futbolista galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Xoán Acuña Naya,[1] tamén coñecido como Xanetas, nado na Coruña o 14 de febreiro de 1923 e finado na mesma cidade o 30 de agosto de 2001, foi un futbolista galego. Considerado como un dos porteiros españois máis destacados da súa época e un dos mellores futbolistas galegos de tódolos tempos, permaneceu case toda a súa carreira deportiva no Deportivo da Coruña, club no que debutou con só 15 anos. É o quinto xogador con máis encontros oficiais na historia do club (393) e o primeiro entre os gardametas. Gañou catro Trofeos Zamora como o porteiro menos goleado da Primeira División, categoría na que militou durante a maior parte da súa carreira.
(2014) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 14 de febreiro de 1923 A Coruña, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 30 de agosto de 2001 (78 anos) A Coruña, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1940 - | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Gardameta | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1950 | Mundial de Fútbol Brasil 1950 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Descrito pola fonte | Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Foi internacional coa selección española nunha ocasión e formou parte do equipo español no Mundial de 1950, aínda que non chegou a xogar ningún partido.
Naceu na Coruña o 14 de febreiro de 1923, sendo o segundo dos oito fillos de Juan Acuña Canda e Manuela Naya Catoira.[2] Comezou a xogar ao fútbol con pelotas de trapo no Campo da Artillaría e máis tarde militou no Sporting Coruñés e no Eureka.[3] Nos seus inicios no Sporting xogaba como interior, ata que durante un partido o gardameta do equipo lesionouse, pasando Acuña á portería, posición da que xa non saíu nunca máis.[4]
Con só 14 anos disputou o seu primeiro partido como gardameta do Deportivo da Coruña, nun amigable en Santiago de Compostela, O seu debut oficial co Deportivo produciuse aos 15 anos, o 12 de xuño de 1938, nun partido contra o Racing de Ferrol no Inferniño, correspondente á tempada 1937/38 do Campionato de Galicia. O encontro rematou con vitoria coruñesa por 2-1, e o primeiro gol que encaixou, marcoullo o dianteiro Barrio.[5] A pesar da súa curta idade fíxose inmediatamente coa titularidade na portería deportivista para o resto da tempada, acompañado polos defensas Suárez e Moreno. Ao ano seguinte firmou contrato co equipo coruñés con 300 pesetas de soldo.[6]
Tralo remate da Guerra Civil conquistou co Deportivo o Campionato de Galicia e menos dun mes despois debutou na Segunda División, converténdose ao pouco tempo nun dos porteiros máis difíciles de bater para os dianteiros rivais. Xogou o seu primeiro encontro en competición nacional nunha goleada por 6-0 fronte ao Stadium Avilesino e foi o gardameta menos goleado da categoría nas tempadas 1939/40 e 1940/41.
Unha das súas características máis destacadas, as saídas, comezou a causarlle desgustos desde os seus primeiros anos como deportivista e en marzo de 1941 sufriu unha distensión dos ligamentos da clavícula en plena promoción de ascenso.[7][8] Tras unhas semanas de baixa, recuperouse a tempo para disputar o partido decisivo ante o Murcia no antigo campo de Vallecas. Tito adiantou ao equipo murciano, pero Chacho empatou para o equipo de Hilario Marrero, forzando unha prórroga na que Guimeráns puxo por diante ao equipo galego. A actuación no tempo extra de Acuña, que foi o mellor xogador do partido, detendo todos os disparos do Murcia, foi chave para que o Deportivo lograse o seu primeiro ascenso á Primeira División.[9]
Debutou na máxima categoría o mesmo día que o propio Deportivo, na vitoria por 2-1 sobre o Castellón no antigo campo de Riazor. Disputou completos os 26 partidos de liga, nos que encaixou 37 goles, facendo así ao Deportivo o equipo menos goleado do campionato, situación que se repetiu na campaña seguinte.
Continuou como titular indiscutible do equipo coruñés durante os seguintes 12 anos, aínda que a partir de 1945 comezou a ter problemas de peso. Acuña converteuse nun dos mellores porteiros da súa época e deulle ao Deportivo catro trofeos Zamora, que se lle entregaron de xeito retroactivo trala creación do premio. Foi o porteiro menos batido de Primeira nas tempadas 1941/42, 1942/43, 1949/50 e 1950/51, e o terceiro porteiro con máis trofeos Zamora ás súas costas logo de Ramallets e Víctor Valdés.
Na tempada 1949/50 foi un dos destacados no Deportivo que, adestrado por Alejandro Scopelli, conseguiu o subcampionato de Liga. Esa mesma tempada en Valladolid, ao lanzarse aos pés do dianteiro Rafa Yunta, produciulle unha fortuíta fractura de perna, o que deu lugar a unha forte campaña contra Acuña, que permaneceu sancionado sen xogar varias xornadas. Con todo, foi o gardameta menos goleado da máxima categoría por terceira vez.
Na tempada 1954/55, despois dun tempo sen xogar tras unha operación no ombreiro, foi cedido a metade de tempada ao Xuvenil, equipo coruñés que militaba por primeira vez na Segunda División, e que estaba adestrado por Eduardo Viso.[10] Non puido evitar o descenso do equipo, e ao remate da campaña deixou o fútbol. Retirouse como o futbolista con máis partidos da historia do Deportivo da Coruña (393), privilexio que ocupou durante preto de medio século, ata que foi superado por Fran. Na actualidade ocupa o quinto posto, empatado con Donato, e é primeiro entre os gardametas.
Acuña xogou un único partido coa selección española, o 28 de decembro de 1941, nun amigable contra Suíza. Entrou no minuto 74 en substitución de Alberto Martorell, nun partido que acabou con vitoria (3–2).[11] Foi convocado por Guillermo Eizaguirre para o Mundial de 1950 no Brasil, como un dos tres gardametas do equipo español, xunto a Ignacio Eizaguirre e Ramallets. Con todo, antes de coller o voo cara ao país suramericano enfrontouse no aeroporto ao seleccionador, despois de que este pedise que as maletas as cargase un galego. Finalmente non xogou ningún partido na competición.[6][12][13]
O 4 de xuño de 1961 ofrecéuselle na Coruña unha homenaxe organizada por Ramón de Llano, con dous partidos amigables no estadio de Riazor. No primeiro deles enfrontouse un equipo de vellas glorias de Biscaia contra outro de vellas glorias galegas. Por parte vasca xogaron futbolistas como Lezama, Nando González ou os cinco integrantes da chamada "segunda dianteira histórica" do Athletic, integrada por Iriondo, Venancio, Zarra, Panizo e Gaínza; mentres que no equipo galego formaron entre outros Waldo Botana, Tomé, Pedrito, Cuqui Bienzobas, Cuenca, Guimeráns, Lechuga, Elicegui, Pahiño, Chacho, Tino e Tito Blanco, ademais do propio Acuña.[14] A continuación enfrontáronse o CD Ourense e o Deportivo, con vitoria coruñesa por 5-0.[14]
En 1979 o escultor Fernando García Blanco realizou un monumento sobre o gardameta, instalado inicialmente na Cidade Deportiva Municipal da Torre e trasladado definitivamente ás inmediacións do estadio de Riazor en 1984.[15] En 1989 a Deputación da Coruña creou o Trofeo Juan Acuña, un torneo amigable do que se disputaron 18 edicións en Riazor ata 2007.[16]
Os seus irmáns Paco e Moncho foron tamén futbolistas, e xogaron entre outros equipos no Bergantiños.[17]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.