serie de novelas de fantasía de J. K. Rowling From Wikipedia, the free encyclopedia
Harry Potter é o nome dunha serie de sete novelas de fantasía escritas pola británica J. K. Rowling. Os libros narran a vida dun meigo adolescente, Harry Potter, e dos seus amigos Hermione Granger e Ron Weasley, todos eles alumnos da Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. A trama central do argumento xira arredor da loita de Harry contra Lord Voldemort, un meigo escuro que pretende conseguir a inmortalidade, derrocar o goberno máxico coñecido como Ministerio de Maxia, conquistar o mundo máxico e someter os meigos e os muggles, as persoas non-máxicas.
Harry Potter | |
---|---|
Logo de Harry Potter. | |
Título orixinal | Harry Potter |
Autor/a | J. K. Rowling |
Ilustrador/a | Mary GrandPré, Jim Kay, Kazu Kibuishi, Jonny Duddle e Andrew Davidson |
Cuberta | Dolores Avedaño[1] Thomas Taylor, Cliff Wright, Giles Greenfield e Jason Cockcroft |
Orixe | Reino Unido |
Lingua | Inglés |
Colección | Harry Potter |
Tema(s) | amizade, Coraxe, adolescencia, autodescubrimento, morte e Magia de Harry Potter |
Xénero(s) | Fantasía, drama, ficción xuvenil, misterio, suspense, Bildungsroman |
Editorial | Galaxia Bloomsbury |
Data de pub. | xaneiro de 2003 - 21 de febreiro de 2008 26 de xuño de 1997 - 21 de xullo de 2007 |
Formato | Impreso (capa dura) Impreso (capa dura e capa branda), audiolibro, libro electrónico[2] |
Páxinas | 3696 (en total) 3407 (en total) |
Tradución | Marilar Aleixandre [HP1] Eva Almazán [HP2], [HP3] e [HP4] Laura Sáez [HP5] e [HP7] Carlos Acevedo [HP6] |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Dende que o 26 de xuño de 1997 se publicou en inglés a primeira novela, Harry Potter e a pedra filosofal, os libros acadaron unha gran popularidade, eloxios por parte da crítica e un éxito comercial en todo o mundo.[3] Por outra banda, a serie tamén recibiu críticas polo crecente ton escuro que foi adoptando segundo avanzaba a historia, así como a violencia macabra e gráfica descrita. Ata xullo de 2013, os sete libros que compoñen a saga venderon, no seu conxunto, máis de 450 millóns de copias entre todas as traducións a 67 linguas diferentes,[4][5] incluíndo traducións do primeiro e segundo volumes ao latín[6][7] e do primeiro ao grego antigo.[8] Os catro últimos libros da saga bateron marcas como os libros que se venderon máis rapidamente en toda a historia, co último vendendo case 11 millóns de copias nos Estados Unidos nas primeiras vinte e catro horas.
As versións en lingua inglesa dos libros publicáronas Bloomsbury no Reino Unido, Scholastic Press nos Estados Unidos, Allen & Unwin en Australia e Raincoast Books no Canadá. En España, existen versións dos libros nas diferentes linguas oficiais do estado: a encargada da publicación da versión en galego foi a Editorial Galaxia, en catalán a Editorial Empúries, en éuscaro Elkar e, en todo o territorio, en lingua castelá a Editorial Salamandra.
Os sete libros da serie foron adaptados nunha versión cinematográfica composta por oito filmes producidos por Warner Bros. Pictures e que a agosto de 2015 se converteu na segunda saga cinematográfica con máis recadación en toda a historia. A franquía xerou tamén unha ampla mercadoría, de xeito que a marca Harry Potter teña un valor superior aos 25 mil millóns de dólares.[9] A editorial Little, Brown publicou tamén o guión dunha obra de teatro titulada Harry Potter and the Cursed Child, baseada nunha historia de Rowling e estreada en Londres o 30 de xullo de 2016 no Palace Theatre.[10]
A serie aborda moitos xéneros, entre os que se atopan a fantasía, o drama, Bildungsroman (o paso da infancia á madurez) e un xénero denominado "historia da escola británica" que inclúe elementos de misterio, suspense, aventura, terror e romance. Deste xeito, a saga inclúe e explora moitos significados e referencias culturais.[11] Segundo Rowling, o tema principal é a morte.[12] Outros temas importantes na serie son o prexuízo, a corrupción e a tolemia.[13]
O éxito dos libros e filmes propiciou que a franquía Harry Potter continúe a se expandir, con numerosas obras derivadas, unha exhibición itinerante, visitas aos estudios de rodaxe, parques de atraccións temáticos, unha plataforma dixital na que Rowling actualiza a serie con nova información e revelacións e unha pentaloxía cinematográfica procedente dunha das obras complementarias, entre outras cousas.
As novelas tratan sobre Harry Potter, un neno orfo inglés que aos 11 anos descobre que é meigo, malia vivir no mundo ordinario de xente non-máxica coñecida como muggles.[14] O mundo máxico existe en paralelo ao mundo muggle, agochado e en segredo. As capacidades máxicas son innatas e os cativos con tales habilidades son invitados a acudir a unha escola de maxia para aprender a desenvolver as habilidades máxicas necesarias para ter éxito no mundo máxico.[15] Harry recibe o convite para asistir como estudante á Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería, unha academia situada en Escocia e que é a principal localización dos acontecementos da serie. A medida que pasa pola etapa da adolescencia, Harry aprende a superar moitos retos máxicos e obstáculos sociais e emocionais, incluíndo os desafíos ordinarios dun adolescente como a amizade, as relacións amorosas, o traballo da escola e os exames, a ansiedade, a depresión e o estrés.[16]
Cada libro narra un ano na vida de Harry,[17] durante un período de tempo que vai do ano 1991 ao 1998.[18][19] Con todo, a miúdo aparecen analepses para mostrar os recordos doutros personaxes e, finalmente, unha prolepse conforma o epílogo do último libro.
O universo creado por Rowling está intimamente conectado coa realidade. A comunidade máxia británica dos libros está inspirada pola cultura británica da década de 1990, o folclore europeo, a mitoloxía clásica e a alquimia, incorporando obxectos e vida salvaxe como as variñas máxicas, as plantas máxias, as apócemas, os esconxuros, as vasoiras voantes, os centauros e outras criaturas máxicas, as Reliquias da Morte e a pedra filosofal, entre outras inventadas por Rowling. Namentres que o mundo de fantasía de Narnia é un universo paralelo alternativo e a Terra Media d’O Señor dos Aneis é un pasado mítico, o mundo máxico de Harry Potter coexiste en paralelo co mundo real, coa acción das novelas situada principalmente en Escocia, West Country, Devon, Londres e Surrey no sueste de Inglaterra.[20] O mundo máxico comprende unha colección fragmentada de rúas e canellas agochadas, pubs antigos, leiras solitarias e castelos con séculos de historia que son invisibles para a poboación non-máxica.[15]
Harry Potter e a pedra filosofal, é a primeira novela da serie, comeza de xeito que é evidente que sucedeu algo importante no mundo máxico; este acontecemento é tan salientable que os muggles perciben sinais del. O relato completo deste evento e do pasado de Harry Potter revélase gradualmente ao longo dos libros. Tras este capítulo introdutorio, a historia salta no tempo ata datas próximas ao undécimo aniversario de Harry.
O primeiro contacto de Harry co mundo máxico é a través dun medio-xigante, Rubeus Hagrid, gardián dos terreos e chaves de Hogwarts. Hagrid revela parte da historia de Harry.[21] Harry descobre que cando era un cativo de tan só un ano foi testemuña do asasinato de seus pais por Lord Voldemort, un meigo escuro obsesionado co poder e a pureza de sangue no mundo máxico.[21] Por razóns non citadas ata o quinto libro, o esconxuro lanzado por Voldemort para matar tamén a Harry rebota.[21] Harry sobrevive con tan só unha cicatriz en forma de raio na súa fronte como recordo do ataque, mentres que Voldemort desaparece.[21] Debido a este feito involuntario, considerado unha proeza por parte da comunidade máxica, e que acaba co reinado do terror de Voldemort, Harry convértese nunha lenda viva no mundo máxico. Con todo, segundo ordes do recoñecido meigo Albus Dumbledore, levan a Harry á casa dos seus parentes muggles, a familia Dursley, os cales manteñen ao neno a salvo, mais maltratado, e apartado da súa historia real.[21] Petunia Dursley estaba celosa das habilidades máxicas de súa irmá e, finalmente, acabara por catalogar a todos os meigos como aberracións. Por este motivo, os Dursley odiaban aos meigos e agocharon a Harry a súa procedencia e dixéronlle que seus pais morreran nun accidente co coche coa esperanza de que medrase "normal".[21]
Coa axuda de Hagrid, Harry prepárase para o seu primeiro ano de estudos en Hogwarts. Asemade que Harry comeza a explorar o mundo máxico, o lector coñece moitas das localizacións principais usadas ao longo dos demais libros. Harry coñece tamén á meirande parte dos personaxes principais e fai os seus dous mellores amigos: Ron Weasley, un alegre membro dunha antiga, grande e pobre familia meiga, e Hermione Granger, unha meiga estudosa obsesiva con pais non-máxicos.[21][22] Harry tamén se encontra do profesor de Apócemas, Severus Snape, que semella terlle un odio profundo e irracional, e o profesor de Defensa contra a Maxia Negra, Quirinus Quirrell, que á fin resulta estar aliado con Voldemort. O primeiro libro conclúe coa segunda confrontación de Harry con Lord Voldemort, quen na súa busca da inmortalidade, anhela facerse co poder da pedra filosofal.[21]
Harry Potter e a Cámara dos Segredos, a continuación da saga, que describe o segundo ano de Harry en Hogwarts. El e mais os seus amigos investigan un misterio de hai 50 anos que parece gardar relación con recentes eventos sinistros na escola. A irmá máis nova de Ron, Ginny Weasley, inicia os seus estudos de primeiro ano en Hogwarts e encontra un caderno que acaba por ser un vello diario pertencente a Voldemort durante os seus anos de estudo na escola. Ginny acaba poseída por Voldemort a través do diario e inconscientemente abre a Cámara dos Segredos, liberando un monstro antigo, un basilisco, que ataca os estudantes de Hogwarts. A novela afonda na historia de Hogwarts e nunha lenda arredor da Cámara dos Segredos que asusta a todos na escola. O libro presenta tamén un novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra, Gilderoy Lockhart, un meigo moi alegre e fachendoso que acaba por ser unha fraude. Por vez primeira Harry descobre que existen prexuízos raciais no mundo máxico. Harry sorpréndese tamén ao saber que a súa habilidade de falar a lingua pársel, a lingua das serpes, é moi estraña e a miúdo está relacionada coa Maxia Negra. A novela finaliza despois de que Harry salve a vida de Ginny, destruíndo o basilisco e o diario encantado.
Harry Potter e o preso de Azkaban, a terceira novela, segue a Harry no seu terceiro ano de educación máxica. Trátase do único libro da saga no que Voldemort non intervén directamente como personaxe dalgún xeito. No canto diso, Harry debe lidar co coñecemento de que é o obxectivo de Sirius Black, o mellor amigo de seu pai e fuxido do cárcere máxico de Azkaban, onde estaba preso por axudar nos asasinatos dos pais de Harry. Mentres Harry loita coa súa reacción fronte aos dementores (criaturas escuras co poder de devorar as almas dos humanos para alimentárense da súa desesperación), os cales están aparentemente protexendo a escola, recibe a axuda de Remus Lupin, o novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra, que é un lobishome. Lupin ensínalle a Harry medidas defensivas de niveis superiores aos dados á idade de Harry. Harry descobre máis adiante que Lupin e Black eran grandes amigos de seu pai e que Black fora incriminado polo seu cuarto amigo, Peter Pettigrew.[23]
Harry Potter e o Cáliz de fogo, durante o cuarto ano de Harry na escola, Harry participa de mala gana no Torneo Tres Meigos, un concurso máxico moi perigoso no que tres estudantes das escolas participantes (unha persoa por cada escola) deben competir entre si en tres probas para gañaren o título.[24] O novo profesor de Defensa contra a Maxia Negra, Alastor "Ollotolo" Moody, guía a Harry durante o torneo. Ao final, Ollotolo resulta ser un impostor: é Barty Crouch, Jr, seguidor de Voldemort, disfrazado. O punto no que se desenguedella o misterio marca o cambio da saga do presentimento e a incerteza ao conflito aberto. O plan de Voldemort para que Crouch utilizase o Torneo Tres Meigos para levar a Harry ata Voldemort é un éxito. Malia que Harry consegue escapar, Peter Pettigrew mata ao estudante Cedric Diggory e Voldemort acada o seu rexurdimento cun corpo físico.
Harry Potter e a Orde do Fénix, no quinto libro, Harry debe enfrontarse ao novo Voldemort reencarnado. En resposta á reaparición de Voldemort, Dumbledore reactiva a Orde do Fénix, unha sociedade secreta que traballa dende a mansión da familia de Sirius Black para derrotar os aliados de Voldemort e protexer os seus obxectivos, especialmente Harry. Malia a descrición de Harry das actividades recentes de Voldemort, o Ministerio de Maxia e moitas outras persoas do mundo máxico rexeitan crer o regreso de Voldemort.[25] Nun intento de atacar e desacreditar a Dumbledore, que canda Harry é a máis prominente voz no mundo máxico que intenta advertir do regreso de Voldemort, o Ministerio designa a Dolores Umbridge como máxima autoridade de Hogwarts e nova profesora de Defensa contra a Maxia Negra. Umbridge transforma a escola nun réxime ditatorial e rexeita que os alumnos aprendan xeitos de defenderse da Maxia Negra.[25]
Asemade, seguindo a suxestión de Ron e Hermione, Harry forma o "Exército de Dumbledore", un grupo de estudos secreto para ensinar aos seus compañeiros as habilidades de alto nivel que el aprendera para combater a Maxia Negra. Ademais, revélase unha profecía que concirne a Harry e Voldemort,[26] e Harry descobre que el e mais Voldemort teñen unha conexión dolorosa que permite a Harry ver telepaticamente algunhas das accións de Voldemort. No clímax da novela, Harry e os seus amigos enfróntanse aos Devoradores da Morte de Voldemort no Ministerio de Maxia. A chegada a tempo dos membros da Orde do Fénix salva as vidas dos mozos, mais resulta na morte de Sirius Black durante o conflito.
Harry Potter e o misterio do príncipe, no sexto ano, Voldemort comeza a librar unha guerra aberta. Malia isto, Harry e os seus amigos están relativamente protexidos dese perigo en Hogwarts. Entrementres, todos eles desenvolven atraccións amorosas: Harry empeza a saír con Ginny, Ron namórase doutra estudante de Hogwarts chamada Lavender Brown e, pola súa banda, Hermione empeza a ter sentimentos amorosos por Ron. No comezo da novela, Harry tópase cun vello libro de texto de Apócemas cheo de anotacións e recomentacións escritas á man e asinadas por un misterioso individuo: o Príncipe Mestizo. Os consellos escritos no libro axudan a Harry a sobresaír na materia de Apócemas e a gañarse un gran recoñecemento por parte do novo profesor, Horace Slughorn, pero a potencia dos meigallos escritos nel finalmente fan do libro unha fonte de desconfianza. Ademais, Harry acode a clases particulares con Dumbledore, que lle mostra varios recordos ligados cos primeiros anos de vida de Voldemort nun dispositivo chamado pensadoiro. Nestas sesións revélase que Voldemort dividiu a súa alma en varios anacos, nunha serie de Horcrux, elementos encantados por Maxia Negra e agochados en diversas localizacións, un dos cales era o diario destruído no segundo libro.[27] Máis adiante, Draco Malfoy intenta atacar a Dumbledore e o libro culmina co asasinato de Dumbledore por parte do profesor Snape, que é o Príncipe Mestizo.
Harry Potter e as reliquias da morte, o último libro da saga, comeza directamente despois dos acontecementos do sexto libro. Lord Voldemort completou a súa ascensión ao poder e logrou gañar o control do Ministerio de Maxia. Harry, Ron e Hermione deciden non asistir á escola para atopar e destruír os Horcrux restantes de Voldemort. Para asegurar a súa propia seguridade así como a das súas familias e amigos, vense na obriga de se illaren por completo. Durante a busca dos Horcrux, o trío vai coñecendo máis detalles sobre o pasado de Dumbledore e os verdadeiros motivos de Snape para matalo (traballara ás ordes de Dumbledore desde a morte da nai de Harry). Voldemort asasina a Snape por paranoia.
O libro remata coa Batalla de Hogwarts. Harry, Ron e Hermione, en conxunción cos membros da Orde do Fénix e moitos outros profesores e estudantes da escola, defenden Hogwarts de Voldemort, os seus Devoradores da Morte e varias criaturas máxicas. Varios dos personaxes máis importantes morren na primeira onda da batalla, incluíndo a Remus Lupin e Fred Weasley. Tras descubrir que el mesmo é un Horcrux, Harry réndese e entrégase a Voldemort na Fraga Prohibida, onde este último lanza o esconxuro asasino (Avada Kedavra) contra Harry. Os defensores de Hogwarts non se renden despois de coñecer a presunta morte de Harry e continúan a loitar. Harry acorda e enfróntase a Voldemort, cuxos Horcrux foran xa destruídos. Na batalla final, o esconxuro asasino de Voldemort rebota no esconxuro defensivo de desarmamento de Harry (Expelliarmus) e mata a Voldemort.
Finalmente, un epílogo describe as vidas dos personaxes que sobreviviron e os efectos da morte de Voldemort no mundo máxico dezanove anos despois.
Harry Potter and the Cursed Child é unha obra de teatro en dúas partes estreada en verán de 2016 e representada no West End de Londres; amais, é oficialmente a oitava historia de Harry Potter.[28] A obra escribiuna Jack Thorne en base a unha historia de J. K. Rowling, o propio Thorne e o director John Tiffany. A súa estrea foi o 30 de xullo de 2016 no Palace Theatre de Londres e o guión foi publicado o 31 de xullo de 2016. A historia transcorre dezanove anos despois do final de Harry Potter e as reliquias da morte e relata o que lles acontece a Harry Potter, agora empregado do Ministerio de Maxia, e mais ao seu fillo máis novo, Albus Severus Potter.
Rowling expandiu o universo de Harry Potter con varios libros curtos producidos para diversas entidades benéficas.[29][30] En 2001, puxéronse á venda Fantastic Beasts and Where to Find Them (un suposto libro de texto de Hogwarts) e Quidditch Through the Ages (un libro que Harry le por lecer). As recadacións obtidas pola venda destes dous libros foron para Comic Relief.[31] En 2007, Rowling realizou sete copias manuscritas e ilustradas por ela mesma de The Tales of Beedle the Bard, unha colección de contos de fadas que aparece na última novela, unha das cales foi poxada en Amazon.com para gañar diñeiro para o Children's High Level Group, un fondo para nenos con discapacidades mentais nos países pobres. O libro foi publicado internacionalmente o 4 de decembro de 2008.[32][33] Rowling tamén escribiu unha precuela de 800 palabras en 2008 como parte dunha recadación de fondos organizada pola editorial Waterstones.[34]. Os tres libros anteriores conteñen información adicional sobre o mundo máxico que non estaba incluída nas novelas orixinais.
En 2016, Rowling publicou tres novos libros electrónicos: Hogwarts: An Incomplete and Unreliable Guide, Short Stories from Hogwarts of Power, Politics and Pesky Poltergeists e Short Stories from Hogwarts of Heroism, Hardship and Dangerous Hobbies.[35]
En 2011, Rowling lanzou un novo sitio web anunciando un futuro proxecto chamado Pottermore.[36] Pottermore abriu ao público xeral o 14 de abril de 2012.[37] Pottermore permite aos usuarios seren seleccionados polo Sombreiro Escolledor para unha das casas de Hogwarts, elixir a súa variña máxica e xogar a diversos minixogos. O principal obxectivo do sitio web é posibilitar que os usuarios viaxen a través da historia con acceso a numerosos contidos adicionais non revelados pola autora previamente.[38]
En setembro de 2015 o sitio web foi remodelado por completo e moitas das características foron eliminadas. O redeseñado sitio céntrase principalmente na información que xa estaba dispoñible na versión anterior, deixando máis apartada a exploración.[39]
As novelas de Harry Potter están dirixidas principalmente a unha audiencia moza adulta e poden catalogarse dentro do xénero da literatura fantástica, onde se subclasifican en varios tipos de fantasía denominados "fantasía urbana", "fantasía contemporánea" e "fantasía baixa". Maiormente son dramas e manteñen un ton bastante serio e escuro, aínda que conteñen algunhas pasaxes de traxicomedia e humor negro. En moitos aspectos, son tamén exemplos de novelas Bildungsroman (ou novelas do paso da infancia á madurez), amais de conteren elementos de misterio, aventura, terror, suspense e romance. Por outra banda, acaen tamén dentro dun xénero denominado "historia da escola británica", na que se inclúen novelas como Stalky & Co. de Rudyard Kipling, as series Malory Towers, St. Clare's e The Naughtiest Girl de Enid Blyton, e as historias protagonizadas por Billy Bunter de Frank Richards.[40] Neste senso, segundo moitos expertos, as novelas están "nunha directa liña descendente de Tom Brown's School Days de Thomas Hughes e outras novelas vitorianas e eduardianas de vida escolar pública británica" malia seren máis contemporáneas, areentas, escuras e maduras que as típicas novelas de internados, dado que tratan temas serios como a morte, o amor, a perda, os prexuízos, a chagada á madurez e a perda da inocencia nun escenario británico da década de 1990.[41][42]
Os libros son tamén, en palabras de Stephen King, "contos de misterio perspicaces",[43] e cada libro está construído dun xeito similar a unha aventura de misterio de Sherlock Holmes. A narración é en terceira persoa, cun narrador subxectivo de campo limitado agás nunhas poucas excepcións (como os capítulos que inician a pedra filosofal, o Cáliz de fogo e as reliquias da morte e os dous primeiros capítulos d’o misterio do príncipe).
O nó dos libros adoita involucrar a Harry afrontando problemas cos que topa, o que a miúdo implica a necesidade de incumprir algunhas das normas da escola. As historias acadan o seu clímax preto das vacacións de verán ou dos exames finais, cando os acontecementos van máis aló das liortas e desputas propiamente escolares e Harry debe enfrontarse a lord Voldemort ou algún dos seus seguidores, os Devoradores da Morte, en batallas nas que el e outros personaxes arriscan a vida. De feito, a medida que a saga progresa, varios personaxes morren ao final dos libros.[44][45] As repercusións dos feitos ocorridos provocan que Harry vaia aprendendo leccións mediante conversas e debates co director da escola, Albus Dumbledore, que actúa como o seu mentor. Na última novela, Harry e mailos seus amigos atópanse a meirande parte do tempo fóra da escola, e unicamente regresan a ela para enfrontárense a Voldemort no último acto.[44]
No ano 1990, Rowling viaxaba nun tren ateigado de xente dende Manchester a Londres cando a idea de Harry de súpeto "pasou pola súa cabeza". Rowling dá conta da experiencia no seu sitio web, dicindo:[46]
Eu escribía moi a miúdo des que tiña seis anos, pero nunca antes estivera tan emocionada cunha idea. Sinxelamente sentei e cavilei durante catro horas (o tren atrasárase) e tódolos detalles viñeron á miña cabeza. E este rapaz escuálido, de pelo negro e con anteollos que non sabía que era meigo comezou a ser cada vez máis e máis real para min.[47]
Rowling completou Harry Potter e a pedra filosofal en 1995 e o manuscrito foi enviado a diversos axentes literarios.[48] O segundo axente co que probou, Christopher Little, ofreceuse a representala e enviou o manuscrito a Bloomsbury. Despois de que outras oito editoriais rexeitaran a pedra filosofal, Bloomsbury ofreceulle a Rowling un adianto de 2.500 libras esterlinas pola súa publicación.[49][50] Malia a declaración de Rowling de que non tiña en mente ningún grupo de idade particular no que se atoparían os seus principais lectores cando comezou a escribir os libros de Harry Potter, os editores apuntaron inicialmente a unha franxa de nenos entre nove e once anos.[51] Na véspera do día de publicación, os editores pedíronlle a Rowling que adoptase un nome de autor cun xénero gramatical máis neutral co obxectivo de facelo atractivo aos nenos varóns dese grupo de idade, temendo que non estarían interesados en ler unha novela escrita por unha muller. Ela elixiu utilizar J. K. Rowling (Joanne Kathleen Rowling), usando o nome da súa avoa como o seu segundo nome dado que ela non ten.[50][52]
Harry Potter e a pedra filosofal foi publicado por Bloomsbury, a editorial de todos os libros de Harry Potter no Reino Unido, o 26 de xuño de 1997[53][54] e en Galicia no mes de xaneiro de 2003 pola Editorial Galaxia e grazas á tradución de Marilar Aleixandre.[55] Scholastic, a editorial norteamericana da saga, puxo o primeiro libro á venda nos Estados Unidos o 1 de setembro de 1998 baixo o título Harry Potter and the Sorcerer's Stone (Harry Potter e a pedra do feiticeiro),[56] cando a versión orixinal do título no Reino Unido era Harry Potter and the Philosopher's Stone, despois de que Rowling recibira 105.000 dólares americanos polos dereitos norteamericanos, unha suma sen precedentes por un libro para nenos escrito por unha escritora daquela descoñecida.[57] Temendo que os lectores norteamericanos non asociaran a palabra "philosopher" ("filosofal") a un termo máxico (aínda que a pedra filosofal está relacionado coa alquimia), Scholastic insistiu en que se lle trocase o título ao libro a Harry Potter and the Sorcerer's Stone para o mercado estadounidense.
O segundo libro, Harry Potter e a Cámara dos Segredos foi publicado orixinalmente no Reino Unido o 2 de xullo de 1998[54] e en Galicia en novembro de 2002 coa tradución de Eva Almazán.[58] Harry Potter e o preso de Azkaban foi publicada un ano despois no Reino Unido o 8 de xullo de 1999[54] e en Galicia en xuño de 2004 tamén coa tradución de Eva Almazán.[59] Harry Potter e o Cáliz de fogo publicouse o 8 de xullo de 2000 á vez por Bloomsbury e Scholastic,[60] mentres que Galaxia o fixo o propio en novembro de 2005 trala tradución feita novamente por Eva Almazán.[61] Harry Potter e a Orde do Fénix é o libro máis longo da saga con 766 páxinas na versión británica[62] e 892 páxinas na versión galega de Laura Sáez.[63] Publicouse en todo o mundo en inglés o 21 de xuño de 2003[64] e en galego en decembro de 2008.[63] Harry Potter e o misterio do príncipe publicouse o 16 de xullo de 2005 e vendeu 9 millóns de copias nas primeiras 24 horas tralo seu lanzamento.[65][66] A Galicia chegou en novembro de 2008 da man de Carlos Acevedo.[67] A sétima e derradeira novela, Harry Potter e as reliquias da morte, foi publicada en inglés o 21 de xullo de 2007,[68] e sete meses despois e de xeito simultáneo en galego, traducida por Laura Sáez,[69] en castelán e catalán o 21 de febreiro de 2008.[70][71] O libro vendeu 11 millóns de copias nas primeiras 24 horas trala súa posta á venda.[66]
A saga traduciuse a 67 linguas,[4][72] situando a Rowling entre os autores máis traducidos na historia.[73] Os libros adaptáronse ao inglés estadounidense para facelos máis entendibles á audiencia moza norteamericana.[74] Posteriormente, os libros víronse traducidos a diversas linguas como a coreana, armenia, ucraína, árabe, urdú, hindi, bengalí, búlgara, galesa, afrikaans, albanesa, letoa e vietnamita. O primeiro volume foi traducido ao latín[6] e mesmo ao grego antigo,[8][75] converténdoa na obra máis longa publicada en grego antigo dende as novelas de Heliodoro de Émesa no século III.[76] O segundo volume tamén foi traducido ao latín.[7]
Por motivos de manter o segredo do contido dos libros, as traducións só podían comezar cando os libros se puñan á venda en inglés; por iso existía un intervalo de tempo de varios meses ata que as traducións estaban dispoñibles. Isto deu pé a que se vendesen máis copias das edicións inglesas nos países de fala non-inglesa. Por exemplo, tales foron os devezos por ler o quinto libro que a versión en lingua inglesa se converteu no primeiro libro escrito en inglés en figurar na lista dos libros máis vendidos en Francia.[77]
Algúns dos tradutores contratados para traballar na tradución dos libros eran ben coñecidos antes do seu traballo en Harry Potter, como Viktor Golyshev, que supervisou a tradución rusa do quinto libro. A versión turca do segundo libro ao sétimo libro levouna a cabo Sevin Okyay, unha crítica literaria e comentarista cultural.[78] Ocorre o mesmo coa versión galega do primeiro libro, que foi traducido por Marilar Aleixandre,[55][79] unha coñecida escritora en lingua galega, ademais de tradutora doutras obras como A caza do Carbairán, de Lewis Carroll (incluída na Lista de Honra do IBBY).[79] No caso da tradución ao galego, Marilar Aleixandre sinalou que Editorial Salamandra, que posúe os dereitos de reprodución para todas as linguas de España, non permitiu que se fixesen adaptacións na onomástica ao galego.[80]
En decembro de 2005, Rowling publicou a seguinte declaración no seu sitio web: "2006 será o ano no que escribirei o libro final da saga Harry Potter".[81] As posteriores actualizacións do seu diario en liña seguiron a crónica do progreso da escritura de Harry Potter e as reliquias da morte, con data de lanzamento en inglés o 21 de xullo de 2007. O libro rematouno o 11 de xaneiro de 2007 no Hotel Balmoral de Edimburgo, onde deixou a seguinte mensaxe na parte traseira dun busto de Hermes: "J. K. Rowling rematou de escribir Harry Potter e as reliquias da morte neste cuarto (552) o 11 de xaneiro de 2007".[82]
Rowling comentou que completara o derradeiro capítulo do último libro (de feito, o epílogo) "ao redor de 1990".[83][84] En xuño de 2006, Rowling, nunha aparición no programa de charlas británico Richard & Judy, anunciou que modificara o capítulo xa que un personaxe "fora indultado" e outros dous que previamente sobrevivían finalmente acabaron finando.
En setembro de 2012, Rowling mencionou nunha entrevista que existe a posibilidade de que regrese nalgún momento e realice a "versión do director" de dous libros da saga.[85]
Ao longo de todos os libros que conforman a saga aparecen numerosos personaxes que teñen maior ou menor relevancia para o desenvolvemento da trama do argumento. Estes son os máis importantes:
En 1998, Rowling vendeu os dereitos cinematográficos dos primeiros catro libros de Harry Potter á Warner Bros. por 1 millón de libras esterlinas.[86][87] Rowling pediu que o elenco principal fose estritamente británico, non obstante permitiu a inclusión de actores irlandeses como Richard Harris para o papel de Dumbledore e a elección de actores franceses e da Europa Oriental en Harry Potter e o Cáliz de fogo para aqueles personaxes do libro que tiñan as devanditas procedencias.[88] Despois de considerar a varios directores como Steven Spielberg, Terry Gilliam, Jonathan Demme e Alan Parker, designouse a Chris Columbus o 28 de marzo de 2000 como director de Harry Potter e a pedra filosofal, con declaracións da Warner Bros. citando a súa obra noutros filmes familiares como Só na casa e Mrs. Doubtfire e a súa probada experiencia en dirixir nenos como influencias para a súa decisión.[89]
Tras a selección dun extenso elenco, a gravación comezou en outubro de 2000 nos Leavesden Film Studios e en Londres, e a produción finalizou en xullo de 2001.[90][91] A pedra filosofal estreouse o 14 de novembro de 2001. Tan só tres días despois da estrea da primeira película, comezou a produción de Harry Potter e a Cámara dos Segredos, tamén dirixida por Columbus. A filmación rematou no verán de 2002 e o 15 de novembro de 2002 foi o seu lanzamento.[92] Daniel Radcliffe encargouse de interpretar a Harry Potter en todas as películas.
Columbus declinou dirixir Harry Potter e o preso de Azkaban, aínda que seguiu actuando como produtor. O director mexicano Alfonso Cuarón relevouno no seu cargo, e logo de rodar en 2003, o filme estreouse o 4 de xuño de 2004. Debido a que o comezo da produción da cuarta película se produciu antes da estrea da terceira, Mike Newell foi elixido director de Harry Potter e o Cáliz de fogo, cuxo lanzamento foi o 18 de novembro de 2005.[93] Newell foi o primeiro director británico da saga, seguido do director de televisión británico David Yates, que foi a escolla para Harry Potter e a Orde do Fénix. Este filme empezou a súa produción en xaneiro de 2006 e tivo a súa estrea o 11 de xullo de 2007.[94] Despois de que os executivos estivesen "realmente encantados" co seu traballo no filme, Yates foi seleccionado para dirixir tamén Harry Potter e o misterio do príncipe, que foi lanzada o 15 de xullo de 2009.[95][96][97][98]
En marzo de 2008, o presidente e xefe de operacións da Warner Bros. Alan F. Horn anunciou que a última entrega da saga, Harry Potter e as reliquias da morte, sería dividida en dúas películas, con datas de estrea fixadas o 19 de novembro de 2010 para Harry Potter e as reliquias da morte (1ª parte) e o 15 de xullo de 2011 para Harry Potter e as reliquias da morte (2ª parte). A produción de ámbalas dúas partes comezou en febreiro de 2009 e o último día de rodaxe da fotografía principal foi o 12 de xuño de 2010, contando novamente con Yates nos labores de dirección das dúas.[99][100]
Rowling tivo o contol creativo dos filmes, supervisando o proceso de creación d’a pedra filosofal e exercendo como produtora nas dúas partes d’as reliquias da morte, xunto a David Heyman e David Barron.[101] Os filmes de Harry Potter tiveron un enorme éxito cinematográfico, coas oito películas na lista das películas con maior recadación en todo o mundo. A pedra filosofal foi a película con maior recadación da saga ata a estrea da última entrega d’as reliquias da morte, namentres que o preso de Azkaban foi a película que colleitou menos diñeiro.[102] Amais de seren un éxito de recadación, os filmes recibiron unha boa acollida por parte dos críticos de cine.[103][104]
As opinións sobre as películas están xeralmente divididas entre os seguidores da saga, cun grupo que prefire o enfoque máis fiel dos primeiros dous filmes e outro grupo que opta polo enfoque máis estilizado dos personaxes das demais películas.[105] Rowling mostrou constantemente a súa opinión favorable sobre as películas e avaliou as reliquias da morte como "a súa favorita" da saga.[106][107][108][109] Ademais, sobre os cambios no traslado dos libros aos filmes escribiu na súa páxina web que "é simplemente imposible incorporar absolutamente todas as liñas argumentais nun filme de menos de catro horas de duración. Obviamente os filmes teñen restricións, pois as novelas non teñen que preocuparse polo tempo e o orzamento; eu podo crear efectos cegadores confiando en nada máis que a interacción entre a miña imaxinación e a imaxinación dos meus lectores".[110]
Na 64ª edición dos BAFTA celebrada en febreiro de 2011, Rowling recolleu o premio Michael Balcon á mellor contribución ao cine británico acompañada dos produtores David Heyman e David Barron e os directores David Yates, Alfonso Cuarón e Mike Newell por todos os filmes da serie. O actor Rupert Grint e a actriz Emma Watson, que interpretaron a Ron Weasley e Hermione Granger, tamén asistiron á cerimonia.[111][112]
O 12 de setembro de 2013, Warner Bros. confirmou que Rowling estaba en proceso de escribir un guión baseado no seu libro Fantastic Beasts and Where to Find Them que relataría as aventuras do seu autor ficticio Newt Scamander. A estrea mundial da película homónima o 18 de novembro de 2016 supuxo o primeiro traballo de Rowling como guionista e o inicio dunha nova saga cinematográfica.[113] Inicialmente, en outubro de 2014, o estudio anunciou que o primeiro filme sería o comezo dunha triloxía, con datas de estrea fixadas o 16 de novembro de 2018 e o 20 de novembro de 2020.[114][115][116] Con todo, en outubro de 2016, Rowling confirmou que a saga comprendería cinco filmes.[117]
Existen trece videoxogos baseados en Harry Potter. Oito deles corresponden aos filmes e libros e os outros cinco derivan dalgún xeito da saga. Os xogos relacionados directamente cos filmes e libros están producidos por Electronic Arts, así como tamén Harry Potter: Quidditch World Cup. A versión en videoxogo d’a pedra filosofal lanzouse no mercado en novembro de 2011 e converteuse nun dos videoxogos mellor vendidos de PlayStation.[118] Os videoxogos puxéronse á venda coincidindo coas estrevas dos respectivos filmes e conteñen escenarios e detalles das películas e o ton e espírito dos libros. A historia e mais o deseño dos xogos seguen o argumento e mais as caracterizacións das versións cinematográficas, e Electronic Arts traballou coa Warner Bros. para incluír escenas dos filmes. O último xogo dividiuse en dúas partes ao igual que as películas e foron os primeiros en contar cun estilo de xogo de tipo disparos en terceira persoa.[119][120] Pola outra banda, os videoxogos derivados da saga Lego Harry Potter: Years 1–4 e Lego Harry Potter: Years 5–7 foron desenvolvidos por Traveller's Tales e publicados por Warner Bros. Interactive Entertainment, namentres que os xogos Book of Spells e Book of Potions foron desenvolvidos por SIE London Studio e fan uso do periférico Wonderbook da consola PlayStation 3, un libro de realidade aumentada deseñado para empregarse canda os sistemas PlayStation Move e PlayStation Eye.[121] O universo de Harry Potter tamén fai a súa aparición en Lego Dimensions.
Ano | Título | Plataforma(s) | Etiqueta(s) adquirida(s) | ||
---|---|---|---|---|---|
Consola | Computador | Consola portátil | |||
2001 | Harry Potter e a pedra filosofal |
| |||
Lego Creator: Harry Potter | — |
|
— | — | |
2002 | Creator: Harry Potter and the Chamber of Secrets | — |
|
— | — |
Harry Potter e a Cámara dos Segredos |
|
|
|
| |
2003 | Harry Potter: Quidditch World Cup |
|
|
|
|
2004 | Harry Potter e o preso de Azkaban |
|
|
|
|
2005 | Harry Potter e o Cáliz de fogo |
|
|
| |
2007 | Harry Potter e a Orde do Fénix |
|
|
|
— |
2009 | Harry Potter e o misterio do príncipe |
|
|
|
— |
2010 | Lego Harry Potter: Years 1–4 |
|
|
|
— |
Harry Potter e as reliquias da morte (1ª parte) |
|
|
|
— | |
2011 | Harry Potter e as reliquias da morte (2ª parte) |
|
|
|
— |
Lego Harry Potter: Years 5–7 |
|
|
|
— | |
Harry Potter for Kinect |
|
— | — | — | |
2012 | Book of Spells |
|
— | — | — |
2013 | Book of Potions |
|
— | — | — |
Tamén se comercializaron xogos de mesa, como o Cluedo Harry Potter Edition, o Scene It? Harry Potter e o Lego Harry Potter, todos eles influenciados tanto polas novelas como polos filmes.
As versións en lingua inglesa dos sete libros de Harry Potter tamén foron lanzados integramente en forma de audiolibro. As versións británicas están lidas por Stephen Fry, mentres que nas norteamericanas a voz pertence a Jim Dale.[122][123]
O 20 de decembro de 2013, Rowling anunciou que estaba a traballar nunha obra teatral baseada en Harry Potter, e da que sería produtora canda os produtores de teatro británicos Sonia Friedman e Colin Callender.[124][125]
O 26 de xuño de 2015, no aniversario do lanzamento do primeiro libro, Rowling revelou a través da súa conta no Twitter que o título da obra sería Harry Potter and The Cursed Child.[126] Os billetes para os catro primeiros meses de representación vendéronse poucas horas despois de poñerse á venda.[127] O 10 de febreiro de 2016 anunciouse a través do sitio web Pottermore que o guión podería mercarse en formato libro ao día seguinte da estrea da obra teatral, constituíndo o oitavo libro da saga, dado que os acontecementos transcorren dezanove anos despois do capítulo final de Harry Potter e as reliquias da morte.[128][129]
Tralo éxido dos libros e filmes, Universal e Warner Brothers anunciaron a creación de The Wizarding World of Harry Potter, unha expansión temática do parque temático Islands of Adventure situado no Universal Orlando Resort de Florida. Esta expansión do parque abriu ao público o 18 de xuño de 2010[130] e inclúe unha recreación de Hogsmeade e diversas atraccións. A principal atracción é Harry Potter and the Forbidden Journey, que se atopa dentro dunha recreación de Hogwarts. Outras atraccións presentes son Dragon Challenge, un par de montañas rusas invertidas, e Flight of the Hippogriff, unha montaña rusa familiar.
Catro anos despois, o 8 de xullo de 2014, Universal abriu unha área temática de Harry Potter no parque Universal Studios Florida. Esta área inclúe unha recreación da travesa Diagon e unha pequena sección do Londres muggle. A principal atracción é a montaña rusa Harry Potter and the Escape from Gringotts. Universal tamén engadiu unha recreación plenamente operativa do Expreso de Hogwarts que conecta a estación de King's Cross dos Universal Studios Florida coa estación de Hogsmeade de Islands of Adventure. Tanto Hogsmeade como a travesa Diagon conteñen moitas tendas e restaurante das novelas, como a tenda de trangalladas de broma dos xemelgos Weasley ou o Caldeiro Pingón.
O 15 de xullo de 2014, The Wizarding World of Harry Potter abriu no parque temático Universal Studios Japan situado en Osaca, no Xapón. Tamén inclúe a vila de Hogsmeade, a atracción Harry Potter and the Forbidden Journey e a montaña rusa Flight of the Hippogriff.[131][132]
O 7 de abril de 2016, The Wizarding World of Harry Potter abriu no parque temático Universal Studios Hollywood localizado preto dos Ánxeles (California).[133][134]
En marzo de 2011, Warner Bros. anunciou os seus plans de construír unha atracción turística no Reino Unido relacionada coas películas. Warner Bros. Studio Tour London é un percorrido a pé por diferentes escenarios utilizados durante a rodaxe. Ademais, inclúe vestimentas e accesorios reais dos filmes. A atracción está localizada en Warner Bros. Studios, Leavesden, lugar onde se filmou a saga.[135] A súa apertura ao público foi en marzo de 2012.[136]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.