Remove ads
símbolo da República Francesa From Wikipedia, the free encyclopedia
Marianne (pronunciado [maʁjan]) é unha figura alegórica, personificación nacional da República Francesa desde a Revolución Francesa, que representa a liberdade e a razón.[1]
Busto de Marianne esculpido por Théodore Doriot, no Senado francés. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | Século XVIII |
Q89547790 | Símbolo nacional de Francia. |
Símbolo iconográfico | Barrete frixio |
Marianne amósase en moitos contextos en Francia e ocupa os lugares de honra en institucións como os concellos ou os tribunais de xustiza. Forma parte dos motivos representados no Triunfo da República, unha escultura de bronce que se ve desde a Place de la Nation, en París, e tamén aparece representada, xunto con outra estatua, na Place de la République, da capital francesa. Do mesmo xeito, o seu perfil utilízase no logotipo oficial do Goberno francés, é reprodúcese tamén nas moedas de francesas con valores en euro (e nas do anterior sistema do Franco), e nos selos de correos de Francia.[2]
Marianne é un dos símbolos máis salientables da República Francesa e úsase adoito con carácter oficial na maioría de documentos administrativos.[3] Como icona nacional e símbolo republicano, Marianne representa a oposición á monarquía (que ten como equivalente en Xoana de Arco) e o triunfo da liberdade e da democracia sobre calquera xeito de opresión. Outros símbolos nacionais de Francia son a bandeira tricolor, o lema nacional Liberté, Égalité, Fraternité, "A Marsellesa" como himno nacional, o escudo, e o Gran Selo de Francia.
Nos tempos da Revolución Francesa, as xentes máis populares estaban a loitar polos seus dereitos, polo que (segundo a teoría máis habitual) se considerou apropiado nomear a República cos nomes máis comúns das mulleres francesas: Marie e Anne.
Segundo a documentación, a primeira mención escrita do nome de Marianne para designar a República produciuse en outubro de 1792 en Puylaurens, preto de Tolosa. Naquela época, a xente cantaba unha canción en occitano que di: La garisou de Marianno ("A recuperación de Marianne"). Na época, Marie-Anne era un nome moi popular e, segundo Agulhon "foi escollido para se referir a un réxime que tamén se vía como moi popular."[4][5]
Segundo outra teoría, o nome tomouse do xesuíta español Juan de Mariana, un combatente contra o absolutismo do século XVI e teórico do tiranicidio.[6][7]
Proponse tamén que o nome puido proceder do da muller do político Jean Reubell: segundo unha historia popular, Paul Barras, un dos membros do Directorio, durante unha noite que pasou na casa de Reubell preguntoulle o nome á súa anfitrioa, que contestou que se chamaba Marie-Anne, ao que Barras tería contestado: "perfecto; é un nome curto e sinxelo, tan propio para a República como para ti".
O nome de Marianne tivo tamén conexións con varias sociedades secretas republicanas. Durante o Segundo Imperio, unha delas, cuxos membros xuraban derrocar a monarquía, denominábase tamén Marianne.
Xa que os tempos clásicos era común de representar ideas e entidades abstractas como deuses, deusas e personificacións alegóricas. Durante a Revolución Francesa de 1789 xurdiron moitas destas alegorías da liberdade e da razón e estas dúas figuras, á fin, confluíron nunha soa: unha figura feminina representada en pé ou sedente e dotada de varios atributos, entre eles a escarapela tricolor e o gorro frixio. Esta muller simbolizou adoito os conceptos de liberdade, razón, nación e patria, así como as virtudes cívicas da República. Neste sentido, pódese comparar Marianne coa Estatua da Liberdade, concibida co título de "Liberdade Iluminando o Mundo" (La Liberté éclairant le monde) polo seu autor, o artista francés Frédéric Auguste Bartholdi, e que ten senllas copias tanto en París como en Saint-Étienne. En setembro de 1792, a Convención Nacional decidiu por decreto que o novo selo do Estado representaría unha muller de pé cunha lanza na man e cun gorro frixio na súa cabeza.
O historiador Maurice Agulhon, quen dedicou varias obras á investigación sobre as orixes de Marianne, suxeriu que foron as tradicións e a mentalidade dos franceses as que levaron ao uso dunha muller para representar a República.[8] Unha alegoría feminina era tamén un xeito de simbolizar a ruptura co rancio sistema monárquico encabezado por reis varóns, e de promover unha ideoloxía republicana máis moderna. Mesmo antes da Revolución Francesa, o Reino de Francia fora sempre encarnado en figuras masculinas, como se amosa nalgúns teitos do Palacio de Versalles. Ademais, tanto "Francia" como "república" son en francés, como en galego, substantivos femininos (la France, la République), do mesmo xeito que as palabras "liberdade" (liberté) e "razón" (raison).[9]
O uso desta alegoría tivera inicialmente un carácter oficioso e un uso moi diverso. Unha alegoría feminina da Liberdade e da República foi utilizada tamén por Eugène Delacroix no cadro "A Liberdade guiando o pobo" (La Liberté guidant le peuple), pintado en xullo de 1830 na honra da revolución que tivo lugar nesas mesmas datas.
A pesar de que a imaxe de Marianne non suscitou moita atención ata 1792, as orixes desta "deusa da Liberdade" datan xa de 1775, cando Moreau a pintou como unha muller nova vestida con roupa de estilo Romano e cun gorro frixio sobre unha pica que sostiña cunha man.[10]
Marianne amosouse por primeira vez de xeito salientable como motivo principal dunha medalla en xullo de 1789, celebrando a Toma da Bastilla e outros dos primeiros sucesos da Revolución. Desde este momento ata setembro de 1792, a imaxe de Marianne foi eclipsada por outras figuras, como Mercurio e Minerva.[10]
Non foi ata setembro de 1792 cando a nova República procurou unha imaxe nova para representar o Estado, cuxa popularidade colaborase na súa expansión. Marianne, a alegoría feminina da liberdade, foi a seleccionada para representar o novo réxime da República Francesa, ao tempo que continuaba a simbolizar a liberdade.[11]
As imaxinaría de Marianne escollida como o selo da I República Francesa presentábaa de pé, nova e con determinación. A pica que sostiña coa man dereita, co gorro frixio sobre ela, representaba a liberación de Francia. Marianne aparecía apoiada nun fasces, un símbolo clásico de autoridade. Esta imaxinaría non a presenta con agresividade, en consonancia coa ideoloxía dos xirondinos moderados e liberais na Convención Nacional, afastándose da "violencia frenética dos días revolucionarios".[10][12]
Malia manterse a figura inicial da Marianne de 1792 nunha postura relativamente conservadora, os revolucionarios abandonárona cando deixou de serlles conveniente. En 1793, a figura conservadora de Marianne foi substituída por unha imaxe máis violenta: a dunha muller cos peitos espidos e bravura no rostro, que conduce adoito os homes á batalla.[12][13][14] A razón deste cambio radica nas prioridades cambiantes da República. A pesar de que o símbolo da Marianne tivo inicialmente un ton neutral, a súa evolución cara á acción radical foi unha resposta ao comezo do Terror, que esixía unha acción revolucionaria militante contra os estranxeiros e os contrarrevolucionarios. Entre as tácticas empregadas pola Administración, esa Marianne máis radical tiña a misión de espertar os franceses para a acción.[11] Mais este cambio, con todo, foi considerado pouco radical polos republicanos. Logo do arresto dos deputados xirondinos en outubro de 1793, a Convención buscou "refundir a República nun molde máis radical" e utilizou finalmente o símbolo de Hércules para representar a República. O uso dunha simboloxía cada vez máis radical pola República estaba en paralelo coa violencia que se deu en coñecer como Reinado do Terror.[15]
Despois do período do Terror cumpría un novo cambio na imaxinaría que amosase a nova natureza civil e non violenta do Directorio. Marianne reapareceu na imaxe oficial do Directorio Executivo (1798), conservando o goro frixio mais agora rodeada de símbolos diferentes. En contraste coa de 1792, xa non se representa a pica ou lanza e agora apóiase suavemente sobre unha táboa coa Constitución do ano III. Ademais, en lugar de ollar directamente o observador, dirixe a súa ollada cara a un lado.[16] O novo calendario da Revolución amosa unha imaxinaría nestes mesmos termos.[17]
O símbolo de Marianne continuou a evolucionar consonte as necesidades do Estado logo da disolución do Directorio en 1799, como consecuencia do golpe encabezado por Emmanuel Joseph Sieyès e Napoleón Bonaparte. En tanto que o uso de Mercurio, Minerva e outras figuras simbólicas diminuíu, Marianne logrou manterse por mor do seu carácter abstracto e impersoal.[12] A "maleabilidade" do seu significado permitiu aos dirixentes políticos unha permanente manipulación da súa imaxe consonte os seus propósitos específicos en cada conxuntura.[10]
O 17 de marzo de 1848, o Ministerio do Interior da Segunda República organizou un concurso para elixir o simbolismo da República en pinturas, esculturas, medallas, moedas e selos, xa que se carecía dunha representación oficial. Despois da caída da monarquía, o Goberno provisional declarou: "A imaxe da liberdade debería substituír en todos os lugares as imaxes de corrupción e vergoña que o magnánimo pobo francés rompeu en tres días". Por primeira vez, a alegoría de Marianne condensou os conceptos de "liberdade", "república" e "revolución".
Determináronse oficiais dous modelos de Marianne. Un amósaa loitando e vitoriosa, lembrando a deusa grega Atenea, cun peito espido, o gorro frixio e un corpiño vermello, e cun brazo ergueito nun xesto de rebelión. O outro modelo é máis conservador: leva roupa de estilo antigo, con raios de sol arredor da cabeza (unha transferencia do símbolo monárquico ao republicano), e acompáñase de símbolos como o trigo, o arado e o fasces romano. Estes dous modelos opostos de Marianne representan dúas ideas da República, unha representación burguesa e outra democrática e social.
Os municipios escolleron voluntariamente a súa representación da Marianne, con frecuencia virándolle as costras á Igrexa. Marianne fixo a súa primeira aparición nun selo de correos francés en 1849.[9]
Durante o II Imperio (1852-1870), a representación de Marianne pasou á clandestinidade e serviu como símbolo de protesta contra o réxime.
A denominación de "Marianne" comezou cara a 1848/1851 e xeneralizouse por toda Francia arredor de 1875.
O seu uso comezou a ser máis oficial durante a Terceira República (1870-1940). Unha gran parte da popularidade que adquirira a Marianne debíase a que simbolizaba o republicanismo francés e, ao mesmo tempo era o suficientemente neutral como para atraer a maioría das persoas.[18]
A Revolución deixara como legado a división entre os franceses, que tiñan diferentes heroes e viláns revolucionarios, e, de xeito diferente aos Estados Unidos, en Francia non había culto ningún aos "pais fundadores", cuxa memoria fose honrada por todos. Para esta razón, o Estado francés tendeu para promover símbolos abstractos e unificadores da conciencia nacional como Marianne, en lugar de personalidades históricas, como fixeran os EEUU con George Washington ou Venezuela con Simón Bolívar.[18]
Despois das turbulencias da década de 1870, na de 1880 a maioría dos franceses aceptaran xa o sistema republicano e o Estado francés xa non precisaba unha historia que o xustificase, polo que utilizou a Marianne como símbolo de unificación. O único acontecemento histórico que se conmemoraba con regularidade era o Día da Bastilla. Neste sentido, e en contraposición ao caso de Alemaña, o historiador británico Eric Hobsbawn argumenta que, de xeito diferente a Marianne como símbolo de república e liberdade, o seu homólogo alemán, Deutscher Michel, caracterizábase esencialmente por ser unha figura antiestranxeira.[19]
A Casa do Concello de París instalou unha estatua de Marianne con gorro frixio en 1880, e de camiño foi seguido por outros municipios franceses. En París, onde os radicais tiñan unha presenza forte, organizouse un concurso en 1879 para elixir a estatua da praza da República, no que resultaron vencedores os irmáns Morice (Léopold fixo a escultura e François Charles Morice, arquitecto, encargouse do pedestal), cunha Marianne académica, cun brazo ergueito cara ao ceo e un gorro frixio, mais cos seus peitos cubertos. Jules Dalou perdera no concurso, mais a cidade de París decidiu construír tamén o seu proxecto, na praza da Nación, que foi inaugurado nos actos do centenario da Revolución Francesa, en 1889, cunha versión de xeso cuberta de bronce, que contaba co fasces, o gorro frixio e un seo espido, que estaba acompañada por un ferreiro, como representación do traballo, e alegorías da Liberdade, a Xustiza, a Educación e a Paz: todo o que se supuña que a República lles subministraría á cidadanía. O monumento de bronce foi inaugurado en 1899, durante a axitación do Caso Dreyfus, cun radical como primeiro ministro. Durante a cerimonia produciuse unha gran manifestación de traballadores con bandeiras vermellas e os representantes do Goberno abandonaron o acto. Os traballadores reapropiáranse de Marianne como representante da República Democrática e Social (la République démocratique et sociale ou, sinxelamente, La Sociale).
Desde a sinatura da Entente Cordiale entre Francia e Gran Bretaña en abril de 1904, Marianne e John Bull personalizaron o acordo en multitude de pinturas e viñetas. Nas loitas ideolóxicas entre partidos a comezos do século XX, era frecuente que a prensa de dereitas denigrase a Marianne como prostituta.[20]
Na Alemaña Imperial retratábase adoito a Marianne dun xeito moi vulgar, suxerindo que era unha prostituta ou, en calquera caso, moi promiscua, ademais de histérica, celosa e tola, e que se encollía de medo ante os soldados alemáns. O Estado alemán nese período promoveu un militarismo moi xenófobo, que concibía o Reich como en perigo permanente polos estranxeiros e con necesidade dun goberno autoritario. O núcleo do militarismo prusiano-alemán era un culto ao machismo que equiparaba o militarismo coa masculinidade, e Marianne foi utilizada en Alemaña para representar a Francia como unha nación débil, en contraste coa Alemaña" forte e viril. O recurso a Marianne na propaganda alemá era sempre para promover o desprezo cara a Francia e, con el, unha advertencia sobre o que os alemáns non deberían ser.[21]
Nos carteis e nos debuxos franceses, pola contra, era Marianne a que se amosaba decidida ante Guillerme II, cuxa pomposidade o aproximaba ao ridículo.[21]
En ocasións, Marianne apareceu reflectida algo máis favorablemente en Alemaña, como no caso dunha caricatura de maio de 1914 na revista Kladderadatsch, na que Deutscher Michel está a traballar no seu xardín xunto cunha sedutora e voluptuosa Marianne nun lado e unha ruda muzhik (labrega rusa) no outro. A mensaxe da caricatura era que Francia non debía ter como aliada a Rusia, senón mellor a Alemaña.[21][22]
Marianne diferenciábase do Tío Sam, de John Bull e de Deutscher Michel en que non só simbolizaba a súa nación, senón tamén o concepto de "república".[23] Os dereitistas franceses, que aínda anhelaban a Casa de Borbón, rexeitaban a Marianne pola súa proximidade á idea republicana e preferían como símbolo a Xoana de Arco, que representaba os valores do catolicismo, militarismo e nacionalismo cos que eles concordaban. Xoana era aparentemente asexual, e a súa aparencia casta e virxinal contrastaba marcadamente coa sexualizada Marianne, a quen mesmo os monárquicos asociaban coa prostitución como símbolo da dexeneración da república.[24] Aínda así, tendo en conta que Xoana de Arco era considerada como unha das heroínas máis queridas de Francia, resultou difícil para os republicanos atacar ese símbolo sen semellar antipatriótico.[25] No entanto, a intención monárquica de que Xoana substituíse a Marianne como símbolo de Francia fracasou, en gran parte porque a maioría das persoas aceptaron a república.[26]
A mediados do século XIX, a maneira máis habitual de reproducir a Marianne era como unha muller nova, mais cara a finais do século pasou a amosarse máis como de mediana idade, con aspecto maternal, como reflectindo o feito de que a república estaba dirixida por unha coalición de centro dereita, con políticos varóns e provectos, aos que non lles agradaba a imaxe dunha muller militante revolucionaria. Logo de que os xornais británicos e alemáns comezaran para ridiculizar esta nova Marianne avellentada como símbolo dun suposto declive francés, arredor de 1900 impúxose novamente a Marianne de xuventude, como símbolo do pulo da República.[27]
Durante a primeira guerra mundial, na propaganda alemá presentábase a Marianne como dominadora en Rusia, ás veces con trazos de oso, de cosaco con aire hostil ou mesmo como unha esposa anoxada e subxugante do emperador Nicolao II, en contraste con John Bull, que sempre se concibía nas viñetas alemás como dominador tanto de Marianne como de Rusia, reflectindo a percepción alemá de que Gran Bretaña era o máis perigoso de todos os inimigos do Reich.[28]
Non houbo moitas representacións plásticas de Marianne durante a primeira gran guerra, e si que se fixeron máis populares os modelos viventes a partir de 1936, durante a Fronte Popular, ás veces estigmatizadas pola prensa como prostitutas. Durante a segunda guerra mundial, Marianne adquiriu os novos simbolismos de "liberdade" contra os invasores nazis e de "república" contra o réxime de Vichy. Na Francia de Vichy fundíronse 120 dos 427 monumentos de Marianne e as milicias retiraron as súas estatuas das casas consistoriais en 1943.[9] Baixo Vichy, Marianne foi prohibida e Xoana de Arco cobrou oficialidade como símbolo oficial de Francia. Os bustos de Marianne das escolas e dos edificios administrativos foron substituídos polos do mariscal Pétain. En tanto que símbolo da república, a figura de Marianne era demonizado como "o máis ofensivo". Había unha forte misoxinia nos ataques a Marianne baixo o réxime de Vichy, unha ideoloxía polarizada con respecto á muller: a virxe ou a rameira, representadas respectivamente por Xoana de Arco e por Marianne.[29]
A presenza de Marianne comezou a ser menos relevante logo da segunda guerra mundial, aínda que Charles de Gaulle fixo un grande uso dela, destacadamente nos selos de correos. A aparición máis subversiva e revolucionaria máis recente ocorreu durante maio de 1968. Posteriormente, o presidente liberal e conservador Valéry Giscard d'Estaing substituíu a Marianne nos selos, mudou o ritmo da Marseillaise e suprimiu a conmemoración do 8 de maio de 1945.
Durante o bicentenario da Revolución, en 1989, Marianne apenas fixo aparicións públicas. De feito, o presidente socialista François Mitterrand procurou o consenso nos actos de celebración e centrouse máis en conmemorar a República que a Revolución. A República, logo dun período de duras loitas internas ao longo do século XIX e mesmo do XX, adquiriu xa a aceptación consensuada dos franceses, o que lle resta relevancia ao culto a Marianne como elemento reivindicativo ou de exaltación.[9]
Marianne amósase adoito acompañada dunha serie de atributos con cadansúa simboloxía, habitualmente procedentes da antigüidade greco-romana, fundamentalmente de Atenea (como guerreira) e de Deméter (como proporcionadora de sustento):[30]
Atributo | Simbolismo |
---|---|
O píleo (ás veces confundido co gorro frixio) | Escravo liberado |
A coroa | Invencibilidade |
Os peitos espidos | Nutrición e emancipación |
A coiraza | Poder |
O león | Coraxe e forza do pobo |
A estrela | Intelixencia |
O triángulo | Igualdade |
As cadeas crebadas | Liberdade |
As mans cruzadas | Fraternidade |
Os fasces | Autoridade do Estado |
A balanza | Xustiza |
A colmea | Traballo |
O primeiros bustos oficiais de Marianne respondían a modelos anónimos. Porén, a partir de 1969 comezaron a ter a súa inspiración en mulleres célebres, a primeira das cales foi a actriz Brigitte Bardot.[9] A ela seguírona Mireille Mathieu (1978), Catherine Deneuve (1985), Inès de La Fressange (1989), Laetitia Casta (2000) e Évelyne Thomas (2003).[31][32]
Laetitia Casta foi nomeada como a representación simbólica da República Francesa en outubro de 1999 por primeira vez mediante unha votación, na que participaron máis que 36.000 alcaldes do país.[33][34]
En xullo de 2013, o presidente François Holande presentou un selo novo que presentaba a Marianne. Un dos seus deseñadores asegurou que estaba inspirado na figura de Inna Shevchenko, membro destacado do grupo de protesta ucraíno FEMEN que acababa de conseguir asilo político en Francia naquela época.[35] Con todo, outros membros do seu equipo desvinculáronse desta afirmación, e o asunto chegou mesmo á xustiza, con denuncias por violación de dereitos de autor e por outras cuestións.[36][37][38][39][40]
Azul-branco-vermello, Marianne, Liberté-Égalité-Fraternité e a República: estes son os símbolos nacionais que representan a Francia e os seus valores. A partir de setembro de 1999 estes elementos foron combinados constituíndo un novo logotipo identificador, creado baixo o Goberno de esquerdas de Lionel Jospin polo Servizo de Información de Goberno francés (SIG) e as unidades correspondentes de cada ministerio. En combinación con outros propios de cada institución, este logotipo aparece nunha ampla gama de contextos, como folletos, publicacións internas e externas, campañas publicitarias, encabezamentos de cartas, tarxetas de presentación etc., que emanan do Goberno francés, das súas prefecturas e dos seus departamentos.[41]
A figura de Marianne apareceu destacadamente nunha controversia xurdida sobre o uso do velo islámico en Francia, como símbolo dunha idea concreta de muller francesa. A historiadora estadounidense Joan Wallach Scott escribiu en 2016 que non é casual que Marianne sexa representada con frecuencia cun peito ao aire, con independencia de onde estea ou do que estea a facer, xa que isto reflicte o ideal francés da muller, que foi utilizado como argumento de que as vestimentas islámicas habituais non son francesas. Scott escribiu que a Marianne semiespida se converteu "...na encarnación da muller francesa emancipada, en contraste coa muller velada, que se concibe como subordinada ao islam...".[42]
Posteriormente, no mesmo 2016, o primeiro ministro francés Manuel Valls declarou nun discurso que o traxe de baño coñecido como burquini supuña unha "escravitude" para as mulleres e que Marianne estaba normalmente en topless, ante o que The Economist sinalou: "A conclusión parece ser que as mulleres con burquini non son francesas, en tanto que as mulleres francesas van en topless."[43][44] Nun discurso do 29 de agosto de 2016, Valls dixo: "Marianne ten un peito espido porque está a alimentar o pobo! Non está velada, porque é libre! Esa é a república!".[45]
A xornalista de The Guardian Angelique Chisafis informou: "A inferencia que os peitos nus eran un símbolo de Francia en tanto que o velo musulmán resultaba problemático provocou o desprezo dos políticos e a mofa dos historiadores e das feministas". O presidente francés François Hollande provocou moito debate en Francia coa súa polémica afirmación de que "a muller con velo será a Marianne de mañá".[46]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.