O indie rock é un subxénero do rock alternativo aparecido no Reino Unido e nos Estados Unidos nos anos 80. O significado do termo "indie rock" é discutido aínda hoxe en día por moitos músicos, seareiros e xornalistas. Principalmente o termo úsase para describir calquera tipo de rock producido por artistas que traballan con selos discográficos independentes e salas underground, que apareceron nos Estados Unidos e noutros lugares nos anos 80 e 90. Outros ven ao indie rock como un xénero propio dentro do rock cunha estética específica, e danlle menos importancia ao contexto no que apareceu. Moitos adoptan os dous significados do termo, crendo que a estética do xénero e a súa filosofía de produción están profundamente entrelazados.
Indie rock | |
---|---|
Orixe musical | rock alternativo, post-punk, New Wave |
Orixe cultural | principios dos 80 no Reino Unido, os Estados Unidos e o Canadá |
Instrumentos típicos | guitarra, baixo, batería, teclados, voces |
Subxéneros | |
garage punk, riot grrrl, twee pop, emo, grindie, post-punk revival, noise pop, dance-punk, New Weird América, baroque pop, garage rock revival, lo-fi, sadcore, C86, math rock | |
Os artistas do indie rock son coñecidos por procurar manter o control completo da súa música e as súas carreiras, editando álbums en discográficas independentes e confiando nas xiras, no boca a boca, na emisións dos seus temas en radios universitarias ou independentes e, en anos máis recentes, na promoción a través de Internet.
Porén, nos anos 2000 moitos artistas cun estilo musical definido como "indie" asinaron con grandes discográficas ou as súas subsidiarias, e comezaron a promocionarse a través de medios de comunicación máis tradicionais. Isto deu lugar a unha nova confusión no significado do termo. O éxito comercial desa escena estivo liderada por catro bandas: The Strokes, The White Stripes, The Hives e The Vines. O emo tamén chegou ao mainstream a principios dos anos 2000.[1]
Características
O termo indie rock, que vén de "independente", describe aos selos pequenos e de presuposto relativamente baixo nos que é editada este tipo de música e á actitude DIY das bandas e artistas involucrados. Aínda que os contratos de distribución normalmente se realizan con grandes compañías corporativas, estes selos e os grupos que albergan intentaron manter a súa autonomía, deixándoos libres para explorar sons, emocións e temas cun atractivo limitado para as grandes audiencias do mainstream.[2] As influencias e estilos dos artistas do xénero son extremadamente diversas, e inclúen o punk, a psicodelia, o post-punk e o country.[3] Os termos "rock alternativo" e "indie rock" foron termos intercambiables nos anos 80, pero despois de que moitas bandas alternativas seguisen a Nirvana no seu éxito cara ao mainstream a principios dos 90, o termo "indie rock" comezou a ser usado para describir a esas banda, que traballando en distintos estilos, non perseguían ou non acadaron o éxito comercial.[2] En termos de estética, o indie rock caracterízase por un coidadoso equilibrio de accesibilidade pop con noise, experimentación con fórmulas da música pop, letras sensibles enmascaradas por posturas irónicas, unha preocupación sobre a "autenticidade" e a representación dun rapaz ou rapaza sinxelo.[4]
Allmusic identifica o indie rock como unha serie de diferentes enfoques musicais non compatibles cos gustos mainstream.[2] Unido por unha ética máis que por un enfoque musical, o movemento indie rock abarcou unha ampla gama de estilos, dende as bandas máis duras influenciadas polo grunge, pasando por grupos DIY experimentais como Pavement, ata cantantes punk-folk como Ani DiFranco.[5] De feito, hai unha lista eterna de xéneros e subxéneros do indie rock.[6] Moitos países desenvolveron unha extensa escena indie local, florecendo con bandas coa suficiente popularidade como para sobrevivir dentro dos seus respectivos países, pero sendo virtualmente descoñecidas fóra deles. Porén, aínda hai bandas indie que comezan localmente e conseguen chegar a un público internacional.[7][8]
O indie rock destaca por ter unha proporción relativamente alta de artistas femininas en comparación con anteriores xéneros do rock, unha tendencia exemplificada no desenvolvemento da música feminista riot grrrl de artistas como Bikini Kill, Bratmobile, 7 Year Bitch, Team Dresch e Huggy Bear.[9] Porén, Cortney Harding sinalou que este sentido de igualidade non se ve reflectido no número de mulleres que dirixen selos independentes.[10]
Grupos musicais
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.