Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Corrupción é o mal uso por parte dun funcionario da súa autoridade e dos dereitos que se lle confían, así como a autoridade relacionada con ese estado oficial, oportunidades, conexións para beneficio persoal, contrario á lei e os principios morais. En moitos países, a corrupción é punible por lei.
"Corrupción" procede do vocábulo latino corruptione,[1] composto polas palabras cor (corazón) e rupta (quebra).[2]
Stephen D. Morris,[3] profesor de política, di que a corrupción política é o uso ilexítimo do poder público para beneficiar un interese privado. O economista Ian Senior[4] define a corrupción como unha acción para fornecer secretamente un ben ou un servizo a un terceiro para que el ou ela poida influenciar determinadas accións que beneficien o corrupto, un terceiro ou ambos en que o axente corrupto ten autoridade. Daniel Kaufmann,[5] economista do Banco Mundial, estende o concepto para incluír a "corrupción legal", en que o poder é abusado dentro dos límites da lei: aqueles con poder xeralmente teñen a capacidade de facer leis para a súa protección. O efecto da corrupción na infraestrutura é aumentar os custos e o tempo de construción, diminuír a calidade e diminuír o beneficio.[6]
A corrupción pode ocorrer en diferentes escalas. A corrupción varía de pequenos favores entre un pequeno número de persoas (pequena corrupción),[7] á corrupción que afecta o goberno en grande escala (gran corrupción) e á corrupción que é tan prevalente que forma parte da estrutura cotiá da sociedade, incluíndo a corrupción como un dos síntomas do crime organizado.
A pequena corrupción ocorre nunha escala menor e ocorre no final da implementación dos servizos públicos cando os funcionarios públicos se encontran co público. Por exemplo, en moitos lugares pequenos, como oficinas de rexistro, comisarías de policía e moitos outros sectores privados e gobernamentais.
A gran corrupción defínese como a corrupción que ocorre nos niveis máis altos do goberno dunha maneira que require unha subversión significativa dos sistemas políticos, legais e económicos. Tal corrupción encóntrase comunmente en países con gobernos autoritarios ou ditatoriais, mais tamén naqueles que non posúen unha investigación axeitada da corrupción.[8]
O sistema gobernamental en moitos países está dividido en pólas (poder lexislativo, executivo e xudicial) na tentativa de fornecer servizos independentes menos suxeitos á gran corrupción debido á súa independencia un do outro.[9]
Corrupción sistémica ou corrupción endémica[10] é a corrupción debida principalmente ás fraquezas dunha organización ou proceso. Pode manifestarse con funcionarios ou axentes individuais que actúan de forma corrupta dentro do sistema.
Factores que incentivan a corrupción sistémica inclúen o conflito de intereses, os poderes discrecionais (isto é, sen límites), os poderes monopolísticos, a falta de transparencia, os baixos salarios e unha cultura da impunidade.[11] Os actos específicos de corrupción inclúen o suborno, a extorsión e o desfalco nun sistema en que "a corrupción se torna a regra e non a excepción".[12] Os estudosos distinguen entre corrupción sistémica centralizada e descentralizada, dependendo de que nivel de corrupción estatal ou gobernamental ocorre; en países como os estados pos-soviéticos ocorren ambos os tipos.[13]
Algúns estudosos argumentan que existe un deber dos gobernos occidentais de loitar contra a corrupción sistémica dos gobernos dos países subdesenvolvidos.[14][15]
Unha das formas máis comúns en que se poden clasificar as corrupcións é a división entre corrupción activa e pasiva. A corrupción activa ocorre cando se ofrece unha vantaxe indebida a un funcionario público en troques dalgún beneficio.[16] Por outra banda, a corrupción pasiva só pode ser practicada polo funcionariado público. O simple feito de ofrecer unha proposta ilícita é o suficiente para caracterizar o crime, non sendo necesario que o outro acepte.[17]
A expresión "corrupción sistémica" emprégase cando a práctica da corrupción se torna xeneralizada e abrangue diversos sectores da sociedade, principalmente o goberno e as grandes empresas, de forma que a práctica se torne rutineira ou normal. Noutras palabras, é cando a corrupción se converte en parte do sistema.[18]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.