Revolucionaio e Primeiro presidente de Burkina Faso (1949-1987) From Wikipedia, the free encyclopedia
Thomas Isidore Noël Sankara,[1] nado en Iako, Burkina Faso, o 21 de decembro de 1949 e finado en Uagadugú o 15 de outubro de 1987, foi un militar e político revolucionario burkinense, que foi presidente de Burkina Faso (anteriormente Alto Volta) entre 1983 e 1987. O seu carisma converteu a súa figura nun símbolo do panafricanismo e a revolución e é chamado a miúdo "o Che Guevara africano".[2][3][4][5]
(2013) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (fr) Thomas Isidore Noël Sankara 21 de decembro de 1949 Iako, Burkina Faso (África Occidental Francesa) |
Morte | 15 de outubro de 1987 (37 anos) Uagadugú, Burkina Faso |
Causa da morte | ferida por arma de fogo |
Lugar de sepultura | Uagadugú |
5º Presidente de Burkina Faso | |
4 de agosto de 1983 – 15 de outubro de 1987 ← Saye Zerbo (pt) – Blaise Compaoré → | |
5º Primeiro ministro de Burkina Faso | |
10 de xaneiro de 1983 – 17 de maio de 1983 ← Saye Zerbo (pt) – Youssouf Ouédraogo (mul) → | |
Datos persoais | |
Relixión | Catolicismo |
Educación | Prytanée militaire de Kadiogo (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Revolucionario, político, poeta e compositor |
Ocupación | político, estadista, oficial, soldado |
Período de actividade | 1966 - 15 de outubro de 1987 |
Carreira militar | |
Lealdade | Burkina Faso |
Rama militar | Army of Burkina Faso (en) |
Rango militar | capitán |
Conflito | Guerra da Faixa de Agacher (pt) |
Instrumento | Guitarra |
Obra | |
Obras destacables | |
Familia | |
Cónxuxe | Mariam Sankara (–1987) |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Dictionary of African Biography, Lista de Ditadores de SourceWatch Africa: An Encyclopedic Reference (en) , (vol:2) |
Páxina web | thomassankara.net |
En 1983, un grupo de revolucionarios tomou o poder nun golpe con apoio popular, en nome de Sankara (que estaba baixo arresto domiciliario). Aos 33 anos, Sankara converteuse no presidente da República de Alto Volta. De inmediato executou programas para o cambio social, económico e ecolóxico e mudou o nome colonial do país a Burkina Faso ("país dos homes íntegros" en mossi e diula).[6] Logrou a autosuficiencia alimenticia repartindo as terras dos líderes tribais feudais entre os campesiños, deulle prioridade á educación e á sanidade, coa construción de numerosas escolas e centros médicos e con grandes campañas de alfabetización e vacinacións contra a meninxite, a febre amarela e o sarampelo.[7] Foi un dos primeiros líderes africanos en poñer énfase no problema da desertización e fixo que se prantaran millóns de árbores para parar o avance do Sahel.[8] Denunciou a precaria situación das mulleres burkinenses, instituíu un Ministerio da Muller, promoveu a contracepción, prohibiu a ablación, a poligamia e os matrimonios forzosos[9], animou ás mulleres a traballar fóra da casa e a ir á escola e colocou mulleres en altos cargos do goberno.[9]
A súa política exterior centrouse no antiimperialismo e o internacionalismo e na denuncia do neocolonialismo, rompendo a relación de dependencia con Francia, a súa antiga metrópole, e evitando toda axuda estranxeira. Impulsou unha redución da débeda ilexítima e evitou o poder e influencia do Fondo Monetario Internacional e do Banco Mundial. Estableceu relacións cos países do campo socialista e apoiou os movementos de liberación nacional de todo o mundo.
O seu goberno gozou de gran popularidade entre as clases baixas e o mundo rural pero provocou o descontento das clases altas, certos sectores do exército e gobernos conservadores veciños, así como do goberno francés. O 15 de outubro de 1987 foi asasinado nun sanguento golpe de Estado, liderado por Blaise Compaoré, en circunstancias aínda non ben aclaradas, presuntamente co apoio dos gobernos francés e marfilés.[10][11]
Thomas Sankara naceu co nome de Thomas Isidore Noël Sankara o 21 de decembro de 1949 en Iako, no Alto Volta francés, sendo o terceiro dos dez fillos de Joseph e Marguerite Sankara.[1] Seu pai, descendente das etnias mossi e fula, foi combatente e prisioneiro na Segunda guerra mundial, onde loitou no exército francés. Como xendarme auxiliar foi destinado a varias zonas do país, como Gaoua, onde Thomas pasou gran parte da súa infancia, e co soldo de funcionario vivían cun nivel de vida máis alto que o da maioría da poboación.[12][13]
No colexio sacaba boas notas e destacaba en francés e matemáticas. Tamén ía a miúdo á igrexa onde a súa enerxía e gañas de aprender fixo que os sacerdotes o incentivasen para entrar nunha escola relixiosa, ofrecemento que aceptou nun principio, pero que rexeitou tras aprobar o exame de sexto grao da escola secular. Asistiu ao liceo Ouezzin Coulibaly en Bobo-Dioulasso, o centro comercial do país. Nesa escola fixo bos amigos, como Fidèle Too, a quen anos despois nomearía ministro ou Soumane Touré, que ía nun curso máis avanzado.[14]
Ao finalizar os estudos secundarios decidiu entrar no exército. Os militares eran populares naquel momento, pois o exército acababa de derrocar ao primeiro presidente do Alto Volta, Maurice Yaméogo, que se volvera autocrático e desprezado por gran parte da poboación. Tamén eran vistos pola mocidade intelectual como unha potencial institución nacional que podería axudar a disciplinar a ineficiente e corrupta burocracia, contrarrestar a excesiva influencia dos xefes tradicionais e en xeral axudar a modernizar o país. Ademais, a aceptación na academia militar viría cunha bolsa de estudos e Sankara non podía pagar facilmente os custos da educación posterior doutro xeito. Realizou o exame de admisión e aprobou.[14]
Entrou na academia militar de Kadiogo, en Uagadugú, en 1966, con 17 anos.[15] O alumnado da academia recibía aulas de profesorado civil en diversas materias. O director académico daquel momento era Adama Touré, que daba aulas de historia e xeografía. Aínda que era coñecido por ter ideas progresistas, non as revelaba moi a miúdo, pois podía ser perigoso nun país tan conservador social e politicamente. Só anos despois se soubo que Touré era membro do Partido Africano da Independencia, un partido marxista centrado no Senegal e con ramas en distintos países, antigas colonias francesas. Touré invitaba a algúns dos seus alumnos máis brillantes (entre eles Sankara) a discusións informais fóra das aulas nas que se debatía sobre imperialismo e neocolonialismo, socialismo e comunismo, as revolucións chinesa e soviética ou os movementos de liberación africanos, entre outros temas. Aínda que Sankara xa tiña inquietudes políticas, esta foi a primeira vez que se expuxo de maneira sistemática a unha perspectiva revolucionaria do Alto Volta e do mundo. Tamén alí cultivou a súa paixón pola música, tocando a guitarra[15]
Tres anos máis tarde, Sankara rematou o seu adestramento militar e foi un dos dous graduados seleccionados para adestrarse como oficiais en Antsirabe, Madagascar, outra antiga colonia francesa. Cando Sankara chegou á illa en outubro de 1969 atopouse cun país moi diferente á pobre e árida nación da que viña. Madagascar estaba chea de vexetación, as principais cidades contaban con numerosos edificios e monumentos históricos e o nivel de desenvolvemento económico era notablemente maior. O adestramento na academia de Antsirabé ía máis aló do puramente militar, xa que tamén recibiu nocións de agricultura e doutras actividades.[15] Ademais, nese período Sankara leu profusamente sobre historia e estratexia militar, e adquiriu os conceptos e ferramentas que despois usaría na súa reinterpretación da historia política burkinense. Alí leu a Marx,[13] e segundo lle contou a un xornalista malgaxe, as obras completas de Lenin, entre as que destacou como favorita O Estado e a revolución.[16] En Madagascar asistiu tamén á revolución que rematou co réxime de Philibert Tsiranana. Isto levouno a concibir a idea dunha "revolución democrática e popular".[17]
Volveu ao seu país en outubro de 1973[18] co grao de subtenente e asignóuselle o adestramento de novos recrutas en Bobo-Dioulasso. Destacou pola súa concepción do adestramento militar. Consideraba demasiado arcaicos os programas de adestramento do momento, copiados en gran parte do exército francés da era de Napoléon Bonaparte,[19] e introduciu o ensino sobre os dereitos e deberes da cidadanía, facendo fincapé na formación política dos soldados: "sen unha formación política patriótica, un soldado é só un criminal con poder".[17] Foi transferido en marzo de 1974 a Uagadugú e asignado ao corpo de enxeñaría, onde puido poñer a proba as habilidades técnicas adquiridas en Madagascar. Percorría o país supervisando a construción de estradas, edificios e outras estruturas. No proceso deuse conta de que algúns oficiais do exército e funcionarios do goberno desviaban fondos, materiais e comida e que daban lucrativos traballos aos seus familiares. Criticou abertamente aos responsables destes feitos, incluídos un xeneral e o ministro de transporte (a pesar de que este último era fillo dun xefe tradicional de Téma, ao que o pai de Thomas lle debía certa lealdade). Ningún dos acusados foi castigado pero algúns oficiais de alto rango comezaron a preocuparse por ese mozo adventicio.[19]
En decembro de 1974 loitou na breve Guerra da Franxa de Agacher, que enfrontou ao Alto Volta con Malí. Comandaba un pequeno grupo que capturou a varios soldados malianos. Gañou fama tras aparecer nos xornais como "heroe de guerra". Porén, anos máis tarde renegaría da guerra por "inútil e inxusta", un reflexo da súa crecente conciencia política.[20] Na capital converteuse nunha figura popular, onde ademais tocaba nunha banda de jazz, chamada Tout-à-Coup Jazz, que contaba con Blaise Compaoré (ao que Sankara coñecera na guerra) como vocalista.[21]
En 1976 converteuse no comandante do Centro de Adestramento de Comandos en Pô. Alí, Sankara tomou cada vez maior consciencia sobre o nivel de pobreza que sufría o seu pobo, un dos países máis pobres do mundo. Cada vez que viaxaba á cidade buscaba contactar con xente de ideas semellantes ás súas, algúns no exército como Blaise Compaoré e outros civís, membros de pequenos grupos de esquerdas. Estes grupos tendían a identificarse como marxistas, con membros do PAI que simpatizaban xeralmente coa URSS e coa China ou con Albania. Algúns deles pasaban moito tempo debatendo puntos de vista teóricos e non parecían moi conscientes dos problemas da xente común. Aínda que Sankara valoraba e aprendía destes debates e discusións de activistas, evitou unirse a ningún dos grupos e mantívose próximo ao seu pequeno grupo de amigos oficiais subalternos. Animábaos a relacionarse cos activistas, que ás veces visitaban o centro de adestramento de Pô. En 1978, nomeou a Blaise Compaoré subcomandante do seu centro.[22]
En 1980 o goberno de Sangoulé Lamizana xa levaba case unha década e media no poder e, aínda que o país gozaba dunha relativa estabilidade, realizábanse esforzos mínimos por solucionar os graves problemas económicos e sociais da poboación.[23] Ademais a corrupción era xeneralizada nos altos postos do goberno, excepto aparentemente na figura do presidente mesmo, que incluso chegou a queixarse publicamente de que a elite gobernante interesábase moi pouco polo ben do país e moito pola "relixión do poder e o diñeiro".[24] O 25 de novembro dese ano, un grupo de oficiais de alto rango liderados polo coronel Saye Zerbo deron un golpe de Estado. Adoptaron o nome de Comité Militar para a Mellora do Progreso Nacional (CMPRN polas súas siglas en francés), depuxeron o goberno, detiveron a Lamizana, disolveron a Asemblea Nacional, suspenderon a Constitución e prohibiron todos os partidos e actividades políticas. Zerbo citou a "erosión da autoridade do Estado" entre as razóns para o golpe e prometeu inculcar disciplina no Estado, loitar contra a corrupción e abrir investigacións polas malas prácticas do goberno anterior. O golpe tivo nun principio apoio popular e incluíu varios ministros progresistas nacionalistas que contaban co apoio dalgúns sindicatos.[25]
Sankara non tomou parte no golpe. Aínda que el e os seus compañeiros simpatizaban coas promesas do novo goberno, desconfiaban do conservadorismo dos coroneis agora no poder, e, aínda que tiñan que acatar as súas ordes, non o apoiaron publicamente. En xaneiro de 1981 foi nomeado capitán e asignóuselle o mando da división operacional do exército. Pouco despois ofrecéronlle un posto nun ministerio pero rexeitouno. Algúns dos seus camaradas civís apoiaron a súa decisión pero outros pedíronlle que aceptase o posto, porque doutro xeito podería haber represalias contra el e os demais. Finalmente, tras varias negociacións, Sankara aceptou ser Ministro de Información con dúas condicións: que Compaoré fora o novo comandante do seu cuartel e que só sería ministro durante dous meses, ata que atopasen un substituto (finalmente alongouse ata sete meses).[25]
O 13 de setembro de 1981, Thomas Sankara tomou posesión do seu primeiro cargo político. Dende o comezo, fíxose visíbel que non funcionaba como os demais ministros do seu tempo: ía ao traballo en bicicleta en vez de en coche oficial e animaba aos xornalistas a contar a crúa realidade sen ter que medir as súas palabras como facían cos anteriores Ministros de Información. Publicáronse grandes escándalos de corrupción, tanto en medios privados (L'observateur) como públicos (Carrefour africain). As revelacións non sentaron ben entre algúns oficiais que acusaron á prensa de revelar información confidencial e interrogaron ao director da axencia estatal, o que provocou as protestas de Sankara.[26]
Mentres, a situación do país era cada vez máis delicada. O CMPRN non cumpría as súas promesas respecto á corrupción e ao mesmo tempo aumentaba a represión sobre os activistas e sindicatos, sendo algúns dos líderes detidos, como Soumane Touré, amigo da secundaria de Sankara. Deste xeito, Sankara decidiu que xa chegara o momento de poñer fin á súa participación no goberno. Enviou unha carta de dimisión ao presidente e anunciou tamén publicamente a súa renuncia nun discurso emitido en directo a través da radio, aproveitando unha conferencia na que estaban reunidos os ministros e o propio presidente. Falou a favor da liberdade de expresión e rematou coa frase: "Ai de aqueles que amordazan ao seu pobo". Foi inmediatamente arrestado, degradado e enviado a un campamento militar en Dédougou. Tamén Campaoré e Henri Zongo dimitiron do CMPRN, e foron tamén exiliados a bases militares remotas.[26]
O 7 de novembro de 1982, un grupo de xenerais liderados por Gabriel Somé Yorian, deron outro golpe de Estado, derrocaron o CMRPN de Zerbo e proclamaron un novo goberno militar que sería chamado Consello de Salvación do Pobo (CSP polas siglas en francés). Eran un grupo de individuos e faccións unidos só pola súa oposición ao réxime de Zerbo, non tiñan acordada ningunha plataforma política nin líderes e permitiron aos máis radicais apuntar nunha dirección progresista. Sankara estaba casualmente na capital eses días, pois recibira permiso para ver ao seu segundo fillo que acababa de nacer. Houbo rumores de que podía estar detrás do golpe e, dado que non había un líder claro, os seus seguidores puxeron o seu nome enriba da mesa, pero Sankara rexeitouno. Finalmente Jean-Baptiste Ouédraogo, anterior xefe médico do exército, foi o presidente elixido por consenso entre as dúas grandes faccións do CSP: a esquerda e os conservadores.[27][28]
Aínda que os oficiais de ideas revolucionarias eran só unha pequena parte da gran coalición do CSP, conseguiron exercer unha grande influencia. Unha das primeiras accións do novo goberno foi restituír os rangos de capitán de Sankara, Campaoré e Zongo.[28]
O 10 de xaneiro de 1983, o CSP nomeouno primeiro ministro, cargo que esta vez aceptou rapidamente. Converteuse así no número dous do presidente Ouédraogo e era o encargado de coordinar o día a día de varios ministerios. A finais de febreiro viaxou a Libia, onde foi recibido por Muamar al-Qadafi con promesas de envío de axuda. Esa visita, xunto a outra de Qadafi ao Alto Volta en abril, supúxolle críticas e acusacións de ser un lacaio do líder libio. De feito, Qadafi si intentou que adoptase a súa teoría política pero Sankara respondeu que, aínda que lles interesaba a experiencia libia, querían vivir a súa propia.[29] Pouco despois participou nunha reunión do Movemento de Países Non Aliñados en Nova Deli. Alí buscou a varios líderes revolucionarios como Fidel Castro, Samora Machel ou Maurice Bishop e no seu discurso situouse no lado máis radical do movemento, defendendo aos rebeldes antiimperialistas do Salvador e ao goberno revolucionario sandinista de Nicaragua, denunciando os masacres de Sabra e Shatila e a invasión do Líbano por parte de Israel.[30] Tamén dentro do propio país, Sankara pronunciaba discursos máis abertamente revolucionarios, como os pronunciados o 26 de marzo en Uagadugú e o 14 de maio en Bobo-Dioulasso, nos que o presidente Ouédraogo foi eclipsado polo seu primeiro ministro. Estes discursos cimentaron a súa alianza cos principais grupos revolucionarios do país pero tamén desgustaron aos membros máis conservadores do CSP e aparentemente tamén ao goberno francés.[29]
O 16 de maio chegou a Uagadugú Guy Penne, conselleiro do presidente francés François Miterrand e á mañá seguinte, Thomas Sankara e o capitán e secretario xeral Jean-Baptiste Boukary Lingani foron arrestados. Aínda que tamén rodeado, nun principio Henri Zongo conseguiu reunir algunhas tropas para tentar resistir, pero nunha chamada telefónica, Sankara pediulle que evitase un baño de sangue. O seu amigo e activista político Valère Somé conseguiu evitar a detención e chegou ao cuartel de Pô, onde informou aos comandos sobre o golpe. Campaoré estaba de viaxe pero os comandos mobilizáronse e tomaron o control da cidade. Cando Campaoré volveu, optou por non recoñecer a lexitimidade do goberno de Uagadugú.[31]
Con Sankara fóra do taboleiro, Ouédraogo reuniuse con Guy Penne, que lle ofreceu unha importante axuda económica por parte de Francia. Pero non tardaron en producirse enormes manifestacións por toda a capital pedindo a liberación de Sankara e berrando consignas contra o imperialismo e contra o goberno francés, como suposto instigador do golpe. O goberno de Ouédraogo viuse obrigado a liberar a Sankara e Lingani. Sankara viaxou a Pô, onde foi recibido como un heroe. Con todo, tanto el como Lingani e Zongo foron novamente arrestados. Para decidir que facer formáronse comités clandestinos de civís, movementos estudantís, sindicatos de traballadores e grupos de esquerda, en contacto cos comandos de Pô. Mentres, Sankara negociaba co presidente Ouédraogo unha saída pacífica que evitase un derramamento de sangue. Segundo algunhas fontes, as forzas do capitán Campaoré en Pô obtiveron información de que Somé Yorian estaba preparando un plan para asasinar a Sankara, Lingani e Zongo, apartar a Ouédraogo e asumir el o poder; polo que decidiron atacar eles primeiro.[31]
O 4 de agosto de 1983 as tropas de Pô saíron cara a capital, co apoio dos grupos clanestinos civís tomaron os lugares estratéxicos e derrocaron o goberno con pouca resistencia (Somé Yorian e outro oficial conservador foron atopados días despois e disparados supostamente cando "tentaban escapar"). Ás 10 da noite Sankara compareceu na radio para anunciar o derrocamento do goberno e o comezo dun novo proceso revolucionario. Nunha declaración emitida varias veces na noite en francés, mossi e gurunsi, proclamou a creación do Consello Nacional da Revolución (CNR) e chamou aos cidadáns de todo o país a formar comités para defendelo. O principal obxectivo do goberno, dixo, sería defender os intereses do pobo voltaico e a realización das "súas profundas aspiracións de liberdade, verdadeira independencia e e progreso social e económico".[32][31]
O novo goberno do Presidente Sankara foi recibido cunha gran manifestación de apoio en Uagadugú, a primeira das moitas que xurdirían por todo o país durante as seguintes semanas e meses. Sankara non tardou en debuxar as liñas mestras da súa visión revolucionaria, fíxoo na primeira retransmisión radiofónica: reformar o Estado para que sirva aos cidadáns; a eliminación do analfabetismo, as enfermidades e a explotación; e o desenvolvemento dunha economía máis produtiva para reducir a fame e a mellorar as condicións de vida da poboación. Aínda que o CNR debía liderar estes cambios, o novo presidente insistía en que a xente corrente tamén tiña que organizarse e tomar a iniciativa e apelaba a "que todo home ou muller, xove ou vello" formasen organizacións populares.[33][34] Como resposta, comezaron a aparecer novos Comités de Defensa da Revolución. Ao principio dunha maneira desorganizada nos barrios máis pobres de Uagadugú e máis tarde de forma máis sistemática ata a maioría das 7.000 poboacións rurais do país.[33]
Tentou manter a independencia do país con respecto ao exterior, declarando a débeda odiosa, para evitar a influencia do FMI e do Banco Mundial. Para simbolizar o novo período do país, en agosto de 1984 mudoulle o nome de Alto Volta a Burkina Faso (País dos Homes Íntegros en mossi e diula).[6] Tamén lle deu ao país unha nova bandeira e escribiu un novo himno nacional, Une Seule Nuit. Sendo un carismático líder da esquerda na África Occidental, impulsou dende o seu goberno reformas administrativas co obxectivo de eliminar a pobreza, mellorando á súa vez a educación, a agricultura e a posición da muller na sociedade burkinense. Neste último sentido tomou medidas como a prohibición da mutilación xenital feminina, dos matrimonios forzados e a poligamia, colocando a moitas mulleres en altos cargos do país.
O noso país produce o suficiente para alimentarnos a todos. Por desgraza, por falta de organización, estamos obrigados a pedir axuda alimentaria. É esta axuda a que infunde nos nosos espíritos a mentalidade de mendigos.
A súa política agraria centrouse na estatización das terras e a loita contra a fame mediante a autosuficiencia agraria e a repartición das terras arrebatadas aos terratenentes entre os campesiños. Inmediatamente despois de que Sankara asumise o cargo, suprimiu a maioría dos privilexios que tiñan os xefes tribais en Burkina Faso. Estes propietarios feudais foron desposuídos dos seus dereitos a cobrar tributos e traballos forzados, e as súas terras foron distribuídas entre os campesiños.[37]
En catro anos, Burkina Faso alcanzou a suficiencia alimentaria debido en gran parte á redistribución feudal de terras e á serie de programas de irrigación e fertilización instituídos polo goberno. Durante este tempo, a produción de algodón e trigo aumentou drasticamente. Mentres que a produción media de trigo para a rexión do Sahel era de 1.700 quilogramos por hectárea en 1986, Burkina Faso produciu 3.900 quilogramos por hectárea de trigo no mesmo ano.[37] Este éxito significou que Sankara non só levara o seu país á autosuficiencia alimentaria, senón que creou un excedente de alimentos.[38] Sankara tamén fixo fincapé na produción de algodón e na necesidade de transformar o algodón producido en Burkina Faso en roupa para a xente.[39]
As principais prioridades de Sankara ao chegar ao poder foron dar alimento, vivenda e atención médica ao seu pobo, que o necesitaba desesperadamente. En outubro de 1984 presentou o "Programa para o Desenvolvemento Popular" a través do cal, en 15 meses, construíronse 351 escolas, 314 centros de saúde materna e dispensarios, e 88 farmacias, así como centos de depósitos e pozos.[40]
Sankara promoveu un gran programa de vacinación nun intento de erradicar a febre amarela, a meninxite e o sarampelo.[7] Nunha semana, dous millóns e medio de burkinenses foron vacinados, nun esforzo que recibiu os parabéns da Organización Mundial da Saúde.[41] O goberno de Sankara tamén foi o primeiro de toda África en recoñecer publicamente a epidemia de SIDA como a maior ameaza para o continente.[42]
Tamén se realizaron proxectos de vivenda e infraestruturas a grande escala. Creáronse fábricas de ladrillos para axudar a construír vivendas nun esforzo por acabar cos barrios marxinais urbanos.[37] Nun intento de loitar contra a deforestación e o avance do deserto do Sahel cara ao sur, prohibíronse as cortas indiscriminadas e realizáronse masivas plantacións de árbores.[8]
Todas as rexións do país foron conectadas por un amplo programa de construción de estradas e vías férreas. Executouse un programa chamado "A batalla dos raís" para ampliar cara ao nordeste a única vía ferroviaria existente, que ía de Costa do Marfil a Uagadugú. Aínda que no nordeste había xacementos de manganeso sen explotar, o Banco Mundial non quixo financiar o proxecto pois non o consideraba económico, polo que o goberno de Sankara o levou a cabo polos seus medios, traballando na construción da vía funcionarios, CDRs, asociacións civís e voluntarios.[43][41] Estes programas foron un intento de demostrar que os países africanos poderían ser prósperos sen axuda estranxeira. Estes desenvolvementos revolucionarios e programas económicos nacionais sacudiron os fundamentos dos modelos tradicionais de desenvolvemento económico impostos en África.[44]
Sankara tamén promoveu programas de educación para axudar a combater a taxa do 90% de analfabetismo do país. Estes programas tiveron certo éxito nos primeiros anos. Con todo, unha folga a grande escala de profesores contra a revolución,[45] xunto coa falta de vontade de Sankara para negociar, levou ao despido destes mestres e á creación dos "mestres revolucionarios". Nun intento por substituír os preto de 2.500 profesores despedidos, calquera persoa con título universitario foi invitada a ensinar a través do programa de profesores revolucionarios. Os voluntarios recibiron un curso de formación de 10 días antes de ser enviados a ensinar. Os resultados foron desastrosos.[41]
Pouco despois de alcanzar o poder, Sankara construíu un sistema de tribunais coñecido como Tribunais Revolucionarios do Pobo. Estes xulgados foron creados orixinalmente para levar a xuízo aos ex funcionarios do goberno anterior dun xeito directo no que os cidadáns burkinenses puidesen participar ou asistir aos procesos contra os inimigos da revolución.[41] Realizáronse xuíxos por corrupción, evasión fiscal e actividades "contrarrevolucionarias". As sentenzas dos antigos funcionarios do goberno eran leves e a miúdo foron suspendidas. Estes tribunais foron acusados de realizar só farsas abertas ao público.[46]
Formáronse centos de Comités de Defensa da Revolución (Comités de Défense de la Révolution), como organizacións de poboación armada. Os CDR foron creados como contrapeso ao poder do exército e para promover a revolución política e social. A idea foi tomada de Fidel Castro, cuxos Comités de Defensa da Revolución foron creados como unha forma de "vixilancia revolucionaria".
Os CDRs de Sankara superaron o seu poder, e foron acusados por algúns de comportarse ás veces como bandas de matóns. Algúns CDR inmiscuíanse na vida cotiá dos burkinenses e usaban o seu poder para resolver problemas persoais ou castigar aos inimigos. O propio Sankara sinalou publicamente o seu fracaso mentres outros culpaban a Sankara das accións individuais dos CDRs.[41] O fracaso dos CDR, xunto co fracaso do programa dos mestres revolucionarios, o desdén ás clases altas e medias, así como a firmeza de Sankara, provocaron que o réxime se debilitase parcialmente en Burkina Faso.[41]
A revolución e a liberación das mulleres van xuntas. Non falamos da emancipación das mulleres como un acto de caridade ou por unha onda de compaixón humana. É unha necesidade básica para o triunfo da revolución. As mulleres sosteñen a outra metade do ceo.Thomas Sankara[47]
Mellorar o status das mulleres na sociedade burkinense foi un dos obxectivos explícitos de Sankara, mencionándoo en segundo lugar nunha lista de prioridades nacionais, no discurso de orientación política de 1983. O seu goberno incluíu un gran número de mulleres, algo sen precedentes en África Occidental,[9] e fundouse un Ministerio da Muller.[48] Prohibiuse a mutilación xenital feminina, os matrimonios forzados e a poligamia, así como outros costumes antigos como o de que as viúvas debían casar cun irmán do seu difunto marido.[9] Tamén se nomeou a mulleres en altos cargos gobernamentais e se animou ás mulleres a traballar fóra da casa e asistir á escola aínda que estivesen embarazadas.[41]
Sankara tamén promoveu a contracepción e animou aos maridos a ir ao mercado e preparar a comida para experimentar por si mesmos as condicións ás que se enfrontan as mulleres.[48] Sankara recoñeceu os retos que enfrontaron as mulleres africanas cando deu o seu famoso discurso para celebrar o Día Internacional da Muller o 8 de marzo de 1987 en Uagadugú. Falou ante miles de mulleres nun discurso altamente político no que afirmou que a Revolución Burkinabé estaba "establencendo novas relacións sociais" que afectarían ás "relacións de autoridade entre homes e mulleres obrigando a repensar a natureza de ambos. A tarefa é formidable pero necesaria".[49]
Nos primeiros anos do goberno de Sankara, os esforzos contra a corrupción centráronse nos políticos e funcionarios do réxime anterior, que foron xulgados nos tribunais revolucionarios. Logo pasaron a actuar no propio goberno e os CDRs. En 1987, creouse a Comisión Popular para a Prevención da Corrupción (CPPC), cuxo maior propósito era recoller información sobre ingresos e posesións de todos os altos cargos, para comprobar se vivían por riba das súas posibilidades. Calquera anomalía sería enviada á policía e en caso de atopar indicios de delito, xulgada polos tribunais revolucionarios. O primeiro en pasar pola CPPC foi o propio Sankara, quen declarou posuír unha vivenda cunha hipoteca a medio pagar, dúas parcelas sen uso, un automóbil, varias bicicletas, un frigorífico, algúns útiles de cociña e varias guitarras. O seu salario mensual era de 136.736 francos CFA (equivalentes a 462$ daquel momento) e o da súa muller 193.690 CFA. En total a parella tiña no banco pouco máis de medio millón de francos. Tamén declarou que nas súas visitas ao estranxeiro recibira como regalos catro coches e 850 millóns de francos e que fora todo entregado ás arcas públicas.[50]
Con Thomas Sankara a política internacional de Burkina Faso deu un xiro, deixando claro dende o principio cal sería o seu rumbo: o goberno rompería coa política exterior ditada dende París; Burkina Faso, como país soberano, establecería relacións con calquera outro país que desexe; o CNR, mantendo o seu espírito revolucionario, apoiaría os pobos oprimidos e os seus movementos de liberación nacionais; e finalmente buscaría unha unión panafricana real, que segundo Sankara, só podería ser alcanzada mediante a acción dos pobos e gobernos africanos e non con simples declaracións pronunciadas ao final das reunións.[51]
Este enfoque internacionalista fixo que o país gañara novos aliados moi lonxe das súas fronteiras, pero tamén provocou desconfianza entre as capitais occidentais e entre os gobernos conservadores dalgúns dos seus veciños africanos,[51] sobre todo de Togo, Malí e Costa do Marfil, países moi próximos politicamente con Francia, e cos que houbo tensións durante todo o goberno de Sankara, chegando incluso a acusalo a el cando tiñan problemas coa oposición, como fixo o goberno de Togo en 1986, tras un intento de golpe de Estado. En maio de 1984 cancelouse unha visita que Sankara planeaba facer a Abidjan, porque Costa do Marfil temía o recibemento que Sankara podería ter. Finalmente a visita fíxose en febreiro do ano seguinte, pero á capital, Yamoussoukro, unha cidade moito máis pequena. Unhas horas antes da chegada do presidente burkinense, unha bomba estourou no hotel no que se ía aloxar. Aínda así, Sankara viaxou igualmente e foi recibido por aclamado por miles de marfileses e burkinenses emigrados.[52]
No seu discurso ante as Nacións Unidas de outubro de 1984, Sankara criticou a intervención militar francesa no Chad e pediu que a illa de Mayotte, baixo control francés, fora devolta ao goberno das Comores.[53][54] Tamén fixo unha defensa do pobo palestino fronte ao sionismo, defendeu a liberdade e independencia dos pobos nicaraguano, afgán, irlandés, granadino e timorense e denunciou o poder de veto do que gozan os cinco membros permanentes do consello de seguridade das Nacións Unidas. [53] Antes da viaxe aos Estados Unidos, a Casa Branca, púxose en contacto co goberno burkinense para coñecer a liña do discurso que daría nas Nacións Unidas e talvez, invitalo a unha reunión con Ronald Reagan. Tras ver o ton do discurso, non houbo invitación e prohibíuselle a Sankara viaxar a Atlanta, onde fora invitado polo alcalde, Andew Young.[55][54]
De camiño a Nova York, fixo unha parada en Cuba, país co que o ano anterior, sendo primeiro ministro, firmara un acordo de cooperación, polo que o país insular enviou unha pequena delegación de médicos, ademais de axuda en educación, agricultura e outros campos.[56] Alí, Fidel Castro condecorouno coa Orden José Martí.[57] De Cuba viaxou brevemente a Nicaragua, devolvendo a visita que Daniel Ortega fixera a Burkina Faso tres meses antes. En Nicaragua falou diante dunha multitude de 200.000 persoas, en nome de todas as delegacións estranxeiras, nun acto polo 25º aniversario da Fronte Sandinista de Liberación Nacional, que sete anos antes derrubara a ditadura de Anastasio Somoza. No discurso deu o seu apoio ao goberno sandinista, na súa loita fronte os contras, apoiados polos Estados Unidos.[56]
Como a súa visita estaba limitada a Nova York, dirixiuse a Harlem, onde falou, diante de miles de afroamericanos, sobre a revolución e contra o racismo e o imperialismo, afirmando que "a nosa Casa Branca é o Harlem negro".[58][59]
No seu obxectivo de non depender de Francia, buscou cooperación con novos países e firmou acordos co Canadá, Xapón e os Países Baixos.[60] Un mes despois do discurso da ONU, viaxou á China, coa que firmou acordos de cooperación. En 1986, realizou unha visita dunha semana á Unión Soviética, que xa suplira a Burkina Faso con equipamento agrícola e outros tipos de asistencia. Esa axuda da URSS non supuxo que Sankara non criticase a invasión soviética de Afganistán, cousa que fixo varias veces, igual que a cooperación coa Libia de Qadafi non evitou as críticas cara a ese país e a súa "mediocre axuda". [61]
Sankara non deixou de buscar a unión dos países africanos, aínda que sabía que esta non era de interese para moitos dos líderes do continente. Un dos puntos nos que máis esforzo puxo foi na loita pola liberdade de Suráfrica e Namibia.[56] Unha das primeiras medidas goberno de Sankara foi renomear unha das vías principais de Uagadugú como Avenida Nelson Mandela. Tamén se lle concedeu, de xeito simbólico, un pasaporte burkinense a Nelson Mandela e prohibiuse a venda de produtos surafricanos. Nunha reunión da OUA, Sankara ofreceu dez rifles a membros da ANC e a SWAPO. Cando algúns líderes comezaron a rir, Sankara explicou que dez rifles era un grande esforzo para un país tan pobre, pero que se todos os alí reunidos doaran dez rifles, habería 500 guerrilleiros surafricanos e namibios armados.[56]
Con todo, o país africano co que mellores relacións tivo foi coa Ghana de Jerry Rawlings, que tomara o poder pouco antes ca el, e que tiña as mesmas intencións revolucionarias e antiimperialistas.[62]
Noutras ocasións expresou o seu apoio aos movementos proindependencia do pobo kanaka, que buscaban poñer fin á administración francesa do territorio de Nova Caledonia,[51] e á República Árabe Saharauí Democrática, país ao que recoñeceu. En 1984, foi o primeiro xefe de Estado en vistar zonas do Sáhara Occidental controladas pola Fronte Polisario.[63]
En 1985, Burkina Faso organizou un censo xeral da poboación. Durante o proceso, algúns campamentos fula en Malí foron visitados por erro polos axentes do censo de Burkina Faso. O goberno de Malí afirmaba que o acto fora unha violación da súa soberanía na franxa de Agacher. Despois dos esforzos de Malí pedindo aos líderes africanos que presionasen a Sankara, as tensións estalaron o día de Nadal de 1985 nunha guerra que durou cinco días e na que morreron unhas 100 persoas (a maioría civís falecidos por unha bomba lanzada no mercado de Ouahigouya por un avión MiG de Malí).[64] O conflito é coñecido como a "Guerra de Nadal" en Burkina Faso.
O 15 de outubro de 1987, Sankara foi asasinado xunto a outros doce oficiais[65] por un grupo armado nun golpe de estado organizado polo seu antigo compañeiro Blaise Compaoré.[66] O empeoramento das relacións cos países veciños foi unha das razóns que deu Compaoré para xustificar o golpe, afirmando que Sankara puxo en perigo as relacións estranxeiras co ex-poder colonial de Francia e a veciña Costa do Marfil.[67]
Ese día, Sankara estaba reunido co seu equipo de asesores nas oficinas do vello Consello da Entente. Segundo Alouna Traoré, a única testemuña, sobre as 4 e media da tarde, escoitaron disparos no patio exterior. Tras escoitar os disparos, todos na sala se cubriron, excepto Sankara, que se levantou e pediulle aos demais que quedasen na sala: "é a min a quen buscan". Saíu coas mans en alto e recibiu varios disparos, morrendo sen dicir nada máis. Logo os asaltantes, todos con roupa militar, entraron na sala da reunión e mataron a todos os presentes, excepto a Alouna Traoré, que conseguiu recuperarse das súas feridas.[68]
Existen varias versións sobre quen estivo detrás do golpe, ademais de Compaoré, apuntando a maioría a unha participación dos gobernos de Francia e Costa do Marfil.[11] Segundo Prince Johnson, señor da guerra liberiano, el e Charles Taylor, outro señor da guerra e futuro presidente de Liberia, aliados naquel momento, tamén participaron no golpe. Segundo o seu testemuño, o goberno dos EEUU liberou a Taylor do cárcere para que fose a Liberia e derrocase a Samuel Doe, pero ao chegaren Taylor e Johnson a Burkina Faso, dixéronlles que debían unirse a un grupo de soldados burkinenses para derrocar tamén a Sankara.[69]
O corpo de Sankara foi desmembrado e soterrado mentres que a súa viúva Mariam e dous dos seus fillos fuxían do país. Compaoré reverteu inmediatamente as nacionalizacións, derrubou case todas as políticas de Sankara, volveu ao Fondo Monetario Internacional e ao Banco Mundial para conseguir fondos "que se precisaban desesperadamente" para restaurar a economía "esnaquizada" segundo as súas palabras[70] e, finalmente, rexeitou a maior parte do legado de Sankara. A ditadura de Compaoré mantívose no poder durante 27 anos ata que foi derrocado polas protestas populares en 2014.[71]
As peticións para que se investigase o asasinato foron sempre rexeitadas durante o goberno de Compaoré, pero tras a saída do poder deste, unha das primeiras medidas anunciadas polo presidente interino Michel Kafando o 21 de novembro de 2014, foi a autorización dunha investigación para identificar o corpo de Thomas Sankara.[72] O 26 de maio de 2015 comezaron os traballos de exhumación nas tumbas do cemiterio de Dagnoën en Uagadugú, onde Sankara e os seus colaboradores foron presuntamente enterrados. O traballo levárono a cabo tres médicos, un francés e dous burkinenses, en presenza dun representante do goberno de transición e un xuíz de instrución.[3] Realizáronse probas de ADN en Marsella aos corpos atopados. Os resultados das autopsias e as conclusións da comisión de investigación ían ser reveladas o 17 de setembro de 2015, pero un intento de golpe de Estado ese mesmo día, liderado por Gilbert Diendéré, retardou o proceso.[73]
O 14 de outubro de 2015, comunicouse o resultado das autopsias: foron executados con numerosos disparos, identificándose o uso de G3, kalashnikovs, pistolas automáticas e incluso granadas, armas pertencentes ao exército,[4] algo que xa se coñecía grazas ao testemuño de Alouna Traoré, único supervivente do masacre. Tamén se informou que o suposto corpo de Sankara, recibira 12 disparos no peito, nos brazos e nas pernas.[5]
O 21 de decembro de 2015, informouse que os resultados de ADN realizados en Marsella non eran concluíntes e non se podía identificar os corpos.[74] O mesmo día fíxose pública unha orde de arresto internacional contra Compaoré emitida o 4 de decembro,[75][76] pero Costa do Marfil, país no que se refuxia coa protección do presidente Alassane Ouattara,[10] e que lle concedeu a nacionalidade,[77] négase a extraditalo.
A familia de Sankara non se deu por vencida e, en 2016, os restos dos corpos chegaron a Santiago de Compostela, para ser analizados no Instituto de Ciencias Forenses "Luis Concheiro", da USC, fundado por Anxo Carracedo.[57] Tras aprazar dúas veces a entrega dos resultados, finalmente en xuño de 2017, anunciouse que tampouco ese laboratorio fora capaz de atopar ADN nos restos. [10][78]
O goberno de Sankara foi criticado por Amnistía Internacional e outras organizacións humanitarias internacionais por violacións dos dereitos humanos, incluíndo torturas e detencións arbitrarias de opositores políticos polos Comités de Defensa da Revolución. En 1984, sete individuos asociados ao réxime anterior foron acusados de traizón e executados tras un xuízo sumario. En marzo do mesmo ano, foron detidos os líderes do sindicato de profesores, próximo a un dos partidos do antigo réxime. Tras as detencións, os profesores foron á folga e 2500 acabaron despedidos dos seus postos,[79] aínda que varios centos foron restituídos de novo preto do final do goberno de Sankara.[80]
Os sindicatos apoiaron nun principio ao goberno revolucionario, pero pronto se puxeron na súa contra, denunciando o empeoramento das xa penosas condicións da clase traballadora. Segundo algúns autores isto podería explicarse polo feito de que esa clase traballadora e asalariada á que representaban os sindicatos era unha parte moi minoritaria da escasamente industrializada sociedade burkinense, mentres que os esforzos do goberno se concentraban en medidas favorábeis ao mundo rural e ao campesiñado, que supoñía a inmensa maioría dos habitantes do país.[79] O conflito empeorou en 1985, coa detención de máis líderes sindicais.
Os procedementos dos Tribunais Revolucionarios, especialmente as proteccións legais para os acusados, non se axustaban ás normas internacionais. Os acusados tiñan que demostrarse inocentes dos crimes dos que eran acusados[48] e non se lles permitía consultar ao seu avogado durante a sesión.[81]
Alcumado "Tom Sank", e considerado por algúns como o Che Guevara de África, os seus revolucionarios programas de autosuficiencia africana foron unha alternativa desafiante ás estratexias neoliberais impostas por Occidente, o que o transformaron nunha icona para moitos dos pobres de África. Porén, tiveron a oposición da pequena pero potente clase media de Burkina Faso, aos dirixentes tribais que foron desprovistos dos dereitos tradicionais de poderen obrigar ao traballo forzoso e ao pagamento de tributos, e, sobre todo, os intereses financeiros estranxeiros en Francia e o seu aliado, Costa do Marfil. Así, foi deposto e asasinado nun golpe de estado en 1987 que levou ao seu antigo compañeiro Blaise Campaoré ao poder.
Xunto ao seu carisma persoal, Sankara tivo unha serie de iniciativas orixinais que contribuíron á súa popularidade e atraeron certa atención dos medios internacionais ao seu goberno:
O Che Guevara ensinounos que nos poderiamos atrever a ter confianza en nós mesmos, a confiar nas nosas capacidades. Instounos a convencernos de que a loita é o noso único recurso. Era un cidadán do mundo libre que estamos construíndo xuntos. É por iso que dicimos que o Che Guevara tamén é africano e burkinense.Thomas Sankara[86]
Sankara, que é chamado a miúdo o "Che Guevara africano",[2][5][67][37] emulou a Ernesto Guevara, tanto en estilo como en esencia. Estilisticamente, usaban ambos uniforme militar e unha boina con estrela, vivían asceticamente, con poucas posesións e cun salario mínimo, unha vez asumido o poder. Ambos eran aliados de Fidel Castro (Sankara foi visitado por Castro en 1987, pouco antes de ser asasinado), falaban francés con fluidez, montaban habitualmente en motocicleta, e son coñecidos polo seu carisma co que motivaban aos seus seguidores. En canto ao esencial, Guevara e Sankara eran revolucionarios marxistas, que crían na revolución armada contra o imperialismo e o capitalismo monopolista, denunciaron o neocolonialismo financeiro ante as Nacións Unidas, realizaron campañas de reforma agraria e de alfabetización como partidos fundamentos das súas axendas e usaron os tribunais revolucionarios e o CDR contra os contrarrevolucionarios. Foron asasinados case coa mesma idade (38 Sankara e 39 o Che).
Casualmente Sankara deu un discurso para commemorar e homenaxear os 20 anos da execución do Che Guevara o 9 de outubro de 1967, unha semana antes do seu propio asasinato o 15 de outubro de 1987.[87]
África e o mundo aínda se teñen que recuperar do asasinato de Sankara. Así como aínda temos que recuperarnos da perda de Patrice Lumumba, Kwame Nkrumah, Eduardo Mondlane, Amílcar Cabral, Steve Biko, Samora Machel e máis recentemente John Garang, por citar só algúns. Aínda que as forzas malévolas non usaron os mesmos métodos para eliminar a cada un destes grandes panafricanistas, foron guiados polo mesmo motivo: manter África encadeada.António de Figueiredo
O legado de Thomas Sankara é enorme en África, e particularmente en Burkina Faso,[88]onde é visto como un símbolo de liberdade.[89] O seu rostro pode verse estampado en multitude de camisolas[90][91] e en murais de rúas africanas[92][93][94] e incluso europeas.[95]
Vinte anos despois do seu asasinato, o 15 de outubro de 2007, a figura de Thomas Sankara foi conmemorada en todo o mundo, en varias cerimonias que tiveron lugar en Burkina Faso, Malí, Senegal, Níxer, Tanzania, Burundi, Francia, Canadá e nos EUA.[84]
Thomas Sankara estivo moi presente nos discursos da mocidade e das e dos activistas que lideraron as protestas de 2014 en Burkina Faso e que puxeron fin aos 27 anos no poder de Blaise Compaoré.[89][96] Na actualidade existen varios partidos "sankaristas" que se consideran herdeiros do seu pensamento.[97][98][99]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.