torneo deportivo internacional From Wikipedia, the free encyclopedia
A Copa do Mundo da FIFA, tamén coñecida como Campionato Mundial de Fútbol ou Mundial de Fútbol, é un torneo internacional de fútbol, organizado cada catro anos pola FIFA. O torneo conta con dúas fases principais, un proceso clasificatorio onde os países compiten agrupados por diferentes confederacións continentais, chegando na edición de 2010 a 204 participantes, e unha fase final nunha sede designada pola organización na que participan 32 seleccións nun período aproximado dun mes.
Nome na lingua orixinal | (en) FIFA World Cup |
---|---|
Tipo | competición internacional de seleccións de fútbol |
Organizador | FIFA |
Localización e Datas | |
Vixencia | 1930 – |
Período de ocorrencia | 4 (1930–valor descoñecido) |
Outro | |
Cancelo | #FIFAWorldCup |
Páxina web oficial | fifa.com… |
A primeira edición do Mundial organizouse en 1930 no Uruguai, coa vitoria da selección anfitrioa, e dende entón foi celebrado cada catro anos coa excepción de 1942 e 1946 debido á segunda guerra mundial. A selección do Brasil é a selección que acadou máis títulos mundiais até o momento, con cinco, sendo tamén a única que participou en tódalas edicións. Trala selección brasileira sitúanse Alemaña e Italia, con catro títulos cada unha, a Arxentina, o Uruguai e Francia con dous e, cun só título, Inglaterra e España.
O torneo presenta unha forte dominación dos equipos europeos e suramericanos: os primeiros gañaron o título en 12 ocasións, mentres que os segundos en nove. Ademais tan só dous equipos doutras confederacións xeográficas teñen chegado ás semifinais: os Estados Unidos en 1930 e Corea do Sur en 2002. Ademais, o Brasil (en 1958 e 2002), España (en 2010) e Alemaña (en 2014) foron até o momento os únicos equipos que conseguiron gañar fóra do seu continente. A fase final da Copa do Mundo é o evento dunha soa disciplina máis seguido do mundo (a edición de 2002 foi vista por máis de 1.100 millóns de espectadores), e o segundo máis seguido en xeral tan só por detrás dos Xogos Olímpicos de Verán.
O primeiro amigable internacional de Fútbol foi xogado en 1872, entre Inglaterra e Escocia, nun momento en que este deporte era raramente practicado fóra de Gran Bretaña. No final do século XIX o fútbol comezou a gañar máis adeptos, e por iso se tornou en deporte de demostración (sen disputa de medallas) nos Xogos Olímpicos de 1900 e 1904, ata se converter en competición oficial nos Xogos Olímpicos de 1908. Organizado pola Football Association, era un evento para xogadores non profesionais, e na época non foi considerado unha competición, mais si un mero espectáculo. A selección non profesional da Inglaterra foi a campioa nas dúas edicións, 1908 e 1912.
En 1914 a FIFA recoñeceu o torneo olímpico como unha "competición global de fútbol non profesional", tomando para si a responsabilidade de organizalo. Así, na edición de 1924 enfrontáronse equipos de varios continentes. O Uruguai foi o campión nas dúas edicións, 1924 e 1928. O 28 de maio de 1928 a FIFA tomou a decisión de organizar a competición por separado, polo que deixou de ser un deporte olímpico. Para celebrar o centenario da independencia do Uruguai en 1930 foi decidido que a sede da competición sería no país suramericano, no mesmo ano.
Só trece seleccións participaron na primeira Copa, sete da América Latina (o Uruguai, a Arxentina, Bolivia, o Brasil, Chile, Paraguai e o Perú), catro da Europa (Bélxica, Francia, Iugoslavia e Romanía) e dúas da América do Norte (México e Estados Unidos). Moitas seleccións europeas acabaron desistindo da competición debido á longa e cansada viaxe polo océano Atlántico.
Os dous primeiros partidos da Copa disputáronse simultaneamente, sendo vencidos por Francia e os Estados Unidos, que gañaron a México por 4-1 e a Bélxica por 3-0, respectivamente. O primeiro gol nunha Copa do Mundo foi marcado polo xogador francés Lucien Laurent. A final foi disputada entre o Uruguai e a Arxentina, gañando os uruguaios por 4-2, no Estadio Centenario de Montevideo, cun público estimado de 93.000 espectadores. O máximo goleador deste torneo foi o arxentino Guillermo Stábile.
Os problemas que atopaban as primeiras edicións do torneo eran as dificultades da época para unha viaxe intercontinental. Nas Copas de 1934 e 1938, xogadas en Europa, houbo unha pequena participación dos países suramericanos. Só a selección brasileira estivo presente nesas dúas edicións. As edicións de 1942 e 1946 foron canceladas debido á segunda guerra mundial.
O Mundial de Fútbol Brasil 1950 foi o primeiro en ter participantes británicos. Estes retiráranse da FIFA en 1920, pois rexeitaban xogar con países cos que recentemente estiveran en guerra e por unha protesta da influencia estranxeira no fútbol, ao considerar que dito deporte, unha invención británica, estaba sendo deturpado polo modo de xogar estranxeiro. A pesar disto, volveron ser membros da FIFA en 1946. O torneo tamén contou coa volta da participación do Uruguai, que boicoteara as dúas edición anteriores.
Entre as edicións de 1934 e 1978 a fase final do torneo era disputada por 16 seleccións (agás nos raros casos onde se retiraron algunhas seleccións). A maioría era da América Latina e Europa, cunha pequena minoría de África, Asia e Oceanía. Esas seleccións normalmente non pasaban da primeira fase, sendo facilmente derrotadas (coa excepción de Corea do Norte, que chegou ata os cuartos de final en 1966).
A fase final foi expandida ata 24 seleccións en 1982, e ata 32 en 1998, permitindo que máis seleccións de África, Asia e América do Norte puidesen participar. Nos seguintes anos eses novos participantes acadaron mellores posicións, como o Camerún, que chegou ata os cuartos de final en 1990 e Corea do Sur, Senegal e Estados Unidos, que fixeron o mesmo en 2002, alcanzando Corea o cuarto lugar.
De 1930 a 1970 ao campión entregábaselle a Copa Jules Rimet. Inicialmente coñecida como Copa do Mundo ou Coupe du Monde (en francés), foi renomeada en 1946 en homenaxe ao presidente da FIFA responsable da primeira edición do torneo, en 1930. En 1970, coa terceira vitoria da selección brasileira, esta gañou o dereito a ter en posesión permanente o trofeo. Con todo, este foi roubado da sede da CBF en decembro de 1983, e nunca foi atopado. Crese que os ladróns o teñan derretido.
Despois de 1970 creouse un novo trofeo, chamado Copa do Mundo FIFA. A diferenza do Trofeo Jules Rimet este non se entrega permanentemente a ningunha selección, independentemente do número de títulos. A Arxentina, Alemaña, o Brasil e Italia son os que máis veces acadaron o trofeo. Este so será cambiado ata que a placa no seu pé sexa totalmente enchida cos nomes dos campións de cada edición, o que non ocorrerá ata 2038.
Desde o Mundial de 1966 cada edición conta cunha mascota oficial.[1] A primeira da historia foi World Cup Willie, un león futbolista vestido cunha camisola da bandeira do Reino Unido.[2] Catro anos máis tarde, en 1970, a mascota foi Juanito, un neno cun chapeu típico de México, escrito coas palabras "MÉXICO 70" e vestido coas cores da selección mexicana.[2] En 1974, as mascotas alemás occidentais foron Tip e Tap, dous cativo cos brazos no ombro doutro, un deles cunha camisola onde se le "WM" e na doutro "74".[2] Na Copa de 1978, na Arxentina elixiuse ata o de agora a última mascota humana, Gauchito, un meniño gaucho cun chapeu que contiña "ARGENTINA '78", un pano e un rebenque, que tamén aparecía na camisola da selección arxentina e botas de fútbol[2]
A mascota do Mundial de 1982, foi Naranjito,[3] unha laranxa con faciana humanizada, cun balón e usando botas.[2] En 1986, a mascota foi Pique, unha especie de pemento, cun chapeu mariachi e un balón no seu pé dereito. En1990, a mascota foi un obxecto de deseño, Ciao, que representou un futbolista coa cabeza en forma de balón de fútbol e corpo con barras que contiñan as cores do país. Os Estados Unidos volveron á mascota animal para a Copa de 1994, Striker era un can vestido coas cores da bandeira dos Estados Unidos cunha camisola na que aparecía escrito "USA 94". Para a Copa do Mundo de 1998, os organizadores escolleron un galo azul chamado Footix, coas palabras "FRANCE 98" no seu peito. En 2002, o Xapón e Corea do Sur escolleron as mascotas Ato, Kaz e Nik, inspirados no manga[4]. No Mundial de Fútbol de 2006 o escollido foi Goleo VI, un león peluche, vestido cunha camisola branca co número 06 deseñado na fronte, sempre ao lado da súa compañeira, Pille, unha pelota falante. A mascota da Copa do Mundo de 2010 foi Zakumi, un leopardo de cabelos verdes, vestido cunha camisola branca coas letras "SOUTH AFRICA 2010" e pantalóns verde. O seu nome procede de "ZA", abreviación internacional para Suráfrica e "kumi", unha palabra que significa "dez" en varias linguas do país, en referencia ao ano do Mundial[5]. Para o Mundial Brasil 2014 elixiuse a Fuleco, unha mascota con forma dunha especie de armadillo vunerable endémica do nordés do Brasil.
Dende a segunda edición do torneo, e 1934, as eliminatorias teñen sido feitas para diminuír o tamaño da fase final. Estas son disputadas nas seis zonas continentais da FIFA (África, Asia, América do Norte e América Central e Caribe, Europa, Oceanía e América do Sur) organizadas polas súas respectivas confederacións. Antes de cada edición do torneo a FIFA decide cantas prazas terán dereito por cada confederación, tendo en conta factores como número de seleccións nacionais e forza de cada confederación. A presión por cada confederación por ter máis prazas tamén acostuma ser bastante común.
As eliminatorias poden comezar tres anos antes da fase final, e duran un pouco máis de dous anos. O formato de cada eliminatoria difire de acordo con cada confederación. Normalmente unha ou dúas prazas son reservadas para os gañadores de play-offs intercontinentais. Por exemplo, o campión da eliminatoria da |Oceanía e o quinto colocado da América do Sur disputaran un play-off para decidir quen ficaría coa praza da fase final 2006.
Dende o mundial de 1938 ata o mundial 2002, o campión era automaticamente clasificado para a próxima Copa, sen precisar pasar polas eliminatorias das súas confederacións. Porén, a partir da edición de 2002 o campión é obrigado a clasificarse normalmente como calquera outra selección. O Brasil, vencedor en 2002, foi o primeiro campión a ter que disputar unha eliminatoria para a Copa seguinte.
A selección do país anfitrión queda exenta igualmente da disputa destas eliminatorias. No mundial de 2002, as seleccións de Corea do Sur e Xapón foron clasificadas directamente.
A fase final do torneo ten 32 seleccións competindo por un mes no país anfitrión. A fase final é dividida en dúas fases: a fase de grupos e a fase de eliminatorias.
Na primeira fase (grupos) as seleccións son colocadas en oito grupos de catro participantes. Oito seleccións son cabeza de serie de cada grupo (as seleccións consideradas máis fortes) e as outras son sorteadas. Desde 1998 o sorteo é feito evitando que máis dúas seleccións europeas e máis dunha selección da mesma confederación fiquen no mesmo grupo. Na fase de grupos cada selección xoga unha partida contra as seleccións de seu grupo, e as dúas que máis puntuaran se clasifican para a fase de eliminatoria. Desde 1994 a vitoria nun partido vale tres puntos, o empate un e a derrota ningún. Antes, cada vitoria valía dous puntos.
A fase seguinte é unha fase de eliminación rápida. Cada selección xoga unicamente un partido en cada división da fase (oitavos de final, cuartos de final, semi-final e final) e o vencedor pasa para a próxima eliminatoria. En caso de empate no tempo normal o xogo é levado para a prórroga e en caso de empate da mesma hai a disputa de penaltis. As dúas seleccións eliminadas da semi-final fan un partido antes da final para decidir o terceiro e cuarto lugar.
Nas primeiras edicións as sedes era foron escollidas en encontros nos congresos da FIFA. As designacións eran sempre polémicas debido á longa viaxe da América do Sur a Europa (e viceversa), as dúas grandes potencias futbolísticas da época (e aínda hoxe). A decisión da primeira Copa de ser no Uruguai, por exemplo, levou a participación de soamente catro seleccións europeas. As dúas Copas seguintes foron na Europa. A decisión de designa-la sede de Francia fora outra grande polémica, xa que os países americanos desexaban un sistema rotativo de sedes. Ou sexa, unha edición na Europa e a seguinte na América do Sur. Como o de 1934 fora na Italia, a sede da edición de 1938 tería que ser teoricamente na América do Sur, o que de feito non ocorreu. Iso fixo que tanto o Uruguai e a Arxentina boicoteasen o torneo. Despois da segunda guerra mundial para evitar calquera tipo de boicot ou controversia a FIFA adoptou a rotación das sedes entre América e Europa, que foi usado ata o 1998. A edición de 2002, que tivo como sede tanto Xapón como Corea do Sur foi a primeira sede fora deses dous continentes. Xa a edición de 2010 será a primeira na África, en Suráfrica.
En 2003 foi decidido que no 2014 será na América Latina. Ningún país a non se-lo Brasil manifestou interese pola candidatura. O país, de feito, foi sinalado por moitos veciños continentais como a única opción viable para a sede do torneo no continente.
O sistema de elección da sede evolucionou ao longo dos tempos, sendo hoxe escollido polo comité executivo da FIFA, seis anos antes da Copa.
A primeira Copa do mundo a ser televisada foi a edición de 1954. Hoxe o evento é a competición deportiva máis seguida en todo o mundo, pasando os Xogos Olímpicos. A audiencia total de 2002 foi estimada en 28.800 millóns de telespectadores, dos que 1.100 millóns presenciaron a final. O sorteo, que decidiu a distribución das seleccións nos grupos, foi visto por máis de 300 millóns de persoas. Cada Copa do mundo ten como símbolo unha mascota. Willie foi a primeira, en 1966. As mascotas de 2006 son Goleo, un león, e Pille, unha bola de fútbol.
En cada Copa do mundo polo menos unha selección participa na competición por primeira vez:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.