Sergei Koroliov
Enxeñeiro de foguetes soviético e deseñador de naves espaciais (1907-1966) / From Wikipedia, the free encyclopedia
Serguei Pávlovich Koroliov (en ruso: Серге́й Па́влович Королёв, ás veces transcrito como Koroliev; en ucraíno: Сергі́й Па́влович Корольо́в, Serhí Pávlovich Koroliov),[1] nado en Zhitómir o 30 de decembro de 1906 (calendario xuliano) e finado en Moscova o 14 de xaneiro de 1966, foi un enxeñeiro soviético de orixe ucraína, considerado o pai da cosmonáutica soviética.[2]
Comezou a traballar co equipo de Andréi Túpolev deseñando avións de combate a partir de 1940. Durante a segunda guerra mundial tamén traballou no desenvolvemento do lanzafoguetes "Katiuixa". Os aspectos relacionados co programa espacial soviético durante a Guerra fría eran considerados segredo de Estado. Deste xeito, Koroliov foi un personaxe descoñecido até a súa morte, malia ser unha peza importante deste programa.
O foguete espacial R-7 foi deseñado no seu taller para uso militar, do que se fixo unha versión civil, o Semiorka. O 4 de outubro de 1957 lanzou o primeiro satélite artificial, Sputnik-1 (a palabra rusa "sputnik" ("спутник") aquí significa "satélite"). Este foguete foi o que permitiu que Iuri Gagarin se convertese na primeira persoa en chegar ao espazo dentro do programa Vostok. Pouco tempo despois este foguete lanzou a primeira nave Soiuz, moi semellante ás que aínda transportan astronautas á Estación Espacial Internacional (ISS).
Koroliov morreu tras unha operación cirúrxica e as súas cinzas foron espalladas polas paredes do Kremlin. O presidente Vladimir Putin rendeulle homenaxe o 12 de xaneiro de 2007, con motivo do centenario do seu nacemento.