From Wikipedia, the free encyclopedia
O peixe anxo[1][2][3][4][5] (Squatina squatina) é unha especie de tiburón da familia dos escuatínidos (coñecidos xeralmente como peixes anxo), o de maiores dimensións da familia e o único representante dela en augas galegas.
Peixe anxo Squatina squatina | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Squatina squatina no Aquarium Finisterrae (A Coruña) | |||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Crítico | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Squatina squatina (Linnaeus, 1758) | |||||||||||||||||||||
Antiga área de distribución do peixe anxo. | |||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||
|
Ben adaptado para a camuflaxe no fondo do mar, ten o corpo ancho e groso de forma aplanada, con grandes aletas pectorais e pelvianas, e coloración dorsal gris ou parda con numerosas manchas pequenas escuras.
Como os outros membros da súa familia, o peixe anxo é un depredador de emboscada nocturno que espera enterrado no sedimento á súa presa, xeralmente peixes óseos bentónicos, pero tamén raias e invertebrados.
É ovovivíparo, e as femias paren de 7 a 25 crías cada dous anos.
Normalmente é considerado como pouco perigoso para os seres humanos; porén, cando se provoca, morde.
Capturado para a alimentación xa na Grecia Antiga, este tiburón vendíase habitualmente nos mercados europeos. Pero desde mediados do século XX a pesca comercial intensiva na súa área de distribución produciu un enorme declive das súas poboacións, estando localmente extinto en toda a zona norte do seu hábitat histórico (é moi raro encontralo xa máis ao norte de Inglaterra),[6] e as poboacións restantes encóntranse moi fragmentadas, facendo a súa situación moi precaria debido ao seu lento ritmo de reprodución. Por iso a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) cualificouno como CR (especie en perigo crítico).[7]
No litoral galego é pouco abundante, pescándose incidentalmente con artes de arrastre, xa que carece de interese comercial.[2]
As características máis salientábeis do peixe anxo son:[3]
O peixe anxo foi orixinalmente descrito polo sueco Carl Linnaeus, "o pai da taxonomía", en 1758, como Squalus squatina. Este autor non designou ningún espécime tipo.[8]
A palabra squatina é o nome do peixe anxo en latín, e foi nomeado así o xénero dos peixes anxo polo zoólogo francés André Duméril en 1806.[11]
Un estudo filoxenético baseado no ADN mitocondrial, do ano 2010, demostrou que a especie máis próxima a Squatina squatina era S. aculeata. Ambas as especies forman un clado con algúns peixes anxo asiáticos.[12]
Historicamente o peixe anxo encontrábase na franxa do nordeste do Atlántico, desde o sur de Noruega e Suecia até o Sáhara occidental e as Illas Canarias, incluíndo as Illas Británicas e os mares Mediterráneo e Negro. En tempos recentes foi erradicado do mar do Norte e de grandes rexións do norte do Mediterráneo.[7]
Este tiburón bentónico habita na plataforma continental, preferindo substratos brandos (areosos ou lamacentos), onde repousa totalmente cuberto, con só os ollos asomando por fóra. Pódese encontrar desde a costa até os 150 m de profundidade.[3] En ocasións adéntrase en augas salobres.
Algunhas poboacións do norte realizan migracións cara ao sur en inverno e cara ao norte en verán.[8]
Durante o día o peixe anxo normalmente permanece inmóbil enterrado no sedimento do fondo de forma que só mostra os seus ollos.[8] Durante o verán observáronse, en Gran Canaria, grupos de até un cento de individuos.[13]
Coñécense varios parasitos desta especie, como as tenias Grillotia smaris-gora, G. angeli e Christianella minuta,[14] o trematodo Pseudocotyle squatinae,[15] o monoxéneo Leptocotyle minor,[16] e o isópodo Aega rosacea.[17]
O peixe anxo é un cazador nocturno de emboscada que se alimenta principalmente de peixes óseos que habitan no fondo, como os linguados e outros pleuronectiformes, pero tamén de invertebrados e raias. Está documentada a súa depredación sobre a pescada (Merluccius merluccius), espáridos (ollomol, dourada etc.), peixes planos do xénero Bothus, Citharus linguatula, e Solea solea, luras (Loligo vulgaris), sepias (Sepia officinalis e Sepiola spp.), e os cangrexos Medorippe lanata, Geryon trispinosus, Dromia personata, Goneplax rhomboides, Liocarcinus corrugatus e Atelecyclus rotundatus. O estómago dalgúns espécimes estudados contiña pasteiros mariños e aves (nun caso un corvo mariño enteiro).[7]
Squatina squatina é unha especie ovovivípara, o que significa que os ovos eclosionan no útero da nai e as crías aliméntanse dun saco vitelino até o seu nacemento. As femias teñen dous ovarios funcionais, aínda que o dereito contén máis oocitos. Esta asimetría funcional non se presenta noutras especies de peixes anxo. A diferenza da maioría dos tiburóns, a formación da xema do ovo non ocorre simultaneamente co inicio da xestación, senón que se atrasa até a súa metade. Os óvulos maduros miden uns 8 cm e non están envoltos en ningunha cápsula. O ciclo reprodutivo estímase en 2 anos, aínda que non está ben definido. A ovulación ten lugar en primavera. O número de crías relaciónase co tamaño da nai e oscila entre 7 e 25, sendo xestadas durante 8 ou 10 meses. O parto ocorre entre decembro e febreiro no Mediterráneo, e en xullo en Inglaterra, medindo as crías 30 cm de longo. Os machos e as femias maduran cando alcanzan respectivamente 0,8 m e 1,3 m de lonxitude.[7][18]
O peixe anxo xeralmente non é agresivo cos seres humanos, pero pode producir severas mordedelas se é molestado.[8] Cando un se acerca a un peixe anxo baixo a auga este normalmente queda inmóbil ou se afasta nadando, aínda que hai un rexistro sobre un exemplar que reaccionou ao acercamento dun mergullador nadando ao seu redor coa boca aberta.[13]
Os pescadores deben tratar a esta especie con especial coidado; na edición de 1776 de British Zoology, Thomas Pennant escribiu que é "extremadamente fero e perigoso". Coñécese o caso dun pescador ao que un exemplar especialmente grande desta especie que caera nas súas redes en augas pouco profundas, cando ía a collelo coas mans, lle arrincou unha perna."[19]
Os seres humanos explotaron o peixe anxo durante séculos. Aristóteles recolleu na súa obra zoolóxica datos como o feito de que dera a luz a crías vivas, e recoñeceu correctamente que se trataba dun tiburón, a pesar do seu parecido coas raias.[20][21] Outros autores da Grecia Antiga describen a carne dol peixe anxo como "lixeira" e "facilmente dixeríbel", e Plinio o Vello escribiu na súa Naturalis Historia (77–79 a.C.) que a súa pel áspera era moi valorada polos artesáns para puír madeira e marfil.
A utilización desta especie para a alimentación humana mantívose até os tempos modernos, vendéndose fresca ou seca e salgada. Tamén se usou como fonte de aceite de fígado de tiburón e de fariña de peixe.[22]
Fontes dos séculos XIX e XX indican que o peixe anxo fora abundante por todas as partes das costas de Europa Occidental. Yarrell (1836), Día (1880-1804) e Garstang (1903) sinalan que era común en torno ás illas Británicas, e Rey (1928) rexistrou que a especie era común en toda a Península Ibérica e no Mediterráneo. Porén, desde a segunda metade do século XX en adiante, o peixe anxo foi obxecto dunha intensa presión pesqueira comercial en gran parte da súa área de distribución. Debido aos seus hábitos bentónicos, e vivindo preto da costa, é susceptíbel de capturas incidentais por arrastre de fondo, trasmallos e palangres de fondo. A baixa taxa de reprodución deste tiburón limita a súa capacidade para soportar o esgotamento da poboación.[7]
O número de peixes anxo diminuíu notabelmente na maior parte do seu hábitat. Crese que está extinguido no mar do Norte e na maior parte do norte do mar Mediterráneo, converténdose en moi pouco frecuente noutros lugares. Datos de pesca recompilados polo Grupo de Traballo de Elasmobranquios (GTPE) mostran que non se capturaron peixes anxo no Atlántico nordeste desde 1998. Pero subpoboacións saudábeis aínda persisten en zonas do norte de África e ao redor das illas Canarias.[7][23]
Como resultado destes abruptos descensos da poboación e a ameaza constante da pesca, a UICN avaliou o peixe anxo como "especie en perigo crítico de extinción". A especie está protexida dentro de tres reservas mariñas nas illas Baleares, aínda que non existen informes sobre a súa situación na zona desde mediados da década de 1990.[7] En 2008, o peixe anxo tamén recibiu protección legal completa ante as actividades humanas nas augas fronte a Inglaterra e Gales, desde a costa até unha distancia de 11 km.[24][25] Un programa de cría en catividade iniciouse en Deep Sea World, en North Queensferry, cos primeiros exemplares nacidos vivos en 2011.[26]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.