Remove ads
escritor, político e avogado galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Valentín Paz-Andrade, nado no barrio pontevedrés de Lérez o 23 de abril de 1898[1] e finado en Vigo o 19 de maio de 1987,[2] foi un xurista, economista, político, empresario, escritor, poeta e xornalista galego de ideoloxía galeguista.[3] En 2012 adicóuselle o día das Letras Galegas.[4]
A introdución deste artigo precisa dunha ampliación, redución, carece de contexto ou non fornece un resumo axeitado do artigo segundo indica o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de abril de 1898 Pontevedra, España |
Morte | 19 de maio de 1987 (89 anos) Vigo, España |
Senador de España | |
20 de novembro de 1977 – 2 de xaneiro de 1979 Circunscrición electoral: Pontevedra | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Lugar de traballo | Madrid |
Ocupación | economista, avogado, político, poeta, xornalista |
Membro de | Real Academia Galega (académico de número) (1978–1987) Real Academia Galega (membro correspondente) (1952–1978) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Pilar Rodríguez de Prada |
Fillos | Afonso Paz-Andrade |
Parentes | Inmaculada Paz Andrade, sobriña |
Premios | |
| |
| |||||||||
Problemas coa escoita destes ficheiros? Vexa a páxina de axuda. |
Foi fillo de Francisco Paz Cochón, concelleiro de Pontevedra,[5] e Matilde Andrade Tojeiro, quen despois tiveron tres fillas máis: Matilde, Carmen e Castora, que morreu moi nova. A súa nai finou tendo el nove anos, suceso que marcaría a infancia de Valentín.
Comezou a interesarse na literatura e na cultura de Galicia da man do seu tío, o poeta Xoán Bautista Andrade. Foi tamén el quen lle presentou a Castelao, un dos intelectuais que máis influíron na súa obra, cando este fixou a súa residencia en Pontevedra, en 1916.
En 1917 comezou os estudos de Dereito, na Universidade de Santiago de Compostela, que rematou en 1921.[2] Neste tempo comezou tamén a colaborar co diario santiagués Gaceta de Galicia. Simultaneamente foi xefe de redacción do semanario La Provincia de Pontevedra (1917-1922).
Durante a súa etapa formativa iniciouse no movemento galeguista da man de Castelao e participou como orador na II Asemblea Nacionalista (1919) de Santiago de Compostela. Ramón Piñeiro conta que Castelao tivo que organizar un mitin público no que participaran estudantes da universidade, para o que escolleu a Paz-Andrade. A consideración que lle tiña Castelao pode reflectirse no alcume de o Mozo co que se refería a el nos faladoiros do Café Moderno (en Pontevedra), que mudou co paso do tempo a o Berbiquí, pola súa teimosía, e a o Inmortal, tras sobrevivir á guerra de África e aos atentados de Vigo[6] e de Verín.[7]
Durante esa época tamén crea e preside o primeiro grupo galeguista estudantil en Santiago, o Grupo Galeguista Galego de Estudiantes. Anos despois presidiría en Vigo o Grupo Autonomista Gallego (1930) e militaría no Partido Galeguista, participando activamente na súa fundación en decembro de 1931.
Durante a guerra de Marrocos foi enviado á fronte en 1921, destinado a Laucien (preto de Tetuán) e Xauén, formando parte do Rexemento Murcia de guarnición en Vigo, pero tivo que ser evacuado por mor dunha infección intestinal e, tras un recoñecemento médico na Coruña, dado por inútil para o servizo militar. Desde Marrocos enviou algunhas crónicas para o xornal coruñés El Noroeste. Durante ese tempo xorde a única novela que escribe, Soldado da morte, que deixará inacabada e inédita. En 1978 escribiu a Xosé Núñez Búa: "A noveliña a que te refires non se chegou a imprimir. Somentes meu tío Juan Bautista Andrade, Castelao e Cabanillas leeron o orixinal, que despois deixei esquecido n-un caixón."[8] En 1922 regresa a Galicia.
En xullo de 1922 nace o xornal Galicia. Diario de Vigo,[9] do que nun primeiro momento é redactor xefe. Xa en agosto convértese no director do periódico ata a súa desaparición o 15 de setembro de 1926, durante a ditadura de Primo de Rivera.[2] En xullo de 1924 foi detido pola publicación de dous artigos en Galicia, en defensa do porto de Vigo e a vía ferroviaria a Francia, polos que tivo que pagar unha multa e permanecer no cárcere quince días. Ese mesmo ano defende o periodista José Signo fronte a Alejandro Pérez Lugín nun xuízo pola paternidade da novela La Casa de la Troya.[10]
En 1925 coñece en Vigo a Valle-Inclán, a quen adicaría un ensaio en 1967.
Desde o outono de 1926 fixa o seu bufete de avogados na cidade olívica, mantendo as súas colaboracións periodísticas. En 1927 comezou a escribir en Industrias Pesqueras, revista da que foi director desde 1942. Como asesor xurídico da Sociedade de Armadores de Bouzas coñece os portos da Bretaña e comeza o seu achegamento ao mundo do mar e da pesca. En 1928 publicou Los puertos nacionales de pesca en España. Aportación de Vigo al estudio del problema.
En 1930 funda e preside o Grupo Autonomista Galego en Vigo, á vez que intensifica a súa actividade política en prol do galeguismo, da man de Castelao, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas e outros.[2] En marzo ten lugar o Pacto de Lestrobe.[11] Nese mesmo ano, o 3 de setembro, morre o seu tío Xoán Bautista Andrade. O día 25 do mesmo mes participa no Compromiso de Barrantes.
Foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931, con Castelao e Cabanillas, pero non saíu elixido por escasa marxe.[12] Colaborou con outros membros do Seminario de Estudos Galegos na redacción dun dos anteproxectos non considerados para o Estatuto da Galicia que se presentou en maio dese mesmo ano[13] e publicou diversos artigos políticos en El Pueblo Gallego. En decembro constitúese formalmente o Partido Galeguista, en Pontevedra, e resulta nomeado conselleiro.
O 22 de novembro de 1932 foi vítima dun atentado cando saía, acompañado de Ramiro Illa Couto, dun café na rúa de Fermín Galán, hoxe rúa do Príncipe de Vigo. Daquela Paz-Andrade mediaba representando a patronal nunha folga de mariñeiros do sindicato de Industria Pesqueira de Bouzas-Vigo (pertencente á CNT) contra os armadores da industria La Marítima polos buques por parellas. No atentado recibiu cinco disparos de bala, con feridas no pescozo e nun parietal, quedando un dos proxectís aloxado nunha clavícula de por vida. Foi operado en dúas ocasións no sanatorio Troncoso.
Foron acusados de seren os autores materiais os militantes anarcosindicalistas Vicente Vales Lorenzo, directivo do sindicato, e mais Emilio Costas Fernández.[14] Os dous estiveron presos até abril de 1933 e foron absoltos logo do xuízo, no que foron defendidos por Agustín Ribas e Isidoro Millán Mariño.[15] O xuízo tivo lugar o 14 de novembro de 1933 e Paz-Andrade non asistiu, pois estaba en Portugal para superar as lesións e para preparar as inminentes eleccións xerais.
Nos comicios do 19 de novembro de 1933 Paz-Andrade presentouse con Castelao na lista de Izquierda Republicana. Logo de que o 23 de novembro de 1934, con ocasión do Bienio Negro, fosen desterrados Castelao a Badaxoz e Bóveda a Cádiz, Paz Andrade asumiu —con moitas reticencias— a Secretaría Política do Partido Galeguista.[16]
“ | Ti sabes ben que eu non podo nin quixen endexamais furtarme a ningún esforzo pol-a Causa. Menos podería facel-o si ti es quen o recrama, e nun intre como o de agora. Mais compre enfocar as cousas abxetivamente, pola cara da eficacia. E xusgo que nin o Partido lle convén o que propós, nin eu me atopo en situación de encarar esa responsabilidade | ” |
— Carta a Castelao, 3 de decembro de 1934. |
Volveu presentarse ás eleccións de febreiro de 1936, desta volta nas listas da Candidatura Republicana de Centro de Portela Valladares,[17] pero tampouco resultou elixido.
Co estalido da guerra civil española axudou a fuxir a diversos intelectuais galeguistas como Ramón Martínez López e defendeu a outros como Xosé Núñez Búa das condenas que lles eran impostas. Posteriormente, foi desterrado a Verín o 9 de setembro, onde sufriría un intento de paseo por parte duns falanxistas dos que conseguiu fuxir, e logo, en xaneiro de 1937, a Requeixo (Chandrexa de Queixa). En abril autorizóuselle a residir en Castro Caldelas e, días despois, na Pobra de Trives. Este tempo no desterro fixo xurdir nel a necesidade de escribir poesía, e aí naceron moitos dos versos que logo formarían parte de Sementeira do vento ou de Cen chaves de sombra. Finalmente foi autorizado a saír do seu desterro para asistir a unha asemblea de armadores en Bilbao pero ao regreso retornou a Vigo, ao ser cancelado o desterro a principios de 1938, para quedar o resto da súa vida nesta cidade. En agosto de 1939 foi detido de novo e desterrado a Villanueva de la Serena (Badaxoz).[18]
Durante o seu desterro coñeceu en San Lourenzo de Trives a Pilar Rodríguez de Prada (1919-2022), case que vinte e dous anos máis nova ca el, coa que casou en Ourense o 8 de decembro de 1939. O 4 de outubro de 1940 naceu o seu único fillo, Afonso Paz-Andrade (†2021).
A partir de 1942 dirixiu a revista Industrias Pesqueras. Avogado de prestixio en Vigo, traballou tamén como técnico da FAO, con que participou en diversos congresos e seminarios, e para a que publicou o primeiro tratado sobre Principios de economía pesquera (1954); ademais, foi o primeiro especialista español proposto por esta organización para misións internacionais en Hispanoamérica (Valparaíso, 1952; México, 1954; e Bogotá, 1955).
Nesta época seguiu colaborando en El Pueblo Gallego e publicou diversos artigos en Faro de Vigo e La Noche, asinados cos pseudónimos M., Xan Quinto e Mareiro (este último para asinar artigos sobre temática pesqueira[20]). En 1943, o Delegado Nacional de Prensa insistía así na prohibición que recaía sobre Paz Andrade respecto ao uso da súa sinatura:
“ | En canto á dedución que en dito escrito se fai de que poderá noutras publicacións e non en "Industrias Pesqueras" usar a súa sinatura, é erróneo xa que a prohibición alcanza evidentemente todas as publicacións que dependen da Delegación Nacional de Prensa e na actualidade son as que teñen carácter de periódicas | ” |
— O Delegado Nacional de Prensa ao Delegado Provincial de Educación Popular e este ao Delegado Local que, por último, llo comunica ao director de Industrias Pesqueras con data 18 de maio de 1943. Tradución[21] |
Desde 1945 organizou o parladoiro do café Alameda, en Vigo, onde se reunía con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, Fernández del Riego e os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, entre outros.
Na revista literaria La Noche publicou o 14 de xaneiro de 1950 un artigo en portada e a catro columnas sobre Castelao, quen morrera unha semana antes, baixo o título "Castelao. El hombre y el artista". A revista foi expedientada por incumprir as normas ditadas pola Dirección Xeral de Prensa para o tratamento que debía dar a prensa á noticia do pasamento e pechada dúas semanas despois. As instrucións esixían que a noticia se dera en páxinas interiores e a unha columna, e que só se podía eloxiar as cualidades de humorista, literato e caricaturista.[22]
“ | Durante a sétima noite do ano nacente -vértebra dorsal do século- deberon tocar a morto as badaladas de todas as igrexas de Galicia. Campás mariñeiras de Rianxo. Graves campás de Compostela. Líricas badaladas de Bastavales, de Anllóns... Só o pranto unánime das torres románicas, bágoas de bronce sobre rostro de pedra, expresarían con digno acorde e proporcionado acento, nesta ocasión a dor da terra... | ” |
— Castelao, el hombre y el artista, 14 de xaneiro de 1950, Valentín Paz-Andrade, xornal La Noche. Suplemento del sábado de Santiago. Tradución do orixinal[23][24] |
Entre 1955 e 1959 publica tres obras en Buenos Aires: o poemario Pranto matricial (1955) e os ensaios Sistema económico de la pesca en Galicia (1958) e Galicia como tarea (1959). Este último recolle as conferencias ditadas dous anos antes no Centro Gallego de Buenos Aires, e foi cualificado por Méndez Ferrín como "o gran manifesto político e económico do nacionalismo galego progresista".
En 1957 foi detido e encarcerado de novo pola publicación dun artigo. Desta volta foi por mor dun escrito aparecido en Industrias Pesqueras no que criticaba o comandante militar da Mariña de Vigo.
En 1959 participa nun ambicioso proxecto empresarial para a creación dunha refinaría de petróleo en Vigo, Petrogasa, que ao final non será autorizada debido á oposición do enxeñeiro Suances.[28] Este proxecto estaba apoiado economicamente por Manuel Cordo Boullosa, que pensaba destinar 60 % dos beneficios a crear "unha fundación pra axudar o melloramento cultural e social de Galicia".[29] Foi un dos impulsores do grupo industrial Pescanova, que converteu na primeira compañía armadora europea de buques conxeladores, e da que foi vicepresidente (1960). Non callou outro proxecto no que tamén participou en 1963: a creación dun Banco Industrial de Galicia.
O 23 de decembro de 1961 sufriu un atropelo na súa parroquia natal, que lle fixo estar seis meses prostrado. Causoulle a rotura das pernas, feridas nas clavículas e unha vértebra, e corenta e oito puntos de sutura na cara.
O 7 de xuño de 1964 foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega, a proposta de Otero Pedrayo, Domingo García-Sabell, Fernández del Riego, Xesús Ferro Couselo e Francisco Vales Villamarín. Leu o discurso de ingreso o 11 de febreiro de 1978, baixo o título de A galecidade na obra de Guimarães Rosa, respondido por Álvaro Cunqueiro.[4]
Foi o avogado defensor de Alberto Míguez cando o acusaron no Tribunal de Orde Pública pola publicación en 1966 do libro El pensamiento político de Castelao, editado en París por Ruedo Ibérico. O xornalista coruñés foi condenado a seis meses de prisión e unha multa.[30]
En agosto de 1970 sufri unha embolia cerebral da que se recuperou non sen dificultades.[31] En 1973 creouse en Vigo a World Fishing Exhibition, da que actúa como xerente.
Co retorno da democracia volveu ao mundo da política. Nos anos setenta foi crítico coa adopción do criterio das 200 millas náuticas para o establecemento da zona económica exclusiva, que consideraba moi prexudicial para os intereses de Galicia. En 1975 formou parte da Xunta Democrática e, cando recibe nese ano o Pedrón de Ouro, inclúe no discurso de aceptación a reivindicación da democracia e da autonomía. En 1976 foi nomeado en representación de Galicia, como independente, na Comisión Negociadora da Oposición co Goberno, ata a súa disolución en 1977, e da Plataforma de Organizaciones Democráticas. Foi elixido senador por Pontevedra pola Candidatura Democrática Galega nas Cortes constituíntes de 1977-1978, na que se presentou xunto a Fernández del Riego e Fernando Alonso Amat.
“ | Se as eleccións non fosen manipuladas polo poder e desde Madrid, os tres triunfariamos pero, en xeral, a consulta foi desafortunada para Galicia | ” |
— Carta a Osorio-Tafall, 30 de xuño de 1977. Tradución do orixinal[32] |
En 1979 publicou Cen chaves de sombra,[33] que Lorenzo Varela describiu como "poemas de un loitador, de un home con coraxe á hora de escribir e á hora de pelexar".
En 1982 publica Castelao na luz e na sombra, completa e detallada biografía de Castelao, o seu irmán maior, que comezara a escribir en 1975.
“ | Non quixen facer unha biografía fría, erudita, acartonada. Eu quixen dar un Castelao vivo, como foi, cunha liña anecdótica que o retrata. | ” |
En 1985 publicou Galiza lavra a sua imagen e o 5 de decembro ingresou na Real Academia Galega de Ciencias con O home dentro do sabio: Pedro Joseph de Bermés (1770-1824).[34]
En 1986 foi o vicepresidente da Comissão Galega do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa,[35][36] que negociou os dous Acordos Ortográficos deste idioma, o de 1986 (coñecido tamén como o da ortografía simplificada) e o Acordo de 1990 (ou de ortografía unificada), publicado en forma de tratado internacional despois do pasamento de Valentín Paz-Andrade, e actualmente en fase de implantación.
O martes 19 de maio de 1987 faleceu na clínica Fátima, en Vigo, a consecuencia dunha doenza cardiovascular.[37] Foi enterrado no cemiterio de Lérez envolto nunha bandeira galega, como el deixara establecido.
Escribiu ensaios literarios, históricos e económicos, nos que reflectiu a súa preocupación polo progreso de Galicia. Tamén escribiu varias obras como técnico especializado en temas pesqueiros.
Como poeta formou parte da Xeración de 1925 e na maior parte da súa obra poética evidénciase unha motivación patriótica, como se pode observar en Soldado da morte (1921), Pranto matricial (1954), en que evoca a morte de Castelao e que foi reeditada en 1975 en cinco linguas; Sementeira do vento (1968), en que canta a paisaxe e a xente galega, ademais do exilio e o amor ausente; Cen chaves de sombra (1979) e Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1986), en que incluíu as composicións dedicadas ao autor ourensán.
O que todo galego choraría... CHORA, TERRA, teu pranto das augas e dos eidos e dos ares, as vivas páreas cósmicas da reza, en mantelo de brétemas envoltas que noso fin ao noso orixe ligan. [...] —Valentín Paz-Andrade, recollido en Pranto matricial. |
Utilizou a lingua galega durante toda a súa vida para a obra poética e narrativa. Para os ensaios utilizou o castelán até 1975 (se ben é certo que estas obras foron publicadas en Madrid e Buenos Aires) e o galego desde entón. Respecto aos artigos, publicou en castelán os de temas pesqueiros e en galego os de temática literaria e cultural. Defendeu o uso do reintegracionismo como norma para o galego escrito,[38] e usouno no seu último ensaio (Galiza lavra a sua imagen, 1985).
Colaborou en Grial, O Ensino e Outeiro con artigos sobre literatura, especialmente ao redor da figura de Castelao; e en Industria Conservera,[39] El País e La Vanguardia con artigos económicos e políticos.
Capotes de sombra amargos Dous a dous en tres ringleiras tricornos seis, seis cabalos, un fusil a cada lombo, capotes de sombra amargos, cal seis funiles de tebra sobre hipogrifos marchando. As ferraduras nas laxes ronsel de chispas nos cascos. Charoles o anoitecer verten seu frío no cadro. [...] |
Foi nomeado membro da Real Academia Galega (1964) e da Real Academia Galega de Ciencias (1985), e foi galardoado co Pedrón de Ouro (1975), a Cruz de San Raimundo de Peñafort (1978), a Medalla da Cidade de Pontevedra (1979), a Medalla Castelao (1984), a Medalla ao Mérito Social Marítimo (1984), a Medalla de Ouro da Cidade de Vigo (23.05.1986) e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (29.06.1986).
Levan o seu nome o buque escola do Servizo de Gardacostas de Galicia,[67][68] unha rúa en Lérez, un paseo de Bouzas e un centro integrado de formación profesional no Meixoeiro, en Vigo.
O sábado 4 de xuño de 2011 foi escollido para se-lo homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2012.
A Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, aprobada polo Parlamento de Galicia o 24 de marzo de 2014 a raíz dunha iniciativa popular, é coñecida popularmente como Lei Paz-Andrade, pola súa postura a prol da reaproximaión entre as normas escritas galega e portuguesa.
Tamén recibe o seu nome o Premio Valentín Paz-Andrade de investigación en economía de Galicia, convocado anualmente dende 2014 polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela e mais polo Consello Económico e Social de Galicia.
Foi pai do empresario Afonso Paz-Andrade e tío da científica Inmaculada Paz-Andrade. No centro do escudo de España que preside a fachada do Palacio de Comunicacións de Madrid, o arquitecto Antonio Palacios fixo esculpir o escudo de Galicia, co seu cáliz e as sete cruces. Segundo conta Alfonso Paz-Andrade, fillo de Valentín Paz Andrade, foi este quen suxeriu ao arquitecto incluír ese detalle nunha visita que lle fixo no seu taller:
“ | Meu pai acostumaba ir a Madrid por traballo e, nunha desas viaxes, decidiu ir visitar o seu amigo. Palacios estaba preparando sobre unha mesa e a tamaño natural o bosquexo do escudo de España para Correos e o meu pai díxolle "plántalle aí o de Galicia". [69] | ” |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.