From Wikipedia, the free encyclopedia
Lord Voldemort, nado Tom Morlov Riddle,[1] é un personaxe de ficción e o antagonista principal da serie Harry Potter escrita por J. K. Rowling. Fai a súa primeira aparicion no primeiro libro, Harry Potter e a pedra filosofal, e aparece en persoa ou por medio de flashbacks en todos os libros, agás no terceiro, Harry Potter e o preso de Azkaban, onde só o mencionan.
Lord Voldemort | |
---|---|
Personaxe de Harry Potter | |
Figura de Lord Voldemort. | |
Primeira aparición | Harry Potter e a pedra filosofal |
Última aparición | Harry Potter e as reliquias da morte |
Creado por | J. K. Rowling |
Interpretado por | Ralph Fiennes Frank Dillane (con 15 anos en HP6) Hero Fiennes-Tiffin (con 11 anos en HP6) Christian Coulson (con 16 anos en HP2) Ian Hart (voz en HP1) Richard Bremmer (en HP1) |
Casa | Slytherin |
Información | |
Familia | Tom Riddle Sr. (pai) Merope Gaunt (nai) |
Na saga, Voldemort é o inimigo de Harry Potter, quen, segundo a profecía, ten "o poder para eliminar o Señor Escuro". Case que ningún meigo ou meiga se atreve a pronunciar o seu nome e por iso a miúdo refírense a el como "Xa-Sabes-Quen", "O Que Non Debe Amentarse" ou "o Señor Escuro". A obsesión de Voldemort é a pureza de sangue e pretende librar o mundo máxico de calquera trazo de muggles, non-máxicos, para así conquistar ambos mundos, o muggle e o máxico. Seguindo a liña xenealóxica da súa nai, Voldemort é o último descendente de Salazar Slytherin, un dos catro fundadores da Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería.
Lord Voldemort fai a súa primeira aparición en Harry Potter e a pedra filosofal. Nesta historia, Rowling preséntao como o Señor Escuro que matou os pais de Harry Potter, James e Lily, pero como resultado do amor e a vontade de sacrificarse por el, o pequeno Harry sobrevive cando Voldemort intenta quitarlle a vida co Maleficio Asasino. Voldemort perde o seu corpo, e Harry sae vivo cunha cicatriz na súa fronte como única marca do encontro. No libro, Voldemort intenta, sen éxito, recuperar o seu corpo roubando a pedra filosofal e elaborando con ela un elixir curador. Co fin de acadar este obxectivo, Voldemort axúdase do corpo do profesor Quirrell e vive na súa caluga como un parasito. No clímax do libro, Harry consegue impedir que Voldemort colla a pedra.
Na segunda novela, Harry Potter e a Cámara dos Segredos, Rowling introduce a Tom Morlov Riddle,[1] unha manifestación de Voldemort de mozo residente no interior dun diario máxico que atopa Ginny Weasley. No libro, Ginny aparece como unha nena tímida namorada de Harry. Sentíndose ansiosa e soa, empeza a escribir no diario e comparte con el os seus medos máis fondos con Tom, que se mostra moi simpático con ela. Porén, ao final, revela que o seu nome Tom Morlov Riddle, forma o anagrama "Milord Voldemort",[2] de modo que queda patente a súa verdadeira identidade. Riddle constata que foi medrando nos seus medos e mesmo chegou a posuír a Ginny, como para abrir a Cámara dos Segredos e liberar un basilisco que acabaría petrificando varios estudantes de Hogwarts. Harry derrota o Riddle do diario e mais o basilisco. En Harry Potter e o misterio do príncipe, Albus Dumbledore revélalle a Harry que o diario era un dos Horcrux de Voldemort, un obxecto de maxia escura que contén parte da súa alma.
No terceiro libro, Harry Potter e o preso de Azkaban, Voldemort non aparece.
No cuarto ano, Harry Potter e o Cáliz de fogo, Voldemort aparece ao principio e ao final do libro. Rowling vai unindo aos poucos varios elementos da trama que semellaba que non estaban relacionados. Revélase que Barty Crouch Jr., baixo ordes de Voldemort e coa aparencia do profesor Ollotolo Moody, amañara os acontecementos ocorridos durante o Torneo Tres Meigos en beneficio de Harry. O Señor Escuro consegue o seu obxectivo e transporta a Harry ata o cemiterio de Little Hangleton, onde está enterrada a familia Riddle. Harry é capturado e, despois de que Peter Pettigrew utilice o sangue de Harry para completar un ritual máxico, Voldemort recupera o seu corpo e todo o seu poder. Logo diso, invoca os seus seguidores, os Devoradores da Morte, ao camposanto para que sexan testemuña da morte de Harry en duelo. Non obstante, cando Voldemort se enfronta contra Harry, as súas variñas quedan unidas maxicamente por mor do núcleo de pluma de fénix que comparten. Debido a un fenómeno que logo se descubriría que se chama Priori Incantatem, da varita de Voldemort saen manifestacións en forma de pantasmas das súas vítimas máis recentes (incluídos os pais de Harry) que distraen ao Señor Escuro e permiten a Harry escapar mediante a mesma traslachave que o levara ata o cemiterio.
No quinto libro, Harry Potter e a Orde do Fénix, Voldemort aparece no clímax, de novo tendendo unha trampa a Harry. Durante os eventos da novela, Harry atravesa un estrés emocional extremo, e segundo Rowling era necesario para probar que Harry é vulnerable emocionalmente e, por tanto, humano, en contraste co seu inimigo Voldemort.[3] O rexeitamento por parte do Ministro de Maxia de aceptar o regreso Voldemort permite o meigo escuro elaborar un plan para liberar a Bellatrix Lestrange e outros Devoradores da Morte de Azkaban. Máis tarde, busca o xeito de recuperar o rexistro completo dunha profecía, referente a el e Harry, gardada no Departamento de Misterios do Ministerio de Maxia. O grupo de Devoradores da Morte que envía para conseguir e profecía é detido pola Orde do Fénix. Entrementres, Voldemort e Dumbledore entran nun feroz duelo durante o cal o Señor Escuro intenta posuír a Harry, pero non é capaz; Harry está cheo daquilo que Voldemort atopa incomprensible e que detesta: o amor. Percibindo que Dumbledore podía gañar, Voldemort desaparece ao tempo que chega o Ministro de Maxia para ver a súa fuxida, que ten que aceptar finalmente que era certo o seu regreso.
As aparicións de Voldemort en Harry Potter e o misterio do príncipe son en forma de flashbacks. Rowling emprega diversos capítulos para explicar o pasado de Voldemort, mediante recordos vistos no pensadoiro. Harry descobre que Voldemort é fillo da meiga Merope Gaunt e un muggle que tamén se chamaba Tom Riddle. Riddle abandona a Merope antes do nacemento do fillo e a muller morre horas despois do parto. Despois de vivir nun orfanato, un Tom mozo coñece a Albus Dumbledore, que lle conta que é meigo e organízao todo para que asista a Hogwarts. Riddle é un estudante modélico, pero en realidade é un sociópata que atopa un pracer sádico usando o seu poder para danar e controlar a xente. Finalmente acaba mantando o seu pai e avós como vinganza por abandonalo. No libro tamén se trata o odio de Riddle cara á xente non-máxica, os muggles e a súa obsesión cos Horcrux xunto ao desexo de dividir a súa alma para acadar a inmortalidade.
Durante o desenvolvemento da trama do libro, o seguinte paso de Voldemort é conseguir entrar en Hogwarts e atacar a Dumbledore. Draco Malfoy é o encargado de realizar esta tarefa e introduce os Devoradores da Morte no colexio máxico. Durante a batalla, o profesor Severus Snape usa o Maleficio Asasino contra Dumbledore cando Draco é incapaz de matar o director.
En Harry Potter e as reliquias da morte, Voldemort continúa co seu obxectivo de facerse co poder. Depón o Ministro de Maxia e substitúeo por Pius Thicknesse, que está baixo o Maleficio Imperius; entón establece un estado policial totalitario e persegue os nacidos de muggle. Despois de fracasar no intento de asasinar a Harry coa variña emprestada de Lucius Malfoy (para evitar o efecto do Priori Incantatem), vai na procura da Variña de Bieiteiro, a variña máis poderosa de todos os tempos. As súas pescudas lévano ata a tenda do variñeiro Gregorovitch, que acaba morto, e ata Nurmengard, o cárcere onde se atopa preso Gellert Grindelwald, ao que tamén mate. Finalmente localiza a Variña de Bieiteiro e róubaa da tumba de Dumbledore.
Máis tarde, descobre que Harry, Ron e Hermione están destruíndo os seus Horcrux. Despois de ofrecer aos habitantes de Hogwarts unha oportunidade de salvarse se entregaban a Harry sen obter resposta, dá comezo a invasión do castelo, no que Harry está a buscar o diadema perdido de Ravenclaw, un dos últimos Horcrux. Voldemort ordena á súa serpe mascota Nagini, executar a Snape, crendo que o faría o verdadeiro amo da Variña de Bieiteiro, dado que Snape asasinara a Dumbledore. Despois concede un armisticio dunha hora de duración a cambio de Harry. Cando Harry vai pola súa propia vontade ata a Fraga Prohibida, onde se atopaba Voldemort, o Señor Escuro lánzalle o Maleficio Asasino coa Variña de Bieiteiro. Con todo, o uso do sangue de Harry para resucitar o corpo de Voldemort non provoca a morte de Harry dado que agora o sangue do mozo, xunto á protección da nai, vai polas veas de Voldemort tamén. No canto diso, Voldemort destrúe a parte da súa propia alma que residía no corpo de Harry. Voldemort obriga a Rubeus Hagrid a levar o corpo aparentemente morto de volta ao castelo como trofeo, provocando outra batalla durante a cal Nagini, o seu último Horcrux, é destruída por Neville Longbottom. A batalla trasládase ata a Gran Sala onde Voldemort loita contra Minerva McGonagall, Kingsley Shacklebolt e Horace Slughorn á vez. Harry revela que non está morto e explícalle a Voldemort que Draco se convertera no verdadeiro amo da Variña de Bieiteiro cando desarmara a Dumbledore; Harry, a cambio, gañara a obediencia da variña cando lla quitara a Draco. Non obstante, Voldemort lanza de novo o Maleficio Asasino coa Variña de Bieiteiro á vez que Harry emprega o escunxuro para desarmar coa de Draco, pero a Variña de Bieiteiro rexeita matar o seu amo e o esconxuro rebota en Voldemort quen, con todos os Horcrux destruídos, morre finalmente.
Nas versións cinematográficas dos libros o actor británico Ralph Fiennes encárgase do personaxe de Lord Voldemort.
Rowling describiu a Voldemort como "o meigo máis malvado desde hai centos e centos de anos".[4] A escritora explicou que é "psicópata furioso, desprovisto das respostas humanas normais fronte ao sufrimento doutras persoas" e que a súa única ambición na vida é converterse en todopoderoso e inmortal. Tamén é un sádico que busca a diversión provocando dor a outros sen ningún remorso e que asasina persoas só por diversión, especialmente muggles, ademais de non recoñecer o valor e a humanidade de ninguén que non sexa el.[5] Non sente ningún desexo ou necesidade da compañía ou amizade humana e non pode comprender o amor ou o afecto por outro. Cre que é superior a todos, ata o punto de que a miúdo se refire a si mesmo en terceira persoa como "Lord Voldemort". Rowling tamén comentou que Voldemort está "incriblemente famento de poder. Racista, de verdade",[6] e que se Voldemort se mirase no Espello de Oxesed "veríase a si mesmo, todopoderoso e eterno. Iso é o que quere".[7]
Rowling tamén dixo que a concepción de Voldemort por influencia de Amortentia (unha apócema de amor administrada pola meiga Merope Gaunt ao muggle Tom Riddle) está relacionada coa súa incapacidade de entender o amor; é "un xeito simbólico de mostrar que saíu dunha unión sen amor".[8]
Tal e como pasa coa maioría dos viláns arquetípicos, a arrogancia de Voldemort é a que propicia a súa caída. Tamén sofre un medo patolóxico á morte, que considera unha debilidade humana vergonzosa. Segundo Rowling, o seu camalecoco sería o seu propio cadáver.[9] Rowling tamén dixo que a diferenza entre Harry e Voldemort é que o mozo acepta a mortalidade, e entón por iso Harry é máis forte que o seu inimigo ao final.[8]
Despois de recuperar o seu corpo no cuarto libro, por vez primeira na saga, Rowling describe a súa aparencia. Di que é alto e cunha delgadez esquelética, pálido coma un morto, orificios nasais coma os dunha serpe, ollos vermellos con pupilas verticais e con mans de dedos anormalmente longos. Como se menciona no primeiro capítulo do sétimo libro, tampouco ten pelo nin beizos. Segundo se conta nos flashbacks sobre a súa vida anterior, Tom Morlov Riddle aparece como un mozo ben feito. Crese que a súa transformación é resultado da creación dos Horcrux, que fixo que fose menos humano.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.