filósofo, escritor e político galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Antón Losada Diéguez[5][6] ou Antonio Losada Diéguez[7][8], nado en Moldes (Boborás) o 22 de decembro de 1884 e finado en Pontevedra o 15 de outubro de 1929, foi un filósofo,[9] escritor e político galego. A súa familia procedía da fidalguía e da nobreza galega do Antigo Réxime, o carlismo e o tradicionalismo, tendencias que influíron na súa traxectoria no nacionalismo galego.[10] Integrante da Irmandade da Fala de Ourense,[11] impulsor da revista Nós e ideólogo do artellamento do grupo Nós e correspondente da Real Academia Galega, atraeu a numerosos intelectuais á causa galeguista,[12] exercendo sobre eles un labor socrático, cunha extraordinaria capacidade de espertar conciencias e estimular talentos.[13] De obra relativamente escasa e en gran parte inédita ata 1985, foi autor, entre outras, de media ducia de poesías, sete contos, dous escritos políticos, a obra teatral incompleta A domeadora[14] e os discursos "Os problemas do idioma e a cultura no rexionalismo galego" (1918) e "Encol da prosa galega" (1924),[15] co que ingresou no Seminario de Estudos Galegos.[16] Morreu prematuramente aos 44 anos de idade. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas de 1985.[17]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de decembro de 1884 Moldes, España |
Morte | 15 de outubro de 1929 (44 anos) Pontevedra, España |
Lugar de sepultura | Moldes |
Residencia | Moldes, A Estrada e Pontevedra |
Relixión | católica |
Formación profesional | Filosofía e Letras |
Educación | Universidade de Deusto Universidade de Santiago de Compostela |
Actividade | |
Ocupación | Catedrático de 2º ensino [1] |
Período de actividade | 1901 - 1929 |
Empregador | Irmandades da Fala Irmandade Nazonalista Galega Seminario de Estudos Galegos |
Membro de | |
Xénero artístico | xornalismo, ensaio, teatro |
Movemento | rexionalismo, agrarismo, carlismo, xaimismo |
Influencias en | |
Participou en | |
17 de novembro de 1918 | I Asemblea Nacionalista |
Obra | |
Obras destacables A domeadora | |
Familia | |
Cónxuxe | Albina Espinosa Cervela 1ª Mercedes Espinosa Cervela 2ª |
Fillos | Antón, Miguel, Mercedes, Albina, Xaquín, Luís e Xosé Antonio. |
Pai | Miguel Losada Losada |
Premios | |
| |
Páxina web | Fundación Antón Losada Diéguez |
Pertencía a unha familia fidalga de ideoloxía tradicionalista e católica, fillo de Miguel Losada Losada (1860-1913) e Carmen Diéguez Arias y Correa (1850-1888), casados en agosto de 1883.[17] Carmen finou de tuberculose cando Antón contaba tres anos.[18] A nenez de Antón transcorreu entre Moldes, no pazo familiar de finais do século XVI, rodeado de viñedos, e A Estrada, mais fundamentalmente nesta última.[10] Desde os dez anos, pasou cinco máis interno no Colexio Santiago Apóstolo dos Padres Xesuítas na Pasaxe (en Camposancos, A Guarda). Estudou Letras na Universidade de Deusto, graduándose en 1906, e fixo un curso de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, no 1902-1903. Os seus primeiros escritos non publicados e conferencias datan de 1901. En 1904 marchou a Madrid para facer o doutoramento en Filosofía e Letras, onde coincidiu con Ramón Otero Pedrayo.[13] Nestes anos xorde a súa vocación literaria que se concreta en catro pezas teatrais en castelán que presentou a concursos.[17]
Desde o ano 1907 regresou habitualmente a Galicia para participar no movemento agrario, facéndoo de forma directa na fundación de sindicatos agrarios na Estrada e noutros puntos de Galicia.[17] No ano 1910 trasladou a súa residencia habitual a Galicia, onde actuou de profesor axudante de Armando Cotarelo Valledor,[10] adscribíndose politicamente ó xaimismo e sendo elixido secretario da Xunta Tradicionalista de Santiago de Compostela.
En 1911 marchou de novo a Madrid para preparar oposicións a unha cátedra universitaria de Teoría da Literatura e das Artes, ao non conseguila optou polo ensino secundario.[10] No ano 1913 gañou unha cátedra de instituto con destino en Santa Cruz de Tenerife, Canarias, que conseguiu permutar por outra en Toledo, que ocupa durante o curso 1913/1914, e que, ao curso seguinte, permutou para o instituto de Ourense,[19] ocupando a cátedra de Psicoloxía, Lóxica, Ética e Rudimentos de Dereito.[10] Nesta cidade fixo amizade cos homes do cenáculo de Vicente Risco e aproveitou para rematar os seus estudos de dereito en Santiago, onde coñeceu a Luís Porteiro Garea. O 25 de xuño de 1915 casou con Albina Espinosa Cervela (filla de Laurentino Espinosa Valladares e sobriña neta de Marcial Valladares e Avelina Valladares), coa que tivo o primeiro fillo, Antón. Albina finou o 17 de decembro do 1916 a causa do tifo.[20] A partir de 1916 foi arredando do xaimismo ao tempo que comezou a gabar o rexionalismo catalán.
O ano 1917 vai ser fundamental na traxectoria política de Losada xa que ingresa nas Irmandades da Fala, o 17 de outubro escribiu a Porteiro solicitándolle información e o 30 de outubro xa estaba integrado na Irmandade. Renova a Irmandade de Ourense que estaba en mans de sectores rexionalistas sen case actividade pública e consegue atraer a Vicente Risco e ao núcleo que participaba en La Centuria, o que vai ser fundamental para o desenvolvemento do galeguismo e que vai dar orixe á Xeración Nós. Ademais nese ano viaxa a Barcelona cunha delegación das Irmandades para celebrar unha Semana Galega e entrar en contacto coa Lliga Regionalista, e á súa volta a Ourense é o encargado de recibir a Francesc Cambó,[21] e vai ser o encargado xunto a Rodrigo Sanz e Luís Porteiro de organizar as candidaturas galeguistas na provincia de Ourense para as eleccións xerais de 1918, coligado cos mauristas de José Calvo Sotelo.
Porteiro presentouse por Celanova e Losada polo distrito electoral da Estrada,[22] competindo cos riestristas.[21] A derrota electoral provocou unha desmoralización no seo das Irmandades e Losada vai concentrar os seus esforzos en consolidar o grupo. Para iso escribiu arreo na prensa. Sobre todo en El Emigrado, La Región, O Tío Marcos d'a Portela, A Nosa Terra, El Estradense e Alborada apareceron os seus escritos en galego, sen esquecer o seu labor como propagandista católico en Pontevedra como presidente da Acción Católica e do Círculo de Obreiros Católicos locais e impulsor dos tímidos intentos para introducir o galego na liturxia. Losada estaba dobremente obsesionado por galeguizar a Igrexa e cristianizar o galeguismo.[10] El mesmo traduciu a Salve a esta lingua.[23] O 17 e 18 de novembro de 1918 presidiu a I Asemblea Nacionalista, no teatro Lugo-Salón da Rúa Aguirre.[24]
En 1919 comezou a traballar como profesor no Instituto de Pontevedra, residindo na Praza do Teucro.[25] Ocupou a cátedra de filosofía nese centro de ensino, onde tivo de discípulos a Xosé Sesto López e Xosé Filgueira Valverde,[10] e onde chegaría a ter de compañeiros, entre outros profesores, ao propio Filguera Valverde, Ramón Sobrino Buhigas, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Luís Pintos Fonseca e Tomás Abeigón Pazos.[1] Con Risco e Arturo Noguerol, fundou en 1920 a revista Nós. En palabras de Xoaquín Lorenzo, Xocas, en 1985, no programa Parladoiro da Radio Galega, Losada Diéguez foi a semente de toda a Xeración Nós:
“ | Losada Diéguez foi a semente da Xeración Nós. A Xeración Nós nace por iso, porque houbo un Losada Diéguez que deitou a súa semente nuns homes extraordinarios que providencialmente aparecen en Ourense nesa época e entón esa semente fructifica e dá lugar á Xeración Nós, á revista Nós, ao Seminario de Estudos Galegos, a toda aquela renacencia extraordinaria da cultura galega.[26] | ” |
O 31 de decembro de 1920 casou no oratorio da casa de Vilancosta, en segundas nupcias, con Mercedes Espinosa Cervela (irmá da primeira muller) coa que tería seis fillos máis.[20] En 1922, trala escisión producida na IV Asemblea Nacionalista de Monforte de Lemos, acompañou a Risco na formación da Irmandade Nazonalista Galega e foi o seu Conselleiro de Espallamento durante un ano,[10] fracasando nos seus intentos de reunificar o galeguismo.[17] Ese mesmo ano, na casa de Losada fanse as primeiras xuntanzas para a creación do diario vigués Galicia, do que o primeiro número saíu o 25 de xullo. O 12 de maio de 1924 ingresou no Seminario de Estudos Galegos co discurso "Encol da prosa galega", lido nos locais da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago.[15] Losada fíase das promesas de Calvo Sotelo e colabora nun primeiro momento coa ditadura de Primo de Rivera tomando posesión como vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra, e como tal participou nos intentos de establecer unha Mancomunidade de Galicia que quedará en nada e provocará que Losada presente a dimisión en marzo de 1925.[27] Como recordo do seu labor na Deputación quedará o establecemento do Museo de Pontevedra grazas ás súas xestións.[19][28]
Durante o resto da ditadura dedicarase a actividades culturais[10] como presidente fundador da Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra (dende 1925) e do Eiriña Club de Fútbol, como tesoureiro da Misión Biolóxica de Galicia, ao seu traballo no seo do Seminario de Estudos Galegos e a colaboración con Acción, Órgano de la Juventud Católica, publicado dende 1928,[10] pero sen esquecer os desexos de autonomía de Galicia como proba o relatorio sobre goberno rexional, que presenta no Primeiro Congreso de Economía de Galicia. Foi membro correspondente da Real Academia Galega dende o 22 de maio de 1928.
A súa morte prematura, antes de cumprir os corenta e cinco anos, aconteceu en Pontevedra no outono de 1929 e os seus restos descansan na capela familiar na igrexa de San Mamede de Moldes. Deixou viúva e seis orfos,[30] máis un sétimo, póstumo, que finaría aos catro meses de nacer.[20]
“ | Caeu o loitador esgrevio como n´outrora caeu Porteiro, almas xemelas ambas no ideal que as guiaba cuias voces soaron unísoas cando o despertar arelante do sentimento galeguista. Necrolóxica en El Emigrado, 31/10/1929.[31] |
” |
Dende que entrou nas Irmandades ata a súa morte coñécenselle media ducia de poesías (entre orixinais e traducións ó galego), sete contos curtos, un fragmento de comedia inacabada, dous artigos sobre arte, unha incursión parafilosófica,[32] dous discursos, incluíndo o de ingreso no Seminario de Estudos Galegos,[15] e doce artigos máis ou menos políticos e case todos breves. Porén, na publicación en 1985 da Obra Completa (657 páxinas), o material recollido suma 119 textos.[12]
Divididos en catro temáticas e, dentro destas, por orde cronolóxica, os títulos son:[34]
“ | Lembradevos ben, con todo, agrarios galegos, que sodes fillos de Galicia, qu'a nosa vida d'o campo, os nosos cultivos, os edios, monte y-augas nosas son d'a terra nosa e teñen un carauter seu que non se pode confundire, nin se deben estudiar sinón como tales asuntos galegos caraiterísticos y-enxebres. "Os camiños d'o agrarismo galego", 1919.[41] |
” |
“ | Y-âs veces tremo, e sinto a dôr na y-alma diant'os homes que lixan a Natureza y-esborrallan o feitizo das cousas. Pensamento dunha vella cega. A Domeadora, 1929.[51] |
” |
En 1984, co gallo do centenario do nacemento, o concello do Carballiño instalou un monólito e editou un libro. Ao ano seguinte dedicóuselle o Día das Letras Galegas; creouse o Premio Antón Losada Diéguez; editouse a súa Obra completa, unha antoloxía a cargo da USC e unha escolma editada por Filgueira Valverde.
O Concello da Estrada declarou o 2005 como Ano Cultural Antón Losada Diéguez,[59] inaugurando unha estatua no Paseo da Cultura e en 2006 constituíuse a Fundación Antón Losada Diéguez, que foi declarada de interese cultural[60] e interese galego[61] en 2008.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.