Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Calisto II[1] ou Callistus II en latín (kallistos, o máis belo en grego antigo), nado coma Guido de Bourgogne en Borgoña en data descoñecida[2] e finado en Roma o 13 de decembro de 1124, foi o 162º papa da igrexa católica, entre o 1 de febreiro de 1119 e o día da súa morte. Da familia dos Condes de Borgoña, da Casa Ivrea, resolveu a Querela das Investiduras (45 anos de guerra entre o poder xerárquico do papado e os emperadores xermánicos) e apoiou a peregrinación a Santiago de Compostela, contribuíu nas cruzadas e na fundación da Orde do Císter maila do Temple.
Cuarto fillo de Guillerme I, conde de Borgoña, un dos gobernantes máis ricos de Europa, Guy era un membro da máis alta aristocracia europea. A súa familia era parte dunha rede de alianzas nobres. Era primo de Arduíno de Ivrea, rei de Italia. Unha irmá súa, Xisela, casou con Humberto II, conde de Savoia, e despois con Rainerio I de Montferrat; outra irmá, Maud, era esposa de Eudes I, duque de Borgoña. O seu irmán Raimundo estaba casado con Urraca, a herdeira de León, e xerou o futuro rei Afonso VII de León. O seu irmán Hugo foi arcebispo de Besançon.[3]
Guy aparece por primeira vez nos rexistros contemporáneos cando se converteu en arcebispo de Vienne en 1088. Sostivo fortes opinións pro-papais sobre a Querela das Investiduras. Como arcebispo, foi nomeado legado papal en Francia polo papa Pascual II durante o tempo que Pascual foi premido polo sacro emperador romano Henrique V para emitir o Privilegium de 1111, polo cal o emperador obtivo gran parte das prerrogativas papais que foran tan vigorosamente reivindicadas polo papa Gregorio VII nas reformas gregorianas. Estas concesións foron recibidas cunha violenta oposición só en Francia, onde a oposición foi liderada por Guy, quen estivo presente no Sínodo de Letrán de 1112.[4]
Ao tornar a Francia, inmediatamente convocou a unha asemblea de bispos franceses e de Borgoña en Vienne, onde a reivindicación imperial dunha investidura leiga tradicional do clero foi denunciada como herexía e proferiuse unha sentenza de excomuñón contra Henrique V, alegando que Pascual II lle outorgara o Privilegium por mor da violencia imperial. Estes decretos foron enviados a Pascual II cunha petición de confirmación, a cal recibiron o 20 de outubro de 1112.[3]
Durante os enfrontamentos entre Henrique e o sucesor de Pascual II, o papa Xelasio II, o papa foi forzado a fuxir de Roma, onde se nomeou outro papa (ou antipapa), Gregorio VIII.[5]
O 29 de xaneiro de 1119 Xelasio, refuxiado na Abadía de Cluny, morreu. Entón Guy de Borgoña, foi elixido papa na mesma abadía o 2 de febreiro de 1119. Na elección só participaron nove cardeais pois a maioría dos outros ficaran en Roma.[6] Guy foi coroado en Vienne en 9 de febreiro de 1119 como Calisto II.
Ao principio, pareceu que o novo papa estaba disposto a negociar con Henrique V, quen recibiu a embaixada papal en Estrasburgo, e retirou o seu apoio ao antipapa que el mesmo proclamara en Roma. Acordouse que o papa e o emperador se encontrarían no Château de Mousson, preto de Reims, e en outubro o novo papa abriu o concílio en Reims coa presenza de Lois VI de Francia, coa maioría dos baróns de Francia e máis de catrocentos bispos e abades. Henrique V chegou á Mousson, non só, como adiantara, senón cun exército de máis de trinta mil homes. Calisto II, temendo que esa forza fose utilizada para extraer concesións preliminares, permaneceu en Rheims. Alí, Calisto II ocupouse ineficazmente en tentar unha reconciliación entre os irmáns Henrique I de Inglaterra e Roberto II, duque de Normandía, e o consello disciplinar tratou regulamentos e decretos contra as investiduras leigas, a simonía, e as concubinas dos clérigos. Como Henrique V non se comprometeu a nada, determinouse o 30 de outubro de 1119 que o emperador e o seu antipapa serían solemnemente excomungados.[3]
Ao retornar a Italia, onde o antipapa Gregorio VIII era apoiado en Roma por forzas imperiais e aliados italianos do emperador, Calisto II conseguiu gañar a primeira xogada en medio de manifestacións claras de apoio popular. O candidato imperial viuse obrigado a fuxir á fortaleza de Sutri, onde foi feito prisioneiro grazas á intervención do reino normando de Nápoles. O antipapa foi trasladado de prisión en prisión[7]. Os aliados imperiais en Roma desbandáronse.
En 1120 Calisto II emitiu a bula papal Sicut Judaeis (latín: "Como os xudeus"), expondo a posición oficial do papado respecto a como tratar aos xudeus. A bula foi potenciada pola primeira cruzada, na que máis de cinco mil xudeus foron abatidos en Europa. A bula pretendía protexer aos xudeus e reiteraba a posición do Papa Gregorio I de que os xudeus tiñan o dereito de "gozar da súa liberdade legal."[8] A bula prohibiu aos cristiáns, so pena de excomuñón, forzar os xudeus a converterse, prexudicalos, tomar a súa propiedade, perturbar a celebración das súas festividades e interferir cos seus cemiterios.
Máis tarde foi reafirmada polos papas Alexandre III, Celestino III (1191-1198), Inocencio III (1199), Honorio III (1216), Gregorio IX (1235), Inocencio IV (1246), Alexandre IV (1255), Urbano IV (1262), Gregorio X (1272 & 1274), Nicolao III, Martiño IV (1281), Honorio IV (1285-1287), Nicolao IV (1288-1292), Clemente VI (1348), Urbano V (1365), Bonifacio IX (1389), Martiño V (1422) e Nicolao V (1447).[9][10]
Establecido o seu poder en Italia, o papa decidiu reabrir as negociacións con Henrique V sobre a querela das investiduras. Henrique V estaba ansioso para pór fin a unha polémica que reducira a autoridade imperial en Alemaña. Calisto enviou a Alemaña unha embaixada de tres cardeais, e as negociacións para un acordo permanente pola cuestión das investiduras iniciáronse en outubro de 1121 en Würzburg, onde acordouse proclamar unha tregua xeral en Alemaña, que a Igrexa faría libre uso das súas posesións e que as terras dos que estiveran en rebelión serían restauradas. Estes decretos foron comunicados a Calisto II, que despachou ao seu legado Lamberto -tamén futuro papa- para asistir ao sínodo que fora convocado en Worms, onde, o 23 de setembro de 1122, foi celebrado o acordo coñecido como o Concordato de Worms. Pola súa parte o emperador abandonou a súa pretensión de investir con anel e báculo, e concedeu liberdade de elección para sés episcopais. Pola parte papal, admitiuse que os bispos recibisen a investidura co cetro, que as eleccións episcopais se realizasen en presenza do emperador ou os seus representantes, que en caso de eleccións disputadas o Emperador, despois da decisión do bispo metropolitano e os bispos sufragáneos, confirmase o candidato lexitimamente elixido, e, para rematar, que a investidura imperial das propiedades temporais relacionadas coas sés terían lugar en Alemaña antes da consagración. En Borgoña e Italia a investidura imperial tería lugar tras a cerimonia de consagración, mentres nos Estados Pontificios só o papa tiña o dereito de investidura, sen interferencia por parte do Emperador. Como resultado deste concordato, o emperador aínda mantivo nas súas mans a influencia controladora na elección dos bispos en Alemaña, aínda que resignou moito en relación coas eleccións episcopais en Italia e Borgoña.[11]
Para garantir a confirmación deste Concordato de Worms, Calisto II convocou ao Primeiro Concilio de Letrán o 18 de marzo de 1123. Solemnemente confirmou o Concordato e aprobou varios decretos disciplinarios, como aqueles contra a simonía e o concubinato no clero. Tamén se aprobaron decretos contra os violadores da Tregua de Deus, os ladróns de igrexas e falsificadores de documentos eclesiásticos. As indulxencias xa concedidas aos cruzados foron renovadas, e definiuse máis claramente á xurisdición dos bispos sobre o clero, tanto secular como regular.[3]
Calisto II dedicou os seus últimos anos para restablecer o control papal sobre a Campaña e establecer o primacía da súa sé de Viena sobre a sé de Arles, un antigo conflito. Calisto reconstruíu a igrexa de ''Santa María in Cosmedin'' en Roma. Calisto II morreu 13 de decembro de 1124.
O 27 de febreiro de 1120 publicou a bula Omnipotentis dispositione. Nela concedía a Santiago de Compostela o 27 de febreiro de 1120 a dignidade de Metropolitana de Mérida (pasando os Bispos a ostentar a dignidade de Arcebispos), e instauraba o Ano Santo Xacobeo, que se celebra cada ano no que o 25 de xullo, día do apóstolo Santiago, coincidise en domingo. Todos aqueles peregrinos que visitaran a tumba do Apóstolo en Ano Xacobeo gañarían o Xubileu (Indulxencia plenaria).
Era tío do emperador Afonso VII. Dá nome ao Códice Calixtino, que permite coñecer o auxe da peregrinación a Santiago nos últimos anos do goberno de Xelmírez.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.