A dos dermópteros (Dermoptera) é unha orde de mamíferos placentarios que comprende unha soa familia, a dos cinocefálidos (Cynocephalidae),[1] que só alberga dous xéneros con cadansúa especie actual,[2] propias do sueste asiático, coñecidas na bibliografía internacional como cinocéfalos, colugos, galeopitecos e lémures voadores.

Máis información DermópterosDermoptera Rango fósil: eoceno - actualidade, Clasificación científica ...
Pechar

Aínda que en ocasións se lles chama lémures voadores, os dermópteros non son primates. Modernos estudos do ADN destes animais realizados na Universidade de Texas, EE. UU., revelaron que os primates e os dermópteros tiveron un antepasado común hai uns 80 millóns de anos, durante o cretáceo.[3]

Son animais arborícolas que se alimentan de froitos e follas, e que posúen unha membrana cutánea ou pataxio, que une o colo, as extremidades e a cola, que lles permite facer voos planados.

Taxonomía

Descricións

Orde

A orde dos Dermoptera foi descrita en 1811 polo zoólogo alemán Johann Karl Wilhelm Illiger,[1] na súa obra Prodromus Systematis Mammalium et Avium.

Familia

En canto á famnilia dos Cynocephalidae describiuna en 1945 o biólogo estadounidense George Gaylord Simpson, en Bull. Am. Nat. Hist., 85: 54.[2]

Sinónimos

Ademais de polo nome actualmente válido, a familia coñeceuse tamén polos sinónimos:[2]

Etimoloxías

O nome científico da orde, Dermoptera, está formado polos elementos do latín científico dermo-, tirado do termo do grego antigo δέρμα dérma, "pel", e -ptera, forma neutra plural derivada do grego antigo πτερόν pterón, "á", "ala". Literalmente: "os de ás de pel".

O nome da familia, Cynocephalidae está formado, como é normal, sobre a base do nome de seu xénero tipo, Cynocephalus, coa desinencia ´-idae, propia dos nomes das familias de animais.

E o nome Cynocephalus é a adaptación do termo do grego clásico κυνοκέφαλος kinoképhalos, derivcada de κύων kýōn (ou κυνός kynós), "can", e κεφαλή kephlē, "cabeza". Literalmente: "o de cabeza de can".

Nomes vulgares

O nome vulgar cinocéfalos é unha adaptación evidente do nome do xénero Cynocephalus.

Colugos deriva de colugo, dunha lingua indo-malaia, quizais dunha lingua de Filipinas.[4]

Galeopitecos, nome empregado adoito na bibliografía internacional, é unha adaptación do nome do xénero Galopithecus Rüppell, 1842, o tipo da familia dos Galeopithecidae Gray, 1821, sinónimo de Cynocephalidae, cando se pensaba que estas animais formaban parte da orde dos Primates Linnaeus, 1758.[5]

Thumb
Cynocephalus volans taxidermizado.

Clasificación

Na actualidade, a orde comprende tan só unha familia,[1] con dous xéneros con cadansúa especie.[2]

Orde Dermoptera Illiger, 1811

Anatomía e bioloxía

Características xerais

Thumb
Debuxo de G. variegatus.
Thumb
Esqueleto de C. volans.
Thumb
Dentes dun dermóptero.

Os dermópteros, pouco maiores que un coello (a lonxitude da cabeza e o tronco é duns 40 cm —a cola mide uns 25 cm— e cun peso de aproximadamente quilo e medio), e pousados, non chaman demasiado a atención. Pendurados dunha póla polas mans e os pés, ou simplemente polas mans, provistas de fortes uñas, dedícanse a comer as follas, florres, abrochos, xemas e froitos que teñen ao seu alcance. Para beberen lamben a auga das follas, ou a buscan nas flores traopicais que poden almacenar gran cantidade dela.[6][7]

Pero todo cambia, porén, cando un galeopiteco quere desprazarse a algunha distancia, ou fuxir dun perseguidor. Daquela, lánzase ao aire, estendendo as súas extremidades e a cola, co que se desprega unha gran membrana peluda ou membrana voadora, formada por pregaduras cutáneas aos lados do corpo, moito maior que ás dos esquíos e dos marsupiais voadores, que é a súa principal caracaterística e a que fai referencia ao seu nome de dermópteros.[6][8] Esta membrana, que une o colo, cos membros anteriores e posteriores —incluíndo os dedos—, e os membros coa cola, está formada por dúas capas de pel con pelo. Grazas a ela, os dermópteros poden planar distancias máis longas que ningún outro mamífero, de xeito que, en base á súa capacidade para o desprazamento aéreo, estes animais foron considerados algunha vez, antigamente, como membros da orde dos quirópteros (morcegos).

Pero a súa estrutura anatómica indica, porén, que non existe unha relación próxima entres estas dúas ordes. As adaptacións e o modo de locomoción aérea, exclusivamente pasiva nos dermópteros, foron alcanzados independentemente por ambos os grupos, aínda que é posíbel que os morcegos atravesaran no curso da súa evolución por un estadio similar ao da presente estrutura dos dermópteros.[8]

A pelaxe dos dermópteros é de cor parda ou parda-agrisada. Na súa pel existen glándulas sudoríparas e sebáceas, pero nunca forman agregados.[8]

Esqueleto

As fosas orbitais son grandes e abertas, pero están parcialmente separadas da temporal mediante procesos nos ósos frontal e zigomático. A estrutura de ambas as cinturas, escapular e pelviana, é a típica dos aniamais terrestres, e diferente, por tanto, á propia dos morcegos. O membro anterior ten unha gran mobilidade na articulación da cintura. O antebrazo é moito máis longo que o brazo. Ambas as patas, anteriores e posteriores, son pentadáctilas. Os dedos son longos e teñen garras afiadas. A súa fórmula dentaria é 2.1.2.3 / 2.1.2.3. Os incisivos inferiores están dirixidos cara a adiante, son comprimidos. O bordo anterior de cada incisivo inferior ten sucos profundos, o que lle dá a aparencia de peite; estes serven, como nos lémures, para limpar a pel. A forma serrada dos incisivos suporiores e dos molares e dos caninos está menis dsenvolvida. Os molares superiores son esencialmente trituberculares, aínda que hai, porén, unha tendencia á formación de cúspides adicionais, que agrandan a superficie da coroa.[8]

Aparello dixestivo

O estómago é simple, e o intestino presenta un cego grande. Os dermópteros están adaptados a unha dieta fitófaga, como quedou dito máis arriba.[8]

Sistema nervioso e órganos dos sentidos

Os hemisferios cerabrais son pequenos, e presentan só lixeiras circunvolucións. Os centros olfactivos están moi desenvolvidos, e o sentido do olfacto parece ser o máis importante de todos.[8]

Reprodución

Os machos teñen os testículos contiodos nun escroto. Teñen un baculum ou óso peneano. As femias teñen un útero bicorne, e cando quedan preñadas a súa placenta é discoidal. Teñen un par de mamas pectorais. Despois dun período de xestación de dous meses, a femia pare unha cría, ocasionalmente a dúas. Os xoves cólganse do pelo da nai, que os transporta no abdome.[8]

Costumes, hábitat e distribución

Costumes

Os dermópteros son nocturnos, e pasan a maior parte do día en ocos de árbores, onde dormen coa cabeza cara a arriba, ao contrario que os morcegos. Porén, algunhas veces dormen pendurados das ramas. Pasan a maior parte do seu tempo entre as árbores, e non lles gusta baixa ao solo, onde se moven moi trorpemente.[8]

Thumb
Distribución das dúas especies viventes: Cynocephalus volans (verde)
Galeopterus variegatus (vermello).
Hábitat

As dúas especies actualmente viventes habitan nas selvas tropicais húmidas do sueste asiático.[8]

Distribución

A especie Cynocephalus volans é endémica de Filipinas, encontrándose nas illas de Mindanao, Bohol, Leyte, Palawan e ouras illas menores.[9]

Pola súa parte, Galeopterus variegatus distribúese desde Indochina, polo norte (incluíndo Vietnam, Laos e Camboxa) e, a través de Tailandia, Myanmar oriental e Malaisia (a península Malaia, Sabah e Sarawak) chega polo sur até Indonesia (Kalimantan, Sumatra e Xava occidental.[10]

Evolución

Os dermópteros son un vello grupo de mamíferos placentarios que se diferenciou xa no paleoceno. Porén, non se coñece demasiado sobre o seu desenvolvemento ao longo de case todo o terciario. Parecen derivar de insectívoros primitivos que evolucionaron cara ao voo planado e cara a unha alimentación fitófaga. No paleoceno de Norteamérica viviu a familia dos Plagiomedidae †, que se extringuiu no eoceno. Os dentes das especies pertencentes a esta familia eran similares aos dos dermópteros; os seus incisivos tiñan unha estrutura incipiente de peite. Pero non se coñece nada respecto ao seu esqueleto.[11]

Así mesmo, a especies da familia dos Mixodectidae † parecen seren fósiles dos Dermoptera. Aínda que outros mamíferos do paleoceno foron interpretados, como vimos, como relacionados cos dermópteros, a evidencia desta asociación é incerta, e moitos destes fósiles xa non se interpretan hoxe como mamíferos planadores. Na actualidade, o rexistro fósil de dermópteros considerados como certos limítase a dúas especies do xénero Dermotherium †, da familia dos cinocefálidos, do eoceno e o oligoceno.[12]

Estudos filoxenéticos moleculares recentes demostraron que os dermópteros pertencen ao clado Euarchonta, xunto cos tupaias ou musarañas arborícolas (orde dos Scandentia) e os primates, cos cinocéfalos máis estreitamente vinculados aos primates. Nesta taxonomía, o clado dos Euarchonta é irmán dos Glires (roedores e lagomorfos), e estes dous grupos compoñen o clado dos Euarchontoglires.[3]

Filoxenia

Cladograma
Euarchontoglires
Glires

Rodentia (roedores)

Lagomorpha (coellos, lebres e picas)

Euarchonta

Scandentia (tupaias)

Primatomorpha

Dermoptera

Plesiadapiformes ()

Primates

Notas

Véxase tamén

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.