Remove ads
orquestra con sede na Coruña From Wikipedia, the free encyclopedia
A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) foi creada en 1992 polo concello da Coruña e ten a súa sede no Palacio da Ópera. Dende a tempada 2013-14, o director español Roberto González-Monjas ocupa o cargo de director musical da orquestra coruñesa, mentres que o burgalés Víctor Pablo Pérez ocupa o posto de director honorario logo de vinte anos á fronte da orquestra herculina. A OSG ofrece unha tempada sinfónica de concertos anual e adoita participar na Tempada Lírica da Coruña, tamén ten participado nos principais festivais de música clásica da cidade herculina, como os desaparecidos Festival Mozart e o Festival de Ópera da Coruña, foi a orquestra residente do Festival Rossini de Pesaro (Italia) entre 2003 e 2005, e ten sido a orquestra acompañante no Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol en varias ocasións.[1][2][3][4]
Ensaio da orquestra e coro da OSG. | |
Alcume | OSG |
---|---|
País | Galicia |
Cidade | A Coruña |
Teatro | Palacio da Ópera |
Anos de actividade | Dende 1992 |
Tipo de formación | Orquestra sinfónica |
Xénero | Música sinfónica, ópera |
Enderezo | Palacio da Ópera 15004 A Coruña |
Fundador | Concello da Coruña |
Membros actuais | Roberto González-Monjas (director) Víctor Pablo Pérez (director honorario) |
Circunstancias de creación | 1992 |
Efectivo | ~90 músicos |
Distincións honoríficas | Premio da Cultura Galega |
Sitio web | Sitio web oficial |
Levou a cabo xiras por Alemaña e Austria, e ofreceu concertos nas mellores salas e ciclos de concertos de España. En 2007 realizou a súa primeira xira por Suramérica, que a levou a escenarios de Chile, a Arxentina, o Brasil e o Uruguai, mentres que a finais de 2009 se presentou no famoso Musikverein de Viena. En 2007 foi nomeada para os Premios Grammy.
A Orquestra Sinfónica de Galicia creou, á súa vez, o Coro da OSG, a Orquestra de Cámara, a OSG Camerata, a Orquestra Nova da OSG, os Nenos Cantores da OSG, o Coro Novo da OSG e o proxecto social ABANCA ReSuena.
A cidade da Coruña contou coa primeira orquestra sinfónica en Galicia no século XIX cando en 1847 a Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos creou a súa propia orquestra.[5] A esta orquestra seguírona diversas agrupacións orquestrais, como a Agrupación de Instrumentos de Arco, creada en 1916 co apoio da Sociedade Filharmónica da Coruña e que se converteu na Orquestra Filharmónica Coruñesa en 1934. A actual Orquestra Sinfónica de Galicia ocupou o espazo que ata a súa creación cubriran a Orquestra da Coruña dirixida por Rogelio Groba en 1972 primeiro, e a súa sucesora, a Orquesta de Cámara Municipal, fundada tan só dez anos despois da anterior.[6]
A Sinfónica de Galicia xurdiu por iniciativa do daquela alcalde da Coruña Francisco Vázquez logo da súa visita á cidade estadounidense de Baltimore no ano no que a Baltimore Symphony Orchestra celebraba o seu 50 aniversario, xurdindo deste xeito a idea de crear unha grande orquestra seguindo o modelo doutras cidades europeas para facer da Coruña un referente musical. O primeiro paso na creación da orquestra foi a construción da súa sede actual, o Palacio da Ópera da Coruña.[7] Logo dun proceso selectivo no que participaron 968 músicos de todo o mundo, foron seleccionados 75 profesores (37 mulleres e 38 homes) procedentes de Alemaña, Irlanda, os Estados Unidos, a China, o Canadá, Francia, a República Checa, Rusia, Islandia, Romanía, Polonia, Bélxica e o Reino Unido.[8] Sabas Calvillo foi nomeado director titular da nova orquestra,[9] mentres que o compostelán Maximino Zumalave foi o principal director convidado e Rogelio Groba o compositor asociado da agrupación coruñesa.[10]
O 4 de maio de 1992 a orquestra realizou o seu primeiro ensaio no Palacio da Ópera, e o día 15 dese mesmo mes ofreceu o seu primeiro concerto nun Palacio da Ópera cheo e coa presenza no palco de autoridades de, entre outros, o alcalde herculino Francisco Vázquez e o daquela presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga.[7][8] Neste primeiro concerto, baixo a dirección de Sabas Calvillo, a OSG interpretou na primeira parte Ultreia de Rogelio Groba[a] e o Concerto para violonchelo de Dvořák interpretado por Mischa Maisky,[b] e na segunda Espacio de espejo de Tomás Marco[c] e Cadros dunha exposición de Musorgskii, ás que seguiron varias propinas de Mozart, Vives, Giménez, Soutullo e Vert.[11]
Víctor Pablo Pérez foi o seu director titular dende 1993 logo de diversos problemas xurdidos na institución e que levaron a un cambio de director despois de menos dun ano da súa creación. O director burgalés estivo á fronte da orquestra ata a tempada 2012-13.[12]
En 1995, con Víctor Pablo Pérez, a Orquestra Sinfónica de Galicia realizou a súa primeira xira internacional, que a levou aos escenarios de Alemaña e Austria, tocando no emblemático Konzerthaus de Viena. En 1998 regresou aos escenarios xermanos cunha nova xira que a levou, xunto co Orfeón Donostriarra a Hamburgo, Colonia, Hannover ou Düsseldorf, entre outras cidades alemás.[13] Ese mesmo ano naceu na Coruña o Festival Mozart, do cal a OSG foi a súa orquestra residente ata a súa derradeira edición en 2014. A OSG tamén foi a orquestra residente do Festival Rossini de Pesaro dende 2003 até 2005.[12]
En 1998 a OSG creou o Coro da OSG, que debutou nun concerto coa daquela denominada Escola de Práctica Orquestral da OSG (na actualidade Orquestra Nova da OSG) o 21 de marzo dese mesmo ano baixo a dirección de James Ross.[14]
En 2003, a OSG foi convidada a participar como orquestra residente do Festival Rossini en Pesaro (Italia) da man do director artístico do festival, o director italiano Alberto Zedda. A orquestra coruñesa debutou coa representación de Semiramide de Gioachino Rossini no programa inicial no que participaron Darina Takova, Daniela Barcellona, Gregory Kunde e Ildar Abrazakov, e participou tamén na produción de Il viaggio a Reims, na que participaron cantantes noveis.[15]
En 2007 realizou unha xira por América do Sur, visitando entre outros países a Arxentina, onde recibiu o Premio da Crítica Arxentina polos dous concertos que ofreceu en Buenos Aires,[13] ademais na xira que comezou no Teatro Municipal de Santiago de Chile o 30 de setembro, a OSG visitou a cidade brasileira de São Paulo, onde ademais de ofrecer tres concertos, varios instrumentistas da orquestra coruñesa deron clases maxistrais ao alumnado do Instituto Baccarelli, que atende mozas e mozos sen recursos económicos na favela de Heliópolis, unha das máis perigosas do Brasil na época.[16] Ese mesmo ano foi nomeada para os Premios Grammy pola súa gravación Concierto barroco xunto co guitarrista cubano Manuel Barrueco para o selo EMI Classics. En decembro do ano seguinte a OSG abriu a súa canle na plataforma YouTube, que en 2018 contaba con preto de 20 000 subscritores, e cuxo vídeo da interpretación de Scheherezade de Nikolai Rimskii-Korsakov baixo a dirección de Leif Segerstam en 2015, na que se incluíron berros da orquestra e do propio Segerstam no movemento final, tiña en 2018 case medio millón de visualizacións. En 2009 unha nova xira por Europa central levou á OSG ao escenario da Musikverein de Viena.[13][17][18][19]
En 2010 recibiu o Premio da Cultura Galega de Música na súa primeira edición «pola súa traxectoria vencellada á creación, consolidación e expansión da música galega, dentro da comunidade e no exterior»,[20] logo de ser proposta pola Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e membros do xurado.[21] Ese mesmo ano, o 11 de setembro acompañou, baixo a batuta do irlandés David Brophy, o gaiteiro galego Carlos Núñez xunto co grupo irlandés The Chieftains na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela no marco do festival Camiño da Música do Xacobeo 2010, no que foi o primeiro concerto sinfónico do gaiteiro en Galicia.[22]
No inicio da tempada 2011-12 a orquestra realizou unha pequena xira de dous concertos coa violinista alemá Anne-Sophie Mutter nas cidades de Madrid e Oviedo coincidindo co 35º aniversario do seu debut no Festival de Lucerna, tocando o concerto para violín de Dvorák e a Sexta Sinfonía de Bruckner baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez.[23]
En 2012 a OSG e o Concello da Coruña presentaron a primeira edición do Festival Jazzatlantica, un festival que se prolongou dende o 31 de outubro ao 11 de decembro e que naceu para achegar o mundo do jazz á cidadanía.[24] O 28 de decembro dese mesmo ano falecía repentinamente Simon Levey, principal de percusión e timbaleiro da orquestra coruñesa; a súa morte marcou o concerto de Nadal, que a orquestra lle adicou, como Víctor Pablo anunciou por megafonía dende o podio antes do seu comezo, e abrindo o concerto coa música de Negra sombra de Xoán Montes.[25][26] Era a primeira morte dunha das persoas integrantes da orquestra na súa curta historia. Outros dous músicos da OSG falecidos foron o violoncelista David Ethève, o 9 de decembro de 2016,[27][28] e Petur Eiriksson, trombonista baixo principal.[29][30][31]
Co final da primeira década do século XXI a OSG comezou a experimentar importantes recortes no seu orzamento que chegaron superar o 20%. Para facer fronte á situación reduciu a asignación económica do Festival Mozart, cunha diminución no número de concertos ou óperas.[32] De feito en cinco anos o Consorcio para a Promoción da Música chegou perder case un terzo do seu orzamento total ao reducírense as achegas tanto das institucións públicas como dos patrocinadores privados, afectados pola crise económica, pasando dun orzamento total de 13,6 millóns de euros en 2009 a 9,1 millóns de euros en 2013.[d] Para compensar esta situación a orquestra coruñesa decidiu incrementar o número de concertos da tempada, especialmente na cidade de Vigo grazas a un acordo coa Fundación Novacaixagalicia pola cal a OSG podería ofrecer concertos no Teatro García Barbón da cidade olívica.[33] Con todo, 2013 foi un ano importante para a OSG ao entrar no catálogo do selo alemán Deutsche Grammophon coa gravación da zarzuela Cádiz de Chueca e Valverde, baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez.[34]
O 2 de novembro de 2012 Dima Slobodeniouk debutou á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia cun concerto no Palacio da Ópera da Coruña. O 13 de febreiro de 2013 foi presentado polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira, como director titular da OSG, sucedendo no cargo a Víctor Pablo Pérez.[35][36] O nomeamento de Slobodeniouk pola orquestra galega supuxo un impulso á presenza da OSG no ámbito internacional, así como unha aposta pola renovación do repertorio e a captación de novos públicos.[37] O 4 de outubro de 2013, inaugurando a tempada 2013-14, dirixiu o seu primeiro concerto como titular da orquestra coruñesa cun programa no que se escoitaron a Sinfonía clásica de Sergei Prokofev e a Fantasía en dó maior de Robert Schumann coa violinista norueguesa Vilde Frang na primeira parte, e a Sinfonía fantástica de Hector Berlioz na segunda.[38] En setembro de 2013 a orquestra participou no derradeiro Festival de Ópera da Coruña, interpretando Lucia di Lammermoor de Donizetti e Tristan und Isolde de Wagner en versión de concerto,[39] o ano seguinte o festival foi substituído por unha tempada lírica anual de setembro a xuño con representacións operísticas, recitais e outras actividades, na que participou a orquestra herculina.[40]
En 2014 a entidade presentou o proxecto social ReSuena, que comezou a súa actividade no Centro Cívico de Monte Alto,[41] e que o ano seguinte ampliou a súa actividade ao CEIP Alborada logo do acordo de patrocinio asinado coa entidade bancaria ABANCA.[42]
Os días 21 e 22 de xuño de 2014 estreouse no Palacio da Ópera da Coruña o espectáculo Torre de Breoghán, unha colaboración co grupo folk coruñés Luar na Lubre, con arranxos de Nani García e dirección musical de Diego García, e que foi rexistrado nun dobre CD e DVD. O líder do grupo, Bieito Romero, definiu o proxecto como:[43][44]
“ | ... soño cumprido, un proxecto inspirado na historia da nosa cidade cunha das mellores orquestras españolas e europeas. Trátase de ofrecer calidade a través da maridaxe dos referentes galegos a nivel musical. | ” |
En 2015 a OSG tivo que facer fronte a unha redución orzamentaria ao deixar de percibir do Concello da Coruña 550 000 €.[45] Esta delicada situación económica motivou a suspensión da Tempada Lírica coruñesa en xaneiro de 2016 ao non recibir a organización a subvención da Deputación da Coruña, tempada na que a OSG estrearía na Coruña a ópera de Richard Strauss Salomé, Der fliegende Holländer de Richard Wagner e West Side Story de Leonard Bernstein, aínda que finalmente as tres administracións involucradas fixeron unha achega económica que, xunto a outras achegas, permitiron desenvolver unha programación de calidade, aínda que a actividade reduciuse ao período entre os meses de setembro de decembro.[46][47]
Con todo, en 2016 a orquestra realizou unha nova xira internacional, desta volta con dous concertos en Abu Zabi (Emiratos Árabes Unidos). A OSG tocou baixo a dirección de Dima Slobodeniouk acompañando ao pianista español Javier Perianes, primeiro no Emirate Palace Auditorium de Abu Zabi o día 13 de xaneiro e o día 14 do mesmo mes no Forte Al Jahili - Al Jain dentro do festival Abu Dhabi Classics. A invitación para participar no prestixioso festival chegou logo de que a organización escoitara gravacións da orquestra en Internet.[48]
Na tempada 2016-17 a Orquestra Sinfónica de Galicia celebrou o seu 25º aniversario cunha tempada de 36 concertos de abono (25 de «abono venres» e 11 de «abono sábado»), incluídos dous concertos especiais os días 15 e 17 de maio de 2017 coincidindo co 25 aniversario do primeiro concerto da agrupación.[49] No primeiro concerto do ano 2017 dedicoulle un emocionado homenaxe a David Ethève, que foi o seu violoncello principal desde a fundación da orquestra en 1992 até a súa morte, o 9 de decembro de 2016.[50]
En 2018 fíxose público que Slobodeniouk renovaría o ano seguinte por tres anos máis, ampliando a súa vinculación coa orquestra herculina ata o ano 2022, unha renovación que coincidiu coa consolidación internacional do director ruso logo de debutar con destacadas orquestras como a Berliner Philharmoniker, e tendo como obxectivo a orquestra coruñesa o traballo discográfico e a realización de xiras nacionais e internacionais.[51] A tempada 2018-19 cerrouse cun incremento do 3% na asistencia de público nos concertos do Palacio da Ópera da Coruña, rexistrando un total de 43 574 persoas na tempada e superando os 47 000 subscritores na súa canle de YouTube.[52]
O 8 de marzo de 2019 falecía na Coruña o trombonista Petur Eiriksson, un dos membros fundadores da orquestra vítima dun cancro, converténdose no terceiro membro en exercicio falecido da orquestra.[53]
En xuño de 2019 presentou a nova tempada 2019-20, na que a orquestra herculina ofreceu un total de 36 concertos de abono e no que culminaría o ciclo de Shostakovich que iniciara na tempada precedente. Tamén realizaría varias estreas en España e Europa, amais de manter a presenza nas principais cidades galegas con concertos en Santiago, Ferrol, Lugo, Vigo, Pontevedra e Ourense en colaboración coas Sociedades Filharmónicas de Ferrol, Lugo, Pontevedra e Vigo, así como coa Sociedade Filharmónica da Coruña, colaborando con ela no ciclo de música de cámara no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.[52] Con todo a tempada estivo marcada pola delicada situación económica que a institución arrastraba dende 2011 debido ao incumprimento por parte da Xunta de Galicia do convenio de colaboración asinado coa OSG o 28 de decembro de 2004 e polo cal o goberno galego se comprometía a cofinanciar a institución con tres millóns de euros anuais, pasando a achegar entre os 358 000€ e 859 000€, o que xerou unha débeda de 5 159 266 euros coa entidade herculina en xaneiro de 2020. A situación económica provocou a cancelación de encontros da Oquestra Nova e puxo en perigo os coros e os proxectos pedagóxicos da entidade.[54]
En marzo de 2020, co estalido da pandemia de COVID-19 a orquestra anunciou a cancelación de todos os seus ensaios e concertos, así como das súas agrupacións infantís e os conxuntos corais, dende o 13 ata o 29 dese mes.[55] Con todo, a declaración do estado de alarma motivou que o 12 de abril dese mesmo ano a OSG emitira un comunicado no que anunciaba a suspensión de todas as súas actividades,[56] así como dos seus procesos selectivos.[57] A actividade concertística da orquestra non se retomou ata o 1 de xullo de 2020, cando ofreceu no Palacio da Ópera o seu primeiro concerto público logo do estado de alarma, un concerto por invitación dirixido por Dima Slobodeniouk e ao que asistiron mecenas e persoas que renunciaron á devolución do importe do seu abono coa cancelación da programación a mediados de marzo.[58]
Para a tempada 2020-21 a OSG anunciou o cambio na súa sede, que pasou a ser o Coliseum da Coruña e a tempada desenvolveuse en colaboración co Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). Deste xeito a orquestra garantía a aplicación das medidas de distanciamento impostas ante a pandemia, tanto entre o persoal como entre o público, converténdose na única de España en poder realizar concertos con todo o elenco mantendo as distancias de seguridade.[59][60] Para conseguilo construíuse un escenario dotado cunha cuncha acústica cunha boca de 24 metros, un fondo de 16 e nove de altura, que foi valorada positivamente por integrantes da orquestra, que valoraron poder escoitarse mutuamente mellor no so seu escenario habitual no Palacio da Ópera a pesar da distancia. Para inaugurar o novo escenario a OSG gravou un concerto a porta pechada para a súa canle de YouTube[60] O primeiro concerto da OSG no novo recinto celebrouse o 5 de setembro dese mesmo ano.[61]
Esa tempada a OSG creou o Proxecto 2020(21), no que ata 11 grupos de cámara con integrantes da propia orquestra estrearon 20 obras encargadas a 20 compositores galegos, cubrindo case a totalidade das tendencias, estéticas e xeracións da creación galega actual. Ademais a Orquestra Nova volveu á actividade presencial con encontros en agosto e xaneiro.[59] A tempada pechouse no Coliseum cun concerto no que se xuntaron a OSG e a súa orquestra infantil baixo a batuta de Dima Slobodeniouk no que se interpretaron obras de Ralph Vaughan Williams e Wolfgang Amadeus Mozart e supuxo o concerto celebración do décimo aniversario da agrupación infantil.[62] Dous meses despois a OSG volveu actuar lonxe da Coruña ao participar de novo na "Quincena Musical" en Donostia, onde ofreceu un dobre programa os días 19 de 20 de agosto.[63]
A tempada 2021-22 iniciouse coa nova da marcha do director titular da formación, Dima Slobodeniouk, en 2022. Para celebrar a que foi a súa 30ª tempada, a orquestra coruñesa presentou unha programación con 20 obras de repertorio novo, o que supuña un 40% da programación, entre elas seis estreas absolutas con catro versións orquestrais de cancións de Alma Mahler, obra de Jorma Panula.[64]
O primeiro director da orquestra herculina foi Sabas Calvillo, aínda que por problemas xurdidos na institución este foi substituído meses máis tarde por Víctor Pablo Pérez, quen exerceu de director titular durante vinte anos, converténdose na persoa que dirixiu a orquestra durante máis tempo na súa historia.[12] En 2013 o director ruso residente en Finlandia Dima Slobodeniouk foi nomeado director titular da OSG,[65] pasando Víctor Pablo a ser o seu director honorario.[66] Slobodeniouk permaneceu na OSG ata o verán de 2022.[67] Logo de anunciar que durante a tempada 2022-23 a orquestra non contaría cun director titular, en outubro de 2022 anunciose que o violinista e director Roberto González-Monjas pasaría a dirixir a formación coruñesa dende a tempada 2023-24 logo dun período de transición.[68]
O primeiro principal director invitado da orquestra foi o compostelán Maximino Zumalave, que desempeñou este papel dende a fundación da OSG en 1992 ata 1995.[69] Entre 2010 e 2013 o principal director invitado da orquestra foi o galardoado co Premio Príncipe de Asturias das Artes Jesús López Cobos, quen colaborou ininterrompidamente coa orquestra coruñesa dende o ano 2000.[70][71]
Para a tempada 2019-20, a Orquestra Sinfónica de Galicia presentou a novidade da figura do director asociado, posto que ocupará o principal de percusión José Trigueros, quen foi gañador da clase maxistral impartida por Dima Slobodeniouk.[72]
Dende o seu primeiro concerto, a Orquestra Sinfónica de Galicia ten tocado con algúns dos intérpretes máis recoñecidos tanto a nivel internacional como nacional. O primeiro solista en actuar coa orquestra foi o violonchelista Mischa Maisky para substituír a pianista arxentina Martha Argerich.[11] Outras destacadas personalidades da interpretación musical que actuaron como solistas coa orquestra coruñesa foron a violinista Anne-Sophie Mutter, o tenor Juan Diego Flórez, o guitarrista Kaori Muraji, o violonchelista Antônio Meneses, o guitarrista Manuel Barrueco, a soprano María Bayo, o tenor Plácido Domingo, o barítono Juan Pons, a contralto Ewa Podleś,[73] o pianista de jazz Michel Camilo,[74] ou o gaiteiro galego Carlos Núñez entre outras.
Entre os directores de orquestra que teñen dirixido a OSG salientan Gustavo Dudamel,[75] Lorin Maazel,[76] Leonard Slatkin,[74] Peter Maag,[73] Eliahu Inbal,[77] Hannu Lintu,[78] ou Leif Segerstam, así como o compositor polonés Krzysztof Penderecki entre outros.[79]
O Coro da OSG naceu no ano 1998 e ese mesmo ano debutou nun concerto coa daquela denominada Escola de Práctica Orquestral da OSG (na actualidade Orquestra Nova da OSG) o 21 de marzo baixo a dirección de James Ross. Dende a súa creación está dirixido por Joan Company, que ocupa tamén o posto de director artístico do proxecto coral da orquestra herculina. O Coro da OSG ten participado no Festival Mozart, o Festival de Ópera da Coruña, entre outros festivais e ciclos de concertos. A primeira xira internacional da agrupación tivo lugar en 2003, con concertos nas cidades portuguesas de Porto e Lisboa.[14][e]
Ao longo da súa historia téñense creado dúas orquestras de cámara formadas por integrantes da OSG:
A Orquestra de Cámara da OSG foi a primeira orquestra de pequenas dimensións xurdida na Orquestra Sinfónica de Galicia. Creada en 1995 para interpretar música para pequena orquestra que a OSG non pode cubrir na súa programación, o seu director é o violinista italiano Massimo Spadano, concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia. O repertorio da Orquestra de Cámara da OSG céntrase principalmente na música do Barroco e o Clasicismo, con interpretacións que procuran achegarse aos estilos interpretativos destes dous períodos.[80]
En 2013 comezou a súa andaina a OSG Camerata cun concerto en Oviedo. Dirixida polo compositor e viola da Orquestra Sinfónica de Galicia Wladimir Rosinskij, o seu obxectivo é a difusión da música para pequena orquestra de todas as épocas. Trátase dunha agrupación estable formada integramente por cordas, salientando a presenza de músicos dos primeiros atrís da sinfónica coruñesa.[81][82]
Son Futuro é o nome do proxecto educativo desenvolvido pola OSG, integrado pola Orquestra Nova da OSG, o Coro Novo, a Orquestra de Nenos e os Nenos Cantores.[70] Ademais o proxecto busca a difusión da música entre o estudantado a través de concertos didácticos con concertos con programas musicais adaptados,[83] ou os «concertos en familia».[84]
A Orquestra Nova creouse en 1994 para completar a formación musical de mozas e mozos instrumentistas participando en concertos sinfónicos e óperas, chegando a participar como orquestra de foso no Festival Mozart da cidade herculina baixo a batuta do director italiano Alberto Zedda, ou colaborando coa OSG na interpretación da Oitava Sinfonía de Mahler. Ao longo da súa historia ten tocado en Madrid, Donostia, Murcia, Valencia, entre outras cidades galegas e españolas. A actividade da OJSG céntrase en tres encontros orquestrais anuais, e ofrece clases cos músicos da OSG ou clases maxistrais con solistas. O seu director académico é o percusionista da OSG Alejandro Sanz Redondo, mentres que o director artístico é o italiano Pietro Rizzo.[85]
A Orquestra de Nenos naceu en decembro de 2010, cando se realizaron as probas de selección en Culleredo, no Conservatorio profesional de música Xan Viaño de Ferrol, e na Escola Municipal de Música da Coruña. O debut da formación, integrada exclusivamente por cordas, tivo lugar poucos meses despois, en abril de 2011. Está integrada por 83 nenas e nenos de idades comprendidas entre os 6 e os 15 anos e os seus directores son os violinistas Jorge Montes e Enrique Iglesias Precedo.[86][87]
O nacemento dos Nenos Cantores da OSG remóntase ao ano 2000, cando fixeron a súa presentación interpretando a Terceira Sinfonía de Mahler xunto coa OSG e a dirección de Víctor Pablo Pérez. Dende a súa fundación ten cantado coa Sinfónica de Galicia, tanto repertorio sinfónico como operístico, e ten dado concertos a capella en distintos puntos da xeografía galega e española. Dende a súa creación está dirixido por José Luis Vázquez e integrado por 50 nenas e nenos de idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos.[88]
Creado en 2005, o Coro Xove foi o último dos proxectos vocais de Son Futuro. Consta de 35 integrantes de idades comprendidas entre os 13 e os 21 anos. A parte de realizar concertos en solitario en distintos puntos da xerografía galega, o Coro Xove ten colaborado tamén en concertos co Coro e a Sinfónica de Galicia, e en 2017, co gallo do Día das Letras Galegas cantou coa Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Maximino Zumalave, e dende 2015 participa xunto cunha banda de rock nas Festas de María Pita. Actualmente o seu director é Daniel García Artés, sendo dirixido con anterioridade por José Antonio García Mato, Fernando López Briones e José Ramón Rodríguez Castellanos.[89]
En 2014 a OSG iniciou a orquestra ReSuena, un proxecto de integración social que en 2019 contaba con máis 200 integrantes. O proxecto iniciado no Centro Cívico de Monte Alto expandiuse tan só un ano despois coa apertura dun novo núcleo no CEIP Alborada logo do acordo de patrocinio asinado coa entidade bancaria ABANCA. Ademais da orquestra, o proxecto conta cun coro e un Coro de Mans Brancas que desenvolve a súa actividade no Colexio de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, traballando na integración de nenas e nenos con síndrome de Down, xordeira e outras particularidades de diversidade funcional.[42][90]
O 13 de abril de 2016 o proxecto recibiu o Segundo Premio Excelencia á cultura nun acto celebrado no Auditorio Nacional de Música de Madrid.[91]
Na tempada 2018-19 o proxecto estaba integrado por 20 profesoras e profesores e contaba con Diego Zecharies como director artístico.[92]
O repertorio da Orquestra Sinfónica de Galicia abrangue a música dende o Barroco ata a música contemporánea, pasando por outros xéneros como a música de cine ou o pop. Nos dez primeiros anos de existencia da orquestra os dez compositores máis interpretados foron Dvorák, Wagner, Shostakovich, Richard Strauss, Falla, Schubert, Chaikovskii, Brahms, Beethoven e especialmente Mozart, que con 157 interpretacións foi o compositor máis tocado pola orquestra nos seus inicios.[93] A OSG tamén programa frecuentemente concertos con solistas destacados, salientando os concertos escritos para piano e para violín, que foron os instrumentos solistas para os que máis música se programou nos inicios da orquestra, seguidos polo violonchelo.[94]
Amais da música sinfónica, a orquestra interpreta tamén frecuentemente ópera e zarzuela, tendo sido orquestra residente do Festival Rossini en Pésaro (Italia) e participando cada ano na Tempada Lírica coruñesa, herdeira dos antigos Festival de Ópera da Coruña e Festival Mozart. Nos seus dez primeiros anos de historia os compositores operísticos máis interpretados pola orquestra foron Verdi, Puccini e Mozart, todos eles nos dous festivais coruñeses que coexistiron nos primeiros anos de existencia da OSG, mentres que os compositores de zarzuela máis interpretados no mesmo período foron Chapí e Chueca.[95]
Dende os seus inicios a OSG ten desenvolvido un importante labor de recuperación e posta en valor da obra de personalidades da composición galegas mediante a inclusión das súas composicións nos seus programas anuais,[93] dando a coñecer música galega abandonada e esquecida durante décadas dentro e fóra de Galicia, en palabras de María Pilar Alén:[97]
“ | Resulta chamativa a falta de referencias á música e aos músicos galegos en enciclopedias, dicionarios e estudos máis especializados no curso deste século. | ” |
— María Pilar Alén |
Xa no primeiro concerto da súa historia a orquestra coruñesa incluíu a composición de Rogelio Groba Ultreia.[11] De todas as personalidades galegas, Andrés Gaos foi a que máis relevancia acadou na programación da orquestra nos seus dez primeiros anos de historia, gozando dunha presenza regular e frecuente no repertorio neste período segundo sinala Aránzazu García Escudero, quen contabilizou un total de 26 interpretacións de cinco obras distintas do compositor herculino,[98] salientando a estrea da súa ópera Amor vedado en 2009. Ademais a OSG rexistrou tamén a integral da obra sinfónica de Gaos en CD, favorecendo a edición das súas partituras, aínda que non foi o único compositor galego cuxa obra rexistrou a orquestra herculina, gravando tamén obras de Manuel Balboa Rodríguez e Enrique Macías Alonso.[99]
A maior parte das obras de personalidades galegas interpretadas nos dez primeiros anos de existencia da orquestra foran escritas por compositores nados no século XX. De feito dos 18 compositores galegos interpretados entre 1992 e 2002, nove naceron a mediados do século XX. O repertorio galego da orquestra presenta trazos ben diferenciados que van desde as referencias á música popular ata o universalismo con tendencia a linguaxes máis modernas.[100]
A OSG ten realizado numerosas estreas, tanto mundiais como españolas. Entre as estreas españolas están, entre outras moitas, varias composicións de mulleres que tiveron lugar nos derradeiros anos da década de 2010 como o Concerto para violín da compositora finlandesa Kaija Saariaho,[101] o Triple concierto de Sofia Gubaidulina,[102] ou o Concerto para orquestra de Jennifer Higdon.[103]
A seguinte táboa amosa algunhas das estreas mundiais realizadas pola Orquestra Sinfónica de Galicia:
Tempada | Data | Compositor | Composición | Director |
---|---|---|---|---|
2007–08 | 11-01-2008 | Wladimir Rosinskij | Cello Concerto | Tuomas Ollila-Hannikainen[104] |
04-04-2008 | Joam Trillo | Festa na lembrança | Rubén Gimeno[105] | |
2008–09 | 13-03-2009 | Sergio Moure de Oteyza | Admonitum | Víctor Pablo Pérez[106] |
16-04-2009 | Eduardo Soutullo | They Hear no Answering Strain | Josep Pons[107] | |
24-04-2009 | Antoni Ernest Sebastià | Angelus Novus[f] | José Ramón Encinar[109] | |
2009–10 | 12-11-2009 | Fernando Alonso | Suite latinoamericana | Miguel Harth-Bedoya[110] |
18-02-2010 | Juan Vara | Noche más allá de la noche | Pablo González[111] | |
23-04-2010 | Tomás Marco | Sinfonía núm. 9 'Thalassa'[g] | Víctor Pablo Pérez[112] | |
2010–11 | 26-11-2010 | Eligio Vila | Rapsodia arousá[h] | Víctor Pablo Pérez[113] |
17-06-2011 | Octavio Vázquez | Ewiges blaues licht[i] | Víctor Pablo Pérez[114] | |
2011–12 | 04-11-2011 | Fernando Alonso | Diálogos en la penumbra | Pietro Rizzo[115] |
11-11-2011 | David Vayo | Wellspring[j] | Michal Nesterowicz[116] | |
17-11-2011 | Fernando Buide | Lingua de escuma | Miguel Harth-Bedoya[117] | |
2012–13 | 19-10-2012 | Federico Mosquera | Tres movimientos sinfónicos | Víctor Pablo Pérez[118][119] |
26-10-2012 | Eligio Vila | Meditaciones Sinfónicas (abertura) | Guillermo García Calvo[119] | |
25-01-2013 | Wladimir Rosinskij | Taimyr | Pietro Rizzo[119] | |
01-02-2013 | Javier Martínez Campos | Cliffs of Moher[k] | Josep Pons[119] | |
2014–15 | 26-09-2014 | Fernando Buide | Fragmentos del Satiricón[l] | Dima Slobodeniouk[41] |
2016–17 | 13-01-2017 | Xabier Mariño | Paisaxes escuras | Ivan Volkov[120] |
03-02-2017 | Wladimir Rosinskij | Concerto misterio para violonchelo, contrabaixo, orquestra sinfónica e electrónica en tres momentos[m] | Dima Slobodeniouk[49] | |
10-02-2017 | Federico Mosquera | Concerto para tuba | José Trigueros[49] | |
17-03-2017 | Juan Durán | Troula | Víctor Pablo Pérez[49] | |
07-04-2017 | Eduardo Lorenzo | Liquid image[n] | Dima Slobodeniouk[49] | |
2018–19 | 22-11-2018 | Alain Bernaud | FagKonzert | Dima Slobodeniouk[122] |
04-04-2019 | Manuel Martínez-Burgos | Daivat[o] | Nuno Coelho[122] | |
06-06-2019 | Gabriel Bussi | La tribuna[p] | Josep Pons[123] |
A Orquestra Sinfónica de Galicia ten realizado diversos concertos con música de cine, tanto no Palacio da Ópera como nos tradicionais concertos na Praza de María Pita.[124] Ademais ten participado na gravación de bandas sonoras para distintos filmes.
O Palacio da Ópera coruñés acolleu en 2001 as sesións de gravación da banda sonora de Sei quen es, composta por José Nieto, que acabaría sendo a gañadora na XV edición dos Premios Goya na categoría de mellor música orixinal.[125] Pouco despois, no ano 2004, a Orquestra Sinfónica de Galicia entrou de novo no estudio de gravación baixo a dirección de Carlo Gianni para rexistrar a música composta polo compositor arxentino Lucio Godoy para o filme Heroína de Gerardo Herrero.[126] Tan só un ano despois a orquestra coruñesa participou na gravación de tres temas de Arturo Kress para o filme de animación O soño dunha noite de San Xoán.[127]
En 2006 gravou a banda sonora do filme de Miguelanxo Prado De profundis, cuxa estrea tivo lugar no Palacio da Ópera da Coruña coa música composta por Nani García interpretada en directo pola orquestra herculina o 18 de outubro dese mesmo ano.[128] A banda sonora de De profundis contou coa voz da soprano vasca Ainhoa Arteta, que participou na gravación xunto coa orquestra galega.[129]
En 2012 gravou a banda sonora do filme de Daniel Calparsoro Invasor, con música de Lucas Vidal.[130] Tres anos despois rexistrou a música de O descoñecido, de Daniel de la Torre, con música orixinal de Manu Riveiro.[131] Máis recentemente, en 2018, rexistrou xunto con Ainhoa Arteta a banda sonora de A sombra da lei, tamén de Daniel de la Torre e música do galego Manuel Riveiro e o catalán Xavi Font,[132] que foi nomeada para a XXXIII edición dos Premios Goya na categoría de mellor música orixinal.[133]
Na súa discografía para selos coma EMI, Decca, Deutsche Grammophon, Sony, BIS Koch, Naïve, BMG e Arts figuran nomes coma os de Peter Maag, Antônio Meneses, Manuel Barrueco (con quen foi proposta para o premio Grammy no 2007 polo mellor álbum clásico do ano), María Bayo, Plácido Domingo, Juan Pons ou Ewa Podles entre outros.[137][138]
O primeiro rexistro discográfico da Sinfónica de Galicia data de 1994 con obras do compositor coruñés Andrés Gaos baixo a dirección do daquela director titular da orquestra herculina Víctor Pablo Pérez e co violinista Ondrej Lewit, que foi editado polo selo Arte Nova Classics.[139][140]
En 2007 foi nomeada para o Grammy á mellor gravación de música clásica por Concierto barroco xunto co guitarrista cubano Manuel Barrueco para o selo EMI Classics.[13]
En 2013 a OSG entrou no catálogo do selo alemán Deutsche Grammophon co patrocinio da Fundación Caja Madrid, coa gravación da zarzuela Cádiz de Chueca e Valverde, con Isabel Rey, José Bros, Ana Ibarra, Carlos Bergasa, Emilio Sánchez, Luis Álvarez, Sonia Gancedo, Victoria Marchante, Gonzalo Burgos, Francisco Santiago, e o Coro da Comunidade de Madrid baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez.[34]
No mes de abril de 2017 a OSG gravou no Palacio da Ópera da Coruña con obras para violín de Igor Stravinskii co violinista Ilya Gringolts e a batuta de Dima Slobodeniouk co selo sueco BIS Records.[138]
A Orquestra Sinfónica de Galicia está xestionada directamente polo Consorcio para a Promoción da Música, un organismo dependente do Concello da Coruña cuxa finalidade é a de promover todo tipo de actividades musicais e no que a persoa que ostenta a súa presidencia sempre é a mesma titular da alcaldía da cidade herculina.[141][142]
Dende a súa formación seis persoas ocuparon o posto de xerente da orquestra, o primeiro foi Juan Bosco, que axiña sería substituído por Enrique Rojas, que chegaría xunto con Víctor Pablo Pérez procedentes da Orquestra Sinfónica de Tenerife.[143] Andrés Lacasa é o xerente da institución dende 2011, sendo ademais a persoa que máis tempo estivo á fronte da orquestra herculina.
A Orquestra Sinfónica de Galicia finánciase principalmente con fondos públicos, sendo o investimento aproximado por parte do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia do 70% do presuposto total da orquestra, mentres que o 30% restante é achegado por patrocinadores privados.[7] En 2019 a orquestra coruñesa contou cunha achega máxima por parte da Deputación da Coruña de 1,5 millóns de euros, o que supuxo o 74,627% do presuposto da orquestra. As achegas da Deputación son realizadas atendendo á actividade da OSG na provincia, cubrindo as actividades que os distintos proxectos realizan nela, tanto a propia OSG (incluíndo a tempada na Coruña e concertos noutras cidades da provincia) como as orquestras nova e de nenos, os distintos coros, e as actividades pedagóxicas na provincia.[148]
Amais do investimento público, a OSG finánciase con fondos privados. Na tempada 2019-20 conta co patrocinio da Fundación Repsol, Gadis, EMALCSA e ABANCA.[149] Tamén conta co patrocinio de persoas que realizan achegas filantrópicas como amigas, colaboradoras ou benefactoras a cambio dunha serie de beneficios en función da achega económica realizada.[150]
A Orquestra Sinfónica de Galicia conta cunha importante masa social, pasando de 500 persoas abonadas a 2 500 nos seus primeiros vinte anos de existencia.[32]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.