escritor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938[1], é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea.[2] Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000,[1] e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010[3][4] até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente.[5] O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.[6]
De neno viviu na casa materna na rúa da Reza de Ourense. O seu pai, Venancio Méndez Feijóo, era fillo dun comerciante de Vilanova dos Infantes; e a súa nai, María Ferrín Novoa, era filla do mestre e xornalista Ángel Ferrín Moreiras[7]. A súa infancia e primeiros estudos transcorreron en Ourense, con estadías tamén, que se manterán ó longo da súa vida, na casa paterna de Vilanova dos Infantes. Estes dous espazos foron protagonistas de moitos dos seus poemas, relatos e novelas.[8] En Ourense fixo o primeiro curso de Bacharelato, e en 1949 trasladouse coa súa familia a Pontevedra, onde rematou os estudos de grao medio no Instituto da cidade. Nesa etapa foi tomando conciencia da realidade lingüística e cultural e do papel que o galeguismo de preguerra, coa silenciada figura de Castelao ao fondo, desempeñara na reconstrución nacional. Alí formouse na biblioteca de Andrés e Jesús Muruais, e publicou os seus primeiros textos na revista Litoral co pseudónimo de Laín Feixoo.[9]
En 1955 a súa familia trasladouse a Vigo, e el foi estudar Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Alí tomou contacto co galeguismo cultural nucleado na Editorial Galaxia en torno á figura de Ramón Piñeiro, pero non tardou en reclamar unha nova articulación da oposición política ao franquismo e do propio nacionalismo, o que provocou a súa expulsión, xunto con outros mozos, do Consello da Mocedade. En 1956 foi primeiro premio de poesía nas Festas Minervais de Santiago. En 1957 foi vivir a Madrid e tres anos despois licenciouse en Filoloxía Románica (especialidade de Literatura[10]) na Universidade Complutense,[11] a memoria final titulouse Aspectos de la poesía de Eduardo Pondal. Nesta cidade mantivo estreito contacto cos focos galeguistas e de esquerda alí localizados. Así, en 1958, creouse o grupo Brais Pinto, constituído en torno á editorial do mesmo nome. En 1961 seguiu un curso de cultura inglesa na Universidade de Oxford, e entre 1963 e 1965 fixo diversas viaxes por Europa. Tras facer o servizo militar nas illas Canarias, entre 1962 e 1964 foi mestre no Colexio Fingoi de Lugo, até que en 1965 obtivo a Cátedra de Lingua e literatura Española do Instituto Santa Irene de Vigo instalándose finalmente nesa cidade.[12]
Debido á súa actividade política foi procesado en tres ocasións -a última, cando xa estaban en vigor as institucións democráticas españolas-, sufrindo torturas e varios ingresos no cárcere.[13] Durante a súa estancia no penal de El Dueso (Cantabria) escribiu Retorno a Tagen Ata e Antón e os inocentes.
Con motivo da súa xubilación de profesor de literatura no Instituto Santa Irene, a Universidade de Vigo publicou en 2008 o poema “A un meu fillo” en dezaoito linguas.[14] Tamén é columnista no xornal Faro de Vigo e dirixe a revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro,[15] que ten marcado de xeito notábel na última década o devir da nosa cultura coa difusión de problemas e investigacións sobre cuestións diversas con aproximacións interdisciplinares e baixo unha dupla perspectiva nacional e universal.
É autor de múltiples colaboracións en A trabe de Ouro, Boletín da Real Academia Galega, Grial, Follas Novas, Raigame, Maremagnum, La Ortiga e Boletín galego de literatura.[16]
Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo desde 1999 está tamén moi ligado á Universidade de Vigo.[17]
A súa tese de doutoramento na USC, dirixida por Ricardo Carvalho Calero, está recollida no libro De Pondal a Novoneira.
Xosé Luís Méndez Ferrín foi proposto ó Premio Nobel de Literatura pola Asociación de Escritores en Lingua Galega.[18] Foi galardoado con moitos premios coma o Premio da Crítica, Premio da Crítica Española, Premio da Crítica de Galicia, Premio Losada Diéguez ou o Premio Eixo Atlántico de narrativa galega e portuguesa. No 2008 recibiu o Premio Nacional de Literatura,[19] que integra os Premios Nacionais da Cultura Galega.
Xa en 1958 formaba parte do grupo plástico-literario Brais Pinto, de tendencia nacionalista e moi influído pola estética beat. Nas súas viaxes por Francia e Inglaterra tomou contacto co marxismo, un feito transcendental para a súa biografía mais tamén para a evolución do nacionalismo galego na segunda metade do século XX. En sintonía con exiliados coma Luís Soto, Méndez Ferrín xulgou única saída posible para a Galicia contemporánea a fusión entre galeguismo radical e marxismo-leninismo, consonte os movementos de liberación nacional que triunfaban en Cuba, Vietnam ou Alxeria. Este proceso ideolóxico culminou, en 1964, na creación da Unión do Povo Galego. Debido á súa actividade política, Ferrín foi acusado de propaganda ilegal en 1967 e estivo detido na prisión do Príncipe de Vigo. En 1968 foi procesado por rebelión militar pero a causa finalmente foi sobresida. En 1969, durante o estado de excepción, volve ser detido, xulgado e condenado a dous anos de cárcere por propaganda ilegal, dos que cumpriu parte en diversos penais.
En 1972, debido ás folgas de maio e setembro en Vigo, houbo contra el unha orde de busca e captura o que o obrigou a pasar á clandestinidade. Membro do Consello da Mocidade, do que foi expulsado, en 1977 participou na formación da Unión do Povo Galego-liña proletaria, que se converterá en 1978 no Partido Galego do Proletariado, e en 1979 na Organización de Liberación Nacional Galicia Ceibe. En 1980 foi detido baixo a acusación de tenza de armas, pasou tres meses no cárcere de Segovia antes de ser posto en liberdade, xulgado pola Audiencia Nacional quedou absolto. Posteriormente sostivo iniciativas políticas e sociais como as Redes Escarlata e foi membro destacado da organización política FPG (Frente Popular Galega). En 2009 integrou como número 6 a lista electoral denominada Iniciativa Internacionalista nas eleccións europeas, que encabezaba Alfonso Sastre e que foi recorrida ante o Tribunal Supremo. En 2014 adheriuse á Marea de Vigo.[20] En 2015 e 2016 foi candidato ao Senado por En Marea.[21][22]
En 1962 casou con María Xosé Queizán, e tiveron unha filla e un fillo, Cristal (1964) e Roi. En 1983 casou coa profesora, escritora e sindicalista Moncha Fuentes Arias, e foron pais da poeta Oriana Méndez.[23]
Toda a narrativa de Ferrín réxese, en xeral, por uns mesmos principios que lle confiren certa unidade: no transcorrer da mesma vanse repetindo temas, personaxes, espazos e técnicas narrativas. Asemade toda ela liga coa tradición literaria galega e coa literatura universal do século XX. As principais características son:
As súas contribucións son Percival e outras historias (1958): na liña da Nova Narrativa. O crepúsculo e as formigas (1961): espello do ambiente abafante da época. Arrabaldo do norte (1964): obxectalismo e lirismo. Retorno a Tagen Ata (1971): alegoría política das nacións sometidas. Elipsis e outras sombras (1974): relatos sobre un aterrador fondo de violencia institucional. Antón e os inocentes (1976): novela paralelística protagonizada por dous mozos nacionalistas. Crónica de Nós (1980): crónica xeracional dun friso lírico da Galicia do século XX. Amor de Artur (1982): materia da Bretaña. Arnoia Arnoia (1985): viaxe circular iniciática, pensada como narrativa xuvenil. Bretaña Esmeraldina (1987): novela densa e barroca protagonizada por un independentista bretón. Arraianos (1991): historia da raia ourensá-portuguesa, metáfora do mundo) e No ventre do silencio (1999): recupera a historia dunha xeración de universitarios composteláns, no remate dos anos 50.[24]
En 2020 recuperouse a súa novela Os corvos, a figueira e a fouce de ouro. Por esta obra o autor foi encarcerado en 1969, acusado dun delito de propaganda ilegal. Asinada co pseudónimo Laín Feixoo, a restauración do texto foi obra de Fernando Ramallo.[25]
Comeza con Voce na néboa (1957): versolibrismo, aliteracións, Escola da Tebra. Continúa con Antoloxía Popular (1972) e Sirventés pola destrucción de Occitania (1975) (recollidadas en Poesía enteira de Heriberto Bens,1980): poemas elexíacos dirixidos na súa maioría a persoeios do pasado. A publicación en 1976 de Con pólvora e magnolias, vai significar un cambio dentro da poesía galega. Supuxo un redescubrimento das posibilidades da linguaxe, dos recursos formais, da dimensión estética do poema e dos temas nun momento en que a poesía socialrealista descendera de calidade debido aos excesos que dela se fixeran[26]. O fin dun canto (1982) no que destacan o culturalismo, o ton elexíaco e a presenza da morte. Erótica (1984) son estampas da arte amatoria. Estirpe (1994) é unha recreación da historia de Galicia por medio da poetización da paisaxe.[24] Contra Maquieiro (2005): unha revisión do século XX, desde a Guerra de Cuba até o seu esmorecemento, e érguese nunha bandeira contra o capitalismo, invocando a Razón e o valor para o verso.[27]
Destaca De Pondal a Novoneyra, un libro de consulta, de biografías e crítica literaria, de referencia para o estudo da poesía galega contemporánea, publicado no ano 1984 por Edicións Xerais de Galicia dentro da colección Xerais Universitaria.
“ | …ven constituir a meirande contribución á historia da lírica galega contemporánea, amais de que algúns dos estudios contidos nel deixan de seren simplemente capítulos dun magnífico manual para se convertiren en auténticos estudios monográficos sobre das figuras senlleiras da nosa recente historia literaria. [sic] | ” |
— contraportada |
Ademais leva publicado multitude de artigos sobre os máis variados temas, destacando a súa columna semanal no Faro de Vigo.
O Diccionario da Literatura Galega sinala tres etapas na súa obra:[24]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.