banda de rock From Wikipedia, the free encyclopedia
Blur é unha banda de rock formada no ano 1989 en Londres. A súa formación estivo composta por Damon Albarn (voz), Graham Coxon (guitarra), Alex James (baixo) e Dave Rowntree (batería). Graham Coxon abandonou a banda en 2002 antes da saída do seu último álbum polo momento, Think Tank. Despois dunha xira sen Coxon no 2003, a banda non volveu gravar nin realizou máis directos, adicándose os seus membros a distintos proxectos por separado.
Blur | |
---|---|
Orixe | Londres, Inglaterra |
Período | 1989 - 2003 2009 - presente |
Xénero(s) | rock alternativo, britpop, indie rock |
Selo(s) discográfico(s) | Food Records |
Membros | Damon Albarn Alex James Dave Rowntree Graham Coxon |
Na rede | |
páxina oficial | |
No ano 2009 Blur volvería a reunirse, con Coxon tamén na formación, realizando unha serie de exitosos concertos. Nos anos seguintes publicaron varios sinxelos e recompilatorios, e xiraron internacionalmente. En 2012 o grupo recibiu un premio Brit pola súa destacada contribución á música. O día 27 de abril de 2015 Blur publicou o seu primeiro álbum en 12 anos, The Magic Whip.
Blur naceu a finais dos anos 80 baixo o nome de Seymour cunha sonoridade non moi distante a das bandas que dominaban a escena británica da época. Era unha mestura do rock psicódelico e danzante de The Stone Roses e afíns coas guitarras e a introspección de bandas como My Bloody Valentine, que facía o estilo "shoegazer" (unha postura tímida no escenario que se caracteriza pola case inercia dos integrantes, que moitas veces mal encaraban o público e mantiñan o ollar para abaixo, de aí "shoegazer"). Pero co devir da súa carreira Blur desenvolveu o seu propio estilo, rescatando elementos da música británica, e liderou unha verdadeira renovación no rock inglés, o chamado britpop, reafirmándose como unha das máis importantes bandas da década.
Formado por Damon Albarn, Graham Coxon, Alex James e Dave Rowntree, a traxectoria do grupo comezou co nome Seymour en 1989. Despois dalgúns concertos e da primeira demo, a banda asinou coa discográfica Food Records, unha subsidiaria da EMI. A única esixencia da discográfica foi o cambio do nome da banda, eles ofreceron unha lista de onde foi escollido o nome Blur'. Xa como Blur, a banda parte para unha pequena xira por Inglaterra, rematando en xullo de 1990 en Londres. Cando esta rematou, Blur entrou no estudio para gravar algunhas cancións, de onde saíron tres para o sinxelo She's So High, lanzado en outubro.
She's So High tivo un éxito relativo nas listas, chegando ao número 48 en Inglaterra, facendo que a banda entrase novamente en xira. A segunda sesión de gravacións faise en decembro. As gravacións foron bastante problemáticas nun principio, as dúas cancións escollidas para seren o segundo sinxelo, "Close" e "Bad Day" non funcionaban. A salvación chegou co nome de Stephen Street, produtor bastante coñecido polo seu traballo con The Smiths, e máis tarde, por traballar co propio Blur e con The Cranberries. Stephen vira o vídeo de "She's So High" na televisión e amosou interese por traballar con Blur. Con Stephen Street son gravadas dúas cancións máis, "Come Together" e "There's no Other Way", que acabou sendo o segundo sinxelo, lanzado en abril de 1991.
Desta vez, a crítica rendeuse a Blur, a canción gaña as radios, a banda preséntase no famoso programa Top of the Pops da BBC por primeira vez, e "There's no Other Way" acaba chegando ao número 8 nas listas. En xullo comezan as gravacións do primeiro álbum, tamén con Stephen Street. O disco foi intitulado Leisure e contaba coas cancións dos dous primeiros sinxelos.
O álbum foi lanzado en agosto en Inglaterra, e unhas semanas máis tarde nos Estados Unidos pola discográfica SBK. Debido ao éxito de "There's No Other Way", o disco chegou á sétima posición da lista inglesa, pero a reacción da crítica xa non foi a mesma. Leisure foi moi comparado ás outras bandas da época, como Soup Dragons, Jesus Jones e Inspiral Carpets, mentres algúns críticos afirmaban que o son da banda era "fabricado".
Entre os integrantes da banda, o descontento coa sonoridade de Leisure foi aínda maior e Blur pasaría a concentrarse na reinvención da súa música. En setembro eles xa estaban no estudio e durante un concerto en outubro presentaron por primeira vez a innovadora "Popscene", claramente un paso adiante do material gravado en Leisure.
Pero pouco a pouco, o interese dos volubles medios británicos xa non estaba con Blur. A principios de 1992 só se falaba de Suede en Inglaterra. O son de Suede, inspirado no glam rock de David Bowie na década dos 70, impresionou a todos, mentres Blur aínda era asociado ao rock psicodélico post-Stone Roses, un movemento que morría pouco a pouco.
En marzo é lanzado o sinxelo de "Popscene". Hoxe en día é considerado un clásico, e segundo moitos foi o inicio de britpop, aínda que no seu momento non se lle prestou moita atención. Pero o prestixio estaba decaendo debido a algúns malos concertos, con algúns dos seus membros completamente embriagados no escenario. O sinxelo non pasou do número 32 nas listas.
Para empeorar as cousas en xuño a banda partiu para unha humillante xira de 44 concertos nos Estados Unidos. Na época Nirvana estaba en auxe cun son moi distinto ao de Blur, que foi ignorado en varios deses concertos. De volta a Inglaterra en agosto, a Food Records ameazou con despedir a banda, que despois dun tempo parada, retornou en outubro para iniciar as gravacións do seu segundo álbum. Inicialmente a banda traballou co produtor Andy Patridge (ex-integrante da banda XTC), pero o resultado foi desastroso. De casualidade, o guitarrista Graham Coxon atopouse con Stephen Street durante un concerto de The Cranberries. Stephen amosou interese en traballar de novo con Blur e en novembro as gravacións recomezaron. No mes seguinte, a banda presentou o novo disco á discográfica que rexeitou o material alegando que non había ningún hit.
En Nadal, Damon Albarn compuxo "For Tomorrow" e a Food estaba lista para lanzar o álbum. Porén a SBK, discográfica da banda nos Estados Unidos, insistía en que non había ningún hit potencial para o mercado estadounidense. Entón Blur volveu ao estudio e gravou "Chemical World". O disco estaba listo para ser lanzado en abril cando a SBK lle pediu a banda que regravase todo o disco co produtor Butch Vig (Nirvana, The Smashing Pumpkins, Sonic Youth). Desta vez a banda negouse e Modern Life is Rubbish foi lanzado en Inglaterra en maio.
"For Tomorrow", o primeiro sinxelo do novo disco, chegou ao número 28 e o álbum non pasou do número 15, a pesar de que as críticas foron razoablemente positivas. Blur presentaba un son completamente renovado e distante de calquera comparación con outras bandas da época. O novo Blur relembraba influencias de bandas dos anos 60, principalmente The Kinks, volvendo ao rescate de elementos esencialmente ingleses. Como compositor, Damon Albarn distanciábase completamente do "shoegazing" dos primeiros tempos, con letras e temáticas máis directas con varias referencias e comentarios sobre a sociedade británica.
O segundo sinxelo, "Chemical World" chegou ao número 15. A banda volveu ás xiras e fixo unha presentación durante o Reading Festival. O interese por Blur volvía a medrar e en agosto, apenas tres meses despois do lanzamento de Modern Life Is Rubbish, a banda comezou a compoñer cancións para o seu terceiro disco.
En outubro foi lanzado o último sinxelo de Modern Life is Rubbish, "Sunday Sunday", e en decembro a banda entrou no estudio novamente. No mes seguinte, o novo disco xa estaba listo.
En febreiro foi lanzado o sinxelo de "Girls & Boys", como unha previa do novo álbum Parklife. O sinxelo tivo un enorme éxito e abriu o camiño para o lanzamento do álbum en abril, o primeiro de Blur en chegar ao número 1 en Inglaterra. Parklife estivo máis dun ano entre os 20 máis vendidos no Reino Unido e tivo tres hits máis, "To The End", "Parklife" (que contaba coa participación de Phil Daniels, o actor da ópera-rock de The Who Quadrophenia) e "End of a Century".
A finais de ano, Parklife era escollido como o mellor disco do ano por varias revistas. En xaneiro de 1995 a banda recibe os premios de mellor banda, mellor disco, mellor sinxelo e mellor vídeo no Brit Awards (o equivalente inglés aos Grammy). Blur definitivamente era a banda número un de Inglaterra, e os seus integrantes, principalmente Damon, convertéronse en celebridades.
O éxito de Blur abriu o camiño para unha serie de bandas como Pulp, Supergrass, Elastica e principalmente de Oasis. Oasis tivo un excelente ano en 1994 cando lanzou o seu disco de estrea Definitely Maybe e se converteu nunha das bandas máis prometedoras de Inglaterra; o suficiente para que os medios lanzasen unha verdadeira guerra entre Blur e Oasis.
Blur pasou a metade de 1995 traballando no seu novo disco, The Great Escape, e facendo algúns concertos esporádicos. En agosto lánzase o primeiro sinxelo de The Great Escape, da canción "Country House". Por iniciativa da discográfica, o lanzamento de "Country House" foi atrasado nunha semana para coincidir co lanzamento de "Roll With It", o novo sinxelo de Oasis. Blur saíu vencedor da batalla, "Country House" ficou no primeiro lugar nas listas. A Flood e a EMI fixeron unha festa para conmemoraren o feito, pero a "guerra" con Oasis non agradaba á banda, principalmente a Graham Coxon, o que levou a algúns desentendementos internos en Blur.
De feito, cando The Great Escape foi lanzado, a crítica recibiu o disco con moitos eloxios e as vendas foron excelentes. O disco tiña a sonoridade de Parklife levada ás últimas consecuencias, cunha boa produción e a mesma temática, centrada en personaxes irónicas como "Ernold Same", "Dan Abnormal" e "Charmless Man", das cancións do mesmo nome. O disco tamén tiña grandes hits, como "Country House", "The Universal" e a propia "Charmless Man" e ata entón foi o disco con máis éxito de Blur nos Estados Unidos, vendendo preto das 120.000 copias.
No entanto, a estratexia da rivalidade con Oasis foi prexudicial para Blur. Oasis lanzou o seu segundo disco, (What's the Story) Morning Glory? que tivo un maior éxito que The Great Escape. E cando Oasis conquistou os Estados Unidos, vendendo preto de 5 millóns de copias, as comparacións foron inevitables. A partir de aí, o son de Blur pasou a ser tratado como superado, e ninguén vía moito futuro para a banda. A postura da crítica con relación a The Great Escape mudou radicalmente, ata o punto de ser considerado un fracaso (malia ter boas vendas), argumentando que no disco a banda parecía unha parodia de si mesma na preocupación de repetir o fenómeno de Parklife.
En xuño de 1996 eles tocan o último concerto daquel ano en Dublín, Irlanda, onde tocan por vez primeira as cancións "Song 2" e "Chinese Bombs". Eses temas eran un sinal de que Blur se estaba reinventando novamente. As cancións foron compostas despois dun encontro entre Damon e Stephen Malkmus de Pavement. Após o concerto a banda foi a Islandia, onde iniciaron as gravacións do seu quinto disco. Durante o tempo que estiveron en Islandia, a relación entre os integrantes da banda mellorou sensiblemente. En decembro de 1996, Blur volveu a Inglaterra, onde gravou o último tema do novo disco, que foi lanzado en febreiro de 1997.
Tanto o álbum, titulado Blur, como o primeiro sinxelo, "Beetlebum", entraron nas listas como número 1 en febreiro de 1997. En xeral as críticas ao novo son do grupo estiveron divididas, como algúns críticos considerando que Blur perdera o rumbo mentres que outros publicaban que a banda reconquistaba a súa posición como unha das máis innovadoras e orixinais de Inglaterra. Pero o público aínda amosaba unha certa resistencia á mudanza no estilo.
En marzo lanzouse Blur nos Estados Unidos, onde a banda contaba cunha nova discográfica, a Virgin, que se comprometeu máis na promoción da banda que a SBK. "Song 2" foi escollida pola Virgin e pola banda como o primeiro sinxelo no país e foi todo un acerto, facendo da canción un hit e finalmente facendo a Blur coñecido nos Estados Unidos. Despois dunha xira exitosa, a banda parte para outros países como o Xapón e Australia.
No intervalo entre a fin da xira e o reinicio dos traballos do seguinte disco os integrantes de Blur traballaron en proxectos propios. Damon Albarn fixo algúns temas para películas e Graham Coxon lanzou un álbum en solitario, The Sky's Too High.
En 1998 a banda entrou no estudio co produtor William Orbit para gravar o seu novo álbum, 13, que foi número 1 nas listas do Reino Unido. O disco, lanzado en 1999, seguia a mesma liña que o traballo anterior, incorporando algúns elementos de música electrónica, aínda que desta vez máis experimental (a pesar de que o primeiro sinxelo, "Tender", fose o máis pop de Blur nos últimos anos), reafirmando a Blur como unha das máis influentes bandas da actualidade.
Despois de dous sinxelos máis, "Coffee & TV" e "No Distance Left to Run", a banda celebrou os seus 10 anos de carreira cun concerto estadio de Wembley. Rematada a promoción de 13, o grupo tomouse un tempo de descanso e os seus integrantes volveron aos seus proxectos paralelos. Lanzouse o segundo disco de Graham Coxon, The Golden D, e Damon entrou na banda Gorillaz, que acabou tendo un enorme éxito.
No ano 2000 foi lanzado Blur: The Best of, como parte das celebracións dos 10 anos da banda, contendo un tema inédito, "Music is my Radar". En 2001 saíu un novo disco en solitario de Coxon, chamado Crow Sit on Blood Tree. Blur volveu á actividade en 2002 para gravar un novo disco, tendo a Fatboy Slim como produtor.
Ese ano Graham Coxon deixou a banda e lanzou o seu cuarto disco en solitario, The Kiss of the Morning.
O novo disco, Think Tank, foi lanzado no 2003. No lugar de Coxon foi recrutado Simon Tong, antigo guitarrista e teclista de The Verve e que tamén tocaba con Albarn en Gorillaz. Think Tank recibiu moitas críticas negativas, en parte debido á saída de Coxon da banda, que era moi querido polos fans. A pesar das críticas o álbum acadou o número 1 no Reino Unido e conseguiu o posto máis alto de Blur nos Estados Unidos, chegando ao posto 56. Think Tank foi tamén nomeado ao mellor álbum nos BRIT Awards do ano 2004.
A principios do ano 2004 a banda anunciou a gravación dun EP, e xurdiron tamén rumores sobre o regreso de Coxon a Blur. Finalmente ningún destes rumores se fixo realidade. A mediado do 2007 James dixo que a banda se reuniría e gravaría un novo traballo en outubro dese ano, pero ese mesmo mes os membro reuníronse para un almorzo sen intencións de realizaren ningún traballo no futuro.
En decembro do 2008 Albarn e Coxon anunciaron que Blur reuniríase para un concerto en Hyde Park o 3 de xullo do 2009, pero despois de que as entradas se esgotasen en 2 minutos, Blur anunciou unha actuación máis un día antes no mesmo lugar. Unha serie de concertos en xuño foron posteriormente anunciados, sendo todos eles moi ben recibidos.
Blur tamén foi cabeza de cartel nalgúns festivais de verán, coma o Oxegen 2009 en Irlanda e o T in the Park. Esta última actuación perigou despois de que Graham Coxon tivese que ir ao hospital cunha intoxicación alimentaria. Finalmente a banda tocou unha hora e media despois do inicialmente programado. Damon Albarn afirmou durante a actuación que ese sería o seu derradeiro concerto. Alex James tamén dixo que a banda non tiña intención de continuar a reunión.
No mes de xaneiro do 2010 apareceu nos cines No Distance Left to Run, un documental sobre a banda, e un mes máis tarde editado en DVD. En abril Blur editou o seu primeiro sinxelo dende o 2003, "Fool's Day", para o "Record Store Day" nunha edición limitada a 1000 copias en vinilo de 7". Ao día seguinte lanzouse como descarga de balde na súa páxina en Internet. Recentemente o grupo dixo en NME que agardan gravar máis sinxelos, pero non teñen plans para un novo álbum xaque están moi ocupados nos seus proxectos individuais.
En decembro do 2010 No Distance Left To Run foi nomeado a un premio Grammy, sendo esta a primeira vez que un traballo da banda é nomeado para estes galardóns.
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Leisure | 1991 | Food Records |
Modern Life Is Rubbish | 1993 | Food Records, SBK Records |
Parklife | 1994 | Food, SBK |
The Great Escape | 1995 | Food, Virgin Records |
Blur | 1997 | Food |
13 | 1999 | Food, Parlophone |
Think Tank | 2003 | Parlophone |
The Magic Whip | 2015 | Parlophone, Warner Bros. |
The Ballad of Darren | 2023 | Parlophone, Warner Bros. |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.