Alexandre Bóveda

político e economista galego From Wikipedia, the free encyclopedia

Alexandre Bóveda

Alexandre Bóveda Iglesias, nado en Ourense o 4 de xuño de 1903[1] e fusilado no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936, foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República Española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...
Alexandre Bóveda
Thumb
Biografía
Nacemento4 de xuño de 1903
Ourense, España
Morte17 de agosto de 1936 (33 anos)
A Caeira, España
Causa da mortepena de morte, ferida por arma de fogo
Lugar de sepulturaCemiterio de Santo Amaro de Pontevedra
País de nacionalidadeGaliza
Actividade
Ocupaciónpolítico, economista
Partido políticoPartido Galeguista
Familia
CónxuxeAmalia Álvarez Gallego

Pechar

Traxectoria

Dende moi neno adicouse ó estudo do francés e da contabilidade. Estudou peritaxe mercantil na Escola de Comercio da Coruña por libre, ó mesmo tempo que impartía clases ós máis novos nun colexio de Ourense. Asiduo lector da Revista Nós pronto comezou a escribir en La Zarpa de Basilio Álvarez. Foi nas follas deste xornal onde se deu a coñecer como un gran comunicador.

Thumb
Seminario de Estudos Galegos. Alexandre Bóveda Iglesias foi nomeado socio aitivo o 20 de outono do 1928, Sant-Iago, 28 de outono de 1931.

Máis adiante, participou nunhas oposicións en Madrid a unha das dez prazas de xefe de Facenda do estado conseguindo o número un en 1924. Por este motivo José Calvo Sotelo ofrécelle un posto no seu Comité de Intervención de Cambios; porén Alexandre rexeitou a oferta e volveu a Galiza para traballar na delegación de facenda de Ourense. Tras aprobar outras oposicións marchou a Pontevedra a ocupar o posto de Xefe de Contabilidade con tan só 23 anos. Pronto tomou contacto co faladoiro que presidían Castelao e Antón Losada Diéguez no Café Méndez Núñez e viuse envolto nas actividades dos dous galeguistas. Ámbolos dous introducírono na política e noutros campos, como a Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra, onde coñeceu a Amalia Álvarez Gallego (filla de Xerardo Álvarez Limeses), coa que casou o 20 de outubro de 1930 no Convento de San Xoán de Poio e coa que tivo cinco fillos.

En 1930 convértese no primeiro director da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra. En 1928 e 1929 recibira unha bolsa da Deputación de Pontevedra para viaxar a Barcelona e Guipúscoa para estudar o funcionamento das Caixas de Aforros.

En 1932 participou na asemblea pro-estatuto que se celebrou en Santiago de Compostela e resultou elixido membro da comisión redactora. Tivo un papel moi activo na redacción do estatuto e na Asemblea de municipios que se creou para debatelo. En 1933 foi elixido membro do Comité da Autonomía presidido por Bibiano Fernández Osorio-Tafall. O 20 de outubro de 1934 publicouse unha orde ministerial impoñéndolle un destino administrativo forzoso na delegación de facenda de Cádiz. Retornou no outubro do ano 1935 a Galiza ó obter unha praza na delegación de facenda de Vigo.

En 1936 participou na campaña electoral, á que acode como candidato da Fronte Popular pola provincia de Ourense mentres tomaba posesión dun cargo na delegación de facenda de Pontevedra. Tralo golpe de estado foi detido o 20 de xullo de 1936 acusado de traizón e condenado a morte nun xuízo celebrado o 13 de agosto dese mesmo ano. A sentenza executouse o 17 de agosto na Caeira (Poio). Na madrugada antes do seu fusilamento escribiu varias cartas, a derradeira delas dicía así:

Thumb
Monumento a Bóveda na Caeira (Poio).
Madrugada do 1.936

Querido Vitín:
Non sei si fixen ben ou mal en procurar que me axudases con proveito. En calquera caso foi con desexo do teu ben.
Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fagoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname.
Sé agora máis home que endexamais porque é cando máis o precisas, polos nosos vellos e polos nenos, de quen, sin que puidéramos esperalo, vas ser un pouco pai.
Confórtaos a todos e procura ser sempre bon. Non te arrepintas de canto ben teñas feito e podas ainda facer.
Vitinciño: Aos papás, a Vera, a Carlos, a Cesar, a todos, as miñas apertas.
Pra ti, irmanciño bon, a máis grande que poidas recibir de Alexandre.

P.S. / Rezai por min que eu lembrarei-vos sempre e (se podo, como espero) intercederei por vós. -ás 5 e 1/4[2].

No mencionado xuízo sumarísimo, Alexandre Bóveda verbalizou unhas palabras que o erixirían definitivamente como un emblema histórico do galeguismo:

Thumb
Lápida no Cemiterio de Santo Amaro de Pontevedra.
A miña patria natural é Galiza. Ámoa ferventemente. Xamais a traizoaría, aínda que se me concedesen séculos para vivir. Adóroa até máis alá da miña morte. Se entende o Tribunal que por este amor entrañábel debe de me ser aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrifício máis por ela. Fixen canto puiden por Galiza e máis faría se puidese. Se non podo, até gostaría de morrer pola miña patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado[3].

Xosé Sesto, tras a execución, colocou a bandeira baixo a chaqueta de Bóveda.

Está enterrado no camposanto de Santo Amaro.

Alexandre Bóveda é un dos mitos do galeguismo. Foi convertido en mártir pola defensa da liberdade e dos seus ideais. Na data da súa morte celébrase actualmente o Día da Galiza Mártir.

O 10 de decembro de 2024, o goberno español recoñeceu como "ilegal e nula" a sentenza a morte de Alexandre Bóveda. O presidente Pedro Sánchez fixo entrega a Amalia Bóveda, filla máis nova de Alexandre Bóveda, o documento desta reparación nun acto oficial. Este recoñecemento foi unha das condicións do acordo de investidura presidencial entre o BNG e PSOE.[4]

Querela arxentina contra os crimes do franquismo

En 2019 a súa familia incorporouse á Querela arxentina contra os crimes do franquismo.[5]

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.