Remove ads
organización internacional constituída actualmente por 28 estados europeos From Wikipedia, the free encyclopedia
A Unión Europea ( pronunciación (axuda · info)) (UE) é unha organización internacional constituída por 27 estados europeos. Moitos dos seus obxectivos herdáronse da CEE, en vigor dende a década de 1950, porén esta comunidade non adoptou o nome de UE até 1992 durante o Tratado da Unión Europea (normalmente coñecido como Tratado de Maastricht). As tres sedes principais da Unión Europea atópanse en Bruxelas, Luxemburgo e Estrasburgo. O 12 de outubro de 2012 a Unión foi galardoada co Premio Nobel da Paz pola súa "contribución ao avance da paz e reconciliación, democracia e dereitos humanos en Europa".
Europäische Union (de) Европейски съюз (bg) Evropská unie (cs) Den Europæiske Union (da) Euroopa Liit (et) Euroopan unioni (fi) Union européenne (fr) Europska unija (hr) European Union (en) An tAontas Eorpach (ga) Unión Europea (es) Europeiska unionen (sv) Unione Europea (it) Eiropas Savienība (lv) Europos Sąjunga (lt) Európai Unió (hu) Unjoni Ewropea (mt) Europese Unie (nl) Unia Europejska (pl) União Europeia (pt) Uniunea Europeană (ro) Európska únia (sk) Evropska unija (sl) Ευρωπαϊκή Ένωση (el) | |||||
Himno | Himno de Europa (1972) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «lema da União Europeia (pt) » | ||||
Localización | |||||
| |||||
Capital | Bruxelas | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 447.706.209 (2020) (105,68 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua inglesa lingua francesa lingua neerlandesa lingua dinamarquesa lingua estoniana lingua finesa lingua alemá lingua grega lingua húngara lingua irlandesa lingua italiana lingua lituana lingua polaca lingua portuguesa lingua castelá lingua sueca lingua búlgara lingua eslovena lingua eslovaca lingua romanesa lingua letoa Lingua maltesa lingua croata lingua checa | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 4.236.351 km² | ||||
Comparte fronteira con | Brasil (1957–) Mónaco (1957–) Suriname (1957–) Andorra (1957–) Cidade do Vaticano (1957–) San Marino (1957–) Suíza (1957–) Turquía (1981–) Albania (1981–) Marrocos (1986–) Macedonia do Norte (1991–) Liechtenstein (1995–) Rusia (1995–) Noruega (1995–) Belarús (2004–) Ucraína (2004–) Serbia (2006–) Moldova (2007–) Montenegro (2013–) Bosnia e Hercegovina (2013–) | ||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Fundador | Italia, Francia, Luxemburgo, Bélxica, Reino dos Países Baixos e Alemaña do Oeste | ||||
Creación | 1 de novembro de 1993: (Tratado de Maastricht) | ||||
Día festivo | |||||
Organización política | |||||
Órgano executivo | Comisión Europea (Escano: 27) | ||||
• Presidente da Comisión Europea | Ursula von der Leyen (2019–) | ||||
Órgano lexislativo | Parlamento Europeo , (Escano: 720) | ||||
Máxima autoridade xudicial | Tribunal de Xustiza da Unión Europea | ||||
Membro de | Espazo Económico Europeo ASEAN Regional Forum (en) G20 Quarteto do Oriente Médio (pt) Organización Mundial do Comercio Grupo Austrália (pt) (1985–) Eurocontrol (2002–) European Air Transport Command (pt) (2010–) | ||||
PIB nominal | 17.187.869.517.146 $ (2021) | ||||
Moeda | euro | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .eu | ||||
Prefixo telefónico | sen valor | ||||
Teléfono de emerxencia | 112 | ||||
Sitio web | european-union.europa.eu | ||||
A Unión Europea ten moitas actividades, entre as que destacan a creación dun mercado europeo único (ou sexa unha unión aduaneira), dunha moeda única (adoptada por 16 dos 27 estados membros) e dunha política agrícola, pesqueira, comercial e de transportes común. A Unión Europea desenvolve tamén varias iniciativas para a coordinación das actividades xudiciais e de defensa dos Estados Membros, así como trata de equiparar o desenvolvemento das diversas rexións mediante compensacións económicas, e de fortalecer a propia unión creando vínculos culturais e de cooperación por medio de programas específicos de mantemento de proxectos a escala europea e intercambio de persoas.
O Tratado de París (1951), establecendo a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA), e o Tratado de Roma (1957), instituíndo a Comunidade Económica Europea e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica ou Euratom, foron asinados por seis membros fundadores: Alemaña, Bélxica, Francia, Italia, Luxemburgo e Países Baixos. Bélxica, Países Baixos e Luxemburgo acordaran anteriormente formar o chamado Benelux.
Despois disto, a UE realizou seis ampliacións sucesivas: en 1973 Dinamarca, Irlanda e o Reino Unido; en 1981 Grecia; en 1986 España e Portugal; en 1995 Austria, Finlandia e Suecia; o 1 de maio de 2004, República Checa, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Malta e Polonia; o 1 de xaneiro de 2007, Bulgaria e Romanía; o 1 de xullo de 2013 Croacia.
En 1972 e 1994, Noruega asinou tamén tratados de adhesión á Unión Europea. Porén e sempre a través de referendos, a poboación norueguesa rexeitou a adhesión do seu país. Macedonia do Norte, Islandia, Montenegro e Turquía son candidatos a adhesión á UE. As negociacións con Turquía, e Macedonia aínda non se iniciaron formalmente e polo tanto aínda non hai unha data definida para a súa incorporación.
O século xx estivo marcado pola ascensión e caída das ideoloxías totalitarias. Na primavera de 1950 Europa atópase á beira do abismo. A guerra fría fai pesar a ameaza dun conflito entre as partes do Leste e Oeste do continente. Cinco anos despois da fin da segunda guerra mundial, os antigos adversarios de ámbalas beiras están lonxe da reconciliación. Procurouse evitar repetir os erros do pasado e crear condicións para unha paz duradeira entre inimigos tan recentes.
O miolo do problema era a relación entre Francia e Alemaña. Era preciso crear unha relación forte entre estes dous países e reunir ao seu redor todos os países libres de Europa a fin de construír conxuntamente unha comunidade cun destino común. Jean Monnet, coa súa experiencia única como negociador e construtor da paz, propón ao Ministro de Asuntos Exteriores francés, Robert Schuman, e ao Chanceler alemán Konrad Adenauer centrar as súas políticas nun interese común entre ámbolos países: a xestión sobre o control dunha autoridade independente do mercado do carbón e do aceiro. A proposta é formulada oficialmente o 9 de maio de 1950 por Francia e recibe unha fervorosa acollida en Alemaña, Italia, Países Baixos, Bélxica e Luxemburgo.
O Tratado que constituíu a primeira Comunidade Europea, a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA), será asinado en abril de 1951, abrindo as portas das realizacións concretas a Europa. Seguiron outras realizacións, ata chegar á Unión Europea actual, que se está abrindo ao leste dun continente do que estivo demasiado tempo separada.
O plan Schuman dera orixe a unha Comunidade especializada en dous dominios decisivos, mais limitados: o carbón e o aceiro. Baixo a presión da guerra fría, leváronse a cabo diversas medidas nos dominios da defensa e da unión política para as que a opinión pública non estaba aínda preparada. Os seis Estados-membros da CECA escolleron polo tanto unha nova área de integración no dominio económico: a creación dun mercado único.
O Tratado de Roma de 25 de marzo de 1957, que institúe a Comunidade Económica Europea (CEE), crea instrucións e mecanismos de toma de decisión que permiten dar expresión tanto aos intereses nacionais como a unha visión comunitaria. A Comunidade Europea constitúe de aí en diante o eixe principal en torno do cal se vai organizar a construción europea.
De 1958 a 1970, a abolición dos dereitos aduaneiros ten repercusións espectaculares: o comercio intracomunitario é multiplicado por seis, ao paso que os intercambios comerciais da CEE co resto do mundo son multiplicados por tres. No mesmo período, o produto nacional bruto medio da CEE aumenta un 70%. Seguindo o padrón dos grandes mercados continentais, como o dos Estados Unidos de América, os axentes económicos europeos saben tirar proveito da dinamización resultante da abertura das fronteiras. Os consumidores habitúanse a que lles sexa proposta unha gama cada vez máis variada de produtos importados. A dimensión europea tórnase unha realidade. En 1986, a sinatura da Acta Única permitirá abolir as outras restricións, de orde regulamentar e fiscal, que atrasaban aínda a creación dun mercado interno xenuíno, totalmente unificado.
Cos seus destinos a unírense no continente, os Estados fundadores da Comunidade Europea asinan coas súas antigas colonias africanas, en 1963, unha convención que garante a estas últimas certas vantaxes comerciais e axudas financeiras. A Convención de Lomé, que se seguiu á de Iaundé, aplícase actualmente a 70 países de África, do Caribe e do Pacífico, tornándose a Unión Europea na maior fonte de axuda pública ao desenvolvemento. A cooperación estendeuse igualmente, baixo outras formas, á maior parte dos países de Asia e de América Latina.
O 28 de novembro de 1995, os 15 países da Unión Europea e 12 países do sur do Mediterráneo estabelecen unha parcela que deberá conducir á creación dunha zona de comercio libre, combinada con acordos de cooperación nos dominios social, cultural e humano.
No século XXI espérase á afirmación da Europa como potencia de paz, dende que a Unión promova a estabilidade e o desenvolvemento nos grandes grupos rexionais que a envolven. Grazas ao papel que desempeña nos intercambios comerciais mundiais e ao seu peso económico, a Unión é xa un participante respectado nas grandes instancias internacionais, tales como a Organización Mundial do Comercio ou a ONU.
Progresivamente, a Unión apóiase no seu potencial económico para desenvolver a súa influencia política e afirmarse cunha soa voz. O Tratado da Unión Europea, de 1992, fixa o obxectivo e as modalidades dunha Política Externa e de Seguridade Común (PESC), que inclúe, a prazo fixo, a definición dunha política de defensa común. Mais os europeos deberán aínda facer numerosos esforzos para harmonizar a súa diplomacia e a súa política de seguridade. É ese o prezo, que presupón unha vontade política real dos Estados-membros, para que a Unión poida defender os seus intereses e contribuír á creación dun mundo de paz e de xustiza.
A Unión Europea atópase aberta a todos os países europeos que a ela pretenden adherirse e que respecten os compromisos asumidos nos Tratados da fundación e subscriban os mesmos obxectivos fundamentais. Existen dúas condicións que determinan a aceptación dunha candidatura á adhesión: a localización no continente europeo e a práctica de todos os procedementos democráticos que caracterizan o Estado de dereito.
Así, Dinamarca, Irlanda e o Reino Unido adhírense á Comunidade o 1 de xaneiro de 1973. A estas adhesións seguiulle unha ampliación ao Sur do continente, durante os anos 80, con Grecia, España e Portugal, tras a súa afirmación democrática. A terceira onda de adhesións, que tivo lugar en 1995, traduce a vontade dos países da Europa escandinava e central de se xuntar a unha Unión que ten vindo a consolidar o seu mercado interno e se afirma como o único pólo de estabilidade no continente, ademais da desagregación do bloque soviético.
De seis a nove, de doce a quince membros, a Europa comunitaria vai gañando influencia e prestixio. Debe manter un modo de decisión eficaz, capaz de xestionar o interese común en proveito de todos os seus membros, preservando simultaneamente as identidades e as especificidades nacionais e rexionais que constitúen a súa riqueza. O maior desafío para o que se preparan actualmente os europeos consiste en acoller os xa adheridos países da Europa central, balcánica, mediterránea e báltica. De cara ao futuro, os retos eran atopar os recursos necesarios para que os novos países atinxisen o nivel económico e estrutural dos países da UE no máis breve prazo, e doutra banda adaptar as institucións para que estas puidesen continuar a cumprir as súas misións en beneficio dunha Unión de máis de 25 Estados-membros.
O Parlamento Europeo desempeña un papel fundamental no equilibrio institucional da Comunidade: representa os pobos de Europa e caracteriza a natureza democrática do proxecto europeo. Dende a súa creación, dotado de poderes de control do ramo executivo, o Parlamento Europeo dispón igualmente de poder lexislativo, na forma dun dereito de ser consultado sobre os principais textos comunitarios, poder que se foi ampliando progresivamente para se transformar nun verdadeiro dereito de co-decisión lexislativa. O Parlamento comparte, ademais diso, co Consello da Unión Europea o poder orzamentario.
Ata 1979, os membros do Parlamento Europeo eran membros dos parlamentos nacionais, que os nomeaban para representalos en Estrasburgo. A partir de 1979, pasaron a ser elixidos por sufraxio universal directo en cada un dos países da Unión, por mandatos de cinco anos. Os cidadáns escollen así os deputados que terán asento, non en delegacións nacionais, mais en grupos parlamentarios transnacionais, representativos das grandes correntes de pensamento político existentes no continente.
A ambición de crear entre os Estados-membros unha relación especial, que lles permita xestionar os seus intereses e as súas diferenzas segundo as mesmas regras de dereito e os mesmos procedementos de arbitraxe que unen os cidadáns dun Estado democrático, é totalmente revolucionaria na práctica das relacións internacionais. "Nós non ligamos Estados, nós unimos ás persoas", escribía Jean Monnet. Deste xeito, as institucións europeas, articulando e conciliando permanentemente os intereses dos cidadáns en canto tales, deben ser fortes e equilibradas. A dialéctica sutil que funciona dende hai preto de cincuenta anos entre o Consello da Unión Europea, o Parlamento Europeo, a Comisión Europea e o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, representa indubidabelmente unha adquisición fundamental da construción europea, sendo a chave do seu éxito.
O obxectivo do Tratado de Roma de crear un mercado común foi parcialmente realizado nos anos sesenta, grazas á supresión dos dereitos aduaneiros internos e das restricións cuantitativas ós tratos comerciais. Mais os autores do Tratado subestimaron todo un conxunto doutros obstáculos ós acordos comerciais, obstáculos sofisticados e camuflados na forma de regulamentacións diversas, que constituían barreiras frecuentemente intranspasábeis.
A Comisión tomou polo tanto, unha iniciativa audaz que levou á adopción da Acta Única. Fixou o 1 de xaneiro de 1993 como a data límite para a plena realización do mercado interno e, grazas á ampliación da votación por maioría, propiciou ás institucións europeas os medios para adoptaren as 300 directivas que eran necesarias.
Ó obxectivo do gran mercado interno, a Acta Única asocia estreitamente outro de importancia tan fundamental como o primeiro: o da cohesión económica e social. Europa crea así políticas estruturais en beneficio das rexións con atrasos de desenvolvemento ou que se viron afectadas por mudanzas tecnolóxicas e industriais. Promove igualmente a cooperación en materia de investigación e de desenvolvemento. Finalmente, toma en consideración a dimensión social do mercado interno: no espírito dos gobernantes da Unión, o bo funcionamento do mercado interno e unha concorrencia sa entre as empresas son indisociábeis do obxectivo constante que consiste na melloría das condicións de vida e de traballo dos cidadáns europeos.
Ao entrar en vigor, o 1 de novembro de 1993, o Tratado da Unión Europea, asinado o 7 de febreiro de 1992 en Maastricht, confire unha nova dimensión á construción europea. A Comunidade Europea (o Tratado de Maastricht substituíu o nome Comunidade Económica Europea), fundamentalmente económica nas súas aspiracións e na súa teoría, pasa a estar integrada na Unión Europea baseada, de agora en diante, en tres piares.
O piar comunitario (a Comunidade Europea e a Comunidade Europea da Enerxía Atómica), rexido polos procedementos institucionais clásicos, fai intervir a Comisión, o Parlamento, o Consello e o Tribunal de Xustiza; toca esencialmente o mercado interno e as políticas comúns.
Os outros dous piares envolven os Estados-membros en dominios caracterizados ata entón como sendo da competencia exclusivamente nacional: a política externa e de seguridade, por un lado, e os asuntos internos, tales como a política de inmigración e de asilo, a policía e a xustiza, por outro. Trátase dun progreso importante, na medida na que os Estados-membros consideran que é do seu interese cooperar máis estreitamente nestes dominios como xeito de afirmar a identidade europea no mundo e de asegurar unha mellor protección dos seus cidadáns contra a criminalidade organizada e o tráfico de drogas.
Mais o que os cidadáns recordarán do Tratado de Maastricht será probabelmente a decisión que terá maior impacto práctico na súa vida cotiá: a realización da Unión Económica e Monetaria. A partir do 1 de xaneiro de 1999, a UEM reunirá todos os países que cumpren un determinado número de criterios económicos destinados a garantir a súa boa xestión financeira e a asegurar a estabilidade futura da moeda única: o euro.
A derradeira etapa lóxica da realización do mercado interno, a introdución da moeda única, polas repercusións persoais que terá para cada cidadán e polas consecuencias económicas e sociais de que se revestirá, terá un alcance eminentemente político. Poderá mesmo considerarse que o euro será futuramente o símbolo máis concreto da Unión Europea. Esta moeda forte, capaz de concorrer coas grandes moedas de reserva internacionais, constituirá o signo distintivo da pertenza común a un continente que se está a unir e a afirmar.
A Unión Europea está composta de 27 países soberanos independentes que se coñecen como os Estados membros: Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, Romanía, República Checa e Suecia.[1]
Hai dous países candidatos oficiais, Macedonia do Norte e Serbia, mentres que Montenegro e Turquía están en negociacións. O resto de países dos Balcáns occidentais, Albania, Bosnia e Hercegovina e Kosovo, son recoñecidos oficialmente como candidatos potenciais.[2] Kosovo é tamén considerado pola Comisión Europea como un potencial candidato, mais esta institución non o lista como un país independente, porque non todos os Estados membros recoñéceno como un país separado de Serbia.[3]
Para unirse á UE, un país debe satisfacer os criterios de Copenhaguen, definidos en 1993 no Consello Europeo de Copenhaguen. Estes esixen unha democracia estable que respecte os dereitos humanos e o Estado de Dereito; unha economía de mercado viable capaz de competir dentro da UE, e a aceptación das obrigacións da adhesión, incluída a lexislación da UE. A avaliación do cumprimento dos criterios por parte dun país é a responsabilidade do Consello Europeo.[4] O artigo 50 do Tratado de Lisboa proporciona a base para que un membro abandone a Unión. Dous territorios deixaron a Unión: Groenlandia (provincia autónoma de Dinamarca) fíxoo en 1985;[5] o Reino Unido invocou formalmente o artigo 50 en 2016 e converteuse no primeiro estado soberano que abandonou a Unión Europea, a través do Brexit.
Catro países da Europa occidental que optaron por non adherirse á UE comprometéronse en parte coa economía da UE e os seus regulamentos: Islandia, Liechtenstein, e Noruega son unha parte do mercado común a través do Espazo Económico Europeo, e Suíza ten vencellos semellantes a través de tratados bilaterais.[6][7] As relacións entre a Unión Europea e microestados como Andorra, Mónaco, San Marino e Cidade do Vaticano inclúen o uso do euro e outras cooperacións.[8]
O territorio da UE consiste no conxunto de territorios dos seus 27 Estados membros con algunhas excepcións que se expoñen seguidamente. O territorio da UE non é o mesmo có de Europa, pois hai países do continente fóra da UE, tales como Islandia, Suíza, Noruega, e Rusia. Algunhas partes dos Estados membros non forman parte da UE, malia que forman parte do continente europeo (por exemplo as Illas da Canle e as Illas Feroe). Varios territorios de ultramar vinculados aos Estados membros que están fóra de Europa xeográfica non son tampouco parte da UE (por exemplo, Groenlandia, Aruba e as antigas Antillas Neerlandesas).
Algúns territorios de ultramar son parte da UE, ata se non son xeograficamente parte de Europa, como os Azores, as Illas Canarias, Ceuta, Güiana Francesa, Guadalupe, Madeira, Martinica, Melilla, e Reunión.[9][10][11]
A superficie combinada dos Estados membros da UE abrangue unha área de 4 233 262 km². A paisaxe, o clima, e a economía da UE vense influídas polas súas costas. A UE ten a segunda costa máis longa do mundo despois do Canadá. A combinación dos Estados membros comparten fronteiras terrestres con 21 estados non membros para un total de 12 441 km, a quinta fronteira máis longa do mundo.[12][13][14]
Incluíndo os territorios de ultramar dos Estados membros, a UE experimenta a maioría dos tipos de clima, de ártico ao tropical, polo que as medias meteorolóxicas da UE no seu conxunto carecen de sentido. Na práctica, a maioría da poboación vive xa sexa nas zonas cun clima mediterráneo (o sur de Europa), un clima oceánico temperán (Europa Occidental), ou un cálido verán continental (Europa oriental).[15]
As costas da unión Europea miden uns 68 000 km de longo.[16]
Cunha poboación no ano 2010 de 501 259 840 habitantes a UE abarca países con diferenciais de poboación importante, por exemplo os 82 millóns de habitantes de Alemaña e os escasos 400.000 de Malta. Estes números dan unha densidade total de 114 hab./km², cabe dicir que esta densidade non é homoxénea; existen grandes baleiros demográficos no interior das penínsulas Ibérica e Helénica, ao mesmo tempo hai zonas como a dorsal europea (SE de Gran Bretaña ó NO de Italia) cuxas densidades superan a media da Unión.
Con respecto ao crecemento natural da UE hai que destacar o escaso incremento, debido á baixa natalidade e mortalidade; sendo este ás veces negativo. As maiores taxas de crecemento danse en países como Irlanda e as máis baixas en países do sur como España . Con todo, estados como o español conseguen medrar grazas ao saldo migratorio.
A esperanza de vida da UE aproxímase aos 80 nos homes e elévase por enriba desta cifra nas mulleres, sendo unha das máis altas do planeta.
A estrutura demográfica dá unha perspectiva da UE como unha poboación envellecida. A Unión Europea caracterízase por unha grande importancia do sector terciario o que nos leva a un proceso de urbanización importante no que máis do 77 % da poboación vive en cidades. Estes núcleos na súa maioría son de tamaño pequeno e medio. Pero tamén se dan casos de grandes aglomeracións urbanas coma Madrid.
A poboación da UE abrangue o 7,3 % da poboación total do mundo, e o 3 % da superficie da Terra, o que dá unha densidade media de 113 habitantes por km² facendo da UE unha das rexións máis densamente poboadas do mundo. Un terzo dos cidadáns da UE vive en cidades de máis dun millón de habitantes, cifra que sobe ao 80 % ao referirse a aqueles que habitan en áreas urbanas.[18] Na UE atópanse máis cidades globais cá ningunha outra rexión do mundo.[19] Na Unión Europea hai máis de 16 cidades con poboacións por riba do millón de habitantes.
Ademais das súas cidades, na UE existen numerosas rexións densamente poboadas resultantes da conexión de moitas áreas urbanas que conforman hoxe en día grandes áreas metropolitanas. As maiores son: Rin-Ruhr con 10,5 millóns de habitantes (Colonia, Dortmund, Düsseldorf etc.), Randstad aprox. 7 millóns (Ámsterdan, Rotterdam, A Haia, Utrecht etc.), Rexión Rin-Main aprox. 5,8 millóns (Frankfurt, Wiesbaden etc.), o Diamante flamengo aprox. 5,5 millóns (área urbana entre Anveres, Bruxelas, Lovaina e Gante), a Rexión metropolitana de Silecia aprox. 3,5 millóns (Katowice, Sosnowiec etc.), e maila Rexión do Oresund aprox. 2,5 million (Copenhagen, Dinamarca e Malmö, Suecia).[20]
Lingua | Falantes nativos | Total |
---|---|---|
Inglés | 13% | 51% |
Alemán | 18% | 32% |
Francés | 12% | 26% |
Italiano | 13% | 16% |
Castelán | 9% | 15% |
Polaco | 9% | 10% |
Holandés | 5% | 6% |
Grego | 3% | 3% |
Checo | 2% | 3% |
Sueco | 2% | 3% |
Húngaro | 2% | 2% |
Portugués | 2% | 2% |
Catalán | 1% | 2% |
Eslovaco | 1% | 2% |
Dinamarqués | 1% | 1% |
Finés | 1% | 1% |
Lituano | 1% | 1% |
Esloveno | 1% | 1% |
Galego | <1% | <1% |
Nativa: Lingua nativa[21] Total: Cidadáns da UE capaces de seguir unha conversa nesa lingua[22] |
Na Unión Europea empréganse 24 linguas oficiais: alemán, búlgaro, castelán, checo, croata, dinamarqués, eslovaco, esloveno, estoniano, finés, francés, grego, holandés, húngaro, inglés, italiano, irlandés, letón, lituano, maltés, polaco, portugués, romanés e sueco.[23] Importantes documentos, como a lexislación, son traducidas a tódalas linguas oficiais. Asemade, o Parlamento Europeo traduce tódolos documentos e sesións de xeito automático ás linguas oficiais.[24] Algunhas institucións empregan só unhas poucas linguas como lingua de traballo, normalmente o inglés, o alemán e mailo francés.[25] A política lingüística é reponsabilidade dos países membros, porén, as institucións da UE promoven a aprendizaxe doutras linguas.[26][27]
O alemán é a lingua nai máis falada da UE (88,7 millóns de falantes no 2006), seguida polo inglés, o italiano e mailo francés. O inglés, falado por máis da metade (51%) dos habitantes da Unión, é de lonxe a lingua estranxeira máis espallada e falada, seguida polo alemán e o francés. O 56% dos europeos son quen de manter unha conversa nunha lingua que non sexa a súa lingua nai.[28] A meirande parte das linguas oficiais da UE pertencen á familia das linguas indoeuropeas, agás o estoniano, o finlandés, e mailo húngaro, as cales pertencen á familia das linguas ugrofinesas, e o maltés, pertencente á familia das linguas semíticas. A meirande parte das linguas oficiais da UE escríbense no alfabeto latino agás o búlgaro, escrito no alfabeto cirílico, e o grego, escrito no alfabeto grego.[29]
Xunto as 24 linguas oficiais, na UE fálanse 150 linguas rexionais e minoritarias, faladas por uns 50 millóns de habitantes.[29] Destas, só o catalán/valenciano, o éuscaro, o galego, o gaélico escocés e mailo galés[30] poden ser empregadas polos cidadáns para comunicarse coas principais institucións europeas.[31] Malia seren protexidas e apoiadas por programas da UE, a protección dos dereitos lingüísticos das linguas rexionais, atinxe a cada país membro.
Amais das linguas nativas dos estados da UE, fálanse tamén centos de linguas de tódolos recunchos da terra faladas nas comunidades estranxeiras que moran nos estados membros. Destacan o turco, o árabe magrebí, o ruso, o urdú, o bengalí, o hindi, o támil, o ucraíno, o punjabi e mailas linguas dos Balcáns. As linguas dos inmigrantes non teñen status formal ou recoñecemento nin nas institucións da UE nin nos países membros da UE
A Unión Europea é un corpo secular sen conexións formais coa relixión.[10] Nas discusións sobre os bosquexos dos textos da Constitución Europea e o Tratado de Lisboa propúxose citar á cristiandade ou a deus no preámbulo do texto, mais a idea foi rexeitada e desbotada.[32][33]
A énfase no cristianismo parte de ser esta a relixión dominante no continente europeo, e polo tanto da UE. O cristianismo divídese en varias pólas: o catolicismo, un amplo abano de igrexas protestantes (especialmente na Europa do norte) e o cristianismo ortodoxo (no sur da Europa oriental). Outras relixións coma o islam e mailo xudaísmo atópanse presentes na UE.
No ano 2006, a UE tiña unha poboación musulmá estimada nuns 16 millóns de persoas,[34] cifra que baixa ata o millón no tocante aos xudeus.[35]
As enquisas Eurobarómetro de opinión pública do Eurostat amosan que a maioría dos cidadáns da UE cren nalgúnha forma de crenza, aínda que só o 21% consideran que é importante. En anos recentes a maioría dos países europeos experimentou unha diminución no número de persoas que atende os servizos relixiosos e no número de persoas pertencentes a unha confesión.[36] O Eurobarómetro do ano 2005 amosou que o 52% dos cidadáns europeos (dos 25 estados membros naquel tempo), crían nun deus, o 27% nalgunha forma de espírito ou forza e o 18% non tiñan ningún tipo de crenza. Os países onde menos xente declarou ser crente foron a República Checa (19%) e Estonia (16%),[37] Os países máis relixiosos foron Malta (95%), Chipre e Romanía (90%). Ao longo da UE, as mulleres amosaron ser máis crentes cós homes, cifra que medra coa idade, naquelas persoas con educación relixiosa, nas persoas con educación básica, e naquelas que "se posicionan á dereita na escala política (57%)."[37]
Outras relixións con significante presenza nos territorios da UE son o budismo, o sikhism e mailo hinduísmo.[38]
A actual Unión Europea fundaméntase xuridicamente en 4 Tratados:[39] O Tratado da Unión Europea e os tres Tratados que se previamente se instituíran á:
O Tratado da Unión Europea (TUE) creou unha nova entidade - a Unión Europea - fundada nas Comunidades anteriormente existentes e que se mantén. No ámbito da Unión, o TUE contén disposicións relativas á política externa e de seguridade, e á cooperación nos dominios da xustiza e dos asuntos internos. Ademais diso, o TUE introduciu alteracións na redacción dos Tratados CECA, CEEA e, especialmente, do Tratado CEE. A anterior Comunidade Económica Europea (CEE) pasou a designarse Comunidade Europea (CE).
Os Tratados de Ámsterdam, de 1997, e de Niza, de 2001, alteraron tanto o texto do Tratado da Unión Europea como o do Tratado de Roma e de EURATOM. O Tratado de Lisboa asinado en decembro de 2007 pretende actualizar a estrutura política e legal da Unión.
O Consello de Europa elaborou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, texto legal que recolle o compromiso dos estados co desenvolvemento das linguas minorizadas, e declarou 2001 o Ano Europeo das Linguas Non Normalizadas.
Os países da Unión Europea no seu conxunto, constitúen a principal potencia mundial no que ao desenvolvemento e aplicación de enerxías renovables se refire. A promoción das enerxías renovables ten un papel moi importante, tanto no que se refire a reducir a dependencia exterior da UE no seu abastecemento enerxético, como nas accións que deben adoptarse en relación coa paliación do actual cambio climático. Con todo Alemaña é o único membro da UE que está en camiño de acadar os obxectivos establecidos no Protocolo de Kyoto sobre o cambio climático que vai rematar no 2012.
O Consello Europeo de marzo de 2007 en Bruxelas aprobou un plan enerxético obrigatorio que inclúe un recorte do 20% das súas emisións de dióxido de carbono antes do ano 2020 e consumir máis enerxías renovables para que representen o 20% do consumo total da UE (contra o 7% no 2006).[40] O acordo recoñeceu indirectamente o papel da enerxía nuclear na redución da emisión de gas de efecto invernadoiro, correspondendo a cada Estado membro decidir se recorrerá ou non a esta tecnoloxía.
Por outra banda estableceuse o compromiso de lograr unha cota mínima dun 10% de biocombustibles no consumo total de gasolina e gasóleo de transporte no ano 2020.
O futuro repartimento do esforzo desa porcentaxe do 20% terá en conta as especificidades enerxéticas de cada estado. Ademais, a UE comprométese a chegar ata un 30% na redución de gases de efecto invernadoiro no caso de compromiso internacional que involucre tanto a outras potencias como aos novos países industrializados.
Un dos grandes logros da UE foi a consecución e logro da moeda única, o Euro. O Euro é a moeda da Eurozona, a cal abarca 20 dos 27 países membros da UE. Estes son: Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos e Portugal. Como moeda única trae consigo unha serie de consecuencias favorables para a eurozona:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.