Yersinia

xénero de bacterias From Wikipedia, the free encyclopedia

Yersinia

Yersinia é un xénero de bacterias da familia Enterobacteriaceae. As Yersinia son bacilos gramnegativos de poucos microns de longo e menos dun micron de largo, anaerobios facultativos.[1] Algúns membros de Yersinia son patóxenos humanos, especialmente Y. pestis, que é o axente causante da peste bubónica. Os roedores son os reservorios naturais das Yersinia; máis raramente poden servirlles de hóspedes outros mamíferos. A infección pode producirse por vía sanguínea (no caso de Y. pestis) ou polos alimentos, polo consumo de alimentos (especialmente vexetais, lácteros e carne) contaminados con urina ou feces infectadas.

Máis información Clasificación científica, Especies ...
Yersinia
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Gammaproteobacteria
Orde: Enterobacteriales
Familia: Enterobacteriaceae
Xénero: Yersinia
van Loghem, 1944
Especies

Y. aldovae
Y. aleksiciae
Y. bercovieri
Y. enterocolitica
Y. frederiksenii
Y. intermedia
Y. kristensenii
Y. mollaretii
Y. pestis
Y. pseudotuberculosis
Y. rohdei
Y. ruckeri

Pechar

Fisioloxía microbiana

Unha característica peculiar dalgunhas bacterias Yersinia é a súa capacidade de sobrevivir e mesmo proliferar a temperaturas baixas de entre 1 e 4 graos Celsius (por exemplo en produtos vexetais mantidos no refrixerador). Non mostran especial resistencia á calor. Yersinia é inactivado relativamente axiña por axentes oxidantes como o peróxido de hidróxeno e solucións de permanganato potásico.

Patoxénese

Y. pestis é o axente causante da peste bubónica (ou das súas formas pneumónica e septicémica).

Y. enterocolitica causa unha enfermidade chamada yersiniose, que é unha enterocolite con diarrea e linfoadenoma dos nódulos mesentéricos, que pode ser confundida coa apendicite, e que afecta a humanos e animais.

Y. pseudotuberculosis é menos patoxénica e causa en animais unha enfermidade con síntomas parecidos aos da tuberculose, incluíndo necrose de tecidos localizados e granulomas no bazo, fígado e ganglios linfáticos. Nos humanos causa a febre escarlata do Oriente asiático (similar aos síntomas producidos por Y. enterocolitica, pero sen diarrea) ou, en nenos, síntomas parecidos aos da apendicite.[2]

Yersinia é un dos axentes que causa a artrite reactiva en todo o mundo.[3]

Historia

Véxase tamén: Taxonomía bacteriana.

Yersinia pestis foi a primeira especie descrita do xénero, en 1894 polo bacteriólogo suízo A.E.J. Yersin e polo bacteriólogo xaponés Kitasato Shibasaburō, aínda que inicialmente á bacteria non se lle chamou así.[4] Lehmann and Neumann denominárona en 1896 Pasteurella pestis (coñecida como bacilo da peste).[4][5] En 1944, van Loghem reclasificou as especies P. pestis e P. rondentium no novo xénero Yersinia.[4][5][6] Despois da introdución do Código Bacteriolóxico, o xénero foi aceptado como válido en 1980.[5]

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.