From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Decretos de Nueva Planta son un conxunto de decretos asinados polo rei Filipe V despois da Guerra de Sucesión, en virtude dos cales se abolían os Foros e Constitucións dos territorios da Coroa de Aragón e se cambiaba a organización territorial da Monarquía Hispánica. Formalmente son unha serie de Cédulas Reais que estableceron unha «nova planta» das Reais Audiencias dos territorios da Coroa de Aragón e da Coroa de Castela. Todos eles veñen precedidos dunha abolición das institucións propias:
Los corregidores pondrán el mayor cuidado en introducir la lengua castellana, a cuyo fin darán las providencias más templadas y disimuladas para que se consiga el efecto deseado sin que se note el cuidado
O 13 de abril de 1711 promulgouse un segundo decreto en Aragón que restablecía parte do dereito aragonés e regulaba unha nova organización da Audiencia de Zaragoza. A primeira reivindicación da Coroa de Aragón respecto á situación anterior á Nueva Planta foi o memorial de agravios denominado Representació (1760). Os Decretos de Nueva Planta significaron a fin das institucións propias dos países da Coroa de Aragón, se ben xa foran perdendo a súa influencia real durante os sucesivos reinados da Casa de Habsburgo[3].
A ocupación militar da Coroa de Aragón e a consecuente aplicación dos Decretos de Nueva Planta representaron a aplicación dos plans do Memorial Secreto de Gaspar de Guzmán, conde-duque de Olivares, ao rei, para "reducir estes reinos de qué se compone España al estilo y leyes de Castilla sin ninguna diferencia" (1625). Cos Decretos de Nueva Planta, o primeiro rei da casa de Borbón seguiu, por outra banda, a política aplicada a Cataluña do Norte polos seus antepasados desde o Tratado dos Pireneos e a concepción absolutista do poder da monarquía.
Os Decretos de Nueva Planta tiveron en común a desaparición das características propias da estrutura da Coroa de Aragón primeiro, e a Monarquía Hispánica despois, é dicir, a monarquía composta: un rei reinante sobre diferentes reinos, dado que estes reinos desapareceron sometidos ás institucións, leis e autoridades dun deles, o de Castela, se ben continuaron existindo aínda que non nominalmente.
Cos Decretos de Nueva Planta tamén desapareceu o sistema de relacións políticas propio da Coroa de Aragón: a soberanía compartida entre a monarquía e os estamentos, exercida a través das Cortes e da aplicación das Constitucións e privilexios, mesmo no caso do Reino de Mallorca, en que o Gran i General Consell tiña competencias propias das Cortes que este reino non tiña.
Os Decretos de Nueva Planta supuxeron a morte xurídica dos territorios da Coroa de Aragón como entidades con personalidade propia porque quedaron sumidos dentro do maremagnum castelanizante e provocaron o debilitamento da conciencia nacional. Así mesmo, non só se conseguiu a desaparición das estruturas políticas peculiares e propias destes países, senón que empezou a batalla política contra o catalán a todos os niveis, incluída a Igrexa, chegando ao feito de que en 1730 o arcebispo Mayoral ordenou aos seus reitores que castelanizasen nomes e apelidos nos rexistros parroquiais.
Á fin e ao cabo supuxo a perda da capacidade lexislativa e do control económico, fiscal, xudicial, aduaneiro e monetario propio e a dependencia dos aparatos políticos casteláns, á parte de impor a autoridade real por riba da legal[4].
Estes decretos toman Francia como modelo político e ao mesmo tempo establecen que estes territorios pasarán a ser rexidos segundo as leis e os costumes de Castela; son consecuencia da visión absolutista e centralista do monarca, collendo como motivo o castigo á Coroa de Aragón polo seu apoio ao Arquiduque Carlos de Austria.
Con estes decretos empezouse a configurar definitivamente o Estado Español tal e como se coñece na actualidade, como un estado unitario tanto a efectos políticos como administrativos, xa que até entón España só era un conxunto de diversos países nos cales, dende os reis Católicos, reinaba o mesmo monarca. O seguinte momento e definitivo sería a década de 1830, coa creación do estado-nación español polo liberalismo centralista.
O decreto de Nueva Planta do Reino de Valencia e Aragón significou a fin de todo o sistema lexislativo e político valenciano e aragonés: os foros de València e de Aragón e as Cortes Valencianas e as de Aragón foron substituídos polas leis e o réxime político de Castela. Os funcionarios empezáronse a nomear dende Madrid, o valenciano foi prohibido como lingua da administración, do ensino e da predicación. A diferenza doutros territorios da Coroa de Aragón, no caso valenciano, aboliuse mesmo o dereito civil. Aragón tamén perdeu as súas leis e a lingua. Naquel momento o aragonés xa se encontraba nun adiantado proceso de asimilación polo castelán na parte sur do reino e nas bisbarras interiores do País Valencià, ata entón de fala aragonesa.
O Estado Central organizouse en provincias gobernadas por un Capitán Xeneral e unha audiencia, encargados da administración. Para a administración económica e financeira establecéronse as intendencias provinciais, seguindo o modelo francés, que levaron consigo a aparición da figura dos intendentes.
Para o Goberno Central creáronse as secretarías de Estado, orixe dos actuais ministerios, que eran ocupadas por funcionarios designados polo rei. O sistema de Consellos dos reis da casa de Habsburgo foi abolido, agás o Consello de Castela, que centralizou o poder e onde a Coroa de Aragón en conxunto tivo menos representación que Galicia, Asturias e Navarra por separado. Creáronse tamén unhas Cortes únicas para todo o territorio, con sede en Madrid. Estas Cortes remarcaban a unidade e o centralismo pero non tiñan poder ante o poder absoluto do rei Borbón.
O Decreto de Nueva Planta prohibe o uso da lingua catalá á administración de xustiza de Cataluña: "As causas na Real Audiencia tramitaranse en lingua castelá"[5].
Instrución secreta redactada polo Abade de Vivanco, secretario do Consello de Castela, dirixida aos corrixidores de Cataluña: Porá os maiores esforzos para introducir a lingua Castelá, coa finalidade de dar as providencias máis mornas, e disimuladas para que se consiga o efecto sen que se noten os esforzos[6].
Non se aboliu en todos os reinos todo o dereito foral, dado que nalgúns, como o de Mallorca, se aboliu só o dereito político e administrativo e non o penal, o procesual nin o privado. No caso do reino de Aragón, onde houbo dous Decretos de Nueva Planta (en 1707 e 1710), co segundo restaurouse o dereito privado que se abolira co primeiro. Tampouco perdeu o dereito privado o Principado de Cataluña. Así que, tan só perdeu este dereito o reino de Valencia xunto con todos os outros dereitos.
De feito, o artigo 42 do Decreto para o Principado de Cataluña di textualmente: "En todo o que non estea nos capítulos precedentes deste decreto, obsérvanse as constitucións que antes había en Cataluña; entendéndose, que son de novo establecidas por este decreto, e que teñen a mesma forza e vigor que o individual manado del"[7]. Isto significou a prevalencia do Dereito Civil Catalán, pois no capítulos anteriores non se fala en absoluto deste[8].
O decreto de Nueva Planta de Cataluña abolía a Deputación do Xeneral, as Cortes Catalás, o Consell de Cent etc. Substituía ao vicerrei por un capitán xeneral, dividía Cataluña en correxementos, como en Castela, e desaparecían as tradicionais vigairías. Establecíase o catastro, para gravar propiedades urbanas e rurais, e os beneficios do traballo, o comercio e a industria. Igualmente, o castelán pasaba a ser lingua oficial, especialmente da escola e os xulgados. Tamén se pecharon as universidades catalás, que deran apoio ao Arquiduque Carlos de Austria, e creábase a Universidade de Cervera.
O decreto de Nueva Planta de Mallorca e as Pitiusas (de acordo co Tratado de Utrecht, despois da Guerra de Sucesión, Menorca pasou a depender da Coroa Británica) abolía todas as institucións mallorquinas, como o Gran i General Consell. Ademais implantouse o nome romano de Palma na cidade de Mallorca.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.