compositor italiano de repertorio coral do Renacemento From Wikipedia, the free encyclopedia
Giovanni Pierluigi da Palestrina, nado o 3 de febreiro de 1525[1] e finado o 2 de febreiro de 1594, foi un compositor italiano de repertorio coral do Renacemento. Foi o máis famoso representante da Escola Romana, no século XVI. Palestrina exerceu unha grande influencia no desenvolvemento da música sacra na Igrexa Católica.
Compositor prolífero, publicou moito en vida e as súas obras foron apreciadas como óperas primas da polifonía.
Giovanni Pierluigi da Palestrina naceu en Palestrina, unha localidade próxima a Roma que daquela fromaba parte dos Estados Pontificios. As súas aptitudes musicais o levaron a que de pequeno entrara a formar parte do coro da Basílica de Santa María a Maior (Santa Maria Maggiore) de Roma; estudou con Robin Mallapert, Robert de Fevin, Giaccomo Coppola e Firmin Lebel.[2] Xa novo, contra o 1544, volveu á súa Palestrina natal para exercer de organista da catedral da cidade, baixo a advocación de San Agapio, onde permaneceu ata o ano 1551.[3]
Cando o bispo de Palestrina accedeu ao trono papal co nome de Xulio III o ano 1551, nomeou o xove Pierluigi da Palestrina mestre do coro da Cappella Giulia e cantor da Capela Sistina do Vaticano, todo proporcionándolle unha gran protección e obviando a súa condición de secular casado.[2] Tres anos máis tarde, en 1554, Palestrina poblicou o seu primeiro libro de misas. Adicado a Xulio III, este foi o primeiro libro de misas dun compositor italiano do que se ten constancia.[3] Palestrina tamén gozou da protección do sucesor de Xulio III, Marcelo II, que tamén o protexera cando era cardeal. O seu curto mandato (22 días) non evitou que Palestrina o homenaxeara cunha das súas obras máis célebres, a Missa Papae Marcelli,[2] a seis voces,[4] interpretada por primeira vez en Roma o 21 de abril de 1565.[5] Do mesmo xeito, o compositor deixou de gozar do favor papal co ascenso de Paulo VI á cátedra vaticana, xa que o destituíu do seu cargo, segundo algúns porque a súa condición de casado era pouco axeitada, segundo outros, por ter escrito madrigais, que eran pezas de carácter profano; posiblemente foi por ambas as dúas razóns.
En 1555 foi nomeado sucessor de Orlando di Lasso como mestre de capela da Basílica de San Xoán de Latrán,[6] onde en 1560, segundo a tradición, escribiu as súas primeiras Lamentacións.[2] Pouco despois, en 1560, abandonou o cargo desta igrexa romana a raíz dunha discusión sobre o financiamento dos músicos,[3] e en 1561 pasou a ser o mestre de capela en Santa María a Maior de Roma, onde se formara sendo un neno. En 1563 publicou o seu primiro libro de motetes. Naqueles anos axudou o seu compañeiro e compositor Giovanni Maria Nanino a fundar unha academia de música, que co tempo conseguiu gran renome e onde se conservan as súas concepcións musicais.[5]
Palestrina sempre se mostrou insatisfeito coas reformas da liturxia dictadas polo Concilio de Trento, e que converteu en non canónicas algunhas das súas misas e outras obras temperás, salpicadas de interposisións profanas alleas ao texto oficial. Por este motivo e apoiándose na súa propia fama, Palestrina dimitiu do seu cargo para pasar, no ano 1567, ao servizo do cardeal Ippolito d'Este, que mantiña a súa propia capela.[3] Nesta época tamén se lle propuxo ser o mestre de capela na corte do emperador Maximiliano (cargo que declinou), e tamén recibiu a protección da Casa de Gonzaga en Mantua.[3] Finalmente, en 1571 volveu asumir a dirección da Cappella Giulia na Basílica de San Pedro do Vaticano,[3] onde acabou os seus días no cargo creado para el de Compositor da Capela Papal. El sucedeu neste cargo a Rogerio Giovanelli (1560-1615).
Palestrina perdeu a dous dos seus fillos, a súa muller —Lucrezia Gori, coa que casara en 1547—[2] e a tres irmáns en 1580,[7] a causa das grandes epidemias.[4] En plena crise decidiu facerse sacerdote, mais finalmente renunciou para casar coa rica viúva romana Virgínia Dormoli, coa que tivo éxito comerciando con peles.[4] Máis aliviado economicamente, puido compoñer e publicar algunhas das súas mellores obras. A pesar disto, Paulo IV non toleraba a presenza de casados nos coros vaticanos e Palestrina tivo que alonxarse do Vaticano, aínda que seguiu vinculado ás capelas de San Xoán de Latrán e Santa María a Maior.[4] En 1571 recuperou o ser cargo en San Pedro do Vaticano, onde permaneceu ata a súa morte.[4]
O seu prestixio estendíase por Europa; era moi famoso e a súa reputación aínda se incrementou máis logo da súa morte. Morreu de pleurite en 1594 e, de acordo co costume da época, foi enterrado o mesmo día da súa morte, nun ataúde liso cunha placa de chumbo que rezaba Libera me Domine. Ao funeral, multitudinario, tres coros cantaron un salmo de cinco partes.[8]
O corpus musicale palestriniano foi escrito na súa maioría en Roma para uso principalmente litúrxico, é dicir, para a misa e o oficio relixioso. Unha boa parte da súa produción tivo lugar no período do seu último cargo na basílica de San Pedro do Vaticano. O coro da capela vaticana era, naquel tempo, máis vasto que o de calquera outra igrexa (en 1594 estaba composto, en total, por 24 cantantes), mais non se adoptou ao uso de instrumentos, con excepción do órgano.
A linguaxe polifónica de Palestrina non se distanciou tanto da maneira tradicional dos mestres franco-flamengos (os nórdicos foron os seus primeiros mestres en Roma). A arte contrapuntística de Palestrina desenvolveuse, sobre todo, en dirección á intelixibilidade da palabra e a unha sonoridade ordenada de maneira que se evitase a enunciación simultánea de textos diferentes.
No que se refire ao desenvolvemento das liñas melódicas, é evidente a influencia do canto gregoriano. Neste sentido, podemos dicir que o compositor aplicaba as regras do Concilio de Trento.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.