réxime político de España entre 1931 e 1939 From Wikipedia, the free encyclopedia
A Segunda República Española foi o réxime político democrático que rexeu España entre o 14 de abril de 1931, data da súa proclamación, até o 1 de abril de 1939, data da vitoria definitiva do bando autoproclamado nacional (é dicir, o de quen se sublevaron contra a República os días 17 e 18 de xullo de 1936, chamados así en oposición ao bando leal a ela, o republicano).
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
Himno | Himno de Riego | ||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Lema | «Plus Ultra» | ||||||||
Localización | |||||||||
| |||||||||
Capital | Madrid Barcelona | ||||||||
Poboación | |||||||||
Lingua oficial | lingua castelá | ||||||||
Datos históricos | |||||||||
Precedido por | |||||||||
Creación | 14 de abril de 1931 | ||||||||
Disolución | 1 de abril de 1939 | ||||||||
Sucedido por | Junta de Defensa Nacional (en) | ||||||||
Evento clave
| |||||||||
Organización política | |||||||||
Órgano lexislativo | Congreso dos Deputados de España , (Escano: 350) | ||||||||
Membro de | |||||||||
Moeda | peseta | ||||||||
| |||||
Problemas coa escoita deste ficheiro? Vexa a páxina de axuda. |
Escolléronse como distintivos do Estado os símbolos republicanos adoptados popularmente durante o século XIX. Como bandeira escolleuse a tricolor de tres franxas horizontais, vermella, amarela e morada. O escudo era semellante ó monárquico anterior, aínda que a coroa monárquica foi substituída pola coroa mural. Como himno nacional adoptouse o Himno de Riego, coñecido durante gran parte do século XIX por ser o himno nacional tamén durante o trienio liberal de 1820-1823. Viña a substituír a Marcha Real.
Trala dimisión do ditador Miguel Primo de Rivera, o rei Afonso XIII intentou devolver ó debilitado réxime monárquico a lexitimidade popular. Para iso, o goberno presidido polo almirante Juan Bautista Aznar convocou unha rolda de eleccións, comezando polas municipais para seguir coas xerais. Tendo en conta as circunstancias, as eleccións municipais adquiriron un carácter de plebiscito en prol ou en contra da monarquía.
O 12 de abril de 1931 celebrouse a segunda rolda das eleccións municipais. Aínda que cuantitativamente se saldaron coa vitoria monárquica nas urnas (26.257 concelleiros monárquicos fronte a 24.731 republicanos),[1] cualitativamente o impulso republicano quedou de manifesto ó triunfaren nas grandes cidades (41 das 50 capitais de provincia), é dicir, os núcleos menos vulnerables á influencia do caciquismo e á perversión do sistema electoral de 1907, que impedía a celebración de eleccións cando non houbera listas enfrontadas. Estes resultados colleron de sorpresa tanto a monárquicos coma a republicanos, xa que os monárquicos pensaban que a situación non pasaba de difícil.[2] Juan Bautista Aznar preguntado sobre a posibilidade dunha crise política respondeu:
Que máis crise desexan vostedes que a dun país que se deita monárquico e se ergue republicano?
Así o entendeu a elite monárquica e o propio rei, que constataron a falta de apoio popular á orde estabelecida, renunciaron ó emprego da forza e abriron paso á proclamación da República. Tan só Juan de la Cierva propón erguerse en armas para evitar a quebra da monarquía.[3] De tal xeito o 14 de abril de 1931 fíxose público o seguinte manifesto que ó día seguinte publicou ABC en portada:
As eleccións celebradas o domingo revélanme claramente que non teño hoxe o amor do meu pobo. A miña conciencia dime que ese desvío non será definitivo, porque procurei sempre servir a España, posto o único afán no interese público ata nas máis críticas conxunturas. Un rei pode equivocarse, e sen dúbida errei eu algunha vez;(...). Son o rei de todos os españois, e tamén un español. Acharía medios sobrados para manter as miñas rexias prerrogativas, en eficaz forcexo con quen as combaten. Pero resoltamente quero apartarme de canto sexa lanzar a un compatriota contra outro en fratricida guerra civil.
A II República Española proclamouse finalmente o 14 de abril de 1931: a primeira cidade na que se izou a bandeira tricolor foi Éibar (Guipúscoa), pero no mesmo día imitárona as principais cidades españolas, como Madrid ou Sevilla. En Cataluña, Francesc Macià proclamaba a República Catalá e o Estado catalán como integrante da Federación Ibérica, convidando ós demais pobos de España a unírense en federación.
Pola súa parte, Afonso XIII abandonou o país aconsellado polos seus ministros, sen abdicar formalmente, trasladándose a París, e fixando posteriormente a súa residencia en Roma. En xaneiro de 1941 abdicou en prol do seu terceiro fillo Juan, finando o 28 de febreiro do mesmo ano.
O escritor eibarrés Toribio Echevarría redacta, no seu libro Viaje por el país de los recuerdos (ISBN 84-7173-154-1) a proclamación da Segunda República en Éibar desta maneira:
...e antes das seis da mañá congregárase o pobo na praza que se ía chamar da República, e os concelleiros electos do domingo, pola súa banda, presentándose na Casa Consistorial coa intención de faceren valer a súa investidura desde aquel instante, constituíronse en sesión solemne, acordando por unanimidade proclamaren a República. Acto seguido foi izada a bandeira tricolor no balcón central do concello, e Juan de los Toyos deu conta desde el ó pobo congregado, que a partir daquela hora os españois estabamos vivindo en República.Toribio Echeverría (Viaje por el país de los recuerdos)
Na mesma data da proclamación asume o poder o goberno deseñado no Pacto de San Sebastián. Así pois, este comité revolucionario, presidido polo político ex-monárquico Niceto Alcalá Zamora, convértese no goberno provisorio da República e o seu presidente no xefe do Estado. O mesmo 14 de abril, Niceto Alcalá-Zamora realiza un discurso como presidente provisional da República, emitido por Unión Radio. Nel proclama a Segunda República Española:
En nome de todo o goberno da República española, saúda ao pobo unha voz, a do seu presidente, rendida pola emoción e impulsada polo entusiasmo ante o espectáculo sen igual dunha reacción case imposible de imitar que esta nación deu ao mundo resolvendo o problema da súa revolución latente e cambio indispensable da súa estruturación, no medio dunha orde marabillosa e por vontade e vía perfectamente legais. O Goberno todo, en nome do cal falo, está compenetrado polo seu amor ó país e disposto a resolver os ideais nacionais e ofrece que pronto, moi pronto, axiña que as circunstancias o permitan, ditará o modelo da súa estruturación política. Pero mentres tanto, o Goberno realizará un programa de xustiza social e de reforma administrativa de supresión de inxustiza, depuración de responsabilidades e restablecemento da lei. Dará con todo iso a satisfacción que o pobo arela... O acto do domingo con ser admirable e perfecto, ha ter complemento grandioso co requirimento que onte fixo a opinión ó réxime monárquico para que desapareza e a implantación no día de hoxe da República por un acto de vontade soberana, de iniciativa do país, sen o menor trastorno, completando aquela empresa de tal xeito que o mundo enteiro sentirá e admirará a conduta de España, xa posta noutras mans cunha orde exemplar, que ten que completar a súa eficacia.Asistide ó goberno coa vosa confianza, vixiádeo nos seus actos e, se incorremos en responsabilidade, esixídeas; e co noso amor e coa nosa conciencia prometemos encher todas as vosas aspiracións. Se isto é así, non vos reclamamos o voso aplauso, senón a vosa confianza, para a satisfacción da conciencia de todos nós. A nosa autoridade só pode existir co voso apoio, seguir unidos sen alborotos nas rúas e respectade o dereito de todos; pero vixiade, pois sodes a garda nacional do Goberno que acompaña ó pobo. Procurade que na vosa conduta non haxa nunca a menor protesta que sirva de pretexto para unha reacción contraria e, se ela xurdir, quede afogada.
A normalidade no país é completa, e posesionámosnos sen o menor incidente. O primeiro acto do Goberno foi a concesión dunha ampla e xenerosa amnistía.
Estamos todos seguros de que España goza dun completo amor en todas as rexións, que servirá para facer unha España grande, sen que ningún pobo se sinta oprimido, e reine entre todos eles a confraternidade.
Co corazón no alto dígovos que o Goberno da República non pode dar a todos a felicidade, porque iso non está nas súas mans, pero si o cumprimento do deber, o restablecemento da lei e a conduta inspirada no ben da patria. ¡Viva España e viva a República!Niceto Alcalá-Zamora
Este goberno desenvolveu o seu labor dende o 14 de abril até o 14 de outubro de 1931. O obxectivo principal do goberno provisorio era a convocatoria de eleccións a Cortes constituíntes, mais realizou tamén un importantísimo labor lexislativo, sobre todo no referente á cuestión agraria. As eleccións celebráronse o 28 de xuño e deron de novo o triunfo á alianza republicano-socialista.
Republicanos | Socialistas | Monárquicos | Agrarios | Outros | |
A Coruña | 33 | 1 | 5 | ||
Lugo | 3 | 4 | 21 | ||
Ourense | 7 | 4 | 11 | 1 | |
Pontevedra | 19 | 7 | 1 | ||
Ferrol | 13 | 13 | 7 | ||
Santiago | 19 | 13 | |||
Vigo | 19 | 18 | |||
A prensa da época informou da proclamación da República nas cidades galegas do seguinte xeito:
Nas primeiras horas da tarde comezou a circular a noticia de que se proclamou a República en varias cidades de España, acudindo un gran xentío á praza do Concello ... No Concello atopábase o alcalde monárquico, a quen pediron os republicanos que lles entregase o mando. O alcalde díxolles que carecía de noticias oficiais do cambio de réxime pero que acataba a vontade popular, formulando, con todo, para a súa garantía, a oportuna protesta. Entre tanto o público penetrou no salón de sesións esnaquizando o retrato do Rei, colocando no seu lugar unha artística alegoría da República. Seguidamente izouse a bandeira republicana no balcón central, no medio dunha grande ovación.[Cómpre referencia]Diario ABC
Ás seis da tarde, recibiron os oficiais de Telégrafos desta capital, unha circular do Comité Executivo de Comunicacións, dándolles conta de que naquel momento ondeaba no Ministerio da Gobernación, a bandeira republicana e que se fixo cargo do Poder, o Goberno Provisional da República... Ás nove en punto da noite, izábase no Concello primeiramente, a bandeira republicana e a continuación cubríase coa bandeira galega a coroa real que figura no escudo do seu frontispicio, entre frenéticos aplausos e vivas da multitude.[Cómpre referencia]El Progreso
O bienio republicano-socialista, tamén coñecido como Bienio reformista polas numerosas e importantes reformas feitas, foi o período comprendido entre abril de 1931 e novembro de 1933. Tiña por diante grandes retos como a aprobación da Constitución republicana e dos estatutos de autonomía.
O 14 de xullo de 1931 as Cortes iniciaron as súas sesións baixo a presidencia do socialista Julián Besteiro. No comezo da súa andaina as Cortes referendaron os decretos elaborados polo goberno provisional e crearon unha comisión encargada de redactar a Constitución. O 29 de agosto Luis Jiménez de Asúa presentaba a primeira redacción da Constitución, para posteriormente discutirse artigo por artigo. Os debates parlamentarios foron moi intensos, sobre todo o dos artigos 26-27 (relacionados coas congregacións relixiosas e o seu financiamento) e o 44 (referente á expropiación de terras). As crises derivadas das discusións deste artigos fixeron dimitir ó Presidente do goberno Niceto Alcalá-Zamora, mais este volveu á presidencia animado por Manuel Azaña.
Tras case 4 meses de discusións, o 9 de decembro a Constitución foi aprobada en Cortes con 368 votos a favor, 89 ausencias e ningún voto en contra. O feito de non ser ratificada en referendo popular impediu coñecer o grao de apoio cidadán, e outorgou motivos á dereita para deslexitimala. Algúns artigos da Constitución española de 1931 que caben destacar son:
En resumo, a Constitución era unha carta democrática que superpoñía o poder lexislativo, amparaba unha economía mixta e declaraba o estado como laico.
Trala aprobación da Constitución o 9 de decembro confirmouse a Niceto Alcalá-Zamora como Presidente da República, e o 15 de decembro nomeouse a Manuel Azaña como Presidente do goberno.
No momento da proclamación da República a xerarquía eclesiástica era moi conservadora, mais este enfrontamento entre Igrexa e Estado agravouse trala aprobación da Constitución. Por outra banda os sentimentos dividíanse: a dereita defendía que se mantiveran os privilexios concedidos á Igrexa, mentres que entre algúns republicanos de esquerda e sindicalistas medraba un forte sentimento anti-clerical que se chegou a manifestar en queimas de igrexas.
O goberno neste eido levou á práctica unha política de secularización. A Lei de Confesións e Congregacións relixiosas, sancionada polo presidente da República o 2 de xuño de 1933, agravou a reacción contraria da Igrexa católica. Ó día seguinte de sancionada a Lei o Papa Pío XI daba a coñecer unha carta encíclica contraria á lei.
Entre as medidas tomadas destacan: separación da Igrexa do Estado, a liberdade de cultos, o matrimonio civil, a secularización dos cemiterios, a extinción do orzamento do clero (vixente dende o Concordato de 1851), o divorcio e a prohibición da educación dirixida por eclesiásticos. Expulsouse tamén a Compañía de Xesús, por gardaren tan só[Cómpre referencia] lealdade ó Papa.
Manuel Azaña puxo en marcha a reforma do exército, xa que este tiña un fato de deficiencias na súa estrutura e no material. Emprendeu este labor unha semana despois de asumir o cargo de ministro da Guerra no goberno provisional, e os seus obxectivos eran eliminar o poder político do exército, aumentar a súa eficacia e reducir o número de oficiais. Para trocar esta situación aplicouse a Lei Azaña, que entre as súas medidas incluía: os militares debían xurar fidelidade á República[4] (por decreto do 22 de abril de 1931), reorganización das unidades do exército, supresión da Lei de Xurisdicións, eliminación da Academia Militar de Zaragoza (dirixida por Franco dende 1928)...
Por engadido a República creou unha forza armada leal a ela: a Garda de Asalto.
O goberno da República atopouse cunha alta taxa de analfabetismo (en torno ó 45%) que era preciso diminuír. Así o ensino obrigatorio, laico e gratuíto foi a nova filosofía para tentar formar a cidadáns libres, base sobre a que se quería construír a República.
Para iso o goberno decretou a creación de 7.000 novas prazas de mestre e aumentoulles o salario entre o 15 e o 50 %. Asemade instábase á creación de 7.000 novas escolas.
Outra das medidas destacables foi a creación o 29 de maio das Misións Pedagóxicas que, presididas por Manuel Bartolomé Cossío, levaban a cultura polas vilas e aldeas españolas. A agrupación teatral La Barraca dirixida por Federico García Lorca, representaba tamén obras teatrais polas vilas e aldeas, ás veces adaptadas polo propio Lorca.
A situación do campo cando se proclamou a II República non mudara moito dende os procesos de desamortización realizados no século XIX. A situación era grave, sobre todo para os xornaleiros e os campesiños andaluces e estremeños. Neste eido non coincidían os socialistas e os republicanos. Os republicanos propuñan o repartimento de terras para aumentar a produtividade, mentres que os socialistas propuñan a socialización da terra e a súa explotación colectiva.
Durante o goberno provisional, o ministro de Traballo Francisco Largo Caballero realizou unha serie de medidas para paliar a mala situación do campo. A Lei de bases da reforma agraria foi definitivamente aprobada o 9 de setembro de 1932 por 318 votos a prol, 19 en contra e 120 abstención. Cabo dela tamén se aprobou a Lei de intensificación de cultivos. Para a posta en práctica destas leis foi creado o Instituto de Reforma Agraria (IRA), pero non foi moi efectivo xa que a complexidade das leis e a oposición dos grandes terratenentes latifundistas (que en ocasións deixaron de traballar a terra) fixeron que a concesión de terras ós campesiños fora moi escasa e lenta, o que decepcionou os campesiños, que tanto anceiaran a República. Aínda que en teoría as medidas eran pretensiosas, na práctica o impacto foi leve. Dous anos e medio despois da proclamación da República só cambiaran de mans 45.000 hectáreas en beneficio duns 7.000 campesiños.
Os sindicatos convocaron folgas e o malestar social medraba. Comezaron a ocuparse ilegalmente terras por parte de campesiños desesperados. O suceso máis grave deste tipo sucedeu nun pequeno pobo andaluz chamado Casas Viejas, onde o 10 de xaneiro de 1933 os seus habitantes se sublevaron contra as autoridades. A represión realizada foi durísima: algúns campesiños foron queimados nas casas onde se atrincheraban, outros foron fusilados... Esta represión causou forte conmoción na cidadanía e as dereitas aproveitaron para desprestixiar ó goberno. Pola súa parte, os anarquistas revolucionarios de esquerda decidíronse a derrubar esa República "burguesa" que non respondía ás demandas da cidadanía.
Durante o primeiro bienio tan só foi aprobado o Estatuto de Cataluña. Este pasou ás Cortes tras a súa aprobación case por unanimidade polos representantes dos concellos e ser votada afirmativamente polo 99% dos electores no referendo popular. Nas Cortes o Estatuto foi discutido lenta e arduamente, mais trala intentona de golpe de Estado perpetrada polo xeneral Sanjurjo acelerouse a súa discusión até ser aprobado o 9 de setembro de 1932 por 314 votos en prol e 24 na súa contra. Destaca neste eido o discurso pronunciado polo Presidente do goberno, Manuel Azaña, o 27 de maio de 1932, que axudou a acelerar o debate, e comezaba así:
E por primeira vez no Parlamento español suscítase en toda a súa amplitude, en toda a súa profundidade, o problema dos particularismos locais de España, o problema das aspiracións autonomistas rexionais españolas, non por incidencia dun debate político, non por choque dun partido con outro partido, non a consecuencia ou preparación dun cambio ministerial, como adoitaba suceder, segundo me contaron, noutros tempos, senón diante dun proxecto lexislativo, diante dun texto parlamentario, que aspira, xustamente, a resolver o problema político que está ante nós. (...)Manuel Azaña[5].
Pola súa parte no País Vasco e Navarra as forzas políticas tentaban facer un proxecto estatutario. En xuño de 1931 unha asemblea conformada polos concellos vascos e navarros aprobaron un proxecto de estatuto, mais este foi rexeitado polo goberno republicano xa que se achegaba moito ó tradicionalismo. Xa en 1932 Navarra se desligou do proxecto. En 1933 un novo proxecto foi aprobado pola meirande parte dos concellos de Biscaia e Guipúscoa, pero non polos de Áraba. Sometido a referendo popular foi votado afirmativamente nas provincias de Biscaia e Guipúscoa, mais en Áraba tan só conseguiu o 44% dos votos a favor. Isto non detivo a súa presentación ás Cortes, onde foi paralizada a súa discusión polo goberno radical-cedista.
En Galicia trala chegada da II República diversas institucións loitaron pola consecución da autonomía para Galicia. Mais así e todo moitos dos diversos proxectos elaborados resultaron incompatibles coa Constitución, por consideraren a Galicia como un Estado autónomo dentro da República Federal Española. En 1932, xa estando fundado o Partido Galeguista, por proposición do alcalde de Santiago de Compostela Raimundo López Pol, comeza a elaboración dun estatuto factible para a República. Este foi aprobado nunha asemblea de concellos en decembro de 1932, mais a chegada das dereitas ó goberno paralizou o seu proceso.
A cuestión territorial foi un foco de tensións. O malestar no exército fíxose patente no levantamento militar do xeneral Sanjurjo. Este golpe de estado (coñecido como sanjurjada) produciuse o 10 de agosto de 1932 en Sevilla e resultou un fracaso. Sanjurjo tentou fuxir a Portugal pero foi detido en Huelva.
Por outra banda o fracaso de aplicación da Reforma Agraria creou conflitividade entre a poboación, sobre todo entre os xornaleiros, campesiños e anarquistas. Este malestar deu lugar a disturbios fortemente reprimidos en Casas Viejas, Castilblanco e outros nas chamadas revolucións de xaneiro e decembro de 1933.
Ademais durante todo o bienio reformista as dereitas seguiron un proceso de reorganización. Deste xeito en 1931 Ramiro Ledesma Ramos e Onésimo Redondo fundan as Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista (JONS). Pola súa parte, en 1933, José Antonio Primo de Rivera funda a Falange Española (FE). Estas dúas organizacións fundiranse en 1934 formando a Falange Española de las JONS.
Outros partidos que non cuestionaban a forma de goberno senón a laicidade e a propiedade uníronse para formar a Confederación Española de Derechas Autónomas (CEDA) que dirixía José María Gil Robles. Fundáronse tamén neste período outros partidos autoritarios como Renovación Española liderada por José Calvo Sotelo.
A reorganización das dereitas, unido a crises no goberno debido á represión en Casas Viejas, pola falta de entendemento entre republicanos e socialistas ou polo fracaso electoral nas eleccións municipais de abril de 1933, complicou a situación da coalición. A causa disto Manuel Azaña dimite, tomando o goberno Alejandro Lerroux, que non consegue facerse coa situación, feito que o leva a dimitir. Diego Martínez Barrio, novo presidente do goberno, convoca eleccións xerais para novembro.
As eleccións xerais de novembro deron a vitoria ás dereitas. A distribución de escanos foi a seguinte:
Á vista dos resultados electorais o presidente Niceto Alcalá-Zamora nomeou xefe de goberno a Alejandro Lerroux, que contaba co apoio parlamentario da CEDA. Así deu comezo ó bienio radical-cedista, tamén coñecido como Bienio negro, que foi o período comprendido entre novembro de 1933 e febreiro de 1936.
Alejandro Lerroux, nomeado xefe de goberno, foi o encargado de formar o goberno. No gabinete tan só había membros do Partido Republicano Radical que porén necesitaba o apoio da CEDA. Ese apoio foi condicionado a que as escolas eclesiásticas seguiran activas, que se paralizara a Lei de Congregacións, se revisara a lexislación laboral e se detivera a reforma agraria. Nesta política contrarreformista, de rectificación das reformas do anterior bienio, tamén se encontra a paralización dos estatutos vasco e galego así como a amnistía ós participantes no golpe de estado de José Sanjurjo Sacanell.
A contrarreforma efectuada no agro desfavoreceu ós traballadores do campo, reducindo o seu salario á metade. Ante esta situación a Federación Nacional de Trabajadores de la Tierra, dependente da UGT, convocou unha folga xeral que tivo éxito en Estremadura e parte de Andalucía e Castela-A Mancha. A folga saldouse con 10.000 detidos e preto de 200 concellos socialistas suspendidos.
En Cataluña o goberno central anulou a LLei de contractes de conreu que facilitaba o acceso á propiedade da terra ós arrendatarios dos viñedos. Ricardo Samper, daquela xefe de goberno e que apoiara a lei tivo que dimitir ante a intransixencia das dereitas a esta lei. Ante esta crise as esquerdas clamaban pola disolución das Cortes e a convocatoria de novas eleccións. A CEDA, en troques, aspiraba a entrar no goberno. Desta forma trala dimisión de Samper volve Lerroux á xefatura do goberno, entrando tamén tres membros da CEDA que até entón estaban excluídos do gabinete. A entrada da CEDA produciu a escisión do Partido Republicano Radical pola súa "banda esquerda", encabezada por Diego Martínez Barrio, o cal diminuía aínda máis (19 deputados abandonaron o PRR) o poder do partido, dependendo así máis do apoio da CEDA. Os escindidos fundaron o Partido Radical Democrático, que se fusionaría cos radicais socialistas para formar Unión Republicana.
As esquerdas estaban convencidas de que a CEDA quería tirar abaixo a República polo que o PSOE convocou unha folga xeral revolucionaria que seguiron os partidos de esquerda e centro-esquerda co ánimo de botar abaixo o goberno. O goberno declarou ilegal esta folga e declarou o estado de guerra en toda España. A folga comezou o 5 de outubro cun apoio irregular dos anarquistas e comunistas. A folga tivo éxito nas principais cidades españolas, mais a escasa planificación levou ó fracaso da tentativa revolucionaria.
En Cataluña a folga xeral foi unida ó descontento da esquerda nacionalista pola lentitude das transferencias de competencias conseguidas co estatuto de autonomía. Definitivamente o 6 de outubro o presidente da Generalitat de Cataluña, Lluís Companys, proclama o Estado catalán. Lerroux deu orde de declarar o estado de guerra e esmagar a sedición, mais o xeneral encargado, Domingo Batet, foi máis prudente e disparou con canóns dende a Praza de Sant Jaume con carga oca. O 7 de outubro Companys rendíase. Os membros da Generalitat foron detidos e condenados a distintas penas de cárcere. Así Companys foi condenado a 30 anos de cadea e Manuel Azaña, que se atopaba en Barcelona por casualidade, tamén foi detido e enviado ó buque-prisión Sánchez Barcáiztegui. O estatuto catalán foi suspendido así como a Lei de cultivos. A rebelión catalá custoulle a vida a 8 soldados e 38 civís. As penas de morte ditadas foron conmutadas por vontade de Alcalá Zamora, que lle recordou a Lerroux as amnistías para os participantes na Sanjurjada. Lerroux accedeu, mais coa oposición total da CEDA.
En Asturias e norte de León a situación resultou diferente. A CNT estaba adherida á Alianza Obrera (xunto coa UGT e comunistas), e o comunismo tiña unha forza real. Os folguistas posuían armas e a dinamita das minas asturianas. O 5 de outubro comezaba a sublevación e os folguistas comezaron a ocupar os pobos e vilas da zona. Estableceuse unha unión entre todas as forzas (obreiras, anarquistas, socialistas e comunistas) baixo a consigna UHP (Unión de Hermanos Proletarios). Nas zonas ocupadas organizáronse comunas e os concellos foron substituídos por comités revolucionarios. Suprimiuse o diñeiro e socializáronse os medios de produción. O ministro de Guerra encomendou a misión de sufocar a rebelión ó xeneral Francisco Franco, que estaba ó mando da Lexión e das tropas regulares. A represión foi durísima, realizándose fusilamentos, asasinatos roubos e violacións. O 18 de outubro dábase remate á revolución que foi sufocado con preto de 2.000 mortos, 30.000 detidos e miles de despedimentos. A posteriori ditáronse vinte penas de morte das que foron executadas dúas.
A repercusión foi moi forte. Ó redor de 200 concellos asturianos que estaban controlados por socialistas e republicanos de esquerda pasaron a seren controlados por xestoras. A CEDA aumentou o seu peso no goberno e produciuse unha dereitización do réxime.
A revolución de Asturias provocou un ambiente tensionado na política estatal, mais o goberno de Lerroux non entrou en crise por iso, senón pola conmutación da pena de morte a González Peña por parte de Alcalá-Zamora. A CEDA opúxose e Lerroux tivo que formar novo goberno no que incluíu a cinco da CEDA e só a tres do Partido Republicano Radical. Gil Robles ocupou o Ministerio de guerra, colacando en postos chaves a militares como o xeneral Joaquín Fanjul, Francisco Franco, Manuel Goded ou Emilio Mola. Este novo goberno esqueceuse da política social e outorgou o diñeiro do estado ós "ricos". A finais de 1935 producíronse dous escándalos de corrupción que botaron abaixo o goberno. O primeiro foi o do estraperlo en outubro, que provocou un forte desprestixio de Alejandro Lerroux. Alcalá-Zamora fixo dimitir a Lerroux e encargou formación de novo goberno a Joaquín Chapaprieta, pero ó pouco chegou un novo escándalo de corrupción, o de Tayá-Nombela. Gil Robles retirou o seu apoio a Chapaprieta confiando en ser nomeado o novo encargado de formar goberno. Pero Alcalá-Zamora, temeroso da reacción popular, preferiu un home de centro, Manuel Portela Valladares. Portela Valladares decretou a disolución das Cortes e convocou eleccións para o 16 de febreiro de 1936.
Anteriormante á convocatoria de eleccións os partidos políticos fóranse reorganizando. Os monárquicos e conservadores uníronse no Bloque Nacional de José Calvo Sotelo, que era abertamente contrario á República e á súa Constitución.
Pola súa parte o centro-esquerda e a esquerda republicana uníronse maioritariamente nun pacto asinado o 15 de xaneiro de 1936 na Fronte Popular, que estaba formado por Izquierda Republicana, Unión Republicana, Partido Socialista Obrero Español, Juventudes Socialistas, Partido Comunista de España, Partido Obrero de Unificación Marxista, Partido Sindicalista e a Unión General de Trabajadores.
En Galicia uniuse á Fronte Popular o Partido Galeguista. En Euskadi o Partido Nacionalista Vasco presentouse en solitario. En Cataluña coligáronse Esquerra Republicana de Catalunya, Acció Catalana Republicana, Partit Nacionalista Republicà Català, Unió Socialista de Catalunya, Unió de Rabassaires e pequenos partidos comunistas para formar o Front d'Esquerres.
As eleccións xerais de febreiro deron o triunfo á Fronte Popular. A distribución de escanos foi a seguinte:
Ante o resultado das eleccións a reacción popular non se fixo esperar. A xente corría a liberar os presos do 34 sen agardar á amnistía. O Xefe do Estado Maior Central, xeneral Franco, deulle o apoio do exército a Manuel Portela Valladares para que "non deixara pasar o comunismo". Intentou promover entre algúns militares unha sublevación. Goded tamén tentou sublevar o cuartel da Montaña de Madrid e outros dous xenerais que estiveran en todas as conspiracións contra a República, Joaquín Fanjul e Ángel Rodríguez del Barrio, sondexaron esa posibilidade. Franco non viu o momento maduro e botouse para atrás, aínda que eses días do 17 ó 19 de febreiro estivo máis preto que nunca de dar un golpe militar. Evitouno a firme actitude de Pozas e do xeneral Miguel Núñez de Prado. Portela Valladares decidiu dimitir, polo que Alcalá-Zamora tivo que ordenar a Manuel Azaña que formase goberno. O día 19 de febreiro Azaña forma o goberno no que inclúe tan só a republicanos de esquerda, decidindo non incluír ningún socialista (aínda que Largo Caballero xa vetara a participación do PSOE no novo goberno). Pese ó moderado do novo goberno, as dereitas reaccionaron coma se fosen os mesmos soviéticos os que alcanzasen o poder.
A primeira medida do novo goberno foi a concesión dunha amnistía. Dende o comezo procedeuse a unha restauración das reformas emprendidas no primeiro bienio. Así restaurouse a Generalitat de Cataluña, os concellos socialistas suspendidos dende outubro de 1934 e os concellos vascos suspendidos no verán de 1934. Reactívanse os procesos dos estatutos de autonomía, de tal xeito que o 1 de outubro se aprobaba o Estatuto de Autonomía de Euskadi e en febreiro de 1938[6] o Estatuto de Autonomía de Galicia é admitido a trámite (aínda que non foi discutido nin aprobado).
Reiniciáronse tamén os traballos do Instituto de Reforma Agraria e enviáronse os militares máis proclives ó golpismo lonxe de Madrid.
Volveuse á reforma agraria, movendo máis terra que nunca. Dende marzo até a sublevación militar de xullo distribuíuse moita máis terra que nos 5 anos anteriores (até 7 veces máis, segundo Edward Malefakis). As cifras alcanzaron as 550.000 hectáreas ocupadas, onde se asentaron uns 110.000 campesiños.
A pesar da rapidez do goberno en poñerse "mans á obra", ós obreiros e campesiños non lles era abondo. Pedíronse aumentos salariais, realizáronse folgas e medrou o desemprego. O valor da peseta caeu. O investimento privado decrecía, todo o contrario que o investimento público. Parte deste investimento privado (como o do multimillonario mallorquín Juan March) empregouse en financiar as forzas que levaban conspirando contra a república dende 1932. A inestabilidade e tensión social provocou que algúns partidos políticos comezasen a formar as súas milicias. A Falange Española, decidida a botar abaixo o réxime democrático, comezou a provocar a maior desorde e terror posibles (a dialéctica dos puños e das pistolas). Polas rúas da capital a xente comezou a ir armada para defenderse dos ataques dos adversarios. A Falange Española, que até entón nunca tivera representación institucional e non pasaba duns poucos miles de afiliados, comezou a aumentar a súa afiliación. O partido estaba financiado por Renovación Española, o Banco Vizcaya, Juan March e a Italia fascista.
O 10 de marzo a Falange atentou contra a vida do mestre Luis Jiménez de Asúa, asasinando o policía Jesús Gisbert que o escoltaba. O 14 de marzo, de novo a Falange, atentou contra a vida de Largo Caballero, sen éxito. Pouco despois a Falange Española foi ilegalizada. Pero non por iso deixaba de actuar: asasinaron a Manuel Pedregal Luege, un maxistrado que sentenciara a 30 anos de cárcere a un falanxista que matara a un vendedor de xornais de esquerdas; puxeron unha bomba no desfile conmemorativo do 14 de abril, resultando durante a confusión morto un garda civil a disparos da Garda de Asalto (no enterro deste houbo enfrontamentos entre a Falange e a Garda de Asalto, resultando varios mortos e feridos); asasinaron o xornalista Manuel Andrés en Donostia, ó tamén xornalista Luciano Malumbres en Santander e ó capitán socialista Carlos Faraudo en Madrid; abriron fogo de metralleta no centro de Madrid contra traballadores, matando a 3 e ferindo a 40, o día 16 de abril.
O día 7 de abril Niceto Alcalá-Zamora é destituído coma presidente da República. A proposición redactada por Indalecio Prieto e Manuel Azaña e presentada no Congreso dos deputados o 3 de abril, sinala que non foi necesaria a disolución das Cortes o 7 de xaneiro de 1936, e que, seguindo a Constitución, un presidente non pode disolver as Cortes dúas veces se non é coa aprobación da Cámara (aínda que a verdadeira razón estivera, posiblemente, no fracaso electoral de Alcalá-Zamora á fronte dun partido político, perdendo así a súa autoridade como xefe de estado).[7] A pesar de ter os apoios destes dous políticos no momento da disolución Alcalá-Zamora foi pintado coma demasiado "conservador" e "moderado" para os obxectivos reformistas da República. Como substituto seu foi elixido Manuel Azaña. Indalecio Prieto aspiraba a ser o novo presidente do goberno, pero nunha votación do seu partido a maioría decidiron que o PSOE non entrase no goberno. Manuel Azaña nomeou presidente do goberno a Santiago Casares Quiroga.
Mais os plans conspiradores xa existían dende o inicio do goberno da Fronte Popular. Despois das eleccións de febreiro de 1936, Francisco Franco foi desprazado a Canarias, Goded a Baleares e Emilio Mola a Pamplona (feudo dos requetés). Emilio Mola, xa en Pamplona, preparouse para organizar o levantamento. Entre o 5 e o 12 de marzo reuniuse coa maioría dos militares golpistas. Alí Mola comentou que estaba preparando un levantamento que podería suceder o 19 de abril, mais a conspiración foi descuberta polo PCE, que forzou ó goberno a tomar medidas. Pese a todo seguiuse adiante coa trama golpista. Á cabeza da trama organizada por Emilio Mola tería de estar José Sanjurjo Sacanell.
A esquerda tentou aproximarse ós militares, sobre todo mediante a Unión Militar Republicana Antifascista (UMRA). Un grupo de aproximadamente 200 militares desta organización desprazouse a África coa intención de secuestrar ós xefes golpistas, pero esta operación foi descuberta por Casares Quiroga e desmontada de seguido. Os dirixentes do UMRA reuníronse con Casares Quiroga para avisalo do alzamento previsto para o 16 de xullo e déronlle os nomes dos militares golpistas: Franco, Mola, Goded, Varela, Aranda, Fanjul, Yagüe, García Valiño e Alonso Vega. O presidente do goberno non deu creto a estas afirmacións respondendo que non existía perigo ningún de insurrección.
En xullo de 1936 aconteceron uns importantes sucesos, que se ben non desencadearon o alzamento, si que lles serviu para xustificalo. O 12 de xullo uns falanxistas asasinaron o tenente da Garda de Asalto José Castillo, membro da UMRA. Algúns dos seus compañeiros decidiron vingarse e achegáronse ó domicilio de Antonio Goicoechea, pero ó non atoparse alí foron ó de Gil Robles, que tampouco estaba, e definitivamente ó de José Calvo Sotelo, que foi asasinado a tiros.[8]
Finalmente as ordes definitivas de Mola foron que o exército de África se sublevase ás 5 da mañá do día 18 de xullo e 24 horas máis tarde en toda a península. O exército de África tería que controlar o Marrocos español, e despois ser transportado vía marítima a Andalucía, polo que a frota tamén tiña que se sublevar. Este plan foi descuberto o 17 de xullo en Melilla, pero o comandante xeneral de Melilla non se decidiu a arrestar os oficiais, sendo finalmente el o arrestado, pese ó risco de que os demais conspiradores non estiveran preparados. Así e todo, na noite do 18 de xullo, xa se eliminara a resistencia no Marrocos español.
Francisco Franco dirixiuse a Marrocos dende Canarias no famoso voo no Dragon Rapide, alugado co diñeiro de Juan March, para comandar as tropas regulares.
Para pasar as tropas regulares á península necesitou pedir apoio ás forzas nazis e fascistas, xa que o estreito de Xibraltar estaba controlado polas tripulacións da escuadra republicana, que se amotinaran contra os oficiais rebeldes. Hitler envioulle a Franco unha partida de 20 Junker e 6 cazas Heinkel. O obxectivo de Hitler era que co triunfo dun golpe militar dereitista, Francia perdera un posible aliado. Pola súa banda Mussolini enviou unha escuadrilla de 12 bombardeiros Savoia-Marchetti S.M.81 e 2 buques mercantes con cazas FIAT CR.32.
Pese a todo o apoio á sublevación non foi maioritario entre o exército. Dos 18 xenerais con mando de división, incluídos da Garda Civil e de Carabineros, é dicir, os que controlaban as unidades de intervención máis importantes, unicamente se sublevaron 4: Cabanellas, Queipo de Llano, Goded e Franco e só Cabanellas mandaba tropas na península. Outros dous xenerais de división en situación de dispoñibles que interviñeron na sublevación foron Fanjul e Saliquet. Entre os xenerais de brigada só 14 de 56 apoiaron o golpe de Estado. Os sublevados contaban inicialmente cuns 120.000 homes armados, dos 254.000 que había nese intre na península, nas Illas e en África.[9]
Mais varios factores confluíron para daren superioridade ós alzados e diminuír a eficacio de quen permaneceron leais. Un foi a orde xeral do goberno de desmobilizar os soldados, para minguar forza ós militares rebeldes, que así e todo conseguiu o efecto contrario, xa que moitos deses soldados, naquelas zonas onde fracasou a sublevación se negaron despois a volver ás súas unidades e, baixo o amparo da mobilización revolucionaria e popular, ingresaron nas milicias. Os anarquistas e socialistas, os primeiros en organizar milicias, desconfiaban en gran parte destes xefes e oficiais. Truncábase así dende o comezo o que puido ser o exército republicano.
Para os sublevados era todo diferente xa que, a pesar de o exército peninsular non estar tampouco moi preparado para a guerra, contaban con forzas disciplinadas e organizadas. Sobre todo dispuxeron dende o comezo co exército de África, coa case totalidade dos seus 1.600 xefes e oficiais e dos 40.000 homes baixo seu mando. A súa tropa máis coñecida era a Legión, composta de prófugos, delicuentes e marxinados que eran introducidos no culto á violencia e á virilidade. Ó carón da Legión estaban tamén as Forzas Regulares Indíxenas, composta por mercenarios marroquís e algúns españois.
A sublevación na península non triunfou, mais tampouco foi sufucada debido á ineficacia do goberno. Deuse paso así á Guerra civil española.
Unha vez iniciada a insurrección, algunhas comunidades van ser conquistadas polo bando nacional e van dar apoio ós insurrectos, e vai haber outras que se manteñen en poder da República. España estaba baixo o mando de dous gobernos.
O 4 de setembro de 1936, a presidencia do goberno, pasa ás mans do socialista Largo Caballero, que será sucedido ó ano seguinte por Juan Negrín. Este era tamén socialista e vai continuar ó mando de forma “estable” até a fin da guerra civil no ano 1939, e durante o exilio até o ano 1945. A caída do goberno de Largo Caballero precipitouse tralos enfrontamentos entre os bandos formados principalmente pola CNT e o POUM contra o PSUC. O POUM foi ilegalizado, detidos os seus dirixentes e fusilado o seu líder, Andreu Nin.
A guerra vai ser un conflito que vai estar marcado polo internacionalismo que vai adquirir co intervencionismo dos dous futuros bloques da Segunda guerra mundial.
Entre os feitos da República durante a guerra civil, cabe destacar que o 1 de outubro de 1936, vai ser concedida a autonomía ó País Vasco. O 4 de novembro, un mes despois, a CNT, decide unirse ó goberno de Largo Caballero, a pesar das notables diferenzas que existían entre sindicalistas e socialistas. Estando Madrid baixo asedio o goberno vai trasladarse a Valencia, mentres se forman as Xuntas de Defensa de Madrid encabezadas polo Xeneral Miaja que encarga a organización do Estado Maior a Vicente Rojo.
O 8 de novembro de 1936, é a data da chegada das Brigadas Internacionais, que non abandonarán ata que a guerra estea definitivamente decantada, o 21 de setembro de 1938. O 28 de outubro de 1937, o goberno republicano trasladado a Valencia, mudouse desta vez a Barcelona. O 23 de xaneiro de 1939 a República proclama oficialmente o estado de guerra, tras dous anos e medio de loita. O 28 de febreiro de 1939, o Presidente da República, Manuel Azaña, vai dimitir, mentres que Francia e o Reino Unido xa recoñecían a España de Franco, como xa fixeran anos anteriores os fascistas e nazis.
O goberno republicano tivo que se exiliar definitivamente a Francia entre o 4 e o 12 de marzo, no momento no que o Coronel Segismundo Casado, co apoio entre outros de Julián Besteiro, deu un golpe de Estado contra a República, mentres se albiscaba xa a fin da guerra, que chegou oficialmente o 1 de abril de 1939.
A República Española continuou no exilio coas súas institucións que seguían a representar a legalidade da Constitución de 1931 despois da vitoria dos nacionais na guerra civil española. Estas institucións teñen a súa vixencia entre 1939 e 1977. A sede do goberno no exilio sitúase primeiro en Cidade de México para trasladarse o 8 de febreiro de 1946 a París, Francia.
Por iniciativa da delegación de México na Conferencia de San Francisco das Nacións Unidas, apóiase unha moción de repulsa ó goberno de Franco e recoñécese o goberno no exilio como representante de España. Medida recoñecida pola Conferencia de Potsdam. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas confirma dita moción en febreiro de 1946 e vota en decembro do mesmo ano excluír o seu ingreso ó organismo internacional. En 1950 o goberno de Franco consegue revogar a prohibición de establecer delegacións diplomáticas para posteriormente ingresar na ONU como país membro.
México foi o primeiro país en recoñecer o goberno da República en 1939, tal decisión mantívose até 1977 cando se restablecen relacións diplomáticas con España. Outro estado que recoñeceu até 1977 a II República foi Iugoslavia.
Despois das eleccións do 15 de xuño de 1977, o Presidente da República José Maldonado e Fernando Valera, Presidente do Consello de Ministros, emiten a Declaración de la Presidencia y del Gobierno de la República Española en el Exilio o 21 de xuño de 1977, en París. En dito texto, despois de reafirmar a legalidade institucional emanada da Constitución de 1931 e dos procesos electorais de 1931, 1933 e 1936, declararon: As Institucións da República no exilio poñen así remate á misión histórica que se impuxeran. E quen as mantivo ata hoxe, síntense satisfeitos porque teñen a convición de ter cumprido co seu deber.
Púxose así termo á segunda experiencia republicana na historia do estado español.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.