Epixenética
From Wikipedia, the free encyclopedia
A epixenética é, nun sentido amplo, o estudo dos factores non xenéticos que interveñen na determinación do desenvolvemento dun organismo, desde o cigoto ata a forma adulta e a senescencia. Máis especificamente, en xenética, a epixenética é o estudo da regulación herdable da expresión xénica ou fenotipo celular causada por factores que non provocan cambios na secuencia de nucleótidos do ADN. Dese feito procede o nome desta disciplina: epi- (do grego επί, encima) -xenética. O termo foi acuñado por C. H. Waddington para referirse ao estudo das interaccións entre os xenes e o ambiente que se producen nos organismos.[1] Os factores epixenéticos causan modificación relevantes de tipo funcional no xenoma, pero sempre sen afectar á secuencia nucleotídica. Estes factores non xenéticos fan que os xenes do organismo se comporten (ou "se expresen") de forma diferente.[2] Exemplos destes cambios son a metilación do ADN e a modificación de histonas, que regulan a expresión xenética de xenes que non sufriron cambios na súa secuencia. Ademais, hai probas concluíntes de que estes cambios son herdables, é dicir, pasan de pais a fillos, xa que poden permanecer na célula despois de experimentar sucesivas mitoses e perdurar durante moitas xeracións.[3]
Un exemplo de cambio epixenético en eucariotas é a regulación da diferenciación celular. Durante a morfoxénese, e sen que basicamente cambie a secuencia xénica, as células nai ou troncais totipotentes orixinan varias liñas pluripotentes no embrión, que á súa vez se converten en células completamente diferenciadas. Deste modo, un cigoto dá lugar a moitos tipos celulares, como neuronas, células musculares, epiteliais, endoteliais etc. a medida que se divide por mitose, e se activan uns xenes e desactivan outros.[4]
En 2011, demostrouse que a metilación do ARN mensaxeiro ten un papel fundamental na homeostase enerxética do organismo. Na obesidade asociada ao xene FTO está implicada a desmetilación da N6-metiladenosina no ARN. Isto abre unha grande expectativa no campo da epixenética do ARN.[5][6]
Recentes estudos sobre irmáns xemelgos tanto monocigóticos coma dicigóticos proporcionaron tamén evidencias de influencia epixenética nos humanos.[7][8][9]