From Wikipedia, the free encyclopedia
As moedas do bicentenario dos Estados Unidos constitúen unha serie de tres moedas conmemorativas cos valores faciais dun cuarto de dólar, medio dólar e un dólar, cuñadas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1975 e 1976, para conmemorar os 200 anos da independencia do país.
Dólar do Bicentenario dos EEUU [1] | |
---|---|
A/: Cabeza de Dwight D. Eisenhower cara á esquerda. Marca de ceca (D ou S) e de gravador (FG).
Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST / 1776 · 1976 |
R/: Campá da Liberdade coa Lúa atrás. Marca de gravador (DRW)
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / ONE DOLLAR |
|
Medio dólar do Bicentenario dos EEUU [2] | |
---|---|
A/: Cabeza de John Fitzgerald Kennedy cara á esquerda. Marca de ceca (D ou S) e de gravador (GR).
Lendas: / LIBERTY / IN GOD WE TRUST / 1776 · 1976 |
R/: Edificio Independence Hall. Marca de gravador (SGH)
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / 200 YEARS OF FREEDOM / E PLURIBUS UNUM / INDEPENDENCE HALL / HALF DOLLAR |
|
Cuarto de dólar do Bicentenario dos EEUU [3][4] | |
---|---|
A/: Busto de G. Washington cara á esquerda. Marca de ceca (P, D ou S) e de gravador (JF).
Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST / 1776 ·1976. |
R/: Tamborileiro patriota cara á esquerda; facho rodeado de 13 estrelas á súa esquerda. Marca de gravador (JLA)
Lendas: E · PLURIBUS · UNUM / CUARTER DOLLAR |
|
Independentemente do seu ano de cuñaxe, todas estas moedas amosan a dobre data conmemorativa de 1776 - 1976 nos seus anversos.
Por mor dos abusos ocorridos en épocas anteriores, a US Mint decidiu non emitir moedas de carácter conmemorativo a partir da década de 1950. A partir de 1971, os membros do Congreso presentaron diversos proxectos de lei para autorizar a emisión de moedas en conmemoración do bicentenario dos Estados Unidos, que se celebraría en 1976. A directora da US Mint, Mary Brooks, opúxose inicialmente a estas propostas, aínda que finalmente as apoiou, e o Congreso aprobou unha lei pola que se autorizaba o redeseño das moedas dun cuarto de dólar, de medio dólar e dun dólar, con carácter temporal.
A celebración dun concurso nacional para determinar os deseños deu como resultado as representacións do tamborileiro colonial para a moeda dun cuarto de dólar, o edificio Independence Hall para a de medio dólar e a Campá da Liberdade superposta a unha Lúa para a dun dólar.
Dada a gran cantidade de exemplares cuñados, moitas destas moedas aínda se atopan na circulación. As pezas destinadas á circulación teñen un núcleo de cobre e están revestidas dunha capa de cuproníquel, aínda que o Congreso tamén autorizou a cuñaxe de 45 millóns de pezas con contido de prata para o coleccionismo numismático. A Casa da Moeda dos Estados Unidos vendeu máis da metade destas moedas e posteriormente refundiu as restantes, logo de suspender a súa venda en 1986.
A Casa da Moeda dos Estados Unidos emitiu moedas en conmemoración de eventos diversos a partir de 1892.[5] As organizacións promotoras destas emisións conseguían a autorización oportuna do Congreso, que lles permitía a adquisición das moedas ao seu valor nominal e a súa posterior venda cunha prima, para sufragar a celebración de exposicións ou outros eventos de interese público. A última destas emisións, o medio dólar dedicado a Booker T. Washington e a George Washington Carver deixara de cuñarse en 1954, dado o seu fracaso comercial, polo que a ceca pública estadounidense se opuxo a continuar coas emisións conmemorativas durante dúas décadas.[6]
En 1966, o Congreso creou a Comisión do Bicentenario da Revolución Americana (ARBC), para planificar e coordinar as actividades relacionadas co bicentenario da independencia dos Estados Unidos en 1976. En febreiro de 1970, a ARBC estableceu o Comité Asesor de Moedas e Medallas.[7] O informe final deste comité, datado en xullo de 1970, pedía a produción dunha moeda conmemorativa de medio dólar para a celebración do Bicentenario.[8] En decembro de 1970, o comité solicitou deseños especiais para todos os tipos de moedas estadounidenses en circulación e a ARBC apoiou esta demanda o mes seguinte. No entanto, o Tesouro mantivo a súa oposición á emisión de moedas conmemorativas. En 1971 e 1972 presentáronse no Congreso varias propostas de moedas para o Bicentenario, mais ningunha delas foi aprobada.[7]
A directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Mary Brooks, asistiu ás reunións do Comité Asesor de Moedas e Medallas, e nunha delas amosouse partidaria de incluír a dobre data de 1776-1976 nas moedas da circulación ordinaria para conmemorar o Bicentenario en 1976, aínda que esta inclusión nos anversos ocasionaría dificultades de produción. Nunha entrevista a un xornal cualificou de "desastre" a idea de cambiar o deseño das seis moedas en circulación, desde o centavo ata o dólar. Na súa opinión, se se emitise algunha moeda conmemorativa do Bicentenario debería ser de carácter non circulante, talvez unha peza de ouro ou unha co valor facial inexistente de medio centavo.[7][8] Brooks cría que esa moeda non perturbaría a produción das moedas para a circulación.[8] No entanto, ao longo de 1972 a directora da casa da moeda retractouse desa opinión e a finais de ano convenceu o secretario do Tesouro para que apoiase un proxecto de lei de moedas conmemorativas do Bicentenario.[7]
En xaneiro de 1973, o representante de Texas Richard C. White presentou un proxecto de lei para a creación de moedas dun dólar e de medio dólar conmemorativas. O senador por Oregón Mark Hatfield tamén presentou un proxecto de lei pedindo a creación dunha moeda de ouro de 25 dólares. O 2 de marzo de 1973, o Tesouro anunciou o seu apoio á creación de moedas conmemorativas do Bicentenario mediante o cambio do deseño dos reversos dos dólares e dos medios dólares en circulación, e enviou a súa propia proposta de proxecto de lei ao Congreso tres días despois.[9] O 2 de maio tiveron lugar as comparecencias ante unha subcomisión da Cámara de Representantes. A directora Brooks participou apoiando o redeseño limitado aos reversos recollido no proxecto de lei e opóndose a calquera outro redeseño máis amplo, polo que desaprobou a proposta do senador Hatfield.[10]
Como resultado das comparecencias, presentáronse varios proxectos de lei novos, o que deu lugar a novas comparecencias ante unha subcomisión do Senado o 6 de xuño. Brooks participou novamente e, en resposta ás críticas á idea de que só cambiasen as moedas cos valores menos utilizados —o dólar e o medio dólar—, anunciou tamén o seu apoio a que se modificase igualmente o reverso da moeda dun cuarto de dólar, moito máis popular. O 13 de xuño, a Comisión Bancaria do Senado aprobou un proxecto de lei que prevía a circulación de tres moedas conmemorativas do Bicentenario: cuarto de dólar, medio dólar e un dólar. Esa mesma norma autorizaba a cuñaxe de moedas no ata entón depósito de metais de West Point e permitía a emisión de moedas para os coleccionistas cun 40 % de prata na súa aliaxe. O Senado aprobou este proxecto de lei con algunhas emendas o 13 de xullo. O 12 de setembro aprobouse un proxecto de lei similar na Cámara de Representantes, que se diferenciaba do do Senado en que non autorizaba as versións con contido de prata para as novas moedas.[11]
Membros das dúas cámaras reuníronse nunha comisión o 19 de setembro, unha sesión que algúns participantes describiron como "bastante quente e pesada".[12] O proxecto de lei resultante autorizaba cambios nos reversos do cuarto dólar, do medio dólar e do dólar. Os anversos destas tres moedas non cambiarían, mais levarían a dobre data de 1776 - 1976. Segundo os termos da lei, todas as moedas cuñadas despois do 4 de xullo de 1975 e antes do 1 de xaneiro de 1977 deberían levar as datas e os deseños do Bicentenario. O Congreso encargoulle á US Mint a cuñaxe de 45 millóns de moedas con contido de prata —é dicir, 15 millóns de xogos—, e deulle autorización para que puidese cuñar na Ceca de West Point. As moedas destinadas á súa posta en circulación seguirían a ter un núcleo de cobre revestido cunha capa de cuproníquel, como xa eran ordinariamente. O proxecto de lei modificado foi aprobado por ambas as cámaras do Congreso o 4 de outubro de 1973 e o presidente Richard Nixon asinouno o 18 de outubro para o converter en lei.[12]
A proposta de Hatfield de cuñar moedas de ouro, xunto con outras similares da man doutros senadores, volveuse presentar en 1975, aínda que non tivo moito percorrido, do mesmo xeito que outra proposta que procuraba a creación dunha moeda de dous centavos do Bicentenario na honra de Abigail Adams e Susan B. Anthony.[13] A produción adicional en West Point foi clave para superar a escaseza de centavos en 1974, o que lle permitiu á casa da moeda unha maior flexibilidade para a cuñaxe das moedas do Bicentenario.[14]
O 23 de outubro de 1973, o Departamento do Tesouro anunciou un concurso para os deseños dos tres reversos.[15] Calquera cidadán estadounidense podería presentar o seu debuxo ou unha fotografía dun modelo en xeso de 250 milímetros de diámetro. Tal e como esixe a lei, as propostas debían incluír a lenda UNITED STATES OF AMERICA, o lema E PLURIBUS UNUM e os correspondentes valores faciais en letra, QUARTER DOLLAR, HALF DOLLAR ou ONE DOLLAR.[16][17] O secretario do Tesouro, Shultz, asesorado por un grupo de xuíces, decidiría o deseño que se utilizaría para cada moeda.
Por petición da directora Brooks, a Sociedade Nacional de Escultura encargouse de seleccionar os cinco xuíces do concurso; estes foron Robert Weinman, presidente da sociedade, o escultor de Connecticut Adlai S. Hardin, o antigo gravador xefe da Casa da Moeda dos Estados Unidos Gilroy Roberts, o representante da Medallic Art Company Julius Lauth e Elvira Clain-Stefanelli, conservadora da sección de Numismática do Instituto Smithsoniano.[17][18]
A data límite era orixinariamente o 14 de decembro de 1973, mais esta prorrogouse ata o 9 de xaneiro de 1974 por mor da crise enerxética e os atrasos do correo polo Nadal. Brooks viaxou máis de 11.000 quilómetros para publicitar o concurso. Na data límite, a US Mint recibira 15.000 solicitudes e 884 candidaturas,[19] entre as que non podían estar nin os membro do xurado nin ningunha persoa empregada polo Goberno estadounidense. O premio para cada un dos tres gañadores era de 5.000 dólares. Nun principio o concurso debería celebrarse en West Point mais, debido ao atraso, tivo lugar na Casa da Moeda de Filadelfia.[17][20]
Os xuíces escolleron doce deseños semifinalistas, cada un dos cales foi agraciado con 750 dólares. Os seus responsables debían presentar os seus proxectos en modelos de xeso, se non o fixeran xa, para o cal se lles ofrecía a axuda necesaria.[21]
A principios de 1974 o Tesouro publicou os doce deseños para que o público puidese emitir o seu xuízo. Dúas das propostas amosaban barcos de vela, outras dúas reproducían o Independence Hall de Filadelfia, onde se asinou a Declaración de Independencia, tres representaban a Lúa ou naves espaciais lunares, e outra amosaba a Campá da Liberdade superposta a un símbolo atómico.[22] Para o numismático Michael Marotta, no seu artigo de 2001 sobre as moedas do Bicentenario, "a reacción da comunidade numismática ás candidaturas foi predicible: todo o mundo se queixou escribindo cartas ao director".[23]
Das doce propostas, os xuíces seleccionaron seis finalistas para que fosen revisadas polo Comité do Concurso Nacional de Deseño do Bicentenario, formado por Brooks, o representante Wright Patman, o senador John Sparkman, o secretario da Comisión de Belas Artes Charles H. Atherton e Eric P. Newman, presidente do Comité Asesor de Moedas e Medallas.[21] Logo de recibidas as recomendacións do comité, o secretario Shultz seleccionou os gañadores e o 6 de marzo de 1974 Brooks acudiu ao programa de televisión Today, da NBC, para os anunciar.[24]
Para a moeda dun cuarto de dólar escolleuse o deseño de Jack L. Ahr que representaba un tamborileiro cun tambor colonial xunto cun facho da vitoria rodeado por trece estrelas, alusivas aos trece estados orixinais. Para o medio dólar elixiuse o deseño presentado por Seth Huntington do Independence Hall e para o dólar o deseño da Campá da Liberdade coa Lúa ao fondo, de Dennis R. Williams. Ahr posuía unha tenda de arte comercial e Huntington era o artista principal da compañía publicitaria Brown and Bigelow, de Minneapolis. Pola súa banda, Williams, con só 21 anos,[25] un estudante de Arte que previamente presentara o seu deseño como un traballo de clase, converteuse na persoa máis nova en deseñar unha moeda estadounidense.[24]
Ahr foi acusado de copiar o seu tamborileiro dun selo de correos emitido en 1973 polo propio deseñador do selo, William A. Smith,[26] aínda que Ahr negou a acusación. Segundo o historiador numismático Walter Breen, "é obvio que ambos derivan do cadro de Archibald Willard Spirit of '76", pintada en 1876,[16] unha pintura que o escritor numismático David L. Ganz suxire que ambos deseñadores viron sen dúbida nalgún momento das súas vidas. No entanto, Ahr dixo que o modelo do tamborileiro foi o seu propio fillo.[27] Brooks, nunha carta a Smith, declarou que o deseño do cuarto de dólar era "suficientemente orixinal" para impresionar a Sociedade Nacional de Escultura.[26] Despois Weinman desestimou os deseños gañadores:[28]
“ | Realmente non creo que o que obtivemos sexa un choio. Nada do que seleccionamos foi un verdadeiro gañador polo que loitaría a morte. Mais penso que fixemos todo o que puidemos co que tiñamos para traballar. | ” |
O 24 de abril de 1974 os tres deseñadores foron levados a Washington. Despois dunha visita á Casa Branca e de reunións coas comisións do Congreso que tramitaron os proxectos de lei das moedas, foron ao edificio do Tesouro e recibiron cadanseu cheque de 5.000 dólares das mans do novo secretario, William E. Simon,[29] quen lles preguntou con humor se querían investir os seus premios en bonos de aforro.[30]
O gravador xefe da US Mint, Frank Gasparro, realizou pequenos axustes nos deseños propostos para os reversos. Gasparro simplificou o deseño do cuarto de dólar, alterou o tambor para lle dar máis autenticidade, cambiou as letras e modificou a expresión do rostro do tamborileiro. Tamén fixo uns cambios lixeiros no Independence Hall do medio dólar e alterou as letras do dólar para facilitar o fluxo de metal durante a estampaxe, e pediu ao deseñador que endereitase o bordo inferior da Campá da Liberdade.[24] Ahr declarou posteriormente que lle tería gustado dispor de máis tempo para finalizar o seu deseño, xa que desexaba aclarar os trazos da face do tamborileiro.[26] As inciciais dos deseñadores foron engadidas aos deseños orixinais pola casa da moeda.[31] Os tres coincidiron en que os cambios levados a cabo por Gasparro melloraron os seus deseños.[32]
O 12 de agosto de 1974, os tres deseñadores acudiron á Ceca de Filadelfia, onde accionaron cerimonialmente as prensas para cuñar as primeiras moedas cos seus deseños. O día seguinte, estes primeiros espécimes foron expostos baixo vixilancia armada na convención numismática da American Numismatic Association en Florida. De xeito diferente ao resto da tiraxe posterior, estes primeiros exemplares foron cuñados en prata e carecen de marcas de ceca; en adiante levaron as marcas de ceca S se foron cuñadas en San Francisco ou D se se cuñaron en Denver, e só as cuñadas en Filadelfia seguiron sen amosar a marca de ceca.[33] Entregáronselles xogos con estes prototipos ao presidente Gerald Ford, á conselleira do presidente, Anne Armstrong, e ao director da Administración do Bicentenario da Revolución Americana —sucesora da ARBC—.[34] O resto daquelas primeiras moedas cuñadas durante a cerimonia foron fundidas novamente e nin sequera se conservaron exemplares para a Colección Numismática Nacional dos Estados Unidos.[35][36]
Na US Mint críase que se se lles esixía a cuñaxe de moedas ordinarias de cuarto de dólar, de medio dólar e de dólar de 1975 non se podería ter preparada unha cantidade suficiente antes de comezar as cuñaxes do Bicentenario como para evitar que se convertesen en obxectos de coleccionista. Corríase o risco de que houbese escaseza de moedas nun momento en que a casa da moeda estaba a tratar de crear un excedente de moedas dun cuarto de dólar. Os responsables da ceca pública volveron ao Congreso para procurar unha emenda á lei vixente. O 26 de decembro de 1974 o presidente Ford asinou unha lei que introducía varios cambios entre os que se lle permitía á casa da moeda seguir cuñando moedas ordinarias coa data de 1974 ata que comezase a cuñaxe das moedas do Bicentenario. Segundo esta modificación da lei, as moedas conmemorativas non poderían emitirse ata despois do 4 de xullo de 1975.[37][38][39]
O 15 de novembro de 1974, a casa da moeda comezou a recibir os primeiros pedidos por adiantado das moedas para coleccionistas, con contido de prata, a un prezo de 15 dólares os xogos cuñados con acabamento especial (proof) e a nove dólares con acabamento estándar, cunha data límite para os pedidos do 31 de xaneiro de 1975.[40][24][41] A adquisición estaba limitada inicialmente a cinco xogos por persoa, para evitar o acaparamento.[28] O 19 de xaneiro de 1975, Brooks anunciou que o prezo do xogo de moedas de prata con acabamento proof se reducía a 12 dólares e que quedaba eliminado o límite de pedidos,[42] e os compradores que xa as adquiriran antes ao prezo de 15 dólares recibiron un cheque coa diferenza.[28][43] Brooks declarou que a redución do prezo se debía á eficiencia da produción, cuxo beneficio quería trasladar á poboación. O xornalista numismático Ed Reiter indicou, porén, que a redución se producira en medio das protestas da comunidade numismática, que consideraba demasiado elevado o prezo inicial. O comerciante numismático Herby Skelton suxeriu en 1977 que o elevado prezo inicial dos xogos e a posterior redución, xunto coa gran cantidade de series de prata cuñadas, fixo que o público desconfiase e isto contribuíu a un atraso nas vendas.[44] O 20 de agosto de 1975, o prezo dos xogos con contido de prata en acabamento estándar baixouse dos nove dólares iniciais a sete dólares, só no caso de compras superiores a 50 xogos.[24] Un banco taiwanés encargou 250.000 xogos a este prezo.[45]
No relativo ás moedas do Bicentenario destinadas á súa posta en circulación, as primeiras foron dun dólar e cuñáronse durante febreiro de 1975;[46] a súa presentación oficial por parte da casa da moeda tivo lugar o 1 de xullo.[47] Tamén destas moedas se produciron algunhas con acabamento proof, o 23 de abril na Ceca de San Francisco.[23] Nesta ceca cuñáronse primeiro os 45 millóns de moedas de prata (catro millóns de xogos proof e 11 millóns estándar) e despois comezou a cuñaxe das moedas de metal común. Logo de iniciada a cuñaxe, descubriuse que o dólar de cuproníquel tiña unha característica distintiva con respecto ao da versión en prata e, consecuentemente, a casa da moeda modificou os cuños para igualar as versións. O cambio máis salientable consiste en que a versión revisada —coñecida como "tipo II"— ten as letras do reverso máis nítidas e máis estreitas. Todas as pezas de prata cuñadas en San Francisco son do "tipo I"; as tres cecas cuñaron pezas de cuproníquel de "tipo I" e de "tipo II"; todos os dólares incluídos nos xogos proof de 1975 son do "tipo I" e todos os incluídos nas series proof de 1976 son de "tipo II".[48][49] As moedas do Bicentenario para coleccionistas non se entregaron ata despois do 4 de xullo de 1975.[41] As moedas do Bicentenario cuñadas en metal común foron tamén incluídas nas series de presentación da casa da moeda, xunto coas moedas dun centavo, de cinco centavos e de dez centavos con data de 1975.[50]
As novas moedas comezaron a entrar en circulación o 7 de xullo de 1975, data en que o medio dólar se presentou nunha cerimonia en Minneapolis, a cidade natal do seu deseñador, Huntington.[51] A seguinte foi a dun cuarto de dólar, en setembro, e finalmente a dun dólar, en outubro, tamén coas súas respectivas cerimonias de presentación.[45] A tiraxe das moedas para a súa posta en circulación foi superior á que o mercado demandaba; un voceiro da US Mint declarou a este respecto que "a teoría ao cuñalas era ter suficientes dispoñibles para que o maior número de persoas tivese a oportunidade de dispor dunha moeda do Bicentenario como recordo".[28]
En 1977, a casa da moeda retomou os anteriores deseños dos reversos das tres moedas,[45] dado que as moedas cos reversos especiais do Bicentenario deixaran de cuñarse o 29 de xuño de 1976, no caso das de prata,[52] e o 9 de setembro dese mesmo ano as de metal común.[53] A mediados de 1977 as vendas de xogos diminuíran considerablemente, ata chegar a uns 200 xogos por semana, e un responsable da ceca pública describiu as vendas como "unha pinga de auga", en relación coas grandes cantidades producidas.[44] A Casa da Moeda dos Estados Unidos prevía que se esgotasen os xogos de prata con acabamento proof en 1979, aínda que admitiu que, con grandes cantidades sen vender, non había unha posibilidade realista de que se esgotase a tiraxe de prata con acabamento estándar.[28] O 17 de setembro de 1979, ante o aumento dos prezos da prata, a nova directora da US Mint, Stella Hackel Sims, anunciou que os xogos restantes de prata se retiraban da venda.[54] En agosto de 1980 puxéronse á venda novamente, cun aumento dos prezos a 20 dólares para a versión proof e 15 dólares para a estándar.[55] En setembro de 1981 a casa da moeda, alegando un descenso no prezo da prata, reduciu o prezo a 15 e a 12 dólares respectivamente, e fixou un límite de cen xogos por persoa para a compra da versión proof, e ningún para a estándar.[56] Paralelamente, ao longo de 1982 o Goberno foi refundindo unha gran cantidade de xogos de prata.[48] A nova directora da Casa da US Mint durante a Administración de Ronald Reagan, Donna Pope, declarou posteriormente que "aparentemente, as vendas da emisión de prata con acabamento estándar do Bicentenario 1776-1976 non ían cesar nunca".[57] O 31 de decembro de 1986 retiráronse da venda os restantes xogos destas moedas e nese momento anunciouse que os xogos de prata con acabamento proof estaban xa esgotados.[58] Porén, Marotta escribiu en 2001 que cando cesaron as vendas ficaban aínda en inventario 400.000 xogos proof e 200.000 estándar.[59]
Por mor das grandes cantidades cuñadas de moedas do Bicentenario, estas seguen a ter prezos accesibles. Un xogo das tres moedas de prata contén 16,74 gramos deste metal precioso.[48][55][56] Nun estudo estatístico de 1996, o numismático Theodore V. Buttrey descubriu que arredor de 750 millóns das moedas dun cuarto de dólar circulantes foran acaparadas e non estaban xa en circulación.[59] O comerciante numismático Marcel Sassola suxeriu en 1977: "vendéronse demasiadas e creo que pasará moito tempo antes de que teñán un valor real; quizais para o Tricentenario".[44]
Estas son as tiraxes totais das moedas do Bicentenario en cada unha das tres cecas en que se produciron:
Moedas circulantes [60] | Ceca de Filadelfia | Ceca de Denver |
---|---|---|
Cuarto de dólar | 809.784.016 | 860.118.839 |
Medio dólar | 234.308.000 | 287.565.248 |
Dólar (tipo I) | 4.019.000 | 21.048.710 |
Dólar (tipo II) | 113.318.000 | 82.179.164 |
Xogos da Ceca de San Francisco [61] | Cuproníquel | Prata |
---|---|---|
Nas series proof de 1975 (seis pezas, do cent ao dólar) | 2.845.450 | 0 |
Nas series proof de 1976 (seis pezas, do cent ao dólar) | 4.149.730 | 0 |
Xogos estándar de prata emitidos | 0 | 4.908.319 |
Xogos proof de prata emitidos | 0 | 3.998.621 |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.