Remove ads
conxunto de rock británico From Wikipedia, the free encyclopedia
The Rolling Stones é un conxunto de rock británico formado na cidade de Londres no ano 1962. Marcaron o renacemento do rock and roll tralo período de Elvis Presley e ocuparon un lugar importante no redescubrimento do blues negro. Estivo na vangarda das bandas da British Invasion que se fixeron populares nos Estados Unidos dende 1964-1965, e foi unha importante peza da contracultura dos anos 60.
The Rolling Stones | |
---|---|
Orixe | Londres, Inglaterra |
Período | 1962 - presente |
Xénero(s) | rock, pop, blues |
Selo(s) discográfico(s) | Decca, ABKCO, Rolling Stones e Virgin |
Membros | Mick Jagger, Keith Richards, Ron Wood e Charlie Watts |
Antigos membros | Brian Jones, Mick Taylor, Bill Wyman |
Na rede | |
www.RollingStones.com | |
A súa primeira formación estivo composta por Brian Jones na guitarra e na harmónica, Ian Stewart no piano, Mick Jagger nas voces e na harmónica, Keith Richards na guitarra e nos coros, Bill Wyman no baixo e Charlie Watts na batería. Jones deixou a banda un mes antes da súa morte en 1969, e foi substituído por Mick Taylor, que á súa vez sería substituído por Ronnie Wood en 1975. Dende a saída de Wyman en 1993, o baixista Darryl Jones vén colaborando coa banda.
Os seus integrantes máis destacados son o guitarrista Keith Richards e Mick Jagger, cantante e líder do conxunto.
Mick Jagger e Keith Richards foron amigos da infancia e compañeiros de clase en Dartford, Kent ata que a familia de Jagger se mudou a Wilmington[1]. Jagger formou unha banda de garage con Dick Taylor, tocando principalmente temas de Muddy Waters, Chuck Berry, Little Richard, Howlin' Wolf e Bo Diddley. Jagger volveu a reencontrarse con Richards en 1960 na estación de tren de Dartford. Este último levaba uns discos de Chuck Berry and Muddy Waters, e Jagger decatouse de que tiñan un interese común o que os levou a asociarse musicalmente. Richards uniuse a Jagger e Taylor nos seus frecuentes encontros na casa de Jagger. Estes pasaron a realizarse na casa de Taylor a finais de 1961, onde se lles uniron Allen Etherington e Bob Beckwith. Os cinco rapaces adoptaron o nome de Blue Boys[2].
En marzo de 1962, a banda leu sobre o Ealing Jazz Club no xornal Jazz News e visitaron o lugar o 7 de abril. Alí coñeceron a Brian Jones, tocando a slide guitar coa banda seminal de rhythm and blues londiniense Blues Incorporated de Alexis Korner, onde tamén tocaban os futuros membros dos Rolling Stones Ian Stewart e Charlie Watts[3]. Antes de visitar o Ealing Jazz Club, os Blue Boys enviáranlle unha cinta coas súas mellores gravacións a Alexis Korner, quedando este impresionado. Tras reunirse con Korner, Jagger e Richards comezaron a improvisar con Blues Incorporated.
Brian Jones decidira iniciar unha banda pola súa conta, e puxo un anuncio en Jazz News. Ian Stewart atopou un lugar para ensaiar e uniuse a Jones para iniciar un grupo de rhythm and blues tocando blues de Chicago. Pouco despois, Jagger, Taylor e Richards deixaron Blues Incorporated para unirse a Jones e Stewart. Ao primeiro ensaio tamén foron o guitarrista Geoff Bradford e o vocalista Brian Knight, que declinaron unirse á banda citando obxeccións a tocar os temas de Chuck Berry e Bo Diddley preferidos de Jagger e Richards. En xuño de 1962 a súa formación era: Jagger, Jones, Richards, Stewart, Taylor e o batería Tony Chapman. Segundo Richards, Jones bautizou o grupo durante unha chamada de teléfono a Jazz News. Cando lle preguntaron por un nome, Jones viu un LP de Muddy Waters tirado no chan, e un dos seus temas era "Rollin' Stone"[4][5].
Jagger, Richards, Jones, Stewart e Taylor realizaron o seu primeiro concerto co nome de "The Rollin' Stones" o 12 de xullo de 1962 no Marquee Club.[6] Entre o material que tocaron había cancións de blues de Chicago ademais de temas de Chuck Berry e Bo Diddley[7]. O baixista Bill Wyman uniríase en decembro dese ano e o batería Charlie Watts en xaneiro de 1963 para formar a sección rítmica da banda por moitos anos[8][9]. O entón representante do grupo, Giorgio Gomelsky, aseguroulles unha residencia os domingos pola tarde no Crawdaddy Club, que, segundo Gomelsky, provocou un "renacemento internacional do blues" e foi un aspecto fundamental para a aparición do fenómeno Swinging London[10].
The Rolling Stones asinaron co representante Andrew Loog Oldham, un publicista que chegara á banda polos seus anteriores clientes, The Beatles[11]. Debido a que Oldham aínda non era maior de idade (tiña 19 anos e era máis novo que calquera membro do grupo), el non podía conseguir a licenza de axente, ou asinar calquera contrato sen a sinatura da súa nai. Por necesidade uniuse ao axente Eric Easton. Gomelsky non tiña ningún acordo por escrito coa banda e non foi consultado[12]. Oldham fixo varios cambios no grupo. Mudou a ortografía do nome de "The Rollin' Stones" a "The Rolling Stones". Quitou o "s" do apelido de Richards, quedando Keith Richard, dicindo que "parecía máis pop"[13][14]. Oldham tamén botou a Stewart da formación. Wyman dixo que Stewart non encaixaba co molde de Oldham de "rapaces guapos, delgados e de pelo longo". Stewart sería representante, tocando o piano en moitos temas no estudio e en concerto, ata a súa morte en 1985.[15][16]
Decca Records, que rexeitara asinar cos Beatles, ofreceule a The Rolling Stones un contrato con termos moi favorabes.[17] A banda gañaba tres veces máis en royalties que calquera banda nova, tiñan control artístico total sobre as súas gravacións, e eran donos dos masters dos discos.[18][19] O acordo tamén permitía que o grupo usase estudios que non pertencesen a Decca. Regent Sound Studios, unhas instalacións decoradas con caixas de ovos no teito para mellorar o son, converteuse no seu estudio favorito.[20][21] Oldham, que non tiña experiencia en gravacións pero nomeouse a si mesmo produtor da banda, dixo que Regent tiña un son moi axeitado para o grupo.[22] Debido ás baixas taxas de Regent, a banda puido gravar durante longos períodos de tempo en vez de facelo en bloques de tres horas, algo que se facía en case todos os estudios. Todos os temas do primeiro álbum británico de The Rolling Stones foron gravados en Regent.[23][24]
Oldham comparou a independencia dos Rolling Stones coa obriga dos Beatles de gravar nos estudios da EMI, dicindo que iso facíaos parecer "meros mortais... suando no estudi para o home".[25] Oldham promocionou a The Rolling Stones como os opostos desagradables dos Beatles por ter posado os seus membros sen sorrir para o primeiro álbum. Tamén alentou á prensa a que usase titulares provocativos como "Deixarías que a túa filla casase cun Rolling Stone?"[26] Aínda que inicialmente Oldham vestiu á banda traxes uniformes, os membros comezarían a usar roupa de diario para as súas presentacións públicas.[27]
Unha versión do tema de Chuck Berry "Come On" foi o primeiro sinxelo de The Rolling Stones, publicado o 7 de xuño de 1963. A banda rexeitou tocar a canción ao vivo, e Decca mercou só un anuncio para promocionar o sinxelo. Baixo a dirección de Oldham, os membros do club de seareiros mercaron copias nas tendas de discos sondeadas polas listas,[28] axudando a que "Come On" acadase o número 21 das listas británicas de sinxelos.[29] Ter un sinxelo nas listas permitíulle á banda tocar fóra de Londres, empezando por unha actuación no Outlook Club de Middlesbrough o 13 de xullo, onde tocarían con The Hollies.[30] Posteriormente nese ano, Oldham e Easton organizaron a primeira gran xira do grupo no Reino Unido como abreconcertos de artistas estadounidenses como Bo Diddley, Little Richard e The Everly Brothers. Ese outono converteuse no "campo de adestramento" para a posta en escena da banda.[31]
Durante esa xira The Rolling Stones gravaron o segundo sinxelo, unha canción escrita por Lennon–McCartney titulado "I Wanna Be Your Man"; este acadou o número 12 nas listas británica. O seu terceiro sinxelo, o tema de Buddy Holly "Not Fade Away", baseado no estilo de Bo Diddley, publicouse en febreiro de 1964 e chegou ao número 3.
Oldham dixo que había pouco futuro para un grupo que perdía significativos royalties de composición tocando temas de "negros de mediana idade", limitando o seu atractivo a audiencias adolescentes. A instancias de Oldham, Jagger e Richards comezaron a compoñer temas, calificando este aos primeiros como "ñoños e imitativos".[32] Debido a que as tarefas de composición avanzaban lentamente, as cancións do primeiro álbum de The Rolling Stones eran principalmente versións, con só o tema orixinal de Jagger/Richards "Tell Me (You're Coming Back)", e dúas pezas acreditadas a Nanker Phelge, o pseudónimo para as cancións acreditadas a todo o grupo.[33]
A primeira xira estadounidense de The Rolling Stones, celebrada en xuño de 1964, foi, segundo palabras de Bill Wyman, "un desastre". "Cando chegamos, non tiveramos ningún éxito [alí] ou calquera cousa ao noso favor".[34] Cando a banda apareceu no programa de variedades de Dean Martin The Hollywood Palace, Martin burlouse tanto do seu pelo como da súa actuación.[35] Durante a xira gravaron durante dous días nos Chess Studios de Chicago, coñecendo a moitas das súas máis importantes influencias, incluído a Muddy Waters.[36][37] Nesas sesións gravouse o que sería o primeiro número 1 da banda no Reino Unido, a súa versión do tema de Bobby and Shirley Womack "It's All Over Now".[38]
O seu concerto o 8 de agosto de 1964 en Scheveningen, Países Baixos, descontrolouse. A policía antidisturbios rematou coa actuación uns 15 minutos despois de que esta comezase, e os espectadores comezaron a loitar contra os axentes.
Os Stones seguiron a James Brown & The Famous Flames na edición da filmación de The TAMI Show, que amosaba a bandas estadounidenses xunto con artistas da British Invasion. O 25 de outubro o grupo tamén apareceu en The Ed Sullivan Show. Debido ao inicial caos que causou a banda, Sullivan botounos do seu programa,[39] aínda que tiñan reservadas aparicións para anos seguintes.[40] O seu segundo LP, o só editado nos Estados Unidos 12 X 5, publicouse durante esa xira; ao igual que o primeiro, contén principalmente versións, acompañadas dalgunha canción de Jagger/Richards e Nanker Phelge.
O quinto sinxelo británico de The Rolling Stones, unha versión da canción de Willie Dixon "Little Red Rooster" con "Off the Hook" (acreditada a Nanker Phelge) como cara-b, foi publicado en novembro de 1964 e converteuse no seu segundo número 1. A distribuidora estadounidense do grupo, London Records, declinou editar "Little Red Rooster" no país. No mes de decembro London Records lanzaría o primeiro sinxelo da banda con temas orixinais de Jagger/Richards nas dúas caras: "Heart of Stone" con "What a Shame" como cara-b; "Heart of Stone" sería número 19 nos Estados Unidos.[41]
O segundo LP británico da banda, The Rolling Stones No. 2, publicado en xaneiro de 1965, chegaría ao número 1, e a súa versión estadounidense, publicada en febreiro como The Rolling Stones, Now!, acadaría o número 5. O disco foi gravado nos Chess Studios de Chicago e nos RCA Studios dos Ánxeles.[42] Entre xaneiro e febreiro o grupo realizou 34 concertos ante unhas 100.000 persoas en Australia e Nova Zelandia.[43]
A primeira composición de Jagger/Richards en chegar ao número 1 da lista de sinxelos británica sería "The Last Time" (publicada en febreiro de 1965); esta acadaría o número 9 nos Estados Unidos. Posteriormente Richards identificouna como "a ponte no pensamento sobre a forma de compoñer para os Stones. Proporcionounos un nivel de confianza; un camiño de como facelo".[44]
O seu primeiro número 1 internacional foi "(I Can't Get No) Satisfaction", canción gravada en maio de 1965 durante a súa terceira xira norteamericana. Na gravación do riff de guitarra co fuzzbox que conduce o tema, Richards pensárao como unha pista de guía para unha sección de ventos. Oldham editaría "Satisfaction" sen os planeados overdubs de ventos. Publicado nos Estados Unidos en xuño de 1965, o sinxelo pasou catro semanas no primeiro posto das listas, establecendo a The Rolling Stones como unha banda de primeira liña en todo o mundo.[44][45]
A versión estadounidense do disco Out of Our Heads (publicado en xullo de 1965) tamén sería número 1; nel incluíanse sete cancións orixinais (tres de Jagger/Richards e catro acreditadas a Nanker Phelge).[46] O seu segundo sinxelo en ter un número 1 internacional, "Get Off of My Cloud" foi lanzado no outono dese ano, seguido doutro LP estadounidense: December's Children.
Aftermath (número 1 no Reino Unido e 2 nos Estados Unidos) editouse a finais da primavera de 1966, e foi o primeiro álbum de The Rolling Stones en estar totalmente formado por cancións de Jagger/Richards. Neste traballo as contribucións de Jones foron máis alá de contribucións coa guitarra e a harmónica. A "Paint It, Black" engadíulle un sitar, á balada "Lady Jane" un dulcimer, e a "Under My Thumb" marimbas. Aftermath tamén destacou polo tema de case 12 minutos "Goin' Home", a primeira longa improvisación nun exitoso disco de rock & roll.
O éxito dos Stones nas listas de sinxelos británica e estadounidense chegou á súa cima durante 1966. A "19th Nervous Breakdown", editado no mes de febreiro e número 2 en ámbolos dous países, seguiulle o seu primeiro número 1 transatlántico, "Paint It, Black" (lanzado en maio). "Mother's Little Helper" (xuño de 1966) só foi publicado como sinxelo nos Estados Unidos, onde acadou o posto 8; foi unha das primeiras cancións de pop en tratar o tema do abuso de medicamentos. Cabe destacar que Jagger cantaba este tema co seu acento de Londres, en vez de usar o finxido acento do sur dos Estados Unidos.
O sinxelo de setembro de 1966 "Have You Seen Your Mother, Baby, Standing In The Shadow?" (5 no Reino Unido e 9 nos Estados Unidos) destacou en varios aspectos: foi a primeira gravación da banda en contar con metais, a (agora famosa) foto da contraportada da versión estadounidense amosaba aos membros do grupo vestidos satiricamente de mulleres, e a canción estaba acompañada por un dos primeiros vídeos musicais con propósitos comerciais, dirixido por Peter Whitehead.
En xaneiro de 1967 publicouse Between the Buttons (3 no Reino Unido e 2 nos Estados Unidos); o álbum foi o derradeiro traballo de Andrew Oldham como produtor de The Rolling Stones (o seu rol como director da banda fora tomado por Allen Klein en 1965). A versión estadounidense incluía o sinxelo de dobre cara-a "Let's Spend the Night Together" e "Ruby Tuesday", que sería número 1 nese país e 3 no Reino Unido. Cando o grupo foi a Nova York a interpretar os temas en The Ed Sullivan Show, pedíronlles que cambiases a letra do estribillo a "let's spend some time together".[47]
Jagger, Richards e Jones comezaron a ser perseguidos polas autoridades polo seu uso de drogas recreativas a comezos de 1967, despois de que News of the World publicase un artigo en tres partes titulado "Pop Stars and Drugs: Facts That Will Shock You" (Estrelas do pop e drogas: feitos que te sorprenderán). A serie describía festas de LSD organizadas por The Moody Blues ás que asistían grandes estrelas como Pete Townshend de The Who e Ginger Baker de Cream, onde supostamente consumían drogas os principais músicos de pop. O primeiro artigo centrábase en Donovan (que foi detido e acusado pouco despois); o segundo (publicado o 5 de febreiro) falaba de The Rolling Stones.[48]
Un reporteiro que contribuíu á historia pasou unha tarde no exclusivo club de Londres Blaise's, onde un membro da banda supostamente tomou varias tabletas de Benzedrina, amosou un anaco de haxix e invitou os seus compañeiros a ir ao seu piso a fumar. O artigo afirmaba que ese era Mick Jagger, pero o reporteiro trabucouse e estivera escoitando a Brian Jones. Na noite na que o artigo foi publicado Jagger apareceu no programa de Eamonn Andrews e anunciou que ía presentar un recurso por difamación contra o xornal.[48]
Unha semana despois, o domingo 12 de febreiro, a policía de Sussex, alertada por News of the World, que á súa vez fora alertado polo chofer de Richards,[49] irrompeu nunha festa na casa de Richards en Redlands. Non se realizou ningunha detención no momento, pero Jagger, Richards e o seu amigo Robert Fraser (un tratante de arte) foron acusados por un delito relacionado coas drogas. Richards dixo en 2003, "Cando nos arrestaron en Redlands, de súpeto decatámonos de que ese era un xogo totalmente distinto e aí foi cando rematou a diversión. Ata entón fora como se Londres existise nun fermoso espazo onde podias facer todo o que quixeras".[50]
Ó longo da década de 1960 lograron varios éxitos como Satisfaction (considerada unha das cancións emblemáticas do rock de todos os tempos), Under my Thumb, Honky Tonk Women, Sympathy for the Devil. Malia ser un grupo cuxa música oscilaba entre o Rock and Roll, o Blues e o Country, no 1967, do mesmo xeito ca moitas outras bandas, editaron un álbum de Rock Psicodélico chamado Their Satanic Majesties Request, que non obtivo grande éxito.
No 1969 Brian Jones, cuxa saúde estaba moi deteriorada polo consumo excesivo de drogas, abandonou a banda. Foi atopado morto durante o verán dese mesmo ano afogado na súa piscina en circunstancias pouco claras. Substituíuno Mick Taylor, que formara parte da banda de John Mayall. Entre 1967 e 1972 gravaron os seus álbums máis emblemáticos: desde Beggars Banquet a Exile on Main Street, pasando por Sticky Fingers (1971).
Ao longo dos anos 1970 continuaron unha carreira musical onde ó rock and roll, o blues e o country, lles agregaron elementos esporádicos de soul, funk e reggae. Cara a 1974 Mick Taylor abandonou a banda e, para o álbum Black and Blue de 1976, recrutaron a Ron Wood (exmembro de The Faces), logo de seleccionar entre distintos guitarristas, entre eles Jeff Beck e Wayne Perkins. Discos como Some Girls (1978) e Tattoo You (1981) mantivéronos en primeira liña ata unha década dos oitenta marcada por unha longa xira entre 1981 e 1982, discos errados (Undercover) e aventuras en solitario de Jagger e Richards. No 1989 a banda reuniuse para editar Steel Wheels e iniciar unha nova xira mundial. A principios dos noventa Bill Wyman abandonou a banda, o que non impide que se sigan sucedendo periodicamente os discos de estudo (Bridges to Babylon) e xiras por todo o mundo, incluído un concerto no Estadio Municipal de Balaídos de Vigo o 18 de xullo de 1998 ante 35.000 persoas[51]. O seu disco Voodoo Lounge (1994) recibiu un premio Grammy ao mellor álbum de rock. No 2001, Mick Jagger falaba sobre unha nova xira dos Stones e o 3 de setembro, a banda inicia a nova xira mundial "Forty Licks", cunha serie de corenta concertos en quince cidades e que duraría ata febreiro de 2003.
The Rolling Stones continúan activos ata a data e é considerada unha das bandas de Rock máis importantes de todos os tempos.
No 2006 cancelaron todos os seus concertos en España. As explicacións que deron: · Barcelona e Madrid: Richards caeu dun cocoteiro ó que estaba subido e non puido tocar. · Valladolid e El Ejido: Afonía de Jagger. Segundo a prensa local de Valladolid as súas satánicas maxestades asistían a unha festa privada en Madrid na mesma data do concerto suspendido.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.