coa altura provocando que as áreas montañosas sexan máis frías que as áreas baixas.
O vapor de auga xerado a través da evaporación superficial é transportado segundo os patróns de circulación da atmosfera. Cando as condicións atmosféricas permiten a elevación do aire quente e húmido, a auga condénsase e deposítase na superficie en forma de precipitacións.[139] A maior parte da auga é transportada a altitudes máis baixas mediante os sistemas fluviais e polo xeral regresa aos océanos ou é depositada nos lagos. Este ciclo da auga é un mecanismo vital para sustentar a vida na terra e é un factor primario da erosión que modela a superficie terrestre ao longo de períodos xeolóxicos. Os patróns de precipitación varían enormemente, dende varios metros de auga por ano a menos dun milímetro. A circulación atmosférica, as características topolóxicas e as diferenzas de temperatura determinan as precipitacións medias de cada rexión.[144]
O clima adoita ser clasificado en función da temperatura e as precipitacións, en rexións climáticas caracterizadas por masas de aire bastante uniformes. A metodoloxía de clasificación máis usada é a clasificación climática de Köppen (modificada polo estudante de Wladimir Peter Köppen, Rudolph Geiger), que conta con cinco grandes grupos (zonas tropicais húmidas, zonas áridas, zonas húmidas con latitude media, clima continental e frío polar), que se dividen en subtipos máis específicos.[140]
Atmosfera superior
- Artigo principal: Espazo exterior.
Por encima da troposfera, a atmosfera adoita dividirse en estratosfera, mesosfera e termosfera.[137] Cada capa ten un gradiente adiabático diferente, que define a taxa de cambio da temperatura con respecto á altura. Máis aló destas atópase a exosfera, que se atenúa ata penetrar na magnetosfera, onde os campos magnéticos da Terra interactúan co vento solar.[145] Dentro da estratosfera atópase a capa de ozono; un compoñente que protexe parcialmente a superficie terrestre da luz ultravioleta, sendo un elemento importante para a vida na Terra. A liña de Kármán, definida nos 100 km sobre a superficie da Terra, é unha definición práctica usada para establecer o límite entre a atmosfera e o espazo exterior.[146]
A enerxía térmica fai que algunhas das moléculas no bordo exterior da atmosfera da Terra incrementen a súa velocidade ata o punto de poder escapar da gravidade do planeta. Isto dá lugar a unha perda lenta pero constante da atmosfera cara ao espazo. Debido a que o hidróxeno non fixado ten un baixo peso molecular pode alcanzar a velocidade de escape máis facilmente, escapando así ao espazo exterior a un ritmo maior que outros gases.[147] A perda de hidróxeno cara ao espazo contribúe á transformación da Terra dende o seu inicial estado redutor ao seu actual estado oxidante. A fotosíntese proporcionou unha fonte de osíxeno libre, pero crese que a perda de axentes redutores como o hidróxeno foi unha condición previa necesaria para a acumulación xeneralizada de osíxeno na atmosfera.[148] Xa que logo, a capacidade do hidróxeno para escapar da atmosfera da Terra pode influír na natureza da vida desenvolvida no planeta.[149] Na atmosfera actual, rica en osíxeno, a maior parte do hidróxeno convértese en auga antes de ter a oportunidade de escapar. En cambio, a maior parte da perda de hidróxeno actual provén da destrución do metano na atmosfera superior.[150]
Campo magnético
- Artigo principal: Campo magnético terrestre.
- Véxase tamén: magnetosfera.
O campo magnético da Terra ten unha forma similar a un dipolo magnético, cos polos actualmente localizados preto dos polos xeográficos do planeta. No ecuador do campo magnético (ecuador magnético), a forza do campo magnético na superficie é 3,05 × 10−5T, cun momento magnético dipolar global de 7,91 × 1015 T m³.[151] Segundo a teoría da dínamo, o campo xérase no núcleo externo fundido, rexión onde a calor crea movementos de convección en materiais condutores, xerando correntes eléctricas. Estas correntes inducen á súa vez o campo magnético da Terra. Os movementos de convección no núcleo son caóticos; os polos magnéticos móvense e periodicamente cambian de orientación. Isto dá lugar a inversións magnéticas a intervalos de tempo irregulares, unhas poucas veces cada millón de anos. A inversión máis recente tivo lugar hai aproximadamente 700 000 anos.[152][153]
O campo magnético forma a magnetosfera, que desvía as partículas de vento solar. En dirección ao Sol, o arco de choque entre o vento solar e a magnetosfera atópase a unhas 13 veces o raio da Terra. A colisión entre o campo magnético e o vento solar forma os cintos de radiación de Van Allen; un par de rexións concéntricas, con forma tórica, formadas por partículas cargadas moi enerxéticas. Cando o plasma entra na atmosfera da Terra polos polos magnéticos créanse as auroras polares.[154]
Campo gravitatorio
- Artigo principal: Gravidade da Terra.
A gravidade da Terra é a aceleración que se imparte aos obxectos debido á distribución de masa dentro da Terra. Cerca da superficie da Terra, a aceleración gravitacional é de aproximadamente 9,8 m/s2. As diferenzas locais na topografía, a xeoloxía e a estrutura tectónica máis profunda causan diferenzas locais e rexionais amplas no campo gravitatorio da Terra, coñecidas como anomalías gravitatorias.[155]
Órbita e rotación
- Véxase tamén: Movementos da Terra.
A Terra realiza os seguintes movementos de forma simultánea:
- Translación sobre a súa órbita ao redor do Sol
- Rotación sobre o seu propio eixe, movemento que determina o día e a noite.
- Precesión asociada ao xiro respecto ao eixe instantáneo de rotación da Terra, debido á súa lixeira inclinación.
- Nutación, unha lixeira vibración perpendicular á precesión e que vén dada pola influencia gravitatoria da Lúa ao virar en torno á Terra.
Rotación
- Artigo principal: Rotación da Terra.
O período de rotación da Terra con respecto ao Sol, é dicir, un día solar, é do redor de 86 400 segundos de tempo solar (86 400,0025 segundos SIU).[156] O día solar da Terra é agora un pouco máis longo do que era durante o século XIX debido á aceleración de marea, os días duran entre 0 e 2 ms SIU máis.[157][158]
O período de rotación da Terra en relación ás estrelas fixas, chamado día estelar polo Servizo Internacional de Rotación da Terra e Sistemas de Referencia (IERS polas súas siglas en inglés), é de 86 164,098903691 segundos do tempo solar medio (UT1), ou de 23h 56m 4,098903691s.[3][l] O período de rotación da Terra en relación co equinoccio vernal, mal chamado o día sideral, é de 86 164,09053083288 segundos do tempo solar medio (UT1) (23h 56m 4,09053083288s).[3] Xa que logo, o día sideral é máis curto que o día estelar en torno a 8,4 ms.[160] A lonxitude do día solar medio en segundos SIU está dispoñible no IERS para os períodos 1623-2005[161] e 1962-2005.[162]
Á parte dos meteoros na atmosfera e dos satélites en órbita baixa, o movemento aparente dos corpos celestes vistos dende a Terra realízase cara ao oeste, a unha velocidade de 15°/h = 15'/min. Para as masas próximas ao ecuador celeste, isto é equivalente a un diámetro aparente do Sol ou da Lúa cada dous minutos (dende a superficie da Terra, os tamaños aparentes do Sol e da Lúa son aproximadamente iguais).[163][164]
A velocidade de rotación da Terra vese alterada por outros factores, como a variación das correntes mariñas, coa redistribución de auga nos océanos.[165]
Órbita
- Artigo principal: Translación da Terra.
A Terra orbita o Sol a unha distancia media duns 150 millóns de quilómetros, completando unha órbita cada 365,256 4 días solares, ou un ano sideral. Dende a Terra, isto xera un movemento aparente do Sol cara ao leste, desprazándose con respecto ás estrelas a un ritmo de ao redor de 1°/día, ou un diámetro do Sol ou da Lúa cada 12 horas. Debido a este movemento, por termo medio a Terra tarda 24 horas (un día solar) en completar unha rotación sobre o seu eixe ata que o sol regresa ao meridiano. A velocidade orbital da Terra é de aproximadamente 29,8 km/s (107 000 km/h), que é o suficientemente rápida como para percorrer o diámetro do planeta (12 742 km) en sete minutos, ou a distancia entre a Terra e a Lúa (384 000 km) en catro horas.[4]
A Lúa xira coa Terra en torno a un baricentro común, debido a que este atópase dentro da Terra, a 4 541 km do seu centro, o sistema Terra-Lúa non é un planeta dobre, a Lúa completa un xiro cada 27,32 días con respecto ás estrelas de fondo. Cando se combina coa revolución común do sistema Terra-Lúa ao redor do Sol, o período do mes sinódico, dende unha lúa nova á seguinte, é de 29,53 días. Visto dende o polo norte celeste, o movemento da Terra, a Lúa e as súas rotacións axiais son todas contrarias á dirección das agullas do reloxo (sentido antihorario). Visto dende un punto de vista situado sobre os polos norte do Sol e a Terra, a Terra parecería virar en sentido antihorario ao redor do Sol. Os planos orbitais e axiais non están aliñados: o eixe da Terra está inclinado uns 23,4 graos con respecto á perpendicular ao plano Terra-Sol, e o plano entre a Terra e a Lúa está inclinado uns 5 graos con respecto ao plano Terra-Sol. Sen esta inclinación, habería unha eclipse cada dúas semanas, alternando entre as eclipses lunares e as eclipses solares.[4][166]
A esfera de Hill, ou a esfera de influencia gravitatoria, da Terra ten aproximadamente 1,5 Gm (ou 1 500 000 quilómetros) de raio.[167][168] Esta é a distancia máxima na que a influencia gravitatoria da Terra é máis forte que a dos máis distantes Sol e resto de planetas. Os obxectos deben orbitar a Terra dentro deste raio, ou terminarán atrapados pola perturbación gravitatoria do Sol.
Dende o ano 1772, estableceuse que corpos pequenos poden orbitar de xeito estable na mesma órbita que un planeta, se esta permanece preto dun punto triangular de Lagrange (tamén coñecido como «punto troiano») os cales están situados 60° diante e 60° detrás do planeta na súa órbita. A Terra é o cuarto planeta cun asteroide troiano (2010 TK7) logo de Xúpiter, Marte e Neptuno de acordo á data do seu descubrimento.[m] Este foi difícil de localizar debido ao posicionamento xeométrico da observación, foi descuberto no 2010 grazas ao telescopio WISE (Wide-Field Infrared Survey Explorer) da NASA, pero foi en abril do 2011 co telescopio «Canadá-Francia-Hawai» cando se confirmou a súa natureza troiana,[171] e estímase que a súa órbita permaneza estable dentro dos próximos 10 000 anos.[172]
A Terra, xunto co Sistema Solar, está situada na galaxia Vía Láctea, orbitando a ao redor de 28 000 anos luz do centro da galaxia. Na actualidade atópase a uns 20 anos luz por encima do plano ecuatorial da galaxia, no brazo espiral de Orión.[173]
Estacións e inclinación axial
- Artigo principal: Oblicuidade da eclíptica.
A inclinación axial da Terra é de aproximadamente 23,439281°, co eixo do seu plano orbital sempre apuntando cara ao polo celeste. Debido á inclinación do eixe da Terra, a cantidade de luz solar que chega a un punto calquera na superficie varía ao longo do ano. Isto ocasiona os cambios estacionais no clima, sendo verán no hemisferio norte cando o polo norte está apuntando cara ao Sol, e inverno cando apunta en dirección oposta. Durante o verán, o día ten unha duración máis longa e a luz solar incide máis perpendicularmente na superficie. Durante o inverno, o clima vólvese máis frío e os días máis curtos. Na zona do Círculo polar ártico dáse o caso extremo de non recibir luz solar durante unha parte do ano; fenómeno coñecido como a noite polar. No hemisferio sur dáse a mesma situación pero de xeito inverso, coa orientación do Polo Sur oposta á dirección do Polo Norte.
Por convenio astronómico, as catro estacións están determinadas por solsticios (puntos da órbita nos que o eixe de rotación terrestre alcanza a máxima inclinación cara ao Sol —solsticio de verán— ou cara ao lado oposto —solsticio de inverno—) e por equinoccios, cando a inclinación do eixe terrestre é perpendicular ao Sol. No hemisferio norte, o solsticio de inverno prodúcese ao redor do 21 de decembro, o solsticio de verán o 21 de xuño, o equinoccio de primavera o 20 de marzo e o equinoccio de outono o 23 de setembro. No hemisferio sur a situación invértese, co verán e os solsticios de inverno en datas contrarias á do hemisferio norte. De igual xeito sucede co equinoccio de primavera e de outono.[174]
O ángulo de inclinación da Terra é relativamente estable durante longos períodos de tempo. Con todo, a inclinación sométese a nutacións; un lixeiro movemento irregular, cun período de 18,6 anos. A orientación (en lugar do ángulo) do eixe da Terra tamén cambia co tempo, precesando un círculo completo en cada ciclo de 25 800 anos. Esta precesión é a razón da diferenza entre o ano sideral e o ano tropical. Ambos os movementos son causados pola atracción variante do Sol e a Lúa sobre o avultamento ecuatorial da Terra. Dende a perspectiva da Terra, os polos tamén migran uns poucos metros sobre a superficie. Este movemento polar ten varios compoñentes cíclicos, que en conxunto reciben o nome de movementos cuasiperiódicos. Ademais do compoñente anual deste movemento, existe outro movemento con ciclos de 14 meses chamado o bambeo de Chandler. A velocidade de rotación da Terra tamén varía nun fenómeno coñecido como variación de duración do día.[175]
En tempos modernos, o perihelio da Terra prodúcese ao redor do 3 de xaneiro e o afelio ao redor do 4 de xullo. Con todo, estas datas cambian co tempo debido á precesión orbital e outros factores, que seguen patróns cíclicos coñecidos como ciclos de Milankovitch. A variación da distancia entre a Terra e o Sol da como resultado un aumento de ao redor do 6,9%[n] da enerxía solar que chega á Terra no perihelio en relación co afelio. Posto que o hemisferio sur está inclinado cara ao Sol no momento en que a Terra alcanza a máxima aproximación ao Sol, ao longo do ano o hemisferio sur recibe algo máis de enerxía do Sol que o hemisferio norte. Con todo, este efecto é moito menos importante que o cambio total de enerxía debido á inclinación do eixe, e a maior parte deste exceso de enerxía é absorbido pola superficie oceánica, que se estende en maior proporción no hemisferio sur.[176]
Lúa e outros elementos orbitais
- Artigos principais: Lúa e Satélite artificial.
Lúa
A Lúa é o satélite natural da Terra. É un corpo de tipo terrestre relativamente grande: cun diámetro de ao redor da cuarta parte do da Terra, é a lúa máis grande do Sistema Solar en relación ao tamaño do seu planeta, malia que Caronte é maior en relación co planeta anano Plutón. Os satélites naturais que orbitan os demais planetas denomínanse "lúas" en referencia á Lúa da Terra. A teoría máis aceptada sobre a orixe da Lúa, a hipótese do grande impacto, afirma que se formou a partir da colisión dun protoplaneta do tamaño de Marte chamado Tea (Theia) coa Terra primitiva. Esta hipótese explica (entre outras cousas) a relativa falta de ferro e elementos volátiles da Lúa e o feito de que a súa composición é case idéntica á da codia terrestre.[39]
A atracción gravitatoria entre a Terra e a Lúa é o feito que causa as diferentes mareas na Terra. O mesmo efecto na Lúa deu lugar ao seu acoplamento de marea, o que significa que o seu período de rotación é idéntico ao seu período de translación ao redor da Terra. Como resultado, a lúa sempre presenta a mesma cara cara ao noso planeta. A medida que a Lúa orbita a Terra, diferentes partes da súa cara son iluminadas polo Sol, dando lugar ás diferentes fases lunares. A parte escura da cara está separada da parte iluminada do terminador solar. Debido ás interaccións de marea, a Lúa afástase da Terra a unha velocidade de aproximadamente 38 mm/ano. Durante millóns de anos, estas pequenas modificacions, e o alongamento do día da Terra en aproximadamente 23 µs/ano, engaden cambios significativos. Durante o período de Ediacara (aproximadamente 620 Ma), por exemplo, había 400±7 días nun ano, cunha duración do día de 21,9±0,4 horas.
A Lúa puido afectar de forma importante o desenvolvemento da vida, moderando o clima do planeta. Evidencias paleontolóxicas e simulacións computarizadas mostran que a inclinación do eixe terrestre está estabilizado polas interaccións de marea coa Lúa.[177] Algúns teóricos cren que sen esta estabilización fronte ao momento exercido polo Sol e os planetas sobre a protuberancia ecuatorial da Terra, o eixe de rotación podería ser caoticamente inestable, mostrando cambios caóticos durante millóns de anos, como parece ser o caso de Marte.[178]
Vista dende a Terra, a Lúa está xusto a unha distancia que fai que o tamaño aparente do seu disco sexa case idéntico ao do Sol. O diámetro angular (ou ángulo sólido) destes dous corpos coincide porque aínda que o diámetro do Sol é unhas 400 veces máis grande que o da Lúa, tamén está 400 veces máis distante.[164] Isto permite que na Terra se produzan as eclipses solares totais e anulares.
- Representación a escala do tamaño e distancia relativa entre a Terra e a Lúa.
Asteroides e outros elementos orbitais
A poboación de asteroides coorbitais da Terra inclúe cuasisatélites, obxectos cunha órbita en ferradura e troianos. A data de 2016 hai nove cuasisatélites, incluído 469219 Kamoʻoalewa, 3753 Cruithne, 2002 AA29.[179][180], 2003 YN107, 2004 GU9,[181] 2006 FV35, 2010 SO16[182] 2013 LX28, 2014 OL339 e 2016 HO3.[183][184] Un compañeiro asteroide troiano, 2010 TK7, está librando aredor do punto triangular principal de Lagrange, L4, na órbita da Terra aredor do Sol.[185][186] O diminuto asteroide próximo á Terra 2006 RH120 aproxímase ao sistema Terra-Lúa aproximadamente cada vinte anos. Durante estas aproximacións, pode orbitar a Terra durante breves períodos de tempo.[187]
En abril de 2020, hai 2.666 satélites artificiais en funcionamento orbitando a Terra.[188] Tamén hai satélites inoperativos, incluído Vanguard 1, o satélite máis antigo actualmente en órbita, e máis de 16.000 pezas de lixo espacial rastreados. O satélite artificial máis grande da Terra é a Estación Espacial Internacional.[189]
Habitabilidade
- Artigo principal: Habitabilidade planetaria.
Un planeta que poida soster vida denomínase habitable, aínda que nel non se orixinase vida. A Terra proporciona as (actualmente entendidas como) condicións necesarias, tales como a auga líquida, un ambiente que permite a ensamblaxe de moléculas orgánicas complexas, e a enerxía suficiente para manter un metabolismo.[190] Hai outras características que se cre que tamén contribúen á capacidade do planeta para orixinar e manter a vida: a distancia entre a Terra e o Sol, así como a súa excentricidade orbital, a velocidade de rotación, a inclinación axial, a historia xeolóxica, a permanencia da atmosfera, así como a protección ofrecida polo campo magnético.[191]
Biosfera
- Artigo principal: Biosfera.
Denomínase "biosfera" ao conxunto dos diferentes tipos de vida do planeta xunto coa súa contorna física, modificado pola presenza dos primeiros. Xeralmente enténdese que esta biosfera comezou a evolucionar aproximadamente hai 3 500 millóns de anos. A Terra é o único lugar onde se sabe que existe vida. A biosfera divídese nunha serie de biomas, habitados por plantas e animais esencialmente similares. En terra, os biomas sepáranse principalmente polas diferenzas en latitude, a altura sobre o nivel do mar e a humidade. Os biomas terrestres situados nos círculos ártico ou antártico (tundras), en grande altura ou en zonas extremadamente áridas son relativamente estériles de vida vexetal e animal; a diversidade de especies alcanza o seu máximo en terras baixas e húmidas e en latitudes ecuatoriais.[192] As estimacions do número de especies da Terra varían actualmente; a maioría das especies non foron descritas.[193]
Recursos naturais e uso da terra
- Artigo principal: Recurso natural.
Uso da Terra | Mha |
---|---|
Terra agrícola | 1,510-1,611 |
Pastos | 2,500-3,410 |
Bosques naturais | 3,143-3,871 |
Plantación de árbores | 126-215 |
Areas urbanas | 66-351 |
Non utilizado, terra produtiva | 356-445 |
A Terra proporciona recursos que son explotados polos seres humanos con diversos fins. Algúns destes son recursos non renovables, tales como os combustibles fósiles, que son dificilmente renovables a curto prazo.
Da codia terrestre obtéñense grandes depósitos de combustibles fósiles, consistentes en carbón, petróleo e gas natural. Estes depósitos son utilizados polos seres humanos para a produción de enerxía, e tamén como materia prima para a produción de substancias químicas. Os corpos minerais tamén se formaron na codia terrestre a través de distintos procesos de mineraloxénese, como consecuencia da erosión e dos procesos implicados na tectónica de placas.[195] Estes corpos albergan fontes concentradas de varios metais e outros elementos útiles.
A biosfera da Terra produce moitos produtos biolóxicos útiles para os seres humanos, incluíndo (entre moitos outros) alimentos, madeira, fármacos, osíxeno, e a reciclaxe de moitos residuos orgánicos. O ecosistema terrestre depende da capa superior do chan e da auga doce, e o ecosistema oceánico depende da achega de nutrientes disoltos dende terra firme.[196] Os seres humanos tamén habitan a terra usando materiais de construción para construír refuxios.
Medio ambiente e riscos
Grandes áreas da superficie da Terra están suxeitas a condicións climáticas extremas, tales como ciclóns tropicais, furacáns, ou tifóns que dominan a vida nesas zonas, dende 1980 ata 2000, estes feitos produciron unha media de 11 800 mortes ao ano.[197] Moitos lugares están suxeitos a terremotos, deslizamentos, tsunamis, erupcións volcánicas, tornados, dolinas, xistras, inundacións, secas, incendios forestáis e outros desastres naturais.
Moitas áreas concretas están suxeitas á contaminación, causada polo ser humano, do aire e da auga, á choiva ácida, a substancias tóxicas, á perda de vexetación (sobrepastoreo, deforestación, desertización), á perda de vida salvaxe, á extinción de especies, á degradación do chan e o seu esgotamento, á erosión e á introdución de especies invasoras.
Segundo as Nacións Unidas, existe un consenso científico que vincula as actividades humanas co quecemento global, debido ás emisións industriais de gases de efecto invernadoiro. Prevese que isto produza cambios tales como o derretemento dos glaciares e superficies xeadas, temperaturas máis extremas, cambios significativos no clima e un aumento global do nivel do mar.[198][199]
Xeografía humana
- Artigo principal: Xeografía humana.
- Véxase tamén: Mundo.
A cartografía —o estudo e práctica da elaboración de mapas—, e subsidiariamente a xeografía, foron historicamente as disciplinas dedicadas a describir a Terra. A topografía ou determinación de lugares e distancias, e en menor medida a navegación, ou determinación da posición e da dirección, desenvolvéronse xunto coa cartografía e a xeografía, fornecendo e cuantificando a información necesaria.
A Terra tiña aproximadamente 7 000 000 000 de habitantes no mes de outubro de 2011. As proxeccións indicaban que a poboación humana mundial chegaría a sete mil millóns a principios de 2012, pero esta cifra foi superada a mediados de outubro de 2011[201] e espérase chegar a 9 200 millóns no 2050.[202] Pénsase que a maior parte deste crecemento terá lugar nos países en vías de desenvolvemento. A densidade de poboación varía moito nas distintas partes do mundo, pero a maioría da poboación vive en Asia. Está previsto que para o ano 2020 o 60% da poboación mundial se concentre nas áreas urbanas, fronte ao 40% en áreas rurais.[203]
Estímase que só unha oitava parte da superficie da Terra é apta para a súa ocupación polos seres humanos; tres cuartas partes está cuberta por océanos, e a metade da superficie terrestre é: deserto (14%),[204] altas montaña (27%),[205] ou outros terreos menos adecuados. O asentamento permanente máis setentrional do mundo é Alert, na Illa Ellesmere en Nunavut, Canadá.[206] (82°28'N). O máis meridional é a Base Amundsen-Scott, na Antártida, case exactamente no Polo Sur. (90°S)
As nacións soberanas independentes reclaman a totalidade da superficie de terra do planeta, a excepción dalgunhas partes da Antártida e a zona non reclamada de Bir Tawil entre Exipto e o Sudán. No ano 2011 existían 204 Estados soberanos, incluíndo os 192 estados membros das Nacións Unidas. Había tamén 59 territorios dependentes, e unha serie de áreas autónomas, territorios en disputa e outras entidades.[122] Historicamente, a Terra nunca tivo un goberno soberano con autoridade sobre o mundo enteiro, malia que unha serie de estados-nación intentaron dominar o mundo, sen éxito.[207]
As Nacións Unidas (ONU) é unha organización mundial intergobernamental que se creou co obxectivo de intervir nas disputas entre as nacións, a fin de evitar os conflitos armados.[208] Con todo, non é un goberno mundial. A ONU serve principalmente como un foro para a diplomacia e o dereito internacional. Cando o consenso dos seus membros o permite, proporciona un mecanismo para a intervención armada.[209]
O primeiro humano en orbitar a Terra foi Iuri Gagarin o 12 de abril de 1961.[210] Ata o 17 de novembro de 2016, un total de 552 persoas de 36 países chegaron a 100 km ou máis de altitude, dos cales 549 alcanzaron unha órbita terrestre baixa ou máis alá.[211] Destes, doce camiñaron sobre a superficie da Lúa.[212][213][214] En circunstancias normais, os únicos seres humanos no espazo son os da Estación Espacial Internacional cuxa tripulación pode estar composta ata por seis persoas que adoitan ser substituídas cada seis meses.[215] Os seres humanos que máis se afastaron da Terra distanciáronse 400 171 quilómetros, alcanzados na década de 1970 durante a misión Apollo 13.[216]
Perspectiva cultural
A palabra Terra provén do latín Tellus ou Terra que era equivalente en grego a Gaia, nome asignado a unha deidade, do mesmo xeito que os nomes dos demais planetas do Sistema Solar. O símbolo astronómico estándar da Terra consiste nunha cruz circunscrita por un círculo: .[217]
A diferenza do sucedido co resto dos planetas do Sistema Solar, a humanidade non comezou a ver a Terra como un obxecto en movemento, en órbita ao redor do Sol, ata alcanzado o século XVI.[218] A Terra a miúdo personificouse como unha deidade, en particular, unha deusa. En moitas culturas a deusa nai tamén é retratada como unha deusa da fertilidade. En moitas relixións os mitos sobre a creación recordan unha historia na que a Terra é creada por unha ou varias deidades sobrenaturais. Varios grupos relixiosos, a miúdo asociados ás ramas fundamentalistas do protestantismo[219] ou do islam,[220] afirman que as súas interpretacións sobre estes mitos de creación, relatados nos seus respectivos textos sagrados son a verdade literal, e que deberían ser consideradas xunto aos argumentos científicos convencionais da formación da Terra e o desenvolvemento e orixe da vida, ou ata substituílos.[221] Tales afirmacións son rexeitadas pola comunidade científica[222][223] e outros grupos relixiosos.[224][225][226] Un exemplo destacado é a controversia entre o creacionismo e a teoría da evolución.
O desenvolvemento científico e tecnolóxico provocóu varios cambios culturalmente transformadores na visión que a humanidade ten do planeta. No pasado houbo varias crenzas nunha Terra plana,[227] pero esta crenza foi desprazada polo concepto dunha Terra esférica, debido á observación e á circunnavegación.[228] A perspectiva humana da Terra cambiou tralo comezo dos voos espaciais, e na actualidade a biosfera interprétase dende unha perspectiva global integrada.[229][230] Isto reflíctese no crecente movemento ecoloxista, que se preocupa polos efectos que causa a humanidade sobre o planeta.[231] A teoría Gaia, desenvolta a mediados do século XX, comparóu o medio ambiente e a vida da Terra cun organismo único autorregulado que conduce a unha ampla estabilización das condicións de habitabilidade.
Durante o século XIX os xeólogos decatáronse de que a idade da Terra era de cando menos moitos millóns de anos. Lord Kelvin usou a termodinámica para estimar a idade da Terra entre 20 e 400 millóns de anos en 1864, o que provocóu un vigoroso debate sobre o tema; Foi só cando se descubriron a radioactividade e a datación radioactiva a finais do século XIX e principios do XX que se estableceu un mecanismo confiable para determinar a idad da Terra, demostrando que o planeta ten miles de millóns de anos.
A Terra vista dende o espazo
Espacialmente, a Terra non é máis ca un planeta do Sistema Solar interno, caracterizado pola cantidade de auga que alberga e a vida que se desenvolve na súa superficie.
Chama a atención vista dende o espazo sendo iluminada polo Sol, a súa cor azulada, amosando os océanos como principal característica visual.A representación da superficie terrestre non é doada de facer sobre un plano, pois necesita dalgún tipo de proxección, o que deforma a imaxe, superficies ou ángulos.
- A primeira fotografía feita por astronautas do "amencer da Terra", tomada dende o Apollo 8
- A astronauta Tracy Caldwell Dyson observando a Terra dende o módulo Cúpula da Estacion Espacial Internacional durante a Expedición 24
- Secuencia de imaxes que amosan a rotación da Terra e a translación da Lúa vistas dende a sonda espacial Galileo (imaxes tomadas cada 15 minutos, entre o 16 e o 17 de decembro de 1992).
- Imaxe da Terra obtida pola sonda Voyager 1 en 1990, coñecida como Punto azul pálido. A unha grande distancia do Voyager, a Terra é un mero punto de luz menor co tamaño dun píxel, xusto no centro dun dos raios de luz dispersos que resultan de tomar a imaxe tan cerca do sol (dereita da imaxe).
Se nos afastamos no espazo, a Terra é inseparable da Lúa, que só deixa de ser visible cando queda detrás dela. Nesta imaxe vese o tamaño relativo da Terra e da Lúa, así como a súa distancia nun momento dado:
- Planisferio
- Planisferio físico
- Planisferio físico-político
Situación da Terra no universo
Polos datos recopilados pola astronomía, a Terra ten deixado de ser o centro do universo, da galaxia ou de calquera outra estrutura a nivel universal coma ben se pode observar na imaxe.
Día da Terra
En 2009, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, estableceron o Día Internacional da Nai Terra,[232] ou simplemente Día da Terra, e dende entón celébrase en moitos países co obxectivo de crear conciencia das condicións ambientais do planeta.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.