máxima categoría da liga española de fútbol masculino From Wikipedia, the free encyclopedia
O Campionato Nacional de Liga de Primeira División, máis coñecido como Primeira División e debido a motivos de patrocinio como LaLiga EA Sports, é a máxima categoría masculina da liga española de fútbol e a principal competición a nivel de clubs de España. É organizada pola Liga de Fútbol Profesional (LFP) dende 1984, cando sucedeu á Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Comezou a desputarse na tempada 1928-29 e desde entón celebrouse sen interrupcións, a excepción dos paróns durante a guerra civil, entre 1936 e 1939, e a pandemia por coronavirus en 2020.
Tipo | liga de fútbol |
---|---|
Organizador | Liga Nacional de Fútbol Profesional |
Parte de | Ligas de fútbol de España e Liga Nacional de Fútbol Profesional |
Liga inferior | Segunda División Española |
Número de participantes | 20 |
Localización e Datas | |
País | España |
Vixencia | 1929 – |
Calendario da tempada | agosto – maio |
Período de ocorrencia | 1 ano |
Datos estatísticos | |
Máis títulos | Real Madrid CF (36), 2024 |
Outro | |
Páxina web oficial | laliga.com… |
A Primeira División é, xunto coa Segunda División, unha das dúas únicas categorías con status profesional en España, baixo o amparo da LFP. Está considerada unha das cinco grandes ligas europeas[1], ocupando o primeiro posto do coeficiente UEFA por diante da Premier League inglesa, a Serie A italiana, a Bundesliga alemá e a Ligue 1 francesa. Por outra parte, é considerada como a mellor liga do mundo segundo o ránking anual oficial da IFFHS[2], posto que ocupa de manera consecutiva dende 2010. É, ademais, o segundo campionato nacional con máis títulos en competicións internacionais a nivel mundial e o primeiro de Europa, cun total de 78 títulos conseguidos por 9 clubs.
Un total de 63 equipos pasaron pola categoría ao longo da súa historia, sendo campións só 9 equipos. Real Madrid e Barcelona son os claros dominadores do torneo con 34 e 26 ligas respectivamente. Os outros sete campións son Atlético de Madrid (11), Athletic (8), Valencia (6), Real Sociedad (2) e Deportivo, Sevilla e Betis (1).
En abril de 1927, José María Acha, adestrador do Arenas Club de Getxo, propuxo a creación dunha liga nacional en España. Despois de moito debate sobre o tamaño da liga e quen ía participar, a Real Federación Española de Fútbol chegou a un acordo sobre os dez equipos que formarían a primeira tempada da Primeira División en 1929. Barcelona, Real Madrid, Athletic de Bilbao, Real Sociedad, Arenas de Getxo e Real Unión foron seleccionados como gañadores anteriores da Copa de España; Atlético de Madrid, Espanyol e Europa como subcampións, e o Racing de Santander, como gañador dunha eliminatoria. Só tres dos clubs fundadores, Real Madrid, Barcelona e Athletic, nunca baixaron a Segunda División.
Aínda que o Barcelona gañou a primeira liga en 1929 e o Real Madrid gañou os seus primeiros títulos en 1932 e 1933, foi o Athletic de Bilbao, o que definiu o ritmo inicial gañador da Primeira División, proclamándose campión en 1930, 1931, 1934 e 1936. Ademais foron subcampións en 1932 e 1933. En 1935, o Real Betis, entón coñecido como Betis Balompié, gañou o seu único título ata hoxe. A Primeira División foi suspendida durante a Guerra civil española.
En 1937, os equipos da zona republicana de España, coa excepción notábel dos dous clubs de Madrid, participaron no campionato Mediterráneo e o FC Barcelona proclamouse campión. Setenta anos despois, o 28 de setembro de 2007, o Barcelona solicitou á RFEF recoñecer ese título como un título da Liga. Esta acción foi tomada logo de que a federación concedera a Copa da España Libre gañada polo Levante UD en 1937 como equivalente á Copa do Rei.
Cando a Primeira División continuou despois da Guerra civil foron Atlético Aviación (actual Atlético de Madrid), Valencia e Sevilla os equipos máis fortes na categoría. O Atlético Aviación foi premiado cun posto na tempada 1939-40 como substituto para o Real Oviedo, cuxo estadio quedou danado durante a guerra. O equipo proclamouse campión nesa tempada e repetiu título na seguinte. O Valencia gañou os títulos de 1942, 1944 e 1947. Ademais foron subcampións en 1948 e 1949. Finalmente, o Sevilla tamén tivo unha breve época dourada, rematando como subcampión en 1940 e 1942, antes de gañar o seu único título ata a data, en 1946. A finais da década, o Barcelona comezou a emerxer e conseguiu os títulos de 1945, 1948 e 1949.
A pesar de que o Atlético Aviación de Helenio Herrera foi campión en 1950 e 1951, a década de 1950 viu o inicio do dominio de Real Madrid e Barcelona. Nas primeiras décadas da liga, había impostos polas fichaxes de estranxeiros, e eran poucos os xogadores de fóra de España que xogaban na Liga. Con todo, o Real Madrid e o Barcelona romperon estas regras. Inspirado por Kubala, o Barça conseguiu o título en 1952 e 1953. Di Stéfano, Puskás e Paco Gento formaron o núcleo do Real Madrid que dominou a segunda metade da década. O club gañou os títulos de 1954 e 1955. O equipo foi tamén vencedor en 1957 e 1958, só interrompido por unha liga gañada polo Athletic Club. Durante este período, o Real Madrid tamén gañou cinco títulos europeos consecutivos. O Barcelona, cun equipo adestrado por Helenio Herrera e co galego Luis Suárez gañou o título en 1959 e 1960.
Entre 1961 e 1980, o Real Madrid dominou a Primeira División sendo coroado campión en 14 ocasións. Isto inclúe un período de cinco ligas consecutivas (1961-1965) e dous de tres (1967-1969 e 1978-1980). Durante esta época só destacaron os catro títulos do Atlético de Madrid en 1966, 1970, 1973 e 1977. Outros dous clubs, o Valencia en 1971 e o Barcelona con Johan Cruyff en 1974 conseguiron romper o dominio do Real Madrid.
A secuencia gañadora do Real Madrid foi pechada de forma máis significativa en 1981, cando a Real Sociedad gañou o primeiro título da súa historia. O equipo donostiarra repetiu en 1982 e logo viñeron dúas ligas gañadas polos seus veciños vascos, o Athletic de Bilbao, en 1983 e 1984. Terry Venables levou ó Barcelona a un título solitario en 1985, antes de que o Real Madrid vencera novamente cinco consecutivas (1986-1990) cun equipo, adestrado por Leo Beenhakker, e con Hugo Sánchez e a lendaria Quinta del Buitre, formada por Emilio Butragueño, Manolo Sanchís, Martín Vázquez, Míchel e Miguel Pardeza.
Johan Cruyff regresou ó Barcelona como adestrador en 1988, e montou o lendario Dream Team. Cruyff introduciu xogadores como Guardiola, José Mari Bakero, Txiki Begiristain, Goikoetxea, Ronald Koeman, Michael Laudrup, Romário e Hristo Stoichkov. Este equipo gañou catro ligas consecutivas entre 1991 e 1994 e gañou a súa primeira Copa de Europa en 1992. Laudrup marchou entón ao eterno rival e acabou a grande época de Cruyff. O Atlético de Madrid gañou a súa novena liga en 1996, antes de que o Real Madrid engadira un trofeo máis á súa historia, en 1997. Despois do éxito de Cruyff, outro neerlandés, Louis van Gaal, chegou ao Camp Nou, e co talento de Luís Figo, Luis Enrique e Rivaldo, o Barcelona volveu gañar o título en 1998 e 1999. Mentres tanto, o Real Madrid tamén tivo éxito na competición continental, sendo gañador da Liga de Campións en 1998.
Cando a Primeira División entrou no novo século, os dous grandes tiveron que afrontar novos retos. Entre 1993 e 2004, o Deportivo da Coruña rematou entre os tres primeiros en dez ocasións, unha marca mellor que calquera Real Madrid ou Barcelona, e en 2000, con Javier Irureta como adestrador, converteuse no noveno equipo en ser campión. O Real Madrid gañou dous títulos de Liga en 2001 e 2003 e tamén a final da Liga de Campións en 2000 e 2002, e gañou o seu terceiro título de liga en 2007, tras unha seca de tres anos. O equipo branco atopou no Valencia ao seu máximo competidor nas dúas competicións. Baixo a dirección de Héctor Cúper, o Valencia chegou á final da Liga de Campións en 2000 e 2001. O seu sucesor, Rafael Benítez, levou ao club ao título de Liga en 2002 e a facer un dobrete de Liga e Copa da UEFA en 2004. A tempada 2004-05 viu un rexurdimento do FC Barcelona con Ronaldinho gañando a primeira liga da década, seguida dun dobrete de Liga e Champions en 2005-06. O Real Madrid gañou a liga nas tempadas 2006-07 e 2007-08, na que o Villarreal foi subcampión. O Barcelona gañou novamente a liga na tempada 2008-09, na que tamén conseguiu o resto de copas, sendo o primeiro equipo da historia en gañar tódalas competicións nun mesmo ano. Na tempada 2009-10 gañou a súa 20ª liga cunha marca histórica de 99 puntos, e na tempada seguinte volveu repetir, sendo a terceira liga consecutiva para os blaugranas. Na tempada 2011-12, o Real Madrid gañou a liga con 100 puntos, superando o récord conseguido polo Barça a tempada anterior. Na tempada 2012-13, o FC Barcelona gaña novamente a liga igualando os 100 puntos do equipo madrileño da tempada anterior.
A Primeira División é un torneo organizado e regulado, conxuntamente coa Segunda División, pola Liga Nacional de Fútbol Profesional (LFP), cuxos membros son os propios clubs participantes.
A competición dispútase anualmente, empezando a finais do mes de agosto ou principios de setembro e terminando no mes de maio ou xuño do seguinte ano.
Consta dun grupo único integrado por vinte equipos, pertencentes a clubs de fútbol ou sociedades anónimas deportivas (SAD). Seguindo un sistema de liga, os vinte equipos enfróntanse todos contra todos en dúas ocasións -unha en campo propio e outra en campo contrario- sumando un total de 38 xornadas. A orde dos encontros decídese por sorteo antes de empezar a competición.
A clasificación final establécese de acordo aos puntos totais obtidos por cada equipo ao finalizar o campionato. Os equipos obteñen tres puntos por cada partido gañado, un punto por cada empate e ningún punto polos partidos perdidos. Se ao finalizar o campionato dous equipos igualan a puntos, os mecanismos para desempatar a clasificación son os seguintes:
Se o empate a puntos é entre tres ou máis clubs, os sucesivos mecanismos de desempate son os seguintes:
Posto | Clasificación |
1º | Clasificados para a fase de grupos da Liga de Campións |
2º | |
3º | |
4º | |
5º | Clasificado para o play-off da Liga Europa |
6º | Clasificado para a terceira rolda da Liga Europa |
7º-17º | |
18º | Descenden a Segunda División |
19º | |
20º |
O equipo que máis puntos suma ao final do campionato é proclamado campión de liga e obterá o dereito automático a participar na fase de grupos da seguinte edición da Liga de Campións da UEFA (Champions League), xunto co subcampión, o terceiro clasificado e o cuarto clasificado. O quinto clasificado obterá o dereito a participar na rolda de play-off da próxima Liga Europa da UEFA (UEFA Europa League) e, o sexto, na terceira eliminatoria da mesma. Se na Copa do Rei o campión está clasificado para a Liga de Campións, o sétimo clasificado obterá o dereito para xogar a terceira rolda previa da seguinte edición da Liga Europa. Ademais, o campión e o subcampión da liga disputan a Supercopa de España, enfrontándose aos finalistas da Copa do Rei desa mesma tempada.
Os tres últimos equipos descenderán á Segunda División e, desta, ascenderán reciprocamente os dous primeiros clasificados e un terceiro vencedor dun sistema de eliminatorias, substituíndo así aos equipos que descendan. O terceiro ascenso desde Segunda División determinado polo sistema de eliminatorias será o vencedor dunha final composta entre o gañador da eliminatoria entre o terceiro e sexto mellor clasificados, e o gañador da eliminatoria entre o cuarto e quinto mellor clasificados. As eliminatorias xogaranse na ida no campo do peor clasificado na competición regular. Este sistema foi introducido na tempada 2010/11, mentres que anteriormente ascendía directamente o terceiro mellor clasificado.
Ata a tempada 1998/99, os dous últimos clasificados descendían directamente a Segunda, e o 17º e o 18º xogaban unha promoción na que se enfrontaban ao terceiro e cuarto clasificado de Segunda División, respectivamente. Os vencedores deses partidos lograban xogar na Primeira División a tempada seguinte e os perdedores tiñan que conformarse con xogar en Segunda.
Na tempada 1986/87, chegouse a xogar un sistema de eliminatorias que, ao termo da tempada regular, dividiu aos equipos en tres grupos de seis conxuntos cada un, conforme á clasificación que obtiveran tras as 34 xornadas ordinarias. Seis loitaron polo título, seis pola Copa da Liga, e os seis loitaron por eludir o descenso. Os puntos conseguidos nas eliminatorias sumáronse aos alcanzados na liga regular.
Os clubs poden aliñar aos futbolistas que previamente sexan inscritos, dispondo dun máximo de 25 fichas federativas. Destas, só tres poden corresponder a futbolistas estranxeiros non comunitarios, é dicir, xogadores cuxa nacionalidade non corresponda aos países da Unión Europea. Nos partidos, estes tres extracomunitarios poden aliñarse simultaneamente.
Existen dous períodos abertos para a inscrición de futbolistas: o primeiro, antes de iniciarse a competición (meses de xullo e agosto) e o segundo a metade de tempada (durante o mes de xaneiro). Fóra destes períodos só se autorizan inscricións, de forma excepcional, se un xogador causa baixa por lesión cun período de inactividade estimado de máis de cinco meses.
Á marxe dos 25 futbolistas profesionais inscritos, os clubs poden aliñar aos xogadores da súa filial e categorías inferiores de forma ilimitada se estes son menores de vinte e tres anos e non teñen licenza profesional. Se, pola contra, son maiores de vinte e tres anos, o regulamento impídelles volver actuar nun equipo de categoría inferior se disputan máis de dez partidos en Primeira División.
Inicialmente non estaba autorizada a participación de estranxeiros na Liga; só podían competir os chamados "oriúndos", estranxeiros que se nacionalizaban ou que acreditaban ter antecedentes familiares españois. A "normativa dos oriúndos", con todo, foi obxecto de moitas polémicas e orixe de corruptelas. Por iso, aboliuse finalmente en 1974 e autorizouse a participación de dous estranxeiros por club, feito que incrementou a calidade e atractivo da Liga, comezando coa fichaxe de Johan Cruyff polo FC Barcelona.
Nos anos 1990 autorizouse a participación dun terceiro estranxeiro por equipo, e posteriormente dun cuarto, coa condición de que só tres coincidisen á vez sobre o terreo de xogo. Coa "Sentenza Bosman" de 1995, que abriu as portas da Liga a todos os europeos, reducíronse a tres as prazas de extracomunitarios por club, para protexer os intereses dos xogadores españois.
Déronse varios casos de equipos (máis ben de adestradores) que "omitiron" esta norma. Na tempada 2003-2004 o adestrador do Racing de Santander, Lucas Alcaraz, aliñou na cancha, durante 2 minutos, a 4 extracomunitarios á vez no partido disputado ante Osasuna o 14 de decembro do 2003[3]. Esta acción valeulle ao Racing perder o punto obtido en devandito partido e unha sanción económica, ademais dunha suspensión ao técnico cántabro[4]. Outros casos similares ocorreron na tempada 98-99, con Jorge Valdano en dúas ocasións, unha co Real Madrid en 1994 e a segunda nun partido entre o Valencia CF e o Racing de Santander[5] e con Sergio Kresic nun encontro entre o Real Valladolid e o Real Betis. En outubro do 2001, Rafael Benítez cometeu un erro similar, pero nun partido pola Copa do Rei entre o Valencia CF e o Novelda CF, ao aliñar a 4 extacomunitarios no último minuto [6].
Non existe nin existiu normativa que condicione a nacionalidade dos adestradores.
As cuestións de xustiza deportiva son competencia da Real Federación Española de Fútbol a través dos seus Comités de Disciplina Deportiva: Comité de Competición, Xuíces de Competición e Comité de Apelación. O Comité de Competición ditamina semanalmente as sancións aos futbolistas. Os xogadores son sancionados cun partido de suspensión en caso de acumular cinco amoestacións ao longo do campionato. Igualmente, son suspendidos aqueles futbolistas expulsados durante un encontro.
Os árbitros de cada partido son designados por unha comisión creada para tal obxectivo e integrada por representantes da LFP e a RFEF.
Ao longo da historia da competición participaron 63 equipos diferentes, pero só tres permaneceron en Primeira división desde a súa primeira tempada. Os únicos clubs que disputaron todas as tempadas da Liga, sempre en Primeira División, son o Real Madrid, o FC Barcelona e o Athletic Club de Bilbao. Estes tres, xunto con Osasuna, son os únicos que seguen sendo entidades deportivas propiedade dos seus socios, e non Sociedades Anónimas Deportivas propiedade de accionistas.
Ademais dos tres equipos antes mencionados que sempre xogaron en Primeira División, só hai outros seis equipos en España que nunca participasen nunha categoría inferior á Segunda División, participando tamén por tanto sempre no fútbol profesional: Valencia, Atlético de Madrid, Espanyol, Sevilla, Sporting de Xixón e Real Sociedad.
Dende a tempada 1997-98 hai 20 equipos no torneo. Aínda que nos primeiros anos só participaban 10 equipos, máis adiante foise incrementando paulatinamente a cifra ata os actuais 20 equipos, aínda que se chegou ata aos 22 durante as tempadas 1995-96 e 1996-97.
Un total de 4 equipos galegos pasaron pola Primeira División na súa historia: Celta de Vigo, Deportivo da Coruña, SD Compostela e Pontevedra CF. Deles, o Deportivo foi o único que se proclamou campión, na tempada 1999-00.
Posto histórico | Equipo | Tempadas | Mellor posto | Última tempada | Puntos | PX | PG | PE | PP | GF | GC |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
11º | Celta de Vigo | 57 | 4º (2002-03) | 2022-23 | 2058 | 1926 | 653 | 457 | 816 | 2568 | 2949 |
12º | Deportivo da Coruña | 45 | 1º (1999-00) | 2017-18 | 1843 | 1568 | 569 | 403 | 596 | 2090 | 2269 |
40º | SD Compostela | 4 | 10º (1995-96) | 1997-98 | 190 | 160 | 52 | 45 | 63 | 199 | 241 |
44º | Pontevedra CF | 6 | 7º (1965-66) | 1969-70 | 150 | 180 | 53 | 44 | 83 | 165 | 221 |
A pesar de que 63 equipos diferentes disputaron a Primeira División, ata agora só foron capaces de gañar o torneo nove clubs: Real Madrid en 34 ocasións; FC Barcelona, en 26; Atlético de Madrid, en 11; Athletic de Bilbao, en 8; Valencia CF, en 6; Real Sociedad, en 2 e Real Betis, Sevilla FC e Deportivo da Coruña, nunha.
Aínda así, dous equipos, Barcelona e Real Madrid, acapararon 31 dos últimos 37 campionatos de liga. Esta hexemonía repítese noutras ligas internacionais, a liga portuguesa, onde Benfica e Porto foron campións en 35 das últimas 39 tempadas; a liga exipcia, onde destaca o Al-Ahly con 42 dos 62 campionatos; a Premier League escocesa, onde Celtic e Rangers reúnen 106 dos 124 títulos (incluíndo os últimos 36); a Serie A italiana, na que Inter e Juventus suman 15 dos últimos 16 títulos; ou a Bundesliga alemá, con 17 dos últimos 23 títulos para o Bayern München.
O trofeo da Liga entrégase ao club campión, que a conserva durante un ano, ata cedela ao campión da seguinte edición. Logo de devolvela, os clubs só poden exhibir nas súas vitrinas unha copia a escala reducida do orixinal. Con todo, o equipo que consegue gañar en cinco ocasións alternas ou tres consecutivas o mesmo trofeo, queda con el en propiedade; e comézase un novo ciclo pondo todos os contadores de títulos a cero (é dicir, os títulos conseguidos anteriormente por outros equipos non son acumulables). A partir da tempada 2011-12 estará en disputa o undécimo trofeo, habéndose repartido tres clubs a propiedade dos dez anteriores:
Partidos consecutivos:
Máis goles:
Récord | Primeiro | Segundo | Terceiro |
Máis partidos | Andoni Zubizarreta 622 partidos | Raúl González 550 partidos | Joaquín Sánchez 544 partidos |
Máis goles | Messi 438 goles en 474 partidos | Cristiano Ronaldo 311 goles en 292 partidos | Zarra 251 goles en 277 partidos |
Máis títulos | Gento 12 ligas en 19 tempadas | Messi 10 ligas en 15 tempadas | Pirri 10 ligas en 17 tempadas |
Goleador máis novo | Fabrice Olinga 16 anos e 98 días | Iker Muniain 16 anos e 289 días | Ansu Fati 16 anos e 304 días |
Goleador con máis idade | Donato Gama 40 anos e 138 días | César Rodríguez 40 anos | Alfredo Di Stéfano 39 anos e 231 días |
Debutante máis novo | Sansón 15 anos e 255 días | Pedro Irastorza 15 anos e 288 días | Óscar Ramón 15 anos e 289 días |
Debutante con máis idade | Harry Lowe 48 anos e 226 días | Stipe Pletikosa 37 anos e 54 días | Florentino Sion 36 anos e 55 días |
Pos. | Nome | Equipo(s) | Anos | Goles | Partidos | Goles/Part. |
---|---|---|---|---|---|---|
1 | Lionel Messi | Barcelona | 2004–2021 | 474 | 520 | 0.91 |
2 | Cristiano Ronaldo | Real Madrid | 2009–2018 | 311 | 292 | 1.07 |
3 | Telmo Zarra | Athletic | 1940–1955 | 251 | 278 | 0.90 |
4 | Karim Benzema | Real Madrid | 2009–2023 | 238 | 439 | 0.54 |
5 | Hugo Sánchez | Atlético de Madrid, Real Madrid e Rayo Vallecano | 1981–1994 | 234 | 347 | 0.67 |
6 | Raúl | Real Madrid | 1994–2010 | 228 | 550 | 0.41 |
7 | Alfredo Di Stéfano | Real Madrid e Espanyol | 1953–1966 | 227 | 329 | 0.69 |
8 | César Rodríguez | Granada, Barcelona, Cultural Leonesa e Elche | 1939–1955 | 223 | 353 | 0.63 |
9 | Quini | Sporting de Gijón e Barcelona | 1970–1987 | 219 | 448 | 0.49 |
10 | Pahiño | Celta, Real Madrid e Deportivo | 1943–1956 | 210 | 278 | 0.76 |
Récord | Primeiro | Segundo | Terceiro |
Máis títulos | Miguel Muñoz 9 ligas en 13 tempadas | Johan Cruyff 4 ligas en 8 tempadas | Helenio Herrera 4 ligas en 14 tempadas |
Máis partidos | Luis Aragonés 757 part en 25 tempadas | Javier Irureta 612 part en 19 tempadas | Miguel Muñoz 608 part en 21 tempadas |
Récord | Primeiro | Segundo | Terceiro |
Máis partidos | Alberto Undiano Mallenco 348 partidos | Eduardo Iturralde González 291 partidos | Miguel Ángel Pérez Lasa 276 partidos |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.