Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Renacemento hispánico, ou Renacemento español, son expresións empregadas para designar o desenvolvemento que tivo en España o movemento artístico, filosófico e científico orixinado en Italia no século XIV (o Quattrocento), e que posteriormente se estendeu ao resto da Europa Occidental, coñecido como o Renacemento.
A introdución das formas artísticas do Renacemento na Península Ibérica fíxose a finais do século XV, e non se desenvolvería ata ben entrado o século XVI.
Os diferentes estados peninsulares que hoxe coñecemos como España (e tamén Portugal), no século XV, herdarían a influencia de Castela na política europea e os contactos comerciais no Mediterráneo da coroa de Aragón. Isto fixo que nos estados gobernados polos Reis Católicos se introducisen as máis modernas correntes artísticas e filosóficas que se estaban a xerar en Italia.
Comunmente acéptase a data de 1492 como inicio da influencia do Renacemento italiano en España. Este novo enfoque nas artes plásticas, na literatura e na ciencia, inspirado na antigüidade clásica e en especial na tradición grecolatina, recibe o impulso transcendental neste ano por varios acontecementos históricos sucesivos:
O inicio do Renacemento en España lígase intimamente ao devir histórico-político da monarquía dos Reis Católicos. As súas figuras son as primeiras en saír das propostas medievais que fixaban un esquema feudal de monarca débil sobre nobreza poderosa e dada ás rebelións.
Os Reis Católicos unen as forzas do incipiente estado e alíanse coas principais familias da nobreza para manter o seu poder. Unha destas familias, os Mendoza, utiliza o novo estilo como distinción do seu clan e, por extensión, da protección da monarquía.
Pouco a pouco, a estética novidosa introdúcese no resto da corte e no clero, mesturándose con estilos puramente ibéricos, como a arte nazarí do agónico reino de Granada, o gótico exaltado e persoal da raíña castelá, e as tendencias flamengas na pintura oficial da corte e a Igrexa.
A asimilación de elementos deu lugar a unha persoal interpretación do Renacemento ortodoxo, que se deu en chamar plateresco.
Así mesmo, impórtanse artistas de Italia, envíanse aprendices aos talleres italianos, tráense deseños, plantas arquitectónicas, libros e gravados, cadros etc., dos que se copian personaxes, temas e composicións.
1. Estilo isabelino. O gótico isabelino, tamén chamado estilo Reis Católicos, estilo Isabel ou estilo isabelino, é un estilo propio da Coroa de Castela durante o reinado dos Reis Católicos, que representa a transición entre o gótico final (ou gótico flamíxero) e o Renacemento inicial, con características orixinais e influencias da arte islámica e da mudéxar, de Flandres e, en menor medida, de Italia.
A consideración ou non do isabelino como un estilo gótico ou renacentista, como un estilo ecléctico, ou como unha fase dentro do máis xenérico plateresco, é unha cuestión debatida pola historiografía da arte e aínda non resolta.[1]
O estilo isabelino introduce varios elementos decorativos, máis que estruturais, da tradición castelá e algúns ornamentos de influencia islámica e outros procedentes de Flandres, tipicamente as formas flamíxeras. Moitos dos edificios que se construíron neste estilo foron encargas dos Reis Católicos ou ben estiveron dalgún modo patrocinados por eles. Paralelamente desenvólvese en Portugal unha arte moi similar denominada manuelina. Como característica máis evidente está o predominio dos motivos heráldicos e epigráficos; especialmente os símbolos do zume e as frechas e a granada, que fan referencia aos monarcas. Tamén é característica deste período a ornamentación con bólas.
As referencias á antigüidade clásica en España apenas son algo máis que literarias, ao contrario que en Italia, onde a presenza de edificios romanos era moito máis abundante e o gótico recibírase dunha forma moi adaptada ao gusto clasicista local. Até a década de 1530 non terminou de impoñerse o romano ao moderno na arquitectura española. O uso destes termos referíase, na intención dos que os usaban, a cousas diferentes ao que hoxe podería pensarse: o romano era o estilo do renacemento italianizante, clasicista ou purista; mentres que o moderno era para eles o gótico final e o plateresco.[2]
Independentemente das características ambientais dos interiores, o gótico proporciona uns sistemas estruturais de probada eficacia. E precisamente o estilo gótico sufrira na península unha serie de modificacións debidas á tradición local: ventás moito máis pequenas das coñecidas no sistema construtivo e pendentes de cuberta moito menos pronunciadas, e tamén cubertas planas, o que fixo un estilo realmente orixinal, pero que aproveitaba eficientemente o sistema construtivo gótico. Por outro lado, moi probabelmente os arquitectos españois habituados ao gótico, consideraran con certo desprezo os tirantes metálicos vistos, que os arquitectos italianos se vían obrigados a poñer nos arcos para resistir os pulos horizontais, cando no sistema construtivo "gótico" non eran necesarios ou había outros métodos que evitaban a "trampa".
A partir da herdanza gótica comeza a xestarse un estilo propio no que se inclúen elementos máis modernos. Quizais o exemplo máis representativo deste estilo sexa o Mosteiro de San Xoán dos Reis de Toledo, en que a idea gótica está máis no sistema construtivo que na concepción do espazo interior, a relación faise máis distante co gótico orixinal francés.
Por iso na península, cuxa tradición de arquitectura clásica está temporalmente moi afastada (tras séculos de construción gótica), prefírese, por tradición propia, por racionalidade construtiva, o sistema gótico, que no tempo vai evolucionando na decoración dos edificios -correspondendo coa riqueza xeral do país no momento- cara a un recargamento, o que se deu en chamar plateresco, mentres que se manteñen intactos varios elementos do gótico, especialmente o modo de levar as cargas das bóvedas aos piares (non aos muros, como no románico), apuntalándoos cos arcobotantes, cos seus capiteis e, moitas veces, os arcos apuntados.
2. Estilo Cisneros. O estilo Cisneros ou estilo cisneriano (tamén denominado arquitectura cisneriana, Renacemento cisneriano ou gótico cisneriano) foi unha modalidade decorativa do gótico final e o primeiro Renacemento españois, situado temporalmente entre finais do século XV e comezos do XVI, e espacialmente no centro peninsular, especialmente en Toledo, vinculado á figura de Francisco Jiménez de Cisneros (o cardeal Cisneros) e, en moitos trazos, similar ao plateresco.
Esencialmente o Cisneros é un estilo arquitectónico diferenciábel do estilo isabelino e do estilo plateresco, recoñecíbel polas súas características decorativas que unen formas renacentistas con mudéxares.
Desenvolveuse principalmente no programa arquitectónico da arquidiocese de Toledo na época do cardeal Cisneros, baixo a dirección do arquitecto Pedro de Gumiel.
As obras máis importantes que cabe destacar son, na catedral de Toledo, a sala capitular (1504-1512, con traza de Gumiel e Enrique Egas, e artesoados de Diego López e Francisco de Lara) [4]; e en Alcalá de Henares a Igrexa Maxistral [5] e o paraninfo e a capela do Colexio Maior de San Ildefonso da Universidade (1499-1516, con traza de Gumiel).[6]
3. Plateresco. O desenvolvemento do Renacemento produciuse principalmente por arquitectos locais. Desta maneira, creouse unha corrente puramente española do estilo, que se viu influída pola arquitectura do sur de Italia (dominios da Coroa de Aragón nesa época). Este estilo español chamado plateresco, combinaba as novas ideas italianas coa tradición gótica española, así como coa idiosincrasia local. O nome provén das extremadamente decoradas fachadas destes edificios, que se asimilaban ao intricado e detallista traballo dos prateiros.
O Plateresco, tamén chamado gótico plateresco, protorrenacemento, estilo Isabel, estilo Reis Católicos (estes dous últimos en referencia á súa primeira fase) e estilo Príncipe Filipe (referido á súa fase renacentista), foi unha corrente artística, especialmente arquitectónica, tradicionalmente considerada como exclusiva de España e os seus territorios, que apareceu entre o último gótico e o Renacemento, a finais do século XV, estendéndose durante os dous séculos seguintes.
Resulta dunha modificación do espazo gótico e dunha fusión ecléctica de compoñentes decorativos mudéxares, do gótico flamíxero e lombardos, así como primeirizos elementos renacentistas de orixe toscana.[7] Exemplos típicos son a inclusión de escudos e pináculos, as fachadas divididas en tres corpos (mentres que as renacentistas están divididas en dous) e as columnas de tradición renacentista.
Chegou á súa máxima expresión durante o reinado de Carlos I,[8] especialmente en Salamanca, aínda que tamén floreceu notabelmente noutras cidades da Península Ibérica como León e Burgos, e no territorio da Nova España (o que hoxe é México).[9][10] Considerado unhas veces como unha corrente renacentista e outras como un estilo propio, recibe ás veces os nomes de Protorrenacemento [11][12] e Primeiro Renacemento polos que non o consideran como un estilo en si mesmo.[13]
O estilo caracterízase por unha decoración prolífica que cobre as fachadas con elementos vexetais, candeeiros, festóns, criaturas fantásticas e todo tipo de figuracións.[9] A configuración espacial, porén, seguía máis claramente un referente gótico. Esta fixación por partes concretas, sen modificacións estruturais respecto do gótico e apenas espaciais, fan que se clasifique moitas veces como variante e non como estilo.[14]
Na Nova España o plateresco adquiriu unha configuración propia, aferrado fortemente á súa herdanza mudéxar e mesturándose con influencias indíxenas.[9] Tamén pode falarse dun estilo plateresco nas primeiras décadas do século XVI no sur de Francia e en Portugal.[14]
Nestes anos sobresaen os arquitectos Enrique Egas e Juan de Álava.
Co paso das décadas, a influencia do gótico foi desaparecendo, chegándose a alcanzar un estilo máis depurado e ortodoxo, desde o punto de vista do Renacemento.
O purismo caracterízase por unha maior austeridade decorativa, que se limita a algúns elementos concretos, xeralmente de inspiración clásica. Hai un certo cansazo da exuberancia decorativa a metade do século XVI e impóñense os edificios de aspecto máis sereno, harmónico e equilibrado. Algúns arquitectos conseguen reciclar a súa produción tardo-gótica para iniciarse neste novo estilo. Tal é o caso, por exemplo, de Alonso de Covarrubias, Rodrigo Gil de Hontañón e Pedro de Ibarra.
O centro da produción renacentista localizouse en Andalucía con Diego de Siloé (fachada da Catedral de Granada e a Sacra Capela do Salvador de Úbeda); Pedro Machuca (Palacio de Carlos V en Granada), o arquitecto máis decididamente clásico; Andrés de Vandelvira (Catedrais de Xaén e de Baeza) e Diego de Riaño (Casa do Concello de Sevilla).
A metade do século XVI, a iniciación do Mosteiro de San Lourenzo de El Escorial como símbolo do poder de Filipe II de España por Juan Bautista de Toledo (falecido en 1567) e Juan de Herrera supuxo a aparición dun novo estilo, que se caracteriza polo predominio dos elementos construtivos, a ausencia decorativa, as liñas rectas e os volumes cúbicos. Significa ademais a introdución dos postulados manieristas provenientes de Italia.
Este estilo, bautizado posteriormente como estilo herreriano en honor da figura indiscutíbel de Juan de Herrera, dominou a arquitectura española durante case un século, e entre os seus seguidores encóntranse figuras tan relevantes como Francisco de Mora, Juan Gómez de Mora ou o portugués Juan Gómez de Trasmonte, establecido en México, onde chegou a ser mestre maior da súa catedral, xa no século XVII.
En todos os casos, os conceptos da arquitectura e o urbanismo de España no Renacemento leváronse ás colonias de América, onde encontraron un campo fértil para a súa difusión dada a urbanización extensiva que se deu ao longo de tres séculos e que recibiu, tamén, estilos posteriores como o barroco e o neoclásico.
Construída contra 1529 en Salamanca, é do tipo fachada-retablo, de autor anónimo. Utiliza elementos italianizantes como amoriños, grutescos e tondos (o central, coa imaxe dos Reis Católicos). Considérase o exemplo máis acabado do plateresco español, pola exquisita calidade da talla e a súa exhaustiva minuciosidade.
Este palacio é a mostra do máis puro estilo renacentista. Sorprende polo xogo das dúas formas xeométricas ideais da arquitectura renacentista: o cadrado (a planta) e o círculo (o patio interior) nos que se alternan as ordes clásicas.
Enorme conxunto arquitectónico, palacio, panteón, igrexa e mosteiro de 206 metros de fachada e 161 de fondo, culminación do Renacemento español. Edificado entre 1563 e 1584. Coa súa marcada simetría clasicista e a súa austera fachada, o seu estilo coñécese tamén como escurialense ou herreriano.
Unha das tres portas que quedan en pé, dun total das cinco que formaban parte do antigo recinto amurallado da cidade de Viveiro. Edificación de estilo plateresco, considerada desde o ano 1942 como un Ben de Interese Cultural dentro do catálogo de Monumentos del patrimonio histórico de España.[15] A súa construción comezou no ano 1548, substituíndo a outra anterior, e realizouse en honor do emperador Carlos I de España e V de Alemaña, que concedera unha real cédula á vila de Viveiro para eximila do pago de impostos durante un período de tres anos, despois de sufrir un grave incendio en setembro de 1540.
Esta igrexa-panteón, símbolo de Úbeda (Xaén), está situada na praza Vázquez de Molina da cidade. O Salvador é a empresa máis ambiciosa de toda a arquitectura relixiosa privada do Renacemento español. Foi declarada monumento histórico-artístico en 1931.
O rei Carlos I estaba predisposto á nova arte, paradoxalmente chamada á maneira antiga, posto que remite á antigüidade clásica. O seu patrocinio directo logrou algunhas das máis belas obras do especial e único estilo renacentista español, grazas ao mecenado sobre Alonso de Covarrubias, ou ás súas encargas a Tiziano, que nunca accedeu a trasladarse a España. Pintores de gran calidade foron, lonxe do núcleo cortesán, Pedro Berruguete, Juan de Juanes, Paolo de San Leocadio -de quen destaca a delicada Virxe do Cabaleiro de Montesa-, Yáñez de la Almedina e Fernando de los Llanos.
A pintura do Renacemento español faise normalmente ao óleo. Realiza interiores perfectamente suxeitos ás regras da perspectiva, sen amoreamento dos personaxes. As figuras son todas do mesmo tamaño e anatomicamente correctas.
As cores e os sombreados adminístranse en gamas tonais, segundo as ensinanzas italianas. Para acentuar o estilo italiano é frecuente, ademais, engadir elementos directamente copiados de alí, como os adornos a candelieri (fitas de vexetais e cupidiños que rodean os marcos), ou ruínas romanas nas paisaxes, incluso en escenas da vida de Cristo.
Os temas relixiosos ocuparon a maior parte da súa pintura. Neste extraordinario cadro contrapóñense a composición clasicista e os trazos manieristas e esa estraña espiritualización dos personaxes cuxas figuras se alongan.
O tema representado é moi antigo, dentro da iconografía cristiá: a Virxe María aleitando o neno Xesús. Non obstante, no caso desta obra, non se ve directamente o peito, senón que a nai e o fillo míranse nunha das imaxes máis intimistas do século XVI. O propósito é claramente relixioso, exaltando o sentimento de amor materno.
No século XVI (o Cinquecento italiano), apareceron as primeiras demostracións da escultura renacentista en España, como consecuencia das relacións políticas e militares con Italia e baixo o mecenado e tutela dos reis e da nobreza.
Fíxose presente a través de tres vías distintas: escultores italianos chamados polos mecenas e que realizaron as súas obras en España; obras importadas, procedentes dos talleres italianos, e primeira xeración de artistas españois.
No primeiro grupo encóntranse os escultores Domenico Fancelli, Pietro Torrigiano e Jacopo Florentino, chamado o Indaco. Entre as obras encargadas a Italia sirvan como exemplo o San Xoán do taller de Michelangelo para a cidade de Úbeda, e uns poucos relevos do taller da familia Della Robbia.
En canto aos artistas escultores españois, a primeira xeración estivo composta por Vasco de la Zarza (trascoro da catedral de Ávila), Filipe Vigarny (retablo maior da catedral de Toledo), Bartolomé Ordóñez (cadeirado do coro da catedral de Barcelona) e Diego de Siloé (sepulcro de don Alonso Fonseca na Igrexa das Úrsulas do Convento da Anunciación de Salamanca).
A partir do segundo terzo do século XVI xurdiron en distintas rexións escultores que chegaron a ser os grandes mestres do Renacemento español. Aínda que seguiron as normas italianas, souberon darlle ás súas obras un carácter puramente español, creando escola nas distintas rexións do ámbito nacional.
O material utilizado foi o mármore e o bronce pero, sobre todo, a madeira policromada e estufada. Dos talleres dos grandes mestres saíron gran cantidade de retablos, cadeirados de coro, imaxes e escultura funeraria.[16]
No terceiro terzo cambiou por completo o gusto renacentista español, que se inclinou cara ao clasicismo, representado sobre todo pola figura do arquitecto Juan de Herrera.
Nesta etapa traballaron os escultores Pompeyo Leoni e Juan Bautista Monegro (estatuas dos reis de Xudá no Patio dos Reis do Mosteiro do Escorial).
Desde o principio do período renacentista a influencia da Igrexa fixo que o tema da nudez na arte, que se impuxera en Italia, non tivese éxito en España, onde a escultura se dirixiu principalmente cara a temas funerarios ou relixiosos. A temática era na súa maior parte relixiosa, herdeira da imaxinaría gótica pero cunha maior expresión e coñecemento anatómico do corpo humano.[16]
Coa evolución da doutrina da igrexa, apareceu a Reforma e a Contrarreforma, onde xurdiron novas devocións e concepcións teolóxicas; a iconografía das imaxes ía cambiando e, máis tarde, o Concilio de Trento (1545-1563) preconizou unha imaxinaría con trazos individuais e vestiduras realistas e pedíuselle aos escultores a creación de imaxes relixiosas comprensíbeis, para que o pobo se conmovese ante a súa visión. Así xurdiron no Renacemento grandes grupos escultóricos; entre outros, o motivo do Enterramento Cristo, que realizaron con gran mestría Juan de Juni en 1541, Martín Díez de Liatzasolo entre 1539 e 1544 e Andreu Ramírez en 1580.[17]
No século XVI tíñase unha grande admiración polos retablos anteriores pertencentes ao estilo gótico ou hispano-flamengo. Pero, dado o cambio de mentalidade e a imposición das novas modas renacentistas, os retablos de nova factura fixéronse xa con esta tendencia e moitos vellos retablos góticos foron substituídos polos renacentistas. O retablo fíxose imprescindíbel e adquiriu tal importancia que as catedrais, igrexas conventuais, igrexas parroquiais e capelas particulares poboáronse con estas obras artísticas, algunhas de dimensións extraordinarias.
No Renacemento preferíronse os retablos escultóricos fronte aos pictóricos do período anterior, aínda que en bastantes ocasións conxugáronse ambas as artes. Pintura e escultura necesitaban un soporte arquitectónico, que foron os ensamblados tallados ao novo estilo, nos que traballaron unha serie de escultores-entalladores dando forma ao resultado final da obra. Estes artistas foron verdadeiros profesionais que coñecían moi ben o seu oficio e as novas tendencias e que, en moitos casos, quedaron na sombra ante a intervención dos grandes xenios.
Na primeira metade do século XVI, os retablos adaptáronse ás formas renacentistas do momento, con adornos de grutescos e moita e variada ornamentación. A partir de 1558, e co exemplo do Retablo maior da catedral de Astorga, realizado por Gaspar Becerra, deuse un cambio total cara ao romanismo. A arquitectura cambiou considerabelmente cunha estrutura moito máis clara, unha superposición de ordes clásicas e unha limpeza na decoración.[18]
Os tríglifos, as métopas, as cartelas, os atlantes, os nenos recostados e os modillóns substituíron a profusión de grutescos da etapa anterior e as columnas clásicas de fuste estriado substituíron as abalaustradas, aínda que en moitos casos se deu unha supervivencia de ornamentación no terzo baixo destas novas columnas, a petición dos clientes, pero o novo modelo de ornato xa non é o grutesco senón o rameado (debuxo que representa ramas ou ramos vexetais).
Os retablos enchéronse ademais de frontóns curvos e triangulares, demostrando o máis puro clasicismo. É importante destacar tamén a gran relevancia que cobrou nesta segunda metade do século (e como consecuencia do Concilio de Trento) o espazo destinado ao Sagrario. Chegou a ser un corpo moi especial dentro do conxunto do retablo, até o punto de que nos máis dos casos se construíu á parte e mesmo foi o primeiro en realizarse e policromarse.
Na disposición do retablo dáse sempre unha distribución de banco, rúas e corpos. Pero dentro desta división hai toda unha gama de tipoloxías e de adaptacións dos espazos interiores. Tamén depende do tamaño que se lle queira dar.
O primeiro espazo ocúpase en ocasións co chamado sotabanco, que é un basamento de apoio sobre o que se constrúe todo o demais. Ese basamento pode levar talla, ou pintura, ou nada. Sobre o basamento colócase o banco (ou predela), tamén en horizontal, dunha altura bastante menor cá do resto dos corpos. O banco ou predela vai tallado e dividido en seccións, ou ben adornado con táboas pictóricas.
Sobre o banco, as divisións horizontais chámanse corpos, e as divisións verticais, rúas. Esta distribución adoita separarse con axuda de frisos e columnas ou columniñas, deixando espazos especialmente preparados para recibir as esculturas. O número de corpos é variábel e o de rúas tamén. Sobre o último corpo colócase xeralmente o ático, sempre ou case sempre ocupado por un Calvario. O ático é un coroamento de menor largo horizontal que o resto do retablo.
As rúas ou divisións verticais están destinadas polo xeral a recibir ciclos temáticos da Historia Sagrada. Ás veces entre estas divisións pode haber outras máis estreitas, nas que era costume colocar esculturas de vulto redondo representando a padres da Igrexa, evanxelistas, apóstolos ou patriarcas.
Ao longo do primeiro terzo do século XVI foron introducíndose en España as formas renacentistas con obras italianas importadas ou feitas por autores italianos residentes en España. Pouco a pouco foron aparecendo escultores españois que beberan nas fontes do Renacemento italiano. A introdución de tipoloxías renacentistas italianas, a pesar de que foron de diversa índole, como medallóns, retratos, incluso patios coas súas columnas e portadas de palacios, o motivo que máis se importou foi o dos sepulcros.[19]
Entre 1493 e 1504 realizouse o sepulcro do cardeal Pedro González de Mendoza para a catedral de Toledo, cunha estrutura de arco de triunfo de tipo romano. A súa autoría é descoñecida, como tamén se dubida de se foi importado ou realizado por un escultor italiano in situ.
O taller Gazzini e Aprile de Xénova exportou grandes mármores labrados para a nobreza española. Os sepulcros de Pedro Enríquez e Catalina de Ribera para a Cartuxa de Sevilla (1520), con motivos lombardos, presenta unhas escenas con alusión á Redención e outras coas boas obras realizadas en vida polos defuntos. É un monumento acaroado con arco triunfal e con clara inspiración na tumba do papa Paulo II do Vaticano. Tamén de talleres xenoveses son os sepulcros de Baltasar del Río, bispo de Scala (Salerno), que se encontra na catedral de Sevilla e, no convento de San Francisco desta cidade, o dos marqueses de Ayamonte, no que se presenta aos marqueses como estatuas orantes.[20]
Os sepulcros procedentes de Nápoles teñen en común o feito de que os personaxes tiveran cargos políticos nesa cidade. Unha das primeiras encargas foi o construído contra 1508 para o sepulcro de Xoán II de Ribagorza situado no mosteiro de Montserrat e que representa o falecido en actitude orante; baixo a urna hai dous atlantes mostrando o seu escudo de armas.
Realizado en 1525 polo escultor Giovanni da Nola, importouse a Bellpuig, en Lleida, o sepulcro de Ramón Folc de Cardona-Anglesola, que fora vicerrei de Nápoles. Mostra unha estrutura de arco triunfal onde se encontra a urna co vicerrei vestido de guerreiro e na base hai relevos das súas fazañas militares. Uns medallóns representan a Gloria e a Fama; hai outras figuras en ambos os lados, da Piedade e a Paz. Remátase no ático cunha imaxe da Virxe con Neno.[21]
Entre os artistas chegados de Italia neste período, aos que xa se lles encargara algunha obra e que demostraran ser escultores de primeira fila, e que nunca máis saíron da Península Ibérica, destacan os florentinos Domenico Fancelli, Pietro Torrigiano e Jacopo Florentino, alcumado por Vasari o Indaco.
Fancelli fixo o seu primeiro contrato para esculpir o sepulcro de Diego Hurtado de Mendoza y Quiñones, cardeal de España e arcebispo de Sevilla, que morrera en 1502. Encóntrase na capela da Antiga, da catedral de Sevilla. Alí foron trasladados os restos do cardeal o ano 1504. No centro do zócolo está escrito un epitafio co resumo da súa vida. En fornelos encóntranse as esculturas de San Pedro, San Xoán, Santo Isidoro, San Paulo, Santiago e Santo André. Sobre o sepulcro está a estatua xacente.
A pesar de que o cabido de Sevilla pretendeu que quedase na cidade, Fancelli partiu para Granada en xullo de 1511. A Corte encargoulle a realización do sepulcro do príncipe Xoán (primoxénito dos Reis Católicos) que estaba enterrado en Ávila. Desde Granada marchou a Carrara onde mercou 25 carretadas de mármore para a nova obra, que terminou a finais do ano 1513. O sepulcro está situado baixo o altar maior da igrexa de San Tomé de Ávila, en lugar preferente. As paredes son en talude, en tronco piramidal, como a tumba do papa Sisto IV. Sobre o leito desa pirámide truncada está a estatua xacente. Aos pés hai un epitafio no que se describe de forma resumida a vida e calidades do príncipe, falecido aos 19 anos, en 1497.
Despois do éxito desta obra, Fancelli recibiu o encargo máis importante da súa vida: o sepulcro dos Reis Católicos para a Capela Real de Granada. Para a súa realización, o artista viaxou outra vez a Carrara, labrando alí os mármores, empregando na empresa varios anos. En 1517 regresou a Granada onde traballou varios meses en retocar e rematar o sepulcro.
Entre os primeiros escultores españois do Renacemento temperán destaca Vasco de la Zarza, que foi, sobre todo, un decorador, moi influído polas formas ornamentais do Quattrocento dos mestres escultores da Cartuxa de Pavia. Traballou con Alonso Berruguete no retablo do mosteir
o da Mejorada de Olmedo (Valladolid). As súas obras máis famosas son:
Diego de Siloé é un escultor que se inclúe no grupo de transición entre o Renacemento do primeiro terzo e o pleno Renacemento español do segundo terzo do século XVI. Foi o protagonista e gran mestre do Renacemento burgalés e granadino.
Traballou amplamente na catedral de Burgos, na capela dos Condestábeis, xunto con Filipe Vigarny, nos retablos laterais, onde esculpiu un Cristo morto e un San Xerome penitente de perfecta anatomía. Nesta mesma capela traballou no retablo central en 1524, nos relevos da Presentación, Neno Xesús, Virxe, San Xosé e a escrava coa pomba, Natividade e Visitación. Tamén decorou a monumental Escaleira Dourada, ocupándose ademais doutras moitas imaxes repartidas por todo o edificio, e dalgún outro sepulcro, como o do bispo Luis de Acuña en 1519, para a Capela de Santa Ana, tamén na catedral de Burgos.
Á parte do xa dito en arquitectura, a escultura do Renacemento en Galicia deuse principalmente na realización de retablos. Pero moi poucos deles chegaron até hoxe; en primeiro lugar, porque despois das reformas litúrxicas moitos foron desmontados, levando as esculturas a outros lugares e, en segundo lugar, porque o estilo barroco entrou con moita forza en Galicia e case todos os retablos se cambiaron. Grazas a que as súas imaxes non se destruíron, senón que se acurruncharon noutros lugares, puideron chegar aos nosos días.
O período de escultura renacentista comezou desde o primeiro cuarto do século XVI, pero os retablos que mellor se conservan e que poden estudarse datan desde 1590 a 1605.[23]
O mestre Cornielles de Holanda [24] achegou nas súas obras renacentistas influencias nórdicas. Traballou desde finais do gótico, estilo que non chegou a esquecer nunca. Executou o gran retablo da catedral de Ourense, terminado en 1520, e o da catedral de Lugo, en 1534.[25]
Como grande exemplo do Renacemento en Galicia pódense citar as estatuas da fachada da igrexa do Mosteiro de San Martiño Pinario, do escultor portugués Mateo López.[26]
A fachada, comezada en 1598 e rematada en 1645, de gustos platerescos, ten estrutura de retablo dividido en tres plantas construídas en ordes corintia e composta e mostra as figuras da Virxe co Neno e varios santos abades da orde beneditina.
O Padre Eterno preside o frontón triangular.
San Martiño de Tours culmina o conxunto no alto do mesmo coa súa representación máis clásica: a cabalo e partindo a súa capa para abrigar a un mendigo.
No período romanista houbo unha grande actividade. En Ourense traballou a partir de 1587 Juan de Angés o Mozo, escultor leonés residente en Galicia e seguidor de Juan de Juni, seguido por Gregorio Español que fixo un bo traballo no retablo maior da igrexa de Santa María de Castro Caldelas (Ourense). Este período chegou até os primeiros anos do século XVII.
Os cadeirados desta época romanista xa non se caracterizan polos adornos de grutescos nin polos temas mitolóxicos. Tállase todo o santoral, pero con austeridade e elegancia. Galicia é gran protagonista neste tema, con obras magníficas como o cadeirado da catedral de Ourense, de Juan de Angers e Diego Solís (1587), ou o da catedral de Santiago de Compostela, de Juan Dávila e Gregorio Español feito en 1599 para substituír a anterior obra románica labrada en pedra polo mestre Mateu (Este cadeirado foi trasladado á tribuna alta do Mosteiro de San Martiño Pinario despois dun proceso de restauración).
Os escritores do Renacemento adoptaron como modelos que debían ser imitados os escritores da antigüidade clásica, e os grandes italianos do século XIV: Dante, Petrarca e Bocaccio. Este movemento foi influído polos humanistas que estudaron a cultura de Grecia e Roma, entre os que destacan Erasmo de Rotterdam, Antonio de Nebrija e Juan Luis Vives.
Durante a Idade Media a arte é un medio para honrar a Deus. No Renacemento o centro do mundo é o home, os poetas cantan o amor humano, a natureza, os feitos guerreiros, e tamén tratan temas filosóficos e políticos.
Os precursores da poesía moderna en España son o Marqués de Santillana e Jorge Manrique, o autor de Coplas á morte de seu pai.
Juan Boscán influído polos artistas italianos e instado por Navaggiero, introduce as novas formas, escribindo moitos poemas de gran calidade.
O seu amigo Garcilaso de la Vega é o definitivo adaptador das formas italianas, utilizando o verso hendecasílabo e os recursos típicos da poesía italiana: soneto, terceto, canción, lira, a rima interna e os versos soltos.
Unha serie de poetas seguiron os seus pasos formando a Escola Petrarquista.
Existen dúas tendencias:
Destacan:
A aparición deste xénero en España parece influída por místicos estranxeiros anteriores, como Kempis, Tauler, Ruysbroek etc. Entre os primeiros escritores ascéticos está o Beato Juan de Ávila (1500-1569)
Os máis importantes escritores ascéticos son:
No século XIV na música dominaba o estilo denominado da ars nova, que convencionalmente se inclúe na historia da música medieval, aínda que tiña moito en común cos ideais e a estética do primeiro Renacemento. Era unha música moi vinculada ao mundo urbano e moita da que sobreviviu desta época é secular, e tendía a utilizar formas fixas: a balada, o virolai, o lai, o rondó, que corresponden a estruturas formais poéticas dos mesmos nomes. Moitas destas pezas estaban compostas para dunha a tres voces, probabelmente con acompañamento instrumental. Paralelamente seguía existindo unha música monódica tanto no canto litúrxico como na música profana de danza.
O comezo do Renacemento na música, a diferenza das artes plásticas, non está ben delimitado no tempo, nin localizado en Italia, senón que apareceu cara ao noroeste de Europa, nas rexións que actualmente comprenden o norte e o centro de Francia, os Países Baixos e Bélxica, nin tampouco pretendía un verdadeiro renacemento da antigüidade clásica.
Neste período, os principais centros nobiliarios e as grandes catedrais dotáronse de capelas de música nas que se empregaron compositores, cantores e instrumentistas; cada centro procuraba, na medida das súas posibilidades, dispoñer dos mellores músicos.
A mediados do século XVI, o estilo internacional comezou a diversificarse, e apareceron unha serie de novas tendencias estilísticas, por forza diversas. Fundamentalmente cómpre destacar:
Entre os compositores máis famosos desta escola cabe citar a Andrea e Giovanni Gabrieli, e a Claudio Monteverdi, un dos innovadores máis significativos do final do período.
En España desenvolvéronse estilos instrumentais e vocais propios. Tomás Luis de Victoria compoñía música cun refinamento similar ao de Palestrina.
Diversos compositores escribiron abundante música para viola de man (viola), instrumento de cordas de forma parecida á da guitarra, de fondo plano e con seis ou sete ordes de cordas que parece que se afinaban ao unísono. Este instrumento alcanzou o seu máximo esplendor na Península Ibérica durante o século XVI, nun ambiente cortesán e nas capelas musicais de reis e nobres. Pero sería un erro pensar que o seu ámbito quedou reducido á península, tendo en conta as continuas viaxes de Carlos V e Filipe II por toda Europa. Tamén, de repasarmos os inventarios de instrumentos musicais nas cortes españolas, observaremos unha evidente presenza de laúdes, que en España eran coñecidos como violas de Flandres, o cal nos fai pensar nunha convivencia de ambos os instrumentos.
Un dos movementos máis revolucionarios da época desenvolveríase en Florencia entre os anos 1570 e 1580, baixo o impulso innovador da Camerata florentina que, ironicamente, tiña unha vontade reaccionaria. Os seus membros, descontentos coa música do momento, pretenderon restaurar a música da antiga Grecia.
Dous dos compositores máis representativos foron Vincenzo Galilei, o pai de Galileo, e Giulio Caccini. As consecuencias da súa acción foi a consolidación dun estilo de canto declamante moi melódico, coñecido como a monodia, e da correspondente forma dramática, que era escenificada, forma que posteriormente se coñecería co nome de ópera. As primeiras óperas, escritas contra 1600, tamén serven para delimitar o final do Renacemento e o comezo do barroco musical.
A exploración do Novo Mundo propiciou o desenvolvemento das ciencias e as técnicas relacionadas coa xeografía e a navegación en España que, xunto con Portugal, era a principal potencia marítima da época.
A institución máis importante que acumulaba o saber xeográfico da época en España foi a Casa de Contratación de Sevilla. Recibía e procesaba a información que traían os navegantes de América e, desde 1512, elaboraba un mapa xeral chamado Padrón Real, que reflectía os coñecementos do momento e que se actualizaba periodicamente. En 1552 creou a cátedra de Navegación e Cosmografía.
A investigación do continente americano tamén abarcou os aspectos biolóxicos e antropolóxicos. Un exemplo diso é o labor do naturalista José de Acosta, que realizou un estudo interdisciplinar da xeografía, flora, fauna e os pobos americanos (o que hoxe chamariamos bioxeografía e xeografía cultural). A súa Historia natural e moral das Indias (1590) foi traducida a varios idiomas e tivo unha ampla difusión en Europa.
A cosmografía foi unha das disciplinas científicas que máis auxe cobrou no Renacemento español. Continuando a tradición cartográfica hispánica medieval (de gran relevancia no Mediterráneo), ao principio elaborábanse portolanos, pero os recentes descubrimentos requiriron idear novos sistemas de representación, cuxo emprego se xeneralizou rapidamente en España ao tempo que se arrequecían coas achegas dos cosmógrafos que traballaban nela.
En 1500 Juan de la Cosa trazou o primeiro mapa no que figuraban as costas americanas. Un mapa español realizado na Casa de Contratación en 1522, atribuído a Nuño García Torreño (1495 - 1573), presenta un sistema de proxeccións polares equidistantes, 47 anos antes de que Gerardus Mercator dese a coñecer a proxección que leva o seu nome.
Os cosmógrafos españois tiveron que enfrontarse aos retos que propoñían a declinación magnética e a determinación exacta da lonxitude. Alonso de Santa Cruz (1505 - 1567), un dos máis notábeis, foi quen máis traballou sobre ditos problemas, e ideou un modo de trazar paralelos nunha proxección esférica.
En canto ao estudo da Península Ibérica, destaca o inacabado proxecto Descrición e corografía de España (iniciado en 1566), un dos primeiros intentos de descrición xeodésica dun país. Foi encomendado ao matemático Pedro Esquivel, quen contou coa colaboración de Pedro Juan de Lastanosa e os irmáns Diego e Filipe de Guevara.
Por encargo do rei Filipe II, Francisco Hernández de Toledo realizou a primeira expedición científica moderna para o estudo da historia natural do continente americano (1570 - 1577). Despois sa súa morte, unha selección comentada dos seus materiais recompilados circulou amplamente por Europa.
No Quattrocento, no norte de Italia e na Coroa de Aragón, iniciáronse autopsias regulamentadas en certas universidades. Con iso comezaba a reducirse a gran división que en Europa existía entón entre a medicina, como un saber teórico, e a cirurxía, como unha práctica. En 1501 a Universidade de Valencia funda a primeira cátedra de cirurxía en España, que servirá de modelo para as posteriores.
O proceso gradual que experimentaron as ciencias médicas no Renacemento europeo consistiu en substituír o vello principio do magister dixit (xeralmente referido a clásicos greolatinos como Hipócrates ou Galeno) pola experiencia.
Neste sentido, cabe destacar Anatomica methodus, seu De sectione humani corporis contemplatio (París, 1535) de Andrés Laguna, que xa comeza a basearse en observacións resultantes de diseccións de cadáveres.
Pero a gran revolución da medicina renacentista chegará a España fundamentalmente da man do seu maior artífice, o flamengo André Vesalio (1514 - 1564), que foi médico de Carlos V e Filipe II, seus señores.
As súas achegas no campo da moderna anatomía, en especial as expostas na trascendental obra De humani corporis fabrica (1543), tiveron gran repercusión.
Entre os discípulos españois de Vesalio sobresaen Pedro Jimeno, Luis Collado e Juan Valverde de Amusco, autor da Historia da composición do corpo humano (Roma, 1556).
As máis importantes universidades españolas adoptaron con prontitude o novo paradigma vesaliano e crearon cátedras de anatomía: Universidade de Valencia en 1549, Universidade de Valladolid en 1550, Universidade de Salamanca en 1551 e Universidade de Alcalá de Henares contra 1560.
Outros relevantes médicos do Renacemento español foron Miguel Servet, primeiro europeo que describiu a circulación pulmonar do sangue (1546), Francisco López de Villalobos, quen escribiu un dos primeiros libros sobre a sífilis, e Luis Mercado, autor dun difundido tratado de cirurxía (Institutiones Chirurgicae, 1594) e de De natura pestis (1598, sobre a peste).
Juan Huarte de San Juan (ca. 1529-1588) foi o autor do Exame de enxeños para as ciencias (1575), un tratado precursor da psicología diferencial que tivo moita influencia en Europa.
Enxeñeiros destacados da época foron:
Unha das innovacións máis trascendentais do Renacemento, dada a súa gran repercusión posterior en variados ámbitos do saber, foi a formulación da teoría heliocéntrica exposta en De revolutionibus orbium coelestium (1543) por Nicolao Copérnico. A recepción desta obra no mundo académico e intelectual europeo do século XVI foi predominantemente negativa, pero non así no seguinte.
A Sorbona (París) e a maioría das universidades católicas cualificárona de sacrílega, así como os principais representantes do Protestantismo, en especial Lutero e Calvino, que a condenaron moi enerxicamente alegando que contradicía as Sagradas Escrituras.[27]. Pola contra, tivo unha boa acollida na Universidade de Salamanca: nos seus Estatutos de 1561 figura como lectura opcional,[28] e nos de 1594 é xa de lectura obrigatoria. Diego de Zúñiga, que foi alumno desta universidade, converteuse nun dos poucos heliocentristas temperáns (século XVI) ao defender en In Job Commentaria (1584) a validez da nova teoría. Por iso foi mencionado explicitamente, canda a Copérnico, na condena que sobre el decretou a Igrexa católica en 1616, ao tempo que o seu Job ingresaba no Índice de libros prohibidos xunto con De revolutionibus.
(...) Tamén chegou a coñecemento desta Congregación que a doutrina pitagórica -que é falsa e por completo oposta á Sagrada Escritura- do movemento da Terra e a inmobilidade do Sol, que tamén se ensina por Nicolao Copérnico en De Revolutionibus orbium coelestium, e por Diego de Zúñiga en In Job Commentaria, está difundíndose agora no estranxeiro e sendo aceptada por moitos (...). Polo tanto, para que esta opinión non poida insinuarse en maior profundidade en prexuízo da verdade católica, a Sagrada Congregación decretou que a obra do dito Nicolao Copérnico, 'De Revolutionibus orbium', e a de Diego de Zúñiga, 'In Job', sexan suspendidas até que sexan corrixidas.Decreto da Sagrada Congregación do Index, 5 de marzo de 1616.[29]
Un dos renacentistas españois máis atraídos polas matemáticas (e as súas aplicacións noutras disciplinas científico-técnicas) foi Juan de Herrera. Sendo consciente da importancia de dispoñer de técnicos ben formados ao servizo do reino, propuxo a Filipe II a creación dunha escola dependente da Coroa para a ensinanza de diversas materias relacionadas coas matemáticas. Así naceu en 1582 a Academia Real de Matemáticas de Madrid, que duraría case dous séculos.
Porén, na práctica só se cumpriu unha parte das expectativas iniciais, ao limitarse os estudos case só á cosmografía e a navegación, e ao carecer a institución de suficientes recursos materiais e humanos para o pleno desempeño do seu labor.
Non obstante, a calidade do profesorado sempre foi notábel, así como os coñecementos impartidos, que estaban postos ao día, como o demostra o feito de que se ensinase, directa ou indirectamente, a Copérnico, Cardano, Tartaglia, Galileo e a outros autores significativos da ciencia europea do momento.
Así pois, o mérito da Academia foi basicamente divulgativo, e mostra que existía no país un interese por coñecer o desenvolvemento da matemática que se estaba dando en todo o continente ou, polo menos, polas súas posíbeis aplicacións prácticas.
Un destacado astrónomo español desta época foi Jerónimo Muñoz. Adquiriu notoriedade en Europa a raíz do informe que, a petición de Filipe II, publicou sobre a supernova de 1572, e que foi comentado por diversos astrónomos do continente, entre eles Tycho Brahe.
Domingo de Soto estableceu en Super Octo Libros Physicorurn Aristotelis (Sobre os oito libros de física de Aristóteles), de 1551, que un corpo en caída libre experimenta un movemento uniformemente acelerado.[30] Este foi un descubrimento clave en física e, segundo Pierre Duhem,[31] foi a base esencial para o posterior desenvolvemento do estudo da gravidade por Galileo e Newton.
En torno á Universidade de Salamanca xurdiu un grupo de estudosos, a chamada Escola de Salamanca, que expuso algúns antecedentes de certos aspectos do que máis tarde se chamarían as Ciencias Sociais.
Así, por exemplo, destacan, entre outros, o economista Martín de Azpilicueta, como precursor da teoría cuantitativa do diñeiro, e o xurista Francisco de Vitoria, do dereito internacional.
Bernardino de Sahagún (ca. 1499-1590) considérase por algúns autores un pioneiro da antropoloxía cultural en América, polos seus métodos de traballo empregados no estudo dos pobos de lingua náhuatl en México.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.