From Wikipedia, the free encyclopedia
Un virelai é unha das formas fixas (as outras son a balada e o rondó) da música e da poesía medievais francesas. Foi unha das formas máis comunmente adoptadas na música europea desde finais do século XIII ata o século XV.[1]
Atopamos a forma do virelai na música francesa desde os derradeiros troveiros (trouvères) do norte, pasando pola Ars Nova, ata os compositores francoflamengos do século XV. A balada italiana (ballata), moi similar, utilizárona os compositores do Trecento, especialmente Francesco Landini.
Un dos compositores máis recoñecidos de virelais foi Guillaume de Machaut (c. 1300-1377). Outros compositores de virelai foron Jehannot de l'Escurel, un dos máis temperáns (d. 1304) e Guillaume Dufay (c. 1400-1474), un dos máis serodios. A mesma forma musical aparece con frecuencia nas Cantigas de Santa María[2], case sempre coa forma métrica do zéxel, e é a base tamén dos vilancicos polifónicos dos séculos XV e XVI.
Cara a mediados do século XV, as formas poéticas acadaron a separación das musicais e compuxéronse numerosos exemplos de vilerais (tamén de baladas e de rondós) que ou ben non estaban acompañados de música, ou ben este acompañamento musical non chegou a nós.
Un virelai composto por unha soa estanza coñécese tamén como bergerette.[3]
Desde o século XV en adiante o virelai xa non se utilizou con regularidade nas composicións musicais e pasou a ser unha forma puramente literaria, e a súa variedade estrutural proliferou. No século XVII, Père Mourgues estableceu a diferenza entre o que el chamou virelai ancien (vello) e vilerai nouveau (novo). O vello mantiña algunha similitude co que fora característico dos séculos XIV e XV, cunha estrutura sen refrán e cun esquema de rima entrelazada entre as estanzas: na primeira estanza, as rimas son aab-aab-aab, coas liñas "b" máis curtas que as "a"; na segunda estanza, as rimas "b" móvense aos versos máis longos, e introdúcese unha nova rima "c" para os máis curtos (bbc-bbc-bbc), e así sucesivamente. Na outra forma descrita por Père Mourgues, o virelai nouveau, cada estrofa remata cunha repetición do primeiro ou o segundo verso do refrán alternativamente, e a última estrofa termina en ambos os versos do refrán en orde invertida. Estas formas utilizáronse ocasionalmente na poesía inglesa posterior, por exemplo por John Payne (co vilerai antigo Spring Sadness) e por Henry Austin Dobson (co vilerai novo July)[4].
O virelai como forma de canción do século XIV e principios do século XV normalmente ten tres estanzas, ademais dun refrán que se coloca despois da primeira estanza e, sucesivamente, a continuación de cada unha das seguintes. Dentro de cada estanza, a estrutura é a coñecida como de "forma bar", con dúas seccións que comparten as mesmas rimas e a música, seguidas dunha terceira. A terceira sección de cada estanza comparte as súas rimas e a súa música co refrán.[5] Xa que logo, pódese representar esquematicamente como AbbaA, onde "A" representa o refrán repetido, "a" o verso coa mesma música que o refrán, e "b" os versos restantes cunha música diferente.[6]
Dentro desta estrutura xeral, o número de liñas e o esquema de rima son variables. O refrán e a terceira sección poden ser de tres, catro ou cinco liñas cada un, con esquemas de rima como ABA, ABAB, AAAB, ABBA, AAAB ou AABBA[7]. A estrutura implica adoito unha alternancia entre unhas liñas máis longas e outras máis curtas. Habitualmente as tres estanzas comparten as rimas, o que significa que o poema enteiro pode ser construído en apenas dúas rimas, se as dúas primeiras seccións tamén comparten as súas rimas co refrán.
Douce Dame Jolie, de Guillaume de Machaut, é un exemplo dun virelai con rimas AAAB no refrán e "aab" (cun acurtado segundo verso) en cada unha das segundas seccións.[8]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.