futbolista e adestrador español From Wikipedia, the free encyclopedia
Rafael Iriondo Aurtenetxea, coñecido simplemente como Iriondo, nado en Gernika-Lumo o 24 de outubro de 1918 e finado en Bilbao o 24 de febreiro de 2016, foi un futbolista e adestrador vasco. Destacado dianteiro, formou parte da "segunda dianteira histórica" do Athletic Club, equipo no que militou durante a maior parte da súa carreira, marcando 114 goles en 325 partidos oficiais. Gañou co club vasco unha liga de Primeira División, catro Copas do Xeneralísimo e unha Copa Eva Duarte.[1]
Iriondo | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Rafael Iriondo Aurtenetxea | ||
Nacemento | 24 de outubro de 1918 | ||
Lugar de nacemento | Gernika-Lumo | ||
Falecemento | 24 de febreiro de 2016 | ||
Lugar de falecemento | Bilbao | ||
Altura | 1,71 m. | ||
Posición | Extremo dereito | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1933 | Gernika | 1 | (0) |
1939–1940 | Atlético Tetuán | ||
1940–1953 | Athletic | 257 | (80) |
1953 | Barakaldo | 3 | (1) |
1953–1955 | Real Sociedad | 29 | (9) |
1955 | Indautxu | 1 | (0) |
Selección nacional | |||
1946–1947 | España | 2 | (1) |
Adestrador | |||
1955–1958 | Indautxu | ||
1958–1959 | Alavés | ||
1960–1961 | Indautxu | ||
1961–1962 | Barakaldo | ||
1964 | Indautxu | ||
1965–1968 | Bilbao Athletic | ||
1968–1969 | Athletic de Bilbao | ||
1970 | Espanyol | ||
1971–1972 | Zaragoza | ||
1972–1974 | Real Sociedad | ||
1974–1976 | Athletic de Bilbao | ||
1976–1978 | Betis | ||
1980 | Rayo Vallecano | ||
1981–1982 | Betis | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Comezou a xogar ao fútbol no equipo da súa vila natal, o Gernika Club, en 1933, pero só puido disputar un partido antes da desaparición do club ese mesmo ano, pasando a xogar entón á pelota vasca.[2] Aos 18 anos, en plena guerra civil, sobreviviu ao bombardeo da vila por parte da Lexión Cóndor e a Aviazione Legionaria, aliadas das tropas franquistas, que destruíron a cidade e mataron a centos de persoas.[3][4] Durante o bombardeo estaba actuando como xuíz nun partido de pelota vasca.[2] O ataque acabou cos dous negocios que a súa familia tiña na vila (unha tenda de mobles e unha carboeira), polo que se trasladaron a Bilbao.[3]
Alí presentouse a unha proba para ingresar no Athletic Club e foi aceptado. Con todo, tivo que marchar para realizar o servizo militar, sendo destinado ao Protectorado Español de Marrocos, concretamente á base militar de Ksar el-Kebir. Durante a súa estancia alí disputou algúns encontros co Atlético Tetuán, ata que grazas á mediación do Athletic puido regresar ao País Vasco e continuar o servizo militar no cuartel bilbaíno de Garellano.[5][4]
O 29 de setembro de 1940 debutou co Athletic Club na Primeira División, no empate 2-2 ante o Valencia da primeira xornada, o mesmo día no que debutaba tamén Telmo Zarra.[2] Titular indiscutible dende entón, militou no club bilbaíno durante os seguintes 13 anos, e foi un dos cinco integrantes da chamada "segunda dianteira histórica" do club, xunto con Venancio, Zarra, Panizo e Gaínza.[6]
Na tempada 1942/43 conquistou tanto a liga como a Copa do Xeneralísimo, aportando 11 goles entre ambas competicións, e repetiu título de Copa nas seguintes dúas campañas. Na final de 1945 marcou dous goles que serviron para gañar por 3-2 ante o Valencia. Na tempada 1949/50 conseguiu a súa mellor cifra goleadora, con 17 tantos entre liga e Copa, e gañou esta última por cuarta vez. Na seguinte tempada conquistou o seu sexto e último título co Athletic, a Copa Eva Duarte, marcando un dos goles contra o Atlético de Madrid. Disputou un total de 325 partidos co Athletic, marcando 114 goles.
Na tempada 1953/54 recibiu a carta de liberdade do club e fichou polo Barakaldo CF da Segunda División, co que xogou só tres partidos antes de asinar pola Real Sociedad.[7] No club donostiarra xogou de extremo, formando unha á dereita xunto con Epi. Disputou 32 partidos, nos que marcou dez goles, un deles ante o propio Athletic nun derbi vasco en liga.[8]
Ao final da campaña 1954/55 puxo fin á súa carreira como futbolista.
Foi internacional en dúas ocasións coa selección española. O seu debut produciuse o 26 de xuño de 1946, nunha derrota por 1-0 contra Irlanda nun amigable. Volveu xogar coa selección ao ano seguinte, nunha vitoria por 4-1 sobre Portugal. Aliñouse naquel encontro xunto a tres dos seus catro compañeiros da "segunda dianteira histórica" do Athletic (Panizo, Zarra e Gaínza) e marcou o único gol español.
En 1955 comezou a súa carreira como adestrador no banco do Indautxu, de Segunda División, co que se chegou a aliñar nun partido ante o Barakaldo. Dirixiu o club bilbaíno ata 1958, obtendo como mellor resultado un terceiro posto na tempada 1956/57. A continuación fichou polo Alavés, tamén de Segunda, para a campaña 1958/59, pero non chegou a rematala, pois dimitiu en marzo debido aos malos resultados.[9] Nos seguintes anos viviu dúas novas etapas como adestrador do Indautxu, cun paso intermedio polo banco do Barakaldo, de Terceira División.
Dende 1965 dirixiu o Bilbao Athletic, co que logrou o ascenso a Terceira na súa primeira tempada, mentres que na segunda delas proclamouse campión do grupo 3 da categoría de bronce, sen poder certificar o ascenso, ao perder na segunda rolda da promoción ante o Badajoz. En xuño de 1968 conquistou o Campionato de España de Afeccionados, despois de seis anos de dominio do Real Madrid Afeccionados, ao derrotar na final ao Barcelona Afeccionados por 4-1.[10][11]
En outubro de 1968 chegou a súa grande oportunidade, cando foi designado como novo adestrador do primeiro equipo do Athletic como substituto do cesado Gaínza.[12] Colleu o equipo na penúltima posición da táboa, e conseguiu levalo momentaneamente ata o cuarto lugar, aínda que os malos resultados nas últimas xornadas fixeron que rematase finalmente 11º. Con todo, o equipo de Iriondo resarciuse na Copa do Xeneralísimo, onde eliminou sucesivamente a Zaragoza, Deportivo da Coruña e Granada, para alcanzar unha final na que tivo como rival ao Elche. O partido, disputado no estadio Santiago Bernabéu, decantouse a favor do equipo vasco grazas a un solitario gol de Arieta II, dándolle así ao equipo un título que non gañaba dende facía 11 anos.[13]
En febreiro de 1970 colleu as rendas do Espanyol, na Segunda División, despois de que o chileno Fernando Riera fora despedido tras unha derrota contra o Racing de Ferrol.[14] Dirixiu o equipo catalán durante as últimas 15 xornadas e conseguiu o ascenso á Primeira División a falta dun partido.[14] Durante a seguinte tempada adestrou o Zaragoza, logrando un segundo ascenso consecutivo.[15]
Dende entón dirixiu sempre na Primeira División, pasando polos bancos da Real Sociedad, Athletic Club (por segunda vez), Betis e Rayo Vallecano. Co Betis gañou a súa segunda Copa do Rei en 1977, despois de derrotar na quenda de penaltis da final ao Athletic, dirixido por Koldo Aguirre.[16] Retirouse do mundo do fútbol en 1982, despois dunha segunda etapa no Betis.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.