A dos pleuronectiformes (Pleuronectiformes), coñecidos popularmente como peixes planos, é unha orde de peixes teleósteos, caracteriasos por ter o corpo comprimido lateralmente e que, por viviren acostados sobre un dos seus lados nos fondos areosos, sofren unha modificación que consiste na migración dun ollo ao outro lado, de tal modo que presentan un lado cego, non pigmentado, que é o que se pousa no fondo, e outro cos dous ollos, pigmentado, que é o que aparece como superior (aínda que realmente sexa un dos costados do peixe).[2]
Pleuronectiformes Peixes planos Rango fósil: paleoceno - actualidade[1] | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Rodaballo (Scophthalmus maximus) | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Subordes e Familias | |||||||||||||||||
|
Esta asimetría bilateral (son os únicos vertebrados coa simetría bilateral alterada) só aparece nos exemplares adultos, xa que cando nacen presentan a morfoloxía típica de calquera peixe, cun ollo a cada lado e natación vertical.
Segundo as familias, o lado pigmentado pode ser o dereito, coma no linguado ou a acedía, ou o esquerdo, coma no rodaballo ou a solla.
Para sabermos cal é o lado dereito ou o esquerdo dun peixe hai que colocalo sobre unha superficie co lado pigmentado cara a arriba e de forma que vexamos os ollos por riba da boca: se o peixe queda mirando á esquerda (coa cabeza á esquerda do observador e a cola á dereita) será un peixe esquerdo; se queda mirando á dereita, será un peixe dereito.
O nome procede dos termos do grego antigo πλευρά pleurá, "costado", "lado", "flanco" e νηκτόν nēktón "acto de nadar", "natación", derivado do verbo νήχειν nḗchein, "nadar", pola forma característica de nadar de lado, aos que se lle engade o sufixo latino -iformes, "en forma de", propio nos nomes das ordes de peixes (e das de aves).
Aparecen por primeira vez no rexistro fósil no paleoceno, hai uns 65 millóns de anos, durante o paleóxeno ou terciario temperán.[1]
A orde comprende moitas especies de grande interese pesqueiro, amplamente consumidos como alimento, entre outros os linguados, o rodaballo, as sollas, os rapantes e os fletáns.
Características
A cara superior é pigmentada, con cores máis ou menos escuras, que adoitan corrresponderse ás características do fondo no que viven, para camuflarse no medio. Hainos cunha coloración uniforme e outros presentan manchas irregulares ou ben definidas, que serven para a identificación da especie.
A cara inferior é branca ou de cor cremosa, habendo especies, coma o rapante, nas que é case traslúcida.
A forma adoita ser romboidal ou linguiforme, aínda que os hai practicamente circulares (coma o rodaballo).
As aletas dorsal e anal son únicas pero esténdense a todo o longo dos bordos superior e inferior, respectivamente, cunha base de implantación ampla.
Case sempre carecen de vexiga natatoria, canda adultos. As escamas son ctenoides ou cicloides,[3] e hai especies, coma o rodaballo, que carece de escamas e presenta sobre a pel uns dentículos óseos característicos.
Hábitat e distribución
Os pleuronectiformes están presentes en todas as latitudes do mundo, e viven sempre sobre fondos areosos ou de limo. Pasan case todo o tempo semisoterrados no fondo, ao axexo das súas presas, realizando cada pouco pequenos desprazamentos. Os ollos poden sobresaír sobre a superficie da pel, o que lles permite ver cando están baixo a area.
Son carnívoros e predan sobre invertebrados e sobre outros peixes.
Practicamente todas as especies son mariñas, aínda que as hai algunha de auga doce e outras que penetran ocasionalmente en rías e ríos.
Clasificación
A orde divídese en dúas subordes moi desiguais que comprenden once familias, cunhas 600 especies:[4]
- Suborde Pleuronectoidei (ou Soleoidei)
- Familia Achiridae
- Familia Achiropsettidae - linguados austrais
- Familia Bothidae
- Familia Citharidae
- Familia Cynoglossidae
- Familia Paralichthyidae
- Familia Pleuronectidae - sollas
- Familia Samaridae
- Familia Scophthalmidae – rodaballos, curuxos e outros
- Familia Soleidae – linguados verdadeiros
- Suborde Psettodoidei
- Familia Psettodidae
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.