Remove ads
partido político catalán From Wikipedia, the free encyclopedia
Esquerra Republicana de Catalunya (en galego: Esquerda Republicana de Cataluña), ou ERC, é un partido político catalán fundado en 1931, de ideoloxía progresista, republicana e independentista. Foi o partido de relevantes políticos cataláns como Francesc Macià, Lluís Companys ou Josep Tarradellas. Desenvolveu un importante papel na política catalá e española durante a Segunda República, durante a loita antifranquista e a Transición á democracia.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2014.) |
Esquerra Republicana de Catalunya | |
---|---|
Acrónimo | ERC |
Tipo | partido político catalán |
Ideoloxía | Socialismo democrático, Republicanismo, Independentismo catalán, valores europeus, feminismo e Ecoloxismo |
Data de fundación | 19 de marzo de 1931 |
Presidente/a | Oriol Junqueras (2011-) |
Secretario/a | Marta Rovira e Elisenda Alamany |
Nº de membros | 8.226 (2024) |
Orzamento | 9666007.7 euros, 8350573 euros, 7689932.46 euros, 5495783.85 euros, 4539120.88 euros, 11250475.50 euros e 10124095.96 euros |
Sede | Barcelona |
País | España |
Na rede | |
http://www.esquerra.cat/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Esquerra Republicana de Catalunya | |
---|---|
Partido político de Cataluña, a Comunidade Valenciana e as Illas Baleares (España) e dos Pireneos Orientais (Francia) | |
Dirixentes e organización | |
Líder | Oriol Junqueras (presidente) Marta Rovira (secretaria xeral) |
Mocidades | Joventuts d'Esquerra Republicana de Catalunya |
Filiación internacional | Fédération régions & peuples solidaires |
Historia | |
Fundación | 19 de marzo de 1931 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Independentismo Socialdemocracia Republicanismo |
Representación | |
Representación | 33 deputados no Parlamento de Cataluña 13 deputados no Congreso dos Deputados 2 deputados no Parlamento Europeo |
Outros datos | |
Sede | C/ Calàbria, 166 08015 Barcelona |
Publicación | Esquerra Nacional |
Na rede | |
esquerra.cat | |
O partido conta con 32 escanos no Parlamento de Cataluña, tres no Parlamento español e un (ocupado por Oriol Junqueras) no Parlamento Europeo, no que ERC participa integrada na coalición Europa dos Pobos. En 2014 contaba aproximadamente cuns 10.000 afiliados.[1]
Ademais da súa implantación en Cataluña, ERC posúe representación nas Illas Baleares e no Rosellón francés, así como na Comunidade Valenciana, onde emprega a denominación Esquerra Republicana del País Valencià (ERPV).[2]
O 17 de setembro de 2011, durante o 26º congreso nacional, foi elixido Oriol Junqueras como presidente e Marta Rovira como secretaria nacional.
Nos seus ideais,[3] ERC declárase de esquerdas, favorable á república e á independencia de Cataluña, entendida esta como nación catalá ou Países Cataláns, un conxunto que englobaría tódolos territorios de fala catalá (basicamente as actuais comunidades autónomas de Cataluña, Comunidade Valenciana e Illas Baleares, a Franxa de Aragón, Andorra e Cataluña do Norte (coñecida tamén como a rexión do Rosellón).
ERC propugna a independencia de Cataluña pola vía pacífica. Rexeita a violencia, respecta a Constitución española de 1978, e participa activamente nas institucións políticas co obxectivo de conseguir pola vía democrática o dereito á autodeterminación que permita a independencia de Cataluña.
O partido foi fundado por Jaume Aiguader na Conferència d'Esquerres Catalanes celebrada entre o 17 e o 20 de marzo de 1931 no barrio de Sants (Barcelona), sendo o resultado da unión do Partit Republicà Català de Lluís Companys, Estat Català de Francesc Macià e o grupo L'Opinió (que debe o seu nome ó do semanario homónimo) de Joan Lluhí. Con Macià á testa, gañou as eleccións municipais dese ano, proclamando aquel a República Catalá dentro da federación ibérica, tentando así recuperar as institucións de autogoberno que foron derrogadas polos Decretos de Nueva Planta, promulgados por Filipe V en 1714, os cales relegaran, ademais, a súa lingua e a súa cultura. O goberno español provisional do comité revolucionario tivo que enfrontarse á crise provocada con esta iniciativa e propuxo acelerar o proceso de autonomía que resultou no Estatuto de Autonomía de 1932.
En 1934, Lluís Companys aproveitando a tensión obreira que deriva cara á Revolución de Asturias de 1934, novamente declarou o Estat Català dentro da República Federal Española desafiando ó goberno, quen declarou o estado de guerra e ordenou a intervención do Exército. Companys foi detido e encarcerado, e o goberno autónomo suspendido.
En 1936 Esquerra formou parte da Fronte Popular que gañou as eleccións xerais de febreiro e Companys asumiu novamente o goberno da Generalitat.
O 18 de xullo de 1936 produciuse o golpe de Estado militar que desembocou na guerra civil española, durante a que Esquerra seguiu participando na administración da República e nos poderes democraticamente electos, colaborando tamén co chamado Exército Popular.
En 1939 conclúe a guerra civil co triunfo do bando sublevado, que suspende os partidos políticos e anula tódalas liberdades. En Cataluña suspéndense as institucións autonómicas e prohíbese o uso da lingua catalá. A represión é especialmente dura contra Esquerra Republicana de Catalunya e os seus militantes, pola súa ideoloxía e polas decisións tomadas polos seus líderes tanto durante a Segunda República como durante a guerra civil. «Dos 70.000 militantes (que tiña ERC antes da guerra), a metade exílianse, e unha cuarta parte son aprisionados, executados ou mortos na Guerra Civil» indica a web de ERC na súa páxina de presentación.
ERC pasa á clandestinidade. Algúns dirixentes marchan ó exilio a Francia, onde tamén se instala o goberno da Generalitat no exilio, presidido polo dirixente de ERC Lluís Companys, e outros tentan organizar a resistencia permanecendo en Cataluña, en torno ó liderado de Manuel Juliachs e Jaume Serra.
En 1940 os nazis toman Francia, e a Gestapo detén a Lluís Companys a petición do goberno español. Companys é entregado ás autoridades españolas e o 15 de outubro de 1940 é fusilado no Castelo de Montjuïc de Barcelona.
En 1943, centos de militantes de ERC exiliados en Francia pactan con representantes do xeneral Charles de Gaulle a súa incorporación á Resistencia francesa para combateren o fascismo e loitaren polo restablecemento da democracia e a República en Francia.
En 1945, rematada a segunda guerra mundial, e prevendo unha posible caída do réxime franquista ante unha hipotética entrada en España das forzas aliadas, a dirección de ERC no exilio envía a Cataluña aos líderes Pere Puig e Joan Rodríguez-Papasseit.
Tamén en 1945, unha vez liberada Francia, se reúne un congreso de militantes de ERC en Tolosa baixo a presidencia de Josep Irla, e elíxese a Josep Tarradellas novo secretario xeral do partido.
En 1952 tamén regresa do exilio Heribert Barrera, fillo do conselleiro da Generalitat republicana Martí Barrera, que asume de facto a dirección de ERC.
Nos anos 1950 ERC intégrase ó Consello da Democracia Catalá e ó Consello de Forzas Democráticas. En 1954 dimite Josep Irla como presidente do partido, e Josep Tarradellas é elixido como sucesor. En 1958 falece Josep Irla en Francia. En 1959 Josep Tarradellas é elixido novo presidente da Generalitat de Cataluña no exilio.
O 11 de setembro de 1964, coincidindo coa Diada de Cataluña, ERC lidera xunto a outros grupos clandestinos a organización da primeira manifestación antifranquista que dende a fin da guerra civil ten lugar en Barcelona.
ERC convértese nun dos partidos que, desde a clandestinidade, mostra maior actividade na loita antifranquista en Cataluña. Durante os anos 1960 intégrase sucesivamente no Consello Catalán do Movemento Europeo, o Secretariado da Democracia Social Catalá, e á Coordinadora de Forzas Políticas.
A morte de Francisco Franco o 20 de novembro de 1975 e o acceso á xefatura do estado en España do rei Xoán Carlos I deu paso á Transición española cara á democracia, na que se recuperarían as liberdades, se irían legalizando os partidos políticos e recuperando as institucións democráticas.
ERC foi o último partido catalán en ser legalizado, pese a ser o partido de Josep Tarradellas, unha das figuras da Transición en Cataluña. En xullo de 1976 celébrase o oitavo Congreso Nacional de ERC, no que Heribert Barrera é elixido Secretario Xeral.
O 15 de xuño de 1977 celébranse en España as primeiras Eleccións Constituíntes tras 39 anos de ditadura. ERC aínda non está legalizada por ser partido republicano, e non pode presentarse ás eleccións. Os dirixentes coalíganse con outro partido, e preséntanse coas siglas de "Esquerra de Catalunya-Front Electoral Democràtic", cuxa lista lidera o secretario xeral de ERC Heribert Barrera. O partido é o sexto en número de votos en Cataluña, ó obter 143.945, que representan o 4,72 por cento dos votos, e obtén un escano, que ocupará Heribert Barrera nas Cortes Constituíntes.
O 29 de setembro de 1977, o presidente do goberno Adolfo Suárez, mediante un decreto lei, restablece a Generalitat de Cataluña, que se converte na primeira institución da reforma da legalidade franquista. O presidente da Generalitat no exilio, Josep Tarradellas, volveu do exilio e instalouse en Barcelona o 23 de outubro de 1977, asumindo a presidencia da Generalitat restablecida.
Os parlamentarios cataláns elixidos nas eleccións do 15 de xuño inician entón o proxecto de elaboración do Estatuto de Autonomía de Cataluña. No proceso participa o secretario xeral de ERC Heribert Barrera.
Na discusión sobre a nova Constitución española, ERC defínese como o único partido catalán que reivindica a República e o dereito de autodeterminación dos pobos. Ó non contemplarse estas opcións na Constitución Española de 1978, ERC pide o "Non" no referendo constitucional que se celebra en España o 6 de decembro de 1978.
O 1 de marzo de 1979 celébranse en España as eleccións xerais nas que ERC obtén 123.452 votos que lle dan un escano no Congreso, que volve ocupar Heribert Barrera.
En 1979 celebrouse o referendo sobor o Estatuto de Autonomía de Cataluña, no que Esquerra Republicana de Catalunya pide o "Si".
O 20 de marzo de 1980 celébranse as Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1980, as primeiras eleccións democráticas catalás trala guerra civil. ERC obtivo 240.871 votos que lle valeron catorce escanos no Parlamento de Cataluña. Liderada polo presidente do partido Heribert Barrera, ERC saíu das eleccións como a quinta forza política de Cataluña, pero os votos dos seus catorce parlamentarios foron claves para que o candidato de Convergència i Unió, Jordi Pujol, fose elixido Presidente da Generalitat de Cataluña. Malia ó apoio de ERC á investidura de Pujol, este formou goberno en solitario, prescindindo da posibilidade de incorporar a ningún membro de ERC ó goberno.
Nas Eleccións xerais españolas de 1982, celebradas o 28 de outubro de 1982, ERC obtén 138.118 votos, que lle serven para revalidaren o escano do Congreso.
As Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1984 supuxeron un duro revés para ERC. Pese a que se mantivo como quinta forza do Parlamento de Cataluña, perdeu moitos votos (obtivo só 126.943) que foron a parar a CiU, erixida xa como o partido estandarte do nacionalismo catalán. ERC, liderada por Heribert Barrera, pasou de 14 a 5 escanos, perdendo toda forza parlamentaria, especialmente ante a maioría absoluta obtida por CiU.
O partido entrou entón nunha grave crise, e elixiuse a Joan Hortalà como novo líder do partido.
As Eleccións xerais españolas de 1986, celebradas o 22 de xuño de 1986, supuxeron un novo revés para ERC, xa que perdeu o único escano que tiña e ficou fóra do Congreso dos Deputados, ó obter só 84.628 votos, o 2,67% dos votos emitidos en Cataluña.
A crise prolongouse e confirmou nas Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1988, nos que, con Hortalà como candidato, obtivo 111.647 votos, máis que nas Xerais de dous anos antes, pero menos que nas autonómicas de 1984. Aínda así, a aritmética electoral fixéronlle gañar un escano (6 en total), que lle permitiron seguir como quinta forza política, co apoio de pouco máis do 4 por cento do electorado catalán.
Nas Eleccións xerais españolas de 1989, aínda con Joan Hortalà á fronte, ERC practicamente repetiu os resultados de 1986, ó obteren 84.756, o 2,68% dos votos emitidos en Cataluña, que tampouco lle serviron para recuperaren o escano perdido en 1984.
Foi entón cando ERC iniciou unha rexeneración interna, dando o relevo a unha nova xeración de novos liderados por Àngel Colom i Colom, que foi elixido novo Secretario Xeral do partido no 16º Congreso Nacional de ERC, celebrado en Lleida en novembro de 1989, substituíndo a Joan Hortalà, e superando a Josep Lluís Carod Rovira, que tamén presentara candidatura. Nese congreso apróbase a independencia dos Países Cataláns como obxectivo político do partido.
Àngel Colom iniciou un proceso para aglutinar nas filas de Esquerra a moitos mozos independentistas disgregados en partidos menores e, en moitos casos, máis radicalizados. Foi entón cando, nos primeiros anos de 1990, ERC contribuíu á disolución do grupo terrorista Terra Lliure mediando e ofrecendo a integración nas súas filas ós membros que abandonasen a violencia.
Todos estes cambios deron os seus froitos nas Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1992, que marcaron un cambio en positivo para os intereses de ERC. Co liderado de Àngel Colom i Colom e a xornalista Pilar Rahola, e grazas ó apoio de milleiros de mozos que por vez primeira votaban nunhas eleccións, ERC obtivo 210.366 votos, un 8 por cento, acadando 11 escanos (case o dobre que nas eleccións autonómicas anteriores), pasando a converterse na terceira forza política catalá, con catro escanos máis que Iniciativa per Catalunya e o Partido Popular.
Nas Eleccións xerais españolas de 1993 celebradas o 6 de xuño de 1993, ERC obtivo 189.632 votos e obtivo, por primeira vez desde o restablecemento da democracia, un escano no Congreso dos Deputados, que ocuparía Pilar Rahola.
En decembro de 1993 celébrase o 19º Congreso Nacional de ERC, no que se aproba a vixente Declaración Ideolóxica do partido.
Nas Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1995, ERC mellorou aínda máis os seus resultados. Conseguiu 305.867 votos e pasou de 11 a 13 escanos, aínda que perdeu a condición de terceira forza política en beneficio do Partido Popular, que obtivo 17 escanos.
En 1996 produciuse unha grave crise interna, a consecuencia da cal abandonaron Esquerra os dous líderes do partido Àngel Colom e Pilar Rahola, que fundaron o "Partit per la Independència" co obxectivo de crear outro partido que pugnase con ERC polo voto independentista.
En novembro de 1996 celébrase o 21º Congreso Nacional de ERC. Os militantes escolleron unha nova dirección para o partido, con Josep Lluís Carod-Rovira como novo presidente e Joan Puigcercós como novo secretario xeral. A nova dirección anuncia un cambio de rumbo: non renuncia á independencia de Cataluña, pero deixa de empregar esa idea como único referente. A nova dirección quere situar ó partido como un referente na esquerda catalá, posicionándoo respecto a tódolos temas que ocupan a axenda política e a vida social dos cataláns.
Nas Eleccións xerais españolas de 1996 celebradas o 12 de marzo do ano 1996, ERC obtivo 167.641 votos, e mantivo o escano que tiña no Congreso dos Deputados.
Nas eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1999, liderada por Josep Lluís Carod Rovira, ERC experimentou un lixeiro retroceso respecto á última cita autonómica: obtivo 271.173 votos e perdeu un escano, conseguindo 12 dos 135 da cámara. A boa nova para ERC foi o fracaso do Partit per la Independència de Colom e Rahola, que non obtivo ningún escano e se autodisolveu, co que ERC volveu ser o partido hexemónico da opción independentista catalá.
Nas Eleccións xerais españolas de 2000 celebradas o 12 de marzo do ano 2000, ERC obtivo 194.715 votos, e mantivo o escano que tiña no Congreso dos Deputados Joan Puigcercós.
Nas eleccións municipais da primavera de 2003 ERC dá un gran salto electoral, ó obter 414.000 votos en toda Cataluña (o 12,77% do total), sumando 1.383 concelleiros rexidores e 116 alcaldías.
O 16 de novembro de 2003, nas eleccións ó Parlamento de Cataluña de 2003, ERC logrou 23 representantes, converténdose no "partido bisagra" que definiría a composición do goberno, posto que para obter a maioría os outros partidos estaban obrigados a pactaren con Esquerra. Tras varias semanas en que parecía que pecharía un acordo con CiU (partido conservador e nacionalista), finalmente decantouse por un "pacto progresista" (o chamado Pacto del Tinell) co PSC e ICV-EUiA.
ERC entrou a formar parte do goberno tripartito da Generalitat de Cataluña, presidido polo socialista Pasqual Maragall, asumindo seis consellarías do goberno, entre as que destacaba a do "Conseller en Cap", que ocuparía Josep Lluís Carod-Rovira. As outras cinco consellarías asumidas por ERC foron Educación (Josep Bargalló), Benestar e Familia (Anna Simó), Comercio, Turismo e Consumo (Pere Esteve), Gobernación e Administracións Públicas (Joan Carretero) e Universidades, Investigación e Sociedade da Información (Carles Solà). Ademais, outro dos líderes de ERC, Ernest Benach, foi elixido Presidente do Parlamento de Cataluña.
Unha das tarefas máis relevantes do novo goberno foi o inicio dos trámites para elaborar un novo estatuto de autonomía.
A primeira gran crise do goberno da Generalitat foi provocada pola actuación do líder de Esquerra, Josep Lluís Carod Rovira, que en xaneiro de 2004 mantivo unha reunión secreta con dous líderes de ETA en Perpiñán, sen coñecemento de Maragall, e nun día no que precisamente, a causa dunha viaxe oficial de Maragall ó estranxeiro, Carod-Rovira estaba desempeñando o papel de Presidente da Generalitat en funcións. A publicación da nova no xornal ABC desatou unha grande controversia nos medios e social, e carreou unha grave crise política que se saldou coa destitución de Carod-Rovira como Conselleiro da Generalitat. Carod foi substituído por outro membro de ERC, Josep Bargalló, e ERC continuou a formar parte do goberno. Bargalló, ata entón Conselleiro de Educación, foi substituído nesta consellaría por Marta Cid, tamén de ERC.
No entanto, e ante o que considerou inxustos ataques ó seu líder, ERC decidiu que Carod-Rovira fose a testa de listaxe do partido na candidatura ás eleccións xerais españolas que debían celebrarse o 14 de marzo de 2004. Deste xeito, ERC quixo converter as eleccións nunha especie de plebiscito para que os votantes decidisen se respaldaban ou non a actuación de Carod. O slogan da campaña de ERC foi Parlant la gent s'entèn (en galego, "Falando enténdese a xente").
O resultado de ERC nas eleccións xerais españolas de 2004 foi espectacular. Durante toda a historia democrática recente, Esquerra Republicana nunca acadara máis dun escano no Congreso, pero en marzo de 2004 logrou oito, pasando de 194.715 a 652.196 votos, o seu récord histórico nunhas eleccións dende o retorno da democracia en 1977.
Tralas eleccións do 14 de marzo de 2004, Carod renunciou á súa acta de deputado ó Congreso e foi substituído por Joan Puigcercós, e ERC deu apoio á investidura de José Luis Rodríguez Zapatero como novo Presidente do Goberno español, e deu apoio ó goberno socialista tanto nas votacións presupuestarias como noutros asuntos.
O apoio de ERC ó goberno socialista en Madrid, xunto á súa participación no goberno da Generalitat de Cataluña, foi motivo de duras críticas dende os sectores españolistas. Diversos políticos do Partido Popular, como Ángel Acebes ou Eduardo Zaplana, acusaron a Zapatero de estar sometido á "chantaxe independentista" de ERC. Diversos medios de comunicación como El Mundo ou a canle de radio COPE, foron especialmente duros cos dirixentes de ERC, o que lles valeu diversas querelas, a causa de diversas polémicas, como as conversas de Carod Rovira coa banda terrorista ETA, ou a burla verbo da Paixón de Xesucristo ocorrida nunha viaxe oficial dos líderes do goberno catalán a Israel. Malia todo, o goberno socialista seguiu contando co apoio de ERC en Madrid, e o partido seguiu formando parte do goberno tripartito da Generalitat de Cataluña.
O 10 de xuño de 2005 faleceu Pere Esteve, militante de ERC que ocupaba o cargo de Conselleiro de Comercio, Turismo e Consumo da Generalitat de Cataluña. ERC substituíuno na consellaría por Jaume Huguet.
O 30 de setembro de 2005, o Parlamento de Cataluña aprobou o texto do novo proxecto de Estatuto de Cataluña, cos votos a favor de ERC.
Trala súa aprobación no Parlamento catalán, o proxecto do novo estatuto sería remitido ás Cortes españolas para a súa aprobación. As modificacións que sufriría o texto serían motivo de constantes polémicas, e acabarían desencadeando a crise entre ERC e os seus socios de goberno na Generalitat. ERC considerou que o proxecto final de Estatuto aprobado no Congreso dos Deputados estaba demasiado recortado respecto ó aprobado polo Parlamento de Cataluña o 30 de setembro de 2005. Por iso, a postura de ERC respecto ó proxecto final de estatuto foi cambiando a medida que se acercou a data do referendo.
O 18 de febreiro de 2006, ERC incentivou a participación cidadá a unha manifestación convocada en Barcelona por unha plataforma de entidades que, so o lema Som una nació, tenim dret a decidir (en galego "Somos unha nación, temos dereito a decidirmos"), reivindicaba que a versión final do Estatuto recoñecese a Cataluña como unha nación, tal e como se recollía no texto do Estatuto aprobado polo Parlamento de Cataluña o 30 de setembro de 2005. A manifestación reuniu a entre 500.000 e 1 000 000 de persoas segundo diversas fontes, e os dirixentes de ERC, que asistiron á manifestación, comprometéronse a non apoiar un Estatuto que non recoñecese de forma explícita que Cataluña é unha nación.
Alén disto, a dirección de ERC entendía que non podía votar a favor do proxecto final de Estatuto porque o capítulo relativo ó financiamento non era positivo dabondo para Cataluña, e que non se cedía á Generalitat a xestión de infraestruturas como o aeroporto do Prat.
O 20 de abril de 2006, o presidente da Generalitat Pasqual Maragall anunciou unha crise de goberno que supuxo o cambio de seis conselleiros no goberno da Generalitat. Dos seis conselleiros substituídos, dous eran de ERC. Consonte ó pacto establecido entre os tres partidos que gobernan en coalición, Maragall indicou os conselleiros que quería cesar, e ERC indicoulle os políticos do seu partido que lles substituirían. Así, Xavier Vendrell substituíu a Joan Carretero coma conselleiro de Gobernación e Administracións Públicas, e Manel Balcells substituíu a Carles Solà coma conselleiro de Universidades, Investigación e Sociedade da Información.
Namentres, o debate sobre a postura de ERC respecto ó novo Estatut de Cataluña de 2006, continuou a ocupar a actividade do partido. Tras un amplo debate entre os seus dirixentes, a dirección de ERC propuxo ós seus militantes que o partido postulase o voto nulo na campaña polo referendo: non querían votar a favor dun Estatuto que consideraban "recortado", pero tampouco querían votar en contra dun texto que contribuíran a elaborar, e co que estaban de acordo "nun 85 por cento" segundo declaracións do propio Carod Rovira. Pero os militantes do partido, reunidos en asemblea extraordinaria, desouviron a proposta da dirección e forzaron a que o partido se posicionara polo "Non".
O 11 de maio de 2006, un día despois da aprobación no Senado (coa abstención de ERC) do proxecto de novo Estatuto, tódolos conselleiros de ERC da Generalitat de Cataluña foron destituídos polo Presidente, Pasqual Maragall, tralo anuncio de ERC de votar na súa contra no referendo a celebrar o 18 de xuño de 2006. ERC, como forma de protesta, retirou a tódolos altos cargos do seu partido que ocupaban postos de responsabilidade na administración catalá, que dimitiron voluntariamente. Os seis conselleiros cesados de ERC foron substituídos por políticos do PSC. Esta ruptura do Pacto do Tinell provocou unha crise política que obrigou ó presidente da Generalitat, Pasqual Maragall, a anunciar que unha vez celebrado o referendo estatutario, disolvería o Parlamento e convocaría de forma adiantada eleccións ó Parlamento de Cataluña para antes de finais de 2006.
Finalmente, ERC pediu o "Non" na campaña electoral do Referendo sobre o novo Estatut. O slogan da súa campaña foi Ara toca no: Catalunya mereix més (en galego, "Agora toca non: Cataluña merece máis").
O 18 de xuño de 2006 celebrouse o Referendo, no que o texto foi aprobado co 73,90% dos votos a favor. O "Non" solicitado por ERC (e polo PP) só obtivo un 20,76% dos votos. A mesma noite, Josep Lluís Carod-Rovira recoñeceu a derrota da proposta de Esquerra, e manifestou que o partido debería facer autocrítica para aprender dos erros cometidos.
Ano | Eleccións | Candidato | Votos | % de votos | Escanos | Posición |
---|---|---|---|---|---|---|
1980 | Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1980 | Heribert Barrera | 240.871 | 8.87% | 14 | 5 |
1984 | Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1984 | Heribert Barrera | 126.943 | 4,41% | 5 | 5 |
1988 | Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1988 | Joan Hortalà | 111.647 | 4,14% | 6 | 5 |
1992 | Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1992 | Àngel Colom | 210.366 | 7.96% | 11 | 3 |
1995 | Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1995 | Àngel Colom | 305.867 | 9.49% | 13 | 4 |
1999 | Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 1999 | Josep Lluís Carod Rovira | 271.173 | 8.67% | 12 | 4 |
2003 | Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 2003 | Josep Lluís Carod Rovira | 544.324 | 16.5% | 23 | 3 |
2006 | Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 2006 | Josep Lluís Carod Rovira | 416.355 | 14.0% | 21 | 3 |
2010 | Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 2010 | Joan Puigcercós | 218.046 | 7.0% | 10 | 5 |
2012 | Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 2012 | Oriol Junqueras | 496.292 | 13.7% | 21 | 2 |
2015 | Eleccións ó Parlamento de Cataluña de 2015 | - | - | - | 20 | 1 |
2017 | Eleccións ó parlamento de Cataluña de 2017 | Oriol Junqueras | 929.407 | 21,39% | 32 | 3 |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.