poeta español From Wikipedia, the free encyclopedia
Garcilaso de la Vega, nado en Toledo contra o 1501 e finado o 14 de outubro de 1536 en Niza, foi un escritor español que desenvolveu a súa obra durante a primeira parte do reinado de Carlos I de España.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1503 Toledo, España |
Morte | 14 de outubro de 1536 (32/33 anos) Niza, Francia |
Actividade | |
Ocupación | poeta, diplomático, escritor, militar, soldado |
Xénero artístico | Poesía e soneto |
Carreira militar | |
Rango militar | soldado |
Familia | |
Cónxuxe | Elena de Zúñiga |
Fillos | Lorenzo Suárez de Figueroa |
Pais | Garcilaso de la Vega e Sancha de Guzmán |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Concise Literary Encyclopedia (en) , (vol:1, sec:Вега Гарсиласо де ла) |
Foi defensor da causa do emperador en todo momento, incluso fronte aos comuneiros casteláns. Casou en 1525, pero ao ano seguinte coñeceu a Isabel Freyre, unha das damas portuguesas da emperatriz, da cal se namorou. Mais ela casou en 1529, o que produciu unha grave crise sentimental en Garcilaso. Isabel morreu de sobreparto en 1533. O seu amor imposible e a dor pola morte da dama deixaron un profundo baleiro nos seus poemas. En 1531 foi desterrado a unha illa do Danubio e despois a Nápoles por asistir ao matrimonio secreto, non autorizado polo emperador, dun dos seus sobriños. A súa estancia en Italia foi decisiva, pois alí relacionouse con importantes humanistas, leu e estudou os autores clásicos e escribiu os seus mellores versos. Faleceu en 1536 en Niza, como resultado dunha acción militar na Provenza.
Garcilaso pasou á posteridade como prototipo do cabaleiro renacentista, na liña do modelo proposto por Baldassare Castiglione no seu libro O Cortesán. Harmonizara na súa persoa o vello ideal das armas e das letras: soldado, cortesán e poeta. Así, por exemplo, toda a égloga II é un canto a milicia. Non obstante, ás veces nótase nos versos garcilasianos unha mirada desencantada sobre a vida do militar, cando, nalgúns momentos, xa non parece aspirar ao honor e á gloria que proporciona a guerra, cuxos males e perigos non só teme, senón que ademais lle producen fastío.
¿A quién ya de nosotros el excesode guerras, de peligros, de destierros,
no toca y no ha causado el gran proceso?
¿Quién no vio desparcir su sangre al hierro
del enemigo? ¿Quién no vio su vida
perder mil veces y escapar por yerro?
¿De cuántos queda y quedará perdida
la casa y la mujer y la memoria,
y de otros la hacienda despedida?
¿Qué se saca de aquesto? ¿Alguna gloria?
¿Algunos premios o agradecimientos?
Sabralo quien leyere nuestra historia.
Verase allí que como polvo al viento
así se deshará nuestra fatiga
ante quien se endereza nuestro intento.
Foi preparada para a súa edición polo seu amigo Juan Boscán e publicada en 1543. É relativamente breve: tres églogas, uns corenta sonetos, catro cancións, a Oda á flor de Gnido, dúas elexías, unha epístola en verso dirixida a Boscán e algunhas mostras de poesía tradicional de cancioneiro. Esta reducida obra poética contén, porén, o esencial en canto a xéneros, temas, motivos, métrica, lingua etc., da poesía posterior.
Os sonetos garcilasianos, tras o infrutuoso intento do marqués de Santillana, significan a definitiva aclimatación desta estrofa na literatura española. Son xeralmente de índole amorosa, algúns próximos aínda ao estilo e tópicos da lírica do cancioneiro, outros portadores xa da nova sensibilidade renacentista. Nesta mesma liña poden considerarse as súas cancións. As elexías, pola súa parte, descobren unha influencia directa dos clásicos e unha actitude estoica ante os sucesos desgraciados, non exenta, así e todo, dun certo vitalismo optimista.
Son, con todo, as súas églogas as que, xunto a algúns sonetos, representan a culminación do talento poético garcilasiano. A égloga é unha composición poética bucólica na que varios pastores dialogan sobre determinados temas, xeralmente amorosos. Pese a súa numeración, a Égloga II foi a primeira que escribiu. É a máis extensa e a única das tres que presenta unha acción dramática. A Égloga I é a máis coñecida. Consta de 421 versos distribuídos en estancias, nas que os pastores Salicio e Nemoroso mostran o seu pesar polo desdén e a morte das súas amadas, respectivamente. As palabras de Nemoroso queixándose da desaparición da súa amada Elisa resumen a situación do poeta renacentista:
No me podrán quitar el doloridosentír, si ya del todo
primero no me quitan el sentido
A Égloga III é, quizais, a máis lograda de Garcilaso. Escrita en oitavas reais, conta que, á beira do Texo, catro ninfas bordan nas súas teas historias de amor e de morte. O poema cérrase co canto de dous pastores que celebran as súas rapazas. Se temos en conta que a cuarta ninfa tece precisamente a historia de Elisa e Namoroso, esta égloga supón unha reelaboración artística considerable: a vida -experiencia amorosa de Garcilaso- transfórmase en poesía -ficción pastoril-, que á súa vez se converte nun tema dunha pintura ao bordado. Hai, pois, un proceso de distanciamento artístico, que revela claramente a mestría poética do seu autor.
É o amor o tema predominante na poesía garcilasiana, sen dúbida, como home do seu tempo, mostra unha concepción do amor marcadamente neoplatónica e con evidentes pegadas da tradición petrarquista. Indiferenza da dama e da dor do amante, oscilación entre esperanza e desesperanza, o segredo -indispensable na cortesía amorosa-, diversos estados de conciencia analizados con agudeza: todo aparece en Garcilaso. A súa poesía transmite unha forte sensación de sinceridade, que se relaciona habitualmente co carácter autobiográfico que terán os poemas do toledano. Con todo, sen descartar o contido biográfico dos textos, debe saberse tamén que era propia da poesía da época unha certa retórica de sinceridade que pretendía que os sentimentos expresados nos versos transparentasen sempre algunha idea de verdade. Probablemente, na poesía de Garcilaso combínanse ambas as dúas cousas: sentimentos persoais e retórica literaria. Neste sentido, pode advertirse, ademais, certa evolución na poesía garcilasiana dende as súas primeiras composicións, máis próximas á lírica dos cancioneiros e aos seus tópicos amorosos, ata aos seus poemas de madurez, impregnados da nova sentimentalidade renacentista, máis suave e melancólica.
Outro gran tema da poesía de Garcilaso é a presenza da natureza, como contorno estilizado no que os personaxes se queixan das súas coitas amorosas e como confidente que escoita e consola os pastores nas súas queixas. O eloxio á natureza primitiva e rústica ten o seu antecedente directo na égloga clásica, e concretamente na poesía de Virxilio. Esta utopía pastoril ten un innegable carácter idealista e nela as relacións humanas e económicas aténdense aos modelos que a inmutable natureza estableceu.
O labor poético de Garcilaso é mostra sincera dun fenómeno moito máis amplo, en canto ao tempo en que se desenvolve e ao número de poetas que nel participan: a creación dun novo tipo de poesía, a lírica española dos séculos XVI e XVII, na que se funde a poesía de cancioneiro característica do século XV coas influencias procedentes de Italia.
A nova lingua poética axústase aos ideais renacentistas de naturalidade e elegancia. A súa linguaxe é aparentemente sinxela, fluída e natural. Busca o equilibrio clásico entre a paixón e a contención. Este desexo de harmonía reflíctese na frecuente simetría das súas estruturas poéticas: versos bimembres, elementos duplicados o triplicados, paralelismos sintéticos...
O ton da súa poesía é doce, triste e melancólico, como revelan os adxectivos antepostos, un dos trazos máis característicos do seu estilo: doces prendas, doce neno, triste canto, triste e solitario día, cansos anos... A ese ton contribúe tamén a novidosa métrica garcilasiana, con predominio do hendecasílabo, frecuentemente asociado o heptasílabo, o que lle proporciona unha gran liberdade expresiva. É, así mesmo, un verso moi musical pola acertada combinación de acentos e rimas, polas súas aliteracións, hipérbatos etc.
Todo é froito do contexto histórico e literario no que se moveu Garcilaso e dos sistemas poéticos que coñeceu. O primeiro terzo do século XVI é unha época de intensa innovación e apertura. Garcilaso viviuno primeiro en España e logo moi especialmente en Italia, onde debeu de participar dun ambiente de continuas experimentacións na adaptación dos xéneros clásicos, na métrica, nos temas.
A renovación poética que representan a lírica de Garcilaso resulta máis evidente se se compara coa poesía de Juan de Mena. Mentres a lingua de Garcilaso alcanza plenamente o ideal renacentista da claridade e sinxeleza expresivas, os intentos renovadores de Mena no século XV son unha solución sen continuidade e, polo tanto, unha proposta frustrada, porque as súas coplas de arte maior seguen o camiño da erudición clásica e a complicación lingüística no seu intento de imitar os clásicos, e afástanse con isto radicalmente da lingua e a sensibilidade que triunfarán co Renacemento.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.