política francesa From Wikipedia, the free encyclopedia
Simone Veil, anteriormente Simone Jacob, nada en Niza o 13 de xullo de 1927 e finada en París o 30 de xuño de 2017, foi unha política e maxistrada francesa.
Nada no seo dunha familia xudía orixinaria de Lorena, foi deportada a Auschwitz cando tiña 16 anos, durante a Shoá, na que perdeu o seu pai, a súa nai e o seu irmán. Tras cursar os estudos de dereito e ciencia política entrou na maxistratura como alta funcionaria.
Foi nomeada ministra de saúde en 1974 polo presidente Valéry Giscard d'Estaing, quen lle encargou a tarefa de lograr a aprobación da lei que despenalizaría o acceso das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo. Esta lei foi logo coñecida como a lei Veil. A raíz disto foi recoñecida como unha icona da loita contra a discriminación das mulleres en Francia.[1] Foi a primeira muller en ocupar a presidencia do Parlamento Europeo[2] en 1979, na primeira elección deste por sufraxio universal directo,[3] posto que desempeñou ata 1982. É comunmente considerada unha das promotoras da reconciliación franco-alemá e da construción europea. De 1993 a 1995 foi ministra de Asuntos Sociais, Saúde e Urbanismo e número dous no goberno de Édouard Balladur.[N 1] Despois formou parte do Conseil constitutionnel de 1998 a 2007, antes de ser elixida membro da Academia francesa en 2008.
Consonte a decisión tomada polo presidente Emmanuel Macron, os restos de Simone Veil e do seu esposo foron depositados no Panteón de París o primeiro de xullo de 2018.
A familia Jacob era orixinaria de Bionville-sur-Nied, unha vila de Lorena. O seu pai, o arquitecto André Jacob, obtivo en 1919 o segundo Gran premio de Roma de arquitectura.[4][5] Casou o 22 de maio de 1922, no noveno arrondissement de París, con Yvonne Steinmetz, filla dun peleteiro da capital.[6][N 2][N 3][7] André Jacob esixiu que a súa dona, con título de bacharelato e estudante de química[8] deixase os seus estudos logo do casamento.[7]
A familia xudía de Simone Jacob era "moi laica" e non practicante.[9]
"A miña pertenza á comunidade xudía non me deu xamais problemas. Foi moi revindicada polo meu pai non por razóns relixiosas senón culturais", escribe Simone Veil na súa autobiografía.[4] "Ós seus ollos, se o pobo xudeu seguía a ser o pobo escollido era porque era o pobo do Libro, o pobo do pensamento e a escritura."[1]
Tras o nacemento das dúas primeiras fillas da parella, Madeleine e Denise, a familia mudouse de París a Niza, na Costa Azul.[7] Jean Jacob, o único fillo, naceu no ano 1925. Simone Jacob, a máis pequena da familia, naceu en Niza o 13 de xullo de 1927.[7] Coa crise de 1929, a familia deixou o seu apartamento no número 50 da avenida Georges-Clemenceau por outro piso máis pequeno na rúa Cluvier.[7][10] A medida que a crise se intensificou, os encargos ós arquitectos como seu pai eran pouco habituais e a súa mai calcetaba para os fillos e fillas das familias máis desfavorecidas.[7]
O día 3 de setembro de 1939 o Reino Unido (ás 11 h) e despois Francia (ás 17 h) declararon a guerra á Alemaña nazi. Cando se asinou o armisticio, André Jacob mostrouse abrumado,[7] por máis que pensara que a república nunca tocaría a comunidade xudía.[8][11] O 10 de xullo de 1940, a Asemblea Nacional, reunida en Vichy, aprobou cunha esmagadora maioría a imposición de plenos poderes ao mariscal Pétain. O réxime de Vichy (baixo o goberno de Pierre Laval) promulgou, o 4 de outubro de 1940, o primeiro estatuto dos xudeus que establecía unha serie de prohibicións e a obriga de presentarse perante as autoridades.[7]
André Jacob cumpriu coas novas condicións - feito ao que se opuxo a xove Simone, segundo ela declarou máis tarde[12]- e perdeu o dereito a exercer a súa profesión. Yvonne Jacob pasaba os días a buscar comida para alimentar a súa familia.[7] Ao ano seguinte os cativos da familia Jacob foron enviados preto de Carcasona onde permaneceron un tempo na compaña dun tío e unha tía.
Xa de volta en Niza, a familia, que vivía nun apartamento, sufriu a progresiva segregación imposta polas leis contra a comunidade xudía. Así e todo os pequenos participaban nas actividades dos grupos scouts. O perigo tornouse visible a partir de setembro do ano 1943, data na que a Costa Azul pasou a ser controlada pola ocupación alemá, baixo a dirección de Alois Brunner. De feito, Niza, que fora Zone libre ata novembro de 1942, pasara deseguido a estar baixo a ocupación italiana ata que os italianos asinaron un armisticio cos aliados o 2 de setembro de 1943.
En marzo de 1944 Simone Jacob acadou o seu título de bacharelato.[N 4]
Cando tiña 16 anos, en marzo de 1944, Simone Jacob, que se facía chamar Simone Jacquier, vivía na casa da súa profesora de linguas clásicas, Madame de Villeroy, docente no Liceo Masséna. O 30 de marzo, cando ela quedara cun amigo para reunirse coas rapazas da súa clase e festexar a fin das probas de bacharelato (a pesar de que a familia xa llo prohibira),[13] Simone foi abordada e detida por un control de rúa en pleno centro da cidade de Niza, formado por dous alemáns de paisano. Ela e o seu compañeiro foron levados ao Hotel Excelsior na rúa Durante. Naquel tempo este hotel era o cuartel xeral alemán que servía como lugar de reagrupamento local dos xudeus e xudías tras a súa detención, previa á súa deportación a Alemaña. Os alemáns liberaron rapidamente o rapaz, con tempo abondo para que Simone Jacob puidese pasarlle o enderezo de Madame de Villeroy, para avisala, e tentar deste xeito informar a súa familia.[10][14]
Durante as horas seguintes, o resto da familia, que fora acollida, a pesar dos riscos, por diversas parellas e amizades de Niza, foi detida pola Gestapo. Simone Jacob foi trasladada ao campo de Drancy. O 13 de abril de 1944, case dúas semanas tras o seu arresto, Simone, a súa nai Yvonne, e a súa irmá Madeleine foron enviadas desde Drancy dentro do convoi número 71[N 5](onde ían Anne-Lise Stern e tamén Marceline Rosenberg, quen acabou sendo a súa mellor amiga no campo[15]) con destino a Auschwitz-Birkenau, un dos campos de exterminio nazis. Chegaron na tarde do 15 de abril. Un dos prisioneiros, que falaba francés, aconselloulle que dixera que tiña máis de 18 anos para poder pasar a selección e salvar a vida.[6]
Simone recibiu o número 78651, que lle foi tatuado no brazo. Dende entón realizou traballo forzado: "a maior parte do tempo era unha actividade especialmente absurda"[N 6][16] consistente entre outras cousas en "descargar camións cheos de pedras enormes (...) cavar trincheiras, achairar o solo (...) e baleirar as latrinas."[17][18]
Unha antiga prostituta polaca, chamada Stenia, que pasara a ser gardiá do campo[19] salvoulle a vida movéndoa a un anexo de Auschwitz tras dicirlle "Ti es demasiado bonita para morrer aquí."[20] Ela aceptou, coa condición de que a súa nai e a súa irmá fosen con ela.[11]
Outra das irmás de Simone, Denise Jacob, que entrara a formar parte dunha rede da Resistencia en Lión ós 19 anos, foi detida en 1944 e deportada a Ravensbrück, de onde conseguiu saír. O seu pai e o seu irmán Jean foron deportados a Lituania no convoi 73.[21] Simone non volveu velos.
En xullo de 1944, Simone Jacob é transferida, xunto coa súa nai e a súa irmá, a Bobrek, a cinco quilómetros de Birkenau. Pouco antes da liberación do campo de Auschwitz, o 27 de xaneiro de 1945, os alemáns levaron os seus prisioneiros na chamada marcha da morte,[22] 70 kms en dirección a Auschwitz e logo a Gleiwitz. Despois transportaron os prisioneiros en tren, sen auga nin comida (agás os anacos de pan lanzados polos habitantes das vilas que atravesaban), ata o campo de Dora e máis tarde ao de Bergen-Belsen, onde chegaron o 30 de xaneiro. Neste campo Simone foi destinada ao traballo na cociña. A súa nai morreu de tifo en marzo de 1945.[23] A súa irmá Madeleine, tamén afectada de tifo, salvouse por pouco grazas á chegada dos aliados.
Bergen-Belsen foi liberado polas tropas británicas o 15 de abril de 1945, sendo o primeiro gran campo liberado polas forzas aliadas.[22] Simone, Madeleine e Denise foron as únicas superviventes da familia xa que nin o seu pai, nin a súa nai nin o seu irmán volveron dos campos.
Logo do seu regreso a Francia Simone sentíase preparada para falar da súa experiencia, pero tiña a impresión de que ninguén quería escoitar o que puidese contar.[N 7][24]
Simone Veil evocou o proceso de deportación da súa familia nun documental do 2 de setembro de 1976.[23] Tamén fixo fincapé na especificidade xudía da Shoá, ao tempo que se declaraba en contra de calquera forma de competición das vítimas.[25][N 8]
Simone Jacob regresou a Francia o 23 de maio de 1945, ao centro de acollida de París situado no hotel Lutetia[26] e descubriu entón que fora a única en sacar o título de bacharelato de todo o instituto, logo de pasar as probas na véspera da súa detención.[27] En 1945 inscribiuse na facultade de Dereito e no Instituto de Estudos Políticos de París, onde coñecería, durante unha saída á neve,[28] a Antoine Veil (1926-2013), quen se formou na prestixiosa École Nationale d’Administration e co que casou o 26 de outubro de 1946.[8]
Ela acompañouno a Wiesbaden e máis tarde a Stuttgart, onde fora nomeado, axudándoo a preparar as oposicións ao ENA,[N 9] organizándolle as notas.[12] Ante o abraio dos seus achegados, ela explicaba que facía falla distinguir entre os nazis responsables do Holocausto, fenómeno este que podería ter acontecido en calquera lugar, e o conxunto do pobo alemán.[29] Ela e mais o seu home aparecían deste xeito como promotores da amizade francoalemá.[9] Non obstante a parella viviu na zona de ocupación americana practicamente como os americanos: en total autarquía.[30]
A súa irmá Madeleine, "Milou", morreu xunto co seu fillo Luc nun accidente de coche en 1952 cando volvían de Stuttgart, onde foran visitar a Simone.[31] Este novo drama foi vivido con moita dor, xa que Madeleine era a única persoa coa que Simone podía falar en confianza e fora un grande apoio en momentos claves da súa vida.[8]
Simone e Antoine Veil tiveron tres fillos: Jean (nado o 26 de novembro de 1947), avogado mercantil; Claude-Nicolas, médico (1948-2002)[32]; Pierre-François (nado o 16 de marzo de 1954), avogado e presidente do comité francés do Yad Vashem[33][34], casado en primeiras nupcias con Agnès Buzyn, e doce netos.[35][36]
Provista do seu título de dereito e o seu diploma do Instituto de estudos políticos de París, renunciou á avogacía (o seu home non estaba de acordo con esta decisión)[11] e pasou con éxito as oposicións á maxistratura en 1956. Ocupou dende ese ano unha praza de alta funcionaria dentro da administración penitenciaria no Ministerio de xustiza, onde se ocupaba dos asuntos xudiciais. Durante a guerra de Alxeria, e designada por Edmond Michelet ministro de xustiza,[14] conseguiu que foran transferidos a Francia os prisioneiros alxerinos que ela consideraba expostos ós malos tratos e ás violacións[37] e aqueles homes sobre os que pesaba a pena capital.[38] Conseguiulles o estatuto de presos políticos a milleiros de membros da Fronte de Liberación Nacional (FNL) internados en Francia.[39][40] En 1964 Simone foi traspasada ós asuntos civís. En 1969 entrou a formar parte do gabinete de René Pleven, ministro de xustiza.[9]
Foi membro do Syndicat de la magistrature[41] e converteuse en 1970 na primeira muller secretaria xeral do Conseil supérieur de la magistrature (CSM).[9]
Cando tan só un 40% das francesas da época traballaban e moitas menos dentro dos círculos da burguesía parisiense, a carreira profesional de Simone Veil causaba algo de abraio. Porén, sempre estivo moi presente e ao carón dos seus fillos.[42]
Nas súas memorias Simone Veil menciona unha das súas accións políticas realizadas a partir de 1971 no consello de administración da Oficina de radiodifusión-televisión francesa (ORTF) onde foi a primeira muller nomeada para este cargo.[42][43] Neste posto ela sorprendeu ao opoñerse á difusión do documental sobre a ocupación alemá Le Chagrin et la Pitié, que ela consideraba inxusto e partidista.[4][44]
Ao desenvolverse dentro dun ambiente próximo ao MRP, do que o seu home era membro, ela era liberal e aberta ós problemas sociais. Mostrou o seu entusiasmo por Pierre Mendès France e votou varias veces pola SFIO. Miraba con bos ollos o movemento de maio de 68 e afirmaba que "a diferenza doutros, non considero que a mocidade se trabuque: nós vivimos efectivamente nunha época paralizada".[N 10][1] Nas eleccións presidenciais de 1965 votou na primeira volta por Jean Lecanuet e nas de 1969 por Georges Pompidou.[9][42]
Logo da morte de Georges Pompidou no medio do mandato, apoiou a candidatura de Jacques Chaban-Delmas nas eleccións presidenciais anticipadas do ano 1974.[45] Tras saír elixido Valéry Giscard d'Estaing como presidente da Républica, foi nomeada ministra de saúde durante o goberno de Jacques Chirac, posto no que se mantivo durante os gobernos de Raymond Barre. Foi a segunda muller en ocupar un posto de ministra de pleno dereito, logo da que fora tamén ministra de saúde en 1947, Germaine Poinso-Chapuis.[42]
Foille encargada a presentación no parlamento do proxecto de lei sobre a interrupción voluntaria do embarazo,[46] que despenalizaba o aborto.[N 11] Esta batalla custoulle algunhas inxurias [47], ataques [8] e tamén ameazas por parte da extrema dereita e dunha parte da dereita parlamentaria, como recordou Jean d'Ormesson cando a recibiu á súa entrada na Academia Francesa. Simone Veil opúxose á banalizacion do aborto, do que declarou: "é sempre un drama e seguirá a selo sempre",[48] e sobre o que precisaba, en relación á súa lei, que "se ben [a lei] xa non o prohibía, esta non creaba ningún dereito ao aborto".[49]
O expediente do proxecto de lei para a legalización da interrupción voluntaria do embarazo en Francia declaraba que os abortos que quedaban fóra da lei en Francia contábanse por centos de milleiros.[50] Este proxecto saíu xusto despois de sucesos con ampla difusión en Francia, como o manifesto das 343 en 1971.[51] Nel, as 343 mulleres que asinaban declaraban terse practicado un aborto. Entre elas atopábanse nomes como os de Simone de Beauvoir e Marguerite Duras. Outro suceso relacionado na época foi o proceso de Bobigny, en novembro de 1972,[52] en que foron xulgadas cinco mulleres que accederan á interrupción voluntaria do embarazo, entre elas unha moza que abortara logo dunha violación. O 5 de febreiro de 1973 saíu á luz un novo manifesto asinado por 331 médicos que declaraban ter practicado abortos.[51] Este contexto foi de especial relevancia xa que espertou o debate sobre a legalización do aborto.
O texto da lei foi finalmente aprobado pola asemblea nacional o 29 de novembro de 1974.[53] O Senado aprobou de seguido a lei, dúas semanas máis tarde. Entrou en vigor o 17 de xaneiro de 1975. Tras esta batalla lexislativa, Le Nouvel Observateur outorgoulle o título de "revelación do ano".[42]
Simone Veil revisou tamén a carta de servizos hospitalaria, especialmente no que se refería ao peche daquelas instalacións con moi pouca actividade; reequilibrou as contas do Instituto Pasteur e puxo en marcha as axudas financeiras destinadas ás mais de nenos e nenas de curta idade.[54] Tamén propuxo unha lei de orientación a favor das persoas discapacitadas.[9] Mesmo sendo fumadora,[N 12] levou á aprobación da lei francesa de loita contra o tabaquismo en 1976 [55] que incluía restricións publicitarias, primeiras prohibicións en determinados sitios (locais con presenza de menores, hospitais ou locais onde se manipulan produtos alimentarios) e os avisos sanitarios nos paquetes de tabaco.[56][57][58]
Como ministra seguiu a ser coñecida polo seu carácter forte e a súa esixencia para coas persoas que colaboraban con ela.[42] Ela tumbou, canda outros membros do goberno, o proxecto de repatriación forzosa de 100 000 alxerinos por ano proposto por Valéry Giscard d'Estaing, cuxa política de axudas financeiras para o retorno fracasou.[59]
En 1977 chegou a valorar a súa candidatura á alcaldía de París. Ao ano seguinte, en 1978, formou parte da lista de posibles candidaturas para a función de Primeiro ministro.[9]
A petición do presidente Valéry Giscard d'Estaing, encabezou a lista da Union pour la démocratie française (UDF) nas eleccións europeas de 1979, as primeiras por sufraxio universal directo. Tras a vitoria relativa da UDF (27,61 % dos votos e 25 escanos) abandonou o seu posto no goberno.
O 17 de xullo de 1979, foi elixida presidenta do Parlamento europeo en segunda volta[60] con 192 votos[61] fronte ós 133 do socialista Mario Zagari e os 47 do comunista Giorgio Amendola.[62] Ao comezo do ano 1982 pedíuselle que continuase nun segundo mandato, pero non podendo obter o apoio dos deputados do partido Rassemblement pour la République (RPR), retirou a súa candidatura antes da terceira volta para non facilitar a elección do candidato socialista, o que lle granxeou as simpatías das seccións da dereita francesa a partir de entón.[63] Daquela o Parlamento Europeo tiña poucos poderes, pero Simone Veil deulle moita máis visibilidade na área dos dereitos humanos.[42] Ela apoiou a proposta de Yvette Roudy de crear unha Comisión polos dereitos das mulleres.[64] En 1981 Simone Veil recibiu o premio internacional Carlomagno.
Tras deixar a presidencia do Parlamento Europeo implicouse activamente na vida política europea, á cabeza do servizo xurídico do parlamento.[65] Máis tarde, en 1984, xunto a Jacques Chirac, impúxolle á oposición unha lista única, denominada Union pour la France en Europe (UFE) nas eleccións europeas de 1984. A lista que ela encabezaba obtivo o 17 de xuño o 43,02 % dos votos e 41 escanos. Simone pasou entón a presidir o Grupo Liberal no Parlamento Europeo durante toda a lexislatura. Nas eleccións europeas de 1989 presentou unha lista centrista diverxente da lista da coalición entre PR e UDF. Esta lista recolleu o 8,43 % dos votos e sumou sete deputados europeos. Valéry Giscard d'Estaing sucedouna na presidencia do grupo liberal.[9]
Invitada no programa L'Heure de vérité, declarou que ela era "de esquerdas para algunhas cousas e de dereitas para outras".[66] Participou na campaña de Raymond Barre durante as eleccións presidenciais de 1988.[67] Tras a reelección de François Mitterrand, declarou que "en principio non hai ningún obstáculo para gobernar cos socialistas" e reencontrouse con Michel Rocard, quen desexaba integrala no seu equipo de goberno, pero o presidente fixo fracasar esta posibilidade.[9]
En 1983 creou, xunto co seu home, o club Vauban, un círculo de reflexión que tiña por meta superar as divisións políticas. As reunións deste club tiñan lugar no apartamento da parella na praza Vauban.[11]
Foi nomeada membro da Comisión internacional para os Balcáns en 1996, baixo a autoridade de Leo Tindemans. Dirixiu tamén o grupo de alto nivel sobre a libre circulación das persoas. De xeito paralelo, Simone Veil deu o seu apoio a numerosas asociacións con vocación europea, como o Fondo europeo para a liberdade de expresión, ELSA France ou mesmo a Fundación europea da ciencia, da que foi presidenta de honor.[65]
Nas eleccións de 1988, cando algunhas personalidades da UDF, concretamente Jean-Claude Gaudin en Marsella, pasaron, a nivel local, dos desacordos coa Fronte Nacional e cando Charles Pasqua (RPR) apelou ás "preocupacións" e "valores" semellantes, Simone Veil declarou que "entre unha Fronte nacional e unha socialista [ela votaría] por unha socialista".[68]
Ao inicio de 1990, ela cualificou de "inadmisible" a creación dos ficheiros informatizados de datos xerais, decidida polo goberno de Michel Rocard.[69] O proxecto retirouse en marzo dese ano e foi promulgado baixo un novo texto polo Goberno Cresson ao ano seguinte.[70]
En marzo de 1993 Simone Veil foi nomeada ministra de Asuntos Sociais, Saúde e Urbanismo no equipo de goberno de Édouard Balladur.[N 1] Neste cargo puxo en marcha a figura do praticien adjoint contractuel (PAC).[N 13] Así mesmo asinou un acordo sobre a doazón de órganos con Israel xa que este país tiña falta de doantes.[71] Apoiou a Édouard Balladur nas eleccións presidenciais de 1995 e deixou o goberno tras a vitoria de Jacques Chirac. De seguido afiliouse na UDF, partido que deixaría uns anos despois, en 1997.[72]
En 1996, cando o número de mulleres nos parlamentos se limitaba ao 6%, asinou unha petición iniciada por Yvette Roudy, titulada Manifeste pour la parité (Manifesto pola paridade), que reunía cinco mulleres políticas de esquerdas e cinco de dereitas. A chamada Lei Jospin do ano 2000 retomou os puntos máis esenciais das proposicións que nela se presentaran.[64]
Foi nomeada membro do Conseil constitutionnel polo presidente do Senado, René Monory, en marzo de 1998. Formou parte da alta xudicatura ata marzo de 2007. En 2005 saltouse o deber de reserva cando, estando en excedencia por solicitude propia, fixo unha chamada a votar polo si no referendo francés polo establecemento dunha constitución europea.[73]
O día 8 de marzo de 2007, recentemente exenta do seu deber de reserva ligado ao seu mandato como membro do Conseil constitutionnel, anunciou a súa decisión de apoiar a candidatura de Nicolas Sarkozy nas eleccións presidenciais dese ano. En relación ao anuncio feito polo candidato da Unión por un Movemento Popular sobre a creación dun ministerio da "inmigración e da identidade nacional" en caso de vitoria, Simone afirmou que preferiría un ministerio "de inmigración e integración"[74][N 14]
Porén, o seu apoio a Nicolas Sarkozy non se cuestionou: "Nicolas é amable. Pode ser brutal cando se expresa, pero a xente trabúcase ao dubidar da súa humanidade. É un amigo leal. Para min iso é importante. Cando escollemos un presidente, préstanos quen ten esas calidades. E non sempre se dá o caso."[N 15] Por outra banda tamén fixo numerosas críticas ao candidato da UDF, François Bayrou[74], acusándoo de non representar "[a ninguén] máis que a el mesmo"[75] e de "ser o peor de todos".[74]
O presidente da república, Nicolas Sarkozy, anunciou o 11 de xaneiro de 2008 que lle encargara a ela a tarefa de "conducir un gran debate nacional para definir os novos principios fundamentais necesarios nestes tempos e inscribilos no preámbulo da constitución", nomeando a "diversidade" que "non pode facerse sobre unha base étnica".[76] O decreto de 9 de abril de 2008 en que se creaba un comité de reflexión en relación ao preámbulo da constitución e que prevía a emisión dun informe antes do 30 de xuño[N 16] recibiu a oposición de Anne-Marie Le Pourhiet, quen vía nel o risco de "socavar o principio da igualdade de todas as persoas ante a lei ".[77]
Unha sondaxe realizada polo Ifop en 2010 presentaba a Simone Veil como "a muller preferida polos franceses" cunha nota de 14,5 puntos sobre vinte.[78]
Presentouse do lado de Jean-Louis Borloo no congreso fundador da Union des démocrates et indépendants (UDI), en outubro de 2012.[79] O 25 de novembro de 2017 foi presentado o primeiro carné de afiliación á UDI, a nome de Simone Veil.[80]
O 13 de xaneiro de 2013, unha foto difundida por BFM TV mostraba a Simone Veil participando dunha convocatoria da La Manif pour tous contra o matrimonio entre persoas do mesmo sexo e contra os dereitos de paternidade dos gais e lesbianas, cun banderín reivindicativo na man.[81] Fontes próximas á parella confirmaron que ela baixara na compaña do seu home para saudar as persoas manifestantes e explicaron que se ben este xesto non "valida a súa adhesión" ás consignas proclamadas durante a manifestación, "expresan as reservas que tiña Simone Veil en relación á apertura do dereito de adopción ás parellas homosexuais".[82] No momento do seu falecemento, a xornalista Anne Chemin argumentaba que "ninguén sabe se se trata[ba] dun compromiso lúcido e definido contra o matrimonio entre persoas do mesmo sexo porque ela xamais se posicionou publicamente sobre esta cuestión, nin a través de textos nin de discursos." [83]
Pola súa banda, a xornalista Nadia Daam afirmou daquela, de modo mais categórico, que Simone Veil estaba "fisicamente e mentalmente eivada"[N 17] e que o seu estado de saúde non lle permitía ser dona das súas decisións.[84]
De 2001 a 2007 presidiu a Fundación pola memoria da Shoá, da que foi despois presidenta de honor.[85]
Exemplo de resiliencia, aceptou a proposta realizada por Alain Genestar, director de Paris Match, de regresar a Auschwitz con cinco dos seus netos o 22 de decembro de 2004.[86]
Foi moi difundida a súa oposición a unha iniciativa educativa en relación coa Shoá anunciada por Sarkozy en 2008. Esta iniciativa, cuxa posta en marcha estaba prevista para o curso 2008/2009, implicaba o apadriñamento de vítimas do Holocausto por parte do alumnado de idades comprendidas entre os nove e os dez anos. En relación a este proxecto, Simone Veil declarou:[87][N 18]
Isto é inimaxinable, insostible, dramático e sobre todo inxusto.
As críticas a esta iniciativa gobernamental foron numerosas, e se ben inicialmente estaba pensada como unha actividade a realizar de xeito individual, foi modificada posteriormente dando maior liberdade ao profesorado para integrar estes contidos, mediante actividades colectivas realizadas en cada clase.[88][89][90]
O 31 de outubro de 2007 publicouse a súa autobiografía, titulada Une vie. A obra foi traducida a máis de 15 linguas[91] e no ano 2017 xa se venderan máis de 302 000 exemplares.[20] Este libro acadou o premio literario Les Lauriers Verts (na categoría Devoir de mémoire) en 2009.[N 19] Nel Simone Veil dá, entre outras, a súa opinión sobre os dous procesados en Francia pola súa colaboración cos nazis: Paul Touvier e Maurice Papon.[92][93] Deste último afirma que nunca expresou o máis mínimo remorso pola morte dos nenos e nenas durante as deportacións.O 31 de outubro de 2007 publicouse a súa autobiografía, titulada Une vie. A obra foi traducida a máis de 15 linguas[91] e no ano 2017 xa se venderan máis de 302 000 exemplares.[20] Este libro acadou o premio literario Les Lauriers Verts (na categoría Devoir de mémoire) en 2009.[N 19] Nel Simone Veil dá, entre outras, a súa opinión sobre os dous procesados en Francia pola súa colaboración cos nazis: Paul Touvier e Maurice Papon.[92][93] Deste último afirma que nunca expresou o máis mínimo remorso pola morte dos nenos e nenas durante as deportacións.[N 20] O 31 de outubro de 2007 publicouse a súa autobiografía, titulada Une vie. A obra foi traducida a máis de 15 linguas[91] e no ano 2017 xa se venderan máis de 302 000 exemplares.[20] Este libro acadou o premio literario Les Lauriers Verts (na categoría Devoir de mémoire) en 2009.[N 19] Nel Simone Veil dá, entre outras, a súa opinión sobre os dous procesados en Francia pola súa colaboración cos nazis: Paul Touvier e Maurice Papon.[92][93] Deste último afirma que nunca expresou o máis mínimo remorso pola morte dos nenos e nenas durante as deportacións.[13][N 20]
Outro recoñecemento á súa acción pública foi a súa elección como membro dos "Inmortais". O nove de outubro de 2008, convidada por Maurice Druon e François Jacob, Simone Veil presentou a súa candidatura á cadeira décimo terceira da Academia francesa, a que fora de Pierre Messmer, Jean Racine e Paul Claudel.[94] O 20 de novembro foi elixida en primeira volta con 22 votos a favor de 29 (cinco en branco e dous marcados cunha cruz).[91][95] Foi deste xeito a primeira muller que ingresou na Academia francesa.[96] Jacques Chirac fíxolle entrega da súa espada de académica o 16 de marzo de 2010, no Senado. Trátase dun sabre lixeiro con data do século XIX, realizado polo escultor checo Ivan Theimer.[95] Sobre a súa espada de inmortal graváronse o número de matrícula que lle tatuaran no brazo en Auschwitz, o 78651[97], e tamén os lemas da república francesa e da Unión Europea: Liberté, Égalité, Fraternité e In varietate concordia.[98]
Simone Veil foi recibida baixo a Cúpula, sede da Academia Francesa, o 18 de marzo de 2010, en presenza do presidente da república, Nicolas Sarkozy, protector da Academia, e dos seus predecesores Valéry Giscard d'Estaing (membro da Academia francesa dende 2003) e Jacques Chirac. No momento da cerimonia de recepción, militantes en contra do aborto protestaron nas proximidades do Institut de France.[99] Jean d'Ormesson pronunciou o discurso de entrada e Simone Veil o eloxio ao seu predecesor, o ex primeiro ministro Pierre Messmer.[100]
Tras o pasamento do seu home e da súa irmá en 2013, Simone Veil retirouse da vida pública. En agosto de 2016 tivo que ser hospitalizada por síndrome de desconforto respiratorio do adulto.[101] Simone Veil faleceu no seu domicilio parisiense da praza Vauban o 30 de xuño de 2017, a poucas horas do seu nonaxésimo aniversario.[1][102][103][104][105][106] Segundo indicou o seu fillo Pierre-François, a última palabra que ela pronunciou antes de morrer foi "grazas".[107][108]
Diversas personalidades de todo o espectro político, como Nicolas Dupont-Aignan, Christian Estrosi, Yves Jégo, Bernard-Henri Lévy, Florian Philippot, Laurence Rossignol ou mesmo Inna Shevchenko promoveron a petición da súa inhumación no Panteón de París.[109][110][111][112] A asociación feminista Politiqu'elles lanzou unha petición que solicitaba que fose trasladada o Panteón e tiña recollidas máis de 11 0000 sinaturas o 2 de xullo de 2017,[112][113] mentres que outra iniciativa acadaba as 120 000 sinaturas o mesmo día.[112] Porén, dúas das súas netas, Déborah (de 30 anos) e Valentine (de 23) consideraban, o 3 de xullo de 2017, que esta perspectiva: "non estaba na orde do día" e que aínda que atopaban "extremadamente conmovedor" o movemento a favor da entrada dos restos da súa avoa no Panteón, os seus avós "non haberían de estar contentos de ser separados logo da súa vida en común.[114]
Non obstante, varios medios de comunicación recordaron que o traslado ao Panteón non era necesariamente sinónimo de inhumación e que podería colocarse unha simple placa conmemorativa co seu nome, como xa se fixera no caso de Aimé Césaire.[115][116]
Entre as homenaxes que lle renderon a Simone Veil no estranxeiro, a do presidente alxerino Abdelaziz Bouteflika recordou "a proximidade e solidariedade que esta gran muller (…) trasladou ao pobo alxerino durante a terrible traxedia nacional que este viviu", permitindo ós alxerinos prisioneiros dos franceses "escapar do golpe da guillotina".[38] Angela Merkel, chanceleira federal de Alemaña, louvou o seu compromiso durante décadas no "proceso de unificación europea".[117]
O 5 de xullo celebrouse unha homenaxe nacional nos Inválidos [118][119][120] onde se lle renderon honores militares en presenza do presidente da república Emmanuel Macron[N 21] e dos seus predecesores: Nicolas Sarkozy e François Hollande, xunto con Bernadette Chirac en representación do seu marido Jacques Chirac.[121][122] Estiveron presentes o primeiro ministro Édouard Philippe, e os seus predecesores Édith Cresson, Alain Juppé, Lionel Jospin, Jean-Pierre Raffarin, Dominique de Villepin, François Fillon, Manuel Valls e Bernard Cazeneuve, membros do goberno, exministros e exministras como Ségolène Royal, Dominique Strauss-Kahn, Marisol Touraine, François Baroin, Rachida Dati, Michèle Alliot-Marie, Renaud Donnedieu de Vabres, Jean-Louis Borloo, Nathalie Kosciusko-Morizet, Roselyne Bachelot e Arnaud Montebourg así como outros membros do parlamento e varios xefes de goberno estranxeiros como o belga Charles Michel, o luxemburgués Xavier Bettel e o búlgaro Boïko Borissov; a alcaldesa de París Anne Hidalgo; os membros da Fundación pola memoria da Shoá; os membros da Academia Francesa e outras personalidades dos medios, como Alain Delon ou Claude Chirac.[123][124][125][126] Valéry Giscard d'Estaing non estivo presente neste acto nin no posterior traslado dos restos ao Panteón.[127] Por solicitude da familia de Simone Veil, a cerimonia foi aberta ao público en xeral.[128][129][130]
Ao rematar a homenaxe o presidente da república anunciou que, de acordo coa familia, Simone Veil repousaría "xunto co seu esposo no Panteón de París."[131][132][133][134][135][N 22]
Ela foi a primeira personalidade da Quinta República francesa que foi aceptada tan rapidamente no Panteón logo do seu pasamento.[136][137][N 23] É a quinta muller cuxos restos mortais repousan no panteón: precedérona Marie Curie, Germaine Tillion, Geneviève de Gaulle-Anthonioz e Sophie Barthelot.[137]
O enterro tivo lugar no cemiterio de Montparnasse, onde foi soterrada á beira do seu home, Antoine Veil, morto en abril de 2013.[138] O gran rabino de Francia, Haïm Korsia, presidiu a cerimonia. Simone Veil solicitara que se pronunciase o kaddish sobre a súa tumba.[139][140][141][142] Foi recitado polos seus fillos Jean e Pierre-François,[143][144] acompañados por Haïm Korsia e Delphine Horvilleur, rabina liberal que simbolizaba, ós ollos dos seus fillos, o combate da súa nai pola emancipación feminina.[145][146][147] Marceline Loridan-Ivens, antiga deportada e amiga de Simone Veil, tamén tomou a palabra.
Durante o 29 e 30 de xuño de 2018, os cadaleitos do matrimonio Veil, que foran exhumados do cemiterio de Montparnasse, expuxéronse no Memorial da Shoá, no IV arrondissement de París.[2][148][149] A cerimonia de entrada no Panteón celebrouse o 1 de xullo.[150][151] Simone Veil converteuse na quinta muller en entrar no Panteón de París.[2][152]
O convoi saíu do Memorial da Shoá. Foi seguido por unha longa procesión que subía pola rúa Soufflot en dirección ao Panteón de París. O séquito parou tres veces durante a súa suba. Tres paradas para render homenaxe ás grandes batallas levadas a cabo por Simone Veil: a dos dereitos das mulleres, marcada pola aprobación da lei que autoriza a interrupción voluntaria do embarazo en 1974; a de Europa, xa que foi a primeira muller que asumiu a presidencia do Parlamento Europeo en 1979 e a da memoria da deportación, da que escapou.[2] Proxectáronse audiovisuais sobre Europa e a Shoá en pantallas xigantes.
O acompañamento musical comezou pola Canción de María (Song in Remembrance of Schubert, un canto xudeu tradicional), interpretado por Sonia Wieder-Atherton ao violoncello, seguido de Nuit et Brouillard de Jean Ferrat. Á chegada á praza do Panteón, un coro de 92 persoas entoaron Le Chant des Marais.[153]
O presidente da república pronunciou a continuación un discurso durante aproximadamente media hora.[154] A continuación o coro da armada francesa e a soprano Barbara Hendricks interpretaron La Marseillaise.[155]
Os cadaleitos, cubertos pola bandeira francesa e portados por oito gardas republicanos cada un, fixeron a súa entrada pola porta monumental do Panteón ao son dun só de violoncello da Suite nº 5 de Johann Sebastian Bach. Fixérono en presenza do presidente Emmanuel Macron e da súa muller, os dous fillos aínda vivos do matrimonio Veil: Jean Veil e Pierre-François Veil, e os descendentes destes.
Os cadaleitos descansaron na nave do Panteón ata que o día 2 de xullo foron colocados na sexta cova da cripta, preto de Jean Moulin, André Malraux, René Cassin e Jean Monnet.
Predecesor: Emilio Colombo |
Presidenta do Parlamento Europeo 1979 - 1982 |
Sucesor: Piet Dankert |
O 1 de xaneiro de 2009 foi promovida de maneira directa á distinción de grande oficial da Orde da Lexión de Honor.[161] Segundo o Le Figaro, o código da Lexión de Honor e da Medalla militar foi modificada por petición expresa de Roselyne Bachelot e co visto e prace do Nicolas Sarkozy unhas semanas antes da promoción de Simone Veil, para que puidese acceder directamente a esta distinción sen ter que pasar polos graos inferiores. Ela rexeitara esta distinción nos anos 90 por motivos persoais.[N 24][162]
Desde o ano 2009, Simone Veil foi tamén membro do xurado do Premio para a prevención dos conflitos entregado anualmente pola Fundación Chirac.[163]
Recibiu tamén o premio Heinrich Heine en 2010[164]. Ese mesmo ano recibiu o premio europeo dos dereitos civís dos Sinti e os ciganos polo seu compromiso a favor destas dúas minorías.[165]
Numerosas universidades e grandes escolas de Europa, América do Norte e de Israel outorgáronlle a Simone Veil o título de doutora honoris causa e outros diplomas honoríficos:
|
|
O Parlamento Europeo rendeulle homenaxe en 2011 renomeando a praza contigua ás instalacións do parlamento en Bruxelas como Ágora Simone Veil.[173] Dende 2017 o Parlamento Europeo conta en Estrasburgo co espazo expositivo Parlamentarium Simone Veil, que reproduce os contidos do centro de visitantes Parlamentarium de Bruxelas.[174]
Tras a morte de Simone Veil o 30 de xuño de 2017, a alcaldesa de París, Anne Hidalgo, comunicou que contaba con propoñer ao Consello de París que se lle dedicase "un lugar importante da capital."[175][176][177] O 31 de outubro anunciouse que sería proposto para votación do Consello de París que a praza de Europa pasase a ser a praza de Europa-Simone Veil.[178][179] O lugar inaugurouse o 28 de maio de 2018. A estación de metro Europa foi renomeada igualmente Europa - Simone Veil.
En xullo de 2018 acuñáronse 15 millóns de exemplares dunha moeda conmemorativa de 2 euros co seu retrato.[180]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.