Remove ads
condición de ser nai From Wikipedia, the free encyclopedia
A maternidade é a condición de nai, o feito de traer un bebé ao mundo. Por extensión o termo designa tamén o estabelecemento hospitalario onde se atende as mulleres durante o embarazo, parto e puerperio, así como os lactantes.[1] É un concepto que abrangue moitos puntos de vista e o uso en plural.[2] No século XX e XXI iniciáronse varios debates sobre a maternidade, sobre todo desde o pensamento feminista nos que se cuestiona a súa transcendencia no económico, político e social.
Procede de matrem (mater-matris) e está próxima en morfoloxía e significado a matrix, matriz.[3]
Segundo a historiadora Rosa María Cid López remite a feitos biolóxicos, funcións sociais, representación simbólica e a unha construción cultural e social.[4]
Antes que o estudo da historia foi o feminismo o que se ocupou da análise da maternidade.[4]
Hai diferentes análises de como enfrontou a primeira onda do feminismo a maternidade. Anne Cova analiza que en numerosos países servíronse da maternidade como triunfo para penetrar na esfera pública reivindicando dereitos para as nais e para as mulleres en xeral.[4][5] Carmen Suárez Suárez denomina feminismo maternalista ou maternalismo feminista á reivindicación desde o feminismo de dereitos especiais ou específicos para as mulleres por ser nais nas primeiras décadas do século XX.[6]
Na segunda onda do feminismo no feminismo da igualdade a maternidade foi cuestionada desde a necesidade de independencia que se analizaba coartada por esta.[7] O segundo sexo de Simone de Beauvoir é clave nesta formulación.[4] Logo, cobrou moita importancia a denuncia da imposición do modelo de muller e de familia na obra de Betty Friedan The Feminine Mystique.[8]. Shulamith Firestone, na década de 1970, en The Dialectic of Sex (a dialéctica do sexo) propuxo unha maternidade artificial para superar a suxeición das mulleres á maternidade.[4]
Adrienne Rich en Of Woman Born: Motherhood as Experience and Institution (Nacemos de muller. A maternidade como experiencia e institución) disocia a maternidade como experiencia da maternidade como institución[9] e oponse á análise da segunda onda do feminismo. Rich considera que a maternidade é un espazo de poder que a muller ten que recuperar.[4] O feminismo da diferenza compartiu esta visión na súa reivindicación dos valores culturalmente atribuídos ao feminino. Valores asociados á maternidade e á socialización diferenciada das mulleres.[7] A maternidade está contemplada na obra de Luisa Muraro L'ordine simbolico della madre (A orde simbólica da nai).[4]
Nas análises desde o feminismo, tamén foi importante o cuestionamento do amor maternal que fixo Elisabeth Badinter na súa obra L'Amour en plus [4] e a obra de Kate Millett.[10]
As transformacións sociais inflúen na forma de concibir e representar a maternidade, mais é un tema que aínda está pouco estudado.[4]
No Antigo Exipto existían significados especiais na maternidade e que usualmente se manifestaban no hábito funerario.[11]
Na investigación histórica na análise da maternidade en occidente estabelecen dous períodos diferenciados, antes e despois do século XVIII. Na antigüidade e na Idade Media habería unha desvalorización da maternidade relacionada coa énfase no poder paterno. No século XVIII deseñaríase unha nova imaxe da relación da muller coa maternidade e unha exaltación do amor materno.[12]
A Segunda República Española lexislou sobre a maternidade coa instauración do Seguro de Maternidade. Foi controvertido e xerou varios conflitos, sobre todo en Cataluña.[13] No franquismo a Igrexa Católica e a Falange configuraron un modelo de muller tradicional que tiña na maternidade e a perpetuación da familia a súa misión suprema.[14] No Estado Español considérase que unha figura importante na imposición dun modelo maternal foi a do médico Gregorio Marañón.[4]
Na URSS concedeuse desde 1944 a Medalla á Maternidade ás nais que tivesen e educasen cinco fillos (segunda clase) ou seis e máis fillos (primeira clase).[15]
A Antropoloxía clásica, Bronisław Malinowski, Margaret Mead, Claude Lévi-Strauss, non se interesou pola maternidade. Comezou a ser obxecto de estudo na década de 1970 coa aparición da antropoloxía feminista.[16]
Sharon Hays elaborou o concepto de maternidade intensiva para denominar o tipo de maternidade que se desenvolveu nas décadas de 1970 e 1980 nos países ricos.[17]
Sepáranse como distintos conceptos a maternaxe da maternidade.[18]
Para Celia Amorós o proxecto de ter un fillo cando é un proxecto dunha maternidade pensada, cando é un proxecto humano, non é inmanencia, non é mera repetición da vida, é transcendencia.[19]
No plano político considérase que falar da maternidade tanto apunta ao dereito de ser nai e de vivenciar unha maternidade plena como ao dereito da muller de escoller non ser nai.[20][21]
Para Elisabeth Badinter a maternidade converteuse nunha nova forma de escravitude como resultado da crise económica nos inicios do século XXI en Europa.[22]. Desde a heterodoxia Casilda Rodrigáñez Bustos considera que a maternidade está robotizada.[23]
No plano económico para Carolina del Olmo a maternidade é "un lugar atravesado pola economía, a política e a moral e que ao mesmo tempo constitúe o centro da nosa estrutura social e lle dá forma ao sentido común e á ética compartida".[24]
No século XXI hai unha familia posfamiliar para a que foi preciso que houbese varias disociacións sucesivas, o sexo con respecto á reprodución, a maternidade con respecto ao matrimonio e a maternidade con respecto á parella.[25]
Desde a antropoloxía cultural, como explica a antropóloga Henrietta Moore, en todas as sociedades as mulleres dan a luz, mais este feito non merece sempre idéntico recoñecemento.[26] Para Cristina Palomar Verea "A maternidade non é un “feito natural”, senón unha construción cultural multideterminada, definida e organizada por normas que se desprenden das necesidades dun grupo social específico e dunha época definida da súa historia."[27] Para Perrot a maternidade non comeza co embarazo, xa que para moitas mulleres a maternidade é fonte de identidade aínda cando non fose unha etapa vivida.[28]
En España a propia definición do que é a maternidade quedou traspasada polo cuestionamento da súa existencia máis aló do biolóxico nas sociedades patriarcais e da súa non equiparación e secundarización con respecto da paternidade no libro El vacío de la maternidad de Victoria Sau:
A maternidade biolóxica (concepción, embarazo e parto) así como por extensión a crianza, non pode ser considerada maternidade desde unha perspectiva de rango humano se non vai seguida da súa correspondente transcendencia no económico, político e social. A Nai foi rebaixada á condición de funcionaria do Pai.[29]
A situación legal sobre os permisos de maternidade e de paternidade están converxendo en 2018 en Galiza.[30]. A confluencia pode ser considerada como un índice de maior corresponsabilidade.
Para apoiar o valor social da maternidade e a paternidade é preciso evitar os efectos negativos da maternidade nos dereitos das mulleres e promover a consideración da paternidade nun contexto familiar e social de corresponsabilidade, de acordo cos novos modelos de familia[31]
Marga Tojo en Maternidade fóra de catálogo escribe un ensaio sobre a maternidade [32] no que considera que
os debates da maternidade non se limitan, como con frecuencia se suxire, a dilemas interiores irresolúbeis (...) Temos diante tamén un dilema exterior. Unha situación social analizábel. A procura da corresponsabilidade inclúe sinalar a función dos gobernos no benestar da infancia e a súa implicación na precarización da crianza.[33]
Diana López Varela escribiu Maternofobia que analiza as presións cara a ela na vida das mulleres.[34]
Susana Carro investiga na construción simbólica e xurídica da maternidade.
Desde o sexismo científico opúxose intelecto e maternidade.[35]
A científica María de la Fuente propuxo no século XXI mecanismos correctores para que a maternidade non limitase as carreiras científicas.[36]
Da maternidade compartida xorden asociacións de acción política como o caso das Nais de Praza de Maio ou o caso das nais contra a droga no xermolo de Érguete.[37]
A maternidade está amplamente representada na arte sendo central a través da representación da Virxe María evolucionado o seu tratamento na arte contemporánea.
En 2016 Orna Donath publicou un ensaio sobre a maternidade como unha opción valorada desde o arrepentimento.[38]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.