Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O calendario romano xeral, coñecido en latín como calendarium romanum generale, é o calendario litúrxico oficial para as celebracións na forma ordinaria do rito romano na Igrexa católica latina. Rexe a ordenación do ano litúrxico indicando o ciclo total das celebracións do "misterio do Señor" e as datas das celebracións dos santos, ou santoral. Ademais do xeral existen calendarios particulares, como calendarios diocesanos, nacionais, de igrexas particulares ou de familias relixiosas.
Consonte o ano litúrxico católico o calendario estrutúrase en dous ciclos, o temporal e o santoral, o primeiro concirne a Cristo e ao segundo concirne aos días dedicados a lembrar e venerar a algúns santos e beatos.
Durante o primeiro século do cristianismo latino non existía máis que un calendario temporal moi sinxelo, que incluía como festas especiais, Nadal, Pascua cristiá e Pentecoste e moi axiña quedou incluída a Epifanía[1], de orixe oriental. A primeira noticia que se ten do culto aos mártires data de aproximadamente o ano 167 e ata o século IV era unha práctica estritamente local realizada nas capelas dos cemiterios[2], así o máis antigo calendario litúrxico romano conservado, compilado por Filocalo no ano 354 inclúe o Depositio episcoporum, unha lista de papas, e o Depositium martyrium cunha lista de 52 mártires, todos romanos agás tres de Cartago[3]. Progresivamente iniciouse o costume de transportar as reliquias á igrexa local ou doutras localidades. Progresivamente comezaron a adoptarse varias festas de orixe bizantina relacionadas coa Virxe, como a Solemnidade de Santa María Nai de Deus no século V[4], e no século VII a Natividade[5], a Purificación[6], a Anunciación[7] e a Asunción de María[8] á vez que o culto aos santos ía tomando carácter universal, editándose os santorais á parte e chegando nos séculos XIII e XIV a ter unhas proporcións desmesuradas e sorprendentes[9]. No concilio de Trento realizouse unha fonda reforma do calendario litúrxico entre 1568 e 1570 simplificándoo, conservando só oito santos posteriores ao ano 1000 e deixando 157 días libres de festas [10], así e todo co paso dos séculos o santoral foise sobrecargando de novo e en 1911 ao iniciar Pío X a reforma do santoral, este contaba con 356 festas, que non puideron corrixir as reformas de 1914 e 1960 e ao comezar os traballos do concilio Vaticano II estableceuse a necesidade dunha reforma do calendario para que o ciclo temporal mantivera a superioridade sobre a festa dos santos. Así o papa Paulo VI estableceu en 1964[11] unha comisión posconciliar para a establecer a constitución litúrxica, cun grupo de estudo dedicado á revisión do calendario, que concretou no novo calendario romano, o calendario romano xeral, promulgado o 14 de febreiro de 1969 polo Papa e que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 1970.
O calendario romano xeral asigna celebracións de santos a aproximadamente a metade dos días do ano, contendo só unha parte pequena dos santos listados no Martyrologium Romanum, que tampouco inclúe todos os santos lexitimamente venerados na Igrexa católica; e así a canonización implica a adición do nome do santo ao Martyrologium pero non quere dicir que se insira no calendario romano xeral, que menciona só unha moi limitada selección de santos canonizados, e que non estean incluídos no calendario non indica que non sexan venerados polos católicos. No calendario só se inclúen santos de significancia universal, representando o conxunto de eras, rexións xeográficas e grupos culturais, e no posible a súa festa asígnase ao día do que a igrexa considera o seu "nacemento" á vida eterna[12].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.