Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A basílica papal de San Pedro (en latín: Basilica Sancti Petri, en italiano: Basilica Papale di San Pietro in Vaticano), coñecida comunmente como basílica de San Pedro, é un templo católico situado na Cidade do Vaticano. Con 193 metros de lonxitude, 44,5 metros de altura e 2,3 hectáreas de superficie, é a igrexa cristiá máis grande do mundo.[2] A altura que lle confire a súa cúpula fai que sexa unha característica dominante no horizonte de Roma. É considerada como un dos lugares máis sagrados do catolicismo. Describiuse como «ocupante dunha posición única no mundo cristián»,[3] e como «a máis grande de todas as igrexas da cristiandade».[4] É unha das catro basílicas maiores.
Basílica papal de San Pedro | |
---|---|
(segundo Inmemorial[1]) | |
Basílica de San Pedro ao solpor. | |
Datos xerais | |
País | Cidade do Vaticano |
Tipo | basílica |
Advocación | San Pedro |
Localización | Cidade do Vaticano |
Coordenadas | 41°54′08″N 12°27′12″L |
Altitude | 28 msnm |
Catalogación | Patrimonio da Humanidade xunto coa Cidade do Vaticano no ano 1984 |
Culto | |
Culto | Igrexa católica |
Diocese | Sede Papal de Roma |
Arquitectura | |
Construción | inicio:18 de abril de 1506 termo:18 de novembro de 1626 (basílica actual) |
Fundador | Papa Xulio II |
Arquitectos | Donato Bramante Antonio da Sangallo o Mozo Michelangelo Jacopo Barozzi da Vignola Giacomo della Porta Carlo Maderno Gian Lorenzo Bernini |
Estilo | Renacemento e barroco |
Superficie | 2,3 hectáreas |
Medidas | lonxitude:193 metros altura:44,5 metros |
Páxina web | Páxina web oficial |
[ editar datos en Wikidata ] |
Na tradición católica, a basílica atópase situada sobre o lugar do enterro de san Pedro, que foi un dos doce apóstolos de Xesús de Nazaret, primeiro bispo de Antioquía, primeiro bispo de Roma e, polo tanto, o primeiro dos pontífices. A tradición e as evidencias históricas e científicas sosteñen que a tumba de San Pedro está directamente debaixo do altar maior da basílica;[5] por mor disto, moitos papas foron enterrados en San Pedro desde a época paleocristiá. No sitio da actual basílica foron construídas igrexas desde o século IV. A construción do actual edificio, sobre a antiga basílica constantiniana, comezou o 18 de abril de 1506, por orde do papa Xulio II, e finalizou o 18 de novembro de 1626.[6]
Como obra arquitectónica, é considerada como o maior edificio da súa época. Malia a crenza popular, San Pedro non é unha catedral, xa que a Arquibasílica de San Xoán de Latrán é a catedral de Roma.[7]
A Basílica de San Pedro é unha das catro basílicas papais ou basílicas maiores de Roma;[8] as outras son: basílica de San Xoán de Latrán, basílica de Santa María a Maior e basílica de San Paulo Extramuros.
A Basílica de San Pedro non é nin a sé oficial do papa, nin se atopa a primeira entre as principais basílicas de Roma, pois este honor osténtao a catedral de Roma, a Basílica de San Xoán de Latrán; tampouco é a parroquia da Cidade do Vaticano, xa que hoxe en día é a Capela Paulina a que funciona como tal. Con todo, é a principal igrexa pontificia ao celebrarse nela a maioría das cerimonias papais debido ao seu tamaño, á súa proximidade á residencia papal e á súa localización dentro da Cidade do Vaticano.
A Cátedra de San Pedro ou cátedra é unha cadeira antiga que se supón foi utilizada por san Pedro, pero que en realidade foi un agasallo de Carlos II o Calvo, e utilizada por varios papas. Ocupa unha posición elevada no ábsida, nun relicario de bronce sostido polos Doutores da Igrexa, e iluminada por unha vidreira na que figura o Espírito Santo.
Logo da crucifixión de Xesús, no segundo cuarto do século I, rexístrase no libro bíblico dos Feitos dos Apóstolos que un dos seus doce discípulos, Simón Pedro, un pescador de Galilea, ocupa unha posición de liderado entre os seus seguidores, tendo grande importancia na fundación da Igrexa cristiá.
Simón Pedro, logo dun ministerio duns trinta anos, viaxou a Roma. No ano 64, durante o reinado do emperador Nerón, os cristiáns foron responsabilizados do grande incendio de Roma, polo que Pedro foi martirizado, do mesmo xeito que outros moitos cristiáns. Foi crucificado cabeza abaixo, por petición propia, porque consideraba indigno morrer da mesma xeito que o fixo Cristo[9] A crucifixión tivo lugar preto do obelisco exipcio que había nun extremo do Circo de Nerón. Este obelisco foi traído desde a cidade de Heliópole por Calígula no ano 37 d.C.[10] Hoxe en día atópase na Praza de San Pedro, e é venerado como unha «testemuña» da morte do apóstolo. É un dos varios antigos obeliscos de Roma[11]
Segundo a tradición, os restos de Pedro foron enterrados nos arredores do circo, no Outeiro Vaticano, avanzando pola Vía Cornelia, que partía do Circo, a menos de 150 m do lugar da súa morte. A tumba de Pedro estaba marcada por unha rocha de cor vermella, símbolo do seu nome, que lles servía aos cristiáns para identificala e, ao mesmo tempo, carecía de sentido para os non cristiáns, o que evitaba posibles represalias. Anos máis tarde, neste lugar construíse un santuario, que case 300 anos despois converteuse na Antiga Basílica de San Pedro.[10]
En 1939, durante o papado de Pío XII, realizouse unha investigación arqueolóxica de 10 anos de duración na cripta da basílica, que permanecía inaccesible desde o século IX. De feito, a área cuberta pola Cidade do Vaticano fora un cemiterio desde antes da construción do circo de Nerón. Ademais, alí eran enterradas as vítimas das execucións do circo, así como numerosos cristiáns que optaban por ser enterrados preto do apóstolo. As escavacións revelaron, en diferentes niveis, os restos dos santuarios que existiron nas épocas de Clemente VIII (1594), Calisto II (1123) e Gregorio I (590-604). Todas as construcións atopábanse sobre unha edícula que contiña fragmentos de ósos nun pano de papel tinguido de púrpura con adornos de ouro. Malia que non se puido determinar con certeza que os ósos foran os de Pedro, as vestimentas suxerían un enterro de grande importancia. O 23 de decembro de 1950, o papa Pío XII anunciou o descubrimento da tumba de San Pedro.[5]
A antiga basílica foi construída no lugar onde se atopaba a tumba de Pedro, non lonxe do circo de Nerón. As obras foron ordenadas polo emperador Constantino, a expensas do papa Silvestre I; comezaron entre o 326 e o 330, e finalizaron 30 anos despois. Ante o altar maior desta igrexa foron coroados moitos emperadores, como Carlomagno, a quen o papa León III impuxo a coroa imperial o día de Nadal do ano 800.[12][13]
A finais do século XV, tralo período do papado de Aviñón, debido a que a basílica paleocristiá atopábase bastante deteriorada e ameazaba con derrubarse, o Papa Nicolao V encargou a súa reconstrución a Leon Battista Alberti e a Bernardo Rosellino, que foi o encargado de deseñar os cambios máis importantes, en 1452, mais os traballos interrompéronse tan só tres anos despois á morte do Papa, cando os muros tan só alcanzaban a erguerse un metro do chan. No seu proxecto, Rossellino mantivo o corpo lonxitudinal de cinco naves cubertas con teitos abovedados e renovou o transepto coa construción dunha ábsida máis ampla a que engadiu un coro; esta nova intersección entre o cruceiro e a ábsida cubriríase cunha bóveda. Esta configuración ideada por Rossellino influíu no posterior proxecto de Bramante. É con Xulio II en 1506 cando se reinician as obras acollendo o deseño proposto por Bramante, terminándose finalmente con Paulo V en 1626, grazas ás indulxencias que se venderon para o financiamento da obra. Debido a estas "indulxencias", un monxe alemán, Martiño Lutero, escusouse de vendelas e escribiu unha carta a Albrecht de Mainz en contra destas, incluíndo tamén o seu "Cuestionamento de Martiño Lutero ao Poder e Eficacia das Indulxencias", as que logo se coñeceron como "as 95 teses", que logo se converteron nun factor do comezo da Reforma e por tanto do nacemento do Protestantismo.
Para a construción da basílica houbo dous proxectos iniciais, un realizado por Bramante e outro por Rafael, sendo o primeiro un proxecto de cruz grega e o segundo de cruz latina. Posteriormente, Michelangelo retomou o proxecto de cruz grega de Bramante, deseñando tamén a cúpula da basílica, onde está escrito "Ti es Pedro e sobre esta pedra edificarás a miña igrexa". O último arquitecto que interveu na construción foi Gian Lorenzo Bernini.
Na actualidade permítese a súa visita, incluída a cúpula, sempre tendo en conta que hai que vestir con recato. Está prohibida a entrada con tirantes e pantalóns curtos tanto a homes como a mulleres. Entre os moitos datos de interese sobre a basílica pódense destacar, por exemplo, que na nave central de mesma foi onde se reuniu o Concilio Vaticano II de 1962 a 1965, que a basílica é onde están enterrados a maioría do Papas, que na fachada se abren cinco portas, aínda que unha delas (a Porta Santa) só se abre cada 25 anos polos anos xubilares romanos ou que constitúe o maior templo da cristiandade do mundo.
O papa Xulio II propúxose continuar as obras iniciadas por Nicolao V, pero en 1505 decidiu a construción dunha nova basílica ex-novo, acorde coa nova estética renacentista.
A construción do edificio actual iniciouse o 18 de abril de 1506. O proxecto foi encargado ao arquitecto Donato d'Angelo Bramante, chegado pouco antes desde Milán, e que se gañou a confianza do papa por encima do anterior arquitecto, Giuliano da Sangallo. Ata se encargou do deseño do Patio do Belvedere. O proxecto consistía nun edificio con planta de cruz grega inscrita nun cadrado e cuberta por cinco cúpulas, a central de maior tamaño e apoiada en catro grandes alicerces, inspirándose na Basílica de San Marcos, e un claro exemplo de planta centralizada típica do Renacemento.[14] A cúpula central, inspirada na do Panteón de Agripa, situábase sobre o cruceiro, e as restantes nos ángulos. Esta idea quedou plasmada nunha medalla acuñada por Caradosso para conmemorar a colocación da primeira pedra do templo o 18 de abril de 1506. Na construción da igrexa tamén resultou importante a aplicación dos estudos teóricos de Francesco di Giorgio, Filarete e, sobre todo, de Leonardo da Vinci, para igrexas de planta centralizada, cuxos resultados están claramente inspirados na planta octogonal da Catedral de Florencia.
Os traballos iniciáronse coa demolición da basílica paleocristián, o que foi moi criticado dentro e fóra da Igrexa por personalidades como Erasmo de Rotterdam ou Michelangelo, que criticou a destrución das columnas da antiga basílica.[15] Bramante foi alcumado «mestre ruinoso», e Andrea Garner burlouse del na sátira Scimmia («Mono»), publicada en Milán en 1517, onde presenta ao arquitecto falecido ante san Pedro, que lle recrimina a demolición cando lle propón a reconstrución do ceo.[16] A estes escándalos houbo que sumarlle o da venda de indulxencias para a construción da Basílica, o que tivo un papel importante no nacemento da Reforma protestante de Martiño Lutero, que viu os traballos na súa viaxe a Roma a finais de 1510, e en base ao que escribiría As 95 teses. Con todo isto, Bramante non puido ver avanzar demasiado a obra, pois morreu en 1514, cando só se edificaron pouco máis que os catro grandes alicerces que debían soster a gran cúpula central.
Desde 1514 fíxose cargo da dirección da obra Rafael Sanzio, con frei Giovanni Giocondo e Antonio da Sangallo o Mozo, que continuou dirixindo as obras, xunto a Baldassarre Peruzzi, trala morte de Rafael en 1520. Todos eles cambiaron o plan de Bramante, optando por deseños que se inspiraban na tradicional planta basilical de cruz latina cun corpo lonxitudinal de tres naves. Sangallo presentou en 1546 un custoso modelo de madeira, na actualidade almacenado na basílica, no que sintetizaba todas as ideas xurdidas con anterioridade. Defendeu a planta centralizada ideada por Peruzzi cuberta por unha enorme cúpula maior que a planeada por Bramante, e rematada cun xigantesco dobre tambor; o conxunto quedaba flanqueando con dous altos campanarios.
A Basílica de San Pedro é un dos edificios máis grandes do mundo. Ten 218 m de longo[17] e 136 m de altura ata a cúpula; presenta unha superficie total de 23000 m². O edificio está conectado co palacio do Vaticano por un corredor ao longo do corredor á beira da Scala Regia, xunto á fachada da Praza de San Pedro, e dous corredores que o conectan coa sancristía adxacente. Estes pasos elevados foron ideados por Michelangelo, de modo que a súa presenza non interrompe o perímetro da basílica e permite a existencia de ramificacións no templo. O exterior está construído con travertino, e caracterízase polo uso do orde xigante a partir do cal establécese o ático. Esta configuración é idea de Michelangelo e mantívose no corpo lonxitudinal engadido por Carlo Maderno.
O interior da basílica aloxa 45 altares e 11 capelas que gardan obras de arte moi valiosas, entre elas algunhas da antiga basílica, como a estatua de bronce de San Pedro (núm. 89), atribuída a Arnolfo di Cambio.
Os muros exteriores da basílica, exceptuando a fachada principal, compóñense por superficies planas separadas por pilastras. O primeiro corpo presenta enormes nichos nas que se atopan esculturas de santos de gran tamaño, destinadas por Xoán Paulo II a conmemorar a santos e fundadores do noso tempo; sobre estas atópanse as grandes fiestras que iluminan o interior do templo. Sobre o entaboamento ábrense outras fiestras, de menor tamaño. Algunhas das esculturas que se atopan no exterior son as de Santa Tareixa dos Andes, obra de Juan Eduardo Fernández Cox,[18] Santa Tareixa de Xesús Jornet,[19] Santa Mariana de Xesús,[20] San Xosemaría Escrivá, obra de Romano Cosci,[21] Santa Genoveva Torres, obra de Alessandro Romano,[22] Santa Soledad Torres Acosta,[22] Santa Bríxida de Suecia, Santa Catarina de Siena, San José Manyanet y Vives,[23] San Gregorio I o Iluminador,[24] Santa María Josefa do Sagrado Corazón,[25] San Marcelino Champagnat,[26] Santa Rafaela María do Sagrado Corazón, obra de Marco Augusto Dueñas,[25] e San Marón, do mesmo autor e que ocupou en 2011 o último nicho que quedaba libre na basílica.[27]
A fachada principal da basílica ten 115 m de ancho e 46 m de altura.[28] Foi construída polo arquitecto Carlo Maderno entre 1607 e 1614. Articulase a través da utilización de columnas de orde xigante que enmarcan a entrada e o «Balcón das bendicións», lugar desde onde se anuncia aos fieis a elección do novo papa, e desde onde este imparte a bendición Urbi et orbi. Tralo balcón atópase un enorme salón, usado polo papa para algunhas audiencias e outros actos, chamado «Aula das bendicións». A continuación, atópase un altorrelevo de Ambrogio Buonvicino realizado en 1614, titulado A entrega das chaves a San Pedro. No entaboamento, situado debaixo do frontón central, atópase gravada a inscrición:
IN HONOREM PRINCIPIS APOST PAVLVS V BVRGHESIVS ROMANVS PONT MAX AN MDCXII PONT VIIEn honor do Príncipe dos Apóstolos, Paulo V Borghese Romano Pontífice Máximo ano 1612 ano sétimo do seu pontificado.
A fachada está precedida por dúas estatuas de San Pedro[29] e San Paulo,[30] talladas en 1847 por Giuseppe De Fabris e Adamo Tadolini, respectivamente, para substituír a unhas anteriores realizadas por Paolo Taccone e Mino del Reame en 1461. Na parte superior da fachada sitúase o ático, no que se abren oito fiestras decoradas con pilastras. Coroando o ático sitúase unha balaustrada onde se sitúan 13 estatuas de 5,7 m: no centro aparece Cristo Redentor, Xoán o Bautista á súa dereita, e once dos doce apóstolos, excepto San Pedro. As esculturas son, de esquerda a dereita: Xudas Tadeu, Mateu, Filipe, Tomé, Santiago o Maior, Xoán o Bautista, Cristo Redentor, André, Xoán o Evanxelista, Santiago o Menor, Bartolomeu, Simón e Matías. A cada lado hai dous reloxos realizados en 1785 por Giuseppe Valadier. Baixo o reloxo da esquerda atópanse as campás da basílica. A fachada foi restaurada con motivo do xubileu do ano 2000.
A basílica conta con seis campás:
Cando soan as seis campás ao unísono chámase plenum, isto sucede nas festas máis importantes do ano litúrgico: Pascua de Resurrección, Nadal, Epifanía e Pentecoste. Ademais, na solemnidad de San Pedro e San Paulo, o 29 de xuño. Desde o conclave de 2005, as campás de San Pedro teñen un papel importante posto que o seu son é diferente en función do resultado das votacións. Esta medida aplicouse para eliminar calquera dúbida sobre a cor do fume que precede ao anuncio «Habemus Papam».
O pórtico[31] atópase situado entre os cinco arcos que se abren na fachada e as portas do templo. A entrada está flanqueada por dúas estatuas ecuestres: Carlomagno (núm. 2),[32] a esquerda, obra de Agostino Cornacchini en 1725, e Constantino (núm. 8),[33] obra de Bernini en 1670, situado ante a entrada do Palacio do Vaticano pola Scala Rexia. A bóveda está decorada con deseño de Martino Ferrabosco pero realizada por Ambrogio Buonvicino, e inclúe as esculturas de trinta e dous papas, situadas aos lados das lunetas que conteñen relevos nos que se representan episodios da vida de San Pedro.[34]
Na parede por encima da entrada principal da basílica atópase unha parte do mosaico chamado A Navicella, obra de Giotto e que se atopaba na Antiga Basílica de San Pedro, foi colocada en 1674 (núm. 1).[35]
O acceso á basílica desde o pórtico realízase a través de cinco portas, de esquerda a dereita son: «Porta da Morte», «Porta do Ben e do Mal», «Porta de Filarete», «Porta dos Sacramentos» e «Porta Santa».
A «Porta da Morte» (núm. 3)[36] foi encargada por Xoán XXXIII e toma o seu nome por ser esta a porta de saída dos cortexos fúnebres dos papas.[37] Preséntanse catro paneis: no primeiro hai unha representación da Deposición de Cristo e a Asunción de María. No segundo represéntanse os símbolos da Eucaristía, o pan e o viño. No terceiro cadro aparece o tema da morte, representa o asasinato de Abel, a morte de Xosé, o martirio de San Pedro, a morte de Xoán XXIII (nunha esquina aparece o título da encíclica «Pacem in terris»), a morte no exilio de Gregorio VII e seis animais no acto da morte. Na cara interna da porta atópase a pegada da man do escultor e un momento do Concilio Vaticano II no que o primeiro cardeal africano, Laurean Rugambwa, rende homenaxe ao papa.
A «Porta do Ben e do Mal» (núm. 4)[38] é obra de Luciano Minguzzi, realizada entre 1970 e 1977.
A «Porta de Filarete» ou «porta central» (núm. 5)[39] foi mandada construír polo papa Uxío IV a Antonio Averulino Filarete, que a realizou entre 1439 e 1445. Está feita de bronce e dividida en dúas follas, cada unha das cales presenta tres cadros superpostos. Nos cadros da parte superior represéntanse á esquerda a Cristo entronizado e á dereita á Virxe entronizada, nos paneis centrais están representados San Pedro entregando as chaves ao papa Uxío IV, e San Paulo cunha espada e un floreiro con flores. Os cadros inferiores presentan o martirio dos dous santos: á esquerda a decapitación de San Paulo, e á dereita a crucifixión de San Pedro. Os paneis están enmarcados por medallóns cos perfís dos emperadores, e entre eles frisos con episodios do pontificado de Uxío IV. Na parte interna atópase a infrecuente sinatura do autor.
A «Porta dos Sacramentos» (núm. 6)[40] foi construída por Venanzo Crocetti e inaugurada por Paulo VI o 12 de setembro de 1965. Nela aparece un anxo anunciando os sete sacramentos.[37]
A porta da dereita é a «Porta Santa» (núm. 7),[41] está realizada en bronce por Vico Consorti en 1950 e foi doada ao papa Pío XII polos católicos suízos para o xubileu dese ano. En dúas placas existentes a ambos os dous lados da porta atópanse o escudo de Pío XII e a bula de Bonifacio VIII que convocou o primeiro xubileu en 1300. No entaboamento do arco sobre a porta aparece a inscrición: PAVLVS V PONT MAX ANO XIII. Xusto encima da porta atópase a inscrición: GREGORIVS XIII PONT MAX. Entre estas dúas inscricións atópanse as placas que recordan a súa recente apertura:
IOANNES PAVLVS II P.M. |
IOANNES PAVLVS II P.M. |
PAVLVS VI PONT MAX |
No ano xubilar de 1983-1984 pola redención humana, Xoán Paulo II, Pontífice Máximo, abriu e pechou a Porta Santa, pechada e selada polo Papa Paulo VI en 1976. | Xoán Paulo II, Pontífice Máximo, novamente abriu e cerrou a Porta Santa o ano do Magno Xubileu da Encarnación do Señor. 2000-2001. | Paulo VI, Pontífice Máximo, abriu e cerrou a Porta Santa desta Basílica Patriarcal Vaticana o ano jubilar de 1975. |
Esta porta permanece pechada e tapada con cemento pola súa banda interior. Soamente o papa pode abrila e pechala nos Anos Santos, permanecendo todo ese ano aberta para o acceso dos fieis que poden gañar indulxencias.
O espazo interior está dividido en tres naves separadas por grandes alicerces. A nave central[42] mide 187 metros de longo e 45 metros de altura; está cuberta por unha gran bóveda de canón. Entre os anos 1962 e 1965 esta nave acolleu as sesións do Concilio Vaticano Segundo.
Cabo destacar o particular deseño do chan de mármore, que presenta elementos da antiga basílica, como o disco de pórfiro vermello exipcio sobre o que se arrodillou Carlomagno o día da súa coroación. A nave presenta unha superficie de dez mil metros cadrados de mosaicos, froito do traballo de moitos artistas, principalmente dos séculos XVII e XVIII, tales como Pietro da Cortona, Giovanni De Vecchi, Cavalier d'Arpino e Francesco Trevisani.
Nos arcos atópanse estatuas das virtudes.[42] Nos alicerces da esquerda, comezando pola porta, a autoridade eclesiástica, a xustiza divina, a virxindade, a obediencia, a humildade, a paciencia, a xustiza e a fortaleza. Nos da dereita, comezando polo altar, a caridade, a fe, a inocencia, a paz, a clemencia, a constancia, a misericordia e a forza.
Nos alicerces ábrense nichos nos que se atopan as esculturas de 39 santos fundadores. Nos alicerces da dereita, están as estatuas de Santa Tareixa de Xesús (núm. 93, 1754),[43] Santa Magdalena Sofía Barat (núm. 93, 1934),[44] San Vicente de Paúl (de Pietro Bracci, núm. 92, 1754),[45] San Xoán Eudes (núm. 92, 1932),[46] San Filipe Neri (núm. 91, 1737),[47] San Xoán Bautista de La Salle (núm. 91, 1904),[48] a antiga estatua de bronce de San Pedro (de Arnolfo di Cambio, núm. 89, 1300)[49] e San Xoán Bosco (núm. 90, 1936).[50] Nos alicerces da esquerda: San Pedro de Alcántara (núm. 72, 1713),[51] Santa Lucía Filippini (núm. 72, 1949),[52] San Camilo de Lelis (núm. 73, 1753),[53] San Luís María Grignion de Montfort (núm. 73, 1948),[54] San Ignacio de Loiola (de Camillo Rusconi, núm. 74, 1733),[55] San Antonio María Zaccaria (núm. 74, 1909),[56] San Francisco de Paula (núm. 75, 1732)[57] e San Pedro Fourier (núm. 75, 1899).[58]
No perímetro da nave aparece, situado no entaboamento baixo a bóveda, con letras de dous metros de altura, a inscrición:[59]
QVODCVMQVE LIGAVERIS SUPER TERRAM, ERIT LIGATVM ET IN COELIS, ET QVODCVMQVE SOLVERIS SVPER TERRAM, ERIT SOLVTVM ET IN COELIS • EGO ROGAVI PRO TE, O PETRE VT NON DEFICIAT FIDES TVA, ET TV ALIQVANDO CONVERSVS, CONFIRMA FRATRES TVOS
Todo o que atares na terra será atado nos ceos; e todo o que desatares na terra será desatado nos ceos. ? Eu roguei por ti, que a túa fe non falte; e ti, unha vez volto, confirma aos teus irmáns.
É a nave situada á dereita. A primeira capela aloxa a Piedade de Michelangelo (núm. 9).[60] Avanzando pola nave atópanse os monumentos funerarios do Papa León XII (núm. 10),[61] obra de Giuseppe de Fabris, e da raíña Cristina de Suecia (núm. 11),[62] de Carlo Fontana. A continuación atópase a capela de san Sebastián (núm. 13),[63] presidida por un gran mosaico do martirio do santo, obra de Pier Paolo Cristofari, baseado nun cadro de Domenichino; o teito está decorado con mosaicos de Pietro da Cortona. Baixo o altar consérvanse, desde o 2 de maio de 2011, tras unha lousa de mármore coa inscrición «BEATVS IOANNES PAVLVS PP. II», os restos do beato Xoán Paulo II.[64] Nesta capela tamén se conservan os monumentos funerarios de Pío XI (núm. 12)[65] e Pío XII (núm. 14),[66] realizados durante o século XX.
A continuación encontranse os monumentos a Inocencio XII (núm. 15),[67] de Filippo Della Valle en 1746, e a Matilde de Canossa (núm. 16),[68] de Gian Lorenzo Bernini en 1633. A seguinte é a Capela do Santísimo Sacramento (núm. 17),[69] protexida por unha porta deseñada por Francesco Borromini. Nesta capela consérvase o Santísimo Sacramento. Xunto ao ciborio de bronce e lapislázuli que preside o altar, hai dous anxos adoradores, e unhas grandes lámpadas de aceite ardendo permanentemente. A capela foi deseñada por Carlo Maderno para conectar a actual basílica co corpo da antiga. Caracterízase por ter un teito máis baixo que o corpo da basílica, polo que se pecha cun ático que oculta a diferente elevación da cuberta. Contén dous monumentos: o de Gregorio XIII (núm. 18),[70] de Camillo Rusconi en 1723, e o de Gregorio XIV (núm. 19).[71] A partir de aquí comeza a deambulatorio que rodea o espazo ao redor da cúpula.
É a nave situada á esquerda. A primeira capela é a «Capela do Bautismo» (núm. 71),[72] deseñada por Carlo Fontana e decorada con mosaicos de Baciccio realizados posteriormente por Francesco Trevisani; o mosaico que se atopa detrás do altar imita unha pintura de Carlo Maratta existente na Basílica de Santa María dos Anxos e os Mártires.
Logo desta capela atópanse os monumentos funerarios que conteñen as tumbas de Clementina Sobieski (núm. 70),[73] obra de Pietro Bracci en 1742, e a dos Estuardo (núm. 69),[74] obra de Antonio Canova en 1829, cos enterramentos do rei Xacobe III e os seus fillos Carlos Eduardo Estuardo e o cardeal Henrique Bieito Estuardo. A continuación atópase a «Capela da Presentación» (núm. 67),[75] en cuxo altar atopar o corpo de San Pío X. Nas súas paredes atópanse os monumentos a Xoán XXIII (núm. 66)[76] e a Bieito XV (núm. 68),[77] realizados no século XX. Seguidamente, encóntrase o monumento a Pío X (núm. 65),[78] de 1923, e a tumba de Inocencio VIII (núm. 64),[79] realizada por Antonio Pollaiuolo no século XV.
Para rematar, atópase a Capela do Coro (núm. 63),[80] presidida polo Altar da Inmaculada Concepción (núm. 62).[81] A capela é xemelga á Capela do Santísimo Sacramento, situada no lado da epístola, polo que presenta a mesma configuración. No último alicerce antes de pasar o deambulatorio sitúanse os monumentos a León XI (núm. 61),[82] obra de Alessandro Algardi en 1644, a Inocencio XI (núm. 60).[83]
O deambulatorio é o espazo que rodea os catro alicerces que sosteñen a cúpula e é o corazón da igrexa tal e como a deseñou Michelangelo.
No alicerce que corresponde coa nave da epístola atópase o altar de san Xerome (núm. 20),[84] coa tumba do papa Xoán XXIII, sobre a cal atópase un gran mosaico dun cadro de Domenichino. O espazo que queda entre a Capela do Sacramento e o cruceiro, acolle a Capela Gregoriana (núm. 21),[85] pechada por unha bóveda que no exterior conforma unha das dúas cúpulas menores. Aquí atópase o monumento a Gregorio XVI (núm. 22),[86] obra de Luís Amici en 1848-1857. Xunto a esta, no muro norte, atópase o «Altar da Virxe do Perpetuo Socorro» (núm. 23),[87] onde se atopan as reliquias de san Gregorio Nacianceno. Á beira está o Altar de san Basilio (núm. 24),[88] adornado cun mosaico do século XVIII, onde se atopan os restos de san Josafat Kuncewicz e, fronte a este, o monumento funerario de Bieito XIV (núm. 25).[89]
Unha vez cruzado o transepto aparece o Altar da Navicella (núm. 32),[90] e, en fronte, o monumento a Clemente XIII (núm. 31),[91] de Antonio Canova en 1787-1792. Seguidamente atópanse os altares do Arcanxo San Miguel (núm. 33),[92] de Santa Petronila (núm. 34)[93] e de «San Pedro e a resurrección de Tabitha» (núm. 36).[94] No muro oeste atópase o monumento a Clemente X (núm. 35),[95] obra de Mattia de Rossi, de finais do século XVII.
No lado sur do deambulatorio atópase, na columna da cúpula, un altar presidido por un mosaico que reproduce o soado cadro da Transfiguración de Rafael (núm. 59),[96] en cuxo altar atópase o corpo do beato Inocencio XI. A capela adxacente, similar á Gregoriana, é a «Capela Clementina» (núm. 58);[97] nela atópanse os monumentos funerarios de Gregorio Magno (núm. 56)[98] e de Pío VII (núm. 57),[99] de Bertel Thorvaldsen en 1831, único artista non católico que traballou na basílica. A continuación sitúase o Altar da Mentira (núm. 55)[100] adornado cun mosaico do século XVIII; fronte a este, o monumento a Pío VIII (núm. 54),[101] obra de Pietro Tenerani en 1866, cunha porta que conduce á Sancristía Maior da Basílica.[102]
Alén do transepto atópase o monumento funerario ao papa Alexandre VII (núm. 47),[103] unha notable obra de Gian Lorenzo Bernini que mostra ao Papa absorto en oración, coa morte, representada por un esqueleto sostendo un reloxo de area, por encima dunha porta que simboliza a entrada á outra vida. En fronte, sitúase o «Altar do Sagrado Corazón de Xesús» (núm. 48),[104] con mosaicos de 1930. A continuación, a «Capela da nosa Señora do Pilar» (núm. 44),[105] onde se atopan os altares dedicados á Virxe do Pilar (núm. 46)[106] e a León I o Magno (núm. 45),[107] cun magnífico retablo de mármore de Alessandro Algardi sobre a expulsión de Atila realizado entre 1645-1653. Para rematar, antes do presbiterio, atópase o «Altar de San Pedro curando a un paralítico» (núm. 43),[108] do século XVIII, e a tumba do papa Alexandre VIII (núm. 42).[109]
O órgano da basílica atópase entre o deambulatorio e o presbiterio; foi construído por Tamburini en 1962. Presenta dous corpos que se sitúan nos brazos do deambulatorio que parten do presbiterio, respectivamente alcumados, «Cornu Epistulae» e «Cornu Evangelii». Estes dous corpos correspóndense con dous órganos construídos a principios do século XX por Vegezzi-Carlo Bossi e Walker. O órgano do primeiro corpo comprende os rexistros do segundo e terceiro teclado, mentres que ao segundo corpo corresponde o primeiro e cuarto teclado. Os rexistros de pedal son repartidos en dúas partes segundo o organista necesite. Utilízanse dúas consolas de transmisión eléctrica; unha sitúase entre as butacas do coro cantor durante as celebracións no interior, mentres que outra se sitúa na praza para as celebracións do exterior. Foron construídas polo fabricante Mascioni en 1999.
En 1875, Aristide Cavaillé-Coll ofreceulle ao papa Pío IX o deseño dun grande órgano que nunca chegou a realizarse, así como outros proxectos, sempre provenientes de Francia. Hoxe en día, os organistas son James Edward Goettsche e Gianluca Libertucci.
O transepto norte esténdese cara ao Palacio Apostólico Vaticano e foi deseñado e construído por Michelangelo, que ampliou o deambulatorio que deseñaran os seus antecesores, de modo que gañou algúns nichos para altares coroados por grandes fiestras. No transepto norte,[110] existen tres altares dedicados a san Venceslau (núm. 27),[111] san Erasmo (núm. 29),[112] e, no centro, o dos santos mártires Proceso e Martiniano (núm. 28).[113] O transepto sur é similar ao anterior,[114] encontrándose os altares dedicados a san Xosé (núm. 51),[115] no centro, e os da Crucifixión de San Pedro (núm. 52)[116] e o de santo Tomé (núm. 50).[117]
Ao longo do transepto, nos nichos dos alicerces sitúanse esculturas de santos e santas fundadores de congregacións e ordes relixiosas. No transepto dereito: san Bonfiglio Monaldi(núm. 30, 1906),[118] san Xosé de Calasanz (núm. 30, 1755),[119] San Paulo da Cruz (núm. 85, 1876),[120] san Bruno (núm. 85, 1744),[121] santa Luísa de Marillac (núm. 26, 1954),[122] san Pedro Nolasco (núm. 26, 1742),[123] santa María Eufrasia Pellettier (núm. 86, 1942)[124] e san Xoán de Deus (núm. 86, 1745).[125] No cruceiro esquerdo: san Guillerme de Vercelli (núm. 49, 1878),[126] san Norberto de Xanten (núm. 49, 1767),[127] santa Ánxela de Merici (núm. 79, 1866),[128] santa Xuliana Falconieri (núm. 79, 1740),[129] santa Xoana Antida Thouret (núm. 53, 1949),[130] san Xerome Emiliani (núm. 53, 1757),[131] santa Francisca Cabrini (núm. 77, 1947)[132] e san Caetano de Thiene (núm. 77, 1738).[133]
No perímetro do transepto esquerdo aparece, no entaboamento baixo a bóveda con letras de dous metros de altura, a inscrición:[59]
DICIT TER TIBI PETRE IESUS DILIGIS ME? CUI TER O ELECTE RESPONDENS AIS: O DOMINE TU QUI OMNIA NOSTI TU SCIS QUIA DILIGO TE
Díxolle a terceira vez: Simón, fillo de Xonás, ámasme? Pedro entristeciose de que lle dixese a terceira vez: Ámasme? e respondeulle: Señor, ti sábelo todo; ti sabes que te amo. Xesús díxolle: Apacienta as miñas ovellas.Xoán "21:17". BibleGateway (en castelán).
Pola súa banda no transepto dereito atópase a inscrición:[59]
O PETRE, DIXISTI TU ES CHRISTUS FILIUS DEI VIVI, AIT IESUS: BEATUS ES SIMON BAR IONA QUIA CARO ET SANGUIS NON REVELAVIT TIBI
Simón Pedro, dixo: Ti eres o Cristo, o Fillo do Deus vivente. Entón respondeulle Xesús: Ben aventurado es, Simón, fillo de Xonás, porque non cho revelou carne nin sangue.Mateo "16:16-17". BibleGateway (en castelán).
O presbiterio presenta unha estrutura similar a dos extremos do transepto. Está dominado pola Cátedra de San Pedro (núm. 39),[134] situada no centro. É un monumental relicario obra de Gian Lorenzo Bernini, contendo unha cadeira de época paleocristiá que segundo a tradición era a utilizada por San Pedro; a cadeira apóiase nas esculturas dos catro Pais da Igrexa. O conxunto aparece iluminado por unha vidreira cunha pomba, simbolizando o Espírito Santo.
Á esquerda da cátedra atópase o monumentoa Paulo III (núm. 40),[135] deseñado por Giacomo della Porta. Pola súa banda, á dereita atópase a tumba de Urbano VIII (núm. 38),[136] realizada por Bernini en 1627; o monumento está dominado por unha estatua do Papa no acto de bendicir; franquean o sarcófago figuras alegóricas da Caridade e a Xustiza e no centro, un esqueleto escribe o epitafio. Nas columnas sitúanse as esculturas de santo Domingo de Guzmán (núm. 37, 1706),[137] San Francisco Caracciolo (núm. 37, 1834),[138] San Francisco de Asís (núm. 41, 1727)[139] e San Afonso María de Ligorio (núm. 41, 1839).[140] Pola súa banda nos alicerces da cúpula sitúanse as esculturas de San Bieito de Nursia (núm. 81, 1735),[141] Santa Francisca Romana (núm. 81, 1850),[142] San Francisco de Sales (núm. 83, 1845),[143] e a de San Elías (núm. 83, 1727).[144]
No perímetro do presbiterio aparece a inscrición en latín e grego:[59]
O PASTOR ECCLESIAE TU OMNES CHRISTI PASCIS AGNOS ET OVES • ΣΥ ΒΟΣΚΕΙΣ ΤΑ ΑΡΝΙΑ, ΣΥ ΠΟΙΜΑΙΝΕΙΣ ΤΑ ΠΡΟΒΑΤIΑ XΡΙΣΤΟΥ
Oh pastor da Igrexia, alimenta a todos os cordeiros e as ovellas de CristoJuan "21:15-19". BibleGateway (en castelán).
Atópase no cruceiro, situado baixo a cúpula, e está enmarcado polo monumental baldaquino de San Pedro (núm. 82),[145] obra de Gian Lorenzo Bernini, construído entre 1624 e 1633. Realizado en bronce extraído do Panteón, presenta unha altura de 30 m. Está sostido por catro columnas salomónicas a imitación das do Templo de Salomón e o tabernáculo da antiga basílica, cuxas columnas recuperáronse e colocáronse como adorno nos alicerces da cúpula de Michelangelo. No centro, á sombra do baldaquino, rodeado polo inmenso espazo baixo a cúpula, atópase o altar papal, un bloque de mármore branco en forma de paralelepípedo, e sobre el un crucifixo de bronce e un xogo de sete candelabros, no cal soamente o papa pode celebrar a Eucaristía en ocasións solemnes. Foi colocado verticalmente sobre a tumba de San Pedro e consagrado o 5 de xuño de 1594 polo papa Clemente VIII. Este altar é coñecido como «Altar da Confesión», ao estar situado sobre o lugar coñecido como «Confessio», a tumba do Apóstolo que co seu martirio confesou a súa fe.[145][146][147]
Nos piars que sustentan a cúpula preséntanse catro esculturas mirando ao altar, encargadas por Urbano VIII, son: Santo Longinos (núm. 88)[148] de Gian Lorenzo Bernini (1639), Santa Helena (núm. 84)[149] de Andrea Bolgi (1646), Santa Verónica (núm. 80)[150] de Francesco Mochi (1632), e Santo André (núm. 76)[151] de François Duquesnoy (1640). Sobre cada unha das estatuas existe un balcón pechado por senllas reixas tralas que se atopan diversos relicarios: no de Santo Longinos atópase a reliquia da Lanza Sagrada; no de Santa Helena atópase parte da Vera Cruz; no de Santa Verónica consérvase a tea co rostro de Cristo impreso; no do Santo André, irmán de San Pedro, conservábase o cranio deste apóstolo, pero Paulo VI regalouno aos ortodoxos como xesto de boa vontade.[152] Na parte alta de cada piar hai catro mosaicos que representan aos evanxelistas coa súa respectiva representación iconográfica.[153]
Na parte superior dos piares que sustentan a cúpula, no entaboamento, respectivamente sobre santa Verónica, santa Helena, santo Longinos e santo André, atópase a inscrición:
• HINC VNA FIDES • MVNDO REFULGET • HINC SACERDOTTI • VNITAS EXORITVR •Aquí esparéxese polo mundo a única e verdadeira fe, aquí nace a unidade do sacerdocio.
A cúpula da Basílica de San Pedro elévase a unha altura total de 136,57 m desde o chan ata a parte superior da cruz externa. É a cúpula máis alta do mundo. O seu diámetro interno é de 41,47 m, lixeiramente menor que dúas das tres enormes cúpulas que a precederon: a do Panteón de Agripa, de 43,3 m; e a da Catedral de Florencia, de 44 m. Os arquitectos de San Pedro baseáronse nestas dúas cúpulas para buscar o xeito de construír a que se concibiu como a maior cúpula da cristiandade. Construída desde 1547 ata 1590 por Michelangelo Buonarroti, quen despois faleceu e ocupou o seu lugar o seu discípulo Giacomo Della Porta.[154]
O perímetro interior da cúpula presenta a inscrición en latín con letras de 2 m de altura:[59]
TV ES PETRVS ET SVPER HANC PETRAM AEDIFICABO ECCLESIAM MEAM ET TIBI DABO CLAVES REGNI CAELORVM
Ti es Pedro, e sobre esta rocha edificarei a miña igrexa. A ti dareiche as chaves do reino dos ceos. Vulgata Mateo "16:18–19". BibleGateway (en castelán)..
Baixo a lanterna atópase a inscrición:
S. PETRI GLORIAE SIXTVS PP. V. A. M. D. XC. PONTIF. V.
Para a gloria de San Pedro, Sisto V, papa, no ano 1590 e o quinto ano do seu pontificado.
A Sancristía maior é un edificio externo á basílica, situado no lado sur, que se conecta co templo a través de dous corredores sobre arcos que acceden á basílica atravesando a tumba de Pío VIII e a Capela do Coro.
En 1715 realizouse un concurso para construír unha sancristía, o ganador foi un proxecto de Filippo Juvara, cuxa maqueta en madeira consérvase nos depósitos da basílica, pero cuxo elevado custo impediu a súa execución. En 1776, o papa Pío VI encargou a Carlo Marchionni a execución do actual edificio, cuxa construción completouse en 1784. A obra concluída foi duramente criticada, sobre todo polo erudito Francesco Milizia, o que obrigou a Marchionni a abandonar a cidade.
A sancristía presenta planta octogonal e está cuberta por unha cúpula. Atópase flanqueada por varios edificios entre os que se atopan a Sancristía dos cóengos e beneficiarios, a Sala Capitular e o Tesouro.
As Grutas Vaticanas formáronse pola diferenza de cota entre a nova e a antiga basílica. Teñen forma de igrexa subterránea de tres naves. Utilizáronse como lugar de enterramento de moitos papas. O acceso realízase por unha escaleira dobre rodeada por unha elegante balaustrada sobre a que se queiman 99 lámpadas votivas; esta escaleira parte desde a parte frontal do Altar Papal. A escaleira finaliza ante a Confesión de San Pedro (núm. 65), obra de Carlo Maderno; ante o mosaico do Cristo Pantocrátor, atópase o cofre que garda os Palios. Tras este cofre atópanse os restos de mármore da tumba de San Pedro construída polo emperador Constantino. Na parte inferior atópase a bóla de bronce, chamada «cataracta» ou «billicus confessionis», que servía de acceso, desde a construción da primeira basílica, á tumba de Pedro.
O papa Pío XII, recentemente elixido en 1939, patrocinou a investigación arqueolóxica que en dez anos sacou á luz, primeiro o chan da Basílica Constantiniana, e máis tarde, os restos dunha necrópole romana que ocupaba a ladeira do Outeiro Vaticano, e que foi enterrada polos construtores da primeira basílica. A presenza desta zona de enterramento confirma a crenza de que o lugar de sepultura de san Pedro atópase no lugar onde se erixió primeiro un monumento e despois a basílica.
Trala escavación, en 1953 atopouse un nicho no que se podía recoñecer unha incompleta escritura en grego co nome de Pedro, no interior había algúns ósos envoltos nun pano de púrpura e fío de ouro. Este descubrimento anunciouno Pío XII convencido de que, con toda probabilidade, os restos eran do corpo de san Pedro. Estes restos foron colocados no subsolo, na posición orixinal que se corresponde exactamente coa vertical do Altar Papal, o baldaquino e a cúpula.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.