Remove ads
moeda estadounidense de curso legal From Wikipedia, the free encyclopedia
A moeda de 5 centavos de dólar Jefferson é unha moeda con ese valor facial emitida en cuproníquel pola Casa da Moeda dos Estados Unidos a partir de 1938, cando substituíu os 5 centavos Buffalo.
5 centavos Jefferson Modelo orixinal (1938-2003) [1] | |
---|---|
A/: Retrato de Thomas Jefferson cara á esquerda. Marca de ceca e de gravador (FS); e data.
Lendas: IN GOD WE TRUST / LIBERTY. |
R/: Monticello, residencia de Jefferson en Virxinia.
Lendas: E PLURUBUS UNUM /MONTICELLO / FIVE CENTS / UNITED STATES OF AMERICA |
|
Esta moeda caracterízase polo seu anverso co busto do terceiro presidente dos Estados Unidos, Thomas Jefferson, segundo o deseño inicial de Felix Schlag (de 1938 a 2004) e substituído posteriormente polos de Joe Fitzgerald (2005) e Jamie Franki (desde 2006). Pola súa banda, o reverso segue a representar o deseño orixinal de Schlag de Monticello, a residencia de Jefferson en Virxinia, aínda que en 2005 e 2006 a moeda contou con diferentes reversos conmemorativos.
A anterior moeda de 5 centavos Buffalo, cuxa cuñaxe comezara en 1913 presentaba dificultades técnicas para a súa produción e, superado o período de 25 anos en que unha moeda estadounidense só pode ser substituída por un complexo proceso no Congreso, a directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Nellie Tayloe Ross, apresurouse para iniciar o proceso para a substituír sen precisar máis beneplácito que o do secretario do Tesouro. Para iso, a US Mint convocou un concurso de deseño a principios de 1938, no que se solicitou aos participantes que presentasen as súas propostas para a nova moeda, coa condición de que representase a Jefferson no anverso e a súa residencia Monticello no reverso. Schlag foi o gañador, aínda que tivo que renovar completamente o reverso e facer algúns cambios no anverso antes de que a moeda entrase en produción en outubro de 1938.
Chegada a segunda guerra mundial e dado que o níquel era un material estratéxico no conflito, os 5 centavos Jefferson pasaron a cuñarse, entre 1942 e 1945, nunha aliaxe de cobre, prata e manganeso, que non requiría axustes nin nos equipamentos de cuñaxe nin nas máquinas expendedoras. Para sinalar a diferenza, estas moedas amosan unha gran marca de ceca no reverso, por riba da cúpula do edificio.
En 2004 e 2005, a moeda de 5 centavos tivo uns deseños totalmente renovados co gallo da conmemoración do Westward Journey, a expedición de Lewis e Clark, e a partir de 2006 retomou o tradicional reverso de Monticello, mais co novo busto de Jefferson no anverso, creado por Jamie Franki.
O deseño dos 5 centavos Buffalo, vixente ata 1938,[2] goza hoxe de boa consideración no ámbito numismático e mesmo foi recuperado pola US Mint para varias emisións conmemorativas, de colección e de investimento, na década de 2000.[3][4] Porén, na época en que esta moeda estaba en produción non era tan apreciada, sinaladamente pola dirección da Casa da Moeda, xa que o seu deseño provocaba frecuentes roturas dos cuños se se pretendía que quedase completamente gravado. Ao cumprirse en 1938 o período de 25 anos en produción, despois do cal o secretario do Tesouro pode decidir libremente o cambio dun deseño, este e a directora da Casa da Moeda, Nellie Tayloe Ross, actuaron rapidamente para efectuar o cambio, o que non provocou ningún tipo de protesta por parte dos usuarios.[5]
A finais de febreiro de 1938, a Casa da Moeda anunciou a convocatoria dun concurso aberto para o deseño da nova moeda de 5 centavos, cuxo gañador recibiría un premio de mil dólares. A data límite para a recepción de propostas fixouse no 15 de abril, e a directora Ross xunto con tres escultores actuarían como xuíces. As indicacións da convocatoria eran que no anverso se debía representar un retrato de Jefferson e no reverso a súa residencia Monticello, en Virxinia.[6]
A mediados de marzo eran poucas as propostas de deseño recibidas, mais esta falta de resposta era enganosa, xa que moitos artistas estaban a traballar nos seus proxectos para os presentar preto da data límite. Superada esta, o 20 de abril o xurado examinou 390 traballos e catro días máis tarde anunciou a proposta presentada por Felix Schlag como a gañadora.[7] Schlag era un deseñador natural de Alemaña e levaba nove anos nos Estados Unidos.[8] O seu busto de Jefferson para o anverso ten unha clara similitude co creado polo escultor francés Jean-Antoine Houdon que se conserva no Museo de Belas Artes de Boston.[9] Ben por un descoido ou ben por algún outro motivo hoxe descoñecido, as iniciais de Schlag non se incluíron no deseño da moeda —como era habitual— ata 1966.[10]
Antes de comezar as cuñaxes, a principios de maio de 1938 informouse de que a Casa da Moeda esixía algúns cambios no deseño de Schlag. A súa proposta orixinal consistía nun retrato de tres cuartos de Jefferson acompañado dunha árbore, e o tipo de letra resultou demasiado modernista para os directivos da Casa da Moeda. No relativo á árbore, na Casa da Moeda interpretouse como unha palmeira e non se considerou adecuado suxerir que Jefferson puidese ter plantado unha árbore coma aquela. Así as cousas, a finais de maio envióuselle ao autor unha solicitude formal de cambios. Schlag estaba ocupado daquela con outros proxectos e non puido ocuparse deses cambios ata mediados de xuño; cando o fixo, entre outras cousas mudou o reverso por unha vista plana, con perspectiva frontal, de Monticello.[11] O historiador da arte Cornelius Vermeule describe o cambio deste xeito:[12]
“ | O gusto oficial eliminou esta vista interesante, mesmo emocionante, e substituíuna polo mausoleo de aspecto romano e formas borrosas que se pode facer pasar polo edificio na moeda terminada. No reverso do proxecto inicial, o nome "Monticello" resultaba pouco necesario, polo que loxicamente se omitiu, mais na moeda cuñada parece esencial para que non se pense que o edificio representado é a cámara acoirazada de Fort Knox, un edificio de arquivos estatais ou unha biblioteca pública nalgures. | ” |
Os deseños foron presentados ante a Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos para os someter á súa consideración a mediados de xullo. Estes deseños lavaban xa a nova versión do edificio do reverso, mais é probable que non incluísen cambios no tipo de letra da proposta orixinal. A Comisión aprobou os deseños. Con todo, o seu presidente, Charles Moore, solicitou que se cambiase a posición dos lemas do reverso para que aparecese o nome do país na parte superior da moeda, aínda que esta suxestión non foi atendida. Logo do ditame da Comisión de Belas Artes, o secretario do Tesouro, Henry Morgenthau, aprobou o deseño.[11]
O 21 de agosto de 1938, no xornal Herald, de Anderson, Indiana, líase:[8]
“ | Á Comisión Federal de Belas Artes [...] non lle gustou a vista da casa de Thomas Jefferson, Monticello, así que lle esixiron ao artista outro deseño da fachada da casa. Non lles gustou a letra da moeda; non estaba en consonancia, mais esqueceron dicir con que non estaba en consonancia... Non hai máis razón para imitar os romanos neste aspecto [ao usar o estilo romano na tipografía da moeda] que a que habería para modelarmos os nosos automóbiles a partir do carro da época de Ben Hur. | ” |
A produción da moeda de 5 centavos Jefferson comezou o día 3 de outubro de 1938 nas cecas de Filadelfia, de Denver e de San Francisco.[13] Antes de mediados de novembro xa se cuñaran once millóns de exemplares, que se puxeron en circulación o día 15 dese mes. Ao longo de 1938 cuñáronse arredor de 30 millóns de pezas.[14] A novidade fixo que nos primeiros anos a nova moeda fose acaparada pola poboación e non chegou a verse comunmente na circulación ata 1940.[15]
En 1939, a Casa da Moeda perfeccionou o gravado dos cuños para perfilar mellor os chanzos da fachada de Monticello, que resultaran borrosos nos primeiros lotes cuñados. A partir de entón determinouse como unha proba para saber se esta moeda está ben cuñada que os seis chanzos se vexan con claridade. As moedas con esta particularidade comezaron a ser máis apreciadas polos coleccionistas.[16] No ámbito do coleccionismo especializado mesmo se chegaron a establecer variantes na moeda de 5 centavos de 1939, coñecidas como "reverso de 1938" e "reverso de 1940", esta última máis común na Ceca de Filadelfia e menos frecuente no resto das cecas.[17] Tamén se coñece polo menos un exemplar coa data de 1940 que, extraordinariamente, ten o reverso habitual da moeda de 1938.[18][19]
Coa entrada dos Estados Unidos na segunda guerra mundial, o níquel converteuse nun material de guerra crítico, o que obrigou a Casa da Moeda a reducir no posible o seu uso na moeda de cinco centavos, que tiña un 75 % de cobre e un 25 % de níquel. Con tal fin, o 27 de marzo de 1942 o Congreso aprobou unha nova aliaxe para esta moeda, conformada por un 50 % de cobre e un 50 % de prata, aínda que autorizou a Casa da Moeda para que puidese alterar estas proporcións ou mesmo engadir outros metais, na procura do interese público. A maior preocupación da Casa da Moeda era a de atopar unha aliaxe que non contivese níquel pero que seguise a responder igualmente tanto aos detectores de falsificacións como ás máquinas expendedoras. Finalmente, determinouse que a aliaxe axeitada era a composta por un 56 % de cobre, un 35 % de prata e un 9 % de manganeso, e comezou a ser utilizada para a cuñaxe das moedas de 5 centavos a partir de outubro de 1942.[21]
Coa esperanza de que puidesen ser doadamente detectables na moeda en circulación para a súa retirada logo de concluída a guerra, a Casa da Moeda cuñou todas estas "moedas de guerra" cunha marca de ceca de gran tamaño no reverso, por riba da cúpula de Monticello, no canto da súa posición habitual á dereita do edificio. Esa foi a primeira vez que apareceu sobre unha moeda a marca de ceca "P" da Ceca de Filadelfia, xa que nas emisións anteriores as moedas cuñadas en Filadelfia non amosaban marca ningunha. Pola súa banda, as cecas de Denver e San Francisco continuaron coas súas marcas propias, "D" e "S", respectivamente. Na emisión de 1946 retomouse a normalidade, polo que se as moedas volveron a cuñarse en cuproníquel e as marcas de ceca volveron ao seu tamaño e á súa posición habituais —no caso de Filadelfia, volveu a carecer de marca—. Nun artigo publicado en 2000 por Mark A. Benvenuto en The Numismatist, suxeriuse que a cantidade de níquel que se aforrou co cambio durante aqueles anos non foi significativo para o esforzo de guerra, aínda que si que serviu como un recordatorio omnipresente dos sacrificios que se precisaron para acadar a vitoria final no conflito.[21][22]
Dentro do ámbito do coleccionismo coñécese unha variante, nuns casos na cuñaxe oficial e noutros casos como resultado de falsificacións: nalgunhas moedas de 5 centavos da ceca de Filadelfia de 1943 utilizouse un cuño modificado preparado para o ano anterior, o que dá como resultado que por baixo do "3" se faga visible o "2" orixinal.[23] Ademais disto, coñécese tamén unha cantidade indeterminada de moedas de 1944 sen a esperable marca de ceca "P" de Filadelfia sobre a cúpula do reverso. Trátase de moedas non oficiais producidas en 1954 por Francis LeRoy, autor doutras coñecidas falsificacións de moedas de 5 centavos doutras datas.[24]
En 1955 creouse unha cantidade indeterminada de cuños desta moeda coa marca de ceca "S", correspondente á Casa da Moeda de San Francisco, mais finalmente determinouse que non se cuñasen alí moedas de 5 centavos naquel ano e, posteriormente, a Ceca de San Francisco pechou. En consecuencia, os cuños non utilizados foron enviados a Denver, onde se lles modificou a marca de ceca "S" polo "D" e se utilizaron nas moedas emitidas na Ceca de Denver.[25] 1949 e 1954 foron outros anos nos que se utilizaron cuños con marcas de ceca modificadas por diversas causas.[1]
Entre 1938 e 1942 cuñáronse tamén, na Ceca de Filadelfia, versións da moeda de 5 centavos Jefferson co acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate— non concibidas para a súa posta en circulación senón destinadas ao comercio do coleccionismo numismático.[26] En 1942 cuñouse a versión proof tanto coa composición ordinaria como na "aliaxe de guerra", e a partir de aí interrompéronse estas emisións especiais. Volveron novamente en 1950, mais en 1964 a interrompéronse outra vez, por mor da escaseza de moedas.[27]
En 1966 produciuse un pequeno cambio no deseño, consistente na inclusión das iniciais do nome do gravador "FS" (de Felix Schlag) no anverso, na parte inferior dereita do busto de Jefferson. A produción e comercialización de moedas en condición proof retomouse en 1968, na Ceca de San Francisco, que volvera abrir as súas portas. Todas as moedas con datas entre 1965 e 1967 teñen a particularidade de carecer de marcas de ceca, independentemente de onde fosen cuñadas. A partir de 1968 volvéronse usar as marcas de ceca, aínda que se trasladaron desde o reverso ata a parte inferior do anverso, á dereita do busto de Jefferson.[27] En 1968, 1969 e 1970 non se cuñou esta moeda na Ceca de Filadelfia, e a partir de 1971, a Ceca de San Francisco deixou de producir os 5 centavos para a circulación e limitouse á produción de moedas en condición proof para coleccionistas.[28] Tanto en 1994 como en 1997 a Ceca de Filadelfia produciu unhas tiraxes moi reducidas dunha variante da versión proof, para a súa inclusión en estoxos conmemorativos, caracterizada por unha aparencia mate de toda a superficie da moeda.[29]
A finais do século XX, a Casa da Moeda fixo unha serie de pequenos axustes nos deseños da moeda de 5 centavos Jefferson. En 1982 afináronse os chanzos de Monticello para a emisión dese ano, e en 1987 afináronse tamén os trazos do cabelo de Jefferson e outros detalles de Monticello, o que fai que a partir desa data sexan máis comúns os exemplares ben cuñados, nos que se aprecian os seis chanzos completos no reverso. En 1993 remarcouse novamente o cabelo de Jefferson.[30]
En xuño de 2002, a dirección da Casa da Moeda dos Estados Unidos anunciou o seu interese por redeseñar a moeda de 5 centavos Jefferson para conmemorar o bicentenario da Expedición de Lewis e Clark. Ao representante republicano por Virxinia Eric Cantor preocupáballe que con estes cambios Monticello, situado no seu estado, desaparecese da moeda de 5 centavos, polo que promoveu unha iniciativa lexislativa que garantise a volta deste singular edificvio á moeda en 2006, logo das emisións especiais conmemorativas de 2004 e de 2005.[32] A resultante Lei de Continuidade do Deseño das Moedas Estadounidenses de 5 Centavos (Lei Pública 108-15,) foi asinada o 23 de abril de 2003.[33] Na súa virtude, o secretario do Tesouro podería variar os deseños das moedas de 5 centavos en conmemoración do bicentenario da Expedición de Lewis e Clark e da Compra de Luisiana, aínda que en 2006 representarían novamente a Jefferson no anverso e a Monticello no reverso.[34] [35]
En novembro de 2003, a Casa da Moeda anunciou os seus dous novos modelos de reverso conmemorativo, que se cuñarían co anverso orixinal de Schlag en 2004.[36][37] O primeiro, obra do deseñador e gravador da US Mint Norman E. Nemeth, representa unha adaptación da Medalla da Paz India, cuñada para Jefferson;[38] a segunda, deseñada e gravada por Alfred Maletsky, reproduce a imaxe dun dos barcos utilizados naquela expedición.[39]
No anverso das moedas de 5 centavos de 2005 amósase un novo deseño do retrato de Jefferson, obra de Joe Fitzgerald, baseada no busto do expresidente realizado por Houdon.[40] A tipografía manuscrita da palabra Liberty tomouse do borrador de Jefferson para a Declaración de Independencia, aínda que para conseguir o "L" maiúsculo Fitzgerald tivo que procurar a súa aparición noutros documentos escritos por Jefferson.[41] O reverso da moeda emitida na primeira metade do ano representa un bisonte americano deseñado por Jamie Franki, que lembra a anterior moeda de 5 centavos Buffalo.[42] O reverso da segunda moeda amosa unha costa marítima e a expresión Ocean in view! O! The Joy!, extraída do diario de William Clark durante a expedición.[43][40] Clark escribira literalmente ocian, mais a Casa da Moeda decidiu modernizar a ortografía.[41]
O deseño do anverso dos 5 centavos Jefferson a partir de 2006 débeselle tamén a Franki, e representa un Franklin de fronte, baseado nun estudo de Rembrandt Peale de 1800; inclúe tamén a palabra Liberty escrita polo expresidente.[53] Segundo o director en funcións da Casa da Moeda dos Estados Unidos, David Lebryk, "a imaxe dun Jefferson de fronte é unha homenaxe axeitada á súa visión".[54] Pola súa banda, o reverso que comezou a utilizarse a partir de 2006 é novamente o orixinal de Monticello creado por Schlag, aínda que afinado polos gravadores da Casa da Moeda.[55][56] Como o deseño do anverso inicial de Schlag xa non se utilizaba, as súas iniciais como gravador foron trasladadas a partir deste ano ao reverso, á dereita do edificio.[57]
En 2009 cuñáronse para a súa posta en circulación unicamente 86.640.000 moedas de 5 centavos. Esta cantidade incrementouse ata os 490.560.000 exemplares o ano seguinte.[14] As cifras infrecuentemente baixas de 2009 debéronse á falta de demanda de moedas no mercado por mor da mala situación económica.[58] En 2020, esta moeda cuñouse por vez primeira na Ceca de West Point (marca de ceca "W"), non para a súa posta en circulación senón para formar parte dos estoxos anuais de presentación a coleccionistas, con acabamento especial proof.[59] Os plans para incluír tamén unha moeda con acabamento estándar da Ceca de West Point nas presentacións anuais abandonouse por mor da pandemia de COVID-19.[60]
O 13 de xaneiro de 2021, o presidente Donald Trump asinou a Lei de Redeseño de Moedas Circulantes de Colección (Lei Pública 116-330), que prevé a creación de deseños especiais dun ano de duración para 2026, con motivo da celebración do 250 aniversario dos Estados Unidos.[61][62]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.