Remove ads
militar español From Wikipedia, the free encyclopedia
Segismundo Casado López, nado en Nava de la Asunción (Segovia) o 10 de outubro de 1893[1] e finado en Madrid o 18 de decembro de 1968,[2] foi un militar español.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Segismundo Casado López 10 de outubro de 1893 Segovia, España |
Morte | 18 de decembro de 1968 (75 anos) Madrid, España |
Ministro da Guerra | |
5 de marzo de 1939 – 31 de marzo de 1939 ← Juan Negrín | |
Actividade | |
Campo de traballo | Militar e guerra civil española |
Ocupación | militar, oficial, soldado |
Período de actividade | 1908 - 1939 |
Carreira militar | |
Lealdade | Restauración borbónica en España e Segunda República Española |
Rama militar | Exército de Terra de España e Exército Popular da República |
Rango militar | Coronel |
Conflito | guerra civil española |
Malia que durante a Guerra civil española permaneceu fiel á República, na súa etapa final, protagonizou na zona republicana o golpe de estado iniciado o 5 de marzo de 1939, que derrocou ao goberno do socialista Juan Negrín, coa xustificación de que este estaba a facilitar a toma do poder por parte dos comunistas. A seguir, formou o Consello Nacional de Defensa, un goberno xunto con socialistas moderados como Julián Besteiro e republicanos de esquerda e contou co apoio de sectores desencantados do anarquismo, que puxo fin á resistencia do bando republicano rendéndose a Francisco Franco, cuxas tropas puideron ocupar, sen loitar, a rexión Centro-Sur, o derradeiro territorio que permaneceu baixo a autoridade da II República dando remate así á guerra civil española o 1 de abril de 1939.
Na etapa final da guerra, en febreiro de 1939,o goberno de Negrín ascendeuno a xeneral[3] mais, pouco despois, no mes de marzo, o decreto de ascenso foi anulado durante o Consello Nacional de Defensa.[4]
Era fillo de militar[a] e ingresou, con quince anos, na Academia de Cabalaría de Valladolid como cadete. En 1911, foi promovido a segundo tenente[7] e, en 1913, a tenente primeiro[8] e, finalmente, en 1920 ascendeu a tenente.[1] Baseou a súa carreira nos servizos de despacho, cursou estudos de Estado Maior e, durante o pronunciamento de Primo de Rivera permaneceu en rebeldía polo que foi a prisión.[7][9]
Tiña pouca experiencia no campo de batalla pois, aínda que participou na campaña de Marrocos co rango de capitán, só estivera oito meses e fora un período bastante tranquilo.[10] Posteriormente, foi, ascendido a comandante, e en 1935, foi nomeado Xefe da Escolta do Presidente da República, Niceto Alcalá Zamora,[11] cargo creado durante a Segunda República,[12] e que mantivo cando este foi substituído, en 1936, por Manuel Azaña, e que aínda ostentaba cando estalou a guerra civil.
Foi membro da masonaría[13] en concreto da Loxia Conde de Aranda da Gran Loxia Española.[2]
Cando se produciu o golpe de estado de Franco, estaba en Madrid e declarouse leal ao bando republicano. Renunciou ao cargo pouco despois, en agosto de 1936[11] e, a principios de outubro, foi nomeado Xefe de Operacións do Estado Maior. Máis tarde foi director da Escola de Estado Maior e inspector xeral de Cabalaría.[14] En setembro de 1936, no goberno de Largo Caballero, ascendeu a tenente coronel.[9] Entre outubro e novembro de 1936 encargouse da formación e organización das Brigadas Mixtas do Exército Popular Republicano. Participou na defensa de Madrid, na batalla de Jarama[15] e, logo, na batalla de Brunete.[16]
Cando se formou o primeiro goberno do socialista Juan Negrín tras os feitos de maio de 1937, o novo ministro de Defensa, o tamén socialista Indalecio Prieto, elevouno a cargos máis relevantes. Bo organizador e capaz de impor disciplina, era “o tipo de soldado que Prieto quería completar a reorganización do Exército Republicano” para que se asemellase ao máximo a un Exército regular. Así foi nomeado xefe do XVIII e do XXI Corpos do exército e foi un dos comandantes da batalla de Belchite e, a principios de abril de 1938, foi nomeado xefe do Exército de Andalucía.[17][18]
Cando se produciu a crise de marzo-abril de 1938 no Goberno republicano como consecuencia da derrota da batalla de Teruel e o posterior colapso da fronte de Aragón que levaría aos rebeldes a cortar en dúas a zona republicana ao chegar ao mar Mediterráneo por Vinaròs, o tenente coronel Casado púxose ao lado do ministro de Defensa, Indalecio Prieto, quen pensaba que a guerra estaba perdida para a República e que había que buscarlle unha solución negociada. Ademais, tamén apoiou a Prieto na súa oposición ao "proselitismo comunista" dentro do Exército Popular e á promoción dos militares, sobre todo de orixe miliciana, vinculados ao Partido Comunista de España, idea que compartiron boa parte dos militares republicanos profesionais.
Trala saída de Prieto do Goberno e a pesar do seu aliñamento con el, o presidente Negrín nomeou a Casado, o 17 de maio de 1938, recentemente ascendido a coronel, xefe do Exército de Centro, a unidade militar máis importante da zona Centro-Sur. Pero iso non significou que Casado abandonase o seu arraigado anticomunismo, convencido de que Negrín e os comunistas, que trala crise de marzo-abril de 1938 constituíron o principal apoio do presidente do Goberno, foron os impedimentos fundamentais para chegar a un acordo co xeneral Francisco Franco, de xeito semellante ao Convenio de Bergara, que un século antes puxera fin á primeira guerra carlista.[19] Foi neses primeiros meses de 1938, cando os elementos da Quinta Columna fixeron a primeira aproximación a Casado, segundo afirmou, o infiltrado falanxista na CNT, Antonio Bouthelier ao final da guerra.[20]
Tras o novo fracaso republicano da batalla do Ebro, en novembro de 1938, e a posterior caída de Cataluña, o coronel Casado reafirmou a idea de que "entre os militares nos entenderemos" e inicia contactos coa quinta columna franquista en Madrid para negociar a rendición republicana, aínda que era plenamente consciente de que para acadar ese obxectivo tiña que apartar previamente do poder a Negrín e aos comunistas que seguían apostando por “resistir é gañar”.[21] Así, Casado estaba convencido de que a guerra estaba perdida a e da inutilidade de continuar a loita ata o final co conseguinte vano sacrificio de civís e soldados: pensaba que a guerra continuaba só en beneficio da Unión Soviética.
O 15 de xaneiro de 1939 ocorreu o desastre republicano de Villanueva de la Cañada, operación encomendada polo propio Casado ao Primeiro Corpo de Exército co obxectivo teórico de apoderarse de Brunete e Navalcarnero. Casado asegurou ao tenente coronel Luis Barceló que a ofensiva apenas tería complicacións mais, en realidade, as tropas franquistas estaban avisadas e as forzas empregadas por Casado eran apenas 25.000 homes cando o Corpo de Exército Centro-Sur tiña dez veces esa cantidade. O engano de Casado provocou a morte de centos de soldados republicanos en poucas horas (máis de mil segundo o líder comunista Jacinto Barrios, quen cualificou a manobra como "unha auténtica trampa", 900 segundo Manuel Tuñón de Lara).[22] Casado negaría nunha reunión posterior que o inimigo fose informado da operación a pesar de que -como apuntou Luis Romero- "o capitán encargado de redactala mecanografou un exemplar máis para o inimigo". A partir de entón, produciuse a ruptura entre Casado e Barceló, e a convición por parte de sectores leais á República do colaboracionismo de Casado co bando inimigo.[23]
Durante todo o mes de febreiro de 1939, Casado mantivo varios contactos co tenente coronel José Centaño de la Paz -xefe do parque de artillaría número 4 de Madrid e axente encuberto franquista-,[24] durante os cales Centaño presentouse como representante de Francisco Franco e convidouno a entregar o Exército Republicano.[25][26] O 2 de febreiro, nunha reunión cos xenerais Miaja, Matallana e Menéndez, Casado expresou a súa decisión de derrocar o goberno de Negrín e, os xenerais, comprometeron o seu apoio. Ao día seguinte, entrevistouse con Julián Besteiro, que tamén decidiu apoialo pero só para busca-la paz. Igualmente, buscou o apoio dos anarquistas da CNT e a FAI, e viuse respaldado polo líder anarquista Cipriano Mera e o seu IV Corpo de Exército.[27]
O 5 de marzo de 1939, Casado, co falso pretexto de que o presidente Negrín planeaba a toma do poder por parte do PCE, protagonizou un golpe de estado contra o goberno republicano, contando co apoio dos partidos republicanos, da facción "antinegrinista" do PSOE, liderado por Julián Besteiro, dos desencantados dirixentes anarquistas, así como dos dirixentes non comunistas do Exército Popular Republicano.
Así, na noite do 5 ao 6 de marzo de 1939, Casado creou en Madrid o Consello de Defensa Nacional,[28] presidido polo xeneral José Miaja. Pola súa banda, o goberno de Negrín, que levaba reunido desde o pasado 25 de febreiro na granxa El Poblet (cuxo nome en clave era Posición Yuste) na localidade alacantina de Petrel, decidiu fuxir a Francia por temor a ser capturado polas forzas "casadistas". En Madrid, os comunistas mobilizaron ás unidades militares que lles eran fieis para derrotar o golpe. Así, o coronel Luis Barceló, comandante do 1º Corpo do Exército do Centro, rexeitou o golpe no primeiro momento e tentou recuperar o control da capital, conseguindo as súas tropas entrar en Madrid onde se produciron violentos combates. Mais, tamén chegaron dende Guadalaxara tropas anarquistas lideradas por Cipriano Mera e, tras seis días de loita, derrotou as tropas de Barceló fieis ao goberno. O 12 de marzo, remataron os combates cos “casadistas” donos da capital e Barceló e mailos seus oficiais, capturados, foron fusilados.
O golpe de Casado foi xustificado polo xornal El Socialista, controlado polos socialistas "antinegrinistas", como unha vitoria que impedira que a España republicana se convertese nunha colonia soviética. O Consello de Defensa Nacional -presidido polo xeneral Miaja e do que tamén formou parte Julián Besteiro- quixo negociar con Franco a rendición, sobre todo para evitar represalias contra os que loitaran no bando republicano. Porén, non se obtivo resultado ningún, xa que o goberno de Burgos só aceptaba unha rendición incondicional[29] tal e como xa expresara a Lei de Responsabilidades Políticas (promulgada antes do golpe, o 9 de febreiro, e da que, polo tanto, Casado e os seus seguidores xa tiñan coñecemento antes de dar o golpe) que, na práctica, criminalizaba a tódolos partidarios da Fronte Popular e os que serviron á República durante a guerra e antes dela (dende o 1 de outubro de 1934).
Casado declarou a capitulación oficial ás 11 horas da mañá do 29 de marzo de 1939,[30] e, a seguir, as tropas franquistas ocuparon Madrid e o resto do último territorio republicano, a zona Centro-Sur, sen atopar resistencia.
Pouco antes da entrada das tropas rebeldes en Madrid, Segismundo Casado partiu para Valencia e, dende o porto de Gandía, partiu nun barco británico, o HMS Galatea,[9] cara ao exilio en Marsella (Francia), pero non antes de convencer a miles de refuxiados para que marchasen cara Alacant onde, supostamente, os barcos ingleses recolleríanos. En realidade, foi un subterfuxio franquista concentrar e atrapar aos refuxiados: a frota nacionalista impediu que os barcos entrasen no porto de Alacant e creouse unha gran bolsa de refuxiados que caeu en mans dos franquistas. A súa familia, que se refuxiara na embaixada de Panamá, foi capturada polas tropas rebeldes que asaltaron a embaixada.[31]
Posteriormente, a finais de 1939 exiliouse en Gran Bretaña sen poder reunirse coa súa familia. Viviu en Gran Bretaña até 1947 e durante ese tempo, traballou nos noticieiros da BBC[9] co pseudónimo de Juan Padilla,[31] e tivo unha filla que morreu pouco despois, froito dunha relación con Norah Purcell.[9] Despois da Segunda guerra mundial, marchou a traballar a Colombia e, posteriormente, a Venezuela (1947) onde a empresa láctea INDULAC, unha filial de NESTLÉ,[9] o nomeou inspector xeral. En 1951, a súa familia trasladouse de España a Venezuela,[32] a súa muller Carmen Santodomingo e os seus fillos Carmen e Segismundo. Aló, seu fillo, con catorce anos, puido coñecer por fin ao seu pai.[31]
Cando se xubilou da empresa, en 1961, Casado regresou a España coa súa familia, sendo xulgado e posteriormente absolto por un consello de guerra polo delito de "rebelión militar". Intentou que o seu rango militar anterior á Guerra civil fose recoñecido e que se lle permitise reingresar no Exército, mais non tivo éxito ningún. Rexeitado polo franquismo por ter servido voluntariamente á causa republicana, Casado tampouco gozou de simpatías entre o exilio republicano polo seu golpe de estado e pola súa negativa durante a guerra a afiliarse a ningún dos partidos da antiga Fronte Popular.
Morreu dun infarto nun hospital de Madrid, merecendo só unha breve nota na prensa española.[31]
Rafael Sánchez-Guerra, amigo personal de Casado e cómplice seu durante o golpe de Estado, escribiu:
"...Quizais dentro duns anos, cando acouguen os ánimos, cando se calmen as paixóns, cando en España sexa posible a convivencia, a Casado se lle tribute, de dereitas e de esquerdas, a homenaxe de admiración e gratitude que se mereceu. Quixo rematar a guerra de forma pacífica e digna e non o conseguiu pola intransixencia e a soberbia dos vencedores, pero toda España, especialmente a retagarda e a poboación de Madrid, débelle a salvación de moitos momentos de angustia que aínda lles agardaba..."
Os historiadores Ángel Bahamonde e mais Javier Cervera Gil no seu libro Así terminó la Guerra de España publicado en 1999, valórano así:
A lectura atenta do libro autoxustificante do coronel Casado, Así cayó Madrid, publicado en España en 1968, permite achegármonos ao perfil político do personaxe e a certas concepcións militares. Home non vinculado a ningún partido, pero visceralmente anticomunista, de carácter conservador, valorou positivamente a proclamación da República como a posibilidade dun cambio de rumbo positivo para a modernización do país. Podemos consideralo vagamente republicano. Algunhas valoracións que fai dos políticos que coñeceu, ou cos que se relacionaba por motivos profesionais, ofrecen algúns matices dignos de mención. (...) [De Manuel Azaña di que] "o que tiña en exceso de soberbia e de odio faltoulle de tacto e coraxe (...) promotor e principal responsable da guerra civil". (...) Negrín é a verdadeira besta negra de Casado; Non escatima valoracións negativas, bañada sempre nun anticomunismo radical excesivamente simplificado para presentar ao Presidente como un fiel servidor de Moscova: (...) “O doutor Negrín, que se fixo dono da España republicana, ao servizo de Rusia, até o final da guerra... non era un home normal, senón desequilibrado (...) En termos xerais, Casado amosa unha desconfianza moi desenvolvida cara ao mundo dos políticos".(..) "O anticomunismo de Casado faise máis evidente cando se considera a opinión que merecen nel os conselleiros soviéticos. Sempre refírese a eles de xeito despectivo, empregando o termo "conselleiros amigos". (...) Por suposto que a figura do comisario político produce un drástico rexeitamento, porque é un instrumento do Partido comunista dentro do Exército, pero, en termos xerais, porque Casado se opón á idea dun exército politizado. A estas preguntas responde como un militar tradicional, que antepón a concepción clásica dunha disciplina xerárquica á dunha disciplina de motivación ideolóxica".[33]
Quen fora Xefe do Estado Maior Central das Forzas Armadas, o xeneral Vicente Rojo, segundo aparece nos seus papeis persoais, opinaba deste xeito sobre o seu antigo subordinado:
Casado é un home de frases. Casado non serve e nunca serviu ao pobo (...). É o máis político e máis malicioso e temeroso de todos os profesionais que serviron á República.[34]
El socialista Juan Simeón Vidarte ha dejado en sus memorias esta opinión de la actuación de Casado en el final de la guerra:
A cada vez máis acalorada situación internacional suxeriu o inevitable enfrontamento entre Alemaña e Occidente. A República podería salvarse se non se rende. A Negrín, nos seus cálculos, non lle fallou máis que o tempo e a sublevación de Casado. Este era realmente un home de Inglaterra, pero non un dos nosos amigos, dos que tiñamos moitos alí, senón un dos nosos adversarios. Era o home do Partido Conservador Inglés na súa representación máis impropia: Chamberlain. A sedición casadista equipárase historicamente coa dos rebeldes do 18 de xullo, con todas as salvedades que a presenza de Besteiro nela me obriga a sinalar.[35]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.